A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘C. dixital’

FotografArte

En MirArte o 21/09/2011 ás 06:42

FotografArte é a segunda pata do noso macroproxecto para todo o curso que temos por diante; xunto con Naturalizarte será unhas veces o nexo con outros proxectos de traballo, noutras será o fío condutor, e noutros o protagonista total. Dende hai uns anos é habitual que se traballe coa arte na educación infantil, pero a fotografía non está tan presente. A fotografía é unha arte, que permite transmitir, plasmar, interpretar ou entender a realidade.

Os nenos/as están totalmente familiarizados co feito de que lles saquen fotos, mesmo fotografan eles, de tal xeito que son quen de ter unha visión bastante precisa do seu devir vital desde o nacemento grazas a esta técnica. Se ben antes, non tíñamos recordos da nosa nenez anteriores aos 3-4 anos, na actualidade, os nenos e nenas teñen unha visión da súa vida en imaxes desde que nacen. Ao que non están afeitos é a que a fotografía tamén é enganosa; pode non ser un reflexo da súa realidade. E a alfabetización visual é un obxectivo curricular, máxime nun mundo no que imperan as imaxes.

A fotografía pode pretender diferentes funcións xa que logo hai fotografías artísticas, publicitarias, da natureza e da paisaxe, fotografía documental, arquitectónica, de moda, antropolóxica, retratos fotográficos, etc.

Porén, ao longo do curso iremos vendo, facendo, narrando, empregando as distintas vertentes da fotografía. Non se trata de aprender complexas técnicas fotográficas, senón, máis ben de comprender o que pretenden transmitir, mesmo co texto do que van acompañadas nalgunas ocasións (título, pé de foto, descricións, lemas, etc.).

Á vista están outros contidos que serán tratados ao fío de FotografArte: consumo, imaxe persoal, diversidade natural, racial, social, arquitectura, autoestima, publicidade e outros moitos que iremos fotografando e contando.

Impresionismo educativo

En ActualizArte,TICArte o 13/06/2011 ás 15:00

O pasado día 3 presentouse no Museo Nacional Reina Sofía a publicación “Experiencias educativas en las aulas del siglo XXI”, editado por Ariel, promovido por Educared e Ciberespiral. Prologado por Jordi Adell, recolle experiencias innovadoras realizadas en todos os niveis educativos, desde infantil á universidade; entre outras colaboracións salientamos a de Tíscar Lara, Enrique Barreiro Alonso, Pedro Cuesta Morales, Azucena Vázquez ou Pilar Soro. Nós aportamos a nosa reflexión “¿Competencia digital o manejo de tecnología?”.

Na presentación Juan Miguel Muñoz, presidente de Espiral Educación y Tecnología, fala da educación como da Bela Durminte, referíndose ao actual estado de “apalancamento educativo”; da necesidade de volver aos postulados da vella Nova Escola e aplicalos a todo o que se pretende coa tecnoloxía educativa para non perder o sentido pedagóxico do que se fai; e apunta con optimismo a puxanza dun movemento, -unha especie de impresionismo educativo “ese que pretende plasmar a luz entre as sombras da nosa aletargada escola”-, no que se atopan os 112 profesionais do ensino que colaboraron na publicación. É para nós unha honra que nos consideren integrantes desa Escola Impresionista.

Paga a pena dar unha volta por esta exposición impresionista chea de luz, de creatividade e de novas miradas sobre a paisaxe educativa.

Experiencias innovadoras en TIC

En TICArte o 01/06/2011 ás 20:00

O vindeiro sábado, día 4, no Museo Nacional Reina Sofía, terá lugar o acto de entrega de premios a edublogs que anualmente convoca a Asociación Ciberespiral.

Ao tempo farase a presentación de “”Experiencias educativas en las aulas del siglo XXI-Innovación con TIC“

Unha publicación monográfica, coordinada por Espiral, Educación y Tecnología , editada pola Fundación Telefónica, na que Espiral e Educared quixeron recoller 94 experiencias educativas innovadoras, da man de 112 profesionais do mundo da educación, que aceptaron o reto de explicar a súas vivencias en primeira persoa.

Trátase dun  libro vivo, prologado por Jordi Adell, distanciado de teorías utópicas, baseado na realidade cotiá das aulas, que sen dúbida, achega ideas e rompe tópicos á hora de animarse a integrar as tecnoloxías na práctica docente.”

InnovArte tivo a honra de participar nesa publicación, cunha visión crítica –hai quen pensa que é marca da casa-, ao tempo que construtiva –ou iso pretendemos- sobre algunha das incoherencias que se están dando nese proceso de introdución das tecnoloxías nas aulas de infantil; nomeadamente estámonos a referir á oferta de materiais multimedia de corte infantilizado e ramplón que poida que aborden contidos curriculares pero en absoluto son acordes coa filosofía educativa do currículo de infantil. Isto por pór un exemplo, xa que a través de InnovArte tratamos de amosar, case a diario, como entendemos nós a introdución das TIC nas aulas.

Lamentándoo moito non poderemos estar no acto de presentación, xa que esta fin de semana asistiremos ao Encontro Nacional da Asociación Francesco Tonucci en Granada, pero temos entendido que se fará unha gravación do acto que poñerán a disposición a través da web de Ciberespiral.

Escribindo os nomes

En TICArte o 11/05/2011 ás 00:01

Os seus nomes sempre son o referente, porén gústalles escribilos en todas partes, en diferentes soportes e empregando distintas ferramentas.

Imagechef é unha aplicación on line, que nos permite escribir textos en tarxetas, na area, en chapas, en camisetas deportivas, en caramelos, con flores,  etc., cambiándolle a cor, o formato e ata os adubíos.

Premios a contidos educativos

En PremiArte o 09/03/2011 ás 09:02

Onte publicouse no portal educativo o borrador da convocatoria de axudas ás empresas para potenciar e produción e publicación de materiais educativos e de premios ao profesorado de centros públicos para o desenvolvemento de novos contidos educativos. Unha vez saia no DOG disporán de 1 mes para as subvencións e de 3 meses para os premios.

Malia que os contidos que se promoven están dirixidos ao 3º ciclo de EP e a 1º e 2º curso da ESO, quixemos analizar polo miúdo esta convocatoria porque non nos parece un asunto baladí, e pode ter moitas máis implicacións das que puidera parecer cunha primeira mirada superficial.

Estamos a falar dunha convocatoria de 1.200.000 €, que se dirixe prioritariamente ao tecido empresarial galego das TIC –nun momento no que o último informe das empresas TIC apuntan ao campo dos contidos dixitais como un “nicho” emerxente -e que reverterá finalmente nos centros educativos.

Estas iniciativas de traballo conxunto de dúas administracións públicas por un obxectivo común son do máis loables, porén, precisan dunha grande atención. Non se trata de que as empresas produtoras de contidos dixitais fagan tan só o que se pode etiquetar de educativo –primando xeralmente o técnico sobre o pedagóxico- senón de aproveitar debidamente estas actuacións que sexan saudables para todos os implicados e afectados.

Vamos por partes:

1º Establécese que se subvencionarán/premiarán contidos referidos a obxectos de aprendizaxe encadeados organizados en secuencias didácticas dirixidas ao 3º ciclo de EP e 1º ciclo da ESO (entendemos que se refiren ao 1º e 2 curso segundo a estrutura LOE en vigor). Ao tempo, promoverán a innovación metodolóxica e o enfoque plurilingüe na educación. Canto ao da innovación metodolóxica, ben sabemos que non é doado conseguila tan só a través dos materiais pois está máis relacionada con outros aspectos tales como o estilo docente. Canto ao de obxectos encadeados, podemos intuír ao que se refiren, pero poida que para o uso nas aulas fora  máis interesante que ofreceran recursos para apoio do docente, a modo de pequenas pílulas que complementen a súa exposición, sen condicionar totalmente a súa actuación. Quen lidera o acto educativo é o/a docente, non os materiais, quen converte un material en educativo é a acción dun docente, non a máquina.

2º Analizados os requisitos e criterios de valoración dos contidos atopamos os seguintes: adecuación á convocatoria (0-6p); valor pedagóxico (0-18p); volume de contidos (0-8p); innovación no uso das TIC (0-12p); gradación de aprendizaxes (0-9p); capacidade de motivación (0-16p); mecanismos de avaliación (0-12); transferibilidade (0-9p); usabilidade (0-10p).

a)     A adecuación curricular vai máis aló do tratamento de contidos contemplados nos currículos –nos que está case todo-, a adecuación curricular tamén se refire, á coherencia cos principios e filosofía dos currículos educativos, promover a autonomía, o aprender a aprender, a aprendizaxe significativa, etc.

b)    Non se establece a distribución deses rangos de puntuación; adxudicar un O ou 18 puntos pode ser relativamente doado, pero diferenciar que material se lle dan 12 ou 15 puntos xa non o é tanto, máxime cando se está a falar dun xurado ou comisión integrado por membros con distintos perfís profesionais, coa dificultade que entrañará a calibración das súas valoracións. Por outra banda, se alguén acadara O puntos nalgún deses apartados, debería ser motivo de exclusión, pois pola contra, podería darse a incoherencia de que un material con O valor pedagóxico, con altas puntuacións noutros apartados máis técnicos, recibira subvención.

c)     Aplícanse os mesmos criterios ás empresas que ao profesorado. Non sabemos ata que punto o xurado variará a súa visión, pois hai certos aspectos nos que nunha modalidade as empresas serán máis “expertas” e na outra serao o profesorado. Ás veces cando se valora o mesmo nas producións do profesorado ca nas das empresas, acaban resultando experiencias docentes máis salientables polo seu “frikismo” tecnolóxico que pola innovación didáctica. É un risco a evitar.

Estamos moi interesadas en que a produción de contidos educativos dixitais sexa un campo salientable na innovación empresarial en Galicia, tanto por estas empresas como por nós mesmas como usuarias ou mediadoras entre eses contidos e o alumnado, pero cremos que desde os primeiros momentos hai que diferenciar adecuadamente o que é válido educativamente falando do que pode ser lucimento tecnolóxico (para iso ilustramos esta entrada con esta imaxe). E para rematar, suxeriríamos que os técnicos/as que elaboren eses materiais se esquezan das consabidas e rancias mascotas infantilizadas que tanto abundan nese tipo de traballos. É relativamente doado, chequear un material cos seus futuros usuarios, e os rapaces adoitan ser bastante obxectivos.

 

Tiching

En TICArte o 20/02/2011 ás 22:00

A partir de hoxe, poderemos acceder on line, en versión alfa, a Tiching.

“Tiching é unha plataforma web que permite encontrar de forma rápida e sinxela todos os contidos dixitais educativos que existen en Internet, adaptados ás necesidades de cada profesor/a ou estudante.

Aínda que en Internet existen infinidade de contidos dixitais educativos, a maioría son difíciles de encontrar, dispersos e pouco accesibles. A principal novidade que ofrece Tiching é organizar e difundir todo o material educativo existente en Internet, contando coa comunidade educativa escolar.

Ademais os contidos dixitais educativos encontrados en Tiching pódense organizar para traballar na aula ou dende casa.

A intelixencia artificial da plataforma tamén permite aos usuarios obter recomendacións, compartir preguntas, discutir temas e coñecer persoas afíns. “

A fast food do pensamento

En ActualizArte o 18/02/2011 ás 15:01

 

Imaxe de Gary Carlson.

Dun tempo a esta parte non hai blog de opinión que se prece que non amose a súa postura canto á tese de Nicholas Carr arredor de que Internet nos fai menos intelixentes, exposta en primeiro lugar no artigo “¿Google nos vuelve estúpidos?” e ampliada no libro “Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestras mentes?”. Si se introduce en Google a pregunta, de inmediato aparecen centos de resultados, mesmo con investigacións que avalan aos defensores ou aos detractores de Carr.

A parte da curiosidade persoal que poidamos ter por ser usuarias da rede, o motivo polo que seguimos dándolle voltas é polos efectos que poida ter no alumnado, máxime cando por unha banda se nos presiona para introducir nas aulas o uso de aparellos tecnolóxicos e por outra se nos fala da perda de concentración que estas supoñen na realización das tarefas instrumentais. A fin de contas, nós, somos persoas que vimos doutra cultura, entón faranos tontos/as en función da capacidade e propensión que teñamos para ser tontos ou tontas. Isto é unha banalización, pero en resume, e acordes co símil que establece Carr, moverémonos en augas superficiais ou en augas profundas segundo sexamos destros nadando, mergullándonos, flotando ou só salpicándonos coa información presente na rede.

Emporiso, gustounos o artigo de Daniel Innerarity, “Complejidad, formación, creatividad”, publicado en Cuadernos de Pedagogía nº 409, no que expón que o saber máis valioso hoxe é saber o que non se necesita saber. A sociedade do coñecemento comporta novas dificultades, competencias e esixencias. É tal o contraste entre o que sabemos co que se pode/debe saber que cumpriría chamala “sociedade do descoñecemento”.

Non podemos procesar toda a información que nos chega. Na actualidade estar ben formado significa ter desenvolvido unha habilidade especial para aniquilar información -a fast food do pensamento-, sabendo enviala á  papeleira e esquecéndoa.

A galaxia Internet

En ActualizArte o 16/02/2011 ás 20:59

Recibimos con alegría a noticia de que a USC publica en galego o clásico de Marshall McLuhan “A Galaxia Gutenberg”, -fito do pensamento contemporáneo-, prologado por Darío Villanueva.

Fai cincuenta anos, este controvertido visionario anticipou a idea da aldea global, da galaxia internet, dos medios fríos e os medios quentes, e da influenza dos medios electrónicos nas formas nas que nos interrelacionamos.

Aí atrás relíamos “El medio es el mensaje. Un inventario de efectos”, que por un erro tipográfico admitido polo propio autor, publicouse en 1967 co título de “El medio es el masaje”.

Chamábanos a atención que malia que nos separa case medio século, as súas opinións sobre o desfase entre a educación e a realidade social, son rabiosamente actuais, como se pode apreciar na seguinte cita:

“Hai un mundo de diferenza entre a aula e o ambiente de información eléctrica integrada no fogar moderno. Ao neno televidente de hoxe afínaselle co diapasón das noticias “adultas” ao minuto: inflación, disturbios, guerra, impostos, delincuencia, beldades en traxe de baño, e queda perplexo cando ingresa no ambiente do século XIX que caracteriza aínda o sistema educacional, con información escasa pero ordenada e estruturada por patróns, temas e programas fragmentados e clasificados. Trátase, naturalmente, dun ambiente moi semellante ao de calquera fábrica, cos seus inventarios e liñas de montaxe. (…)

O neno de hoxe está medrando absurdo porque vive en dous mundos e ningún deles o impulsa á medra. Medrar; esta é a nosa tarefa, e ela é total. A mera instrución non abonda.”

Profético!

Videoxogos

En RebelArte,TICArte o 19/01/2011 ás 15:39

Iustración de Carlos Nava

Aínda non nos recuperamos da impresión que tivemos a semana pasada cando algúns dos nosos alumnos/as -3 e 4 anos- nos dixeron que recibiran como agasallo de Nadal maquiniñas de videoxogos.

Ben sabemos que en moitas ocasións, os pais regalan aquilo que a eles lles gustaría recibir; ben sabemos que en moitos casos é un xogo compartido –e somos partidarias dos tempos que comparten pais e fillos-; ben sabemos que os nenos e as nenas teñen que xogar aos xogos do seu tempo; ben sabedes, a través das entradas deste blog, que somos moi partidarias de desenvolver a competencia dixital no noso alumnado; ben sabemos que os videoxogos poderían ter unha repercusión positiva nas aprendizaxes dos rapaces, ata o noso admirado Eduard Punset trata ese tema na entrevista que lle fai a Marc Prensky, experto en educación do futuro. Pero, recordade que estamos a falar de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Non precisarán doutro tipo de xogo que desenvolva aspectos relacionais, sociais e de creatividade infantil? Atendendo ao pouco tempo de lecer do que dispoñen, non sería máis conveniente empregalo correndo, saltando, brincando…, en definitiva, xogando? O tempo que lle dedicarán aos videoxogos restaranllo á televisión?, simultanearán os dous medios?, durmirán menos ou convivirán menos cos outros? Preguntámoslle todos os días se xogaron, cando xogaron e con quen xogaron, e non pensedes que as súas respostas son tranquilizadoras. E non temos nada en contra dos videoxogos!

Poñéndolle voz ao que escribes

En TICArte o 12/01/2011 ás 20:50

Unha amiga facilitounos a ligazón a esta ferramenta, Text to Speech, de Sitepal, que permite escribir un texto breve, e o presentador ou presentadora poñeralle a voz, en distintos tonos, e diferentes idiomas con variados efectos. Ao noso alumnado gustoulle escribir o seu nome e escoitar como o pronunciaría unha persoa, home ou muller, con acento de distintos países, máis rápido ou máis lento, con voz metálica ou estridente. Ademais cando moven o rato arredor deles, seguen o punteiro cos ollos. Aínda non lle exploramos outras posibilidades, pero é interesante que descubran que un erro nunha letra altera o resultado.

Xeracións interactivas

En TICArte o 18/12/2010 ás 08:59

No ano 2009 o Foro de Generaciones Interactivas da Fundación Telefónica, desenvolveu un proxecto de investigación no que se enquisaron a 13.000 nenos e nenas para coñecer a relación dos menores coas diversas pantallas como Internet, os videoxogos o teléfono móbil ou a televisión.

Considerámolo de moito interese para coñecer cal é o uso e a importancia que lle dan os máis novos ás distintas pantallas, pois cremos que os profesionais da educación non nos podemos manter ao marxe da realidade na que vive o noso alumnado.

Analiza polo miúdo diversos aspectos, de entre os que salientamos:

-Os ciberfogares; a existencia da Xeración Interactiva explícase desde a convivencia actual dos nenos e adolescentes con múltiples dispositivos TIC. Na actualidade, o ordenador compite coa televisión en nivel de penetración; a partir dos 10 anos o 82% ten acceso a Internet, e o 29% emprega móbil, son tamén a xeración móbil, autodidactas e autónomos no seu uso. Son moi precoces canto ao uso das TIC, sendo pouco conscientes dos riscos que isto entraña.

-Canto a cuestións de preferencias segundo o xénero, os nenos inclínanse máis polos videoxogos e as nenas polos formatos que lles permiten a comunicación, principalmente os móbiles.

-A xeración de pequenos usuarios dá paso a unha nova xeración de creadores: o 39% dos menores xa ten web ou blog propios.

-Aproveitan ao máximo as pantallas para actuar en cinco eixos fundamentais: comunicar, coñecer, compartir, divertirse e consumir.

-Teñen unha necesidade de atención simultánea –non sabemos se a capacidade- que se reflicte na acción: un 75% ten o móbil activo mentres estudan e un 73% ve a tele mentres come ou conversa coa familia.

-A escola é un ámbito de referencia real e potente; os menores recoñecen aos seus docentes como referentes no uso das pantallas.

O reto que xurde agora é establecer unha nova mirada sobre as oportunidades que ofrecen os dispositivos TIC ao tempo que agroman. Isto é, tamén, un compromiso para a escola.

Navega con rumbo

En TICArte o 29/11/2010 ás 21:11

A Consellería de Educación e O.U. vén de presentar o programa “Navega con rumbo” co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa das vantaxes e perigos da rede. Conta cunha páxina web na que se poden atopar guías para o alumnado, profesorado e familias, nas que basicamente se recollen enderezos nos que atopar información sobre programas de control parental e normas para que os máis cativos empreguen a rede.Conta tamén cun Glosario de termos relacionados coa rede e coa navegación pola mesma. Esta acción inclúe tamén unha rolda de visitas informativas polos centros educativos.

Unha boa e necesaria iniciativa xa que o uso de Internet tamén conleva moitos riscos.

Pola contra, hai tres aspectos que non nos gustaron moito:

-As imaxes que se empregaron para ilustrar os materiais, máis ca da sociedade da información e do coñecemento parecen de “Cuéntame”.

-O uso dos @ -malia que está moi estendido para aludir ao feminino e ao masculino- non se xustifica nin sequera nunha publicación sobre o ciberespacio.

-Non acabamos de entender por que os deseñadores de material dixital, cando queren dirixir unha mensaxe aos máis pequenos consideran que deben incluír quebracabezas ou xogos de emparellar imaxes, pois estes exercitan a memoria visual e a orientación espacial, pero teñen unha escasa ou nula incidencia  na adquisición de contidos. Máxime cando se lles está tratando de inculcar que a rede serve para algo máis que para o ocio (comunicación, información).

Territorio Ebook

En InformArte,TICArte o 28/05/2010 ás 16:45

Territorio Ebook, lecturas sin fin, é o novo proxecto da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e ten como obxectivo a análise do impacto do libro electrónico e desta nova forma de ler. Céntrase en tres espazos de lectura: Ebook y Escuela, Ebook y Biblioteca, Ebook y Universidad.

O Proyecto Ebook y Escuela pretende explorar as posibilidades do libro electrónico no ámbito educativo, as súas repercusións e os cambios metodolóxicos que isto implicará. Atende tres liñas estratéxicas: a investigación de novas formas de lectura, o apoio ao proceso de ensino e o deseño do camiño cara a educación 2.0. Dado que no curso 2010/11 o libro electrónico estará na mochila de moitos escolares de 5º de EP, 3º da ESO e 1º de Bacharelato, faise precisa tanto a súa formación como a dos seus docentes e maila dotación de recursos.

A lectura en soportes electrónicos é algo que aínda consideramos moi lonxano, pero non o é tanto; basta botarlle unha ollada ao Barómetro de hábitos de lectura correspondente ao primeiro cuadrimestre deste ano e descubrimos que case a metade dos españois le en algún soporte dixital; engade que o 59% le libros, pero só o 0,8% utiliza un e-Reader e o 20,9% dos lectores faino por traballo ou estudos.

Google Street View

En TICArte o 28/05/2010 ás 14:43

Google Street View é unha característica de Google Maps e de Google Earth que proporciona imaxes case esféricas a pé de rúa (360 grados horizontal, 290 grados vertical), permitindo aos usuarios ver partes das cidades seleccionadas e das súas áreas metropolitanas circundantes.

Pese a toda a polémica que se xera sobre a gravación destas imaxes, para nós e de grande utilidade nas aulas:

-Sérvenos para preparar unha saída co alumnado polo casco histórico de Santiago, ou calquera outra cidade, amosando e parándonos naquilo ao que logo quereremos que lle presten atención.

-Permítenos “dar un paseo” polas rúas nas que viven e polos parques nos que xogan.

-Empregámolo para “visitar” monumentos e lugares Patrimonio da Humanidade, ou mesmo para excursións virtuais.

-Usámolo para trazar percorridos ou para situar nun plano puntos significativos para eles.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores