A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘alimentación’

Cereixas ao óleo

En CativArte o 25/05/2012 ás 06:56

Nunca pintáramos ao óleo co alumnado, pero un neno que vai a clases de pintura trouxo a clase un lenzo pintado o que espertou o desexo de todos de facer coma el.

Agora, o día que fixemos a cata de cereixas atopamos un motivo para retratar e moita diversidade de variacións sobre a cor vermella, porén puxémonos man á obra. Ten o seu aquel porque hai que empregar augarrás, pero os resultados son espectaculares, e mesmo os nenos entenden que pintar sobre un lenzo con óleos é como entrar noutra dimensión das súas representacións plásticas.

Nun primeiro momento quixemos ver moitas mostras da presencia das cereixas na arte de: Cèzanne, Picasso, Pons Arnau, Hammer, Cristobal Toral, Gauguin, Bonnard e outros moitos recollidas en blogs como Cocina y cultura ou Cocinamos entre todos.

Coas cereixas diante, fomos tratando de conseguir as distintas tonalidades de vermello de cada unha das variedades. Previamente fixeron un bocexo en papel con ceras brandas, para entender moi ben o tamaño e a ubicación. Perfilouse sobre o lenzo, pintouse o fondo e deixouse secar un día, logo capa a capa fóronse pintando as cereixas. Entenderon moi ben a aplicación final da luz con cor branca. Asinan e datan a obra.  Capa de verniz e exposición no centro.

Un recordo da gorentosa cata.

Ver presentación.

Cereixas ao óleo

Cata das cereixas de maio

En EncienciArte o 24/05/2012 ás 07:01

Estamos en tempo de cereixas, pero non todas son iguais, porén organizamos unha cata -ao igual que xa temos feito co mel ou co mosto-, tratando de que sexa unha degustación guiada e consciente descubrindo matices que doutro xeito pasarían desapercibidos.

Regaláronnos un cartel de gran formato con 24 variedades de cereixas, cada unha delas co seu nome, información sobre a orixe, calibre, forma, cor, sabor, floración, maduración, pedúnculo, resistencia ao corte e dureza, que nos deu a idea dos aspectos a observar.

Reunimos 7 variedades en nun primeiro momento fomos atendendo a aspectos como a orixe, peso (calibre), forma (achatada, redonda, corazón, alargada, con pico), cor (vermello, vermello claro, vermello escuro, vermello negro), pedúnculo (corto, medio, largo), recollendo todas as anotacións nunha táboa.

Deseguido pasamos á cata, polo que nos preparamos como profesionais cun vasiño de auga para “lavar a boca” entre degustación e degustación; e así foron notando as sensación no padal canto a dureza (dura, branda, rexente), sabor (doce, moi doce, pouco doce, agridoce), e canto a tamaño da caroa (grande, pequena).

Coa profesora especialista de inglés, tamén traballaron todo este vocabulario e mesmo fixeron un haiku sobre as cereixas.

Sempre pensamos que unha das nosas tarefas é a de axudarlle aos nenos/as a poñerlle nome ás sensacións que senten. E esta foi unha gorentosa e rica experiencia tanto sensorial coma de linguaxe.

Rematamos cunha cantiga dos Maios en Galicia que di así:

“E maíño maio,
e que nos trouxeches,
cereixas maduras
e non nolas deches.”

Ver presentación.

Cereixas de maio

Pan de millo (boroa)

En EncienciArte o 28/10/2011 ás 16:22

Hai anos, traballábamos nunha  pequena vila costeira e fixemos pan de millo ou boroa co noso alumnado. Daquela puidemos ir a recoller as espigas a unha leira, esfollámolas, debullámolas, cribamos o millo e levamos unha parte a un muíño de cubo nun regato e a outra a un muíño de marea, logo peneiramos a fariña, amasamos e cocemos nun forno de leña. Fora unha maneira de coñecer cultivos tradicionais, labores do campo, alimentos, patrimonio arquitectónico (hórreos, muíños, fornos) no rural, etc.
Agora, esta é a versión urbana, porque seguimos a pensar que os nenos e nenas deben coñecer o proceso de elaboración dun produto típico galego e todo o que hai detrás ata que chega a eles. O que non podemos visitar, suplímolo con outros recursos e información da rede.
Afortunadamente, aínda hai avós e avoas do alumnado que entendendo o que pretendemos acadar cos seus netos, préstanse para todo o que lles requirimos. Pedimos todas as variedades posibles de millo, mesmo das que están a piques de desaparecer: millo corvo, millo de leite, millo do país…; pouco a pouco a aula foise enchendo de espigas de todos os tamaños e clases, moitos deles encirrados pola idea de atopar “unha raíña” (espiga vermella, morada ou negra). Observándoas, foron xurdindo dúbidas que tratamos de confirmar:
-as barbas e as follas da casula indícannos cal é a cor da espiga?
-a fariña que se obteña será da cor dos grans de millo? E o pan?
-as espigas combinadas débense a que plantaron dous graos xuntos? E si se planta un gran negro dunha espiga negra e amarela, sairá negra ou amarela?

-só comen millo os animais?

Pódese ver todo o traballo ata a elaboración da boroa na seguinte presentación, pero insistimos na idea de que  importa máis o proceso desenvolvido ca o produto acadado.

O mellor, foi que este traballo espertou expectación entre o resto do alumnado do centro e os nenos/as exerceron de cicerones dos outros, explicándolle detalladamente aos seus compañeiros dende o proceso vital do millo, a súa presenta en moitos alimentos que consumen a cotío,  ata a elaboración da boroa.

Non imos a estendernos expoñendo os obxectivos traballados. Unha persoa que nos veu, preguntounos que obxectivo pretendíamos conseguir, tan só quixemos saber de canto tempo dispoñía para que llelo explicáramos…

A alimentación en infantil

En EncienciArte o 14/10/2011 ás 07:05

O 16 de outubro é o Día Mundial da Alimentación. Nós non cremos na incidencia educativa das conmemoracións, senón no traballo constante e diario. Porén remitímosvos ás entradas publicadas baixo a etiqueta de “alimentación” e a outras moitas nas que facemos mención a:

1º As actividades que desenvolvemos arredor dos petiscos de media mañá, pautados día a día para que deste xeito e grazas á presión de grupo todos tomen alimentos variados.

2º A coordinación que pretendemos establecer cos responsables do servizo de comedor escolar para:

a) Coñecer a súa programación de actividades relacionadas coa promoción de hábitos saudables, introdución e coñecemento dos beneficios do consumo de determinados alimentos, para deste xeito reforzalas desde a aula.

b) Facer partícipe a todo o alumnado dos ingredientes do menú escolar, presentando diariamente á entrada do centro escolar unha mesa cos elementos que van a formar parte da comida dese día.

3º O consenso acadado coas familias do alumnado sobre o non consumo de lambetadas e celebración dos aniversarios  dun xeito diferente que non implique a inxesta de calorías baleiras (graxas, snacks, chucharías…).

4º A presentación de alimentos naturais producidos nas hortas familiares ou na contorna: uvas, kakis, cabazas, hortalizas, legumes, cereais, froitos secos, e dos usos gastronómicos de moitos destos.

Finalmente, recomendamos a lectura das secuencias didácticas do libro “Medrando sans, de bocado en bocado… de xogo en xogo”,  (en RecomendArte) publicado polas consellerías de educación e de sanidade coa finalidade de promover nos máis cativos hábitos saudables de alimentación e exercicio físico.

Ben sabemos que o Día da Alimentación se centra no dereito á alimentación que moitas criaturas non poden exercer, algo que, polo de agora, o noso alumnado non pode cambiar; pero si poden e deben ir tendo unha educación nutricional e alimentación adecuada.

Doce coma o mel

En EncienciArte o 13/10/2011 ás 07:21

Un alumno cuxo avó ten colmeas tróuxonos dos anacos de panal de mel. Nunca viran tal. Moitos nenos/as nin sequera a probaran. Coas explicacións do compañeiro e coa información da rede coñeceron todo o proceso de elaboración da mel, do proceso de extracción (da vestimenta e precaucións que adopta o avó), sobre o seu consumo, beneficios para a saúde, conservación, usos medicinais (catarros, feridas, dores de barriga…), na cosmética (xampús, cremas, colonias…), do aproveitamento da cera (en velas, en ceras de cores, en abrillantadores…), e da reciclaxe da cera.

Contounos que as abellas das colmeas do avó collían o néctar das flores de romeu, daí o seu sabor; e que eran imprescindibles na polinización dos kiwis da finca.

Tras observar os panais con lupas (ver as estruturas hexagonais das celas); ver a intensidade da cor amarela tirando a tostado e a súa transparencia; tras ulir o romeu, para ser quen de diferencialo doutros tipos de mel (de eucalipto, de castaño, de azahar ou de milflores), degustámola tomando directamente os anacos de panal (o alumno explicoulle aos compañeiros como facelo sen comer a cera), con tostas de pan, con queixo (refrán: “Miel con queso sabe a beso”), con noces (aportadas por outro alumno); apreciamos no padal a súa dozura, sabor con matices de romeu, a densidade (similar ao caramelo líquido), e a textura na boca. Logo non tomaron nada máis (refrán: “Despois de comer mel nada sabe ben”).

Máis tarde, tras falar da conveniencia de tomar mel en troques de azucres, das súas propiedades enerxéticas (refrán: “Come moito mel, vivirás moito e ben”), xurdiu un interesante debate entre o alumnado, sobre se as abellas son animais domésticos ou salvaxes.

Non se nos ocurriu mellor forma de rematar esta actividade didáctica que deleitándonos coa lectura do poema “Doce coma o mel” de Celso Emilio Ferreiro, precisamente no día no que o Parlamento galego acordou dedicarlle o ano 2012, centenario do seu nacemento.

Cata organoléptica de mosto

En EncienciArte o 10/10/2011 ás 06:58

Unha das vantaxes de traballar nunha vila pequena é que algúns dos alumnos/as viven no rural ou teñen familia na aldea, porén están ao tanto e participan nas tarefas do campo/horta. Neste momento coméntannos da recollida do millo, da vendima, das castañas e das noces…

Un neno, tras contarnos ao longo de varios días a súa participación na vendima, quixo agasallarnos con mosto. Fixémoslle ver que é un produto natural, que ten a cor das uvas coas que se fai, recordamos como as esmagáramos o pasado curso en “Cata de uvas” para extraer o seu delicioso zume, e agora decidimos que había que aprender a identificar e verbalizar as distintas sensacións que nos produce a súa degustación, polo que fixemos unha cata organoléptica ao estilo dos profesionais. A cata é un exercicio de memoria e adestramento, e hai que dispor de palabras axeitadas para describir as sensacións que nos produce.

Recordamos que ten tres fases,unha visual, unha olfativa e a gustativa.

Na visual tras verquer o líquido nunha copa de cristal, observamos a súa cor: límpido, brillante…, e mailo tono, que se asocia a froitas, rosa fresa, frambuesa, salmón, cereixa, picota ou rubí.

Na olfativa hai que arrecender co líquido parado e en axitación, recordando que se fai tanto por vía nasal coma retronasal (na boca) que é máis intensa. Para descritores asociase a determinadas froitas (cereixa, ameixas, moras, arándanos…), ou flores (rosas, violetas).

Na gustativa, apreciamos os sabores básicos (doce, salgado, amargo, ácido) e o seu tacto (suave, redondo, áspero…)

Practicamos a cata co mosto, demos un pequeno grolo, removemos na boca e deixamos que fluíran as súas propiedades. A diferenza dos profesionais non o cuspimos fóra, pero soubemos que é o habitual.

O que realmente nos interesaba nesta actividade era que aprenderan a poñerlle nome ás sensacións que lles produce algo que toman. Temos a seguridade de que de aquí en diante practicarán en máis dunha ocasión.

 

Velaí os resultados das dúas catas realizadas ata o de agora
Mosto 1

 

Son: bo (escuma ao escanciar). Cor: rosa alaranxado. Transparencia: non. Olor: a fresa. Gusto: doce, un chisco ácedo. Permanencia no padal: corta.
Mosto 2

 

Son: bo (escuma ao escanciar). Cor: rojo ciruela. Transparencia: non. Olor: a cereixa. Gusto: suave, moi doce coma a mel. Permanencia no padal: longa (ata dez minutos despois).

 

Como vedes estamos feitos uns expertos catadores.

 

Tomando unha bebida natural fixémoslle pór en funcionamento todos os sentidos e enriquecemos o noso vocabulario. E por riba a actividade é deliciosa. Que máis pedir.

Marmelo

En EncienciArte o 03/10/2011 ás 09:00

O pasado día propuxémoslles unha adiviña para resolver na casa coas súas familias; diciámoslles que se trataba dunha froita medio pera, medio mazá; da cor dun limón; duro e branco por dentro; cocido tornaba de cor caramelo; que se toma habitualmente como sobremesa acompañado con queixo; o seu nome en castelán ten nove letras e en galego sete.

Todos resolveron que se trataba do marmelo; houbo quen trouxo froitos e tamén quen nos agasallou con marmelo caseiro. Malia as reticencias iniciais dalgúns, todos  gorentaron un dos doces típicos nas sobremesas galegas.

Isto deu lugar unha sesión de coñecemento dos marmelos, das súas flores, froitos, variedades (mesmo conseguimos uns ornamentais talla mini), comparación das súas cualidades coas de outras froitas, proceso de elaboración, enlatado e ata a súa representación pictórica a mans do xenial Antonio López.

Pan de pipas de xirasol

En EncienciArte o 28/09/2011 ás 16:23

Se hai un palabra que poidamos atribuírlle á nosa aula é fértil. Todo cando plantamos medra e dá os seus froitos. A finais do curso pasado sementáramos xirasoles e realizáramos varias actividades sobre esta engaiolante planta para os nenos/as. Agora chegou o momento de recoller os froitos. Probamos as pipas, reservamos unha parte para os paxaros –tal e como foran os plans iniciais- e outra para volver a plantar a vindeira primavera -non quixemos que nos sucedera coma no conto de “Pirracas e as patacas” que comeron todas as patacas e non tomaron a precaución de deixar a semente para o ano seguinte polo que se acabou a colleita. O equilibrio dos tres terzos, unha lección de sostibilidade.

Coñecemos outros usos das pipas de xirasol: aceite, margarinas, e a máis antiga, moelas para facer pan.

Como remate elaboramos pan de pipas, tras o visionado dun time lapse da floración do xirasol –algo que non puidemos ver dado que coincidiu coas vacacións- e outro no que se aprecia a súa cualidade de xirar cara onde está o sol .

Cociñando ao pé da letra

En ActualizArte o 14/06/2011 ás 06:47

Hoxe preséntase no Casino de Santiago un libro delicioso, “Cociñando ao pé da letra”, unha creación da escritora Yolanda Castaño e da fotógrafa Andrea Costas, difícil de etiquetar; non podemos dicir que sexa un libro de cociña ao uso, nin de entrevistas, nin de relatos, pero é un pouco de todo iso. Vinte e un escritores e escritoras galegas amósannos as receitas dos pratos que marcaron a súa infancia, relátannos o vínculo emocional que teñen con el e elabórano diante do obxectivo fotográfico. Todo un reto e todo un alarde de creatividade literaria, plástica e culinaria. É un libro distinto, deses que nos gusta ter na casa.

A razón pola que o contamos no blog é porque llelo amosamos ao noso alumnado e quedaron totalmente engaiolados coas fotografías; para que logo digan que a comida non entra polos ollos. A paleta de pintor –a modo de prato- co iris de verduras de Carmen Blanco fixo que desexaran comer esa creación que enche os sentidos rotunda e sinestesicamente.

A empanada de libro, o libro pota, a cullerada de lectura, o caderno fresco de leituga, o baño de patacas de Helena Villar Janeiro ou as gafas de masa de millo de Fina Casalderrey, fixeron espertar a súa imaxinación infantil.

Todo un acerto da editorial Galaxia. Literatura, arte e cociña galega reinterpretada á luz dos tempos actuais. Desde aquí pódese ver o vídeo.

This slideshow requires JavaScript.

Maxi-super-extra-mini

En EncienciArte o 01/06/2011 ás 07:00

A raíz do comentario sobre un anuncio publicitario (limon&nada) dunha bebida refrescante, xurdiu o propósito de facer limoada.

Considerando que se traballan aspectos como:

-a alimentación saudable

-o proceso de elaboración de bebidas naturais

-os sabores e olores

-os sufixos e prefixos que atenúan ou intensifican cantidade e tamaño (maxi, mini, mega, super, -ísimo)

-o ciclo vital dunha árbore froiteira

-distintos tipos de texto: notas, pedidos, receitas

-palabras na lingua estranxeira (sweet, sugar, water, lemonade…)

Para coñecer a experiencia, ver a presentación.

Gordos enormes

En CativArte o 06/12/2010 ás 09:07

Así é como definiu o noso alumnado os personaxes da obra de Fernando Botero. Desde o pasado día 18, na Rúa do Villar en Santiago de Compostela, pódese ver a súa obra “El rapto de Europa”. Pedímoslles ás familias dos nenos e nenas que se nestes días de vacacións, tiñan ocasión de estar na vila, se lembraran de amosarlle esta escultura. Na clase vimos outras esculturas, e logo pinturas. De inmediato recoñecéronas como da man do mesmo artista. O seu común tamaño desmesurado foi unha boa pista –moitas delas pesan máis que todos os nenos e nenas da nosa clase e máis da clase do lado.

Non máis. Tan só se trataba de ver unhas imaxes e de coñecer unha noticia da súa cidade. Non narracións da vida do autor -tan só nacionalidade por coincidir coa de dous nenos da clase- non baterías de preguntas… Nada, tan só ver. Habería que ver a cantas exposicións íamos os adultos se antes-durante-despois das mesmas nos someteran aos mesmos interrogatorios, charlas, reflexións e actividades didácticas ás que se somete as criaturas. E logo estráñanos que non queiran saber nada da arte; conseguímolo a pulso.

Cítricos

En EncienciArte o 29/11/2010 ás 21:14

 A pasada semana dedicámonos aos cítricos. Aproveitando que están no seu momento, coñecémolos, probámolos, clasificamos as sensacións gustativas, olfativas e táctiles que nos producen, coma sempre medimos, pesamos, miramos coas lupas, cortamos, analizamos por dentro, comparamos prestando atención ao que os diferenza e o que teñen en común, fixemos zumes de cada un deles –tíñamos laranxas, toronxas, mandarinas, clementinas, sanguinas, limóns, limas, pomelos, kumkats-, fixemos composicións de cor, augas de sabores, etc. Rematamos cunha representación plástica, empregamos cera graxa e acuarela para acadar a transparencia das rodas dos cítricos. Logo tamén vimos algunhas obras de Fernando Botero nas que representa as laranxas. Toda unha interesante, aromática, gustosa e vitaminada proposta.

This slideshow requires JavaScript.

Unha cociña tan grande como…

En ContArte o 08/11/2010 ás 16:25

Xa que estamos a falar de alimentación, queremos reseñar tres publicacións da editorial Kókinos, no que o seu autor, Alain Serres, trata de achegar os nenos e nenas ao mundo da cociña e dos alimentos.

Una cocina tan grande como el mundo”, caderno de viaxe e libro de receitas que nos leva a descubrir receitas dos cinco continentes.

Una cocina tan grande como un huerto”, unha viaxe a través do mundo das froitas e hortalizas, con receitas, a súa orixe e forma de cultivo, historia e proverbios de varios lugares do mundo.

Una cocina toda de chocolate”, unha invitación a unha viaxe extraordinaria ao mundo do chocolate de do cacao.

Cabazas adxectivadas

En EncienciArte o 19/10/2010 ás 21:02

 

É tempo de cabazas. Nestes últimos anos as froiterías énchense de todo tipo e variedade de cabazas pequenas sabendo que serán do gusto dos máis pequenos, e que serán requiridas desde moitos centros educativos. Outro día xa falaremos do Samaín e do Halloween. Nós adiantándonos a todas esas tradicións populares, quixemos traballar e xogar coas cabazas. Ata o de agora, estas son as posibilidades que lle vimos: pesámolas, medímolas, fixemos estimacións, comparacións, adiviñámolas, falamos das súas texturas, cores, tacto, dureza, olor; coñecemos o seu ciclo; tratamos de acadar as mesturas de cores idóneas para pintalas; facemos hipóteses de como serán por dentro; organizamos series segundo a cor ou tamaño, etc. Como un chiscadelo amosámoslles cabazas cuadradas! Ou as montaxes fotográficas con cabazas de Anne Geddes. Mesmo recollemos distintas ilustracións da carroza de Cincenta. Ata pode que as empreguemos para o máis habitual no Samaín.

 

Cata de uvas

En EncienciArte o 04/10/2010 ás 18:12

Cando asistimos ás actividades de “A noite dos investigadores”, houbo un obradoiro que nos gustou moito o de “Cata de uvas” patrocinado polas adegas Terras Gauda no que se amosaban cando menos 20 variedades de uva galega, permitindo que os nenos puideran probalas, apreciar as súas diferenzas en canto á cor, tamaño, pebidas, follas da cepa –podían observalas no microscopio-; logo, esmagaban as uvas, obtendo o mosto que era degustado polos asistentes.
Pareceunos tan boa idea que tratamos de repetila na aula co noso alumnado. Pedimos uvas e -tras observalas, clasificalas, etiquetalas, e formular hipóteses sobre a cor do zume e viño que se obtería-, empregando uns espremedores de allos, reproducimos, a escala reducida, o proceso de obtención do mosto. Como se dunha cata organoléptica se tratara, catamos, degustamos, e tratamos de definir as sensacións que nos producía, tanto olfativas, como visuais ou gustativas. Ata chegamos a facer combinacións de distintas uvas. 

This slideshow requires JavaScript.


Na nosa zona, en moitas casas do rural, prodúcese viño para consumo propio, pero a día de hoxe, a meirande parte dos nenos e das nenas non saben nada do seu proceso de elaboración, quedan ao marxe desas tarefas; polo que lles amosamos un vídeo no que se recolle a vendima con nenos.  A partir de aquí, cómpre falar sobre o consumo do viño.

EnlatArte

En CativArte,FormArte o 04/10/2010 ás 18:00

Aínda non tivemos tempo de contar nada do curso “Leer para aprender”, ao que asistimos na UIMP en Santander organizado polo Ministerio de Educación dentro da súa oferta de cursos de verán. Pero neste momento estamos en proceso de redacción da nosa proposta de traballo para a fase non presencial. Pedíasenos que leváramos a cabo unha secuencia didáctica co alumnado na que se traballase conxuntamente a competencia lingüística coa competencia matemática ou coa competencia artística, de xeito similar ás que se poden ver no portal Leer.es e que foron amosadas na fase presencial do curso. Gustáronnos tanto as intervencións de Andrea Giráldez e de Javier Abad sobre arte comunitario, que non o dubidamos un momento. O noso proxecto titularase “EnlatArte”.

Partindo dun obxecto cotiá, as latas de conserva, presentes nos fogares de todos os nenos e nenas, faremos unha intervención artística na que todos poderán participar e incluso modificar continuamente. Ao mesmo tempo, traballaremos a competencia lingüística, a partir da etiquetaxe e da composición dos produtos enlatados; a competencia social e cidadá, a sostibilidade –recilaxe e reutilización- ; a competencia en interacción co mundo físico e social, coñecendo alimentos e formas de conservación; a competencia dixital, buscando información e imaxes; a competencia matemática, con medidas de magnitude, peso e volume; a competencia en autonomía e iniciativa persoal, centrándonos no consumo responsable; e como non, a competencia en aprender a aprender.

Un proxecto para estar enlatados e dar a lata todo o curso. Iremos contando.

Chucharías nos centros escolares

En InformArte,PremiArte o 30/09/2010 ás 22:14

O pasado 3 de setembro o Consello de Ministros aprobou o proxecto de Lei de seguridade alimentaria e nutrición. Como novidade, esta lei introduce aspectos relacionados coa promoción de hábitos saudables de alimentación e a prohibición de discriminación por obesidade.

Canto á alimentación no ámbito escolar, unha vez entre en vigor, a lei propón que a oferta alimentaria dos centros escolares sexa variada e axeitada ás necesidades nutricionais do alumnado, para o que se adoptarán as seguintes medidas:

-Os responsables da supervisión dos menús serán profesionais en nutrición e dietética.

-Os centros escolares proporcionarán ás familias información polo miúdo sobre os menús e as directrices para que a cea sexa complementaria.

-Nas instalación que o permitan, elaboraranse menús escolares adaptados a necesidades especiais dos nenos e nenas con intolerancias alimentarias.

-Non se permitirá a venda de alimentos e bebidas que non cumpran cunha serie de criterios nutricionais que se establecerán regulamentariamente.

Ben, está moi ben que isto estea regulamentado, aínda que xa se cumpría na meirande parte dos centros educativos que coñecemos. Coma sempre, os centros acaban sendo uns microcosmos onde todo está medido, correcto e en orde. Pero, que facemos coas chucharías que veñen nas mochilas, ou peor aínda, ás que se mercan e se comen a diario fóra da escola co consentimento e prace dos proxenitores? Xa temos escoitado argumentos de todo tipo que xustifican esta permisividade e irresponsabilidade por parte dos pais e nais.

Podemos asegurar que nos centros educativos hai un grande compromiso coa promoción de hábitos saudables, aínda que en moitas ocasións non se proxecte ao exterior. Nese senso, os Premios Estratexia NAOS son unha inmellorable ocasión de recoñecer esas boas prácticas escolares. Poden participar centros educativos. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 13 de decembro de 2010.

A noite dos investigadores

En EncienciArte o 23/09/2010 ás 23:43

O vindeiro venres, 24 de setembro, celebrarase “A noite dos investigadores”, unha acción para a divulgación da cultura científica que terá lugar en máis de 200 cidades de 30 países europeos. En España participan Oviedo, Murcia, Burgos, Girona, Santiago de Compostela e Las Palmas de Gran Canaria. A Comunidade de Madrid desenvolverá 18 actividades en 13 sedes de toda a rexión.

A Delegación do CSIC en Galicia lidera o proxecto na nosa comunidade coa colaboración do departamento de educación do concello de Santiago de Compostela.

Baixo o lema “Esperta na noite dos investigadores. Hoxe ceamos Ciencia”, os científicos empregarán os alimentos como fío condutor das súas explicacións, facendo experimentos, falando de ciencia, con documentais, xogos, etc.

No IES Rosalía de Castro, entre as 17:00-22:00h., poderemos asistir de balde as actividades recollidas no programa:

-Representación teatral: “Ciencia que alimenta”

-Obradoiros: “Que comía a xente dos castros? Banquete na Lanzada”; “Arenoglifos. Leva á casa o teu petroglifo”; “Mellorando o pan de millo”; “Os segredos da viña”; “Sal de mesa nos océanos”; “Mergúllate nas rías: despensa de peixes e mariscos”; “O nunca visto: o pasado baixo o microscopio”; “Arqueoloxía en 3D”; “Arqueoloxía nun clic: A Lanzada e Castrolandín”

Segundo recolle na carta de convocatoria, poderanse ver, tamén, exposicións e facer degustacións de produtos.

A ciencia ao alcance de todas as idades, especialmente dos máis pequenos.

O Xardín de Gulliver

En EncienciArte o 15/09/2010 ás 08:07

Este verán coñecemos un espectacular xardín-horta; o tamaño das súas hortalizas, froitos e aparellos para traballar a terra, XXL. Na vila medieval de Boulogne-sur-Mer , na Cósta de Ópalo francesa estaban a desenvolver un proxecto educativo para que os máis pequenos coñeceran a orixe de moitos dos alimentos que integran unha dieta saudable. Era algo que ía moito máis alá do que estábamos a ver na praza central; supoñía desde a plantación de distintas variedades de hortalizas –podíanse ver diferentes clases de tomates, de leitugas, de cenorias, de berenxenas– ata exposicións artísticas nas moitas galerías existentes. Realizábanmo en colaboración con centros educativos. A galería de fotos do Xardín XXL ou de Gulliver, ben paga a pena.

Nós, este ano queremos iniciar un proxecto de colaboración entre as titorías, os responsables do comedor escolar e as familias. Preto dun 40% do noso alumnado é usuario do comedor escolar, o restante, ás dúas da tarde vai comer ás súas casas ou ás dos avós. Non cremos necesario dicir que grupo de alumnado ten unha dieta máis equilibrada. Por non ser repetitivas, tampouco volveremos a falar de froitas e verduras. Pero algo teremos que facer, ou non? Cada ano sorpréndenos máis o anómalo crecemento dalgúns nenos, e especialmente das nenas; cada curso vemos as dificultades que teñen algunhas criaturas para comer, tal e como se espera que o fagan os nenos de 3, 4 ou 5 anos. Houbo un tempo, moi lonxano, no que a escola era un espazo onde se aprendían hábitos básicos que a familia non podía proporcionarlles; agora pode que pase o mesmo; antes era por ignorancia e por necesidade, hoxe por que é? Vemos que se fai preciso que a escola inculque hábitos saudables relacionados coa alimentación; que a escola ensine o comportamento correcto dun comensal, ao tempo que se converten en consumidores responsables. Bueno, poida que isto sexa prioritario, vaille na saúde.

Os nosos pasos: 1º merendas pautadas para todos os días da semana. 2º coordinación co comedor escolar que tamén dispensa os almorzos. 3º Consumo limitado de golosinas, doces e chucharías. 4º Implicación e responsabilidade das familias.

Un proxecto para traballar todas as competencias básicas, a escrita, a lectura, as matemáticas, as artes…; un fío condutor que dará pé a promover actividades desde os equipos de biblioteca, de TICs, de dinamización lingüística, de actividades extraescolares, de convivencia; a diversidade: cultural, celíacos, dibéticos, etc.; saídas escolares á Praza de Abastos, a invernadoiros, á Escola Galega de Consumo; será o eixo de todas as conmemoracións e celebracións escolares. Un obxectivo para traballar coordinadamente nos tres niveis, todo o ano, non en datas puntuais. Posibilidades non lle faltan. Iremos contando.

Froitas e verduras

En FamiliarizArte,InformArte o 05/06/2010 ás 09:00

Que lle pasa aos cativos coas froitas e verduras?, por que as rexeitan? Todos os estudos sobre alimentación infantil constatan que consumen cantidades moi por debaixo do que sería aconsellable; nestes, tamén se analiza, se estes produtos da horta se consumen habitualmente nas súas casas.

Tan só meter as palabras “verdura e nenos” nun buscador de Internet, e aparecen centos de resultados con consellos para introducilas escondidas, disfrazadas ou ocultas. Ao mellor o erro está aí, tratamos de enganalos, como se de algo malo se tratara. Nós, que temos organizado que cada día tomen un tipo de alimento no petisco de media mañá, sorprendémonos de como traen a froita os mércores: mondada, partida, esmagada, sen carabuñas -non vaia ser que a traguen-, oxidada, irrecoñecible pola falta de zume e de textura…, en tupper para comela con garfo ou culler, pero se os nenos sempre morderon e adentaron a froita e non lles pasou nada! Así, case ninguén comería a froita! Habería moito que falar sobre isto…

Nas escolas italianas, na entrada, a piazza, teñen unha pequena mesa co menú do día e os ingredientes que o compoñen: un repolo, lentellas, allos porros ou pasta, o que sexa, todo colocado cunha estética moi coidada e perfectamente etiquetado. Así, aínda que coman unha crema de verduras, saberán de que está feita, e como é ese alimento no seu estado óptimo de frescor. Malia que nos pareza estraño, moitos nenos non saben como é unha leituga ou un tomate antes de chegar ao prato. Aqueles comedores escolares reggianos eran como os dunha casa de aldea: alacenas con tarros con legumes, con pasta ou con conservas; ramalletes de herbas aromáticas secas, froitas de tempada, arranxos de mesa con produtos da gastronomía local. Deste xeito, están en contacto diario co que consumen e coñecen as súas distintas formas de preparación. Nos nosos comedores, pendurados das paredes están Mickey, Pluto, Goofy, Donald ou Daisy, que parecen as imaxes máis apropiadas para os ollos de nenos desta idade. Noutra ocasión falaremos de como cada día dous nenos/as axudan ao persoal de cociña a preparar a comida, a poñe a mesa e a servir aos seus compañeiros. Tan só manipulando, probando e saboreando os alimentos poden descubrir as súas propiedades, as súas características e sentir ganas de degustalos.

Malia que non somos partidarias dalgúns xogos de ordenador, descubrimos “Caras cocineras” que nos permitiu xogar a construír distintos rostros e expresións con froitas, ao estilo do libro “Que tal vexetal?”

Simuladores para formar a profesionais que atenden ao alumnado de 0-3 anos

En FormArte o 28/01/2010 ás 16:55

No marco do proxecto Agrega, o Ministerio de Educación en colaboración coas comunidades autónomas, están a elaborar materiais para as distintas familias profesionais da FP, neste caso para a Familia de Servizos socioculturais e de atención á comunidade.

A través dun simulador e interactuando con personaxes e obxectos, tanto nunha sala de profesorado como nunha aula co alumnado,  o usuario intervirá en diversos conflitos con nenos e nenas de entre 0 –  3 anos, e preparará o plan de prevención correspondente a cada caso.

Noutro simulador, o usuario actúa como un educador experto en alerxias alimentarias. Deberá distinguir os síntomas das distintas alerxias, descubrir que alimentos as producen e crear un menú especial para o caso.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores