A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘alfabetización s.XXI; tecnoloxía/escola’

Neve frita

In ActualizArte on 17/06/2011 at 07:50

A primeira conferencia do II Encontro Nacional Apfrato, correu a cargo do profesor Miguel Ángel Santos Guerra. Iniciouna facéndonos dúas preguntas ao auditorio: “Somos felices os docentes?”, “Imos contentos á escola?”. Neste momento seica está a dirixir unha tese sobre como envellecen os profesionais da educación no ensino; tratan de averiguar que é o que fai distinto a un docente doutro co que comparte o mesmo colexio, o mesmo currículo, o mesmo soldo, os mesmos dirixentes políticos…, onde radica a diferenza? Ao seu entender é nas emocións.

Na mesma liña que  no seu blog El Adarve, contounos o conto “A sala dos 1000 espellos”, no que un can vagabundo entraba nunha casa abandonada na que había unha sala con mil espellos; o can ao ver reflectida a súa imaxe, púxose moi ledo, ladraba e pegaba brincos, daquela veu que mil cans brincaban e ladraban coma el. Noutra ocasión entrou outro can e ao verse reflectido púxose moi rabioso e en actitude defensiva, ao igual que fixeron os mil cans que o miraban.

Pois seica isto é o que nos pasa a todas as persoas, e no caso que nos ocupa, aos docentes; a nosa actitude determinará, en grande medida, a actitude dos outros cara nós. Se non sabemos enfocar debidamente as nosas emocións non podemos laiarnos dos resultados.

Para el o obxectivo fundamental da educación non é o de encher mellor e máis rapidamente as cabezas dos rapaces con contidos senón o de como facelos máis felices, tal e como expón en “Corazones, no solo cabezas”. Porén hai que aprendelos a entender os seus sentimentos, para ilo hai que seguir un patrón de método arqueolóxico, que ten os seguintes pasos: o descubrimento do tesouro (os sentimentos), a excavación, a protección, e finalmente, a exposición do achado. Disto fala máis polo miúdo no seu libro “Arqueología de los sentimientos en la escuela”, ao que nos remitiu.

Rematou dicindo que non hai autoridade máis bela na educación que a do exemplo, xa que logo non se pode predicar o que un mesmo non fai; é dicir non se pode facer neve frita.

Impresionismo educativo

In ActualizArte,TICArte on 13/06/2011 at 15:00

O pasado día 3 presentouse no Museo Nacional Reina Sofía a publicación “Experiencias educativas en las aulas del siglo XXI”, editado por Ariel, promovido por Educared e Ciberespiral. Prologado por Jordi Adell, recolle experiencias innovadoras realizadas en todos os niveis educativos, desde infantil á universidade; entre outras colaboracións salientamos a de Tíscar Lara, Enrique Barreiro Alonso, Pedro Cuesta Morales, Azucena Vázquez ou Pilar Soro. Nós aportamos a nosa reflexión “¿Competencia digital o manejo de tecnología?”.

Na presentación Juan Miguel Muñoz, presidente de Espiral Educación y Tecnología, fala da educación como da Bela Durminte, referíndose ao actual estado de “apalancamento educativo”; da necesidade de volver aos postulados da vella Nova Escola e aplicalos a todo o que se pretende coa tecnoloxía educativa para non perder o sentido pedagóxico do que se fai; e apunta con optimismo a puxanza dun movemento, -unha especie de impresionismo educativo “ese que pretende plasmar a luz entre as sombras da nosa aletargada escola”-, no que se atopan os 112 profesionais do ensino que colaboraron na publicación. É para nós unha honra que nos consideren integrantes desa Escola Impresionista.

Paga a pena dar unha volta por esta exposición impresionista chea de luz, de creatividade e de novas miradas sobre a paisaxe educativa.

Premios a contidos educativos

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:02

Onte publicouse no portal educativo o borrador da convocatoria de axudas ás empresas para potenciar e produción e publicación de materiais educativos e de premios ao profesorado de centros públicos para o desenvolvemento de novos contidos educativos. Unha vez saia no DOG disporán de 1 mes para as subvencións e de 3 meses para os premios.

Malia que os contidos que se promoven están dirixidos ao 3º ciclo de EP e a 1º e 2º curso da ESO, quixemos analizar polo miúdo esta convocatoria porque non nos parece un asunto baladí, e pode ter moitas máis implicacións das que puidera parecer cunha primeira mirada superficial.

Estamos a falar dunha convocatoria de 1.200.000 €, que se dirixe prioritariamente ao tecido empresarial galego das TIC –nun momento no que o último informe das empresas TIC apuntan ao campo dos contidos dixitais como un “nicho” emerxente -e que reverterá finalmente nos centros educativos.

Estas iniciativas de traballo conxunto de dúas administracións públicas por un obxectivo común son do máis loables, porén, precisan dunha grande atención. Non se trata de que as empresas produtoras de contidos dixitais fagan tan só o que se pode etiquetar de educativo –primando xeralmente o técnico sobre o pedagóxico- senón de aproveitar debidamente estas actuacións que sexan saudables para todos os implicados e afectados.

Vamos por partes:

1º Establécese que se subvencionarán/premiarán contidos referidos a obxectos de aprendizaxe encadeados organizados en secuencias didácticas dirixidas ao 3º ciclo de EP e 1º ciclo da ESO (entendemos que se refiren ao 1º e 2 curso segundo a estrutura LOE en vigor). Ao tempo, promoverán a innovación metodolóxica e o enfoque plurilingüe na educación. Canto ao da innovación metodolóxica, ben sabemos que non é doado conseguila tan só a través dos materiais pois está máis relacionada con outros aspectos tales como o estilo docente. Canto ao de obxectos encadeados, podemos intuír ao que se refiren, pero poida que para o uso nas aulas fora  máis interesante que ofreceran recursos para apoio do docente, a modo de pequenas pílulas que complementen a súa exposición, sen condicionar totalmente a súa actuación. Quen lidera o acto educativo é o/a docente, non os materiais, quen converte un material en educativo é a acción dun docente, non a máquina.

2º Analizados os requisitos e criterios de valoración dos contidos atopamos os seguintes: adecuación á convocatoria (0-6p); valor pedagóxico (0-18p); volume de contidos (0-8p); innovación no uso das TIC (0-12p); gradación de aprendizaxes (0-9p); capacidade de motivación (0-16p); mecanismos de avaliación (0-12); transferibilidade (0-9p); usabilidade (0-10p).

a)     A adecuación curricular vai máis aló do tratamento de contidos contemplados nos currículos –nos que está case todo-, a adecuación curricular tamén se refire, á coherencia cos principios e filosofía dos currículos educativos, promover a autonomía, o aprender a aprender, a aprendizaxe significativa, etc.

b)    Non se establece a distribución deses rangos de puntuación; adxudicar un O ou 18 puntos pode ser relativamente doado, pero diferenciar que material se lle dan 12 ou 15 puntos xa non o é tanto, máxime cando se está a falar dun xurado ou comisión integrado por membros con distintos perfís profesionais, coa dificultade que entrañará a calibración das súas valoracións. Por outra banda, se alguén acadara O puntos nalgún deses apartados, debería ser motivo de exclusión, pois pola contra, podería darse a incoherencia de que un material con O valor pedagóxico, con altas puntuacións noutros apartados máis técnicos, recibira subvención.

c)     Aplícanse os mesmos criterios ás empresas que ao profesorado. Non sabemos ata que punto o xurado variará a súa visión, pois hai certos aspectos nos que nunha modalidade as empresas serán máis “expertas” e na outra serao o profesorado. Ás veces cando se valora o mesmo nas producións do profesorado ca nas das empresas, acaban resultando experiencias docentes máis salientables polo seu “frikismo” tecnolóxico que pola innovación didáctica. É un risco a evitar.

Estamos moi interesadas en que a produción de contidos educativos dixitais sexa un campo salientable na innovación empresarial en Galicia, tanto por estas empresas como por nós mesmas como usuarias ou mediadoras entre eses contidos e o alumnado, pero cremos que desde os primeiros momentos hai que diferenciar adecuadamente o que é válido educativamente falando do que pode ser lucimento tecnolóxico (para iso ilustramos esta entrada con esta imaxe). E para rematar, suxeriríamos que os técnicos/as que elaboren eses materiais se esquezan das consabidas e rancias mascotas infantilizadas que tanto abundan nese tipo de traballos. É relativamente doado, chequear un material cos seus futuros usuarios, e os rapaces adoitan ser bastante obxectivos.

 

Premio Internacional Educared 2011

In PremiArte on 09/03/2011 at 08:59

O Premio Internacional Educared 2011 está dirixido a docentes e alumnado de centros escolares de todo o mundo, consistente na realización de traballos coas TIC relacionados cos temas do currículo escolar. Hai varias formas de participación: docentes con alumnado; docentes sen alumnado e laboratorio de ferramentas. Establécense 3 premios por cada categoría e modalidade de participación. O xurado poderá adxudicar tres premios especiais a aqueles traballos que destaquen por: dirixirse a alumnado con n.e.e.; polo uso de tecnoloxía móbil/celular; por tratarse de traballos de colaboración entre distintos centros a nivel nacional ou internacional.

Consta de varias fases para a súa participación; o período de inscrición está aberto entre o 1 de marzo e o 2 de maio.

A fast food do pensamento

In ActualizArte on 18/02/2011 at 15:01

 

Imaxe de Gary Carlson.

Dun tempo a esta parte non hai blog de opinión que se prece que non amose a súa postura canto á tese de Nicholas Carr arredor de que Internet nos fai menos intelixentes, exposta en primeiro lugar no artigo “¿Google nos vuelve estúpidos?” e ampliada no libro “Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestras mentes?”. Si se introduce en Google a pregunta, de inmediato aparecen centos de resultados, mesmo con investigacións que avalan aos defensores ou aos detractores de Carr.

A parte da curiosidade persoal que poidamos ter por ser usuarias da rede, o motivo polo que seguimos dándolle voltas é polos efectos que poida ter no alumnado, máxime cando por unha banda se nos presiona para introducir nas aulas o uso de aparellos tecnolóxicos e por outra se nos fala da perda de concentración que estas supoñen na realización das tarefas instrumentais. A fin de contas, nós, somos persoas que vimos doutra cultura, entón faranos tontos/as en función da capacidade e propensión que teñamos para ser tontos ou tontas. Isto é unha banalización, pero en resume, e acordes co símil que establece Carr, moverémonos en augas superficiais ou en augas profundas segundo sexamos destros nadando, mergullándonos, flotando ou só salpicándonos coa información presente na rede.

Emporiso, gustounos o artigo de Daniel Innerarity, “Complejidad, formación, creatividad”, publicado en Cuadernos de Pedagogía nº 409, no que expón que o saber máis valioso hoxe é saber o que non se necesita saber. A sociedade do coñecemento comporta novas dificultades, competencias e esixencias. É tal o contraste entre o que sabemos co que se pode/debe saber que cumpriría chamala “sociedade do descoñecemento”.

Non podemos procesar toda a información que nos chega. Na actualidade estar ben formado significa ter desenvolvido unha habilidade especial para aniquilar información -a fast food do pensamento-, sabendo enviala á  papeleira e esquecéndoa.

A galaxia Internet

In ActualizArte on 16/02/2011 at 20:59

Recibimos con alegría a noticia de que a USC publica en galego o clásico de Marshall McLuhan “A Galaxia Gutenberg”, -fito do pensamento contemporáneo-, prologado por Darío Villanueva.

Fai cincuenta anos, este controvertido visionario anticipou a idea da aldea global, da galaxia internet, dos medios fríos e os medios quentes, e da influenza dos medios electrónicos nas formas nas que nos interrelacionamos.

Aí atrás relíamos “El medio es el mensaje. Un inventario de efectos”, que por un erro tipográfico admitido polo propio autor, publicouse en 1967 co título de “El medio es el masaje”.

Chamábanos a atención que malia que nos separa case medio século, as súas opinións sobre o desfase entre a educación e a realidade social, son rabiosamente actuais, como se pode apreciar na seguinte cita:

“Hai un mundo de diferenza entre a aula e o ambiente de información eléctrica integrada no fogar moderno. Ao neno televidente de hoxe afínaselle co diapasón das noticias “adultas” ao minuto: inflación, disturbios, guerra, impostos, delincuencia, beldades en traxe de baño, e queda perplexo cando ingresa no ambiente do século XIX que caracteriza aínda o sistema educacional, con información escasa pero ordenada e estruturada por patróns, temas e programas fragmentados e clasificados. Trátase, naturalmente, dun ambiente moi semellante ao de calquera fábrica, cos seus inventarios e liñas de montaxe. (…)

O neno de hoxe está medrando absurdo porque vive en dous mundos e ningún deles o impulsa á medra. Medrar; esta é a nosa tarefa, e ela é total. A mera instrución non abonda.”

Profético!

Arte fresco

In CativArte on 14/02/2011 at 14:01

Recentemente expuxéronse en París máis de 200 debuxos do inglés David Hockney –polo que sempre tivemos debilidade- feitos sobre iPhone e iPad. A meirande parte deles son “Flores frescas”, que o artista debuxa cada día para enviar as súas amizades e que posteriormente foi modificando durante o tempo que durou a exposición.

Hockney crea  os debuxos directamente cos dedos sobre a pantalla, modificando tintas de cores e superpoñendo diferentes trazos de distintos tamaños e grosores. Neste vídeo podemos ver algunhas das obras expostas.

Este artista do Pop Art, soubo ir adiantándose a todos os tempos; no vídeo “Painting with the light” podemos ver como alá polos oitenta empezou a crear arte dixital. A través do seu web podemos facer un seguimento da evolución do artista, desde as súas piscinas, ata a actualidade.

Amosamos tamén dous vídeos do proceso de creación artística en iPad de  Simon Bull, flores e xirasois.

Un novo concepto de arte efémero e da forma de compartilo. Poida que haxa que ir amosándolle ao alumnado estas novas formas de arte dixital, máis achegado á súa realidade ca outras moitas magnas obras do pasado.

Videoxogos

In RebelArte,TICArte on 19/01/2011 at 15:39

Iustración de Carlos Nava

Aínda non nos recuperamos da impresión que tivemos a semana pasada cando algúns dos nosos alumnos/as -3 e 4 anos- nos dixeron que recibiran como agasallo de Nadal maquiniñas de videoxogos.

Ben sabemos que en moitas ocasións, os pais regalan aquilo que a eles lles gustaría recibir; ben sabemos que en moitos casos é un xogo compartido –e somos partidarias dos tempos que comparten pais e fillos-; ben sabemos que os nenos e as nenas teñen que xogar aos xogos do seu tempo; ben sabedes, a través das entradas deste blog, que somos moi partidarias de desenvolver a competencia dixital no noso alumnado; ben sabemos que os videoxogos poderían ter unha repercusión positiva nas aprendizaxes dos rapaces, ata o noso admirado Eduard Punset trata ese tema na entrevista que lle fai a Marc Prensky, experto en educación do futuro. Pero, recordade que estamos a falar de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Non precisarán doutro tipo de xogo que desenvolva aspectos relacionais, sociais e de creatividade infantil? Atendendo ao pouco tempo de lecer do que dispoñen, non sería máis conveniente empregalo correndo, saltando, brincando…, en definitiva, xogando? O tempo que lle dedicarán aos videoxogos restaranllo á televisión?, simultanearán os dous medios?, durmirán menos ou convivirán menos cos outros? Preguntámoslle todos os días se xogaron, cando xogaron e con quen xogaron, e non pensedes que as súas respostas son tranquilizadoras. E non temos nada en contra dos videoxogos!

Xeracións interactivas

In TICArte on 18/12/2010 at 08:59

No ano 2009 o Foro de Generaciones Interactivas da Fundación Telefónica, desenvolveu un proxecto de investigación no que se enquisaron a 13.000 nenos e nenas para coñecer a relación dos menores coas diversas pantallas como Internet, os videoxogos o teléfono móbil ou a televisión.

Considerámolo de moito interese para coñecer cal é o uso e a importancia que lle dan os máis novos ás distintas pantallas, pois cremos que os profesionais da educación non nos podemos manter ao marxe da realidade na que vive o noso alumnado.

Analiza polo miúdo diversos aspectos, de entre os que salientamos:

-Os ciberfogares; a existencia da Xeración Interactiva explícase desde a convivencia actual dos nenos e adolescentes con múltiples dispositivos TIC. Na actualidade, o ordenador compite coa televisión en nivel de penetración; a partir dos 10 anos o 82% ten acceso a Internet, e o 29% emprega móbil, son tamén a xeración móbil, autodidactas e autónomos no seu uso. Son moi precoces canto ao uso das TIC, sendo pouco conscientes dos riscos que isto entraña.

-Canto a cuestións de preferencias segundo o xénero, os nenos inclínanse máis polos videoxogos e as nenas polos formatos que lles permiten a comunicación, principalmente os móbiles.

-A xeración de pequenos usuarios dá paso a unha nova xeración de creadores: o 39% dos menores xa ten web ou blog propios.

-Aproveitan ao máximo as pantallas para actuar en cinco eixos fundamentais: comunicar, coñecer, compartir, divertirse e consumir.

-Teñen unha necesidade de atención simultánea –non sabemos se a capacidade- que se reflicte na acción: un 75% ten o móbil activo mentres estudan e un 73% ve a tele mentres come ou conversa coa familia.

-A escola é un ámbito de referencia real e potente; os menores recoñecen aos seus docentes como referentes no uso das pantallas.

O reto que xurde agora é establecer unha nova mirada sobre as oportunidades que ofrecen os dispositivos TIC ao tempo que agroman. Isto é, tamén, un compromiso para a escola.

Puentes al Mundo

In ActualizArte,TICArte on 14/12/2010 at 20:29

 

Puentes al Mundo é un espazo dedicado a promover as conversas en español arredor dos temas educativos. Son unha comunidade de docentes de Latino América e España que desde o ano 2008 comparten as súas experiencias na rede e o uso das TIC na aula a través dun programa de radio en internet en directo e podcast educativos no seu web.

Desde aquí podedes acceder ás últimas gravacións, consultar a súa programación ou enviar propostas.

Tamén podedes atopalos en Twitter e Facebook.

Contoplanet

In ContArte on 11/12/2010 at 09:32

Probamos a oportunidade que nos ofrece Contoplanet de descargar de balde desde a tenda de Apple Store a aplicación que se fixo arredor do libro de Fina Casalderrey e Andrés Meixide, “Puag que noxo”, e certamente cremos que é moi salientable como unha editora galega, Galaxia, se proxecta de cara ao futuro.

Alí mesmo podemos ler que “ContoPlanet é unha aplicación de contos infantís para iPhone e iPad, que converte cada historia nunha experiencia emocional, intuitiva e amable. Seleccionamos unha serie de contos pertecentes á colección Arbore, da Editorial Galaxia. Cada conto foi dixitalizado, traducido a tres idiomas e narrado por profesionais. Engadíronse zonas táctiles, efectos de son e animacións, de modo que podemos desfrutar cada conto de diversas formas, con múltiples combinacións que o fan diferente e especial.

  • Todos os contos inclúen tres idiomas, así como a opción de amosar e ocultar os textos do conto.
  • Poderás ver e escoitar os contos de forma automática, como se se tratase dunha película, na que a historia vai pasando sen necesidade de tocar a pantalla.
  • Tamén poderás pasar as páxinas do conto de maneira manual e desfrutar así con zonas táctiles interactivas, sons, efectos de paso de páxina, animacións e movementos dos personaxes en preciosos escenarios con vida propia.
  • Os usuarios máis atrevidos poderán substituír a voz do narrador nos contos pola súa propia, dedicar o conto a alguén e incluso ocultar os textos e cambiar a historia ao seu antollo, creando así o seu conto personalizado.
  • Outra interesante posibilidade é a de seleccionar os textos do conto nun idioma e a narración noutro, algo fantástico para practicar e aprender idiomas.”

Sabemos que, polo de agora, eses dispositivos non chegaron á escola, pero tamén sabemos que hai outros moitos eidos, coma o familiar, nos que hai que incidir no fomento da lectura e da lingua galega, adaptándose aos novos tempos e mudando os discursos trasnoitados.

Parabéns a Galaxia. Polo que puidemos ler no seu blog, unha semana despois da súa posta en marcha, xa levan máis de 1000 descargas desde 35 países. O producto galego no mundo, un motivo de satisfación para todas e todos os galegos.

Informe OCDE 1:1 en educación

In TICArte on 09/12/2010 at 15:11

O Instituto de Tecnoloxías Educativas (ITE) vén de presentar a tradución do informe da OCDE “1:1 en Educación: prácticas actuales, evidencias del estudio comparativo internacional e implicaciones políticas”. Trátase dunha análise das iniciativas 1:1 (un ordenador para cada alumno) adoptadas en moitos países e avalía os resultados do acceso dos rapaces 24 horas ao día, 7 días á semana a un dispositivo TIC con conexión a Internet.

Tras unha introdución xustificativa do informe, vai debullando:

-As oportunidades e riscos de 1:1 con perspectiva internacional; pescuda nas razóns de que se estea a investir en 1:1; en como se está apoiando ao profesorado e ao alumnado; e apunta as conclusións principais.

-Que sabemos sobre o impacto do uso das TIC en educación, se isto axuda a que emerxan novos modelos ou contornos de aprendizaxe; como melloran os resultados do estudantado; e se 1:1 axuda a salvar a división dixital en educación.

-Finalmente trata as leccións aprendidas e as implicacións nas políticas.

Non dá resposta nin sobre a efectividade/custe nin sobre os impactos educativos do 1:1, tan só eleva as mesmas preguntas que nos facemos moitos e moitas profesionais do ensino, que se resumen no que segue:

Baséanse na crenza de que capacitando ao alumnado para conectarse a Internet e conectarse entre si, pódese contribuír a salvar a fenda dixital ao tempo que transforman a educación para axudar mellor ás necesidades sociais. Porén, os obxectivos destes programas son: proporcionar destrezas TIC, minorar a fenda dixital e mellorar a calidade do ensino. Pero as preguntas que xorden de inmediato son: que razóns políticas hai detrás destas iniciativas?; cantos e que tipo de parceiros están participando?

O profesorado precisa dunha visión clara de cales son os obxectivos de aprendizaxe xa que, como ben sabemos, a dispoñibilidade de tecnoloxía informática, de seu, non terá ningún impacto nos estilos docentes ou de aprendizaxe. Os programas 1:1 dependen en gran medida do profesorado para que teñan éxito.

Canto aos resultados académicos do alumnado, detéctase un impacto positivo sobre as destrezas TIC e de expresión escrita, así como unha asociación máis modesta entre 1:1 e mellora noutras áreas académicas como as matemáticas.

A desigualdade no uso das TIC podería provocar unha “segunda fenda dixital”. A equidade non pode reducirse ao acceso a aparellos tecnolóxicos. O alumnado con capital cultural alto pode beneficiarse das oportunidades de aprendizaxe asociadas ás TIC, pero o resto do alumnado non, entón, como se beneficiarán os máis pobres e os menos capaces con estas reformas?

A meirande parte das avaliacións realizadas ata o de agora son descritivas do proceso de implementación e do deseño do programa, aínda non se sabe nada da relación entre implantación e resultados académicos. O uso de dispositivos TIC en iniciativas 1:1 varía moito entre centros, dependendo fundamentalmente do profesorado.

Polo tanto sería un bo momento para pararse e analizar resultados ou para facer os axustes precisos, recordando que un ordenador por neno no é unha fin en si mesma e ten un custe moi elevado como para non saber en que se traduce.

Falsos mitos na escola 2.0 (2ª)

In TICArte on 09/12/2010 at 15:08

Hai tempo que queríamos traer aquí algunhas das achegas do profesor Jordi Adell, coas que coincidimos plenamente e que se poden seguir na súa páxina persoal. As súas reflexións, certamente, cremos dan na clave do problema, polo tanto tan só vamos a reproducir textualmente algúns fragmentos e recomendar a súa lectura completa.

Sobre as iniciativas 1:1, en “Primer análisis sobre la escuela 2.0

“Si algún alto responsable de los proyectos Escuela 2.0 a nivel autonómico lee esto, por favor, dedique unos miles de euros este año a un análisis independiente de los efectos educativos del proyecto. Necesitará un buen diagnóstico de la situación para seguir tomando decisiones. SI puede ser, uno en el que no aparezcan docentes diciendo que los ordenadores “motivan a los niños”, por favor. Un estudio independiente y público que muestre si realmente ha cambiado lo que se hace en las aulas desde que los niños y niñas acarrean ordenadores al colegio. Aunque, todos sospechamos lo mismo. ¿Esperaremos otro año quizá para reconocer públicamente que cacharros sin formación y sin soporte no cambian nada? ¿O no haremos ningún análisis?”

Sobre os contidos e libros dixitais en “Carta a los editores de los libros de texto

“El error, su error, es creer en las propiedades mágico-didácticas de los “contenidos”. Señores, los contenidos, sin docente, se llaman libros y bibliotecas, hace años que tenemos y, que yo me haya enterado, no han acabado con las escuelas, ni las universidades. Los maestros y maestras educan, sus libros son, o eran en su tiempo, una ayuda. Igual que la Internet ahora.” (…)

“En fin, creo que el mundo va en una dirección y Uds. están anclados en el pasado. Les ha ido bien, y les va bien ahora mismo, pero pónganse las pilas. Porque, si tengo a la misma distancia, un clic de ratón, una exposición del Museo Británico sobre Egipto, quizá su unidad didáctica sobre el arte egipcio me parezca un poco “cutre” y encima trabajo con la de Inglés. Si tengo las programaciones de otros docentes, quizá la suya me sepa a poco para hacer la mía propia, y si puedo trabajar junto a otras cinco escuelas estudiando un tema “sobre el terreno”, con datos actualizados en tiempo real, y los estudiantes pueden publicar sus resultados en la red, quizá sus actividades sugeridas me sepan a cartón, si en sus libros digitales, cada vez que profundizan en algo, me remiten a vídeos o páginas de la Internet, quizá piense que todo lo que necesito ya está en Internet y que gastarse mis impuestos en algo que se puede conseguir gratis, pues no está claro. El día que los docentes se den cuenta que esos cañones y pizarras digitales se pagan con sus impuestos… En fin.” (…)

“Por otra parte, tienen razón en un tema. La administración juega a dos barajas (o su mano izquierda hace una cosa y la derecha otra) y no debería ser la autora de los materiales de enseñanza. Lo mejor que podría hacer es subvencionar a los grupos de docentes más didácticamente innovadores para que  los hicieran y los compartieran gratuitamente por la red. De hecho dichos grupos ya lo están haciendo sin que les ayuden demasiado desde arriba.” (…)

“Finalmente, permítanme una reflexión final. Eso que están “buscando”, el libro de texto digital, no lo encuentran porque no existe. Y no existe porque quizá no tenga sentido en estos tiempos que vivimos. En la época en la que el acceso a la información era costoso y difícil, un libro de texto tenía mucho sentido: todo lo que merece ser sabido en el curso en un solo sitio, ordenadito y semidigerido. Gran ayuda para los docentes. Eso, hoy, en la era Internet, es sencillamente impensable.” (…)

“El problema es que los docentes que quieren libros de texto digitales son precisamente los menos innovadores y los menos comprometidos con el aprendizaje de sus alumnos (esto levantará algunas ampollas, pero alguien tiene que decirlo). Eso los padres lo descubrirán pronto, si no lo han descubierto ya. Del mismo modo que los centros que se niegan a usar los portátiles deberán dar explicaciones a las AMPAS. Y las escuelas que se aferren a los libros de texto teniendo toda la Internet a su disposición, posiblemente tengan pronto mala fama.” (…)

Pouco máis se pode engadir, tan só instar a que se faga unha reflexión seria sobre as iniciativas 1:1 que aínda estamos a tempo de reconducir antes de que se boten a perder pola falta de visión sobre os obxectivos que se perseguen, sobre os materiais necesarios e sobre o profesorado que debe empregalos.

2º mito por terra: os libros de texto dixitais non existen. Polo de agora, o que hai “2.0” son os antigos libros en soportes modernos.

Navega con rumbo

In TICArte on 29/11/2010 at 21:11

A Consellería de Educación e O.U. vén de presentar o programa “Navega con rumbo” co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa das vantaxes e perigos da rede. Conta cunha páxina web na que se poden atopar guías para o alumnado, profesorado e familias, nas que basicamente se recollen enderezos nos que atopar información sobre programas de control parental e normas para que os máis cativos empreguen a rede.Conta tamén cun Glosario de termos relacionados coa rede e coa navegación pola mesma. Esta acción inclúe tamén unha rolda de visitas informativas polos centros educativos.

Unha boa e necesaria iniciativa xa que o uso de Internet tamén conleva moitos riscos.

Pola contra, hai tres aspectos que non nos gustaron moito:

-As imaxes que se empregaron para ilustrar os materiais, máis ca da sociedade da información e do coñecemento parecen de “Cuéntame”.

-O uso dos @ -malia que está moi estendido para aludir ao feminino e ao masculino- non se xustifica nin sequera nunha publicación sobre o ciberespacio.

-Non acabamos de entender por que os deseñadores de material dixital, cando queren dirixir unha mensaxe aos máis pequenos consideran que deben incluír quebracabezas ou xogos de emparellar imaxes, pois estes exercitan a memoria visual e a orientación espacial, pero teñen unha escasa ou nula incidencia  na adquisición de contidos. Máxime cando se lles está tratando de inculcar que a rede serve para algo máis que para o ocio (comunicación, información).

Nubes de palabras

In AlfabetizArte,TICArte on 08/11/2010 at 16:26

Estamos probando as posibilidades de dous programas gratuítos xeradores de nubes de palabras, con distintos formatos visuais, Wordle e Tagxedo.

Wordle. No blog Educacontic recollen os pasos a seguir para a elaboración dunha nube, titoriais e incluso aproveitamento didáctico desta ferramenta. Úsanna en niveis superiores pero nós consideramos de utilidade para o traballo coa lingua escrita e probamos a facer:

-Os nomes de todo o alumnado da clase, posteriormente xogan a recoñecelos, ao poñer o cursor enriba resáltase.

-Os nomes dos membros da súa familia ou amigos.

-Palabras que nos gustan.

-Palabras difíciles.

-Familias de palabras, ou campos semánticos.

-Poemas

Tagxedo é similar, coa diferenza de que pode elixir as formas das nubes de palabras –froitas, flores, animais, mans, pés…-, en Wordle tan só podía decidir a orientación –horizontal, vertical, H/V. En ambos os dous pódese elixir a fonte, tamaño, cores, etc.

Cambios na lectura e nas bibliotecas

In ActualizArte on 21/10/2010 at 14:59

Os cambios que se están a producir asociados á puxanza do libro dixital van a supor mudanzas en todos os ámbitos relacionados coa lectura: na forma na que se le, nos tempos dedicados á lectura, nas estratexias lectoras, nos espazos dedicados aos libros, etc. Dosdoce.com é un observatorio que analiza o impacto das tecnoloxías no sector cultural; creado por Javier Celaya autor de varios libros e estudos sobre o uso das novas tecnologías na estratexia de comunicación e marketing.

Porén, no Día das bibliotecas escolares queremos recomendar a lectura de varios artigos publicados en Dosdoce.com

E non vale pensar que iso aínda está moi lonxe.

Informe Horizon 2010

In TICArte on 21/05/2010 at 18:15

O Proxecto Horizon ten como obxecto identificar as tecnoloxías emerxentes e analizar a repercusión que terán no campo da educación, da aprendizaxe, da investigación e da expresión creativa. Estudan, nesta edición, seis novas tecnoloxías: computación en nube, contornos colaborativos, móbiles, aprendizaxe baseada en xogos, realidade aumentada, pantallas flexibles.

Informe completo en inglés e resumo elaborado polo ITE.

Alfabetizacións múltiples

In ActualizArte on 16/02/2010 at 00:11

O nº 398 de Cuadernos de Pedagogía , de febreiro de 2010, aborda no “Tema del mes” as alfabetizacións múltiples. Os aparellos tecnolóxicos do século XXI levan consigo a comprensión doutras linguaxes e códigos culturais que posibilitan que o alumnado, actuando como emisor activo -xa non só como receptor pasivo-, adquira e exercite a fala, a escrita e desenvolva habilidades de pensamento crítico.

Inclúe unha entrevista a Henry Jenkins, considerado o McLuhan do século XXI, quen afirma “è preferible pensar nun mundo no que os estudantes aprenden cun libro na man e un rato na outra, que nun no que se lle ensina que a cultura do libro é tan fráxil que ten que ser protexida fronte ao ordenador”. Nesta mostra a súa visión de como coexisten e se complementan a cultura dixital e a do libro, e de como esta sairá reforzada. Fala tamén das achegas dos conceptos de cultura participativa e de intelixencia colectiva ao eido da educación e do rol que deberá asumir o profesorado.

A entrevista a Henry Jenkins pódese consultar nos gratuítos de CP, así como no seu blogue, no que se recolle unha versión máis ampla da entrevista en catro partes, “El aprendizaje en una cultura participativa: una conversación acerca de los nuevos medios y la educación”, e artigos de interese publicados noutros medios. Recomendamos “Los niños como narradores de historias: la fabricación de TikaTok”.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 1.592 segidores