A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘árbores’

Pedro y su roble

En ContArte o 12/03/2012 ás 07:55

Agora que xa se empezan a apreciar cambios na contorna que anuncian a chegada, adiantada, da primavera, gustounos atopar este fermoso libro, “Pedro y su roble“, de Claude Levert ilustrado por Carme Solé Vendrell, no que se nos conta unha historia de amizade e inxenuidade infantil. Coa chegada do outono Pedro pensou que o seu carballo ía morrer, porén todos os coidados son poucos, mesmo o protexe do frío invernal; o seu esforzo e cariño será recompensado porque coa chegada da primavera a árbore “revivirá” día a día.

Unha recomendación para comprender os cambios da natureza co paso das estacións.

Desde aquí pódense ver as primeiras páxinas.

Bonsais na clase I

En CativArte,EncienciArte o 03/03/2012 ás 09:46
bonsais

Un alumno díxonos que o seu pai facía bonsais, polo que tivemos que explicar en que consistía esta técnica milenaria e ensinar fotografías destes “árbores en maceta”. Espertou tanto interese que invitamos aos pais a vir á clase.
Chegaron con catro exemplares, unha oliveira, un arce, un ficus e un pino, que marabillaron aos rapaces, e así foron contándonos como se facían, que se pretendía, como o lograban, os coidados que requirían, e toda a paciente labor que había detrás destas fermosas árbores.
Tamén trouxeron un pequeno arbusto, unha pyracantha, para tratalo e convertelo en bonsai. Así, mediante explicacións, primeiro no encerado, foron amosándonos todos os pasos a dar, as ferramentas que se empregan para tan delicadas operacións, as partes da planta, o que máis se valora nos bonsais, ensináronnos algunhas palabras que proceden do xaponés, as diferentes formas clásicas que poden adoptar, a idade que poden acadar, etc. Sorprendeunos a labor de poda de raíces para lograr a simetría entre a copa e a raíz (de tal xeito que cada vez que a unha árbore lle sae unha raíz, tamén lle sae unha rama), a forma na que a agarran á maceta para así posibilitar que se vexa o nebari, a maneira de aramalo para darlle a forma desexada, e algúns elementos cos que decoran o bonsai, dándolle tamén importancia á maceta, ou a adobíos como un pequeno monxe e un templo oculto no entrabado de raíches. Deixáronlle tocar aos nenos os diferentes tipos de terra que empregan, para reter ou drenar auga, o pomice (pequenas pedras pómez que se colocan no fondo da maceta) e a akadama (terra volcánica que indica a necesidade de auga). E sobre todo, déronnos unha lección de amor pola natureza, do valor da paciencia, e de didáctica. Ver presentación.
Perante a tópica pregunta que lles fixemos algunhas compañeiras sobre se non o consideraban unha forma de “torturar” as plantas, cernando, modificando, podando…, a resposta deixounos sen palabras, seica non o consideraban moi diferente do que nós facíamos co noso alumnado mediante a educación, que non é outra cousa que manter intacta a súa estrutura natural, pero liberada de todo aquilo que o eiva, sacando á luz toda a súa beleza e potencialidades empregando grandes doses de paciencia, constancia e cariño. Para pensar.
En agradecemento, nos días seguintes, os nenos fixéronlle un debuxo dos bonsais que nos trouxeron inspirándose en representacións artísticas clásicas no arte xaponés. Ver presentación.

Debuxos_bonsai

Bonsais na clase II

En EncienciArte o 03/03/2012 ás 09:45

Tralo tratamento da pyracantha para convertela no bonsai co que regalaron para a clase, os pais do alumno aínda nos reservaban máis sorpresas: trouxeron un pequeno buxo ou un cotoneaster para que que cada neno/a o preparara como bonsai. Isto fíxose ao día seguinte.

Con paciencia foron ensinándolle a cada un a descubrir cal sería a forma ideal da planta que lle asignaran. Como algúns nenos lle pedían formas de letra ou outras, fíxose preciso aclara a diferenza entre bonsai e topiario. Para crear ese clima de calma de relaxación puxemos ambientación de música xaponesa (de meditación, tradicional e Kitaro).

Mentres os pais traballaban en pequenos grupos, outros nenos ían buscando no ordenador a tradución do seu nome ao xaponés, para logo identificar a súa maceta.

Tras atender ás explicacións que nos deron sobre os coidados que requirían canto a luz e auga, buscamos un lugar onde colocar os nosos bonsais e creamos un fermoso xardín de bonsais con pedras e decoración con motivos xaponeses.

Agora non queda máis que esperar.

Esta actividade deunos ocasión de coñecer sobre plantas, tradición, cultura, arte, música…, e outras moitas cousas que iremos desenvolvendo e contando en vindeiras ocasións.

Ver presentación.

bonsai_nenos

Follas enriquecidas

En CativArte o 28/11/2011 ás 16:37

Xa case non quedan follas nas árbores, porén esta será unha das últimas intervencións outonais. Collemos a idea de Mirades.

Últimas follas

Arte nas follas

En CativArte o 25/11/2011 ás 07:37

Para amosarlle ao alumnado un soporte artístico distinto, unha maneira diferente de creación artística a partir da beleza das follas e outra forma de ver a arte.

Descubrimos o blog Naturayarte no que Lorenzo Durán recolle o seu proxecto artístico no que emprega elementos da natureza que lle serven para completar a súa idea do que considera arte.

Monte queimado e cortado

En CativArte,EncienciArte o 21/10/2011 ás 07:15

O noso alumnado, malia ser pequeno, saben do que pasa no mundo, ven a televisión e escoitan as noticias. Neste momento saben que se están queimado moitos dos nosos montes. E esta é a súa representación simbólica desta perda.

A dicir verdade, non é que empezáramos por aí. Hai uns días levámoslle á clase un toro dun pino para que puideran apreciar os aneis anuais de medra dunha árbore. A partir diso, tras a observación detallada da información contida neses círculos concéntricos –anos de bonanza, anos de seca, cicatrices e outras marcas da vida…- fixemos gravados con cera branda e calcos con papel carbón.

Finalmente, acordamos facer unha exposición con todas esas producións. Pegámolas sobre papel kraft e alguén dixo que era un bosque, o que foi completado por outro neno con bosque queimado e cortado. Unha abstracción.

O carballo ao longo do ano

En EncienciArte o 13/10/2011 ás 07:21

Unha amiga, lectora do blog, ao coñecer o que pretendíamos facer con “As nosas árbores mes a mes”, agasallounos cunha publicación de Xerais de fai case vinte anos, “O carballo” (que agora non localizamos no seu catálogo). É un póster de dobre cara de 2 metros de alto por 40 cm.de ancho. Un carballo ocupa case a súa totalidade, por un lado no outono-inverno e polo outro na primavera e verán. Na ilustración aparecen resaltadas as peculiaridades desta árbore dende a copa ata a raíz, así como as distintas especies animais e vexetais que o habitan: fungos, herbas, aves, insectos, roedores, mamíferos ou réptiles. Na marxe, unha breve descrición de cada un deles.

Complétase ademais con explicacións sobre o carballo na historia, os seus usos e especies próximas, as fragas, a vida nos carballos e nas carballeiras, as variedades desta especie arbórea e mais súa extensión polos continentes.

De seguro que nos será de moito proveito, case tanto coma os carballos.

As nosas árbores mes a mes

En EncienciArte o 07/10/2011 ás 06:53


Pedímoslle ás familias do noso alumnado que lle sacasen unha fotografía ao carón dunha árbore que teñan na casa, cercana a ela ou que vexan con relativa frecuencia.
A nosa intención é ir apreciando os cambios que se producen nas árbore co devir das estacións. Deste xeito poderemos facer o seguimento de 25 árbores de distintas especies, unhas caducas e outras perennes, unhas froiteiras e outras ornamentais, etc.
Preparamos unha ficha na que se identifica o nome de cada neno/a e o da súa árbore, a fotografía e os meses que restan ata xuño. Unha vez ao mes, farán de reporteiros, levarán a ficha de seguimento para a casa e deseguido contaránnos aos demais o que lle aconteceu á súa árbore. Non reproducimos aquí todas as fotografías dos nenos/as coa súa árbore.
Con esta sinxela actividade esperamos coñecer aspectos comúns a todas as árbores, a só algunhas delas, ou diferenzas entre unhas e outras.

Bosques ao SOL

En ContArte o 13/09/2011 ás 07:05

A ONU declarou o 2011 Ano Internacional dos Bosques, coa fin de crear máis conciencia na conservación e explotación sostible de todos os tipos de bosque, para beneficio das xeracións presentes e futuras.

Con tal motivo, o S.O.L. (Servicio de Orientación Lectora) da FGSR preparou unha escolma de publicacións, tanto de carácter literario coma informativo para diferentes tramos de idade: ata 5 anos, de 6-8, de 9-11, de 12-14 e de 15-18. En cada unha das fichas, a máis dos datos identificativos do libro, indica se existen versións noutras linguas oficiais do estado.

As 50 árbores máis comúns en Europa

En EncienciArte o 13/04/2011 ás 21:00

Hoxe fixemos unha visita co noso alumnado a unha Aula de natureza. Non vou a dicir nada porque cando escribo quero facelo con serenidade. Máis adiante, si cabe, reflexionarei en voz alta sobre o que pensan os programadores de actividades educativas sobre o que pensan os rapaces e rapazas de infantil; tan só direi que se vou a outro sitio onde lle falen con grande profusión de diminutivos e onde lle dean un caderno para colorear creo que non me conterei. Que terá que ver o coloreado con ceras coa transmisión de valores? Quen fará eses cadernos? Serán os mesmos que cando fan material web poñen crebacabezas ou sopas de letras? Terei que investigar porque de seguro que hai algunha conexión; cando menos deben ser da mesma escola; unha con moito predicamento.

Ao que ía, como entrábamos en dúas quendas, xa argallara para facer unha reportaxe gráfica con fotografías tomadas por eles sobre a natureza na primavera; tamén collemos algunhas pequenas mostras de follas e flores das árbores. Agora toca saber máis desas árbores. Para ilo contamos cun novo e valioso recurso “As 50 árbores máis comúns de Europa Occidental”.

As 50 árbores máis comúns de Europa Occidental” é a primeira guía dixital de árbores editada no estado por Baía Edicións e dispoñible na web. Recolle cincuenta especies que podemos consultar ou facer unha selección en función do seu tamaño, tipo de folla, cortiza, froitos e flores. Acompáñase de textos e ilustracións.

Bosque 3.050

En CativArte o 14/01/2011 ás 17:58

Estes días ábrese no Mosteiro de Oseira a montaxe escultórica do artista ourensán Xurxo Oro Claro -creado inicialmente para o espazo da Igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela- que representa un bosque de 35 árbores de aceiro inoxidable, formado por varias especies autóctonas de Galicia.

Á vista das fotografías da exposición decidimos engadirlle algo máis ao noso proxecto EnlatArte, que ademais nos vai moi ben para recordar que o 2011 é o Ano Internacional dos Bosques.

Ver_mirar_pensar_contar XVI

En MirArte o 18/12/2010 ás 08:58

Para falar da tala de árbores no Nadal.

Metemos as árbores nas casas ou as casas nas árbores?

O Nadal

En InformArte o 06/12/2010 ás 09:08

O Nadal encerra múltiples tradicións que asumimos ano tras ano sen preguntarnos cal é a súa orixe ou cal é o seu significado.

No portal de contidos educativos da CEOU atopamos “O Nadal”, un especial no que poderemos coñecer rituais como o do Tizón do Nadal, tradicións, cantos, como se celebra no mundo, e doutras celebracións vinculadas ao Nadal.

Nós contámoslle aos nenos e nenas a antiga lenda celta do “Rei Carballo e o Rei Acivro”, unha narración “solar” que trata de dar explicación á Roda do Ano. No solsticio de Verán o Rei Carballo está no punto máximo da súa forza, mentres o Rei Acivro está no seu punto máis fráxil. O Rei Acivro comeza a gañar poder no equinoccio de Outono chegando ó seu máximo poder durante o solsticio de Inverno cando as súas bagas tornan de cor vermella, mentres que o Rei Carballo perde as súas follas.

Carballo en lata

En EncienciArte o 29/10/2010 ás 15:00

Hai uns días lemos na clase o libro “Xaime e as landras” de Tim Bowley, publicado en Demademora; unha tenra historia circular e cíclica que comeza así “Xaime plantou unha landra, pero… , antes de que puidese medrar un esquío desenterrouna e agachouna. Xaime plantou unha landra, xermolou e agromou da terra, pero…” Nela fálase da perseveranza e do ciclo dunha árbore –o carballo-, e danos pé a traballar todo o seu desarrollo vital e a súa utilidade.

Quedamos tan enredados coa historia, que acordamos que na fin de semana recollerían landras coas súas familias. O que non sospeitábamos é o que nos atopamos a mañán do luns: unha chea de landras de moitas variedades –ata nolas trouxeron de Verín, de León e de Portugal. O noso descubrimento: había unha grande diferenza entre moitas delas –tamaños, cor, forma, etc.

Fíxose preciso buscar información. Velaí o que atopamos en canto a variedades, imaxes, información; recomendamos o web do IES A Pinguela de Monforte que conta cunha exhaustiva catalogación de todas as especies que integran o seu xardín botánico, entre elas, algunhas variedades de quercus: enciñeiras, sobreiras, carballo albar ou rebolo.

Canto ao seus usos, descubrimos que foi alimento dos primeiros poboadores, que se pode extraer unha fariña coa que se fai torta, que foi substituto do café, que na actualidade se elaboran licores e que ten usos medicinais.

Dentro duns días, como Xaime, plantaremos as nosas landras en latas perfectamente etiquetadas en función da variedade, consignando o nome, a altura que pode acadar e as súas necesidades de luz e de auga; recordamos que estamos totalmente inmersos no noso proxecto “EnlatArte”. Xa atopamos o lugar idóneo no centro, un pequeno invernadoiro –as vantaxes de traballar nun centro de deseño, obra de Pedro de Llano, todo cristal e formigón-, nel velaremos e supervisaremos o xermolar e a súa medra, todo un proceso de grande proveito educativo. Esperamos que non nos suceda coma no conto “Aínda nada?” de Christian Voltz en Kalandraka. Malia todo, gardaremos unhas poucas para facer unha plantación segundo o método Fukuoka, nendo dando. Será cuestión de paciencia e perseveranza.

Árbores

En EncienciArte o 15/03/2010 ás 00:18

O día 21 de marzo, coincidindo coa entrada da primavera celébrarase o Día da árbore; con este motivo quixemos facer unha selección de contos, obras pictóricas, suxestións de traballo e outras noticias de interese que versen sobre as árbores e a natureza, dado que é o momento no que se aproveita na meirande parte das aulas para abordar estes contidos.

Como sempre, empezamos cun conto, para nós, adultas, unha fábula fermosísima: “O home que plantaba árbores” de Jean Giono en Galaxia. Un libro que fala da xenerosidade humana sen límites. Do respecto á natureza, da aposta pola vida e do amor á terra e a todo o que dela pode agromar. Para crer na bondade humana e no altruísmo.

E unhas imaxes primaverais:

-A floración das cerdeiras no val do Jerte, web e vídeo .

-A floración das amendoeiras en Mallorca, alá polo mes de febreiro, porque nalgúns lugares adiantase, web e vídeo.

As árbores na literatura infantil

En ContArte o 15/03/2010 ás 00:17

Fixemos unha escolma de libros en galego e en castelán.

-“A árbore de follas DIN A-4”, de Carles Cano en Kalandraka. “Houbo unha vez unha árbore que naceu no máis recóndito do bosque e que sabía, desa forma vexetal e misteriosa na que as árbores saben as cousas, que se convertiría en papel. E unha primavera, cando chegou a hora de mudar o traxe…”

-“A memoria das árbores”, de X.A. Neira Cruz en Sondeconto. Os pais de Tano, cando naceu, plantaron unha árbore no xardín para que medrara canda el.” Coa sensibilidade e saber facer que caracteriza todos os traballos de Neira Cruz, nunha edición especial con música de Marcial Adalid, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

-“Aínda nada” de Cristian Woltz en Demademora. “Unha mañá moi cedo o señor Luís cavou cun burato na terra e nel deixou caer unha semente.”

-“As estacións” de Iela Mari en Demademora. Vai amosando o ciclo das estacións ao tempo que se vai enchendo de cor.

-“Xaime e as landras” de Tim Bowley en Demademora. Xaime plantou unha landra pero antes de puidera medrar un esquío desenterrouna…”

-“A pequena árbore” de Ánxeles Ferrer en Xerais. Fálanos do ciclo das estacións e dos incendios.

-“Lume” de Alberto Varela en Xerais, os perigos que ameazan os nosos montes.

-“El lugar más maravilloso”, de Javier Sobrino en Thule Ediciones. O extraordinario que pode acontecer no alto dunha figueira.

-“La semilla piloto”, de Sergio Mora, en Thule Ediciones. Unha semente escapa de diversos perigos, todos queren comela, pero ela quere chegar ao seu país dos soños.

-“El jardín subterráneo”, de Cho Shunkyung en Thule Ediciones. Unha estación de metro cheira mal, pero que acontecería se alguén plantara un xardín que enchera todo co seu recendo?

-“El manzano”, de Mira Lobe en Lóguez. Unha sinxela historia de árbores e de paxaros que nos fala da hospitalidade e da tolerancia.

-“Pétala”, de Pep Bruno en OQO. Un día Pétala vai a regar as plantas e descobre que non hai auga.

Recordade a posibilidade de facer procuras de libros a través do S.O.L. Estes son os resultados que nos devolve tras introducir a palabra “árbores” ou “bosques“.

As árbores como arte

En CativArte o 15/03/2010 ás 00:16

Xa que estamos a falar das árbores, queremos facer mención á obra do pintor e escultor vasco Agustín Ibarrola que nos últimos anos realizou obras de gran formato, intervindo directamente sobre a natureza. Nos seus “Bosques” pinta sobre as propias árbores, como no coñecido Bosque de Oma, preto de Guernica, ou no “Bosque Encantado” en Salamanca nas ribeiras do río Tormes onde pintou árbores secas con pintura de vivos colores. En Galicia tamén fixo unha intervención artística no Ecoespacio de O Rexo. Alí as árbores, as pedras e bloques de granito forman parte da obra de arte. Podemos aprecialo nas fotografías de Xurxo Lobato.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores