A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘C. autonomía e iniciativa persoal’

Cata das cereixas de maio

En EncienciArte o 24/05/2012 ás 07:01

Estamos en tempo de cereixas, pero non todas son iguais, porén organizamos unha cata -ao igual que xa temos feito co mel ou co mosto-, tratando de que sexa unha degustación guiada e consciente descubrindo matices que doutro xeito pasarían desapercibidos.

Regaláronnos un cartel de gran formato con 24 variedades de cereixas, cada unha delas co seu nome, información sobre a orixe, calibre, forma, cor, sabor, floración, maduración, pedúnculo, resistencia ao corte e dureza, que nos deu a idea dos aspectos a observar.

Reunimos 7 variedades en nun primeiro momento fomos atendendo a aspectos como a orixe, peso (calibre), forma (achatada, redonda, corazón, alargada, con pico), cor (vermello, vermello claro, vermello escuro, vermello negro), pedúnculo (corto, medio, largo), recollendo todas as anotacións nunha táboa.

Deseguido pasamos á cata, polo que nos preparamos como profesionais cun vasiño de auga para “lavar a boca” entre degustación e degustación; e así foron notando as sensación no padal canto a dureza (dura, branda, rexente), sabor (doce, moi doce, pouco doce, agridoce), e canto a tamaño da caroa (grande, pequena).

Coa profesora especialista de inglés, tamén traballaron todo este vocabulario e mesmo fixeron un haiku sobre as cereixas.

Sempre pensamos que unha das nosas tarefas é a de axudarlle aos nenos/as a poñerlle nome ás sensacións que senten. E esta foi unha gorentosa e rica experiencia tanto sensorial coma de linguaxe.

Rematamos cunha cantiga dos Maios en Galicia que di así:

“E maíño maio,
e que nos trouxeches,
cereixas maduras
e non nolas deches.”

Ver presentación.

Cereixas de maio

Día do sono

En InformArte o 14/03/2012 ás 07:08


Non somos moito de reseñar todas as conmemoracións que hai ao longo do ano, pero imos facer unha excepción porque a data ben merece unha reflexión.

Hoxe celébrase o Día do Sono coa finalidade de concienciar á poboación sobre a necesidade de durmir, a importancia do descanso e sobre os trastornos que a súa falta produce. Un 25% dos nenos e nenas sofre problemas de sono e as súas consecuencias evidéncianse tanto no seu desenvolvemento como no seu carácter. Detrás de nenos irritables, de nenos “hiperactivados” e de nenos con falta de atención, o que hai é unha carencia de horas de sono.

Xa o temos dito en máis dunha ocasión, a nós non nos cadran os horarios dos nenos, é imposible que descansen o tempo necesario nestas idades (10-12 horas), cumprindo os prolongados e intensos horarios “laborais” que teñen; se a isto se lle engaden as horas que estiman os expertos que pasan diante da televisión ou ordenador, só caben dúas explicacións razoables: ou simultanean tarefas ou non dormen o suficiente.

Unha das cousas que nos chamou a atención cando visitamos as escolas de Reggio Emilia, foi a rutina diaria de descanso trala comida. Alí, empregando o espazo que tiñan para actividades de psicomotricidade, tan só sacaban unha pequena almofada e unha mantiña e deitábanse no chan, escurecían a sala, poñían música relaxante e proxectan unha imaxe agradable. Nada que non se poida facer nos nosos centros; nada custoso, máis unha mellor alternativa que a de ver unha película despois do tempo do comedor.

Non cremos que fora moi difícil de implantar nos nosos centros, tan só precisa da vontade do Consello Escolar e da ANPA. Un descanso reparador, para logo continuar coa dura xornada de extraescolares que aínda teñen por diante. Non cremos que sexa pedir demasiado para criaturas de entre 2 e 6 anos. Perderán de facer algunhas cousas, pero os beneficios que se obteñen para a súa saúde física e mental, compénsano.

(Re)Creando sons

En MusicArte o 17/02/2012 ás 07:47

Seguimos explorando as posibilidades do corpo como produtor de sons máis alá da voz.

Nun ambiente axeitado de silencio e relaxación, o alumnado escoita os sons do primeiro vídeo, sen ver a imaxe. Identifican que se trata do son da choiva e de tronada.

Deseguido, facemos o mesmo co segundo, sen imaxe. Pensan que se trata do mesmo ata que posteriormente se proxecta. Daquela descobren que son sons producidos co corpo, que ben sincronizados semellan choiva e tronos.

Tratamos de facer algo semellante;  e como a nosa lingua é tan rica en palabras para nomear a choiva, tentaremos reproducir orballos, arroiadas, chuvieiras, trebóns, pedrazos, sarabiadas  ou escampadas.

Paisaxes sonoras

En MusicArte o 15/02/2012 ás 09:01

Soundscape é un proxecto orixinal de Murray Schafer que vén a ser algo así como unha imaxe sonora, o entorno sonoro concreto dun lugar real. Así hai un gran número de grupos que se dedican a recoller esas recreacións sonoras; en Galicia, o proxecto Escoitar permítenos ouvir gravacións de distintos lugares senlleiros da nosa comunidade e contrastar as diferenzas entre os sons de localidades.

Estamos continuamente inmersos no son, e máis das veces non reparamos nel. Unha actividade curiosa é facerlles escoitar os sons da contorna, percibir as variacións deses sons ao longo do día. Non son os mesmos sons da escola a primeira hora da mañá que ao mediodía ou polo recreo, e eses sons, sen outro tipo de información poden axudar a identificar onde nos atopamos e a que hora; asemade, tamén permite decatarse da contaminación acústica.

Ás veces, tamén podemos recrear paisaxes sonoras a partir de imaxes irreais. Presentarlles unha imaxe e producir coa voz ou con outros elementos, os sons que pensamos se poderían escoitar nese lugar. Recentemente fixémolo a partir de ilustracións de David Pintor, algunhas delas pertencentes ao álbum “Compostela” publicado o pasado ano con Kalandraka. Por grupos, sonorizan distintas paisaxes. Tamén se pode facer a partir de obras de arte, de contos ou de historias. O que importa é reparar neses sons e comprender que a voz é unha ferramenta moi versátil que permite moita máis expresión que o mero falar.

Splat, el gato

En ContArte o 23/09/2011 ás 06:39

Mañán será o primeiro día de Splat na escola.

“La noche previa a su primer día de escuela, Splat tiene los ojos como platos. Y a la mañana siguiente, está tan asustado que inventa cualquier excusa para no dejar su confortable hogar… Y es que ¿quién no ha sentido pavor ante su primer día de colegio?
¿Cómo serán los nuevos compañeros? ¿Y los profesores? ¿Habrá muchos deberes? ¿Se integrará Splat con facilidad? Todas estas preguntas tienen respuesta a lo largo de las páginas de este delicioso álbum, entre las que, además, esperan grandes sorpresas… “

Para as que nos namoramos do tenro Russell el borrego, xa temos nas mans outro dos doces personaxes de Rob Scotton, “Splat, el gato”, traducido ao español por Jaguar. Un libro no que se ven reflectidos todos os que se están incorporando á escola.

Infancia a proba de manchas

En RebelArte o 21/09/2011 ás 17:05

Onte, como despedida do verán, nun día preoutonal fixemos unha saída co alumnado a un pequeno bosque próximo ao noso centro. O a ocasión era única, xa adiáramos a visita en varias ocasións polos cambios meteorolóxicos. Parece imposible, pero a menos de douscentos metros da escola hai un recuncho verde con pinos, carballos e vizosa herba, agora cuberta de faíscas. Limpa, libre de lixo e de perigos potenciais para os cativos –mérito dun operario do concello que a mantén coma se do seu xardín se tratase-. A cousa non podía pintar mellor: as raiolas do sol filtrándose entre as árbores, os esquíos ao seu, a zona de campo cuberta de flores de dente de león, un recendo doce das uvas maduras penduradas do valado que separa a finca medianeira, unha plantación de kiwis á vista, algunhas moras aínda nas silveiras, unha morea de landras e piñas para recoller, e algunhas árbores moi inclinadas que permiten gabear por elas… Aínda podería seguir un bo anaco describindo a fermosura do día e do momento. Chegada, total liberdade de movementos, ata o aviso de que era a hora do petisco de media mañá. Recomendamos que se senten no chan para comer. Varios nenos e nenas néganse a facelo. O motivo: “porque me ensucio!”. Parécenos inaudito. Non é posible. Cando lles preocupou aos nenos e nenas de 5 anos sentarse no chan? Desde cando teñen esas paranoias adultas con luxarse as mans ou a roupa? Quen é o que de neno/a non volveu á casa suando, coa roupa de pena e malia todo cun sorriso de orella a orella.? Foi unha mala experiencia? Creemos que debemos privar aos pequenos desas ocasións? En que convertemos a infancia?

Froito da educación! Non cabe outra explicación. Na casa e na escola.

Temos visto todo tipo de estratexias para evitar que os que os nenos/as se manchen na escola, mesmo se descartan algunhas actividades e espazos para conseguir que non manchen e que non se manchen, cada vez temos a sucidade máis á raia. Vaia logro! Non areeiros, non terra, non grava, non árbores caducas, non pintura, non chocolate, non plastilina, non encerados, non pozas, non pingueiras, non… Pois non sabemos onde está a graza de ser cativos! A xeración dos parques infantís seguros, dos espazos temáticos e da natureza domesticada.

Cando visitamos as escolas de Reggio Emilia, do que máis nos sorprendeu, foron os patios, case parcelas de terreo, non excesivamente coidado, pero cheas de recunchos segredos, ás que os nenos/as saían, independentemente de se facía bo ou mal tempo (para iso tiñan chuvasqueiros e botas). Quedabamos abraiadas coas posibilidades de aprendizaxe que brindaba unha poza chea de lama ou unha póla seca dunha árbore.

Agora que tanto miramos cara Finlandia, os nenos e nenas fineses saen todos os días ao exterior malia á adversidade climatolóxica, considérano educativo amén de necesario para o benestar físico e mental. Aconsellamos o visionado deste vídeo onde se ve como son os recreos nas escolas nórdicas (parte I, desde o minuto 2,50).

O que estamos a dicir non ten nada que ver coa hixiene e aseo persoal ou coa falta deste; falamos das preocupacións na infancia. A de ensuciarse, ata o de agora, non entraba no espectro dos desvelos dos nenos e nenas de infantil. Cando se produciu este cambio? Tivo que ser agora, xusto cando ata os deterxentes son “intelixentes” e distinguen as manchas e a maneira de tratalas –con suavidade, con mimo, con enerxía directas ao cerne da mancha … Será que se inviste máis en I+D nos deterxentes ca en entender e facer feliz á infancia?

Como agua

En ContArte o 11/05/2011 ás 07:49

Un libro que nos permite explorar nunha situación bastante habitual, os choros, pero nun mundo descoñecido. Cal é a orixe das lágrimas, de onde veñen, a onde van…; sorprenderanvos a ideas previas dos nenos e das nenas sobre este tema.

A veces lloro. Como hoy.
Igual que un volcán en erupción el llanto
comienza en el profundo de mi barriga…
¿Y si los mares y los océanos
fueran las lágrimas de todas las personas
reunidas en un mismo lugar?


Como agua” é unha das últimas publicacións de Sleepyslaps, con texto de Carmen Sara Floriano Pardal e ilustrado por Susana Pérez Barrera; recomendamos non pasar por alto as dedicatorias das dúas autoras.
Máis ca unha viaxe á tristeza é un motivo para a alegría.

Por eso, a veces, pongo mis lágrimas al sol para que se sequen. Como hoy.

Moi, moi aproveitable en calquera momento, en especial neses de choros inexplicables.

A felicidade na escola

En EmocionArte o 25/04/2011 ás 21:01

Lin coma quen toma un xarope o último éxito de vendas en Francia “No me iré sin decirte adónde voy”, consciente desde o primeiro momento de que se trataría do que logo resultou ser: un manual de desenvolvemento persoal disfrazado de novela. Cando vexo un libro nos escaparates das librerías coa cartela de 1 millón de exemplares vendidos, non me podo resistir. Creo que ten que ver con que non me considero posuidora da verdade, porén un millón de persoas non poden estar equivocadas. Un día deberíamos dedicar unha reflexión a por que estes libros se converten en bestsellers, que é o que buscamos os lectores?, qué é o que nos atrae da súa reseña?, e sobre todo, por que llelo recomendamos a outros lectores?

O fío do libro é o de facernos ver que  todos podemos ser aquilo que nos propoñamos, por inverosímil que poida parecer, se enfilamos debidamente os  nosos esforzos cara un obxectivo claro; e tamén que a meirande parte das veces, nós mesmos somos o noso peor inimigo, somos quen poñemos trabas, barreiras e cancelas as nosas posibilidades de mellora persoal. Coma sempre, a autoestima con algo máis.

Agora leo en varios blogs a reseña dunha conferencia impartida por Emilio Duró para a Cámara de Comercio da Coruña no 2010 que leva por título “O coeficiente de optimismo”. Fai catro anos tiven ocasión de escoitar a este conferenciante ao longo dun día nunha actividade de formación de máis de trescentas horas cuxo denominador común era a mellora da calidade da administración pública. Xa vos podedes imaxinar, Emilio Duró é á única persoa que recordamos de todos aqueles expertos en distintos ámbitos do servizo á cidadanía do funcionariado. Lémbrome del porque non me deixou indiferente, malia que a día de hoxe aínda non sei se me gustou ou non. Sei que recordou a eses showman ou telepredicadores americanos que comezan a súa intervención cun chiscadelo ao público e cunha actitude entre descarada, sarcástica e sincera manteñen a nosa atención ao longo do seu discurso. O tema central era facernos entender que só nós podemos cambiar as nosas condicións, que todos temos un coeficiente de optimismo que debemos explotar e cultivar para vivir mellor; moi na liña da súa recomendación “El secreto“. Non sei ben o peso que lle podería atribuír a esas achegas porque o seu valor non radica no descubrimento que nos fan senón na utilización de puntos comúns ou elementos recorrentes ben enganchados e bendicidos cunha acertada posta en escena.

O psicólogo Javier Urra, vén de publicar “¿Qué se le puede pedir a la vida?”, no que condensa os pasos a seguir para acadar a felicidade, entendendo que esta é froito dunha dobre decisión: a de responsabilizarse do que acontece e a de tomar unha actitude positiva. Está sendo un dos éxitos de todas as feiras do libro.

Agora a procura da felicidade está no seu momento álxido. Todos e todas queremos ser felices e non o conseguimos. A felicidade é un mito na sociedade actual; todo o mundo quere ser feliz, sendo este un termo bastante polisémico que cadaquén entende á súa maneira, hai quen fai que pivote sobre aspectos materiais, sobre o éxito laboral ou sobre o ámbito afectivo emocional. Sabemos que non depende das cuestións materiais das que carecemos, senón da capacidade que teñamos de satisfacernos co que posuímos. Pero, esta nova “relixión” na que se rende culto a un mesmo/a entraña os mesmos riscos que as outras: fanatismo, cegueira de pensamento, e, igualmente, pode provocar grandes frustracións. Se me din que de min depende a miña prosperidade, a miña felicidade, se me envían mensaxes como só ti podes cambiarte, non esperes dos demais o que tes que facer por ti mesmo…, quere dicir que no caso de que  non consiga o éxito, será pola mala utilización dos meus recursos “de serie”. E isto non é tan simple, por suposto que depende dun mesmo/a, pero “os outros” tamén importan.

Como corolario do anterior, dicir que nos fixo pensar bastante en como inculcarlle ao alumnado a capacidade de fomentar o seu propio benestar, aproveitando o seu coeficiente de optimismo ao tempo que cooperan na procura da felicidade allea. Nestas idades, cremos, só hai unha maneira de facelo: co exemplo. Emporiso, preguntámonos, a felicidade dos nenos e das nenas é un tema central dos debates educativos?, contémplase nalgún dos documentos programáticos do centro?, podemos afirmar que as nosas actuacións se rexen pola procura da felicidade das criaturas?

Para reflexionar e para debater no claustro ou no Consello Escolar, malia que haberá quen diga que iso é unha parvada e que non está no currículo.

As caixas dos recordos

En EmocionArte o 08/04/2011 ás 14:00

Cando empezamos o proxecto EncaixArte, decidimos que algunhas das caixas as reservaríamos  para facer uns “contedores” de recordos, segredos, tesouros…, tiña que ser algo especial xa que logo o que alí se ía gardar tamén era especial.

Con tal fin fomos xuntando todo tipo de “baratijas”,  “pedras preciosas”,  cunhas, flores secas, botóns, cristais pulidos polo mar, buguinas, plumas, etc. Agora chegou o momento, e velaí as nosas caixas dos recordos, a condición –tamén para exercitar a capacidade de decisión e consecuencias das eleccións- cada un só podería elixir dez elementos e con eles facer a combinación que desexara, para iso vai ser a súa caixa dos tesouros. O primeiro recordo: unha foto de cadaquén no momento de rematar a obra.

Logo vemos cada unha das caixas: biberóns, chupetes, bonecos, libros de baño, chaves de cofres de tesouros…

Ás veces, a estética importa moito, pero non ten porque supor ningún gasto. Esa é a mensaxe principal xunto coa importancia dos aspectos emocionais que se gardaran coidadosamente.

O retrato

En CativArte o 02/04/2011 ás 09:02

Na aula de tres anos andamos enleados cos retratos; xa se retrataron de moitas maneiras distintas, con variadas técnicas e por diferentes motivos, a eles mesmos ou aos outros, pero agora inspirándonos na obra de Hanoch Piven, queremos facelo empregando obxectos cotiás, como fai este artista, coñecido polas súas atípicas representacións de personaxes famosos como Woody Allen, Fidel Casto, Albert Einstein, Homer Simpson ou Bob Geldoff, nas que plasma tanto aspectos físicos coma psicolóxicos.

No seu blog, pódese ver unha galería de retratos, así como unha sección onde recolle representacións feitas por nenos e nenas.

Lemos en Las TIC en Plástica, que recentemente elaborou unha divertida aplicación Faces iMake, que permite realizar os retratos no ordenador.

O deporte na literatura infantil

En ContArte o 02/04/2011 ás 09:01

Ilustración de Shawn McCann

Dentro da súa colección Temas en la LIJ, a FGSR, vén de presentar “El deporte en la literatura infantil y juvenil”.

Unha escolma do que se pode atopar publicado, agrupado en torno a os seguintes temas e clasificado por idades:

  • O deporte de cada día. O exercicio físico na vida cotiá.
  • Á carreira. Coa presa nos talóns, carreiras pedestres ou con máquinas.
  • Deporte ao natural. A natureza como pista.
  • Rolda de individuais. Personaxes no frontón, no tatami, na pista…
  • Todos a unha. O valor do equipo.
  • Baixo o facho. O deporte que une pobos.
  • Deporte paso a paso. Historia das disciplinas deportivas.

Esperábamos con interese esta publicación, porque con motivo da elaboración do proxecto “Medrando sans. De bocado en bocado, de xogo en xogo”, rastrexáramos as editoras galegas para buscar albumes que trataran o exercicio físico e foran poucos os que atopáramos. Agora constatamos que, malia que pasaron preto de tres anos, a situación é a mesma: para estas idades non hai case ningún libro no que se fale do deporte como necesidade, como valor, como actividade lúdica, etc. Cómpre convidar as editoras galegas a que fagan algo nese eido, sobre o que tanto se fala e no que tan pouco se actúa.

 

Cordóns ou smartphone?

En RebelArte o 25/03/2011 ás 08:00

Lemos un artigo sobre un estudo publicado por AVG Internet Security, no que se afirma que o 58% dos nenos/as de entre 2-5 anos saben xogar co ordenador pero non saben montar en bicicleta ou atarse os cordóns.

Deunos para moito pensar que aprendan antes a empregar un smartphone que a atarse os cordóns. Non é que sexan cousas incompatibles nin que haxa unha relación causa-efecto entre estas dúas accións.

Fíxonos recordar o comezo de curso cun grupo de tres anos, cando descubrimos que moi poucos/as sabían ir ao aseo, mondar un plátano ou comer un bocadillo. As aprendizaxes que realizan os cativos están directamente relacionadas coas experiencias que viven, coa valoración que os adultos fan delas e coas expectativas que estes teñen sobre as capacidades dos nenos e das nenas. Pensemos un pouco, cantos pais, en momento laudatorio do seu neno/a di que xa sabe abotoarse, comer só, atarse os cordóns ou ir o baño e limparse sen axuda; poucos, moi poucos. O que escoitamos cando glosan as virtudes dos seus pícaros é que xa saben coller o móbil, xogar cun vídeoxogo, ou manexar o iPad. Logo pasa o que pasa; un neno virando un plátano coma se dun obxecto non identificado se tratara -poida que nunca o vira nese estado, con monda-, e esperando a que aparezan os anacos na súa boca; ou outro perante un bocadillo esperando a que alguén corra detrás del para, -ao modo dos capóns de Vilalba-, introducirlle petiscos na boca.

Se as familias teñen a súa responsabilidade, a escola tampouco se escapa dela. Non podemos poñer na programación que o cativo/a manexe o rato do ordenador, e coñeza o máis senlleiro da arte contemporánea, por pór un exemplo, e logo dicirlle ás familias que se traen froita que veña mondada e en anacos. Enleámonos coa comida, pero ben sabemos que hai ducias de exemplos cos que poderíamos ilustrar esta “estraña” valoración actual das cualidades dos máis pequenos. Saben falar de dinosauros, do Antigo Exipto, e dos indios da Amazonia e non saben limpar os mocos ou xogar ao pilla-pilla. Pero somos nós, as docentes, as que lle dicimos que veñan con zapatos con peche de velcro, con pantalóns con goma na cintura, con mandilóns sen botóns e  de meter pola cabeza, con bebidas con palliña, con bocadillos de pan brando…, non pensando na súa autonomía.

A autonomía persoal é unha das competencias máis importantes que deben adquirir e arredor da que deben xirar as actividades da educación infantil. Iso xa o sabemos non?, pero…, que entendemos por autonomía persoal, manexar o smartphone ou atarse os cordóns? Que poñemos primeiro a tecnoloxía ou o coidado de si mesmo/a? Que vende máis? Que é o que dá mellor imaxe de calidade da educación?

Observatorio do Xogo Infantil

En ActualizArte o 03/03/2011 ás 20:02

A Asociación Española de Fabricantes de Juguetes vén de crear o primeiro Observatorio do Xogo Infantil en España. Nun momento no que todos os estudos apuntan a que cada vez os nenos e nenas xogan menos debido ao incremento das actividades extraescolares, Internet, a televisión, os videoxogos, etc. A finalidade deste Observatorio será medir o nivel de xogo dos nenos/as españois e velará polo cumprimento deste dereito universal das criaturas. Ao tempo, fomentará e sensibilizará á sociedade sobre a importancia do xogo e os xoguetes no desenvolvemento harmónico dos nenos.

Nun primeiro momento parece que queren analizar a implementación do xogo nas escolas e nos patios escolares.

Tamén sería bo que analizaran se as construcións escolares favorecen o xogo. E que os responsables tomaran nota porque hai patios escolares que tan só favorecen a violencia.

 

O ben e o mal

En ActualizArte o 01/03/2011 ás 00:01

Trala lectura dos libros mencionados na entrada anterior, de inmediato recordamos un programa de “Redes” de Eduard Punset  titulado “La pendiente resbaladiza de la maldad” no que entrevistaba a Philip Zimbardo, psicólogo da Universidade de Stanford, e que nos facía reflexionar sobre o que seríamos quen de facer en situacións extremas.

Tamén, e pensando no noso alumnado, lembramos que fai moitos años coñecemos ao filósofo francés Óscar Brenifier a máis a súa, daquela, recén publicada obra “¿Qué es el bien y el mal?”, no que cada capítulo se corresponde a unha pregunta filosófica que versa sobre a lei, a amabilidade, a obediencia, a liberdade, a xenerosidade ou a palabra.

Brenifier, fundador do  Instituto de Prácticas Filosóficas, trata de facernos entender que os nenos/as fanse preguntas de todo tipo, moitas veces importantes, preguntas ás que os adultos moitas veces respondermos sen nin sequera darlle oportunidade ás criaturas de pensar nelas; de tal xeito que cando lles propoñemos tales cuestións responden máis coa consecuencia, “Podemos roubar? Non, non podemos roubar porque nos levan ao cárcere.”

Para facelos pensar un pouco: debes facer sempre o que queiras?, debes axudar sempre aos demais?, debes dicilo todo?, debes dicir sempre a verdade?, debes ser sempre amable cos demais?…

Complétase a colección de Superpreguntas publicada en Edebé, con outros títulos “¿Qué soy yo?”, “¿Qué es la vida?”, “¿Qué es el saber?”, “¿Qué es la felicidad?”.

Grandes preguntas para facer malabarismos coas ideas.

Beautiful Oops

En ContArte o 14/01/2011 ás 18:00

 

Pensábamos recomendar este libro para as especialistas de inglés en infantil, pero logo decatámonos de que é una fonte de aprendizaxe para todas e todos nós pola idea que intenta transmitir: transformar os erros en oportunidades.

Beautiful Oops”, un fermoso álbum sobre  animais que permite explorar as posibilidades dos accidentes: un anaco de papel roto, derrames de pintura, manchas, marcas, follas dobradas… e poderemos conseguir que apareza a maxia transformándoos na cabeza dun pingüín, nun can que sorrí ou nunha rá .

Para aprender dos erros.

 

Unha noiva graciosa, vistosa, preciosa

En ContArte o 14/01/2011 ás 17:59

Atopamos na nosa librería de cabeceira, unha desas pequenas xoias que pasan desapercibidas, un libro que nos fala da escasa importancia da imaxe exterior, da influencia das revistas de moda e do valor dos sentimentos e dos afectos por riba de todo. De esguello, tamén de que menos é máis.

Una novia, graciosa, vistosa, preciosa” de Beatrice Masini, con orixinais e suxestivas ilustracións de Anna Laura Cantone, en Tuscania Editorial, cóntanos como Filomena, unha virtuosa modista, especializada en vestidos de voda, soña con coser un moi especial para ela, así pasa o día mirando as revistas de moda; é no único que pensa. En tanto Ferruncho un tímido mecánico decídese a declararlle o seu amor e pedirlle matrimonio; desde aquela, Filomena non ten tempo para nada máis que para poñerlle adobíos ao seu fantástico vestido, nin tan sequera para estar co noivo, dille que despois da voda xa poderán pasear, subir ás montañas ou ao que sexa. Tras un trepidante día da voda, a historia terá un desenlace deses dos que se poden tirar moitas conclusións sobre da importancia das vestimentas, dos sentimentos e dos afectos nas relacións.

Especialmente dedicado a todas as nenas que soñan con vodas principescas e con top models.

As caixas dos bicos

En EmocionArte o 22/12/2010 ás 19:06

 

Ao longo do trimestre, na aula de tres anos, viñemos desenvolvendo unha experiencia de educación emocional, titulada “As caixas dos bicos”, nela traballamos o apego, as emocións e os sentimentos dos máis pequenos. Pódese saber máis deste proxecto desde o blog de aula de tres anos.

A educación do talento

En ActualizArte,FamiliarizArte o 20/12/2010 ás 21:19

Nestes días que as familias andan pedindo recomendacións de lectura para os seus fillos/as, tamén queremos facer unha recomendación para elas.

La educación del talento” é o máis recente libro de José Antonio Marina, publicado en Ariel,  co que a Universidade de Padres on line abre unha colección de libros dirixida a pais e educadores preocupados pola educación.

“O obxectivo da educación é desenvolver o talento dos individuos e das colectividades. Os gurús do management insisten sen descanso na necesidade de talento, e hai profesionais que se dedican a buscalo. A todos nos gustaría ter talento. Todos o admiramos. A cuestión é como desenvolvelo nos nosos nenos e nenas, e tamén en nós. Non hai simplificacións milagrosas. Nin se pode ser “millonario ao instante”, nin “aprender chinés en vinte horas”, nin conseguir ningunha desas marabillas que prometen libros estafadores. O talento é un hábito e, como todos os hábitos, difícil de adquirir.Hai tamén moitos tipos de talento. Esta obra pretende axudar aos nosos nenos a descubrir os seus. Cada un de nós temos as nosas propias fortalezas e debilidades. Pero tamén hai un “talento básico”, que debemos intentar desenvolver universalmente, e deste trata sobre todo este libro. Talento para saber que facer cos demais talentos e tamén coas nosas limitacións.”

Estes libros teñen unha finalidade práctica, axudar e educar. Están pensados para que alguén “profano” poida lelos con agrado, e alguén especialista, estudalos con facilidade. Están redactados en dous niveis: a parte expositiva en papel, e a ampliación científica e documental, na rede.

Desde a web, o mesmo Marina vai debullando a través de distintas gravacións en vídeo, a composición e finalidade do libro, capítulo por capítulo.

Así mesmo, pódese acceder á revista Universo UP, que no seu número 10 trata temas como “Videojuegos: enemigos o aliados”, “Ayuda a tu hijo a dormir bien”, unha entrevista a Emilio Calatayud, e outras moitos do interese de pais, nais ou educadores.

Trans-toying

En FamiliarizArte,InformArte o 06/12/2010 ás 09:08

No sector de fabricantes de xoguetes vénse constatando unha baixada nas ventas, arredor dun 12%. No estudo de “Intencións de compra de xoguetes no Nadal 2010”, publicada pola  AEFJ, corrobórase esta tendencia. Pero non cometamos a inxenuidade de pensar que a xente aposta por un consumo máis responsable. Para nada, o que sucede é que hai unha variación no concepto de xoguete.

Dun tempo a esta parte fálase de trans-toying ou trans-xoguetismo. Outra estratexia comercial que consiste en transformar obxectos cotiás en artigos de xogo. Un fenómeno en alza, para constatalo non hai máis que mirar as mochilas que traen á escola ou dar unha volta polos centros comerciais. Cepillos de dentes con forma de xoguetes, toallas ou roupa de cama con personaxes das series televisivas, reloxos, pulseiras, pratos, garfos ou pasteliños con forma de bonecas, apósitos que lles fan desexar ter algunha ferida para poñerse un tatoo, etc. Seica a estrela de ventas de adobíos de Nadal este ano son as bolas de Bob Esponja!

Pódese saber máis nunha publicación que xa recomendamos con anterioridade, “Nacidos para comprar. Los nuevos consumidores infantiles” de Juliet B. Schor, editado en Paidós. Na mesma dise que “os expertos en desenvolvemento infantil pregúntanse con preocupación si esta nova tendencia non deixará pouco espazo á imaxinación do neno, dado que todo artigo no seu contorno acaba converténdose en xoguete. Si todas as experiencias do pequeno se encamiñan á emoción, á sorpresa e ao xogo, poida que non descubra que a felicidade e o benestar se obteñen principalmente do aprecio do cotiá. É posible que non aprendan a valorar o sabor da comida boa e saudable, si se lles aprende que comer equivale a xogar. Susan Linn, psicóloga de Harvard e unha das críticas máis destacadas sobre marketing infantil, sostén que existe un baleiro moral en todo ese enfoque. (…) Os profesionais da publicidade non acostuman a cuestionarse sobre isto, tan só se preguntan, como entretemos aos nosos fillos aos que nada lles contenta?”.

Na escola, ás veces descubrimos con alegría como un elemento do máis insignificante se converte nunha fonte inesgotable de gozo infantil. Pois ao mellor aí radica unha das nosas responsabilidades e tarefas de cara ao fomento do consumo responsable, facéndolles ver, verbalizando e salientando o valor das pequenas cousas.

Princesas rosa e príncipes sapo

En ContArte o 23/11/2010 ás 16:21

Hai determinados temas que nós non consideramos adecuados para traballar en educación infantil, sabemos que hai tendencias, que se publican estudos sobre a necesidade de abordalos, pero para nós é perverter a infancia, roubarlles a inocencia. A morte, a depresión, o maltrato…, ao noso modo de ver deben ser tratados desde o ámbito da prevención ou cun enfoque positivo; non falamos da morte, senón da alegría de vivir; non falamos da depresión, senón do optimismo; non falamos da violencia contra as mulleres, senón da igualdade de dereitos e de oportunidades. Non estamos a falar de como actuar en situacións específicas e concretas, senón en xeral.

Porén recomendamos a lectura de “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?“, de Raquel Díaz Reguera en Thule. “Carlota era una princesa rosa; con su vestido rosa, su armario lleno de ropa y una habitación con una cama, con unas sábanas y una almohada rosas. Pero Carlota estaba harta del rosa y de ser una princesa. ¿Había algo más aburrido en el mundo que ser una princesa rosa?” Cunhas ilustracións nas que predominan as cores rosa que se saen do rosa, este libro é todo un descubrimento; un manifesto sobre os dereitos das nenas a ser o que queiran na súa vida sen importarlle o que lles pasará aos príncipes azules cando non haxa princesas rosa.

Preguntádelle por que queren ser princesas, poida que vos sorprendades coas respostas.

E que será dos príncipes convertidos en rana? Pois algúns como “Sapo Manuel Quenorrana“, malia que hai princesas que andan todo o día detrás deles para bicalos, non queren deixar de ser sapos, son felices como sapos. Unha divertida proposta de José Campari, na que mestura historias ao modo dun culebrón. Ilustrado por Inés Vilpi e publicado en Mil y un cuentos.

MirArte

En MirArte o 05/11/2010 ás 22:02

Engadimos unha nova categoría ao blog chamada MirArte, nela recolleremos tan só as imaxes que empregamos na clase co noso alumnado. Unha vez á semana, proxectamos unha imaxe, para ver-mirar-pensar-contar. O noso alumnado xa coñece todos os pasos. Precisamos este proceso para afondar na compoñente discursiva e narrativa das imaxes. Logo, si xurde comentamos, ou inventamos, ou cuestionamos, ou tan só calamos. Non é preciso sometelos a unha batería de preguntas. Tan só queremos “expoñelos” a imaxes suxestivas, provocadoras, irreais, belas…
As imaxes teñen unha linguaxe, transmiten mensaxes, configuran a nosa cultura e moitos dos nosos valores, polo que consideramos preciso coñecer a súa natureza, significación, funcionamento e posibilidades. Non pode existir unha capacidade crítica cando se carece dos códigos para comprender.
O noso alumnado, antes de aprender a ler a e a escribir, ve imaxes, consume imaxes –non nos atreveriamos a dicir que aprenden a ver imaxes- porén consideramos preciso realizar unha alfabetización visual. A linguaxe icónica ten que ser aprendida e ensinada, motivo polo cal facemos este traballo, ao que lle dedicamos un tempo específico,consideramos que non chega con dicir “xa ven imaxes a todas horas”,debe ser sistematizado.
Cada vez que introduzamos unha entrada de Ver_mirar_pensar_contar,-ao igual que facemos co alumnado-, non engadiremos máis nada, non queremos condicionar a primeira impresión; cadaquén tiraralle o proveito que queira.

Galicons.net

En PremiArte o 03/10/2010 ás 20:13

Desde o ano 1998 a Consellería de Educación e O.U. xunto co Instituto Galego de Consumo, traballan para impulsar actividades de educación para o consumo responsable nos centros educativos orientadas a desenvolver co alumnado capacidades relativas á comprensión da súa propia condición de consumidor, dos seus dereitos e deberes e do funcionamento da propia sociedade de consumo. Con tal finalidade a Escola Galega de Consumo promove actividades de formación do profesorado, elabora materiais didácticos, organiza obradoiros dirixidos a escolares e incentiva a posta en marcha de proxectos dentro do marco da Rede de Educación para o Consumo Responsable, Galicons.net.

Vén de publicarse a convocatoria de premios ás mellores memorias dos centros vinculados a Galicons.net, así como a selección de novos proxectos que desexen incorporarse á Rede. Estes, deberán presentar un proxecto para tres anos que verse sobre os distintos aspectos da educación en consumo e no que participen ao menos catro docentes do centro. O prazo remata o día 15 de outubro.

Unha interesante proposta para os centros educativos que pode ser abordada con carácter global e converterse en eixo vertebrador das actividades promovidas desde os distintos equipos de dinamización escolar -o consumo desde as TIC, a biblioteca, a convivencia, as actividades complementarias, ou a dinamización lingüística-, ao tempo que se vencella coas distintas conmemoracións escolares –o consumo no Nadal, consumo e medio ambiente, consumo e medios de comunicación, consumo e muller, consumo e saúde…, etc. Calquera ocasión é boa para fomentar un sentido crítico no noso alumnado con respecto á sociedade do consumo na que vivimos –velaí a autonomía e iniciativa persoal da man coa competencia social e cidadá- e tamén para revisar as nosas actuacións, máis das veces que quixéramos, contrarias ao fomento do consumo responsable.

Unha visita á Escola Galega de Consumo e a participación nos obradoiros, tanto de alumnado como de profesorado- pode ser un bo comezo.

O Xardín de Gulliver

En EncienciArte o 15/09/2010 ás 08:07

Este verán coñecemos un espectacular xardín-horta; o tamaño das súas hortalizas, froitos e aparellos para traballar a terra, XXL. Na vila medieval de Boulogne-sur-Mer , na Cósta de Ópalo francesa estaban a desenvolver un proxecto educativo para que os máis pequenos coñeceran a orixe de moitos dos alimentos que integran unha dieta saudable. Era algo que ía moito máis alá do que estábamos a ver na praza central; supoñía desde a plantación de distintas variedades de hortalizas –podíanse ver diferentes clases de tomates, de leitugas, de cenorias, de berenxenas– ata exposicións artísticas nas moitas galerías existentes. Realizábanmo en colaboración con centros educativos. A galería de fotos do Xardín XXL ou de Gulliver, ben paga a pena.

Nós, este ano queremos iniciar un proxecto de colaboración entre as titorías, os responsables do comedor escolar e as familias. Preto dun 40% do noso alumnado é usuario do comedor escolar, o restante, ás dúas da tarde vai comer ás súas casas ou ás dos avós. Non cremos necesario dicir que grupo de alumnado ten unha dieta máis equilibrada. Por non ser repetitivas, tampouco volveremos a falar de froitas e verduras. Pero algo teremos que facer, ou non? Cada ano sorpréndenos máis o anómalo crecemento dalgúns nenos, e especialmente das nenas; cada curso vemos as dificultades que teñen algunhas criaturas para comer, tal e como se espera que o fagan os nenos de 3, 4 ou 5 anos. Houbo un tempo, moi lonxano, no que a escola era un espazo onde se aprendían hábitos básicos que a familia non podía proporcionarlles; agora pode que pase o mesmo; antes era por ignorancia e por necesidade, hoxe por que é? Vemos que se fai preciso que a escola inculque hábitos saudables relacionados coa alimentación; que a escola ensine o comportamento correcto dun comensal, ao tempo que se converten en consumidores responsables. Bueno, poida que isto sexa prioritario, vaille na saúde.

Os nosos pasos: 1º merendas pautadas para todos os días da semana. 2º coordinación co comedor escolar que tamén dispensa os almorzos. 3º Consumo limitado de golosinas, doces e chucharías. 4º Implicación e responsabilidade das familias.

Un proxecto para traballar todas as competencias básicas, a escrita, a lectura, as matemáticas, as artes…; un fío condutor que dará pé a promover actividades desde os equipos de biblioteca, de TICs, de dinamización lingüística, de actividades extraescolares, de convivencia; a diversidade: cultural, celíacos, dibéticos, etc.; saídas escolares á Praza de Abastos, a invernadoiros, á Escola Galega de Consumo; será o eixo de todas as conmemoracións e celebracións escolares. Un obxectivo para traballar coordinadamente nos tres niveis, todo o ano, non en datas puntuais. Posibilidades non lle faltan. Iremos contando.

A escola dos nenos felices

En ContArte,EmocionArte o 21/06/2010 ás 00:02

La escuela que Gudrun Pausewang describe en este cuento no es lo que estamos acostumbrados a ver porque, sencillamente, no existe. De todas formas, a muchos nos gustaría haber aprendido a domar monstruos, a reconocer huellas, o a hacer magia y a soñar, tal como aquí se propone. CLIJ

La escuela de los niños felices” debería estar presente en todas as aulas. Reservamos este libro da editorial Lóguez para o peche de curso, para “estudalo” no verán, recordalo e traelo ben aprendido para o mes de setembro.

Completamos esta entrada cunha referencia ao programa Redes para la ciencia, no que Eduard Punset se pregunta sobre se se pode “Aprender a ser felices” ou a relación entre “Felicidade e vontade”. Desde a psicoloxía recoméndase entrenar para ser máis felices.

O verán pode ser un bo momento para practicar e facer moitos exercicios.

O xogo

En InformArte o 25/05/2010 ás 14:30

O vindeiro 28 de maio é o Día Internacional do Xogo.

“Los seres humanos somos la especie animal que más juega. Estamos hechos para jugar y nos hacemos jugando. Cuando jugamos manifestamos la expresión más pura de nuestra humanidad, la expresión más auténtica de nuestra individualidad. No es de extrañar, pues, que los momentos en que más vivos nos sentimos y que acaban convirtiéndose en nuestros mejores recuerdos sean los momentos en los que jugamos.”

Así o expón Stuart Brown, fundador do National Institute for Play de Estados Unidos, na súa recente obra “¡A jugar!”, publicada en Urano , da que nos permiten acceder ao seu primeiro capítulo.

Recollemos, tamén, un capítulo do programa Redes, no que Eduard Punset trata da importancia do xogo na infancia.

Pero, están preparados os nosos centros para permitir que vintecinco nenos e nenas colmen as súas necesidades básicas, elementais e primarias de xogo? Non estamos a falar de xogos sofisticados, nin de grandes espazos, pero unha ollada polas escolas e á vista está que quen os deseñou non cría na necesidade de xogar, ou esqueceuna. Tan só poderán desfrutar de xogos de mesa e/ou de ordenador? Uns poucos metros cadrados máis, ou outra distribución máis racional dos espazos sería moito máis barato e tería unha grande repercusión na saúde física e mental dos nenos e das nenas. Media hora nun patio de recreo con 300 criaturas de 3 a 5 anos cambiaríalle os esquemas a calquera arquitecto que queira deseñar centros educativos. Debería ser cláusula obrigatoria nas licitacións de obras.

Accidentes infantís no fogar

En InformArte o 06/05/2010 ás 21:00

No ano 2008 a Consellería de Sanidade en colaboración coa de Educación e O.U. puxo en marcha un proxecto de prevención de accidentes infantís no fogar. Na comunidade galega os accidentes domésticos son a primeira causa de mortalidade infantil en menores de 14 anos. Segundo estudos realizados nos oito complexos hospitalarios galegos, o 5,2% dos preto de 13.000 menores faleceron e un 40% sufriu secuelas tras un accidente caseiro. Un 70% dos accidentes son na cociña, o 20% no cuarto de baño e un 5% no garaxe.

A curiosidade infantil é un factor de risco polo tanto cómpre extremar as precaucións. Con tal fin desenvolveuse o proxecto “E por que?”, no que a través de 50 breves capítulos dunha serie de animación en plastilina realizado pola produtora Continental, o gato Tolo, advertía de todos estes potenciais perigos.

O CD cos 50 capítulos xunto co proxecto educativo foron remitidos a todos os centros educativos e tamén se puxo a dispoñible a través do portal de contidos educativos. Pódense atopar en Youtube.

Os pegamentos – As máquinas de barbear Os alfinetes –  O sol – Os petardos – O isqueiro – A cheminea – O radiador – As cremas cosméticas – O chan mollado – As esquinas de mobles – O microondas – A auga quente – Os electrodomésticos no baño – O forno – As mesas de vidro – O martelo – A serra – As pilas e baterías – Os dardos – As bebidas alcohólicas – As pílulas – As bolsas de plástico – Os coitelos – Onde sentar – Os enchufes – As portas – O xeo – O pasamáns – As cociñas – O batedor – Os medicamentos – As tesoiras – O cristal – Os caixóns – Ferramentas de traballo – Cociñar – Os animais – Os electrodomésticos – As cordas – Recoller – A electricidade – Os líquidos – As ferramentas – As ventás – Os mistos – Obxectos punzantes – Os xoguetes no chan – As coitelas – As alturas

A autoestima nos contos

En ContArte o 05/05/2010 ás 23:01

Acabamos de coñecer dous contos que nos gustaron moito e aos que lles vimos grandes posibilidades para traballar a autoestima positiva dos nenos e das nenas, estes son:

Ranilda” de Mar Pavón en OQO. Fronte ao culto á beleza que impera na sociedade actual, nesta deliciosa fábula reivindícanse outros valores como a autoestima e a amizade, cun gran sentido do humor. Ranilda, a protagonista deste divertido álbum, é unha ra moi feita, aínda que ela non o sabe. Todos os días se mira na auga, e como non lle gusta o seu aspecto, sempre está triste; dille ás mulleres coas que se atopa “Señora, se me dese un bico no papo,converteríame nun home guapo.”

El despertador del sol” de Martin Baltscheit en Lóguez. “La noche era fría. El montón de estiércol elevado. Yo nunca había despertado al Sol. Madre se encontraba en la puerta de la cuadra y asentía. Ella me creía capaz de todo. Canté. El Sol salió. Yo lo había despertado”. Con sutileza e sen caer na moralina, trata o tema da vanidade.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores