A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘lectura’

Lecturas italianas e musicais

En MusicArte o 10/04/2012 ás 06:52


Temos dito noutras ocasións que sempre que viaxamos adoitamos levar connosco lecturas de autores dos países que imos visitar ou ambientadas nestes.

Unha amiga e compañeira de viaxe, sabedora das nosas últimas inquedanzas musicais, así como do noso sentido de culpabilidade por non saber seleccionar adecuadamente as pezas musicais que lle ofrecemos ao alumnado, sorprendeunos cun libro do autor italiano Alessandro Baricco, -coñecido por novelas como “Seda”, “Sin sangre” ou “Tierras de cristal”. Cando nolo entregou dixo: “un antídoto contra o papanatismo musical”.

Barnum. Crónicas del gran show musical”, é a compilación de 49 artigos publicados en La Stampa y La Repubblica, relacionados, dun xeito ou doutro, cos múltiples sons –e ruídos- que nos rodean. Para ler devagar, de un en un, paseniño, escoitando de fondo a música á que aluden. Cun estilo mordaz, exento de falsas cortesías e ínfulas elitistas, dálle un repaso a moitos mitos musicais, construídos máis sobre o snobismo ca sobre a súa valía. Que cadaquén busque a opinión de Baricco sobre as súas músicas de referencia. Para nós, “Michael Nyman live”, “Bach, senderos y claros”, “El mínimo de la música” ou “Carmina Burana”, foron do máis esclarecedores.

Xa comeza cunha cita incontestable:

El mundo entero tiene una curiosa forma de estrujarse para entretenerte con su gran espectáculo cotidiano, al son de dólares, lágrimas y sangre, pero al fin simpre llega el momento en que lo que te deja petrificado por su maravilla es la nimiedad de una frase, leída por casualidad, hecha de pocas palabras, una bagatela.

Noutro peto levábamos a obra dun autor galego, “Recendos de aire sonoro” de Antonio García Teijeiro, feita de palabras cheas de musicalidade. Comeza cunha cita de Yehudi Menuhin que disipa as nosas dúbidas:

Na miña opinión, o primeiro encontro dun neno coa música debería ser de tal xeito que espertase e estimulase a súa fantasía, o seu mundo afectivo, o seus soños e quizais ata a súa ambición.

Ler autonomamente

En AlfabetizArte,ContArte o 10/02/2012 ás 08:13

O momento no que un neno ou unha nena descubre que é quen de ler só un libro é algo único. Hai un antes e un despois. Ese brillo na mirada, esa satisfacción que sente, esa medra no seu desenvolvemento é inigualable e máxica.

A meirande parte do noso alumnado xa viviu ese intre, porén, o que queremos agora é ofrecerlle lecturas funcionais e do seu gusto que lles sigan proporcionando esa satisfacción. Emporiso, mercamos toda a colección El caballo alado da editorial Combel, xa que cumpre uns requisitos, para nós importantes:

1º Son versións breves de contos clásicos, moitos deles xa coñecidos polo nenos, o que lles axuda a facer anticipacións sobre o texto.

2º Xogan moito coas repeticións e coas onomatopeas. As sinxelas ilustracións acompañan e completan a mensaxe sen, neste caso, superar o peso do texto.

3º Hainos con letra tipo pau, imprenta e manuscrita. De tal xeito que, malia que preferimos comezar a lectura e a escrita con maiúsculas, pouco a pouco podemos ir introducindo outras tipografías.

4º Son relativamente baratos, tanto como para poder permitirnos mercar libros dabondo para todos.

Todas estas condicións fixeron que nos decantarnos por eles, aínda que lles obxectamos que non os haxa en galego. Compensaremos esta situación.

Agora, estableceremos un sistema de préstamo de fin de semana, para que estes libros poidan ser lidos e gozar con eles na casa, sos ou na compaña dos seus familiares.

“Saber ler é ser quen de transformar unha mensaxe escrita nunha mensaxe seguindo certas leis moi concretas. É comprender o contido dunha mensaxe escrita; é ser quen de xulgar e apreciar o valor estético…” (Mialaret, 1972)

O álbum ilustrado en infantil

En ActualizArte o 20/11/2011 ás 21:01

A miña participación nas I Xornadas de Literatura e Ensino, non sendo unha especialista en literatura infantil, nin autora, nin ilustradora, foi en calidade de usuaria habitual de libros infantís, a dicir dos coñecidos, con boa man para seleccionar aqueles máis achegados aos gustos dos nenos e nenas.

Intervín, trala entusiasta posta en escena da “amante dos albumes” Gracia Santorum, que tratou de amosarlle aos asistentes que o álbum non é só para o público infantil, senón que, superados os prexuízos iniciais dos adolescentes –que polo seu formato, asocian álbum aos contos da infancia da que foxen-, poden dar moito xogo nas aulas de secundaria. Para convencer aos receosos, fixo un despregue da súa colección de álbums –seica atesoura preto de mil exemplares que en breve expoñerá no centro de ensino no que traballa, do que dará boa conta no blog referencial do que é coautora, Trafegando Ronseis. A lectura de “Caixa de cartón” convenceu ata aos máis escépticos. Magnífica. Eses son os camiños do entusiasmo.

A miña exposición xirou arredor da selección de libros para as aulas de infantil. Sendo coñecedora do cambio que se ten producido neste campo nos últimos vinte anos, e do papel preponderante das editoriais galegas no eido internacional, destacando pola calidade dos seus produtos, cuestiono a etiqueta álbum como distintivo superior diferenciador de outros como poden ser o libro ilustrado ou o libro de imaxes. Ao meu entender, os límites son tan difusos que se me axusto aos criterios definitorios de álbum que apuntan os expertos, quedarían fóra a meirande parte dos albumes canónicos que, por outra banda, eles mesmos apuntan. Considero o álbum froito lóxico da evolución que se ten producido na intención de chegar máis e mellor aos gustos dos rapaces de hoxe en día, atendendo a que a súa bagaxe está absolutamente determinada polo audiovisual e polas mensaxes publicitarias; e ao igual que aconteceu coas series de animación traspasou as fronteiras infantís e na actualidade publícanse albumes que polas súas temáticas, pola complexidade do texto ou das imaxes apelan a experiencia e intelixencia dunha persoa adulta para ser quen de entendelos.

Por outra banda, considerando que no álbum se harmonizan  a linguaxe escrita e a linguaxe artística, a radicalización do peso da ilustración en detrimento do texto conduce á consecución doutro obxectivo, tamén importante, pero non literario, senón plástico. Razón, ao meu entender polo que os expertos non acordan enmarcar o álbum como novo xénero literario senón que o denominan “novo produto editorial”.

En calquera caso, para unha persoa que vai mercar un libro para os seus fillos ou alumnado isto é irrelevante. Ninguén vai mercar un formato, o que se vai buscando nalgúns casos é unha boa historia e noutros un bonito libro. O álbum non é unha fin en si mesma, é un medio máis. Polo que tentei de apuntar algunhas claves para seleccionar eses libros que logren engaiolar aos máis pequenos. Máis alá dos discursos expertos, moitos deses, ben ou mal chamados, albumes cumpren co obxectivo tanto polo seu formato (tamaño, características de páxinas, tapas, contratapas…); como polo texto (abundante, escaso, ausente, en prosa, en verso); como polas ilustracións (sempre e cando non sexan un mero alarde artístico, ou tan conceptuais que se escapan do entender dos nenos e nenas); como polas temáticas que abordan, aquí fixen unha advertencia sobre unha tendencia que aflorou nos últimos anos asociada ao álbum, que ao meu entender vai en contra do espírito da infancia, a aparición do que denomino unha recreación no feismo da vida: a morte, a violencia, a soidade, a tristeza, o maltrato, a guerra, inxustiza social…, un lavado da conciencia adulta, que non sabendo que facer, baleira as súas frustracións sobre os nenos e nenas crendo que deste xeito aprenderán a evitalas ou a convivir con elas. É opinable, pero case ningún pai/nai lle merca un libro aos seus fillos sobre eses temas por moi poéticos e líricos que sexan; facémolo os docentes e inclúense nas listas de honra dos libros senlleiros.

A segunda advertencia canto a temáticas foi referida a outra tendencia, tamén perniciosa, o que denomino “os contos curriculares”. Autores e editores sabedores que a escola é unha das súas mellores proxeccións, fabrican artefactos didácticos disfrazados tras unha personaxe ou tras unha orixinal ilustración, cunha corrección curricular e cun didactismo explícito que arrepía á literatura infantil, de seu irreverente, escatolóxica, divertida, surrealista e mesmo absurda. Non é que descarte o aproveitamento didáctico que se pode facer dunha obra de literatura infantil, todo o contrario, pero iso é algo a posteriori, si o motivo polo que se elixe é polo pracer de ler, pola potencialidade de facer soñar aos nenos e nenas.

Apunto así mesmo a posibilidade de publicar algúns deses produtos tan artísticos noutros soportes que mellor permitan apreciar a riqueza das ilustracións pero tamén falo do risco de que nese traspaso se perdan acenos do acto de ler libros en pos da primacía da imaxe.

Finalmente apunto o rol decisivo do mediador/a entre o libro e o individuo sen competencia lectora, tanto directo (docente, pai/nai, animador) coma dos “recomendadores de lectura” indirectos (blogs, webs, revistas, listaxes…), apelando neste caso a unha ética responsable do seu papel, non deixándose guiar polas novidades, polas estratexias comerciais, polo prestixio dos autores, ou pola traxectoria da editora. Un libro para recomendar, en primeiro lugar, e en conxunto, ten que engaiolar ao mediador, logo ten que probalo co público representativo do rango ao que vai dirixido. Só, e tan só despois, probado que engaiola tamén aos nenos e nenas neste caso, pode recomendalo. Decátense de que non só se trata dunha cuestión económica, é algo moito máis grave, que afecta á consideración que os nenos e nenas terán dos libros, da lectura e da literatura.

Trala presentación desas, para min, características da calidade dun libro, poño en cuestión que os adultos acertemos cos gustos dos nenos/as a tenor dunha experiencia recente na miña aula, cando lle solicitei aos rapaces que trouxeran das súas casas aqueles libros dos que máis gustaban, aqueles que lles pedían aos seus pais que llelos leran unha e outra vez. Á vista dos máis de cincuenta libros non me atrevo a tirar conclusións. Non concordan nin co que din os expertos nin cos que eu lle amosei ao longo de tres anos. Son da máis diversa procedencia e algúns de ínfima calidade literaria, plástica ou editorial. Con todo non me importa, son eses, son os que os teñen enganchados coa lectura, son os que lles fixeron descubrir o libro como unha fonte de pracer. Son os que ao longo destes días poñeremos en valor diante do grupo, porque é o que lle gusta a cada un dos nenos e nenas da clase.

Ao igual que na alimentación, ler, coñecer outros mundos reais ou ficticios, abrir o maxín, desenvolver a creatividade, gozar co coñecemento…, son coma os nutrientes vitais que se poden presentar de moi diversas formas: crus, en cociña tradicional, en cociña light, mediterránea, atlántica, cociña experimental ou cociña de autor. Unhas formas son máis saudables ca outras, unhas prestan mellor, pero trala inxesta, o que importa é cando entran en vena e lle son de proveito para o organismo. E para responderlle aos gourmets que consideran que só paga a pena levar á boca pratos coas 3 estrelas Michelín, dixen que sei que aos meus alumnos/as ata que poidan apreciar no seu padal as delicatessen de Ferran Adrià,  aínda lle quedan por comer moitos ferrados de sal en ovos fritos –que é o que máis lle gusta-, pero comer comen, alimentar aliméntanse. Ler len. E iso é o que me importa.

Nota: para quen pense o contrario son unha fervente admiradora dos bos albumes.

Ler, para que?

En FormArte o 20/11/2011 ás 21:00

Onte nas xornadas Marcos Calveiro, iniciou a súa labor como moderador da mesa redonda 3, preguntándolle aos participantes Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. Docampo, “Ler, para que?”, con tal motivo proxectou na pantalla parte das 33 razóns para ler de Victoria Fernández, directora da revista CLIJ, que malia ser archirrepetidas, son sempre actuais. Xabier P. Docampo apostilou que moitas desas razóns poden suplirse con outras actividades, e pedía unha razón de ler que só puidese aplicárselle á lectura. Segundo el, ler é un instrumento irreemprazable na formación do individuo.

Para recordar, velaquí as 33 razóns para ler, que tan ben presentaron no CEP Las Palmas.

Lecturas de andar por casa

En AlfabetizArte o 11/12/2010 ás 09:32

A FGSR vén de presentar unha canle informativa dirixida ás familias con suxestións de lectura para persoas adultas, nenos e mozos. Conta cunhas seccións fixas a través das cales se propoñen a lectura dun artigo e unha monografía relacionados coa promoción da lectura desde o fogar; recomendacións de lecturas para distintos tramos de idade, e unha sinxela actividade para realizar cos fillos e fillas.

Nós xa lle facilitamos a ligazón ás familias do noso alumnado, pero de cando en vez iremos enviándolles algún deses artigos sobre a lectura na casa, como o do boletín 4, “El hogar como caldo de cultivo en la formación de lectores”, de Luis Bernardo Yepes Osorio, publicado na revista Educación y Biblioteca, nº 140 de 2004.

Gustounos ilustrar esta entrada co cartel da Fundación para o Fomento da Lectura, obra de Óscar Albeiro Soacha.

Tecendo unha cortina de palabras

En AlfabetizArte o 09/12/2010 ás 15:10

Desde que vimos este traballo da artista Sarah Morpeth andivemos dándolle voltas para ver como facer algo semellante nas nosas aulas. Pensamos que poderíamos facer cortinas de palabras:

-Como conmemoración das Letras Galegas, ir xuntando todas aquelas palabras galegas que nos gustan.

-Polo día da Infancia pedíndolle as familias que nos escribiran palabras que asociaban á infancia.

-Para ir recollendo todas aquelas palabras que serven para expresar os nosos sentimentos e emocións.

Finalmente, decatámonos que as nosas aulas están cheas de carteis con palabras: con personaxes dos contos, cos nosos nomes; con alimentos, con emocións, con acontecementos, coas palabras que non fan rir, con palabras difíciles de pronunciar, con descubrimentos…, polo tanto non tíñamos máis que cortalas e facer cortinas temáticas. Cada vez que temos unha nova listaxe de palabras, tecemos un novo fío da nosa cortina. Imos tecendo a nosa vida escolar con palabras.

Imaxes de Rag&Bone.

Ler cambia a vida

En AlfabetizArte o 09/12/2010 ás 15:07

Autor Antonio JAvier CaparoCando escoitei ao Nobel Mario Vargas Llosa dicir –no seu discurso na Academia Sueca -que aprender a ler fora o máis importante que lle pasara na vida e que conlevou a paixón pola escritura, pensei que teríamos que recollelo no blog. Pero, tamén, de inmediato veume á cabeza o libro de Daniel Pennac, “Como una novela”; poida que non sexa unha estraña asociación de ideas. Neste libro publicado no 1992 -un clásico sobre a paixón pola lectura-, Pennac, cuestiona as actitudes dos pais, a imposición da lectura que fan os benintencionados mestres, e nomeadamente o seu dogma conxunto e categórico de que ler é unha obriga porque nos fai mellores persoas. O autor desafía e desarma esta aseveración e ofrece argumentos ler é algo que podemos facer polo simple pero inmenso gusto de facelo.

Para Pennac o lector ten uns dereitos que resume en dez:

  • O dereito de non ler un libro.
  • O dereito de saltar as páxinas.
  • O dereito de non rematar un libro.
  • O dereito de reler.
  • O dereito de ler o que sexa.
  • O dereito de ler onde sexa.
  • O dereito ao bovaryismo (enfermidade textual transmisible).
  • O dereito de buscar libros, abrilos onde sexa e ler un anaco.
  • O dereito de ler en voz alta.
  • O dereito de calarse.

Non sei cales serían as tretas que empregou o frade Justiniano con Vargas Llosa para cativalo de tal xeito aos cinco anos, pero o que si sei, e Pennac sabe é que:

“Hay que leer, hay que leer…¿Y si en lugar de exigir la lectura, el profesor decidiese de pronto compartir su propia dicha de leer?”

Cómpre recordar que o verbo ler ao igual que o verbo amar non admite imperativos. Non se pode forzar a curiosidade, débeselle espertar, é unha das máximas que atravesa o libro, ao que se pode acceder na rede.

Veráns de lectura

En ContArte o 30/11/2010 ás 20:00

Este é o título do artigo de Estrella de Diego, publicado en Babelia, que a fixo merecedora do XI Premio Periodístico sobre a Lectura da FGSR. Este galardón foi creado fai once anos coa finalidade de estimular traballos de reflexión e de creación sobre a importancia da lectura e o desenvolvemento do hábito lector, premiando un artigo, aparecido nun xornal ou revista españois, que cumpra co devandito obxectivo.

Calquera dos anteriores, desde distintas visións, fálannos do que é a paixón lectora e de como as lecturas deixan unha pegada en nós que nos fan “froito do que lemos”. Facilitamos a relación. Nós, enviámoslle ás familias o de Gustavo Martín Garzo, para cando nos empezan a preguntan cando lle deben ensinar a ler aos seus fillos/as.

X Premio: José Mª Merino, “El territorio de lo que somos”.

IX Premio: Constantino Bértolo, “Razones para la lectura”.

VIII Premio: José Mª Guelbenzu, “Hubo una vez una novela”.

VII Premio: Clara Sánchez, “Pasión lectora”.

VI Premio: Emili Teixidó, “Estrategias del deseo o trucos para leer”.

V Premio: Álvaro Pombo, “Libros nuevos y renuevos en abril”.

IV Premio: Gustavo Martín Garzo, “Instrucciones para enseñar a leer a un niño”.

III Premio: Alberto Manguel, “Placeres de la lectura”.

II Premio: Fernando Savater, “El verano de Sauron“.

I Premio: Juan José Millás, “Leer

All-hallow Even – Samhain

En ActualizArte o 31/10/2010 ás 00:01

Na noite do 31 de outubro, o mellor aínda, na véspera do 1 de novembro, fito máxico e ancestral no calendario celta, queremos facer unha recomendación de lectura.

No ano 1890 o antropólogo escocés James G. Frazer publicaba “La rama dorada: un estudio sobre magia y religión”, un estudo comparativo de mitoloxía e relixión de grande envergadura. Tentaba definir os elementos comúns das crenzas relixiosas; pretendía demostrar que todas as relixións primitivas teñen características en común, polo que a xustificación de principios de determinadas costumes máxicas ou relixiosas servirían igualmente para a comprensión do orixe e significado doutras formas relixiosas análogas.

A partir da páxina 711 desta magna obra comeza o capítulo “Fuegos en la víspera de Todos los Santos”, alí di que Samaín é unha das festas pirofóricas máis importantes dos celtas; o 1 de maio e o 1 de novembro, ou para ser máis precisos as súas vésperas, sinalan momentos críticos culminantes de cambio de ano en Europa: un é precursor do amable calor e o outro anuncia o frío e a esterilidade do inverno. Isto pode ser de escasa importancia para os agricultores, pero afecta profundamente aos pastores europeos. En calquera caso, as dúas grandes festas célticas, coinciden estreitamente na maneira de celebralas, nas supersticións asociadas a elas, así como polo seu arcaísmo. Nas dúas ocasións préndese o lume; o influxo benéfico do lume. A costume de prender lume novo na véspera de Todos os Santos ou Samhain apunta ao 1 de novembro como día de Ano Novo no calendario celta.

Para quen queira saber máis sobre as idas e vidas das ánimas dos defuntos, sobre a costume de que os rapaces pidan esmola (turba) polas portas das casas, ou sobre os lumes para espantar as bruxas, e outros detalles que chegaron ata os nosos días, pódese consultar nas páxinas 710-715.

E isto, para que nos pode servir aos docentes?

Para todo ou para nada!

Blogs sobre biblioteca escolar

En ContArte o 21/10/2010 ás 15:00

O día 22 de outubro é o Día Internacional da Biblioteca Escolar, con tal motivo queremos recomendar blogs de bibliotecas escolares, dos moitos que consultamos, salientamos dous:
-Trafegando Ronseis, un dos nosos blogs de cabeceira; un traballo excepcional de Anxo e Gracia, “un blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula”. Un blog comprometido, dos que van a cara descuberta con aqueles temas nos que cren e defenden: valores e dereitos humanos, defensa da nosa lingua, a introdución das tecnoloxías no ensino, a importancia do audiovisual, a necesidade de conectar cos intereses das e dos adolencentes… e ducias e ducias de acertos máis. Ás veces pensamos que deberían ser subvencionados -ou non-, e dedicarse en exclusiva a darnos ideas ao profesorado. Non sabemos como fan, pero envexamos a súa actividade, no que vai de ano levan 1042 entradas.Un blog con discurso de seu, sempre arredor da literatura, porén, da vida. Recomendamos unha das súas últimas entradas “Amor na biblioteca
-El Biblioabrazo, blog e web da biblioteca escolar do CEIP Gabriel y Galán de Cáceres, segundo premio nacional de animación lectora no 2009. Dinámico, actualizado día a día, ben organizado e ben dotado de recursos, de recomendacións e de actividades de animación lectora. Permite a busca por temas, ligazóns a outros blogs e webs de lectoescritores, ilustradores, revistas de literatura infantil, editoriais, e mesmo elaboran guías de lectura sobre determinados temas –oficios, alfabetos, outono, etc. Atoparedes moitas actividades para copiar, entre elas, as cestas lectoras para os recreos. Cómpre ver as súas entradas sobre bibliotecas escolares. Un gran traballo.

XII Salón do Libro de Pontevedra

En ContArte o 21/10/2010 ás 14:59

No mes de febrero de 2011 celebrarase o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, organizado polo Concello de Pontevedra. O pasado ano recibiu a visita de máis de 35.000 persoas, das cales unhas 25.000 era público infantil e xuvenil.
A temática elixida para esta edición é ‘É mentira’ sobre a que haberá unha exposición de títulos, a máis dun espazo de lectura para o público infantil e xuvenil. No Salón do Libro colaboran, ademais, centros educativos de Pontevedra e outros concellos de Galicia, que realizan actividades e traballos baseados na bibliografía recomendada para Educación Primaria e Secundaria en relación ao título de cada ano.

A mentira é inherente á literatura; a mestura entre o real e o irreal, o máxico, o onírico e o absurdo é o que axuda a que o feito do que parte o autor trascenda. Porén, poucos libros quedarán fóra desa temática elixida, salvo aqueles que case non merecerían a consideración de literatura, aqueles que son outra cousa.

Variacións sobre a lectura

En FormArte o 21/10/2010 ás 14:54

“Os días 29 e 30 de outubro celebraranse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema desta cita será Variacións sobre a lectura, unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos (algún tamén de fóra de Galicia), arredor desta cuestión (a lectura), que aúna tantas vontades e merece tanta atención en tempos de mudanzas tecnolóxicas e, ao dicir de algúns expertos, de paradigma na cultura escrita e na forma de ler e de escribir. Será un punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración.”

Entre outros conferenciantes salientamos a presenza de Teresa Colomer, Javier Celaya e Manuel Bragado, dos que xa temos falado noutras ocasións neste blog.

A présa por ler

En AlfabetizArte o 21/09/2010 ás 19:11

Nas primeiras reunións coas familias do alumnado de 4 anos, xurde unha pregunta/inquedanza constante “Cando empezaredes a ensinarlles a ler?”; xa podemos expoñer as razóns que queiramos, que isto é do que máis preocupa aos pais e nais, de tal xeito, que moitos deles “toman as súas propias medidas”: compran un método e veña a machucar aos pobres coitadiños co de “la eme con la a…”. Se aprenden a ler, mérito dos sufridos pais, e se non aprenden, culpa da mestra.

Por isto de facer escola, facilitámoslles a todos a copia dun artigo “Café con los vecinos”, de Daniel Cassany e Cristina Aliaga, publicado polo Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil da FGSR. Comeza así:

“Por fin encontré la oportunidad para tomar el café que me habían ofrecido mis vecinos de rellano. Son padres desde hace tres años y se preocupan por Litang ―su preciosa hija de origen chino y ojos negros. Al ver mi buzón cargado de libros se enteraron de que soy investigador sobre la escritura y les faltó tiempo para invitarme. Después de mencionar alguna novedad del barrio, atacamos el asunto:
—Leí que hay muchas más posibilidades de que un niño sea un buen lector si de pequeño sus padres le cuentan cuentos, si le leen en voz alta en la cama —dijo Miguel, el padre—, pero no creo que también tengamos que ayudarle a escribir, ¿cierto? Eso lo hace la escuela: es allí dónde aprenden a escribir, dónde se enseña el abecedario.
—No se puede hacer nada hasta que la niña sepa las letras —confirmó Montse, la mujer. Ambos hablaban con convicción.
—¡No es tan simple! —repliqué―. Podéis hacer muchas cosas. Escribir requiere mucho más que anotar las letras, que redactar. Hay que reconocer los diferentes textos: una carta, un cuento, una receta… Hay que saber para qué sirven, cuándo se usan, cómo; hay que aprender a ser “autor”… Empezamos a aprender a escribir mucho antes de copiar la primera letra. Litang puede empezar “a escribir” antes de que le enseñen “las letras”, si la ayudáis, antes de que sepa redactar.
―Del mismo modo que le leéis cuentos en la cama, antes de acostarse, podéis ayudarle a escribir, aunque todavía no pueda trazar letras ―aclaré―. Podéis ponerle título a sus dibujos. Le preguntáis: “¿cómo se titula?” y escribís el título por ella. También podéis anotar su nombre en sus libros, en su incipiente biblioteca. Lo podéis hacer siempre ante ella, contándole lo que hacéis y mostrándoselo. Podéis escribir alguna dedicatoria para los regalos que haga a sus amigos… Siempre sugiriéndoselo a ella y esperando su aceptación y sus palabras… o negociando con ella lo que pueda ser más adecuado.
―¿Sería como ser su “escriba”? ―preguntó Montse. (continúa)

Bastante esclarecedor.

Vendo o interese que espertou a nosa suxestión, a próxima será un artigo de Kepa Osoro titulado “Cómo ayudar al niño a convertirse en un lector feliz”, no que o autor trata da importancia de lerlle libros aos nenos.

“A literatura infantil: unha minoría dentro da literatura”

En ContArte o 11/09/2010 ás 12:12

Este é o título da conferencia á que asistimos esta mañá impartida pola doutora Teresa Colomer no marco do 32º Congreso IBBY. Experta investigadora en literatura infantil, autora de libros e de máis de 200 artigos sobre a LIX, centra o seu traballo na análise da literatura denominada infantil, no pasado, no presente, e sobre todo, avanza as tensións ous desafíos aos que se terá que enfrontar para acadar a calidade literaria e a formación de lectores. Entre outros temas abordou os que segue:

Literatura contra pedagoxía; falou da artificialidade dos libros clasificados por idades e por temas; os libros alleos á experiencia literaria, seguidores desa política da corrección, libros escritos baixo o ditado dos contidos curriculares. Isto fíxonos lembrar unha entrevista a Manuel Janeiro con motivo da presentación da súa obra “A abella abesullona”, na que di que “un dos grandes males da actual LIX é que, aparte de ser, ás veces, refuxio de malos escritores, énchese intencionadamente de obxectivos psicopedagóxicos. Estes, os valores didácticos ou sociais deben darse, pero implicitamente”. O impacto desas obras nos lectores aínda non se coñece.

Literatura sen adxectivos; na actualidade enténdese a LIX como literatura, algo que non sempre foi así, xa que había un grande desprezo por este campo –exceptuando o folclore xa que se entendía que este non fora creado exclusivamente para nenos-, por fortuna agora vese cunhas novas –“gafas valorativas”.

O debate cultural: a conquista colectiva da visibilidade nos medios de comunicación. A medida que o sector ía medrando, ampliábase a queixa da escasa atención dos medios sobre este apartado, malia que mellorou bastante nos últimos tempos non é para celebrar os éxitos.

A tea de araña da animación lectora; contacontos, portadores de maletas institucionais, autores que comentan as súas obras, promotores de lectura que sobrecargan aos xa superados docentes, todo un elenco de personaxes que pululaba polos centros en pleno xarampón da animación lectora e da que non se demostrou a día de hoxe a súa incidencia na formación de lectores. Ler require silencio constancia e complicidade, algo que non se pode lograr con accións anecdóticas e puntuais.

As leis do mercado, a marea da mediocridade; hogano existen diversidade de xéneros, traducións de obras estranxeiras, premios que fan que cada vez que publique máis. Pero tamén hai un ataque ás editoriais acusándoas de moverse por criterios mercantilistas. Unha marea de mediocridade invade as obras que esterilizan o interese do lector co didactismo. Segundo Colomer, para ler eses libros é mellor dedicarse a outra cousa. Apúntase tamén á responsabilidade dunha crítica que escolme o gran da palla.

A imaxe; esta forma parte da LIX desde sempre. Na actualidade, nos albumes, libros álbum atopamos imaxes froito da fusión cos códigos artísticos contemporáneos. A beleza dalgún destas imaxes xa é motivo dabondo para mercar un libro, pero moitos deles só viven do impacto do consumidor, son espectaculares, suxestivas, e algunhas delas, ata banais. Traspasan ao lector a responsabilidade de darlle sentido. Aínda non se sabe como funciona a lectura de libros álbum, como funciona o lector na fusión do código visual e do código escrito. Queda por analizar os efectos desa literatura infantil e o interese posterior dos nenos pola lectura de textos carentes de imaxe.

Novas formas de ficción: un novo reparto da baralla; hai libros que xa nacen emparentados coas pantallas –videoxogos, cinema- estes tránsitos conlevan unhas características na migración entre pantallas, máis acción, textos cortos, etc que non sabemos como afectará isto á literatura infantil de calidade, hai que indagar se é posible a dualidade dunha experiencia ficcional e literaria potente.

Coa súa exposición Teresa Colomer axudounos a visualizar a forza que tivo que facer a LIX de calidade para lexitimar a súa parcela, pero afortunadamente estamos nun momento no que hai máis e mellores libros, que chegan a máis nenos que nunca. Rematou enlazando co lema do congreso dicindo que a LIX dentro da literatura é a forza das minorías.

Día Internacional da Alfabetización

En AlfabetizArte o 08/09/2010 ás 00:01

O 8 de setembro de cada ano celébrase o Día Internacional da Alfabetización, declarado como tal polas Nacións Unidas e a UNESCO co obxecto de espertar a conciencia internacional e xerar un compromiso en materia de educación e desenvolvemento. É un recoñecemento de que a alfabetización e a educación son os alicerces de todas as sociedades. As persoas que saben ler e escribir están capacitadas para entender e elixir o seu destino.

O concepto de analfabetismo e de persoa analfabeta varía en función das distintas culturas, e na actualidade significa moito máis ca ser competentes en lectura e escritura, hai outras moitas linguaxes que precisan ser entendidas, comprendidas e empregadas polos individuos. A definición de analfabetismo establecido pola UNESCO, cremos que a día de hoxe debe ser ampliado, pois implica moito máis ca ler ou escribir unha frase breve sobre a súa vida cotiá. Xa o dicía Paulo Freire: “A alfabetización é máis, moito máis que ler e escribir. É a habilidade de ler o mundo, é a habilidade de continuar aprendendo e é a chave da porta do coñecemento.”

Na actualidade unha de cada seis persoas é analfabeta; e no primeiro mundo, cunhas elevadísimas taxas de escolarización da poboación, increméntase ano a ano o número de analfabetos funcionais, con todo o risco de exclusión social que isto conleva.

O día 8, tamén, arranca en Santiago o 32 Congreso do IBBY. Como xa anunciáramos contará coa presenza de Emilia Ferreiro, unha autoridade a nivel internacional canto á alfabetización e adquisición da lingua escrita, que non se cansa de recordar que “a alfabetización non é un luxo nin unha obriga: é un dereito de todas as persoas”, así o podemos ver nun artigo titulado “Leer y escribir en un mundo cambiante” ou en “Diversidad y proceso de alfabetización: de la celebración a la toma de conciencia”. Aproveitando a súa estancia en España, onte mantivo un encontro con responsables educativos no Centro Virtual Leer.es. No blog podemos atopar algunha das súas reflexións sobre os problemas da alfabetización na era dixital,  así como unha ligazón á súa publicación referencial “Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño”.

O eBook e outras pantallas

En FormArte o 07/04/2010 ás 18:25

A chegada ao noso contorno cultural do dispositivo de lectura electrónica, eBook, está xerando moitas incertezas e opinións moi diversas. A súa entrada tanto en lugares públicos como privados de lectura (bibliotecas, centros educativos, fogares) vai mudar tanto a forma de entender a lectura como a fisonomía dos espazos que a conteñen e divulgan.

Con este motivo a FGSR dedicará as 18ª Jornadas de bibliotecas infantiles, juveniles y escolares (27-29 maio) a “El eBook y otras pantallas: nuevas formas, posibilidades y espacios para la lectura”, nas que se contará con relatorios e experiencias de centro sobre os primeiros lectores e os primeiros pasos, dirixidos á nosa etapa educativa.

Para que nos vaiamos facendo unha idea, facilitamos un vídeo no que Penguin Books presenta unha serie de libros infantís e educativos que aproveitan ao máximo a pantalla multitáctil do iPad.

A publicación electrónica Clip, boletín da SEDIC (Asociación Española de Documentación e Información), dedica o seu último número ao panorama actual e futuro do libro dixital e debátese sobre as súas vantaxes e inconvenientes.

O texto teatral nas aulas de educación infantil

En ActualizArte o 31/01/2010 ás 11:34

En febreiro de 2009, a editorial Graó publicou Experiencias escolares con la lectura y la escritura, de autoría compartida. No web da editorial pódese acceder a partes dos distintos capítulos do libro. Salientamos o capítulo “El texto teatral en las aulas de educación infantil” (pax. 33-55) da mestra Teresa Neira que desenvolveu a experiencia no CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia, (aínda que no libro está errado e aparece IES Gaspar Melchor de Jovellanos). Exponse como nenos e nenas de cinco anos acadan un maior coñecemento dos textos teatrais reflexionando sobre as súas propiedades e como escriben o seu propio texto teatral, ao tempo que avanzan no coñecemento das propiedades do sistema de escritura.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores