A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘emocional’

Catalogadores de bicos

En ContArte o 28/03/2012 ás 14:29


Como adultas caemos rendidas perante o último albume ilustrado de Raquel Díaz Reguera, “Catálogo de besos”, e de inmediato xa se nos dispararon as ideas para “versionealo” nas aulas co noso alumnado.

Da librería pasamos a un bazar no que mercamos unha grande variedade de barras de labios, mesmo de cores do máis inverosímil; non é doado poñerlle cor aos bicos envelenados, a bicos de pedir perdón, bicos sacapenas, recompensa, rutineiros, bicos de espertar, bicos de boas noites, bicos de amor, bicos de amizade, bicos de despedida, bicos de consolo, bicos de cortesía …

Coa experiencia que fomos collendo como catadores e catalogadores de bicos, froito das nosas lecturas, “Besos, besos”, “Mamá de qué color son los besos” ou “La reina de los besos”, decidimos facer unha actividade de recolleita, catalogación e conservación de bicos.

Cada neno/a, coa colaboración das súas familias, aporta bicos, co seu correspondente nome e posoloxía. Consérvanse en botes de cristal, anunciando a súa existencia e dispoñibilidade nun cartel que temos na porta da clase, no que tamén  se convida a deixar un bico. Asemade, elaborouse unha carta de bicos na que teñen cabida os bicos metralleta, bicos tutifruti, bicos sonoros, bicos voadores…, e así ata trinta variedades.

Ver presentación.

Catálogo de bicos

As compañeiras de El Biblioabrazo, fixeron unha excelente escolma de imaxes de bicos: na arte, na fotografía, na danza ou no cinema, ao que nós engadimos o sofá “Labios” deseñado por Dalí con Óscar Tusquets, e “Beso de fuego” do mesmo autor.

Dará para máis …, xa que logo, cada bico é único e irrepetible e cadaquén fai a súa clasificación, algunhas inolvidables como a da  Nobel chilena Gabriela Mistral no poema “Besos”.

Libros para querer

En ContArte o 01/02/2012 ás 07:57

Hai tempo que decidimos que para o alumnado de infantil, poñeríamos en positivo todo aquilo que puidéramos. Evitamos falar da morte, preferimos falar da alegría de vivir; non queremos afondar na violencia senón na ledicia de coñecer e respectar aos outros, poñendo en valor cuestións nas que decote non se repara.

Nesa liña, vimos de descubrir tres fermosos libros que falan do amor, do goce de querer e ser querido, deses que nos deixan co sorriso pintado na cara:

Mama qué es el amor” de Davide Calí e Anna Laura Cantone

Besos besos”, de Selma Mandine en Miau.

Un regalo del cielo”, de Gustavo Martín Garzo e Elena Odriozola en SM.

Criaturas

En ContArte o 22/11/2011 ás 07:59


Nestas idades, todos os nenos e nenas queren ter unha mascota; poucos poden facelo, e menos soñar con compañías como as que se recollen no libro “Criaturas” que toma o seu nome do programa televisivo que se emite na TVG.

Preséntansenos vinte e cinco historias de vida, de xenerosidade, de amizade, de amor entre os animais e os seus amigos/as nun libro de gran formato, con grandes fotografías e con pequenas pílulas informativas sobre a especie, pero o que prima é a narración do estreito vínculo que une persoas e animais.

Michi é unha gata, nai adoptiva e de leite de Berni e Strech, dous cadeliños que quedaron orfos ao nacer. Sombra é a cadela que está a piques de perder a vista, polo que, malia os tratamentos de acupuntura, agora leva lentes, ao igual que Brais o neno co que xoga. Ataúlfo, unha tartaruga que estaba tristeira ata que lle buscaron a Margarida, outra tartaruga que lle fixo recuperar a alegría de vivir. Bruno é un pequeno pardal que un día entrou no bar-estanco de Helena, e desde aquela fíxoo todos os días, ata que se correu a voz de que daba boa sorte que peteirara os décimos de lotería e houbo quen o quixo roubar, desde aquela non volveu e todos notan a súa falta. Ata que enfermou, Chico era un fervello de can; todo quedou nun susto grazas a Pongo que doou do seu sangue para que lle fixeran unha transfusión. Brais mimou á pequena curuxa Maruxa desde que o seu pai a atopou preto da estrada ; foina alimentando ata xa se fixo demasiado grande para estar na casa e tívoa que deixar volver ao seu hábitat. Pepa é unha nena galego-inglesa con Síndrome de Down, que asiste ás clases con Bru e Piroco, dous cadelos que lle axudan a exercitar os seus músculos. Froito da campaña “Salvemos a Quinín”, este porco foi indultado e agora vive nunha leira coma un señor e sendo o máis coñecido da bisbarra. Fenicio era un bebé de foca cando o señor Plácido a atopou  desorientada na praia; agora é unha estrela mediática no acuario do Grove. Marta-Hari é un pequeno morcego que leva un dispositivo, un chip coma os espías, para transmitirlle información a Róber e Moncho, dous estudosos da vida destes mamíferos. Tonín é un electricista xubilado que fai niños para as cegoñas, agora precisa da axuda do seu neto Mario porque perdeu unha perna e non pode subir aos postes; Eulalia unha cegoña que se hospeda desde hai moitos anos nos seus “aloxamentos”, decátase do problema de Tonín e todas as mañás lle leva o xornal para que o poida ler.

Isto non é a vida de vinte e cinco animais, son vinte e cinco historias de vida de criaturas que engaiolan a cativos e grandes.

Acabado de nacer

En ContArte o 09/09/2011 ás 08:05

Temos nas mans o último albume da editorial Galaxia. Dos que coñecemos, é o máis fermoso libro que vimos sobre a chegada dun irmán; xa se luciran con “Mamá, ti si que me entendes” e “Eu tamén son fonte”, de Teresa Moure que trataban o tema do embarazo e do aleitamento materno.
En “Vou ter un irmán!!!”, María Solar métese na pel e dálle voz aos sentimentos dunha cativa desde que sabe que vai ter un irmanciño. Non deixa ningún cabo solto; coa frescura da curiosidade infantil e coa rigorosidade científica que os pequenos poden comprender, fala do tempo do embarazo, dos que nacen prematuros, das ecografías, do tamaño e partes do feto, das molestias da nai, dos preparativos, da procura do nome –en galego-, do parto e da aceptación da chegada asumindo o rol de irmán maior para evitar os ciumes. Nótase que a autora é unha divulgadora da ciencia. Con todo, non é un texto informativo, é un conto infantil áxil, dinámico e lírico, moi do gusto dos nenos e nenas, redondeado polo bo facer do ilustrador Xosé Tomás.
Velaí o booktrailer.

 

Os pendentes da mestra

En ActualizArte o 07/09/2011 ás 16:00

Hai pouco coñecemos a última publicación de Mª Carmen Díez Navarro, a recoñecida autora de “El piso de de abajo de la escuela”, “La oreja verde”, ou “Mi escuela sabe a naranja”.

Publicado por Graó, “Los pendientes de la maestra” recolle unha selección de textos que Carmen Díez foi publicando ao longo da súa carreira profesional en distintos medios. Os artigos están agrupados en catro bloques: “Niños de hoy”, “Escuelas de hoy”, “Escuelas de hoy” e “Sociedad de hoy”, a través de todos eles baleira anacos da súa realidade cotiá, preocupacións pola crianza dos cativos, reflexións, tenruras e mesmo chiscadelas.

É un deses libros para ter enriba da mesa de traballo e en momentos de dúbidas, de descubrimentos, de contrariedades, de xenreira, de satisfacción…, ler para contrastar opinións, coma quen conversa cunha amiga.

Recomendamos: “Cuidado con las nuevas nodrizas”, “¿Calificaciones o descalificaciones?”, “El patio está enladrillado ¿quién lo desenladrillará?” ou “Me aburro” de entre os 44 que conforman o libro.

Educar con co-razón

En EmocionArte o 19/06/2011 ás 20:00

EDUCAR CON CO-RAZÓN, José María Toro from Bivium Comunicación on Vimeo.

Unha das conferencias do II Encontro Aprato que non nos deixou indiferentes foi a de José Mª Toro, ao que nunca escoitáramos con anterioridade.

Tal é como el se define, é un home que muxe as palabras; fíxonos caer na conta de que empregando unhas ou outras estamos transmitindo os nosos pensamentos inconscientes. Foi moi ocorrente a súa observación canto ao informe PISA, que segundo el, con ese nome, necesariamente é unha visión inclinada.

Ten unha mirada tan persoal, da función docente -ás veces parece que roza o misticismo-, que tan só poderíamos repetila co risco de equivocarnos, polo cal, e dado que hai vídeos das súas intervencións, preferimos remitirvos a eles, así como á súa publicación “Educar con co-razón”. Unha “rara avis” no mundo educativo.

Neve frita

En ActualizArte o 17/06/2011 ás 07:50

A primeira conferencia do II Encontro Nacional Apfrato, correu a cargo do profesor Miguel Ángel Santos Guerra. Iniciouna facéndonos dúas preguntas ao auditorio: “Somos felices os docentes?”, “Imos contentos á escola?”. Neste momento seica está a dirixir unha tese sobre como envellecen os profesionais da educación no ensino; tratan de averiguar que é o que fai distinto a un docente doutro co que comparte o mesmo colexio, o mesmo currículo, o mesmo soldo, os mesmos dirixentes políticos…, onde radica a diferenza? Ao seu entender é nas emocións.

Na mesma liña que  no seu blog El Adarve, contounos o conto “A sala dos 1000 espellos”, no que un can vagabundo entraba nunha casa abandonada na que había unha sala con mil espellos; o can ao ver reflectida a súa imaxe, púxose moi ledo, ladraba e pegaba brincos, daquela veu que mil cans brincaban e ladraban coma el. Noutra ocasión entrou outro can e ao verse reflectido púxose moi rabioso e en actitude defensiva, ao igual que fixeron os mil cans que o miraban.

Pois seica isto é o que nos pasa a todas as persoas, e no caso que nos ocupa, aos docentes; a nosa actitude determinará, en grande medida, a actitude dos outros cara nós. Se non sabemos enfocar debidamente as nosas emocións non podemos laiarnos dos resultados.

Para el o obxectivo fundamental da educación non é o de encher mellor e máis rapidamente as cabezas dos rapaces con contidos senón o de como facelos máis felices, tal e como expón en “Corazones, no solo cabezas”. Porén hai que aprendelos a entender os seus sentimentos, para ilo hai que seguir un patrón de método arqueolóxico, que ten os seguintes pasos: o descubrimento do tesouro (os sentimentos), a excavación, a protección, e finalmente, a exposición do achado. Disto fala máis polo miúdo no seu libro “Arqueología de los sentimientos en la escuela”, ao que nos remitiu.

Rematou dicindo que non hai autoridade máis bela na educación que a do exemplo, xa que logo non se pode predicar o que un mesmo non fai; é dicir non se pode facer neve frita.

Os medos

En ContArte o 23/05/2011 ás 08:01

“Todo o mundo lle ten medo a algo. Vivir con medo pode facer mesmo que a persoa máis valente se sinta pequena.”

Así comeza “O gran libro dos medos do rato pequeño”, a nova publicación libro que nos brinda a editora Patas de Peixe, á que non parece gustarlle moito darnos libros sen pasado; ao igual ca o anterior este tamén está roído; xa ten historia.

Un libro fundamental para superar as túas fobias dándolle nome, teratofofia (medo aos monstruos), clinofobia (medo a ir para a cama), entomofobia (medo aos insectos), lixirofobia (medo aos ruídos fortes), nonseiondestoufobia (medo a perderse)…, así unha morea máis de medos que senten os máis pequenos.

Un ocorrente libro de Emily Gravett, autora de historias, sinxelas moi do gusto dos nenos e nenas pero que dan moito xogo, como sucede con “Dogs”, que recomendamos especialmente para as especialistas de lingua estranxeira en infantil.

Identificar os medos é o primeiro paso.

“LEMBRA!

Un medo enfrontado é un medo vencido.”

Como agua

En ContArte o 11/05/2011 ás 07:49

Un libro que nos permite explorar nunha situación bastante habitual, os choros, pero nun mundo descoñecido. Cal é a orixe das lágrimas, de onde veñen, a onde van…; sorprenderanvos a ideas previas dos nenos e das nenas sobre este tema.

A veces lloro. Como hoy.
Igual que un volcán en erupción el llanto
comienza en el profundo de mi barriga…
¿Y si los mares y los océanos
fueran las lágrimas de todas las personas
reunidas en un mismo lugar?


Como agua” é unha das últimas publicacións de Sleepyslaps, con texto de Carmen Sara Floriano Pardal e ilustrado por Susana Pérez Barrera; recomendamos non pasar por alto as dedicatorias das dúas autoras.
Máis ca unha viaxe á tristeza é un motivo para a alegría.

Por eso, a veces, pongo mis lágrimas al sol para que se sequen. Como hoy.

Moi, moi aproveitable en calquera momento, en especial neses de choros inexplicables.

II Encuentro Nacional AFrato

En FormArte o 28/04/2011 ás 08:02

A Asociación Pedagógica Francesco Tonucci vén de publicar o programa do II Encuentro Nacional, “El mundo de las emociones, los sentimientos y los valores en el juego de educar”, que terá lugar en Granada os días 3, 4 e 5 de xuño de 2011.

Tan só vamos a apuntar os títulos das conferencias e quen as impartirá, con iso, cremos que xa é motivo dabondo para vérmonos alá.

-“El diccionario de los sentimientos en la escuela de hoy”, José Antonio Marina.

-“Los niños y niñas no aprenden lo que les enseñamos, nos aprenden a nosotros”, Antoni Zabala.

-“Arqueología de los sentimientos”, Miguel A. Santos Guerra.

-“Cuando el piso de abajo de la escuela huele a naranja”, Carmen Díez.

-“Una educación que siente, valora y ama”, José Mª Toro.

-“¿Cuánto vale un niño?”, Francesco Tonucci.

E outros moitos momentos interesantes nos que a Asociación AFRato presentará o Consello do Alumnado, ou outros nos que Marina, Tonucci e Zabala responderán as preguntas dos nenos/as e do público.

A felicidade na escola

En EmocionArte o 25/04/2011 ás 21:01

Lin coma quen toma un xarope o último éxito de vendas en Francia “No me iré sin decirte adónde voy”, consciente desde o primeiro momento de que se trataría do que logo resultou ser: un manual de desenvolvemento persoal disfrazado de novela. Cando vexo un libro nos escaparates das librerías coa cartela de 1 millón de exemplares vendidos, non me podo resistir. Creo que ten que ver con que non me considero posuidora da verdade, porén un millón de persoas non poden estar equivocadas. Un día deberíamos dedicar unha reflexión a por que estes libros se converten en bestsellers, que é o que buscamos os lectores?, qué é o que nos atrae da súa reseña?, e sobre todo, por que llelo recomendamos a outros lectores?

O fío do libro é o de facernos ver que  todos podemos ser aquilo que nos propoñamos, por inverosímil que poida parecer, se enfilamos debidamente os  nosos esforzos cara un obxectivo claro; e tamén que a meirande parte das veces, nós mesmos somos o noso peor inimigo, somos quen poñemos trabas, barreiras e cancelas as nosas posibilidades de mellora persoal. Coma sempre, a autoestima con algo máis.

Agora leo en varios blogs a reseña dunha conferencia impartida por Emilio Duró para a Cámara de Comercio da Coruña no 2010 que leva por título “O coeficiente de optimismo”. Fai catro anos tiven ocasión de escoitar a este conferenciante ao longo dun día nunha actividade de formación de máis de trescentas horas cuxo denominador común era a mellora da calidade da administración pública. Xa vos podedes imaxinar, Emilio Duró é á única persoa que recordamos de todos aqueles expertos en distintos ámbitos do servizo á cidadanía do funcionariado. Lémbrome del porque non me deixou indiferente, malia que a día de hoxe aínda non sei se me gustou ou non. Sei que recordou a eses showman ou telepredicadores americanos que comezan a súa intervención cun chiscadelo ao público e cunha actitude entre descarada, sarcástica e sincera manteñen a nosa atención ao longo do seu discurso. O tema central era facernos entender que só nós podemos cambiar as nosas condicións, que todos temos un coeficiente de optimismo que debemos explotar e cultivar para vivir mellor; moi na liña da súa recomendación “El secreto“. Non sei ben o peso que lle podería atribuír a esas achegas porque o seu valor non radica no descubrimento que nos fan senón na utilización de puntos comúns ou elementos recorrentes ben enganchados e bendicidos cunha acertada posta en escena.

O psicólogo Javier Urra, vén de publicar “¿Qué se le puede pedir a la vida?”, no que condensa os pasos a seguir para acadar a felicidade, entendendo que esta é froito dunha dobre decisión: a de responsabilizarse do que acontece e a de tomar unha actitude positiva. Está sendo un dos éxitos de todas as feiras do libro.

Agora a procura da felicidade está no seu momento álxido. Todos e todas queremos ser felices e non o conseguimos. A felicidade é un mito na sociedade actual; todo o mundo quere ser feliz, sendo este un termo bastante polisémico que cadaquén entende á súa maneira, hai quen fai que pivote sobre aspectos materiais, sobre o éxito laboral ou sobre o ámbito afectivo emocional. Sabemos que non depende das cuestións materiais das que carecemos, senón da capacidade que teñamos de satisfacernos co que posuímos. Pero, esta nova “relixión” na que se rende culto a un mesmo/a entraña os mesmos riscos que as outras: fanatismo, cegueira de pensamento, e, igualmente, pode provocar grandes frustracións. Se me din que de min depende a miña prosperidade, a miña felicidade, se me envían mensaxes como só ti podes cambiarte, non esperes dos demais o que tes que facer por ti mesmo…, quere dicir que no caso de que  non consiga o éxito, será pola mala utilización dos meus recursos “de serie”. E isto non é tan simple, por suposto que depende dun mesmo/a, pero “os outros” tamén importan.

Como corolario do anterior, dicir que nos fixo pensar bastante en como inculcarlle ao alumnado a capacidade de fomentar o seu propio benestar, aproveitando o seu coeficiente de optimismo ao tempo que cooperan na procura da felicidade allea. Nestas idades, cremos, só hai unha maneira de facelo: co exemplo. Emporiso, preguntámonos, a felicidade dos nenos e das nenas é un tema central dos debates educativos?, contémplase nalgún dos documentos programáticos do centro?, podemos afirmar que as nosas actuacións se rexen pola procura da felicidade das criaturas?

Para reflexionar e para debater no claustro ou no Consello Escolar, malia que haberá quen diga que iso é unha parvada e que non está no currículo.

As caixas dos recordos

En EmocionArte o 08/04/2011 ás 14:00

Cando empezamos o proxecto EncaixArte, decidimos que algunhas das caixas as reservaríamos  para facer uns “contedores” de recordos, segredos, tesouros…, tiña que ser algo especial xa que logo o que alí se ía gardar tamén era especial.

Con tal fin fomos xuntando todo tipo de “baratijas”,  “pedras preciosas”,  cunhas, flores secas, botóns, cristais pulidos polo mar, buguinas, plumas, etc. Agora chegou o momento, e velaí as nosas caixas dos recordos, a condición –tamén para exercitar a capacidade de decisión e consecuencias das eleccións- cada un só podería elixir dez elementos e con eles facer a combinación que desexara, para iso vai ser a súa caixa dos tesouros. O primeiro recordo: unha foto de cadaquén no momento de rematar a obra.

Logo vemos cada unha das caixas: biberóns, chupetes, bonecos, libros de baño, chaves de cofres de tesouros…

Ás veces, a estética importa moito, pero non ten porque supor ningún gasto. Esa é a mensaxe principal xunto coa importancia dos aspectos emocionais que se gardaran coidadosamente.

A bondade e a maldade humana

En ActualizArte o 01/03/2011 ás 00:00

Veño de facer dúas lecturas que me deixaron imposibilitada por varios meses para impresionarme con outros libros. Chegáronme recomendados por dúas vías diferentes. En ambos casos insistiron moito en que os lera. Vaia por diante o meu agradecemento, porque son deses libros nos que aínda una semana despois de rematalos andas a matinar neles.

Se os traio a este blogue é polos vínculos ou alusións que se fan ao eido educativo. Dan para moito reflexionar. Para moito  meditar nas leis de convivencia, de antiviolencia ou do que sexan. Dan para pensar sobre o papel da educación, da sociedade, da herdanza, da xenética, do ambiente, das ideoloxías, e sobre os distintos códigos morais dos grupos,  “tribos” e familias.

O primeiro deles que lin foi “Nada”. Un libro controvertido, censurado e prohibido; tan criticado e cuestionado coma premiado e recoñecido. A editora encargoulle á autora danesa Janne Teller una obra dirixida a adolescentes, e se ben nun primeiro momento quixo rexeitar o ofrecemento, una hora despois barruntaba na súa cabeza una voz que dicía “Nada importa. Fai moito que o sei. Así que non paga a pena facer nada. Iso acabo de descubrilo.” E daí alumbrou a novela. Para aproveitalo ben é preciso poñerse na pel dun ou dunha adolescente.  O punto de arranque, cando o mozo Pierre Anthon, abandona o instituto e se reclúe nunha árbore, fíxonos pensar no “Barón Rampante” de Italo Calvino, polo acto de rebeldía, pero logo os seus pensamentos filosóficos recordáronnos a Martina de “Deseo de ser punk” de Belén Gopegui; máis adiante, cando entra na espiral e escalada de violencia, a aquel lonxano “Señor de las moscas”. Pero é totalmente distinto de todos eles. Os alumnos e alumnas dunha aula de sétimo curso  tratan de amosarlle ao seu nihilista compañeiro que a vida ten sentido, polo que inician una procura do significado, do que para cada un deles ten importancia. Son todos distintos, son diferentes os seus antecedentes e situación familiares, as súas crenzas, as súas afeccións, os seus medos…, hai un retrato social moi sutil ao tempo que se narra como xorden os fundamentalismos. Pouco a pouco os acontecementos van virando, parece que xa non importa tanto o “significado” como o afán de ferir ao outro. Todo se podería esquecer cando aparecen os cartos polo medio –aquí cabería deterse nos discursos da arte contemporánea-, ata os seus pais e os seus concidadáns poderían olvidar o que fixeron, se non fora pola mordaz e incordiante voz de Pierre Anthon que lles pregunta decote polo “significado”.  Unha metáfora da vida e dos seus ideais. Non é una lectura grata, pero si necesaria.

Malia que poida haber mentes coitadas que pensen que non é aconsellable, abofé, creo que ben guiado, debería ser de lectura obrigatoria no ensino secundario. Cando menos, ben se podería empregar en clubs de lectura dos institutos. Sen descartar, por suposto, como lectura adulta.

A segunda lectura foi “La cena” do holandés  Herman Koch, un libro extraordinario. Deses que se ven poucos cada catro lustros. Historia orixinal pero moi crible, porque está inspirada nun suceso que aconteceu en Barcelona hai poucos anos, cando dous adolescentes queimaron a unha indixente nun caixeiro automático. Cada unha das páxinas mantenos en vilo, porque o autor moi habilmente vai liberando información que nos fai mudar continuamente a nosa opinión e posición. Comeza describíndose como persoas felices que manteñen unha convivencia feliz; cando remata di o mesmo, pero o lector de seguro que xa non ten moi claro o prezo que teñen que pagar por ser felices á súa maneira, pasando moi por enriba de todos os códigos e normas sociais. Está maxistralmente ambientada nun deses restaurantes “de culto” de cociña de autor, con cartas interminables que aluden ata o último ingrediente e máis á súa denominación de orixe, poida que como forma de ocultar a mediocridade dos pratos. A acción estrutúrase ao ritmo da comanda: aperitivo, entrantes, segundo, sobremesas, dixestivo e propina, e ten o mesmo peso que cada un deses elementos na cea como acto social. O racismo, a xenofobia, a irascibilidade e violencia, os trastornos psicolóxicos, a determinación xenética, a permisividade paternal… son algunhas das claves que nos axudarán a perfilar a cada un dos personaxes e que nos farán preguntarnos ata onde pode chegar o amor dos pais polos fillos.

Por certo, o pai no libro tamén é/era profesor de instituto, retirado “temporalmente” por sufrir un trastorno debido a que está queimado. Outra cuestión a tratar: que inflúe máis, a vida persoal na profesional ou a profesional na persoal?

Un libro dos que non se esquecen facilmente.

 

Amor e educación

En EmocionArte o 16/02/2011 ás 21:00

Con este suxestivo título abre Silvia Palou o monográfico que Aula de Infantil nº 59 dedica aos debates que tiveron lugar nas X Xornadas de Innovación Educativa en Educación Infantil, organizadas polo ICE da UAB.

Comeza facendo unha alusión á afirmación de MaturanaSomos animais mamíferos que dependemos do amor”, a partir de aí vai debullando como a educación en xeral, e nos primeiros anos de vida en especial, non pode darse sen este concepto tan difícil de definir, pero imprescindible para a nosa supervivencia. Reflexiona que para o cal necesitamos:

-Confiar na forza da vida a partir do amor.

-Recuperar un tempo humanamente posible para a evolución; tempo para xogar co mundo, cun mesmo e cos demais, sen esperar un rendemento, un obxectivo ou un resultado previsto.

-Facer do espazo da escola un lugar habitable onde poder desenvolver todas as capacidades e necesidades de relación, de curiosidade e creatividade.

-Propiciar unha atmosfera que posibilite unha mirada do mundo complexa na que sintamos que todos estamos conectados e que respiramos o mesmo ar.

-Estar na escola cunha presenza humana e profesional que nos permita ir encontrando o noso sitio.

O seguinte artigo da revista “Educar con amor” recolle o diálogo mantido por Carmen Díez Navarro e Vicenc Arnaiz, entre outros, arredor de como conciliar o biolóxico e o emocional. 

Cores e palabras

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:28

A que cor asociarías a palabra tristeza?, e amor?, e futuro?…

A cor é unha ferramenta que empregan os deseñadores para comunicar sentimentos e estados de ánimo. Para elo crearon Cymbolism, un sitio web que intenta cuantificar a relación entre as cores e as palabras. Permite ir respondendo ás distintas palabras e comprobar a opinión de todos os votantes.

Preguntádelle aos nenos e nenas de que cor son os bicos.

O inesperado agasallo de Papá Noel

En ContArte o 10/01/2011 ás 00:01

Malia que o Nadal xa quedou atrás coas súas boas acción e intencións, recomendamos este libro para quen lle guste escoitar contos sobre a felicidade que sempre anceiamos.

“Imaginemos a un Papá Noel que pone todo su empeño en encontrar el destinatario apropiado para cada regalo y el regalo apropiado para cada niño en esta era de exceso en la que todos tenemos más de lo que necesitamos. Una divertida y hermosa historia sobre la verdadera felicidad, esquiva y caprichosa, pero que siempre termina llegando a quien la espera. “

El inesperado regalo de papa Noel”, un traballo de Eva Heller e Michael Sowa, unha delicia da exquisita editorial Bárbara Fiore.

Absterse de lelo aqueles a quen xa lle chegou o que esperaban, os demais poderán facelo en calquera época do ano.

As caixas dos bicos

En EmocionArte o 22/12/2010 ás 19:06

 

Ao longo do trimestre, na aula de tres anos, viñemos desenvolvendo unha experiencia de educación emocional, titulada “As caixas dos bicos”, nela traballamos o apego, as emocións e os sentimentos dos máis pequenos. Pódese saber máis deste proxecto desde o blog de aula de tres anos.

A educación do talento

En ActualizArte,FamiliarizArte o 20/12/2010 ás 21:19

Nestes días que as familias andan pedindo recomendacións de lectura para os seus fillos/as, tamén queremos facer unha recomendación para elas.

La educación del talento” é o máis recente libro de José Antonio Marina, publicado en Ariel,  co que a Universidade de Padres on line abre unha colección de libros dirixida a pais e educadores preocupados pola educación.

“O obxectivo da educación é desenvolver o talento dos individuos e das colectividades. Os gurús do management insisten sen descanso na necesidade de talento, e hai profesionais que se dedican a buscalo. A todos nos gustaría ter talento. Todos o admiramos. A cuestión é como desenvolvelo nos nosos nenos e nenas, e tamén en nós. Non hai simplificacións milagrosas. Nin se pode ser “millonario ao instante”, nin “aprender chinés en vinte horas”, nin conseguir ningunha desas marabillas que prometen libros estafadores. O talento é un hábito e, como todos os hábitos, difícil de adquirir.Hai tamén moitos tipos de talento. Esta obra pretende axudar aos nosos nenos a descubrir os seus. Cada un de nós temos as nosas propias fortalezas e debilidades. Pero tamén hai un “talento básico”, que debemos intentar desenvolver universalmente, e deste trata sobre todo este libro. Talento para saber que facer cos demais talentos e tamén coas nosas limitacións.”

Estes libros teñen unha finalidade práctica, axudar e educar. Están pensados para que alguén “profano” poida lelos con agrado, e alguén especialista, estudalos con facilidade. Están redactados en dous niveis: a parte expositiva en papel, e a ampliación científica e documental, na rede.

Desde a web, o mesmo Marina vai debullando a través de distintas gravacións en vídeo, a composición e finalidade do libro, capítulo por capítulo.

Así mesmo, pódese acceder á revista Universo UP, que no seu número 10 trata temas como “Videojuegos: enemigos o aliados”, “Ayuda a tu hijo a dormir bien”, unha entrevista a Emilio Calatayud, e outras moitos do interese de pais, nais ou educadores.

Para todas as Seniguais

En ContArte o 23/11/2010 ás 16:22

Nuns días nos que se fala tanto da muller, nos que escoitamos e lemos tantas noticias abafantes sobre o maltrato e a violencia de xénero, un agasallo para todas nós que nos fai sentir unhas seniguais.
“As Seniguais non visitan pazos nin amadriñan princesas, como as fadas, nin se agachan en covas para celebraren aquelarres coma as bruxas. Non conceden poderes porque poden pouco no mundo heteroxéneo, denso e ruidoso dos humanos, e case toda a súa capacidade de milagre emprégana só en ser, con tanta sutileza. Non son domésticas nin domesticables, non se deixan apropiar por nada nin por ninguén, non poden ser convertidas en mascotas. (…) Ninguén puido explicarse aínda como subsisten as Seniguais nun mundo tan cruel e cheo de riscos. Resistiron a todas as especies predadoras, grandes e pequenas. Resistiron a especie máis terrible, que é a humana.”
O libro das Seniguais e do único Senigual“, segundo a reseña da editorial Galaxia “vén sendo unha festa lírica e de imaxinación que, ademais de contarnos todo o que cómpre saber sobre estes enigmáticos seres, critica a violencia humana e o fanatismo, polo cal nos ofrece unha pluralidade de lecturas segundo o chanzo de idade dos lectores e lectoras que se acheguen ao libro. Os cativos lerán unha historia marabillosa sobre seres marabillosos. Os adultos serán quen de ver todo o que hai por debaixo e que a autora, sutilmente, quere transmitirnos.

Este fermoso libro é obra de María Rosa Lojo, quen creu os textos -nos que se fala das características e xeneaoloxía das Seniguais a partires duns bonecos –moi de lonxe recórdanos aos quitapenas- creados pola súa filla Leonor Beuter e que protagonizan unhas imaxes oníricas cheas de lirismo.
Medio cento de páxinas, con moitas posibles lecturas e do que a mesma autora di que “aínda que poida parecelo, non é un produto pensado para os nenos. Iso si, creo que cumpre coas condicións que debe ter a literatura infantil e que para min é aquela que tamén os nenos poden ler”.
Vista previa

Proxecto Miroscopio

En ContArte,EmocionArte o 14/10/2010 ás 20:59

O pasado mércores, os nosos amigos e amigas da Asociación de Filosofía para nenos e nenas de Galicia, convidáronnos á presentación do seu arelado “Proxecto Miroscopio” no Auditorio de Vilagarcía. Unha proposta chea de sentido común, de profesionalidade, de coñecemento, do bo facer e honestidade que caracteriza a este colectivo desde os seus inicios. Reproducimos textualmente a reseña que  fan do proxecto:

“Unha proposta que nos convida a escoitar e a mirar doutro xeito, que nos convida a… “miroscopiar”, que é mirar escoitando, que é mirar observando, que é mirar cara dentro e darlle voltas á mirada, que é mirar preguntado, que mirar pedindo explicacións, que é un mirar coidadoso e agarimoso…, que é, en definitiva, o que fan todos os nenos do mundo aínda que non o saiban.”

O proxecto consta de música, material para familias e profesionais da educación e cinco contos para lectores a partir de cinco anos: Lara, María, Antón, Óscar e Salvatore, cinco contos, cinco nenos e nenas que viven no “paracosmos” de Faxilde, que se fan preguntas, que teñen preocupacións, problemas e inquedanzas comúns a todos os demais nenos.

“Unha proposta global de sentido, con ideas clave empaquetadas en envoltorios:
-Sorprendentes…, para espertar a ATENCIÓN
-Misteriosos, suxestivos, problemáticos e retadores… para provocar ATRACCIÓN, CURIOSIDADE E ASOMBRO
-Divertidos e emocionantes… para producir PRACER
-Cheos de sentido e útiles para vivir… para ser xulgados como VALIOSOS
Activadores dos sistemas simpático e parasimpático para encherse de ENERXÍA e para recuperar a CALMA
Harmonizando SENSACIÓNS, EMOCIÓNS E PENSAMENTOS en comunidade de diálogo e acción.”

Un proxecto de familia, os protagonistas dos contos son nenos e nenas reais, achegados aos autores do proxecto e á ilustradora, María Corleone –quen fixo un extraordinario, orixinal e creativo traballo de representar o inesquecible mundo de Faxilde.

Recomendamos entrar no Blog de Jesús Merino –un dos autores, xunto con Carmen Loureiro, entre outras-, á espera de que estea activa a web www.miroscopio.everest.es . Nas fotografías, as ilustracións e elementos compositivos das mesmas, exposto no Auditorio de Vilagarcía. A continuación, esta fermosa exposición viaxará á Illa de Arousa, e a partir de aí desexámoslle unha longa andaina, por centros educativos e por actividades de formación do profesorado; ben paga a pena! 

This slideshow requires JavaScript.

Novas familias na escola: dúbidas e desvelos

En ActualizArte,FamiliarizArte o 03/10/2010 ás 20:14
Escenario: centros de educación infantil
Temporalización: 1º trimestre do curso académico
Personaxes: pais e nais primeiriños na escola
Problemas:
1º A entrada na escola do primeiro/a fillo/a
Recomendación: Sobrevivir al colegio de su hijo”, de Paola di Pietro en Medici.

Recóllense consellos prácticos sobre a entrada na vida escolar: que centro; as actividades; comedor si ou non; participación na escola; xogos, etc., de tal xeito que pode converterse nunha experiencia proveitosa, tamén, para os pais.



2º Que lle respondo ao meu fillo/a cando me pregunta por que hai que ir á escola?

Recomendación: “¿Por qué tengo que ir a la escuela”, de Hartmut von Henting en Gedisa

Non é doado facerlle entender aos fillos/as cal é a razón pola que teñen que pasar o día separados dos proxenitores e entre persoas estrañas, alleas ao seu hábitat familiar. Recorrer a argumentos como a importancia de ser unha persoa educada e culta para ter unha vida de calidade non soan nada convincentes.

3º En que actividades extraescolares o/a inscribo?

Recomendación: “La hiperescolarización de los niños. Las actividades extraescolares, una presión añadida para tus hijos”, de A. Rosenfeld e N.Wise en Paidós.

Ás veces cremos que o mellor que podemos darlle aos fillos son moitas oportunidades que nós non tivemos, o que nos leva a unha carreira desenfreada de actividades despois da xornada escolar. Poida que non sexa iso o que recorden de adultos, nin o que lles proporcione unha vida máis san e rica.

4º Controlando todos os “elementos” da súa educación e coas oportunidades que hai, conseguirei que sexa dos mellores?

Recomendación: “Bajo presión. Cómo educar a nuestros hijos en un mundo hiperexigente”, de Carl Honoré en RBA.

Todos os pais e nais aspiran, anhelan e desexan o mellor para os seus fillos: que teñan éxito, que non fracasen, que non sufran o que sufriron eles…, de tal xeito que a vida dos nenos estase a converter nunha carreira sometidos a presión, e a labor dos pais converteuse nunha profesión en si mesma.

Taller de corazóns

En ContArte o 30/09/2010 ás 22:13

Ás veces, imos buscando un libro para o noso alumnado e atopamos un para nós. Un deses “tesouros” que pouco abundan; aínda que cada vez máis se publican obras en formato libro-álbum dirixido a persoas adultas. É o que nos sucedeu hoxe. Na nosa libraría de cabeceira encontramos “Taller de corazóns” da editorial OQO. A recensión editorial é tan suxestiva que a recollemos integramente:

Cando chega a noite e o silencio dos soñadores inunda a cidade,
do taller de corazóns xorden misteriosos sons, porque…
Matías ten un segredo.

“Taller de corazóns” recrea unha artesanía marabillosa na que non se arranxan zapatos, nin paraugas, nin se restauran mobles ou se zurcen descosidos pantalóns. Matías, o protagonista, repara —co mesmo mimo e coidado que pon todo artesán— corazóns danados.

O seu traballo nada ten que ver co dun cardiólogo nin o seu taller cun quirófano. Cunha estufa de leña quenta corazóns xeados; con agullas de prata cose corazóns rotos; e cunhas pinzas de esquecemento axusta a hora de corazóns que atrasan para que non se poñan tristes coas lembranzas do pasado.

Para os ‘males do corazón’ recórrese, convencionalmente, ao efecto mitigador do paso do tempo. Con todo, Arturo Abad fainos soñar —no seu primeiro conto editado— coa posibilidade de que os danos emocionais poidan ter tan sinxelo remedio, como unha dobra descosida ou un tacón roto.

No entanto, non hai frialdade no traballo do protagonista nin na narración do autor, cargada de tenrura, consciente do simbolismo afectivo e sentimental atribuído universalmente a este órgano. Imposible tampouco non se conmover co segredo de Matías, que nos revela a xenerosidade sen límite e capacidade de sacrificio do que ama verdadeiramente.

Este incrible taller e o seu protagonista só poderían cobrar vida nas sempre oníricas imaxes de Gabriel Pacheco. O ilustrador mexicano xoga intencionadamente con dúas cores: o vermello e o azul, indisociables do corazón, o sangue que a través das nosas veas azuis é bombeado.

Un libro para recordar, para regalar, para manter a esperanza nun mundo, cada vez máis receoso do amor -en palabras dunha amiga, “emoanémico”, con anemia emocional- e máis temeroso da manifestación dos sentimentos.

A revolución educativa

En InformArte o 30/09/2010 ás 22:10

Nos últimos anos recordamos ter visto publicacións, lido artigos ou escoitado conferencias que levan por título “A revolución educativa”. Na meirande parte dos casos referíanse á introdución das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) na escola e no ensino. Unha esaxerada magnificación dunha ferramenta/ferramentas. Ben sabemos que de seu as TIC non van revolucionar a educación. Xa teremos ocasión de constatalo. Poden ser un elemento anovador, en constante evolución, pero soas non poden mellorar os resultados educativos.

Do que estamos precisados é dunha revolución educativa que apunte á maneira na que se conciben e se desenvolven os procesos de ensino-aprendizaxe.

No programa nº 64 de Redes, Eduard Punset entrevista a Robert Roeser, psicólogo da Universidade de Portland. Analizan a necesidade de replantear a profesión educativa e de redefinir o papel dos docentes para que poidan afrontar tres grandes responsabilidades:

-Aprenderlle a aprender ao alumnado, facéndoos conscientes e ensinándolles a atender, observar, analizar, razoar, enxuizar…

-Conseguir que a educación englobe e integre aspectos emocionais e a intelixencia social.

-Converter a diversidade cultural, racial étnica, presente na sociedade e nos centros educativos nunha oportunidade, non para salientar o que nos diferenza, senón atopar o que nos une, a moral común, poida que innata –a capacidade de empatizar, compadecer, admirar, amar…

Sempre consideramos moi interesantes os temas tratados neste programa, pero nesta ocasión aínda máis, por tratarse dos retos educativos de futuro. Pódese acceder á transcrición da entrevista.

Slow education

En ActualizArte o 21/09/2010 ás 19:10

O nº 56 da revista Aula de Infantil, de xullo-agosto, dedícase á educación lenta. Coordinado por Joan Domenèch, autor de “Elogio de la educación lenta”, recolle as voces daqueles profesionais que piden que se respeten o ritmo natural dos acontecementos e máis os tempos da infancia. O propio Domènech mantén un diálogo virtual con Carl Honoré –escritor, periodista e estudioso do movemento Slow. Pódese ver a entrevista completa en educacionlenta.blogspot.com .

No artigo “Por una pedagogía del caracol”, Gianfranco Zavalloni, fai unha proposta educativa na que se propoñen estratexias didácticas para a ralentización, metafóricamente chamada pedagoxía do caracol. Entre elas destacamos: perder tempo para falar, debuxar en vez de fotocopiar, ou aprender a asubiar na escola.

Para quen queira afondar máis neste movemento social, contrario ao enfoque hamburger, escolmamos a seguinte bibliografía:

Elogio de la lentitud”, de Carl Honoré, RBA, 2005.

Elogio de la educación lenta”, de Joan Domènech, Graó, 2010.

El valor del tiempo en la educación”, de Gimeno Sacristán, Morata, 2008

Despacio, despacio: 20 razones para ir más lento por la vida”, de María Novo, Obelisco, 2010.

Pedagogía della lumaca”, de Gianfranco Zavalloni, EMI, 2008

Ozio, lentezza e nostalgia: Decalogo mediterraneo per una vita più conviviale”, de Cristoph Baker, 2006.

Elogio de la pereza”, de Tom Hodgkinson, Bronce, 2005.

Cómo ser libre”, de Tom Hodgkinson, Aguilar, 2008.

Neste vídeo de animación reflictese á perfección a présa coa que todos transitamos polo sistema educativo, pola sociedade e pola vida, para, finalmente, ter unha saca baleira.

A escola dos nenos felices

En ContArte,EmocionArte o 21/06/2010 ás 00:02

La escuela que Gudrun Pausewang describe en este cuento no es lo que estamos acostumbrados a ver porque, sencillamente, no existe. De todas formas, a muchos nos gustaría haber aprendido a domar monstruos, a reconocer huellas, o a hacer magia y a soñar, tal como aquí se propone. CLIJ

La escuela de los niños felices” debería estar presente en todas as aulas. Reservamos este libro da editorial Lóguez para o peche de curso, para “estudalo” no verán, recordalo e traelo ben aprendido para o mes de setembro.

Completamos esta entrada cunha referencia ao programa Redes para la ciencia, no que Eduard Punset se pregunta sobre se se pode “Aprender a ser felices” ou a relación entre “Felicidade e vontade”. Desde a psicoloxía recoméndase entrenar para ser máis felices.

O verán pode ser un bo momento para practicar e facer moitos exercicios.

Educar con 3 Cs

En FormArte o 02/02/2010 ás 23:06

 Moito se anda a falar das competencias básicas e pouco a concretar…; corremos o risco de que queden no meramente discursivo ou na “literatura” dos documentos programáticos dos centros educativos. O currículo de educación infantil de Galicia, é o único do estado que incluíu as competencias básicas; a propia LOE indica que se desenvolverán no ensino básico, pero por coherencia entre as distintas etapas educativas, contemplouse a súa iniciación na educación infantil. Para o profesorado de educación infantil non debería entrañar ningunha dificultade nin ser nada novo.

En palabras de Mª del Mar Romera Morón, no seu artigo “Educar con las 3 Cs: capacidades, competencias y corazón”, hai “tres dimensións necesarias” e “sete sentidos” os que debe ter un bo profesional do ensino (os cinco, e máis o sentido común e o sentido do humor); con isto, como se de un xogo de palabras se tratara, organiza os “sete tríos das 3Cs”

I.-Capacidades, competencias e corazón.

II.-Compromiso, coraxe e confianza.

III.- Casa, colexio e camiño.

IV.-Coherencia, cooperación e calma.

V.-Cambio, control e consenso.

VI.-Calidade, continuidade e convivencia.

VII.-Cabeza, corpo e corazón.

“A clave do traballo por competencias está na elección das tarefas, na implicación e a responsabilidade do docente, nos seus potenciais, nos seus gustos, no seu afán de superación e nas súas propias competencias docentes, nunca relacionadas cos contidos que se traballan.”

Mª del Mar Romera Morón é mestra de EI, especialista en educación emocional e presidenta da Asociación Pedagógica Francesco Tonucci.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores