Chegamos a un punto de sobreexposición ás miserias humanas que, cando emiten reportaxes na televisión sobre a vulneración dos dereitos das persoas, cando vemos imaxes na rede ou noticias nos xornais, somos quen de seguir facendo o que estábamos a facer coa mesma tranquilidade. Xa se nos inmunizou o sentir, xa nada nos impresiona; pódenos conmover no momento, pero pasado iso quedamos como estábamos; tan só nos provocan reaccións viscerais efémeras. Todo acadou un nivel de brutalidade, de realismo, de recreación na desgraza que conseguiu que nos afixéramos á ela.
Isto é o que nos pasa aos adultos, que vivimos outros tempos diferentes nos que nada sabíamos disto, pero aos máis novos, aos mozos e mozas que medraron con esas imaxes no telexornal á hora do xantar, déixaos totalmente indiferentes. É todo tan impersoal, tan anónimo que lles parece irreal, froito doutro produto da ficción, mesmo poderían ser mundos virtuais. Non son quen de poñerse na pel do que están vendo na pantalla.
Talvez hai que cambiar de estratexia, cando se quere mobilizar á sociedade en prol da defensa dos dereitos humanos. E isto é o que fixeron dous escritores comprometidos co tempo no que viven: Fina Casalderrey e Francisco Castro, que veñen de publicar “O neno can“. Comparten os dous, a mais desta obra, unha amizade de vello, moito oficio e unha sensibilidade exquisita. Con estes vimbios, con catro mans e vinte dedos foron quen de escribir cinco relatos que entre a lectura de cada un deles tíñamos que deixar pasar un tempo para sobrepoñernos. Agora, cando falamos de nenos con nome –Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos- non hai escapatoria, tócanos a fibra sensible. Todos eles teñen ou establecen unha relación especial cun can, que parece ser o único toque de tenrura que se lles permite nas súas vidas privadas dalgún dos seus dereitos fundamentais.
Con todo, aquí radica a mestría de Fina e de Francisco, non se recrean nos detalles escabrosos ou sórdidos, eles colócannos na situación, sen darnos drama de balde e deixan que sexa a imaxinación do lector a que lle bote o resto. Póñennos o maxín a funcionar; agora non somos meros espectadores nin consumidores de imaxes nos parques temáticos da pobreza. Non; eles souberon apelar á nosa humanidade, aos nosos afectos e facernos reaccionar contra esas situacións inxustas nas que viven tantos nenos e nenas.
Non sabemos ben onde empeza e onde acaba a man de cada un deles; crearon un estilo distinto: directo, lixeiro e claro, de frases curtas que ás veces hai que volver sobre elas cando se repara na beleza que encerran.
“O neno can” é un libro a favor de UNICEF, así, cada un dos contos é introducido cunha interpretación dos artigos da Convención dos Dereitos dos Nenos/as, que logo veremos vulnerado na historia que nos relatan. Igualmente, péchase cada un deles cunha cita. A soberbia capacidade de Patricia Castelao para retratar expresións infantís, fai o resto. Preséntase cunha coidada edición, nun formato que o afasta dun típico libro de contos (algo que repele a lectores adolescentes), e agocha unha brincadeira dos autores nas lapelas. Mírese por onde se mire, estamos ante un libro diferente.
En definitiva, é un libro para ler, para gozar cunha boa lectura e, sobre todo, para reflexionar. Porén, considerámolo altamente recomendable, para lectura de centro, de aula, de biblioteca, con alumnado de dez ou doce anos en diante. Co alumnado da ESO daría para o traballo dunha materia ao longo de todo o ano. Cumpre todos os requisitos para ser unha obra de referencia nos institutos, sacudíndolle aos mozos e mozas a capacidade -que teñen adormecida- de compadecerse e dándolle a forza para rebelarse contra as inxustizas.
Francisco Castro e Fina Casalderrey con este libro denuncian a mala vida de moitos nenos e nenas. Eles non calan, non cumpren con aquilo do que se laia Mahatma Gandhi e que lle pon punto final ao primeiro conto, “O neno can”, e que di:
O máis terrible das cousas malas da xente mala é o silencio da xente boa.