
Escena ficticia 1: un grupo de mestras de infantil conversa sobre o momento do petisco de media mañá; do mal que comen os nenos; de canto se lles nota que non están afeitos a mastigar; de que aínda hai pais que en vez de froita mandan potitos; dos que sempre traen bolos industriais, etc. Unhas expoñen as vantaxes de ter as merendas pautadas día a día, e outras din que lles parece unha intromisión na vida familiar. Mesmo algunha afirma que asumiu que se introducira ese momento nos tempos escolares, agora ben, apenas intervén, xa que non é a súa función como mestra analizar a variedade da dieta ou a forma na que comen no comedor escolar, e que non vai ter problemas coas familias ou cos nenos polo que comen.
Escena ficticia 2: Desde as 7:30 da mañá van chegando a unha escola os nenos e as nenas cos ollos aínda cheos de lagañas. De inmediato son introducidos no comedor escolar onde, como aos polos dun criadeiro, lle dispensan con apuro e eficacia a dose equilibrada desa hora. Deseguido póñense a ver a televisión. Ás 14:00 repítese a mesma situación. Arengados como as tropas, van sendo carrexados cara o comedor. Previamente tiveron que facerse cargo dunha equipaxe digna dunha viaxe transoceánica (a roupa da mañá, o mandilón do comedor, a carteira de hixiene dental, a axenda do comedor, as vestimentas que empregarán nas actividades extraescolares, e outros moitos “complementos”). Hai un breve tempo limitado para toda esa operación de comer equilibrada e saudablemente, xa que logo, hai que ir a ver unha película que fala da alimentación san.
Escena ficticia 3: unha mestra de infantil sinala nunha lámina, ou mesmo nunha PDI os alimentos que conforman a dieta equilibrada; nunha ficha colorean o cuberto axeitado a cada prato, e riscan un X aquelas formas, usos ou actitudes non adecuadas mentres se está a comer. Ao rematar, e sen limpar previamente as mesas, comen como lles peta, sen asearse, collendo a culler coma se fose unha moca, e así, aínda cos fociños enzoufados, saen para o recreo.
Escena ficticia 4: nun obradoiro dos que se desenvolven no comedor escolar trala inxesta apurada e mediada por ameazas, realizan uns orixinais disfraces de “alimentos” que lles transmiten aos nenos/as importantes consignas ou lemas relacionadas coa alimentación e cos hábitos saudables.
Escena ficticia 5: vese que hai celebración no centro, con mesas cheas de doces, lambetadas, bebidas edulcoradas a esgalla e os nenos ante tal desproporción comen desaforadamente, non respectando ningún tipo de convencionalismo social, malia estar diante dos seus condescendentes proxenitores e mestras. Logo, xa que é día de festa, corren entolecidos polo patio ata que algún vomita.
Escena ficticia 6: un nutricionista ou un responsable municipal de comedores glosa perante as cámaras de televisión as bondades nutricionais dos menús que dispensan nos centros; ao tempo emítense imaxes de criaturas amoreadas unhas enriba das outras, comendo nun deses comedores, -nesas espantosas bandexas nas que serven a un tempo o potaxe, coas croquetas, co iogur e coa auga-, collendo os garfos ou as culleres de calquera maneira, falando coa boca chea; e todo con presa, con moita presa.
Afortunadamente son escenas de ficción escolar, porque se fosen reais cabería preguntarse:
-Cal é a función dos servizos complementarios que se dispensan nos centros escolares? Son un complemento educativo como indica o seu nome, ou só se trata de “conciliar” e nutrir?.
-Onde está a responsabilidade dos docentes canto á hábitos saudables?; -para facernos entender imos a empregar unha terminoloxía xa en desuso-, só se teñen que encargar do conceptual deixando de lado o procedimental e actitudinal?
-Por que nos Consellos Escolares, onde están os responsables de todas as actuacións que se desenvolven nos centros, non tratan de coordinar a función educativa de todos os servizos que interveñen coas criaturas? Deberían decatarse de que somos moitas as persoas que atendemos os nenos, pero os nenos son sempre os mesmos, e viven as nosas incoherencias ao longo de todo o día. Sempre dicimos que a educación dos cativos é responsabilidade de moitos, pero por desgraza e por comodidade, agora acordouse facer todo na escola, nun único espazo no que ao longo do día imperan distintas normas.
Confundímolo todo; non é o mesmo nutrir ca alimentar, non é o mesmo darlles de todo ca darlles o que precisan, non é o mesmo calidade das escolas que contedores de nenos. E que ninguén veña dicindo que, aínda así, algúns comen mellor que na casa, porque podendo sendo certo, non é para conformarse, xa que logo, estamos educando persoas, e debemos procurárllelo mellor.
Comer non é facer unha parada técnica para repostar; non é encher o depósito con combustible con moitos octanos e volver á pista a seguir dando voltas a toda velocidade. Comer é unha necesidade que tamén precisa de calma, de cariño, de normas da vida real, non de normas que só valen para o comedor. Comer tamén é saborear, gozar coa comida, coa súa presentación, coa forma na que se sirve, que importa tanto como o seu equilibrio nutricio. Comer require dunhas formas e dun tempo para relacionarse cos outros. E trala comida, o máis aconsellable é un repouso.
A alimentación, a mais dunha necesidade vital é un feito social, cultural e humano e iso si o saben entender nas Escolas de Reggio Emilia, onde a cociñeira, a pinche, a camareira ou a monitora teñen unha función tan educativa como a da mestra; onde cada día os nenos colaboran tanto na cociña coma no comedor servindo aos compañeiros; onde os tempos de comida son espazos de relax, de compartir, de falar, e onde trala comida, sempre se lles reserva ás criaturas un descanso reparador.
Ás veces preocúpannos estas nosas críticas a cuestións que outra xente gaba compracida, pero en ocasións tamén atopamos opinións na mesma liña, como sucede no artigo “El trato en los comedores escolares” publicado no nº 64 de Aula de Infantil.