A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘indicadores educación’

Situación do profesorado na OCDE

En InformArte o 27/04/2011 ás 15:00

Infografía na que se recolle datos sobre a situación do profesorado nos países OCDE: salario, ratios (alumnado/profesor) e  horas de clase.

Recomendamos a lectura das reflexións de XarxaTIc arredor disto.
Teachers Worth Around the World | Infographic |
Via:Master-Degree-Online.com

10 claves para un ensino máis eficaz

En ActualizArte o 08/04/2011 ás 00:02

50 anos de estudo sobre a cognición humana, a aprendizaxe, a memoria, as estratexias de almacenamento-recuperación de información, dan resultado dez puntos clave para a mellora do ensino. Que ninguén espere algo fóra do común, nada novo. Malia todo, actúase deste xeito nas escolas?

Síntesis educativa, avanza os resultados dunha investigación no campo de neurociencia con grande aplicación no campo do ensino. Vexamos estes dez puntos:

1º Repetición apropiadamente espazada favorece a retención e profundidade da comprensión.

2º Recompensa-esforzo, compoñentes esenciais da aprendizaxe.

3º Visualización e ensaio mental contribúen ao proceso de adquisición de coñecementos.

4º Compromiso activo do/a aprendiz no proceso.

5º Estres moderado estimula a actividade sináptica.

6º Fatiga de sesións intensas de aprendizaxe precisa do descanso oportuno.

7ºMultiarea favorece se todas as tarefas se encaran á área a traballar.

8º Estilos individuais de aprendizaxe requiren diferentes modos docentes.

9º Involucración activa; o de aprender a aprender, a facer, a ser, a coñecer…

10º Volver sobre a información e os conceptos empregando o multimedia como reforzo da aprendizaxe.

Ousariamos dicir que a clave está en como se desenvolvan eses aspectos, non en si mesmos. Para quen diga “boh, nada novo!”, unha sinxela proba:

Faga firme propósito de tomar nota –como se dun observador externo se tratara- dunha sesión de  clase; ao remate, tratando de ser o máis obxectivo/a posible, anote a súa intervención co grupo. Trala lectura destes apuntamentos, responda con honestidade se cumpriu cos 10 puntos tan “archisabidos”. Poida que nin sexa preciso facer a anotación, tan só suscitar este tipo de reflexión.

Ben, pode que hoxe non tivera o seu mellor día; pode que esta non sexa a semana idónea; é posible que os cativos non estean nun bo momento…, ou é que a meirande parte da nosa intervención se centra máis no control disciplinario ca nos aspectos cognitivos. É posible que non levemos á práctica o que tan ben sabemos que dá bo resultado? Será que ás/aos docentes nos vai para un lado o discurso e para o outro a praxe?

Demoledor…,ou non?

Análise da calidade da educación infantil

En ActualizArte o 03/03/2011 ás 20:00

O Instituto Nacional para la Evaluación de la Educación de México vén de presentar o informe “La educación preescolar en México. Condiciones para la enseñanza y el aprendizaje”, unha radiografía educativa que xa nos gustaría ter en España; recordemos que a última mención do Instituto de Evaluación do Ministerio de Educación á educación infantil é o Estudio Piloto do 2007, do que nunca máis se soubo.

Vamos entrar polo miúdo no estudo mexicano porque nos sorprendeu  pola súa rigorosidade e polos indicadores de calidade da educación infantil analizados –os lóxicos, pero nos que ningunha administración educativa entra; sempre prefiren aspectos cuantitativos maquillados ca os cualitativos. Poida que haxa un abismo entre México e España –por pór un exemplo, atenden á existencia de auga potable en todos os centros infantís; pero salvando as diferenzas, é unha análise da que temos moito que aprender.

O obxectivo principal do estudo foi identificar as condicións nas que se prestan os servizos á infancia en México e as diferenzas que existen de acordo coa modalidade educativa e o nivel socioeconómico da poboación. Organizase en trece apartados, cada un deles parte da comprobación de dúas hipóteses, danse os datos obxectivos e tíranse conclusións. Estes son:

1ºRecursos económicos para a financiación das escolas públicas, contribucións e achegas das familias.

