A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘literatura infantil’

Tras, tras, cucutrás

En AlfabetizArte,ContArte o 29/05/2012 ás 06:55

Un libro dos que sempre botamos man é de “Tras, tras, cucutrás“, de Juan Clemente e Aitana Carrasco en Factoría K de libros, 2010, para divertirnos coa pronuncia, coa rima, coa linguaxe , coas palabras e coa súa sonoridade.

“Pito pato, pato pito,
pita pata, para atrás.
Barro borra, barre burra
barra arriba, Barrabás.
Tole tole, paparrucha,
ringo rango, sasasfrás.
Tristre trasto, cucufate,
picaporte, Don Tomás”.

Os 28 poemas de “Tras, tras, cucutrás” son a materialización sonora e literaria da diversión; representan a dimensión lúdica do verso, ; compoñen un divertimento de rimas en hábil equilibrio.

Letras e sílabas agrúpanse nunha simpática compaña para dar lugar a palabras surrealistas e sin sentido, cando non son as propias palabras as que adquiren significados exóticos.

A arte de contar contos

En ContArte o 04/05/2012 ás 06:56

Onde aprendemos os mestres a ler e a contar contos?

Isto debería ser un contido fundamental na formación inicial dos docentes; pola contra, cadaquén, con maior o menor fortuna vai aprendendo como pode, aproveitando as súas cualidades e experiencias de ter asistido a sesións de contacontos.

Non é nada doado engaiolar aos nenos/as, logrando que se metan dentro da historia que se está narrando -ou lendo-, emporiso hai certas habilidades, técnicas e estratexias que todo o mundo debería practicar, para non converter este momento máxico en algo soporífero.

No SOL, atopamos as recomendacións de Kepa Osoro, mestre e experto en literatura infantil. Do primeiro que nos advirte é de que non é o mesmo ler que contar un conto. En calquera caso, o narrador ten que vibrar co relato, sabendo transmitir a súa esencia para acadar unha íntima relación co público; previamente débese practicar a narración; no momento, obter un silencio expectante, non cortándoa nunca; hai que procurar a brevidade, a sucesión lóxica de ideas e a claridade na verbalización; usar a mobilidade da mirada buscando a expresividade pero sen forzar o temperamento do narrador; e concederlle moita importancia á voz, contándoo como si o estivéramos vivindo, variando as entoacións, e acompañándoo dos xestos oportunos e ben medidos.

Por outra banda, “El arte de contar cuentos” é un clásico da escritora Marie L. Shedlock, seica, inigualable contadora de contos, que está dispoñible na rede. Comeza advertíndonos dos perigos nos que pode incorrer un narrador/a: desviarse cara cuestións secundarias escurecendo a historia con demasiados detalles; introducir palabras non familiares; ou de non saber ler os rostros do público. Continúa cos principios básicos para a narración de contos, e os elementos que se deben evitar ao seleccionar o material.

Para nós, unha premisa básica á hora contar –e ler contos-: non aburrirnos a nós mesmas.

Os contos de cando non había libros

En ContArte o 04/05/2012 ás 06:50

Seguimos disfrutando dos “Cuentos al amor de la lumbre II”. Como un ritual, recreamos un ambiente propicio para escoitar estas historias; todos en círculo arredor do lume (agora non hai pelexas por ver as imaxes), con pouca luz, e o contacontos nun lugar destacado desde onde todos poden velo e escoitalo.

No segundo volume atopamos un conto moi interesante. Con moita cerimonia empregamos as fórmulas de inicio –remataremos tamén coas de peche-, usamos un ton máis propio dun narrador que o dun lector, empregamos moitos xestos para acompañar as palabras, e medimos moito os silencios. Non lle dicimos máis ca o título antes de empezar a contalo, aínda sabendo o que ía a suceder cando o recoñeceran.

Titúlase “La hormiguita”, e sobre el aclarara Antonio R. Almodovar:

Sorprenderá a muchos que se trate de una hormiguita y no de una “ratita” como quieren las versiones comerciales de años atrás. El origen de este cambio lo hemos rastreado y llegado a la siguiente conclusión: en las versiones del siglo XIX, y todavía en algunas del XX, el marido de nuestro personaje es el “ratompérez”, que, contra lo que pueda parecer, ni es ratón ni se llama Pérez de apellido, sino que se trata del inofensivo y asustadizo insecto así llamado en Andalucía occidental. Este falso “ratón”, andando el tiempo, debió creer en algún arreglista que se trataba de un auténtico múrido y, ni corto ni perezoso transformó a la hormiguita en ratita, para mayor acuerdo de especies a matrimoniar. Semejante fuga de imaginación ha contribuido seguramente a la pérdida de la segunda secuencia, donde la hormiguita se come al maridito, el cual imprudentemente, se ha asomado a la olla y caído dentro de ella. De esta manera, el cuento queda desvirtuado y reducido a la mera coqueterías de la “ratita” que no es más que el inicio de esta historia.

A nós fíxonos moita ilusión ver este “arquetipo” recuperado por Almodovar, porque na nosa infancia así nolo contaban –versión rata-, pero no que o seu marido remataba na pota tentando sacar unha casca de cebola. E finamente, nunha reviravolta para nós, case “caníbal” era comido con moito deleite pola ratiña. Nunca máis víramos nin escoitáramos nada semellante, e pensamos que era froito da desbordante imaxinación da nosa tía que nolo contaba.

Cando llelo contamos, os nenos ao rematar de inmediato nos din que lles recorda a outros tres contos dos que “deberon copialos”; detectan semellanzas coa “Ratiña presumida”, con “Rato Tom e Rata Tomasa” -no devir dos acontecementos trala desgraza-, e co “Rato Pérez”. Faise preciso aclararlle que esta versión que veñen de escoitar é anterior aos libros que eles coñecen, porque era de cando a xente contaba contos sen ter que lelos nos libros. Parécelles imposible. Fannos moitas preguntas sobre como os recordaban todos,  ou como podían contar sempre o mesmo conto; isto dános pé a falar das distintas versións.

Facemos unha proba, poñémonos en situación e pedimos voluntarios para contar o conto de “Caperucita Roja”, saen seis nenos e nenas. Convidámolos a saír da clase. Un a un, iranlle contando a súa versión aos demais sen escoitar a dos anteriores. Ninguén o fai igual ca os outros. Perciben que os personaxes son case fixos, que a trama tamén, pero a maneira de contalo, as palabras que se empregan, e os elementos que adornan a historia son totalmente diferente. Unha nena que acaba de chegar á escola de Canarias, dilles que a Caperucita lle levaba plátanos de Canarias á avoa, o que provoca o enfado duns e a hilaridade doutros.

Agora, como tarefa para a fin de semana, levan unha nota para as súas familias, na que lle solicitan colaboración para aprender a contar un “conto de boca” e logo podérllelo ofrecer aos compañeiros de clase, como se fosen contacontos amateur.

Rematamos lendo as versións dos contos nacidos a partir de “La hormiguita”.

Contos populares perfectamente incorrectos

En ContArte o 27/04/2012 ás 17:18

Se ben ata o de agora case todas as historias que lle contábamos ao noso alumnado eran en formato álbum ou libro ilustrado porque críamos que a estas idades hai que fornecerlle o maxín con moitas e variadas representacións plásticas do relato, agora chegou o momento que xa teñen bagaxe dabondo como para prescindir deste apoio visual, botando man do seu imaxinario para ir recreando o que escoitan.

Quixemos comezar cun clásico, as compilacións de “Cuentos maravillosos” de Antonio R. Almodovar. Acceder ás primeiras páxinas dos dous volumes.

Creamos unha ambientación axeitada e preparámolos para esta nova experiencia, explicándolle a razón do título da colección, Cuentos al amor de la lumbre. Relatámoslle o que facía a xente cando non había televisión, nin ordenadores, nin iPAD, nin luz; de como pasaban o tempo e gozaban do pracer de escoitar contos marabillosos de princesas ou príncipes encantados, de nenos valentes, de seres mitolóxicos, etc. Deixámoslle elixir entre as distintas categorías nas que o autor organizou esta antoloxía, de tal xeito que tamén aproveitamos para saber cal é a función do índice dos libros. A piques estivemos de cambiar a súa decisión, xa que o elixido nos pareceu un pouco truculento de máis, pero seguimos para diante.

En poucas ocasións logramos tanta atención por tan prolongado tempo. E o mellor da experiencia foi cando ao rematar, seguían falando por pequenos grupos dos personaxes, de como os imaxinaban, así como dos escenarios nos que sucedían. As posteriores representacións foron das máis ricas en detalles que levan realizado ata o de agora; tamén certo que cheas de estereotipias sobre os protagonistas en función do rol que asumían.

O folclorista Antonio R. Almodovar, certeiramente chamado por Ana Mª Matute “o terceiro irmán Grimm”, experto en semiótica estrutural, leva parte da súa vida profesional dedicado á recuperación dos contos tradicionais hispanos, eido sobre o que se investigara moi pouco e polo que tamén había moito desapego. Non hai máis que preguntarlle a calquera persoa de a pé polos contos populares españois que coñece, para descubrir que pouco sabemos deste rico patrimonio inmaterial.

Almodovar, premio nacional de LIJ no 2005, é unha persoa moi polifacética; escoitar as súas conferencias é unha delicia –é un contador de contos, no máis extenso e rico sentido da palabra-, logra engaiolar ao público co seu discurso. No web do Centro Virtual Cervantes, pódese acceder á súa biografía, obra, colaboracións na televisión e artigos, de entre os que salientamos Cuentos populares perfectamente incorrectos e No toqueis a Blancanieves. En Google Books pódense atopar vistas previas ou completas de moitas das súas obras.

Nesta colección fai unha compilación de “arquetipos”. O arquetipo dun conto popular é a versión resultante que se obtén ao comparar moitas versións particulares dun mesmo conto ata conseguir que ao lelo se pareza o máis posible á versión dominante na única etapa na que aínda podemos ter acceso. Nesta guía complementaria pódese atopar máis información.

Así temos 135 contos populares españois divididos en dous volumes, e agrupado por temas como: contos marabillosos, de princesas encantadas, de príncipes, de nenos en perigo, de pícaros, de pobres e ricos, de mulleres difíciles, de medo, de tontos, de animais, ou acumulativos e disparatados. En ambos os dous tomos acompáñase cunha amena explicación do autor sobre cada unha das categorías establecidas, das súas orixes, da intencionalidade, e dos vínculos con outros atopados na tradición europea.

Desde hai moitos anos somos devotas das súas versións de contos populares recollidos na colección “La media lunita”, -actualmente tamén dispoñibles en galego-,  dedicadas a un público infantil. Agora, neste caso, aconsellamos aos docentes unha lectura previa, xa que logo, estes contos que se contaban ao carón do lume ían dirixidos a persoas adultas, malia que os nenos tamén estiveran por alí.

Orgullosos de ler

En ContArte o 10/04/2012 ás 06:51

Bolonia, primeira parada. Cando programamos esta viaxe de estudo, pensamos que poderíamos chegar aos últimos días da Feira do Libro Infantil de Bolonia, unha das máis importantes citas internacionais da edición para nenos, logo, por un acurtamento da súa duración vimos que non era posible, o que non sabíamos é que ao longo de toda a primavera tiña lugar a Fieri di leggere, un evento iniciado no ano 2000, coincidindo coa distinción de Bolonia como capital cultural europea.

A Fieri di Leggere é unha festa para todos, con mostras, encontros con autores/as, lecturas e obradoiros, baixo o lema “Orgullos de ler”. Esténdese a toda a provincia, e participan museos, bibliotecas, espazos expositivos, editoras, escolas, etc. O que se pretende é o contacto dos pequenos lectores con todo aquilo que rodea o libro. Nesta ocasión, con motivo do bicentenario do nacemento de Charles Dickens, organizouse unha programación de eventos que atravesa a linguaxe da literatura, das artes figurativas e cinematográficas.

Percorrer Bolonia nestes días é unha invitación á lectura de libros infantís, en calquera librería atopamos en primeiro lugar os libros dedicados aos nenos- nós, non nos puidemos resistir a mercar algúns-, en calquera rúa hai un local que realiza actividades relacionadas cos nenos e os libros, e entre outras  destacamos:

-A “Mostra de ilustradores”, na que 72 artistas de 60 países ofrecen unha panorámica global das tendencias máis innovadoras no ámbito da ilustración para nenos. Disto cómpre falar máis polo miúdo, porque, sen restarlle importancia á calidade das propostas creativas e plásticas, habería moito que dicir canto á súa sintonía cos gustos dos máis pequenos. Se ben como admiradoras da arte contemporánea nos gustaron, como seleccionadoras de libros para nenos e nenas, teríamos moito que obxectar. Como adultas podemos ver a influenza da banda deseñada, da estética manga, da arte povera, ou da ilustración clásica. Cabería preguntarse canto hai de produto de consumo, canto hai de negocio, canto da busca sen límites da novidade por novidade, e canto de coñecemento do que Alain Serres denomina “espírito da infancia”. En calquera caso, as editoras saben ben a diferenza entre prestixio e ventas. Volveremos sobre isto.

-“Bestiario accidentale”, sobre o traballo de Guido Scarabottolo.

-O “ABC dei colori”, unha mostra sobre libros de actividades que permiten descubrir o universo cromático,e as clasificacións de cores (primarios, secundarios, cálidas, frías), gradacións e escalas de cores.

-“La trilogia del limite” de Suzy Lee no MAMbo (Museo d´Arte Moderna di Bologna), na que se fai un percorrido polo traballo da ilustradora de “La ola”, “El espejo” e “La sombra”.

-“ABCDEFGHIJKLMNOPQRSTUVWXYZ”, unha revisión da exposición xa realizada no ano 2000 sobre o alfabeto.

-“Sole, Terra, Acqua e vento: un´energia da leoni”, unha mostra sobre a declaración da ONU coa que se trata de sensibilizar aos máis pequenos sobre fontes alternativas e accións de futuro para salvar o planeta.

-“Ler o álbum ilustrado”, unha mostra didáctica que atravesa o funcionamento, regras internas, características e proceso creativo desde novo produto editorial.

-“Intervalo de poesía”, celebra a natureza, o verde, as árbores, as plantas, as hortas e os xardineiros da poesía.

Recomendamos botarlle unha ollada ao programa, e ao blog no que van recollendo as distintas accións que se desenvolven de marzo a xuño con motivo da Fieri di leggere, porque se poden tomar moitas ideas de libros, e de accións conxuntas de fomento da lectura.

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro

En ContArte o 27/03/2012 ás 06:21

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos sedutores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos enxeñosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro”

Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.

Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferenzas, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.

Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.

E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices.

Francisco Hinojosa

O 2 de abril, celébrase o día Internacional do Libro Infantil, unha data proposta do IBBY desde 1967, que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen. Cada ano encoméndaselle a un autor a escrita dunha mensaxe que se traduce a 40 idiomas; nesta ocasión, a que vimos de ler, a cargo do mexicano Francisco Hinojosa, coa ilustración de Gedovius.

Pedro y su roble

En ContArte o 12/03/2012 ás 07:55

Agora que xa se empezan a apreciar cambios na contorna que anuncian a chegada, adiantada, da primavera, gustounos atopar este fermoso libro, “Pedro y su roble“, de Claude Levert ilustrado por Carme Solé Vendrell, no que se nos conta unha historia de amizade e inxenuidade infantil. Coa chegada do outono Pedro pensou que o seu carballo ía morrer, porén todos os coidados son poucos, mesmo o protexe do frío invernal; o seu esforzo e cariño será recompensado porque coa chegada da primavera a árbore “revivirá” día a día.

Unha recomendación para comprender os cambios da natureza co paso das estacións.

Desde aquí pódense ver as primeiras páxinas.

LIX en marzo

En InformArte o 05/03/2012 ás 17:03

Source: sublackwell.co.uk via Susan on Pinterest

Para todas as persoas amantes da literatura infantil, neste mes hai tres citas obrigadas: o 12+1 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a exposición Ilustramundos no Pazo de Fonseca en Compostela, e a conferencia de Antonio Reigosa na EOI de Pontevedra.

-O Salón do Libro de Pontevedra é un evento anual xa consolidado e referente na nosa comunidade. Sempre paga a pena a visita, xa non tanto polas novidades que alí se expoñen –xa que logo a día de hoxe coa internet estamos ao tanto do último que publican as editoriais, porén, as feiras, exposicións e mostras do libro teñen que ter outro valor engadido-, senón por que é unha actividade na que ano tras ano participan os centros educativos da zona de Pontevedra, facendo un auténtico alarde de creatividade arredor do tema proposto. Nesta ocasión, dado que é a edición 12+1 -en troques de XIII-, céntranse nas supersticións e nas crenzas sobre a boa ou mala sorte. Complétase esta oferta con gran número de presentacións e charlas a cargo das editoriais ou autores presentes no Salón. Estará aberto ata o 31 de marzo.

-Días atrás tivo lugar o congreso “Ilustrando a diversidade” promovido por campusUSCulturae, e froito da participación de recoñecidos ilustradores de diversos lugares do mundo e como mostra da súa labor, organizaron a exposición “Ilustramundos” arredor dos seus traballos que se poderá visitar no Pazo de Fonseca ata finais de abril. Así veremos algunhas ilustracións de David Pintor, Elena Odriozola, Kristina Sabaite, Marc Taeger, Antonio Seijas, Piet Grobler, Mónica Weiss, Carme Solé, Joanna Domanska e Machiel Braaksma. Desde o blog Ilustramundos accédese ao web de cada un deles. Recomendamos vivamente as composicións do frisio Machiel Braaksma realizadas todas elas con material de refugallo.

-O mércores 7, ás 19:30, na EOI de Pontevedra, Antonio Reigosa impartirá a charla “De lingua en lingua: camiños de ida e volta dos contos tradicionais populares”, na que este experto en literatura de tradición oral, mitos e lendas de Galicia, falará sobre a orixe e evolución dos contos populares tradicionais, mostrándonos o xerme de contos tan coñecidos como “Os músicos de Bremen”, “A leiteira”, “Carrapuchiña vermella”, e outros, desde as fontes orais orientais, árabes e xudeas… e a súa recollida na lingua escrita (sánscrito, persa, árabe ou latín) ata confluír na transmisión a través das linguas que se imparten na EOI de Pontevedra:  alemán, italiano, francés, inglés, portugués e galego, ademais do castelán. Unha ocasión para coñecer as raíces comúns da literatura oral das culturas orientais e occidentais e para contrastar as diferentes versións dun mesmo conto segundo a súa difusión polas diversas linguas europeas.

Ler autonomamente

En AlfabetizArte,ContArte o 10/02/2012 ás 08:13

O momento no que un neno ou unha nena descubre que é quen de ler só un libro é algo único. Hai un antes e un despois. Ese brillo na mirada, esa satisfacción que sente, esa medra no seu desenvolvemento é inigualable e máxica.

A meirande parte do noso alumnado xa viviu ese intre, porén, o que queremos agora é ofrecerlle lecturas funcionais e do seu gusto que lles sigan proporcionando esa satisfacción. Emporiso, mercamos toda a colección El caballo alado da editorial Combel, xa que cumpre uns requisitos, para nós importantes:

1º Son versións breves de contos clásicos, moitos deles xa coñecidos polo nenos, o que lles axuda a facer anticipacións sobre o texto.

2º Xogan moito coas repeticións e coas onomatopeas. As sinxelas ilustracións acompañan e completan a mensaxe sen, neste caso, superar o peso do texto.

3º Hainos con letra tipo pau, imprenta e manuscrita. De tal xeito que, malia que preferimos comezar a lectura e a escrita con maiúsculas, pouco a pouco podemos ir introducindo outras tipografías.

4º Son relativamente baratos, tanto como para poder permitirnos mercar libros dabondo para todos.

Todas estas condicións fixeron que nos decantarnos por eles, aínda que lles obxectamos que non os haxa en galego. Compensaremos esta situación.

Agora, estableceremos un sistema de préstamo de fin de semana, para que estes libros poidan ser lidos e gozar con eles na casa, sos ou na compaña dos seus familiares.

“Saber ler é ser quen de transformar unha mensaxe escrita nunha mensaxe seguindo certas leis moi concretas. É comprender o contido dunha mensaxe escrita; é ser quen de xulgar e apreciar o valor estético…” (Mialaret, 1972)

Libros para querer

En ContArte o 01/02/2012 ás 07:57

Hai tempo que decidimos que para o alumnado de infantil, poñeríamos en positivo todo aquilo que puidéramos. Evitamos falar da morte, preferimos falar da alegría de vivir; non queremos afondar na violencia senón na ledicia de coñecer e respectar aos outros, poñendo en valor cuestións nas que decote non se repara.

Nesa liña, vimos de descubrir tres fermosos libros que falan do amor, do goce de querer e ser querido, deses que nos deixan co sorriso pintado na cara:

Mama qué es el amor” de Davide Calí e Anna Laura Cantone

Besos besos”, de Selma Mandine en Miau.

Un regalo del cielo”, de Gustavo Martín Garzo e Elena Odriozola en SM.

A caída dos primeiros dentes e o Rato Pérez

En ContArte,EncienciArte o 24/01/2012 ás 08:04

Teeth from inside

É bastante habitual que cun grupo de 5 anos vivamos episodios de caída dos primeiros dentes. Fai pouco tivo lugar a nosa “primeira caída” do grupo, de aquí en diante, irán uns detrás dos outros, chegarán a fin de curso case todos desdentados.

Aproveitamos para falar de cales son os dentes que primeiro caen e se isto garda algún tipo de relación cos que primeiro saen ou cos que se empregan en “tarefas” máis duras. Iremos facendo un cadro coas estatísticas. Preguntáronlle ás familias polo momento no que lle apareceu o seu primeiro dente, a idade que tiñan e a posición dese dente. Como curiosidade soubemos de bebés con dentes e dos inconvenientes desta rareza.

Pode dar moito xogo, pero decidimos tirar polo camiño literario. Como non mencionar ao máis xenuíno personaxe infantil español, o “Rato Pérez” e dos seus “homólogos” noutras culturas. Comprometémonos a que teremos un conto distinto do Rato Pérez para cada dente que caia.

Velaquí o que fomos atopando:

Ratón Pérez” del Padre Coloma, o que deu orixe a todos os demais. Recollido nunha exposición do CVC xunto con 80 diferentes ilustracións do personaxe infantil que vén de celebrar o seu aniversario.

La asombrosa y verdadera historia de un ratón llamado Pérez”, de Ana Cristina Herreros e Violeta Lópiz en Siruela.

El cuento de Ratón Pérez”, publicado pola Unidad de Salud de la Comunidad de Madrid

El Ratón Pérez” de Maestra de Infantil

Cuento del Ratoncito Pérez

La verdadera historia del Ratón Pérez”, de Ariel Puyeli en Lumen.

La mágica historia del Ratoncito Pérez”, de Fidel del Castillo en Edebé.

El ratoncito Pérez“, de Ana Serna-Vara y Margarita Menéndez en Susaeta.

El ratoncito Pérez” de Olga Lecaye en Corimbo.

El ratoncito Pérez y la luna” de Mónica Bordenova  en Ediciones LolaPirindola.

Nela y el Ratón Pérez” de Alejandra Vallejo Nájera en Alfaguara.

Cartas a Ratón Pérez” de Antonia Ródena en Anaya.

La vuelta al mundo del Ratón Pérez” de José Manuel Pedrosa e Paz Rodero en Voces Literatura

Cleopatra y el Ratón Pérez” de Fernando Lalana e José Mª Almarcegui en Bruño

Dous clásicos actualizados

En ContArte o 14/12/2011 ás 08:05

Non cremos que haxa ningún mestre/a de infantil que non lle lera ao seu alumnado os dous títulos que seguen, xa convertidos en clásicos e que agora nos presentan as súas respectivas editoriais actualizados

La pequeña oruga glotona”, en edición especial despregable para conmemorar o 40 aniversario da súa publicación. Unha fermosura que lle engade valor a este libro que nos fala do proceso vital dunha eiruga, da alimentación, dos días da semana, dos excesos alimentarios, etc. No web do seu autor, Eric Carle podemos ver todo tipo de produtos creados a partir da famosa hungry caterpillar, de tal xeito que ata vimos en UK librerías con seccións dedicadas a este personaxe ou á obra do seu autor.

A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, se a versión pop-up xa lle dera máis animación a esta escatolóxica e hilarante historia da toupiña, agora con sons como plas-chof-plin… somos aínda máis conscientes do noxento agravio que sufriu e do que se vingará.

O álbum ilustrado en infantil

En ActualizArte o 20/11/2011 ás 21:01

A miña participación nas I Xornadas de Literatura e Ensino, non sendo unha especialista en literatura infantil, nin autora, nin ilustradora, foi en calidade de usuaria habitual de libros infantís, a dicir dos coñecidos, con boa man para seleccionar aqueles máis achegados aos gustos dos nenos e nenas.

Intervín, trala entusiasta posta en escena da “amante dos albumes” Gracia Santorum, que tratou de amosarlle aos asistentes que o álbum non é só para o público infantil, senón que, superados os prexuízos iniciais dos adolescentes –que polo seu formato, asocian álbum aos contos da infancia da que foxen-, poden dar moito xogo nas aulas de secundaria. Para convencer aos receosos, fixo un despregue da súa colección de álbums –seica atesoura preto de mil exemplares que en breve expoñerá no centro de ensino no que traballa, do que dará boa conta no blog referencial do que é coautora, Trafegando Ronseis. A lectura de “Caixa de cartón” convenceu ata aos máis escépticos. Magnífica. Eses son os camiños do entusiasmo.

A miña exposición xirou arredor da selección de libros para as aulas de infantil. Sendo coñecedora do cambio que se ten producido neste campo nos últimos vinte anos, e do papel preponderante das editoriais galegas no eido internacional, destacando pola calidade dos seus produtos, cuestiono a etiqueta álbum como distintivo superior diferenciador de outros como poden ser o libro ilustrado ou o libro de imaxes. Ao meu entender, os límites son tan difusos que se me axusto aos criterios definitorios de álbum que apuntan os expertos, quedarían fóra a meirande parte dos albumes canónicos que, por outra banda, eles mesmos apuntan. Considero o álbum froito lóxico da evolución que se ten producido na intención de chegar máis e mellor aos gustos dos rapaces de hoxe en día, atendendo a que a súa bagaxe está absolutamente determinada polo audiovisual e polas mensaxes publicitarias; e ao igual que aconteceu coas series de animación traspasou as fronteiras infantís e na actualidade publícanse albumes que polas súas temáticas, pola complexidade do texto ou das imaxes apelan a experiencia e intelixencia dunha persoa adulta para ser quen de entendelos.

Por outra banda, considerando que no álbum se harmonizan  a linguaxe escrita e a linguaxe artística, a radicalización do peso da ilustración en detrimento do texto conduce á consecución doutro obxectivo, tamén importante, pero non literario, senón plástico. Razón, ao meu entender polo que os expertos non acordan enmarcar o álbum como novo xénero literario senón que o denominan “novo produto editorial”.

En calquera caso, para unha persoa que vai mercar un libro para os seus fillos ou alumnado isto é irrelevante. Ninguén vai mercar un formato, o que se vai buscando nalgúns casos é unha boa historia e noutros un bonito libro. O álbum non é unha fin en si mesma, é un medio máis. Polo que tentei de apuntar algunhas claves para seleccionar eses libros que logren engaiolar aos máis pequenos. Máis alá dos discursos expertos, moitos deses, ben ou mal chamados, albumes cumpren co obxectivo tanto polo seu formato (tamaño, características de páxinas, tapas, contratapas…); como polo texto (abundante, escaso, ausente, en prosa, en verso); como polas ilustracións (sempre e cando non sexan un mero alarde artístico, ou tan conceptuais que se escapan do entender dos nenos e nenas); como polas temáticas que abordan, aquí fixen unha advertencia sobre unha tendencia que aflorou nos últimos anos asociada ao álbum, que ao meu entender vai en contra do espírito da infancia, a aparición do que denomino unha recreación no feismo da vida: a morte, a violencia, a soidade, a tristeza, o maltrato, a guerra, inxustiza social…, un lavado da conciencia adulta, que non sabendo que facer, baleira as súas frustracións sobre os nenos e nenas crendo que deste xeito aprenderán a evitalas ou a convivir con elas. É opinable, pero case ningún pai/nai lle merca un libro aos seus fillos sobre eses temas por moi poéticos e líricos que sexan; facémolo os docentes e inclúense nas listas de honra dos libros senlleiros.

A segunda advertencia canto a temáticas foi referida a outra tendencia, tamén perniciosa, o que denomino “os contos curriculares”. Autores e editores sabedores que a escola é unha das súas mellores proxeccións, fabrican artefactos didácticos disfrazados tras unha personaxe ou tras unha orixinal ilustración, cunha corrección curricular e cun didactismo explícito que arrepía á literatura infantil, de seu irreverente, escatolóxica, divertida, surrealista e mesmo absurda. Non é que descarte o aproveitamento didáctico que se pode facer dunha obra de literatura infantil, todo o contrario, pero iso é algo a posteriori, si o motivo polo que se elixe é polo pracer de ler, pola potencialidade de facer soñar aos nenos e nenas.

Apunto así mesmo a posibilidade de publicar algúns deses produtos tan artísticos noutros soportes que mellor permitan apreciar a riqueza das ilustracións pero tamén falo do risco de que nese traspaso se perdan acenos do acto de ler libros en pos da primacía da imaxe.

Finalmente apunto o rol decisivo do mediador/a entre o libro e o individuo sen competencia lectora, tanto directo (docente, pai/nai, animador) coma dos “recomendadores de lectura” indirectos (blogs, webs, revistas, listaxes…), apelando neste caso a unha ética responsable do seu papel, non deixándose guiar polas novidades, polas estratexias comerciais, polo prestixio dos autores, ou pola traxectoria da editora. Un libro para recomendar, en primeiro lugar, e en conxunto, ten que engaiolar ao mediador, logo ten que probalo co público representativo do rango ao que vai dirixido. Só, e tan só despois, probado que engaiola tamén aos nenos e nenas neste caso, pode recomendalo. Decátense de que non só se trata dunha cuestión económica, é algo moito máis grave, que afecta á consideración que os nenos e nenas terán dos libros, da lectura e da literatura.

Trala presentación desas, para min, características da calidade dun libro, poño en cuestión que os adultos acertemos cos gustos dos nenos/as a tenor dunha experiencia recente na miña aula, cando lle solicitei aos rapaces que trouxeran das súas casas aqueles libros dos que máis gustaban, aqueles que lles pedían aos seus pais que llelos leran unha e outra vez. Á vista dos máis de cincuenta libros non me atrevo a tirar conclusións. Non concordan nin co que din os expertos nin cos que eu lle amosei ao longo de tres anos. Son da máis diversa procedencia e algúns de ínfima calidade literaria, plástica ou editorial. Con todo non me importa, son eses, son os que os teñen enganchados coa lectura, son os que lles fixeron descubrir o libro como unha fonte de pracer. Son os que ao longo destes días poñeremos en valor diante do grupo, porque é o que lle gusta a cada un dos nenos e nenas da clase.

Ao igual que na alimentación, ler, coñecer outros mundos reais ou ficticios, abrir o maxín, desenvolver a creatividade, gozar co coñecemento…, son coma os nutrientes vitais que se poden presentar de moi diversas formas: crus, en cociña tradicional, en cociña light, mediterránea, atlántica, cociña experimental ou cociña de autor. Unhas formas son máis saudables ca outras, unhas prestan mellor, pero trala inxesta, o que importa é cando entran en vena e lle son de proveito para o organismo. E para responderlle aos gourmets que consideran que só paga a pena levar á boca pratos coas 3 estrelas Michelín, dixen que sei que aos meus alumnos/as ata que poidan apreciar no seu padal as delicatessen de Ferran Adrià,  aínda lle quedan por comer moitos ferrados de sal en ovos fritos –que é o que máis lle gusta-, pero comer comen, alimentar aliméntanse. Ler len. E iso é o que me importa.

Nota: para quen pense o contrario son unha fervente admiradora dos bos albumes.

Os camiños do entusiasmo

En FormArte o 20/11/2011 ás 21:00

Esta fin de semana participamos nas I Xornadas de Literatura e Ensino que se centraban en “A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo”, unha coidada actividade formativa organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a ASPG.

Resultounos estraño que case a  totalidade dos asistentes eran do ensino secundario, ou mellor dito, que non houbese profesorado de infantil e primaria. Cuestión de clixés; poida que no canto de Literatura e Ensino, se entendera Ensino da Literatura, que non é o mesmo. Unha mágoa, porque pagou a pena, e todos nós atoparíamos temas de interese.

Cun cartel de luxo fóronse abordando temas que nos preocupan a todos e a todas: a LIX galega nas aulas do século XXI pasando pola poesía, o teatro, a literatura de tradición oral, o álbum, a BD e a novela gráfica; case todos eles expostos por recoñecidos autores deses xéneros literarios.

En vindeiras entradas iremos apuntando algunha das cuestións alí expostas, malia que non nos podemos resistir a adiantar que coincidindo todos os poñentes na necesidade da lectura dos distintos xéneros, debatendo sobre se centrarse nos clásicos ou inclinarse máis aos gustos dos rapaces, sobre se hai literaturas con maiúsculas e minúsculas – con continuas referencias a dous artigos recentes: E por que non vos deixades de cinismos e dicides LIXo? de S. Jaureguizar e Ler ou non de María do Cebreiro-; quen, para nós deu coa clave foi Xabier P. Docampo, preguntando: para que ler e que é o que nos dá a lectura aos individuos que non nos dá ningunha outra actividade. Ahí radica a cuestión, xa que logo, aínda hai quen non sabe por que hai que inculcarlles aos nenos, nenas, mozos e mozas o gusto por ler.

Daremos conta.

Unha reflexión: ás persoas que xa levamos uns cantos anos nisto é difícil que nos conten algo novo nos cursos dirixidos única e exclusivamente á educación infantil; en troques, poden resultarnos moi enriquecedoras outras miradas desde distintos ángulos, con distintas ópticas, con outros profesionais, pois é unha maneira de abrirse dun ámbito no que ás veces tamén resulta asfixiante estar escoitando falar sempre do mesmo. O/A profesional de infantil xa saberá sacarlle proveito a novos alentos de aire fresco.

Libros con ciencia

En ContArte,EncienciArte o 07/11/2011 ás 16:45

Mostra do Libro de Ciencia é unha guía bilbliográfica con unha escolma de 55 títulos de divulgación científica dirixidos ao público infantil.

Entre elas atopanse obras como “El pequeño inventor”, “Los números en la naturaleza” ou “Bichos”. Sin embargo non recolle un dos nosos preferidos “Uno, y si no, ninguno” de Katrina Lange en UnaLuna.

Os tarros das palabras

En ActualizArte,ContArte o 04/11/2011 ás 16:52

Hainas de moitos tipos: saltonas, tenras, verdes estranxeiras, moi gordas e vermellas da ira, e algunhas tan longas que é imposible pronuncialas… (…) O ladrón de palabras, entón, clasifícaas e méteas en tarros de cristal.
Logo proba algunhas receitas: 2 palabras doces, 3 molladas, 1 picante e 2 cálidas. Mestúrao ben e lánzao todo ao ar. E así, o azar trenza alfombras de loanzas, tece bufandas de inxurias e calceta calcetíns de explicacións complicadas.
O ladrón de palabras”, unha das últimas publicacións de Edelvives, un fermosísimo álbum de Nathalie Minne, que nos conta, nunha perfecta comuñón entre o texto e as imaxes, a historia dun neno que sae pola noite con todo o seu equipo cara a cidade, alí, rastrexando voces e luces, sen que ninguén o vexa, gabea polos tellados e comeza a súa colleita de palabras.
Tras lelo e deleitarnos coas imaxes (un día falaremos de como ler os álbums ilustrados), non puidemos resistirnos a facer coma o ladrón de palabras. Recollemos e metemos en tarros de cristal os ingredientes de moitos xogos.
Comezamos inspirándonos nas palabras clasificadas polo pequeno ladrón: palabras negras (toro, carbón, noite), palabras despreocupadas (sola, feliz, tranquila), palabras simples (vida, gato, bico, amar), nunha palabra (stop, pum, clac), palabras de viaxe (ir, lugar, aquí), palabras doces (querer, amar), palabras de soños (unicornio, ilusión, príncipe), palabras feas (mugre, morte, insecto), palabras bonitas (claxon, globo, lúa, mimo), palabras baleiras (cero, solo, nada de nada), palabras raras (trisomía, lechuza), palabra a palabra (paso a paso, pouco a pouco), palabras hilarantes, palabras frías, grandes palabras, palabras moi fermosas, palabras difíciles, palabrotas, palabras confusas, palabras solitarias…
Agora pedímoslle a cada neno/a que nos traia un tarro coas palabras da súa casa.
Velaquí o comezo da nosa clasificación que nos dará xogo para moito, moito tempo. Palabras amorosas, palabras mareiras, palabras longas, palabras curtas, palabras dos contos, palabras xoguetonas…
Unha amiga fíxonos notar que vender e regalar palabras tamén era o que facía Belisa Crepusculario vendedora de palabras no conto Dos palabras que integra a obra “Cuentos de Eva Luna” de Isabel Allende. Belisa un día descubriu que as palabras andaban soltas sen dono e que calquera cun pouco de maña podería apoderarse delas para comerciar, polo que lle pagou vinte pesos a un cura para que lle ensinara a ler e escribir, e cos tres que lle sobraron mercou un dicionario, que logo de revisalo a A á Z, tirou ao mar para non estafar aos seus clientes con palabras envasadas.
O poder das palabras.

A viaxe de Olaf

En ContArte o 27/10/2011 ás 06:57


Tivo lugar onte, en Santiago, o acto de entrega do IV Premio Internacional Compostela de Álbum iIlustrado. Nesta edición o álbum seleccionado foi “A viaxe de Olaf” de Martín León  Barreto.

Olaf vivía nun planeta moi, moi pequeno. Nunha casa moi, moi grande. Un bo día, aburrido, Olaf saíu a camiñar… e camiñou! Olaf camiñou e camiñou, e un peixe que tiña a cola do revés atopou.
–Vés comigo? –preguntoulle.
E como non dixo que non…

Así principia este relato acumulativo de estrutura repetitiva e circular. Un Principiño, farto da soidade, emprende un camiño iniciático. Diversos animais fantásticos -de inspiración mítica e valor simbólico- vanlle facendo compaña e conformando un grupo heteroxéneo e compacto: o peixe que tiña a cola do revés, o cabalo alado, o tigre arco da vella, o elefante elegante…

As imaxes, segundo Xosé Ballesteros, director de Kalandraka,  feitas cunha paleta cromática fermosísima e cun aspecto xeométrico case mecánico, mesmo dan ganas de tocalas, apetece velas en tridimensional.

Xa se presentou traducido ao castelán, portugués,  éuscaro e catalán.

A importancia de ler na casa

En ContArte,FamiliarizArte o 25/10/2011 ás 07:07

“Aprender a leer es un procedimiento que se enseña en la escuela.
El gusto por la palabra y el amor a los libros se descubren en casa, en el ámbito de la familia, si bien la escuela ocupa un lugar de privilegio en esta conquista.
Cuando una maestra de educación infantil está contando un cuento a sus alum­nos, no solo está relatando una historia divertida o triste, está enseñando conceptos que tienen que ver con la lengua, procedimientos que atañen al proceso de compren­sión y unos valores determinados contenidos en el libro.
Cuando una abuela, o una madre, o un padre cuentan un cuento a sus nietos, o a sus hijos, están realizando un acto de amor. “
 

Así comeza o caderno do Observatorio Andaluz da Lectura realizado por Antonio Ventura coa pretensión de ser unha guía para as familias. Non cremos que sexa casual que o primeiro número desta publicación se dedique a ler na casa; tras moitos anos, traballos e campañas de animación á lectura, sábese que ese é o ámbito determinante no fomento da lectura.

Esta sinxela guía aborda, entre outros temas, a necesidade da ficción, as palabras e as imaxes, o gusto polas palabras e o amor polos libros, os momentos da lectura, as clases de libros, e remata cunha selección de textos.

Paga a pena poñela a disposición das familias, ben a través dos blogs (de aula, de biblioteca, de centro) ou fotocopiala.

Dous libros infantís atípicos

En ContArte o 03/10/2011 ás 08:59

Acabamos de mercar dous libros que foron moi do gusto do noso alumnado. Calquera dos dous rompe cos cliches das cualidades que debe reunir un libro para ter éxito entre os máis cativos.

“Un libro”, de Hervé Tullet en Kókinos. Nada máis e nada menos que un libro. Sen máis historia que unhas instrucións de uso en cada páxina. Unha ilustración do máis sinxela, tan só uns círculos de cores. E malia todo, pódese considerar un libro co que os nenos interaccionan, un libro que logra engaiolar a inxenuidade infantil.

“La ardilla miedosa”, de Mélanie Watt en Almadraba. Un conto que a primeira vista a ilustración pouco favor lle fai (posteriormente mudaremos de opinión). A historia xira arredor dun esquío medio “chalado”, que vive presa dos seus medos e paranoias persoais, aferrado as súas rutinas. Os pequenos de inmediato se identifican con el e tratan de racionalizar os seus medos. Os adultos deseguido nos decatamos de que reflicte a vida de moitas persoas que viven bloqueadas polas súas teimas e temores.

En calquera caso, son un sopro de aire fresco no medio de tanta publicación máis do gusto dos maiores ca dos nenos e nenas.

Splat, el gato

En ContArte o 23/09/2011 ás 06:39

Mañán será o primeiro día de Splat na escola.

“La noche previa a su primer día de escuela, Splat tiene los ojos como platos. Y a la mañana siguiente, está tan asustado que inventa cualquier excusa para no dejar su confortable hogar… Y es que ¿quién no ha sentido pavor ante su primer día de colegio?
¿Cómo serán los nuevos compañeros? ¿Y los profesores? ¿Habrá muchos deberes? ¿Se integrará Splat con facilidad? Todas estas preguntas tienen respuesta a lo largo de las páginas de este delicioso álbum, entre las que, además, esperan grandes sorpresas… “

Para as que nos namoramos do tenro Russell el borrego, xa temos nas mans outro dos doces personaxes de Rob Scotton, “Splat, el gato”, traducido ao español por Jaguar. Un libro no que se ven reflectidos todos os que se están incorporando á escola.

Bosques ao SOL

En ContArte o 13/09/2011 ás 07:05

A ONU declarou o 2011 Ano Internacional dos Bosques, coa fin de crear máis conciencia na conservación e explotación sostible de todos os tipos de bosque, para beneficio das xeracións presentes e futuras.

Con tal motivo, o S.O.L. (Servicio de Orientación Lectora) da FGSR preparou unha escolma de publicacións, tanto de carácter literario coma informativo para diferentes tramos de idade: ata 5 anos, de 6-8, de 9-11, de 12-14 e de 15-18. En cada unha das fichas, a máis dos datos identificativos do libro, indica se existen versións noutras linguas oficiais do estado.

Acabado de nacer

En ContArte o 09/09/2011 ás 08:05

Temos nas mans o último albume da editorial Galaxia. Dos que coñecemos, é o máis fermoso libro que vimos sobre a chegada dun irmán; xa se luciran con “Mamá, ti si que me entendes” e “Eu tamén son fonte”, de Teresa Moure que trataban o tema do embarazo e do aleitamento materno.
En “Vou ter un irmán!!!”, María Solar métese na pel e dálle voz aos sentimentos dunha cativa desde que sabe que vai ter un irmanciño. Non deixa ningún cabo solto; coa frescura da curiosidade infantil e coa rigorosidade científica que os pequenos poden comprender, fala do tempo do embarazo, dos que nacen prematuros, das ecografías, do tamaño e partes do feto, das molestias da nai, dos preparativos, da procura do nome –en galego-, do parto e da aceptación da chegada asumindo o rol de irmán maior para evitar os ciumes. Nótase que a autora é unha divulgadora da ciencia. Con todo, non é un texto informativo, é un conto infantil áxil, dinámico e lírico, moi do gusto dos nenos e nenas, redondeado polo bo facer do ilustrador Xosé Tomás.
Velaí o booktrailer.

 

O xardín curioso

En ContArte,EncienciArte o 27/05/2011 ás 07:03

A nosa última descuberta é unha delicia de libro, titúlase “El jardín curioso” de Peter Brown, publicado pola editorial Takatuka.

Un día, mentres explora a súa cidade monótona e gris, un neno curioso chamado Liam descubre un xardín en apuro. Decide axudarlle a medrar, sen decatarse de que acabará provocando que o xardín teña vida propia e que se estenda pola cidade mudando todo ao seu paso.

Malia o aproveitamento didáctico que se pode sacar del, o autor insiste en que tan só quixo contar unha boa historia. O noso alumnado deseguida caeu na conta do que se pode cambiar cun pequeno xesto, cando as persoas deciden colaborar coa natureza en troques de loitar contra ela. Un conto cunha visión ecoloxista e medioambiental coma poucos.

As imaxes teñen a forza suficiente para transmitirnos esa transformación da paisaxe, coas flores, cos topiarios, coas plantas trepadoras…; aquí deixamos unha mostra.

Moi recomendable para falar do medioambiente en calquera ocasión ou no seu día.

Os medos

En ContArte o 23/05/2011 ás 08:01

“Todo o mundo lle ten medo a algo. Vivir con medo pode facer mesmo que a persoa máis valente se sinta pequena.”

Así comeza “O gran libro dos medos do rato pequeño”, a nova publicación libro que nos brinda a editora Patas de Peixe, á que non parece gustarlle moito darnos libros sen pasado; ao igual ca o anterior este tamén está roído; xa ten historia.

Un libro fundamental para superar as túas fobias dándolle nome, teratofofia (medo aos monstruos), clinofobia (medo a ir para a cama), entomofobia (medo aos insectos), lixirofobia (medo aos ruídos fortes), nonseiondestoufobia (medo a perderse)…, así unha morea máis de medos que senten os máis pequenos.

Un ocorrente libro de Emily Gravett, autora de historias, sinxelas moi do gusto dos nenos e nenas pero que dan moito xogo, como sucede con “Dogs”, que recomendamos especialmente para as especialistas de lingua estranxeira en infantil.

Identificar os medos é o primeiro paso.

“LEMBRA!

Un medo enfrontado é un medo vencido.”

Contos politicamente correctos

En ActualizArte o 18/05/2011 ás 00:01

Se hai algo que contamine a literatura é o “politicamente correcto”. Non pretendemos recuperar un debate tan controvertido que xa tivo o seu momento en datas recentes. Tan só facer tres recomendacións de lectura ao fío desta tendencia que leva a situacións hilarantes e ridículas en extremo. Nada é branco e nada é negro.

1ª Un clásico como “Psicoanálisis de los cuentos de hadas” de Bruno Bettelheim, no que se defende a tese de que os contos de fadas son unha fonte inesgotable de pracer estético e teñen unha grande influenza na educación dos máis cativos porque incorporan unha compoñente terapéutica que lles axuda a encauzar os seus conflitos subconscientes. Pódese ler tamén as coñecidas “funcións Propp” dos arquetipos presentes nos contos infantís tradicionais, apuntadas polo analista da morfoloxía dos contos rusos, Vladímir Propp.

2ª O libro Cultura infantil y multinacionales coordinado por Shirley R. Steinberg e Joe L. Kincheloe, no que se dedica un capítulo a expoñer criticamente  como as películas da factoría Disney baseadas en contos tradicionais, moldean a forma na que os nenos e nenas comprenden as relacións que se establecen de sexo/xénero, violencia/xustiza, riqueza/pobreza.

3ªDúas obras de James Finn Garner, “Cuentos infantiles politicamente correctos” e “Más cuentos infantiles politicamente correctos”, con grande repercusión a nivel internacional. Desde aquí pódese ler o primeiro deses contos, no que unha moderna e comprometida Carapuchiña visita á súa avoa para levarlle alimentos saudables e auga mineral.

Para facer o retrato dun paxaro

En ContArte o 11/05/2011 ás 07:50

En 1943, Jacques Prèvert escribiu este poema dedicado a Elsa Henríquez para unha das súas exposicións.  Foi ilustrado por primeira vez en 1953 con 23 debuxos desta artista.

Agora a Factoría K de Libros, deléitanos coa edición en galego de “Para facer o retrato dun paxaro” con ilustracións de Mordicai Gerstein.

Un libro que mercamos pola súa beleza, tanto das imaxes coma do texto, malia que un pouco temerosas de que os nenos e nenas non o souberan entender. Comeza de forma atípica con catro ilustracións antes da páxina de créditos –que nos sitúan, de seu xa contextualizan a historia-, e logo aparece a narración baseada neste poema surrealista.

Pintar primeiro unha gaiola
 cunha porta aberta.
Despois pintar algo agradable,
algo sinxelo,
algo fermoso,
algo útil para o paxaro.
Logo apoiar o lenzo contra unha árbore nun xardín,
ou nun parque,
ou nun bosque.
Agocharse tras dá árbore
Sen dicir nada,
sen se mover. (…)
Se o paxaro non canta é mala sinal,
sinal de que o cadro é malo. (…)

Non podemos máis que convidarvos a lelo, porque é incrible como cativa a atención dos nenos e como estes entenden a mensaxe do cadro.

Axudámoslle a imaxinar como podería ser o paxaro, e como cantaría con este vídeo.

Como agua

En ContArte o 11/05/2011 ás 07:49

Un libro que nos permite explorar nunha situación bastante habitual, os choros, pero nun mundo descoñecido. Cal é a orixe das lágrimas, de onde veñen, a onde van…; sorprenderanvos a ideas previas dos nenos e das nenas sobre este tema.

A veces lloro. Como hoy.
Igual que un volcán en erupción el llanto
comienza en el profundo de mi barriga…
¿Y si los mares y los océanos
fueran las lágrimas de todas las personas
reunidas en un mismo lugar?


Como agua” é unha das últimas publicacións de Sleepyslaps, con texto de Carmen Sara Floriano Pardal e ilustrado por Susana Pérez Barrera; recomendamos non pasar por alto as dedicatorias das dúas autoras.
Máis ca unha viaxe á tristeza é un motivo para a alegría.

Por eso, a veces, pongo mis lágrimas al sol para que se sequen. Como hoy.

Moi, moi aproveitable en calquera momento, en especial neses de choros inexplicables.

Expectativas dos fillos e fillas

En ContArte o 08/04/2011 ás 00:01

¿Son tus padres pesados?

plomos, avaros, pegajosos, peludos,

picantes, cargantes, insoportables y resbaladizos?

¡CAMBIA!

¿Son gruñones, charlatanes, asquerobabeantes,

albondigadenarizantes, comeconlimpiasmanos?

¡CAMBIA!

As nenas e os nenos tamén teñen as súas propias expectativas sobre as familias; mesmo establecen unha tipoloxía recollida neste divertido “Catálogo de padres para niños que deseen cambiarlos” da editorial Corimbo.

Pais pesados, rañosos, pegañosos, charlatáns…, para que  soña con cambialos; coa vantaxe de que no caso de que reconsideres a decisión, devólvenche os orixinais, independentemente de como reintegres aos de recambio.

Circo dos caracois

En EncienciArte o 25/03/2011 ás 08:01

Bave Circus from DuDuF on Vimeo.

Primavera e aparición dos caracois é algo común. Aos cativos gústanlle moito, por iso proxectámoslle este vídeo dun circo singular no que os caracois realizan actuacións extraordinarias.

Para extraer conclusións interesantes sobre o afán de posuír e a vaidade, “A casa máis grande do mundo” de Leo Lionni en Kalandraka, cóntanos as desventuras dun pequeno caracol que quería ter a casa máis grande que se viu nunca.

Día da Poesía 2011

En ContArte o 20/03/2011 ás 21:01

Mañá será o Día Mundial da Poesía, por ilo queremos facer dúas recomendacións:

Bibliopoemes, para nós, o máis completo e selecto blog sobre a poesía infantil e xuvenil. É da biblioteca de Cocentaina –nin sabíamos onde quedaba esa vila, ata que os descubrimos-, está en catalán, e nel pódese seguir información case a diario: novas publicacións, escolmas sobre determinados temas (poesía de inverno ou sobre a muller, etc), poesía mundial –clasificada por países, por idiomas-, autores, editoriais, webs de poesía, e moitos recursos máis para facernos lectores de poesía.

-A editorial Literatura Vertical, única no seu campo que imprime poemas ilustrados, en vinilo para pegar nas paredes. Polo de agora só dá a posibilidade de solicitar os poemas dispoñibles en catalán, español ou inglés. Parécenos unha gran idea para copiar, por nós mesmas ou por unha editora galega.

Non sempre hai que entrar pola porta grande á poesía; hai portas pequenas, humildes, escoradas…, que fan a mesma función: dar paso ou acceso a outro espazo, a outro mundo.

Super lúa chea

En EncienciArte o 20/03/2011 ás 21:00

A noite do 19 de marzo tivemos a oportunidade de ver a lúa un catorce por cento máis grande do habitual, algo que só acontece en moi contadas ocasións.

Nós, como todos os días, entre as rutinas do calendario lles pedimos que coloquen o estado da lúa, dedicarémoslle algo de tempo a este feito, amosándolles imaxes, e pedíndolle que a observen ao anoitecer. Tamén recorreremos a algún dos albumes infantís nos que a lúa é a protagonista, dos que xa o pasado ano, presentáramos unha escolma.

As outras historias

En ContArte o 26/02/2011 ás 09:01


No libro “As outras historias”, Paula Carballeira, recoñecida narradora oral, recolle esas pequenas cousas que están agochadas e que nin sequera se sabe que existen. Todas elas están dedicadas a quen pensa que…, entre outras:

-Historia da princesa Adela, para quen pensa que todas as princesas son fermosas e que se es fermosa es feliz…

-Historia do demo pequeno, para que pensa que só existen demos grandes, hainos tamén pequechos e non son precisamente tenros…

-Historia dunha pantasma, para quen pensa que as pantasmas meten medo…

-Historia dunha noite de medo, para quen pensa que hai que fuxir do medo…

-Amor a primeira vista, para quen pensa que sendo animal non tes problema…

-Historia das luras xigantes, para quen pensa que o mar está para  bañarse no verán…

-Historia do neno na cadeira de rodas, para quen pensa que só se pode andar cos pés…

-Historia do ladrón cego, para quen pensa que as cousas son súas e de ninguén máis…

-Historia dos Fellamancos, para quen pensa que todo debe ter sentido…

Malia que está publicado na colección Árbore de Galaxia orientada a un público de oito anos en diante, a nós, parecéronnos ben orixinais e poéticas para contar nas nosas aulas de cinco anos.

Kamishibai

En InformArte o 19/01/2011 ás 15:38

Segundo a Wikipedia, Kamishibai significa “drama de papel”, que é unha maneira de contar historias que se orixinou nos templos budistas de Xapón no século XII, onde os monxes empregaban as imaxes para aleccionar ás persoas analfabetas. Neste programa da TV peruana fálase da traxectoria do Kamishibai a través do tempo e polo mundo adiante, e nestoutro explícanos en que consiste.

Nós soubemos desta técnica, grazas a editorial Siete Leguas, que está publicando contos para ser empregados no teatrillo do kamishibai, en A-3 e A-4, mesmo ten unha páxina en Facebook onde van recollendo todas as novidades e experiencias de quen o emprega.

Gustounos polas posibilidades que lle vimos, desde ser unha excelente maneira de cativar a atención dos nenos mentres escoitan unha historia, a que sexan eles mesmos quen preparen as imaxes para ser contadas no kamishibai.

Unha noiva graciosa, vistosa, preciosa

En ContArte o 14/01/2011 ás 17:59

Atopamos na nosa librería de cabeceira, unha desas pequenas xoias que pasan desapercibidas, un libro que nos fala da escasa importancia da imaxe exterior, da influencia das revistas de moda e do valor dos sentimentos e dos afectos por riba de todo. De esguello, tamén de que menos é máis.

Una novia, graciosa, vistosa, preciosa” de Beatrice Masini, con orixinais e suxestivas ilustracións de Anna Laura Cantone, en Tuscania Editorial, cóntanos como Filomena, unha virtuosa modista, especializada en vestidos de voda, soña con coser un moi especial para ela, así pasa o día mirando as revistas de moda; é no único que pensa. En tanto Ferruncho un tímido mecánico decídese a declararlle o seu amor e pedirlle matrimonio; desde aquela, Filomena non ten tempo para nada máis que para poñerlle adobíos ao seu fantástico vestido, nin tan sequera para estar co noivo, dille que despois da voda xa poderán pasear, subir ás montañas ou ao que sexa. Tras un trepidante día da voda, a historia terá un desenlace deses dos que se poden tirar moitas conclusións sobre da importancia das vestimentas, dos sentimentos e dos afectos nas relacións.

Especialmente dedicado a todas as nenas que soñan con vodas principescas e con top models.

O inesperado agasallo de Papá Noel

En ContArte o 10/01/2011 ás 00:01

Malia que o Nadal xa quedou atrás coas súas boas acción e intencións, recomendamos este libro para quen lle guste escoitar contos sobre a felicidade que sempre anceiamos.

“Imaginemos a un Papá Noel que pone todo su empeño en encontrar el destinatario apropiado para cada regalo y el regalo apropiado para cada niño en esta era de exceso en la que todos tenemos más de lo que necesitamos. Una divertida y hermosa historia sobre la verdadera felicidad, esquiva y caprichosa, pero que siempre termina llegando a quien la espera. “

El inesperado regalo de papa Noel”, un traballo de Eva Heller e Michael Sowa, unha delicia da exquisita editorial Bárbara Fiore.

Absterse de lelo aqueles a quen xa lle chegou o que esperaban, os demais poderán facelo en calquera época do ano.

Una mà de contes

En ContArte o 22/12/2010 ás 19:10

Una mà de contes é un programa da televisión pública catalana que tamén ten unha versión radiofónica. Ao parecer en catalán “unha man de contos” e “un mar de contos” pronúnciase de forma bastante parecida, e con isto xoga o título do programa.

Na versión radiofónica, os personaxes dos contos tradicionais falan entre eles e cos locutores; pero na versión televisiva unha voz en off vai contando un conto e acompáñase de imaxes nas que se ve a un artista ilustrando a historia empregando distintas técnicas –debuxo, collage, estampado, acuarela…-; o resultado: extraordinario. Os contos son narrados en catalán, pero co apoio das imaxes, e o coñecemento que temos deles, permítenos seguir a historia sen ningún problema. Tamén se lle poden engadir subtítulos en outros idiomas.

O programa, que recibiu o Premio Nacional de Cultura da Generalitat de Ctalunya, conta cun web, no que podemos acceder aos vídeos dos capítulos emitidos. Alí atoparemos os contos clasificados segundo os personaxes, o seu lugar de orixe, o seu autor ou a técnica empregada na ilustración.

Desde o web pódese acceder ao blog -no que recollen actividades realizadas e noticias relacionadas- e aos “Tallers”, alí veremos:

-“Contes il lustrats”, no que se poderán compaxinar as imaxes e o texto de forma libre e imprimir o resultado ou enviar a un amigo/a.

-“Dibuix”, nesta sección podes debuxar o teu conto preferido ou crear personaxes e situacións para un conto. Ao remate permite reproducir o proceso e finalmente, imprimir ou enviar.

-“Retall i composició”, aquí, pódese cambiar a textura e a cor dun papel virtual que despois recortarás ou teu gusto, e con esas formas compoñer personaxes e escenarios. Dá a opción de imprimir/enviar ou gardar para rematar noutra ocasión.

-“Subtitulat”, poderemos poñer subtítulos en distintos idiomas, ou escribir un conto novo cambiando o texto que acompaña as imaxes.

Paga a pena navegar devagar polo web pois encontraremos moitas posibilidades de uso nas aulas, máis alá do valor literario, que xa de por si é importante.

Navidad. Cuentos, poemas y canciones

En ContArte o 20/12/2010 ás 21:21

Estamos nun momento que non sabemos se falar do Nadal ou non, se cantar panxoliñas ou non, se celebrar algo ou non…; non sei se debido ás nosas teimas ou por receo aos prexuízos sociais. Máis alá do que queren reducila –o festín consumista- é un feito cultural, e sempre que non atentemos aos dereitos doutras persoas de culturas diferentes cremos que podemos tratala na escola. Ás veces somos tan respectuosos “de pacotilla” que esnaquizamos a nosa cultura, digo de pacotilla, porque caemos en ridiculeces totalmente triviais e cando realmente algo é importante canto ao respecto da diversidade cultural non se ten en consideración. En calquera caso, cremos que debemos amosarlle aos rapaces o que é o Nadal e todas as construcións culturais arredor del: musicais, literarias, artísticas…, xa que logo, nós axudamos a artellar o coñecemento máis alá de ideoloxías e confesións.

Porén, salientamos esta publicación de El Aleph infantil, “Navidad. Cuentos, poemas y canciones”, un álbum fermosamente ilustrado, no que recompilan contos tradicionais de todo o mundo e unha escolma de cancións e poesías que forman parte da nosa tradición. Desde os grandes contos de Andersen e os irmáns Grimm, ata a poesía de Lope de Vega, pasando polos textos e melodías máis belas sobre a maxia do Nadal. Entre outros atoparemos:

“La llave de oro”, dos irmáns Grimm, ilustrado por Anne Romby.

“La muchacha de las cerillas”, de H.Christian Andersen, ilustrado por Anne Romby.

“La leyenda de Ichilok, el cuarto Rey Mago”  unha adaptación de Anne Dorville e ilustrado por Anne Romby.

“La leyenda del año bonachón”, adaptación de Anne Dorville, ilustrado por Anne Romby.

“La verdadera historia de Papá Noel” de Colette Seigue, ilustrado por Élodie Nouhen.

“La leyenda de los trece pedidos”, adaptación de Anne Dorville e ilustrado por Élodie Nouhen.

“Scouarn el bretón”, adaptación de Anne Dorville, ilustrado por Gianni de Conno.

“La gata de Dovre”, de Christen Asbjornsen y Jorgen Moe con ilustracións de Maud Riemann.

“Navidad, Navidad” “El abeto”, “Ya vienen los reyes”, La adoración de los Reyes”, cancións populares tradicionais (só letra), ilustrados por Dominique Thibault.

“Esta noche nace el niño, canción popular tradicional (só letra), ilustrada por Stéphane Poulin.

“No la debemos dormir” poema de Fray Ambrosio, ilustrado por Stéphane Poulin.

“Romance del Nacimiento”, poema de San Juan de la Cruz, ilustrado por Stéphane Poulin.

“Los tres Reyes Magos”, poema de Rubén Darío con ilustracións de Stéphane Poulin.

“La mañana de los regalos de Año Nuevo”, poema de Arthur Rimbaud, ilustrado por Léa Weber.

“Duerme mi niño”, poema de Lope de Vega, ilustrado por Isabelle Forestier.

Un bo petisco da tradición literaria arredor do Nadal. Mesmo para recomendar ás familias.

O Soldadiño de chumbo

En ContArte o 20/12/2010 ás 21:20

A editorial Galaxia, xunto con Continental Games e Moonbite veñen de presentar “O soldadiño de chumbo”, unha versión galega do conto de Andersen. O libro abre a colección Contos de cine e está editado en gran formato cun DVD coa curtametraxe de animación –en galego, español e inglés- feita en stop motion, rodada no 2008 no Museo do Xoguete de Allariz e dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde, con música de Emilio Aragón. Inclúe unha aplicación para o iPad.

Contos sobre os contos

En ContArte o 18/12/2010 ás 09:00

Estas son as nosas últimas adquisicións de literatura infantil: tres contos que remasterizan ou misturan outros contos clásicos.
-”As manoplas de Carapuchiña“, de Inés Almagro e Mikel Mardones en OQO. Na recensión da editora sinalan: Este conto popular foi obxecto de incontables versións. Un abano amplo de interpretacións que non se reduce á aleccionadora de Charles Perrault ou á edulcorada dos Irmáns Grimm. Así, figuras de prestixio da literatura infantil e xuvenil como Roald Dahl ou Gianni Rodari revisitaron desde o humor e a ironía este clásico para vestir de amarelo a Carapuchiña ou dotala dun arma coa que conseguir un abrigo quentiño de pel de lobo. feito de que a historia non transcorra como convencionalmente é coñecida ou como Carapuchiña ten protagonizado reiteradas veces sorprende ao lector e desconcerta á protagonista. —Que raro! –dixo Carapu, mentres poñía a carapucha– No meu conto nunca neva!


-“Alicia Patapam en los cuentos”, de Gianni Rodari e Anna Laura Cantone en Lumen. Alicia Patapam descubre o pracer da lectura e métese nunha aventura que lle permite coñecer a personaxes doutros contos como a Bela Durminte, ao lobo de Carrapuchiña, ao Gato con Botas… Observó la primera página mientras se le escapaba un enorme bostezo, pero en la segunda, su atención era como la de un caracol cuando saca sus cuernos poco a poco. En la tercera página, ¡estaba tan interesada que cayó de cabeza dentro del libro!


-”Un conto cheo de lobos“, de Roberto Aliaga e Roger Olmos en OQO. Había lobos grandes e lobos pequenos. Lobos durmidos e lobos espertos. Lobos xigantes, lobos ananos… e lobos con máis de cen anos. Había lobos de todas as cores: verdes, azuis, vermellos… Había lobos con lentes e lobos con sombreiro. Lobos que escribían cartas, lobos trampulleiros e lobos que mexaban sobre un formigueiro. O conto estaba cheo de lobos!
Roberto Aliaga preséntanos neste relato un orixinal universo onde os lobos de todos os contos conviven xuntos á espera de ser chamados para o seu próximo acontecemento literario. Nesta especie de limbo, en que cada un se entretén a súa maneira, a alerta do Lobo Papón da falta de comida mobilízaos por un mesmo obxectivo e unha necesidade compartida: saciar a fame.

Lecturas de andar por casa

En AlfabetizArte o 11/12/2010 ás 09:32

A FGSR vén de presentar unha canle informativa dirixida ás familias con suxestións de lectura para persoas adultas, nenos e mozos. Conta cunhas seccións fixas a través das cales se propoñen a lectura dun artigo e unha monografía relacionados coa promoción da lectura desde o fogar; recomendacións de lecturas para distintos tramos de idade, e unha sinxela actividade para realizar cos fillos e fillas.

Nós xa lle facilitamos a ligazón ás familias do noso alumnado, pero de cando en vez iremos enviándolles algún deses artigos sobre a lectura na casa, como o do boletín 4, “El hogar como caldo de cultivo en la formación de lectores”, de Luis Bernardo Yepes Osorio, publicado na revista Educación y Biblioteca, nº 140 de 2004.

Gustounos ilustrar esta entrada co cartel da Fundación para o Fomento da Lectura, obra de Óscar Albeiro Soacha.

Contoplanet

En ContArte o 11/12/2010 ás 09:32

Probamos a oportunidade que nos ofrece Contoplanet de descargar de balde desde a tenda de Apple Store a aplicación que se fixo arredor do libro de Fina Casalderrey e Andrés Meixide, “Puag que noxo”, e certamente cremos que é moi salientable como unha editora galega, Galaxia, se proxecta de cara ao futuro.

Alí mesmo podemos ler que “ContoPlanet é unha aplicación de contos infantís para iPhone e iPad, que converte cada historia nunha experiencia emocional, intuitiva e amable. Seleccionamos unha serie de contos pertecentes á colección Arbore, da Editorial Galaxia. Cada conto foi dixitalizado, traducido a tres idiomas e narrado por profesionais. Engadíronse zonas táctiles, efectos de son e animacións, de modo que podemos desfrutar cada conto de diversas formas, con múltiples combinacións que o fan diferente e especial.

  • Todos os contos inclúen tres idiomas, así como a opción de amosar e ocultar os textos do conto.
  • Poderás ver e escoitar os contos de forma automática, como se se tratase dunha película, na que a historia vai pasando sen necesidade de tocar a pantalla.
  • Tamén poderás pasar as páxinas do conto de maneira manual e desfrutar así con zonas táctiles interactivas, sons, efectos de paso de páxina, animacións e movementos dos personaxes en preciosos escenarios con vida propia.
  • Os usuarios máis atrevidos poderán substituír a voz do narrador nos contos pola súa propia, dedicar o conto a alguén e incluso ocultar os textos e cambiar a historia ao seu antollo, creando así o seu conto personalizado.
  • Outra interesante posibilidade é a de seleccionar os textos do conto nun idioma e a narración noutro, algo fantástico para practicar e aprender idiomas.”

Sabemos que, polo de agora, eses dispositivos non chegaron á escola, pero tamén sabemos que hai outros moitos eidos, coma o familiar, nos que hai que incidir no fomento da lectura e da lingua galega, adaptándose aos novos tempos e mudando os discursos trasnoitados.

Parabéns a Galaxia. Polo que puidemos ler no seu blog, unha semana despois da súa posta en marcha, xa levan máis de 1000 descargas desde 35 países. O producto galego no mundo, un motivo de satisfación para todas e todos os galegos.

Érase que se era…

En ContArte o 29/11/2010 ás 21:13

No Blog Bibliopoemas da Biblioteca pública de Cocentaina –todo un referente na animación lectora-, esta semana dedican unha entrada ás fórmulas de inicio e de peche dos contos. Isto fíxonos recordar que cando lemos un conto na clase, malia que non somos partidarias de desvirtuar o máis mínimo o escrito, sempre botamos a faltar esas chaves máxicas que metaforicamente nos introducen no mundo imaxinario dos contos. Velaí a relación que publican en catalán, español e galego:

Inicio:
Era unha vez…
Había unha vez…
Nun lugar remoto…
Hai moito, no tempo dos soños…
No inverno, na época da lúa chea…
Nun tempo no que a Terra aínda era nova…
Certo día…
Hai moitos centos de anos…
Noutros tempos máis antigos…
Érase que se era…
Vivía unha vez…
Nos tempos de María Castaña…
Para saber e contar e contar para aprender…
Hai moito tempo, cando os animais aínda falaban…
Hai moitos anos, cando o mundo estaba formándose…
Había unha vez, nun vello país…
Hai moito tempo, cando as galiñas tiñan dentes…
Aínda que é difícil de crer, unha vez pasou… 
Peche:
Foron felices, comeron moitas perdices e a min déronme coa porta nos narices.
E viviron felices moitos anos.
E colorín colorete, pola cheminea vai un foguete.
E viviron felices para sempre.
E viviron felices ata o final dos seus días.
Colorín colorado, este conto xa está acabado.
E así será para sempre.
Entón, o galo cantou e este conto rematou.
Acabouse o conto e levouno o vento…

Nalgunha outra ocasión xa temos falado tamén do web Orella Pendella no que se recompilan ditos, recitados, trabalinguas, acumulativos, etc da tradición oral galega.

Por outra banda, o Web LitOral, é unha fonte inesgotable de recursos da tradición oral: experiencias de centros educativos entorno á literatura oral, textos, entrevistas, recursos, estudos, gravacións, mostras sonoras, decálogo de boas prácticas, etc. Contan cunha actividade “Pasos contados” que se trata de roteiros de unha o media xornada que se realizan na fin de semana para coñecer lugares e tradición orais do Estreito de Xibraltar en familia . Para copiar!.

Aparellos sinistros

En ContArte o 20/11/2010 ás 15:03

Que sinistro aparello apareceu na selva de Ngorondón que ten a todos os animais aparvados mirando cara el? Que musiquiña e que imaxes fixeron que deixaran de correr, brincar, xogar…? “Maxia mala!”.

No Día Mundial da Televisión, unha extraordinaria recomendación de lectura que cativa aos rapaces desde o primeiro momento, mantennos expectantes mentres van repetindo e engadindo o nome de todos os animais que miraban hipnotizados para “aquela cousa”. “Misterio na selva de Ngorondón”, de Alberto Varela Ferreiro -tamén autor das súas exóticas ilustracións-, publicado en Galaxia. Pódese ver un avance nesta ligazón ou algunhas das súas imaxes na galería de arte de Galaxia. Ler o resto desta entrada »

“El Otoño”

En ContArte o 02/11/2010 ás 08:08

Acabamos de descubrir o álbum “El otoño”, escrito e ilustrado pola arxentina Claudia Deglioumini, publicado en Sieteleguas. “Está llegando el Otoño con su larga bufanda y su amor abrigado / El Otoño huele a chocolate / Enciende los colores y nos invita a jugar / A recordar / El Otoño suspira / Avanza / ¿Adónde va el Otoño? / A encontrarse con su amada / la Primavera.
Tras el, virá “El invierno” da mesma autora. “Una mañana se despertó. Ya era tiempo, tiempo de crecimiento interno, de creación, de búsquedas, de encuentros, de abrazos, de festejos y meriendas. Es que el amor, ¡mueve montañas!”
Unha beleza de libros, cun texto absolutamente poético e cunhas imaxes cargadas de lirismo. Unha maneira de coñecer as estacións sen caer no didactismo.

Morcegos no Halloween

En ContArte o 27/10/2010 ás 20:30

Con toda a campaña de consumo orquestrada arredor do Halloween estamos totalmente “invadidos” de arañas, arañeiras, morcegos, bruxas e outros. Xa falaremos do Samaín e do Halloween, pero o segundo está totalmente mercantilizado; seica, economicamente falando, en EEUU esta celebración é a 3ª máis produtiva.

Os nosos rapaces teñen sentimentos ambivalentes con respecto á celebración: gusta e asusta por igual. Un dos atrezzos que máis medo lles dá son os morcegos. Para moitos de nós, cando tíñamos a súa idade e non tíñamos o influxo da cultura audiovisual, os morcegos eran un elemento máis das noites de verán nas eiras. Logo veu todo o que veu coas películas e os contos de vampiros, e xa non víamos morcegos de igual xeito. Gustounos a reflexión que fai Xavier Queipo sobre os morcegos e a infancia, ao fío do libro que comentaremos deseguido.

Xa que logo o noso alumnado está arrepiado e medorento cos vampiros, decidimos que era un bo momento para ler “Marcelo o morcego”, un conto de Beatriz Fraga Cameán, publicado en Galaxia. Marcelo é un morcego ao que lle gustan máis os grelos que os mosquitos, por iso acaba tornando de cor verde. Un personaxe tenro e gracioso que se rebela contra as imposicións familiares, e que nos fai volver unha mirada agarimosa sobre estes animais.

Para continuar coa nosa sesión de “desmitificación” dos morcegos coma vampiros, buscamos información na rede, así souberon que son mamíferos aínda que voan, que os hai por todo o mundo, que existen máis de mil especies diferentes, que habitualmente teñen unha cría por ano, que apenas ven pero que se orientan polo son do eco –ecolocación-, que as súas alas son unhas finas membranas de pel, e que hibernan desde o outono ata a primavera. En canto aos seus hábitos alimenticios –do que máis lles preocupaba- hainos insectívoros, frutívoros, carnívoros, piscívoros e moi, moi poucos hematófogos. Tamén soubemos dos beneficios que lle reportan ao home e que hai unha Asociación Española para a Conservación e Estudo do Morcego.

E, daquela maneira que sabemos facelo os profesionais da educación e algunhas outras persoas como Beatriz Fraga, fixémoslle ver que, ás veces, un pode ir en contra do que está determinado. Todo iso a partir da decoración do Halloween: lendas e supersticións sobre unha criatura inofensiva, alimentación e autoimaxe positiva; pois non é pouca cousa! Sen contar que rematamos facendo morcegos de origami -estes de cor verde- e outras actividades que non requiren de cartos.

Pinceladas en el mundo

En CativArte,ContArte o 21/10/2010 ás 15:02

Ao falar de literatura infantil, é case obrigado mencionar a ilustración. Atopamos un blog- revista de ilustración nos libros infantís e xuvenís, Pinceladas en el mundo, que consideramos pode ser do interese das profesionais da educación infantil, porque nel recóllense e organízanse todo tipo de ilustracións. Permite facer procuras por ilustradores –incluso polas súas nacionalidades-, por asociacións, editoriais, ou de revistas e blogs sobre a ilustración. Permite agrupar as entradas, vendo unha escolma de ilustracións do outono, do Halloween, de Carrapuchiña Vermella, gatos, e un sinfín de temas. Cremos que nos pode dar moito xogo co noso alumnado.

Como se fai un libro?

En ContArte o 21/10/2010 ás 15:01

No Día Internacional das Bibliotecas escolares, poida que nos guste amosarlle ao noso alumnado o proceso de elaboración dun libro. A editorial Combel con motivo da presentación de “10 viajes y 1 sueño” acompáñao co making-of do mesmo. Vemos o traballo dunha escritora, da ilustradora –neste caso é un libro de pop-up- maquetadores, etc. O esforzo de moitas persoas para que nós gocemos coa lectura.

XII Salón do Libro de Pontevedra

En ContArte o 21/10/2010 ás 14:59

No mes de febrero de 2011 celebrarase o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, organizado polo Concello de Pontevedra. O pasado ano recibiu a visita de máis de 35.000 persoas, das cales unhas 25.000 era público infantil e xuvenil.
A temática elixida para esta edición é ‘É mentira’ sobre a que haberá unha exposición de títulos, a máis dun espazo de lectura para o público infantil e xuvenil. No Salón do Libro colaboran, ademais, centros educativos de Pontevedra e outros concellos de Galicia, que realizan actividades e traballos baseados na bibliografía recomendada para Educación Primaria e Secundaria en relación ao título de cada ano.

A mentira é inherente á literatura; a mestura entre o real e o irreal, o máxico, o onírico e o absurdo é o que axuda a que o feito do que parte o autor trascenda. Porén, poucos libros quedarán fóra desa temática elixida, salvo aqueles que case non merecerían a consideración de literatura, aqueles que son outra cousa.

Bocaberta 2010-2011

En ContArte o 21/10/2010 ás 14:58

Xa está en marcha a nova campaña de dinamización lingüística “Bocaberta 2010-2011” Entre as actividades desenvolvidas polas distintas editoras galegas para todas as idades atopamos, dirixidas ao público infantil:

-Musicais: “En clave de conto” de OQO; “Ola, ola, la!” de Galaxia; “Canta música” de Pablo Díaz 

-Maxia “Abrapalabra” de Galaxia

Un total de 747 accións, que se realizarán en todos os concellos de Galicia -ver calendario- e que chegará a máis de medio millón de rapaces e rapazas de entre 3 e 18 anos.

Cal é a LIX de calidade?

En ActualizArte o 13/09/2010 ás 21:00

Se houbo unha constante ao longo de todo o 32º Congreso IBBY foi falar da Literatura Infantil e Xuvenil de calidade (LIX) –aínda que non tiven o pracer, supoño que sería igual en todas as anteriores edicións do encontro internacional-, mais para os profanos xurde inmediatamente a pregunta: que é o que diferenza un libro de calidade doutro que calificaríamos de mediocre? É obxectivable ? Pódese cuantificar?

Tratouse decote a necesidade de orientar aos mediadores, docentes, axentes de dinamización cultural…, para que elixan lecturas de calidade, pero cales son estas? Ou deixámolo á arbitrariedade dunha crítica que en moitas ocasións opina avalándose en criterios que pouco teñen que ver co “peso” da obra?

Trala intervención de Teresa Colomer, na rolda de preguntas, pedíronselle pautas. Ela respondeu que pouco sabemos dos motivos polos que un libro conecta cos lectores. Valorar a calidade é moi complexo, continuou; na comida, na bebida, na arte…, faise por comparación; se alguén non pode comparar, non pode saber se algo é máis bo ou menos malo. Pero segundo ela, ata o libros mediocres son necesarios; serán un referente. Remitiunos a Emili Teixidor. Este autor catalán, no seu artigo “Estrategias del deseo o trucos para leer”, gañador do VI Premio Periodístico sobre a lectura da FGSR, no 2005, di que “todos os lectores buscan nos libros unha metáfora da felicidade.”, será logo, que os libros de calidade son os que abren unha porta á esperanza. Recomendamos encarecidamente a lectura deste artigo.

E recomendamos, tamén, a lectura de “Siete llaves para valorar las historias infantiles”, obra dirixida por Teresa Colomer, para a FGSR, publicada no 2002 e froito dun seminario no que participaron, entre outros, L.M. Cencerrado, Antonio Ventura, Teresa Corchete, Xabier P. Docampo e moitos máis expertos en LIX. Estrutúrase en oito capítulos, sete deles centrados en aspectos integrantes dos libros álbum, sendo o oitavo a visión de conxunto. Ao remate de cada un deles, da unhas pautas sobre cuestións a ter en conta con respecto a cada un deses elementos constitutivos da obra.

No 1º capítulo trátase sobre a imaxe e a súa relación cos textos infantís. O 2º imaxina o itinerario dun lector que se familiariza progresivamente coa forma que teñen as historias da nosa cultura. O 3º, parte da idea de que os libros lle falan aos nenos e nenas a través do conxunto de voces dos seus narradores. O 4º alude á experiencia estética, á forma na que se fusionan as artes plásticas e a literatura. O 5º céntrase na posibilidade de multiplicar ou expandir a experiencia propia a través da vivencia dos personaxes. O 6º trata da posibilidade de ampliar as fronteiras do contorno coñecido a través dos libros. E o 7º, contempla os libros como unha porta de entrada do lector na vida.

De seguro que cando eliximos unha obra ten máis que ver con cuestións emocionais e totalmente subxectivas, polo que é interesante coñecer os ítems observables nunha obra para considerala de calidade. “Siete llaves para valorar las historias infantiles” xunto con “La formación del lector literario”, son lecturas altamente recomendables, para profesionais da educación, especialmente para integrantes de equipos de dinamización da biblioteca escolar.

Círculos concéntricos

En InformArte o 12/09/2010 ás 23:00

A última conferencia plenaria do 32º Congreso IBBY foi impartida hoxe polo coñecido poeta, escritor e membro da RAG, Manolo Rivas – el sempre se define como un “contrabandista de xéneros”, pois seica que cando escribe un poema quere contar unha historia, e cando fai un conto quere que se poida ler como un poema longo. O ton da conferencia foi totalmente distinto a todas as demais. Coa singularidade e lirismo que o caracteriza, ao longo dunha hora foi debullando e tecendo recordos da súa infancia cunha erudición sobre o tema obxecto da súa intervención “A literatura de insurxencia”.

Carente de todo tipo de artificio tecnolóxico, amosou a unha audiencia internacional un debuxo feito por el mesmo similar aos motivos de círculos concéntricos que se atopan en moitos dos petroglifos galegos, a primeira escrita galega, feita con sílex gravando o “texto” sobre a pedra; os primeiros graffitis atlánticos. Unha escrita indeleble, ao igual que a escrita na lingua, a escrita no aire, a tradición oral, que permanece na cultura grazas ao paso de lingua en lingua. O primeiro e central círculo das composicións concéntricas dos petroglifos, segundo o paralelismo que el estableceu coa literatura.

Botando man dos “efectos especiais” que traía nunha pequena maleta, e que nos remitían a moitas das súas obras e máis a esa sabedoría popular galega –bola do mundo, minilibro, cunchas de vieira-, Rivas foi centrando a súa disertación no conto como insurxencia dentro da literatura. Insurxencia entendida como o que se alza, o que se levanta, e sobre todo, como un erguerse, un espertar…, as palabras en pé. A LIX ten ese carácter insurxente, anovador, tanto nas formas coma nos contidos.

Reivindicou a necesidade do conto; analizou as súas funcións; mencionou a morfoloxía dos contos de Vladímir Propp, a condensación que delas fixo Gianni Rodari, e que el mesmo reduce a “tres”: os afectos e o medo ao abandono.

Vencellou o lema do congreso “A forza das minorías” cunha cita do poeta portugués Miguel Torga, “O universal é o local sin paredes”.

Ao noso entender, conferencia de Manolo Rivas foi coma escoitar un conto; de seguro que cadaquén fixo a súa propia lectura e interpretación; non seremos quen de recordar a trama, só algúns detalles, pero quedámonos cos valores apuntados.

Grazas a quen tan ben soubo retratar a un bo mestre, a anguria dun alumno novo na escola e o pracer de aprender, no seu relato “A lingua das bolboretas”.

“A literatura infantil: unha minoría dentro da literatura”

En ContArte o 11/09/2010 ás 12:12

Este é o título da conferencia á que asistimos esta mañá impartida pola doutora Teresa Colomer no marco do 32º Congreso IBBY. Experta investigadora en literatura infantil, autora de libros e de máis de 200 artigos sobre a LIX, centra o seu traballo na análise da literatura denominada infantil, no pasado, no presente, e sobre todo, avanza as tensións ous desafíos aos que se terá que enfrontar para acadar a calidade literaria e a formación de lectores. Entre outros temas abordou os que segue:

Literatura contra pedagoxía; falou da artificialidade dos libros clasificados por idades e por temas; os libros alleos á experiencia literaria, seguidores desa política da corrección, libros escritos baixo o ditado dos contidos curriculares. Isto fíxonos lembrar unha entrevista a Manuel Janeiro con motivo da presentación da súa obra “A abella abesullona”, na que di que “un dos grandes males da actual LIX é que, aparte de ser, ás veces, refuxio de malos escritores, énchese intencionadamente de obxectivos psicopedagóxicos. Estes, os valores didácticos ou sociais deben darse, pero implicitamente”. O impacto desas obras nos lectores aínda non se coñece.

Literatura sen adxectivos; na actualidade enténdese a LIX como literatura, algo que non sempre foi así, xa que había un grande desprezo por este campo –exceptuando o folclore xa que se entendía que este non fora creado exclusivamente para nenos-, por fortuna agora vese cunhas novas –“gafas valorativas”.

O debate cultural: a conquista colectiva da visibilidade nos medios de comunicación. A medida que o sector ía medrando, ampliábase a queixa da escasa atención dos medios sobre este apartado, malia que mellorou bastante nos últimos tempos non é para celebrar os éxitos.

A tea de araña da animación lectora; contacontos, portadores de maletas institucionais, autores que comentan as súas obras, promotores de lectura que sobrecargan aos xa superados docentes, todo un elenco de personaxes que pululaba polos centros en pleno xarampón da animación lectora e da que non se demostrou a día de hoxe a súa incidencia na formación de lectores. Ler require silencio constancia e complicidade, algo que non se pode lograr con accións anecdóticas e puntuais.

As leis do mercado, a marea da mediocridade; hogano existen diversidade de xéneros, traducións de obras estranxeiras, premios que fan que cada vez que publique máis. Pero tamén hai un ataque ás editoriais acusándoas de moverse por criterios mercantilistas. Unha marea de mediocridade invade as obras que esterilizan o interese do lector co didactismo. Segundo Colomer, para ler eses libros é mellor dedicarse a outra cousa. Apúntase tamén á responsabilidade dunha crítica que escolme o gran da palla.

A imaxe; esta forma parte da LIX desde sempre. Na actualidade, nos albumes, libros álbum atopamos imaxes froito da fusión cos códigos artísticos contemporáneos. A beleza dalgún destas imaxes xa é motivo dabondo para mercar un libro, pero moitos deles só viven do impacto do consumidor, son espectaculares, suxestivas, e algunhas delas, ata banais. Traspasan ao lector a responsabilidade de darlle sentido. Aínda non se sabe como funciona a lectura de libros álbum, como funciona o lector na fusión do código visual e do código escrito. Queda por analizar os efectos desa literatura infantil e o interese posterior dos nenos pola lectura de textos carentes de imaxe.

Novas formas de ficción: un novo reparto da baralla; hai libros que xa nacen emparentados coas pantallas –videoxogos, cinema- estes tránsitos conlevan unhas características na migración entre pantallas, máis acción, textos cortos, etc que non sabemos como afectará isto á literatura infantil de calidade, hai que indagar se é posible a dualidade dunha experiencia ficcional e literaria potente.

Coa súa exposición Teresa Colomer axudounos a visualizar a forza que tivo que facer a LIX de calidade para lexitimar a súa parcela, pero afortunadamente estamos nun momento no que hai máis e mellores libros, que chegan a máis nenos que nunca. Rematou enlazando co lema do congreso dicindo que a LIX dentro da literatura é a forza das minorías.

Velocidade X Tempo = ?

En ContArte o 18/06/2010 ás 18:58

Lemos en EDUGA nº 58 un artigo de opinión titulado “Educación infantil ou culto á velocidade”, da profesora Concepción Sánchez Blanco da UDC. “A présa que nos envolve é unha violencia estrutural que atura a infancia a miúdo, tanto na vida familiar como na escolar. Facer as cousas no menor tempo posible converteuse nunha demanda e nunha expectativa dende o mesmo instante do nacemento, que se vai pegando á identidade dos suxeitos conformándoa dende ben cedo. Pero a rapidez coa que hai que liquidar a actividade cotiá crea e acentúa a distancia social entre o adulto e o rapaz, cando deberan estar intrinsecamente unidos, porque un non se pode concibir nin reconstruír sen o outro. O fenómeno evidénciase, tanto nas prácticas familiares, como nas que se levan a cabo nas escolas infantís e centros de infantil e primaria. Este artigo pretende pór de manifesto algunhas contradicións, tomar conciencia delas e reparalas.

Con moito tino, pregúntase a autora, se as escolas rápidas producen nenas e nenos veloces; remata coa recomendación de minorar, parar e reflexionar. Gustounos porque coincide no fondo co que temos dito neste blog nalgunha que outra ocasión en “RebelArte”.

O martes despedirémonos dos cativos, pero o mércores volveremos a velos a case todos no centro; comezan coas actividades do verán, os ludiveráns, os veráns lúdicos, os veráns divertidos…, unha morea de actividades sen fin, dunha noutra, sen tempo nin para descansar, cos minutos todos ocupados; serán así, tan divertidos para os nenos e as nenas?, porque é máis do mesmo: présas, apuróns, madrugar, a escravitude do reloxo… Cando volvamos en setembro, estes nenos estarán relaxados e descansados?, non terán dereito a un merecido descanso?, ou é que a “diversión” ben paga a pena? O bo é que todos parecemos decatarnos de que esta présa non nos conduce a nada, pero non somos quen de pórlle remedio.

Nesta semana, a editorial Galaxia publicou “Un home impuntual”, de Pepe Cáccamo, no que reflexiona arredor do tempo através dun home que chega tarde a toda partes. Tamén recordamos o libro “O tempo voa”, de Joao Pedro Messeder, publicado en Kalandraka. Un conto rimado que entraña unha seria reflexión sobre a aceleración da vida actual e sobre o escaso tempo dedicado a vivir a vida con plenitude. Nel dise que precisaríamos un mes máis cada ano, un día máis cada semana, unha hora máis cada día, para rir, para compartir, para ser felices.

Saramago

En ContArte o 18/06/2010 ás 18:55

Chéganos a triste nova do pasamento do escritor luso José Saramago, premio Nobel de Literatura. A modo de recordo e homenaxe, recollemos parte dunha entrada deste blog, na que mencionábamos a súa obra “La flor más grande del mundo”:

Moitos dos grandes da literatura teñen feito as súas incursións no mundo infantil, malia que en palabras de José Saramago, no seu conto “La flor más grande del mundo”, é moi difícil escribir historias para nenos porque hai que seleccionar moi ben a linguaxe que se emprega e o que se quere contar. No mesmo, remata dicindo, “E se os contos infantís forem de leitura obrigatórias para adultos? Seríamos realmente capaces de aprender o que, desde há muito tempo vimos ensinando?”. Deste fermoso conto, a produtora galega Continental fixo un vídeo de animación que se acompaña con música de Emilio Aragón.

No seu blog, recompilación de entrevistas, declaracións e pequenos fragmentos, lemos as súas reflexións sobre, coidar a infancia, educación e instrución, escribir e ler para comprender, do autobiográfico en todo o que dicimos e facemos, a inocencia perdida, e moitas outras, a modo de pequenas pílulas revulsivas.

Lecturas verán 2010

En ContArte o 11/06/2010 ás 21:19

Chegado este momento, son moitas as familias que nos piden recomendacións de lecturas para o verán. Ás veces non é doado responder, xa que co ritmo de lecturas escolares que levamos parece que pouco máis podemos ofrecer. Pero afortunadamente, aínda nos queda moito por ler, temos a sorte que o campo da literatura infantil é un dos máis produtivos neste país.

Gustounos a escolma que fixo o Club Kiriko para nenos de tres anos en diante, para o verán 2010.

Como sempre, botamos man da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, nesta páxina recolle as súas guías de lectura organizadas por:

-Ano de publicación: lo + 2009,  lo + 2008… . ata 1996.

-Idades: de 0 a 5

-Temas: absurdo, animais, arte, humor, libros informativos, maxia, mitos, multiculturalidade, pais, periodismo, personaxes e vacacións.

-Xéneros: cómic e poesía.

-Zonas e países

-Rutas

No web de Bibliotecas Escolares de Galicia, tamén atopamos as recomendacións de lectura de varios centros educativos.

No Ano do Libro e da Lectura en Galicia, o verán tamén é para ler.

Mellores libros 2010

En ContArte o 21/05/2010 ás 17:35

O Banco do Libro de Venezuela deu a coñecer a súa selección dos Mellores Libros para nenos e xóvenes 2010.

Desde 1980, o Banco do Libro avalía e premia os libros máis reveladores, como recoñecemento e estímulo para as editoriais comprometidas coa produción de calidade. Na sección “Los 30 de los 30” recollen os libros obxecto de galardón nestas tres décadas.

Valados

En ContArte o 16/05/2010 ás 09:35

Sempre insistimos na idea de este non é un blog de crítica nin de denuncia; unicamente pretendemos suscitar unha reflexión. Reflexionar sobre o noso traballo, sobre a nosa praxe, sobre os recursos que empregamos, sobre as fontes nas que bebemos, e como non, sobre a sociedade na que vivimos. Un/unha profesional da educación non pode desempeñar ben o seu traballo manténdose ao marxe da realidade social e reducíndose ao estritamente “escolar”.

Porén, no día de hoxe, Día das Letras Galegas, queremos recomendar unha publicación recente, do Premio Nacional de Literatura Infantil 2008, Agustín Fernández Paz, titulada “Valados”. En palabras do seu autor, “é un alegato contra todos os muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois acaban cristalizando nun muro de arame e cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo á esperanza.”

Pódese coñecer máis sobre a orixe da publicación e a intención do autor en dous artigos publicados no Faro de Vigo e no Xornal con motivo da súa presentación no mes de novembro.

Unha obra sobre a división social. Un libro sobre a fraternidade por riba de muros e valados.

A pintura na literatura infantil

En CativArte,ContArte o 14/05/2010 ás 09:09

A FGSR dentro da súa colección Temas en la literatura infantil y juvenil, dedicou o nº2 a “La pintura en la literatura para niños y jóvenes”, na que se presenta unha selección bibliográfica de libros relacionados coa pintura.

A guía divídese en dous grandes bloques:

-“Leer la pintura”, con obras de ficción e de carácter informativo, organizadas por idade.

-“Arte, libros y niños”, con artigos, monografías e webs.

A selección de libros estrutúrase en sete apartados:

Galería de retratos: historias de ficción ou biografías protagonizadas por pintores con nome propio.

Historias enmarcadas: historias de aventura ou misterio que arredor de pintores u obras pictóricas coñecidas.

Onde viven os cadros: historias de ficción que se desenvolven nos museos.

E ti que pintas?: historias de ficción para achegarse á cor, ao debuxo ou á pintura.

A paleta como xogo: aproximación á cor, ao debuxo e á pintura mediante

propostas de xogo.

Saber máis sobre pintura: material informativo sobre o tema.

A publicación é do 2005, polo que se botan a faltar algúns máis recentes e xa clásicos. Engadirémolos noutra entrada.

A autoestima nos contos

En ContArte o 05/05/2010 ás 23:01

Acabamos de coñecer dous contos que nos gustaron moito e aos que lles vimos grandes posibilidades para traballar a autoestima positiva dos nenos e das nenas, estes son:

Ranilda” de Mar Pavón en OQO. Fronte ao culto á beleza que impera na sociedade actual, nesta deliciosa fábula reivindícanse outros valores como a autoestima e a amizade, cun gran sentido do humor. Ranilda, a protagonista deste divertido álbum, é unha ra moi feita, aínda que ela non o sabe. Todos os días se mira na auga, e como non lle gusta o seu aspecto, sempre está triste; dille ás mulleres coas que se atopa “Señora, se me dese un bico no papo,converteríame nun home guapo.”

El despertador del sol” de Martin Baltscheit en Lóguez. “La noche era fría. El montón de estiércol elevado. Yo nunca había despertado al Sol. Madre se encontraba en la puerta de la cuadra y asentía. Ella me creía capaz de todo. Canté. El Sol salió. Yo lo había despertado”. Con sutileza e sen caer na moralina, trata o tema da vanidade.

As nais nos contos

En ContArte o 25/04/2010 ás 20:50

Fixemos unha escolma de álbums nos que se trata o tema da maternidade e/ou relacións de nais e fillos.

Mamá osa tiene una gran barriga”, de Ophelie Texier en Corimbo; trata o tema do embarazo e da maternidade.

Mamá y yo”, de Alison Ritchie en Pearson/Alhambra; o pequeno oso describe de forma rimada as actividades que comparte coa súa nai e as características que fan dela a mellor do mundo.

Mi mamá”, de Guido van Genechten en Algar.

Mamá elefante es genial”, de Gabriela Kaselman en Alfaguara; unha nai acomplexada á que os seus fillos lle devolven a confianza en si mesma amosándolle o que a fai especial e distinta das demais.

Una mamá para Owen”, de Marion Dane Bruer en Serres; baseada nun feito real: un pequeno hipopótamo adoptado por unha tartaruga xigante. A adopción.

Mamás a porrillo”, de Teresa Durán en La Galera; que as mamás se enfaden non é signo de desamor.

La cama de mamá”, de Joi Carlin en Ekaré; ese lugar tan especial.

Quiero una mamá robot”, de Davide Cali en Laberinto; as vantaxes e inconvenientes dunha nai robot.

La vida secreta de las mamás”, de Beatrice Masini en Laberinto; a que se dedican as mamás desde que deixan os fillos na escola?

Una niña”, de Pep Carrió en Sins Entido; unha metáfora da adopción.

Días de hijo”, de Philip Waechter en Lóguez; a feliz aventura dos pais novatos.

Mamá, ti si que me entendes

En ContArte o 25/04/2010 ás 20:49

Nas páxinas 127-132 do libro “Medrando sans, de sentimento en sentimento, de emoción en emoción”, hai unha secuencia didáctica sobre o conto “Mamá, ti si que me entendes”, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. Atopase en todas as bibliotecas escolares de centros con unidades de infantil, e trata sobre os lazos de unión, o amor, a tenrura, a complicidade e a alegría nas relacións entre unha nai e un fillo.

Na secuencia recóllense actividades que dan a posibilidade de afondar nos sentimentos materno filiais, e que se poden desenvolver en calquera momento. Conta tamén cunha escolma de obras de artistas galegos que tanto na pintura como na escultura, teñen reflectido a maternidade.

Este conto foi unha segunda entrega da autora, xa que con anterioridade publicara “Eu tamén son fonte“,  igualmente con ilustracións de Leandro Lamas. Neste caso, céntrase nas sensacións, sentimentos e emocións que experimentan as mulleres cando van a ser nais. Promovido pola Federación Galega de Lactancia Materna, para sensibilizar e apoiar o aleitamento materno.

A creatividade infantil

En CativArte,ContArte o 22/04/2010 ás 21:40

Descubrimos o libro “El punto” de Peter Reynolds en Serres, aínda que non é de recente publicación. Unha fábula sobre o potencial creativo que todos temos pero que ás veces non conseguimos facer agromar. Segundo o seu autor, decidiuse a escribilo, porque cando visitaba escolas, a medida que subía de nivel, reducíase o número de nenos e nenas que, a dicir deles, sabía debuxar. Pódese ver e escoitar nunha gravación dun programa de TV arxentino de Luís Pescetti.

Para afondar un pouco, facilitamos o artigo “El pensamiento creativo”, no que se analizan as características do pensamento creativo, as etapas do proceso creador, a relación entre cultura e creatividade, así como o desenvolvemento da capacidade creadora en nenas e nenos.

Día do libro

En ContArte o 18/04/2010 ás 19:06

O vindeiro día 23 celébrase o Día do Libro e dos  Dereitos de Autor, data elixida pola UNESCO  porque nun 23 de abril morreron Cervantes,  Shakespeare e Garcilaso de la Vega, e naceron  Navokov, Laxness e Josep Pla, entre outros. Réndese unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores, ao tempo que se pretende fomentar o pracer pola lectura.

Para conmemorar esta data nas aulas, quixemos facer unha escolma literaria na que os libros son os protagonistas dos relatos; atopamos libros sobre as palabras, os escritores, as bibliotecas, os bibliotecarios, sobre quen os fai, quen os escribe e quen os recibe, así como sobre as formas de lelos.

-“Te regalo un cuento”, de Jorge Gonzalvo en Lóguez; que mellor agasallo que un conto, que mellor agasallo que un libro…

-“Mi pequeña fábrica de cuentos”, de Bruno Gibert en Thule; combinando as distintas pestanas permite crear ata 194.481 contos distintos.

-“El leon que no sabía escribir”, de Martín Baltscheit en Lóguez; os inconvenientes de ser analfabeto.

-“El libro de los libros”, de Sophie Benini en Thule; un libro de manualidades para facer un libro.

-“El libro sobre los libros del conejo Mateo”, de Frances Watts en Unaluna; unha introdución ao engaiolante mundo dos libros.

-“O incrible neno devorador de libros”, de Oliver Jeffers en Patasdepeixe; un neno que devora libros sen darlle tempo a “saborealos”.

-“Guillermo, ratón de biblioteca”, de Asún Balzola en Anaya; un rato intelectual que debe saír do seu agocho na biblioteca para vivir aventruas fóra dos libros.

O Club Kiriko elaborou un folleto informativo sobre “Libros en los libros” con recomendacións de lectura desde o 3 ata o 15 anos.

Para nós, ou para difundir a través da biblioteca escolar, dous artigos:

-“Leer para fecundar el futuro” de Kepa Osoro, no que analiza que é ler, o valor da “lectura de regazo” e o papel dos docentes.

-“Los azarosos caminos que nos llevan a la lectura (II)” de José Luis Polanco Alonso.

Moi recomendable a lectura do libro de Alberto Manguel, “Vicios solitarios: lecturas, relecturas y otras cuestiones éticas“, publicado pola FGSR.

¿Qué pintan los cuentos?

En CativArte,ContArte o 18/04/2010 ás 19:06

No Centro Virtual Cervantes atopamos a exposición “Cien años de ilustración infantil española. ¿Qué pintan los cuentos?”, na que se  presenta unha visión global da ilustración infantil española nos últimos cen anos, a través da mostra de 150 ilustracións de contos españois, coas que se pretende dar a coñecer e evolución deste xénero artístico, pasando desde as da editorial Calleja ata a actualidade. As imaxes están organizadas polas seguintes categorías: conto clásico, edición, intención, personaxes, técnica e tendencias.

Nos pasados días inaugurouse na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a exposición “Historias do mundo-Mundos da historia”, organizada por GALIX, amosa un percorrido de 50 anos do libro infantil e xuvenil galego.

100 anos de ilustración infantil española e 50 anos da galega, dous bos motivos para traballar na semana do libro e nas actividades que se promoven desde a biblioteca escolar, especialmente neste 2010, Ano do Libro e da Lectura.

Descuberta editorial

En ContArte o 13/04/2010 ás 23:00

O outro día descubrimos unha editora de libros infantís, Unaluna, arxentina, nova e fresca; gustáronnos moitos os libros que vimos. O primeiro que coñecemos foi “El arbol de las cosquillas”, empeza así: “¿Has estado alguna vez donde crece el árbol de las cosquillas… el que te hace reír con ramas en las costillas?”, unha disparatada e sorprendente aventura ao mundo dos soños. Dese pasamos a outros como “Una mentira”, “Romeo, el ratoncito romántico”, “Sin ti”, “La casa que quería un sol” e “Uno, y si no, ninguno”, este encantounos, un libro sobre os engaiolantes fenómenos da natureza.

III Premio Internacional Compostela

En ContArte o 07/04/2010 ás 18:24

Onte deuse a coñecer o gañador do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado; nesta edición a obra “La familia C” e como finalistas: “Manual del buen paseante. Descripción en veinte pasos” e “Bailar en las nubes”.

La familia C” conta a historia dunha familia que adora o circo e iso dálle cor á súa vida. As ilustracións destacan polo seu colorido e forma expresiva.

Mi primer Vargas Llosa

En ContArte o 05/04/2010 ás 22:52

O 2 de abril a editorial Alfaguara presentou, dentro da colección Mi primer, o libro infantil “Fonchito y la luna” de Mario Vargas Llosa, unha fermosa historia sobre o primeiro amor, polo que se pode conseguir todo, ata baixar a lúa. Dentro da mesma colección tamén presentou recentemente outro de Arturo Pérez Reverte titulado “El pequeño Hoplita”.

Moitos dos grandes da literatura teñen feito as súas incursións no mundo infantil, malia que en palabras de José Saramago, no seu conto “La flor más grande del mundo”, é moi difícil escribir historias para nenos porque hai que seleccionar moi ben a linguaxe que se emprega e o que se quere contar. No mesmo, remata dicindo, “E se os contos infantís forem de leitura obrigatórias para adultos? Seríamos realmente capaces de aprender o que, desde há muito tempo vimos ensinando?”. Deste fermoso conto, a produtora galega Continental fixo un vídeo de animación que se acompaña con música de Emilio Aragón.

Un libro espera por ti; búscao!

En ContArte o 05/04/2010 ás 22:52

Todos os anos o IBBY (International Board on Books for Young People) celebra o día Internacional do Libro Infantil, co fin de conmemorar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. Cada ano é un país membro o encargado de realizar o cartel anunciador e a mensaxe dirixida a todas as nenas e nenos do mundo (traducida ao galego, euskera e catalán). A sección española distribúe o cartel da ilustradora Noemí Villamuza e a mensaxe do escritor Eliacer Cansino. O lema deste ano “Un libro espera por ti; búscao!”. Un bo lema para pegar na porta da biblioteca do centro e unha boa mensaxe para enviar ás familias do alumnado.

Facilitamos ligazón a un web onde atopamos moitos contos de Andersen.

 

Madrechillona

En ContArte o 24/03/2010 ás 20:28

Esta mañá un alumno quixo contarme unha “cousa”, díxome que a súa nai lle chillara moito pola mañá, por todo, polo almorzo, polo pixama, polos dentes, pola mochila… Viña roto en anacos. Ollo, non estou esaxerando. O que me fixo pensar nas veces que eu lle berro aos rapaces e no impacto emocional que iso pode ter neles.

Tamén me recordou un libro que me chocou cando o lin por primeira vez, “Madrechillona“. Comeza así: “Esta mañana mi madre me chilló de tal forma que salí volando en pedazos”. O grito da nai esnaquizou literalmente ao pequeno pingüín. Logo vai recuperando os anacos polo universo ata que lle pide perdón. Unha boa maneira de introducir aos nenos e nenas na linguaxe metafórica e na abordaxe da ansiedade infantil. Un libro para ler e sobre todo para ver. Velaí vai a súa referencia na revista Babar.

Libros de poesía infantil

En ContArte o 22/03/2010 ás 17:33

Unha escolma de libros para o Día da Poesía.

Adiviñas“, de Palmira G.Boullosa en Galaxia . Vinte e oito adiviñas rimadas.

Arrolos”, de Palmira G. Boullosa en Galaxia. Coplas para uns felices soños.

Aloumiños”, de Antonio García Teijeiro en Galaxia. Caricias de poesía e versos.

O peto da risa”, de Eva Lozano en Galaxia. No peto da risa hai palabras e risas.

Coplas”, de Antonio García Teijeiro en Galaxia. Vinte e oito coplas cheas de ritmo e sensibilidade.

Poemas con piruleta” de Carlos Fontes en Galaxia. Poemas de sabores para aprender unha morea de cousas.

Quiquiricosas”, de Juan Clemente Gómez García en Diálogo. Un poemario para xogar.

Sana que sana”, de Mª Cristina Ramos en Océano. Unha poesía na que predomina a rima e a musicalidade.

No podíamos pechar esta relación sen facer mención a “Frederick“, o rato poeta de Leo Lionni, que durante o verán recolle raios de sol, cores e palabras para facerlle máis cálido e levadeiro o inverno aos seus amigos. Publicado en Kalandraka é un canto á importancia do “oficio” dos poetas. Conta tamén cunha secuencia didáctica nas páxinas 122-127, do libro “Medrando sans: de sentimento en sentimento, de emoción en emoción”.

As árbores na literatura infantil

En ContArte o 15/03/2010 ás 00:17

Fixemos unha escolma de libros en galego e en castelán.

-“A árbore de follas DIN A-4”, de Carles Cano en Kalandraka. “Houbo unha vez unha árbore que naceu no máis recóndito do bosque e que sabía, desa forma vexetal e misteriosa na que as árbores saben as cousas, que se convertiría en papel. E unha primavera, cando chegou a hora de mudar o traxe…”

-“A memoria das árbores”, de X.A. Neira Cruz en Sondeconto. Os pais de Tano, cando naceu, plantaron unha árbore no xardín para que medrara canda el.” Coa sensibilidade e saber facer que caracteriza todos os traballos de Neira Cruz, nunha edición especial con música de Marcial Adalid, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

-“Aínda nada” de Cristian Woltz en Demademora. “Unha mañá moi cedo o señor Luís cavou cun burato na terra e nel deixou caer unha semente.”

-“As estacións” de Iela Mari en Demademora. Vai amosando o ciclo das estacións ao tempo que se vai enchendo de cor.

-“Xaime e as landras” de Tim Bowley en Demademora. Xaime plantou unha landra pero antes de puidera medrar un esquío desenterrouna…”

-“A pequena árbore” de Ánxeles Ferrer en Xerais. Fálanos do ciclo das estacións e dos incendios.

-“Lume” de Alberto Varela en Xerais, os perigos que ameazan os nosos montes.

-“El lugar más maravilloso”, de Javier Sobrino en Thule Ediciones. O extraordinario que pode acontecer no alto dunha figueira.

-“La semilla piloto”, de Sergio Mora, en Thule Ediciones. Unha semente escapa de diversos perigos, todos queren comela, pero ela quere chegar ao seu país dos soños.

-“El jardín subterráneo”, de Cho Shunkyung en Thule Ediciones. Unha estación de metro cheira mal, pero que acontecería se alguén plantara un xardín que enchera todo co seu recendo?

-“El manzano”, de Mira Lobe en Lóguez. Unha sinxela historia de árbores e de paxaros que nos fala da hospitalidade e da tolerancia.

-“Pétala”, de Pep Bruno en OQO. Un día Pétala vai a regar as plantas e descobre que non hai auga.

Recordade a posibilidade de facer procuras de libros a través do S.O.L. Estes son os resultados que nos devolve tras introducir a palabra “árbores” ou “bosques“.

El monstruo

En ContArte o 07/03/2010 ás 00:34

“Vivimos con un monstruo. Es horrible. Es fuerte y alto; escupe espuma por la boca y en muchas ocasiones sus ojos se tiñen de rojo.” Isto cóntanolo Rosario, unha nena de dez anos á que lle encantan os espaguetes con moita salsa de tomate. O monstro do libro non é un ser imaxinario como o de moitos contos infantís, vive, e aliméntase da debilidade dos demais. Rosario e o seu irmán Carlos non entenden porque isto é así e pídenlle explicacións á súa mestra, á súa avoa, que negan a realidade.

Poida que non sexa preciso dicir nada máis; sempre pensamos que non é doado tratar o tema da violencia doméstica nas aulas de infantil; agora podedes ver o texto de presentación e mailo vídeo e que cadaquén considere a pertinencia de ler na clase “El monstruo” de Daniel Martín, en Lóguez.

O medo nos contos infantís

En ContArte o 07/03/2010 ás 00:34

Ao fío do monstro “real” da entrada anterior queremos falar do medo na literatura infantil. A FGSR publica periodicamente a colección “Temas en la literatura infantil y juvenil”. O seu número 3 dedicárono ao medo, “Los miedos infantiles en la literatura para niños”.

“Desde que el ser humano inventara los primeros relatos de la historia hasta la actualidad, la literatura –oral o escrita- siempre ha estado ligada de forma implícita o explícita a los miedos de la humanidad. El acto de escuchar, narrar, leer y escribir historias es un conjuro contra el miedo:miedo a crecer, morir, sufrir, ser abandonado o devorado, miedo a la ignorancia, al desconocimiento, al caos o a la locura.”

A selección bibliográfica está organizada en oito apartados; en cada un deles os libros ordenados alfabeticamente por autor, idioma da edición e orientación de idade de lector. O documento é do 2006, polo que botaremos a faltar algúns de recente publicación.

-medo á noite, á escuridade e ás treboadas: ameaza de sombras, ruídos e fenómenos naturais.

-soños rotos por pesadelos: temor aos malos soños, espertar sobresaltado e gritos afogados.

-medo aos monstros e seres imaxinarios: presenzas desacougantes que nos perseguen e axexan.

-medo aos animais: medos de catro e ata de oito patas que desatan o pánico e a ansiedade.

-medo ao descoñecido: vertixe ante os mundos non explorados e encontros máis alá do coñecido.

-medos íntimos e persoais: que nos acompañan e aniñan no noso interior.

-medo en sociedade: ameazas na nosa relación co mundo e cos demais.

-conxurar os medos: enfrontarse ao medo e romper o seu parálise.

  Antes de dar paso á sección “Leer los miedos”, a publicación conta cunha interesante introducción na que se analizan “El sentido, la naturaleza de los miedos infantiles y algunos consejos”, realizado pola Asociación de Saúde Mental Infantil desde la Gestación, integrado por psiquiatras infantís, psicólogos clínicos, psicoanalistas de nenos e psicólogos escolares.

A Terra desde a Lúa e a Lúa desde a Terra

En ContArte,EncienciArte o 02/03/2010 ás 00:31

Lemos que un astronauta xaponés, Soichi Noguchi, instalado na Estación Espacial Internacional (ISS) envía diariamente e publica en Twitter fotografías da Terra tomadas desde a estación.

A ISS desprázase cada día sobre os nosos ceos, a unha altura de 400 km, no web pódese seguir a súa localización a tempo real. A súa capacidade de reflectir a luz fai posible que poidamos contemplala e fotografala. Facilitamos os datos dos horarios de pase da actual semana na cidades de A Coruña, Pontevedra e Vigo. Atopamos tamén imaxes das naves, do seu aterraxe e dos astronautas.

A Lúa, a Terra, o Sol, os planetas, o Universo, as estrelas, as viaxes espaciais, os astronautas, etc, son temas que fascinan aos nenos e nenas de infantil e sempre “funcionan” ben como proxectos. Achegamos información sobre libros e algunhas ligazóns para traballar nas aulas.

No web Astronomía Educativa atoparemos información, imaxes e vídeos sobre o Universo, o Sistema solar, os planetas, galaxias, meteoritos, etc.

-“Atlas del espacio” de SM

- “Astronauta por un día” de RBA MOLINO (libro interactivo)

- “El espacio” en BRUÑO (libro luz, ilumínase pola noite)

- “Paco” de Paula Carballeira en KALANDRAKA; Paco é o rato da Lúa, foi alí porque lle dixeron que era de queixo fresco, pero unha vez chegou…

- “Papá, por favor, achégame a lúa” de Eric Carlé en Kókinos; unha nena quere xogar coa lúa polo que lle pide ao seu pai que lla achegue. Hai un vídeo co conto.

- “Herbalúa” de Marilar Alexandre en Galaxia; Helena foi unha noite á Lúa a buscar herba para a súa ovella de trapo… Porque as ovellas de trapo, que son moi ninfrosas, só se alimentan de herbalúa.

- “La Luna” de Anne Herbauts en Kókinos.

-“Coco y la Luna” de Emilio Urberuaga en Kókinos; Coco rouba a lúa sen saber os problemas que isto lle ocasionará ao lobo, a Paula, aos astronautas…

- “A que sabe a lúa?” de Michael Grejniec en KALANDRAKA; será doce ou salgada?, a que lle saberá aos animaliños que querían chegar a ela?

- “Si la luna pudiera hablar” de Kate Banks e Georg Hallensleben en Juventud; unha nena a piques de durmir pensa no que a lúa lle podería contar.

- “Quen levou a lúa?” de Mario Catelli e Malena Matoso en OQO; Kipá o máis pequeno da manada quere ouvear como os lobos grandes; unha noite de lúa chea escapa á montaña e aspira tan forte que a lúa se desprende do ceo…

- “El perro y la luna” de Nele Moost en Lóguez; fermoso e poético libro sobre a amizade de dous cans e a súa imaxinación

La Luna, la Tierra y el Sol” de Jaume Escala en Lóguez; a Terra acada a felicidade grazas aos xogos da lúa e do sol

Atopamos a páxina do CEIP Los Llanos que con motivo do ano internacional da astronomía, 2009, realizaron unha extensa compilación de libros de astronomía

Facilitamos unha ligazón para poñer un marcador coas Fases da lúa, na pantalla do ordenador ou no blogue, o que permite que día a día as nenas e os nenos vaian vendo as súas variacións.

No web Astrono, recolléronse un gran número de cancións que falan da Lúa: “Blue Moon” de Glen Miller, “Sonata Claro de Luna” de Beethoven, “Walking in de moon” de The Police, “Reflejo de luna” de Paco de Lucía…, non teñen “Luna lunera cascabelera” nin “Quisiera ser tan alto como la luna, ay, ay”.

Juul

En ContArte o 27/02/2010 ás 19:47

Estes días coñecemos un libro que nos deixou arrepiadas, malia que ten final feliz. Comentáronnos que hai quen o empregou nas aulas de infantil, non o temos tan claro; é un libro que non deixa indiferente, deses que hai que pechar, tomar aire e volver a ler… Titúlase “Juul“, editado por Lóguez en 1996, e comeza así : “Jull tenia rizos , rizos rojos como hilos de cobre, eso gritaban todos: ¡hilo de cobre!¡tienes sangre en el pelo!¡caca roja!.Un dia Juul cogió unas tijeras y rizo a rizo se los cortó. Juul tenia la cabeza pelada, y todos le decian ¡bola de billar!¡cara de huevo!. Por eso se puso una gorra. Al no tener pelo, la gorra le caía encima de las orejas y estas se le salian un poco,¡orejas de soplillo!¡dumbo!¡echa a volar!.Eso le hubiese gustado a Juul, volar muy lejos de allí…” A historia de Juul ten a súa orixe nunha breve noticia, publicada nun diario belga: un neno de 13 anos suicídase despois de ter sufrido vexacións a mans doutros compañeiros.

A crueldade infantil, o acoso, a burla, son temas que tamén se abordan no libro “Orellas de bolboreta”, de Luisa Aguilar, publicado en Kalandraka; pero neste caso, o principal é a forza do optimismo de Mara, a súa protagonista; razón pola que nos parece máis adecuado para quen queira tratar estes temas na aula.

Onde viven as palabras

En ContArte o 24/02/2010 ás 20:40

Falando de palabras… De onde veñen todas as palabras que emitimos? , onde estaban antes de saír da nosa boca a dar paseos polo aire? No dicionario, organizadas, ordenadas e clasificadas. Hainas que traballan moito, como “mamá” ou “papá” e outras tómbanse e non dan pancada. Pero hai unha que está fraca, esgotada e esmirrada de tanto que a empregan os nenos e nenas, é “CÓMPRAME”; ata que un día decide coller vacacións e deixar unha liña en branco no dicionario.

La palabra que se fue de vacaciones, é un albume ilustrado do autor Vicente Vilana, publicado por Brosquil Edicións.

SOL

En TICArte o 11/02/2010 ás 22:31

Dado que estamos a falar de fomento da lectura, queremos recordar a existencia de SOL: Servicio de Orientación de Lectura infantil y juvenil, un “recomendador” de libros da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Nel, hai unha clasificación por tramos de idade, unha biblioteca familiar e un apartado para lecturas recomendadas. Publican un boletín de novidades editoriais que recibiremos mensualmente con tan só rexistrarnos. O buscador permite atopar libros por temas, xéneros, persoaxes, autor/a, ilustrador/a, editor e colección. Cada libro ten unha ficha cos datos técnicos, resumo, fragmentos, ilustracións e ata comentarios de lectores.

O Museo SOL recolle máis de 4000 imaxes de ilustradores e ilustradoras de libros recomendados en SOL. Para profesionais conta cun catálogo de actividades de fomento da lectura e un directorio completo con referencia a organismos, institucións, bibliotecas, editoriais e persoas relacionadas co mundo do libro e o lector.

Novidades editoriais no XI Salón do Libro de Pontevedra

En ContArte o 11/02/2010 ás 02:08

A organización conta cun web no que recolle por tramos de idade os libros recomendados. Malia todo, houbo algúns que chamaron poderosamente a nosa atención, non necesariamente de recén publicados, pero que descoñecíamos, velaí van:

-Bolboretas, Xabier P. Docampo, Everest Galicia, 2004. Deses libros que nos gustan máis aos adultos polo seu poder evocador de primeiras experiencias, do primeiro amor, do primeiro bico…, unha delicia de libro e de ilustracións. Sutil e poético.

-Cantas pingas na cidade, Eva Montanari, OQO, 2009, ilustrado pola mesma autora cunha orixinal presentación en vertical; narra a historia de dez pingas de auga que debecen por visitar a cidade; ademais brinda grandes posibilidades para o traballo coas matemáticas.

-Os de arriba e os de abaixo, Paloma Valdivia, Kalandraka, libro que se pode ler ao dereito e ao revés, aparentemente sinxelo pero moi profundo nos temas que permite abordar: as relacións sociais, a diversidade cultural, as diferenzas entre continentes, as costumes dos que están no “revés do mundo”, nas antípodas. A autora dedícallo a Michael Nyman, de quen, segundo ela, sería a banda sonora. (tentamos buscar cal sería o tema e ocórrensenos varios que se poden escoitar en Spotify, suxerimos “Love forever” ou “Wedding Tango” pero que cadaquén busque o que mellor lle acaia). Achegamos un vídeo do libro.

-O incrible neno devorador de libros, Oliver Jeffers, Patasdepeixe editora, 2009, marca unha boa diferenza entre o que é “devorar” e “saborear ou degustar” un libro; remata cunha orixinal contraportada “mordida”.

-Jan estivo alí, Xosé A. Neira Cruz, Galaxia, 2009, afonda no “misterio” oculto no “Retrato do Matrimonio Arnolfini” pintado por Jan van Eyck. Unha boa iniciativa para comprender a capacidade narrativa dunha obra de arte.

-Arriba en el árbol, Margaret Atwood, Ekaré, 2009, conto rimado e historia fantástica de dous nenos que viven nunha árbore, da escritora canadense, Premio Príncipe de Asturias das letras 2008. Sorprenden as ilustracións, para as que, segundo a autora, só se empregaron dúas cores (azul e vermello) por non encarecer os custes de edición.

-Un poema para curar a los peces, Jean Pierre Siméon, Kókinos, 2007, para curar ao seu peixe, Adrián terá que darlle un poema, pero non sabe moi ben o que é iso, polo que lle pregunta a todos cantos se atopa, o problema, cadaquén dálle unha resposta distinta.

-Audiocontos, Galaxia, 2009, contos de toda a vida, aos que lle puxeron voz distintos persoeiros galegos; O galo kiriko, Branca de neve e os sete ananos, Os catro amigos, Os sete cabuxos, inclúe CD.

-O home de auga, Ivo Rosati, Kalandraka, neste conto, aparte do relato, destacan as metáforas visuais e o tratamento do respecto medioambiental.

-28 historias para rirse, Ursula Wölfel, Kalandraka, 28 historias sinxelas, enxeñosas e surrealistas que incitan á risa desenfadada e á imaxinación.

-29 historias disparatadas,Ursula Wölfel, Kalandraka, da mesma colección e na mesma liña, historias hilarantes.

-37 tortugas, Pablo Albo, Mil y un cuentos, 2009, libro de retahilas, que vai contando o que lle ocorre ata que non queda máis ca unha tortuga.

-Una niña, Carlos Grassa Toro, Sins entido, 2009, unha fermosa e orixinal metáfora da adopción con ilustracións madeira recordada e tela. Pódese ver o catálogo da exposición das 18 pezas de madeira que están expostas no Espacio Sins entido. Para agasallar a todas aquelas familias que “sacan nenas da botella”.

-O tempo voa, Joao Pedro Messeder, Kalandraka, conto rimado que entraña unha seria reflexión sobre a aceleración da vida actual e sobre o escaso tempo dedicado a vivir a vida con plenitude. Precisaríamos un mes máis cada ano, un día máis cada semana, unha hora máis cada día, para rir, para compartir, para ser felices.

“Polo San Blas a cegoña verás”

En ContArte,EncienciArte o 02/02/2010 ás 15:52

As cegoñas sempre son o anticipo do cambio de estación. Son unhas aves que cativan a atención dos nenos e nenas; agora xa non lle atribuiremos este interese á andrómena que nos contaban sobre a chegada dun bebé á casa; polo que as novas que aparecerán nos medios sobre o seu retorno, pode ser un bo inicio dun proxecto de traballo. En Galicia, os seus lugares tradicionais de aniñada son a Lagoa de Antela, na zona da Limia e noutros moitos como Monforte de Lemos, O Saviñao, Sarria, Quiroga, San Clodio de Ribas de Sil, Chantada e Bóveda, todos en Lugo, mentres que na provincia de Ourense atopamos niños polas terras de Valdeorras. Sempre gozan do aprecio das xentes, seica ter un niño de cegoña na propiedade tense como agoiro de boa sorte e continuada fortuna.

Facilitamos o acceso a vídeos  sobre as cegoñas.

A editorial Galaxia publicou un álbum, Un conto de cegoñas, de Antonio Ventura, cunhas ilustracións que se saen da páxina.

Os contos do camiño

En ContArte o 01/02/2010 ás 22:02

25.000 nenas e nenos de infantil e primaria, de España, Portugal e Francia participarán na iniciativa Os contos do camiño, realizada pola editorial OQO coa colaboración da Fundación Thyssen-Bornemizsa, e as editoras Bichinho de cuento e Lana Companie Creative. Ao longo deste primeiro semestre realizaranse obradoiros de creación e animación, e tamén haberá contacontos. Os obxectivos, coñecer o patrimonio cultural europeo e a Ruta Xacobea como principal itinerario cultural que atravesa Europa.

XI Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra 2010

En ContArte o 31/01/2010 ás 11:00

A cidade e as cidades será o fío condutor do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra 2010. E todo o que as cidades amosan e ocultan, o próximo e o distante; a veciñanza, a soidade, a posibilidade de coñecer… , as múltiples perspectivas desde as que se pode contemplar a cidade.

Desde o 7 de febreiro ao 14 de marzo o salón volverá a dar protagonismo aos escolares de máis de cincuenta centros. Nesta edición, homenaxearase ao escritor Agustín Fernández Paz.

Ao fío disto, venme á cabeza dúas secuencias didácticas recollidas no libro Medrando sans, de sentimento en sentimento, de emoción en emoción; a primeira é a que xorde do libro Cerca, na que se aborda a soidade, o illamento ao que nos sometemos as persoas malia estar rodeadas de xente; a segunda é a que parte do libro Unha chea de familias de Xosé A. Neira Cruz, na que evidencia o descoñecemento que temos das persoas coas que compartimos edificio, que viven tan preto e tan lonxe de nós…

Esperamos que no Salón haberá algunha mención ás cidades educadoras, o valor educativo das cidades. A Carta de Ciudades Educadoras recolle no seu preámbulo: “Hoy más que nunca, la ciudad, grande o pequeña, dispone de incontables posibilidades educadoras, pero también pueden incidir en ella fuerzas e inercias deseducadoras. De una forma u otra,la ciudad presenta elementos importantes para una formación integral: es un sistema complejo y a la vez un agente educativo permanente, plural y poliédrico, capaz de contrarrestar los factores deseducativos”.

Sobre isto volveremos máis adiante

“Ratón Pérez y el diente de un rey”

En CativArte o 27/01/2010 ás 22:40

O Centro Virtual Cervantes presenta a versión dixital da exposición “Ratón Pérez y el diente de un rey”, e a historia dunha das persoaxes infantís españolas máis xenuínas, xunto con 78 interpretacións artísticas orixinais e inéditas dalgún dos mellores ilustradores de finais do seculo XX. 

Ben merece a visita á exposición, de seguro que os rapaces desfrutarán con estas ilustracións. Toda unha oportunidade para iniciar un traballo de aula sobre os dentes e o seu coidado.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores