Nestes días grandes das letras parece que sempre se visibiliza máis aos que teñen por oficio a escrita, os escritores, pola súa grande achega á creación, á nutrición e á medra da lingua, pero case ninguén se lembra dos que se dedican a poñer en galego os textos que naceron noutras linguas.
Podería parecer algo complexo de entender para os nenos e nenas de infantil, pero sorprendéronos, coma sempre. Foi tan doado como poñer enriba das mesas libros que fomos atesourando nas nosas viaxes ou cos que nos teñen agasallado; así xuntamos publicacións en francés, inglés, italiano, portugués, alemán ou catalán, algúns dos cales recoñecían por estar xa traducidos ao galego e doutros facían anticipacións sobre os seus títulos axudados polas ilustracións.
Emporiso preguntámonos quen eran as persoas que se tomaban o traballo de traducilos ao galego ou ao castelán para que os puideramos ler.
Botamos man da axuda inestimable do amigo Xosé Antonio López Silva, docente, investigador do ILGA e tradutor -por riba, fillo dunha mestra de infantil- que lle explicou maxistralmente con exemplos en que consiste o oficio de tradutor.
Enganchounos a todos, felicitando na súa lingua de orixe a Rewda unha nena etíope que fala o galego de marabilla, e cantándolle o “Parabéns para ti” e “Happy birthday” foron entendendo como se expresa a mesma mensaxe nunha lingua ou noutra.
Deseguido viron as portadas dunha das obras traducida a máis linguas e dialectos (180), “O principiño”, coas que traballáramos nos días anteriores, así como con algúns fragmentos e vídeos do mesmo, tanto na lingua orixinal coma noutras. Como curiosidade dicir que as nenas nos seus debuxos reivindicaron a feminización desta figura universal, queren unha “Principiña”, que non princesa.
Logo leulles “Little Beauty”, de Anthony Browne, unha fermosa historia dun gorila que deprendeu a comunicarse coa lingua de signos e pide un amigo, polo que os seus gardiáns lle levan a un pequeno gatiño co que establece unha amizade por riba das diferenzas físicas, que nas ilustración nos remiten ao clásico King Kong.
En vista da versatilidade e coñecemento das linguas de Xosé Antonio, os nenos embaláronse e xa lle preguntaban como se dicían certas palabras noutros idiomas. El soubo saír airoso ata en xaponés ou chinés. Os tres irmáns que temos na aula, tiñan moita curiosidade por saber como se dicía “trillizos” noutras linguas.
Rematou a sesión cantándolles cancións en francés.
Con dous artigos on line ( I e II) sobre a tradución, vaia desde aquí a nosa particular homenaxe ás persoas que nos facilitan que poidamos ler en galego o escrito noutras linguas.
Coma sempre só nos queda agradecer a todas aquelas persoas que colaboran entusiastamente con nós, prestándonos libros, axudándonos, ou vindo á escola, como fixo Xosé Antonio López Silva. Grazas a todos e todas.








Agasalláronos con “
Case ao mesmo tempo chégannos dúas noticias relacionadas coa Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que nos enchen de ledicia; non son outras que o 








Esta fin de semana participamos nas I Xornadas de Literatura e Ensino que se centraban en “A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo”, unha coidada actividade formativa organizada pola 