2ºInfraestrutura educativa para o benestar e desenvolvemento das competencias dos nenos/as. Refírese aos espazos e servizos que permiten a realización das tarefas educativas: o ambiente físico, a existencia de sala de usos múltiples, áreas verdes, praza pública, patio ou canchas deportivas, chapoteadeiro, areeiro e área de xogo. Infraestruturas sanitarias, condicións para a seguridade, peche perimetral, control de accesos. Suficiencia de espazo por neno/aula -toman como referencia as da National Association for the Education of Young Children, 3,25m2 /alumno, xa que NAEYC a considera que por debaixo diso a carencia de espazo ten efectos nocivos. Ambiente físico da aula: infraestrutura, mobiliario, contorno, temperatura, ventilación, iluminación, comodidade e flexibilidade do mobiliario, ou condicións auditivas.

3º Aulas equipadas con materiais variados e accesibles. A dispoñibilidade, variedade e suficiencia de material educativo evidencia oportunidades na aprendizaxe. Analizan por exemplo a existencia dos que permitan o achegamento á cultura escrita, tanto literarios coma informativos; de materiais para a dramatización, música, actividades físicas, para a construción e nocións matemáticas, para a observación e experimentación. Comproban, así mesmo as fontes de finanzamento dos materiais educativos nas aulas.

4º Composición de grupo adecuada para a atención das necesidades individuais e colectivas dos nenos/as. Grupos reducidos, a NAEYC, sinala que en idades de 4-5 anos non debería haber máis de 10 criaturas por cada docente. E grupos multigrado, as vantaxes educativas da mistura de nenos de distintas idades.

5º Espazos e persoal docente capacitado para atender a nenos/as con n.e.e., adecuación da infraestrutura para a accesibilidade dos nenos con discapacidades motóricas. Crenzas docentes con respecto á atención de nenos con n.e.e., e a súa formación.

6º Condicións contractuais para o traballo docente: tipo de contratación, salario e cercanía ao lugar de traballo.

7º Capacitación e experiencia docente. En infantil destácase que a capacidade dos docentes para identificar e dar resposta ás necesidades do alumnado é unha compoñente crítica da calidade educativa; polo que analizan tanto os estudos dos docentes como os anos de experiencia laboral.

8º Docentes con crenzas consoantes coas orientacións curriculares. As crenzas dos docentes permiten entender a natureza das súas accións, estando fortemente relacionadas coas características das súas prácticas de ensino/aprendizaxe, e inflúen nas súas percepcións e xuízos, ademais de afectar ao seu comportamento dentro da aula. Refírense ás crenzas sobre: a orientación para a planificación do traballo docente, orientacións para o ensino e orientación para a avaliación.

9º Oportunidades para a aprendizaxe e desenvolvemento profesional dos docentes: participación en cursos de actualización, discusión e análise da práctica docente en colectivos escolares, estudo de materiais educativos, asistencia a centros de profesorado.

10º Dirección de centros escolares con capacidade e experiencia. A labor que realizan os directores é crucial para a consecución de resultados educativos, a construción de comunidades de aprendizaxe e para a provisión de servizos de calidade.

11º Duración e distribución da xornada escolar adecuada ás necesidades dos nenos, das súas familias e a sociedade. Analizan o tempo que se dedica diariamente ás actividades rutineiras.

12º Interaccións estables e seguras entre docentes  e nenos/as. Estabilidade docente, manexo de situacións conflitivas.

13º Oportunidades para que os nenos traballen de maneira individual e en pequenos grupos.

Nun apartado final, anterior aos anexos con datos, recollen unha serie de conclusións para a determinación de políticas educativas. Sorprende unha chamada de atención que se fai á inconsistencia palpable entre normativa, construcións, currículo, infraestruturas e dotación dos centros.

Desde logo é un informe valente. Unha mirada necesaria para a mellora.

Metas educativas 2021

En ActualizArte o 26/01/2011 ás 14:59

O 24 de decembro, na XX Cumbre Iberoamericana en Mar del Plata, Álvaro Marchesi, Secretario Xeral da OEI, presentou o documento “Metas educativas 2021: la educación que queremos para la celebración de los Bicentenarios”.

Como todos estes documentos, móvese no nivel da utopía necesaria; os retos que se propoñen son un bo punto de referencia, malia que xa de partida se vexan inalcanzables.

Pareceunos moi interesante a análise que se fai do panorama educativo iberoamericano. Lemos moi polo miúdo aqueles aspectos referidos á educación infantil, o que acontece é que afortunadamente a situación de España canto a iso é ben distinta do resto dos países.

No web pódese acceder ao documento completo, así como a un apartado onde recollen as achegas de persoas senlleiras no ámbito educativo ou representantes de institucións e fundacións relacionadas coa educación.

 

Sistema estatal de indicadores de educación 2010

En ActualizArte o 22/12/2010 ás 18:30

No seu momento recollemos e comentamos neste blog a edición 2009 do Sistema estatal de indicadores de educación. Daquela eran 38 agrupados en cinco apartados: indicadores de contexto, de recursos, de escolarización, de procesos educativos e de resultados educativos.

Na edición 2010 reducíronse e simplificáronse en 16, clasificados en tres apartados: escolarización e entorno educativo, financiamento educativo e resultados educativos.

No que se refire á educación infantil, interésanos o E2.1, porque tamén é o único no que se contempla esta etapa educativa “de tan grande importancia no posterior devir académico do alumnado”. Analízase a evolución das taxas netas de escolarización de 0-5 anos e a media de anos de escolarización en EI.

En las edades teóricas del segundo ciclo de Educación Infantil la escolarización es casi plena: 97,5% a los tres años, 98,5% a los cuatro y 98,8% a los cinco. Sin embargo, la evolución es más desigual que en el primer ciclo. Así, mientras que la escolarización a los tres años ha aumentado 25,1 puntos porcentuales durante estos once cursos, los porcentajes de escolarización a los cuatro y cinco años han descendido 1,2 puntos cada uno. Hay que tener en cuenta que el mayor crecimiento de la escolarización a estas edades se produjo en cursos anteriores y, además, que las variaciones pueden deberse a los cambios en las cifras reales de población con respecto a las estimaciones de población utilizadas para el cálculo de dichas tasas. Ver Gráfico y tabla 1.
Como consecuencia de los aumentos de las tasas anteriores, el número medio de años de escolarización en Educación Infantil se ha incrementado a lo largo de los últimos años, pasando de 2,9 años en el curso 1997-98 a 3,6 años en el curso 2007-08. Por otra parte, tanto en el número medio de años de escolarización como en las tasas de escolarización, no se aprecian apenas diferencias entre niñas y niños en todo el periodo estudiado. Ver Tabla 2.
En el curso 2007-08, País Vasco, Cataluña, Aragón, Comunidad de Madrid y Comunidad Foral de Navarra son, por este orden, las comunidades autónomas con una mayor escolarización media en Educación Infantil, todas ellas por encima de la media nacional. Las comunidades donde esta variable ha aumentado por encima del incremento nacional desde 1997-98 son: Andalucía, Aragón, Cantabria, Comunidad Valenciana, Galicia, Comunidad de Madrid, Comunidad Foral de Navarra, País Vasco y Melilla.”

Logo continúa cunha comparativa na escolarización en EI noutros países do contorno europeo; estos indicadores e estas comparativas hai que tomalas no seu contexto, xa que noutros países a tradición canto á escolarización dos máis pequenos non é a mesma que aquí.

Poida que o que houbera que medir e recoller como indicador é en que medida se está dando resposta ás demandas sociais canto a oferta de prazas e calidade do servizo.

Informe Infancia en España 2010-2011

En InformArte o 18/11/2010 ás 18:03

Nestes días a prensa facíase eco do último informe de UNICEF sobre a situación da infancia en España. Malia que en case todos os medios tan só se referían ao punto máis chamativo deste informe –“a pobreza ameaza a un de cada catro nenos –hai outros moitos aspectos que cómpre coñecer de “La infancia en España 2010-2011“.

Comeza cunha fotografía da infancia en España, un dos países cunha taxa máis alta de pobreza, sendo esta, unha tendencia en ascenso. Apunta, logo, os avances e os desafíos pendentes con respecto aos dereitos da infancia; entre eles a dotación de recursos específicos, a falta de coherencia na aplicación de plans e normativas, a carencia de protagonismo da infancia na axenda política e social –só quedan bonitos nos discursos e nas fotos. Asemade, analiza o que significa pobreza en España, un país desenvolvido; o primeiro impacto da crise económica, e de cómo afecta máis ás familias monoparentais e numerosas. Remata cunhas conclusións e recomendacións, así como cun sistema de indicadores do benestar infantil.

Dise no informe: “Ser pobre en España non é pasar fame, pero si ter máis posibilidades de estar desnutrido. Tampouco é non ter acceso á educación e á sanidade, pero si ter máis dificultades para afrontar eses gastos.”

Nalgúns centros educativos xa se está facendo notar máis ca noutros. Nalgúns, somos conscientes e coñecedoras da precariedade económica de moitas familias, e dos esforzos que estas fan para que os seus fillos non se diferencien dos demais. Tamén nos decatamos da falta de articulación dos sistemas de asistencia social, da incoherencia de certas liñas de axudas e subvencións que acaban favorecendo a quen non o precisa tanto, etc, etc. E que facemos nos centros?, o que podemos, en moitos casos máis do que está no noso cometido, pero non se pode esperar que actuemos como servizos asistenciais, nós non podemos suplir as eivas doutros.

Premios á innovación educativa 2010

En PremiArte o 03/10/2010 ás 20:12

Convocados os premios á innovación educativa para aquelas experiencias escolares desenvolvidas no curso escolar 2009-2010. O prazo de presentación remata o día 11 de outubro.

No que se refire á educación infantil, poderase participar pola categoría 1 –compartida con primaria- desde tres modalidades: fomento do plurilingüísmo, introdución das competencias básicas na aula dixital e atención á diversidade. En cada unha das tres modalidades: un 1º premio de 6.000€, tres 2º premios de 4.000€ e cinco 3º premios de 2.000€.

Cómpre salientar que se fai moito fincapé –tanto nos requisitos coma nos criterios de valoración- que os materiais presentados favorezan a adquisición das competencias básicas e de aprendizaxes significativas por parte do alumnado, ao tempo que sexan de utilidade para as “aulas dixitais”. Isto é moi importante, porque a día de hoxe atopamos moitos materiais elaborados para as chamadas escolas 2.0, que non son máis que aquelas denostadas fichiñas escolares cun pouco de animación multimedia e absolutamente infantilizadas. Os autores destes materiais, totalmente aducidos pola súa pericia no manexo de programas, esquecen que só lles van producir aprendizaxes significativas a eles mesmos –polo duro proceso de elaboración-, pero logo para os rapaces, nada de nada. Nós non somos partidarias da idea que se intenta transmitir dese profesor/a “orfebre”, non somos técnicos informáticos; o que debemos e temos que facer é aproveitar didacticamente o que a día de hoxe podemos atopar pola rede. Nós somos os que temos o criterio para verlle esas posibilidades e sabemos en que momento nos poden ser de utilidade. É a nosa opinión, e tamén o que intentamos facer. Ao igual que sucede coas lecturas, poemas, historias, que  seleccionamos sen necesidade de telas que escribir nós mesmas, o mesmo acontece cos recursos dixitais. Pero en calquera caso, a responsabilidade será de quen se encargue de premiar esas experiencias e de difundilas a modo de boas prácticas.

Competencias profesionais

En ActualizArte o 16/09/2010 ás 23:00

A pasada fin de semana, lemos no suplemento dun xornal, un artigo titulado ¿Por qué Julia es una maestra 10?. Julia Resina, unha mestra que nunca sufriu acoso escolar nin estrés, vista por 36 dos seus alumnos e alumnas de 5 promocións diferentes. A dobre páxina unha fotografía de todos eles cos seus comentarios, entre os que destacamos:

“Siempre ha estado comprometida con la educación y lo transmitía.” “Se preocupaba de que cada alumno avanzara en su educación y en su felicidad.” “Lo que hace especial a Julia es que enseñaba desde el cariño y de manera igualitaria” “Te daba motivos para que estudiases.”

Á vista destes comentarios pensei, tantas investigacións sobre cales deben ser as competencias profesionais do profesorado, tanto debate, e velaí van; tan só cómpre preguntarlle a alguén a cantos profesores recorda e por que motivo; na meirande parte dos casos son coincidentes, e redúcense aos xa expostos no artigo.

Aínda así, e por ser un pouco máis sistemática; fai tempo lemos o libro “Diez nuevas competencias para enseñar”, do sociólogo Philippe Perrenoud, publicado en Graó no 2004, que é todo un referente. Recolle en 10 puntos os grupos de competencias que debe reunir un bo profesional do ensino:

1. Organizar e animar situacións de aprendizaxe.
2. Xestionar a progresión das aprendizaxes.
3. Elaborar e facer evolucionar dispositivos de diferenciación.
4. Implicar ao alumnado na súa aprendizaxe e no seu traballo.
5. Traballar en equipo.
6. Participar na xestión da escola.
7. Informar e implicar ás familias.
8. Empregar as novas tecnoloxías.
9. Afrontar os deberes e os dilemas éticos da profesión.
10. Organizar a súa formación continua.

O mesmo Perrenoud, sintetízaas na cita que segue: “Decidir en la incertidumbre y actuar en la urgencia es una forma de caracterizar la experiencia de los profesores, que realizan una de las tres profesiones que Freud llamaba imposibles, porque el alumno se resiste al saber y a la responsabilidad”. Pódense ler partes dalgún capítulo, na ligazón da editora.

Os comentarios dos ex alumnos e alumnas, tamén me fixeron recordar os que teño escoitado dunha mestra galega, nunca suficientemente recoñecida, Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía Castro de Vigo, cuns principios educativos, aínda “modernos” e avanzados para os tempos actuais. Grande amiga e compañeira de Marta Mata desde os tempos nos que asistía ás Escolas de Verán de Rosa Sensat. Como xa fixéramos no seu momento, recomendamos a lectura do libro “Este camiño que fixemos xuntos” - no que Antía Cal, narra a súa vida-, a todas aquelas persoas interesadas na renovación pedagóxica e no compromiso coa mellora do ensino en Galicia. Facilitamos, tamén, acceso a un artigo sobre ela, publicado na revista EDUGA nº 50.

Obxectivos da Educación para a década 2010-2020. PLAN DE ACCIÓN 2010-2011

En ActualizArte,LexislArte o 07/09/2010 ás 00:01

O pasado 17 de xuño, o Consello Europeo marcou as metas a conseguir daquí ao 2020 para mellorar os niveis de educación. Tendo como referencia ese documento, a nivel estatal e como punto de partida, estableceuse un Plan de acción 2010-2011, cun conxunto de actuacións específicas que se revisarán e renovarán anualmente.

Este plan de acción que se artilla sobre os 12 obxectivos europeos, apoiarase nunha serie de programas como son:

-a mellora do rendemento escolar do alumnado

-a modernización e flexibilización do sistema educativo

-a modernización e internacionalización das universidades

-o impulso ao aprendizaxe de linguas estranxeiras

-un plan estratéxico para a Formación Profesional

-a información e a avaliación como factores para mellorar a calidade da educación

-a formación do profesorado

-a dimensión social da educación en todos os niveis

Nada novo e nada vello. Estes obxectivos tanto podían ser válidos fai dez anos como poderán selo dentro de cincuenta anos. Non fai falla consultar a bola de cristal. O único que pode diferencialos son as medidas nas que se traduza.

Lemos con moito interese as fichas nas que se concreta o paquete de medidas planificadas polo goberno español porque, cando nos remitiron este Plan de acción, alguén nos indicou que as referidas á educación infantil, estaban recollidas, na súa meirande parte no obxectivo xeral 1º: “El éxito educativo de todos los estudiantes” (pag 28-42). Confeso que mentres esperaba a que se abrira o documento pensei que por fin se ía ter en conta a importancia determinante da EI, tanto para o desenvolvemento persoal como para o futuro discorrer académico do alumnado. Tamén pensei que o ministerio faría mención á necesidade de ir un paso máis alá no ciclo 0-3, non falando só de provisión de postos escolares, senón de promoción da calidade efectiva deste primeiro chanzo educativo. Supuxen que, sendo como é un ciclo no que a meirande parte das prazas ofertadas son en centros privados, contemplaría a supervisión do carácter educativo por parte da inspección. Ata esperaba ver algunha referencia ao fomento da coordinación entre os dous ciclos infantís, 0-3 e 3-6; e como non, que se instara ás comunidades autónomas a que dunha vez, estipularan os requisitos mínimos dos centros 0-3 –algo que veñen adiando desde o ano 2007.

Ben, das 15 medidas previstas para a consecución deste primeiro obxectivo, que contan cunha dotación de preto de 200 millóns de euros, tanto para o 2010 como para o 2011, as catro primeiras refírense a EI; son as que segue:

1. Ampliar e avaliar o Plan Educa3, aumentando a oferta de prazas no primeiro ciclo de Educación Infantil.

2. Transformar de maneira progresiva, en prazas de EI, a oferta de atención aos nenos de 0 a 3 anos de idade que non está considerada como tal.

3. Aumento da oferta de prazas para ciclos formativos de Grado Superior de EI.

4. Recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e de aprendizaxes non formais obtidos en centros para atención a nenos de 0 a 3 anos e oferta de formación para obter o título de Técnico Superior en Educación Infantil.

Sabemos que un documento programático coa amplitude do Plan de Acción non pode ter un gran nivel de concreción, pois esta característica converteríao en algo de difícil lectura e interpretación; sabemos que as actuacións polo miúdo dependerán das distintas comunidades autónomas. Tan só queremos recordar que a calidade en infantil hai que cifrala en algo máis ca en “ladrillos”, persoal ou materiais. Pero iso ben pode lograrse a través da formación do profesorado, da innovación e da ordenación académica.

Confiamos en que a estas alturas non sexa preciso convencer a ninguén do valor da educación infantil; para nós, tanto como a universitaria.

A educación nos xornais

En RebelArte o 05/04/2010 ás 22:52

Hoxe lemos en “El País” que Galicia encabeza os indicadores educativos nos dous últimos anos, avantaxando a media española na meirande parte deles. Destaca así mesmo que é a comunidade que máis se achega á taxa de idoneidade e que está por debaixo da media en canto ao abandono temperá.

Isto non é unha novidade; estes resultados véñense constatando nos estudos anuais realizados polo Instituto de Evaluación. O que é unha novidade é que os xornais salienten aspectos positivos da educación. Serán conscientes de que a valoración social do feito educativo podería ser ben distinta se en vez de encher titulares con aspectos negativos se salientaran cada día as boas prácticas dos centros, ou a labor de tantas e tantos docentes comprometidos co seu traballo, ou o papel determinante dos estudos na vida plena das persoas? Por que será que a meirande parte das ocasións nas que se fala da educación é en negativo: violencia, abandono, desidia, conflitividade…, isto fará que se vendan máis xornais, ou é unha tendencia?

Panorama da educación. Indicadores OCDE 2009

En InformArte o 01/02/2010 ás 17:07

O proxecto INES da OCDE ten o propósito de ofrecer indicadores cuantitativos que permitan a comparación dos sistemas educativos dos países membros e deste xeito poder coñecer a eficacia e a evolución dos devanditos sistemas. O informe 2009, con datos do curso 06/07, elaborado polo Instituto de Evaluación do Ministerio de Educación permítenos coñecer entre outros, datos como: a alta porcentaxe de mulleres mestras en EI en España (88%), aínda que non chega á media da OCDE e da UE (98%); que as retribucións do profesorado e as horas netas de clase en España son lixeiramente superiores ás dos países OCDE e da UE; que coa idade do profesorado sucede o mesmo; as ratios alumnado/profesor; que o salario inicial do profesorado español, tanto de primaria coma de secundaria é superior ao da OCDE e da UE.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores