A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘0-3’

San Miniato: unha maneira de facer infancia

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:03


No primeiro que nos insisten en La Bottega di Geppetto cando nos explican os servizos comunais de atención á infancia é que a súa prioridade non é a conciliación senón a oferta de algo que é necesario para os nenos/as. Queren garantir que, sendo voluntaria a asistencia, aínda así exista unha praza para cada alumno; ese é o seu reto. Na rexión da Toscana están moi comprometidos coa infancia. Mesmo lle ofrecen ás familias a posibilidade de que sen asistir diariamente poidan acudir ao centro para relacionarse, nenos e pais. Son totalmente contrarios aos “paquetes horarios” porque a eles interésalles prioritariamente o benestar dos nenos/as, non a comodidade das familias.

Teñen 10 servizos, nos que acollen 180 criaturas (80 quedan fóra). Do seu custo o 40% é aportado polas familias e o 60% a comunidade. Hai 3 centros comunais, 2 privados e 5 xestionados por cooperativas. Para ilo hai unha comisión que vela pola calidade dos centros privados que solicitan permiso de apertura para evitar diferenzas.

O nido Pinocchio foi o primeiro en abrir, fai 30 anos. Este é o que visitamos e que nos serve de referencia. Acollen nenos de 3 a 36 meses, cunha ratio de 3 por adulto.  Á entrada hai unha zona de filtro, unha zona de psicomotricidade e logo tres laboratorios: de lectura, de teatro, e da cor/manipulación (nun luminoso patio interior acristalado). Na zona de manipulación vemos tarros cheos de pastas, de area, de cunchas e pedras, todo ao seu alcance, alí manexan material natural, de recuperación, e material non estruturado. A zona de disfraces/teatro está chea de espellos e estruturas que permiten colgar telas para facer teatro; tamén teñen cámaras fotográficas para tomar imaxes dos nenos cando se transforman cunha tea. Gustounos a idea de ter un estor colgado do teito, con xaneliñas a distintas alturas que se baixa para facer teatro, e cando non recóllese e non estorba nin resta espazo. As instalacións do centro complétanse cunha sala de xuntas, tanto para persoal como para entrevistas con familias. O horario diario do centro e o calendario anual está exposto á entrada, xunto coas fotografías e postos das persoas que traballan no nido: 9 educadoras, 2 coidadoras e unha auxiliar permanecen alí desde que abren ata que pechan.

Pola tarde, divididas en tres grupos, visitamos outras modalidades dos servizos: un de xestión privada –Pollicino-; outro de cooperativa –A Fata Turchina-, no que hai unha área de encontro e xogo –Il Paese dei Balocchi-; e outro público –Mastro Ciliegia-, no que finalmente nos reuniron a todas para facer unha posta en común e responder ás nosas preguntas.

En calquera caso, o máis importante, a filosofía do proxecto educativo de San Miniato, xa tiveramos ocasión de aprecialo e comprendelo durante a observación da mañá.

San Miniato é unha realidade única, comprometida e respectuosa coa infancia. Un referente a a ter en conta.

A idea que se ten sobre a infancia é un constructo social, e certamente, gústanos como a “edifican” en San Miniato.

Aquí pechamos a nosa “expedición pedagóxica 2012” a Italia. O grupo, como dixemos ao principio estaba conformado por 12 mestras de infantil, 1 especialista de inglés en EI, 1 profesora do CS de EI e 1 responsable do programa educativo Preescolar na Casa. Un monllo de profesionais comprometidas coa mellora da educación infantil en Galicia, que tivemos ocasión de reflexionar –seguiremos facéndoo- sobre o modelo de atención á infancia que lle estamos dispensando á sociedade. Especialmente interesante, para nós, foi a visión das compañeiras máis relacionadas co ciclo 0-3, que, coas súas opinións e achegas nos fixeron caer na conta da fenda existente entre o 0-3 e o 3-6 –semellante ao que sempre criticamos entre infantil e primaria-; do descoñecemento que temos sobre o que os nenos/as fan antes de chegar ás nosas mans. Isto, como xa temos dito en moitas entradas do blog, ten unha solución moi fácil: temos que establecer unha relación entre os centros 0-3 e os 3-6. A administración educativa, non parece caer na conta desta necesidade, porén a iniciativa ten que partir dos equipos directivos, docentes e responsables educativos municipais. Temos que saber os uns dos outros, xa que logo, os nosos “usuarios” son os mesmos. Isto ten que ir máis alá dunha mera visita de acollida; ten que ser unha relación cotiá e constante, non son mundos diferentes, non sexamos nós, as que cos nosos prexuízos, non facilitemos esa transición, que nalgúns casos é dura para os nenos e nenas. Todas/os traballamos polo mesmo: a educación da infancia, iso é o que nos ten que unir.

San Miniato: slow life

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:02

Aproveitamos o tempo que nos deixaron para xantar para subir a San Miniato, a cidade medieval que se atopa no cumio dunha montaña, pois as escolas están na zona nova, na zona baixa. Na metade do camiño de ascenso, un indicador infórmanos de que entramos nunha Cittaslow, algo que puidemos comprobar no reducido tempo que alí permanecemos.  Só algo máis de 100 cidades no mundo poden lucir o logotipo do caracol, xa que logo deben cumprir ao menos con cincuenta indicadores da calidade de vida saudable, da ausencia de estres, das tradicións, etc. En palabras dos seus promotores –este movemento que naceu na Toscana- buscan cidadáns interesados nos vellos tempos, en cidades con prazas, teatros, tendas, cafetarías, hospedarías, lugares santos, paisaxes virxes, artesáns fascinantes, onde o home recoñece a importancia da lenta sucesión das estacións co movemento do bo produto caseiro que respecta o gusto e a saúde das tradicións espontáneas.

Nesta fermosa vila chea de rica arquitectura, tradicións e arte, nótase a calidade de vida dos seus cidadáns. Xente que se despraza en bicicleta polas empinadas rúas que conducen ao castelo; outras sentada nas portas das casas ou dos comercios con produtos locais colocados de tan atractivo modo que nos fan parar a cada intre, restaurantes slow, e outros moitos detalles (como o próximo festival de cometas para que os nenos/as elaboraron os carteis anunciadores) fan que máis dunha, fantasíe coa idea de vivir nun sitio así.

Detémonos na descrición deste lugar, porque nada é casual; só nun sitio como San Miniato e no que se vive de tal xeito, se poden concibir unhas escolas cunha filosofía educativa como a que teñen.

O movemento slow comezou coa slow food, logo fíxose extensivo á slow life, apostando por unha desaceleración do ritmo de vida actual, para máis tarde transferirse ao ámbito educativo coa slow education, cuxo representante máis coñecido é o mestre rural italiano Gianfranco Zaballoni, quen estableceu un decálogo de dereitos naturais para os nenos e nenas, que recollemos a continuación:

1º Dereito ao lecer, a ter tempos non programados polas persoas maiores.

2º Dereito a ensuciarse, a xogar coa area, coa herba e coas follas, coa auga, coas pedras e coas pólas.

3º Dereito aos cheiros, a percibir e recoñecer o arrecendo da natureza.

4º Dereito ao diálogo, a escoitar e poder tomar a palabra, e a conversar.

5º Dereito ao uso das mans, a martelar puntas, a cortar e lixar madeiros, pegar, moldear a terra, ligar cordas.

6º Dereito a un bo comezo, a almorzar con produtos sans desde o nacemento, beber a auga limpa e respirar o aire.

7º Dereito á rúa, a xogar nas prazas libremente, a camiñar polas estradas.

8º Dereito ao monte, a construír un refuxio-xogo nas fragas veciñas, a ter guaridas onde agocharse, árbores polas que agatuñar.

9º Dereito ao silencio, a escoitar soprar o vento, ao canto dos paxaros, ao escorrer da auga, ao bater do mar.

10º Dereito aos matices, a ver o amencer, o solpor, o entre lusco e fusco, a contemplar a noite, a lúa e as estrelas.

Estes son, ao noso entender, os principios polo que se rexen nas escolas de San Miniato, porén, ao volver a encontrarnos coa responsable da Bottega di Geppetto, tratamos de confirmar as nosas percepcións. Preguntámoslle se aquí se aplicaban os postulados da pedagogia della lumaca, da educación lenta; meditou un chisco e respondeunos que si.

Para nós é igual a denominación que queiran poñerlle a este modelo educativo, se hai relación ou non entre a slow education e San Miniato, o realmente importante é o respecto aos tempos e intereses da infancia.

San Miniato: unha realidade slow

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:02


Desde que saímos a primeira hora da mañá de Pistoia cara San Miniato, todo parecía estar preparado para predispoñernos ao que alí atopamos. Unha distancia de 30 km que fixemos por estradas locais, que transcorrían por paisaxes que se corresponden con esa imaxe estereotipada que todos temos da Toscana, semioculta pola bruma, pero que permitía intuír sendeiros de cipreses que conducen a villas no alto de cotarelos coas ladeiras cubertas de oliveiras e romeu en flor. Atendendo ao noso obxectivo, tivemos que resistirnos a moitos pequenos pobos con casas apoleiradas que convidaban a quedarse en cada un deles. Cara o final do traxecto abre o día, entón a visión é de estampa.

Segundo as indicacións do GPS, chegamos a un sitio perdido no medio da nada, o que nos fixo pensar en que erráramos ao introducir as indicacións. Pero non, alí estaba a Bottega di Geppetto, o centro de documentación e formación das escolas de San Miniato, onde nos impartiron unha sesión de inmersión no proxecto educativo desta comunidade.

Deseguido, leváronnos á escola Pinocchio, onde nos amosaron parte das instalacións e logo distribuíronnos en grupos de 4-5 polas distintas “aulas”. Inicialmente, estábamos desconcertadas. Pedíronnos que sentáramos e que non interviñeramos  na escena que íamos observar, o momento do xantar, ás 11:45. Quince nenos/as de idades mesturadas de entre 1 e 3 anos, xunto con tres adultas (a educadora, a asistente e a auxiliar), sentados nas mesas nas que antes estiveran xogando, agora preparadas para a comida cos seus manteis, vaixelas, cubertos, vasos e panos, ao igual que en calquera casa. Nada era de tamaño infantil, nin de plástico. Con moita calma e ritualidade, cada neno/a foi servíndose a sopa, e cando todos estiveron listos, comezaron a comer pola súa man, con unha corrección e naturalidade que nos deixou abraiadas. A adulta que comía canda eles, non estaba alí para corrixir, senón para ser modelo e exemplo. Simplemente comía, e de cando en vez, dáballe unha cullerada a aqueles que tiñan menos idade, malia que se defendían con solvencia. Poderíamos dicir que os escoitaba cos ollos e cos oídos, axudándolles cun xesto ou cunha palabra, máis ca cunha explicación. Como unha familia, conversaban con tranquilidade, e rematada a sopa, cadaquén puxo o seu prato no carriño, e volveron a repetir o ritual de servirse o polo con patacas esmagadas, así como a auga cunha xerra. Por certo, por se queda algunha dúbida, todos tiñan cara de estar felices, relaxados e ben mantidos. Isto durou o que debe durar unha comida pracenteira compartida con amigos. Ninguén lles meteu présa, ninguén deu ningunha orde, pero todo discorría cunha calma que se nos foi metendo a nós no corpo e nos fixo xurdir moitas preguntas tale como: como é posible que nas nosas escolas sexan carrexados para o comedor coma manadas, que coman amoreados, que sexan ameazados se non lles gusta a comida, ou desde cando se converteron estes momentos en comidas de traballo ou en repostaxes no circuíto …

Alguén se pode estar preguntando se viaxamos a Italia para ver a uns cativos comendo polo con patacas; pois poida que fora necesario ver que hai outras maneiras de facer máis serenas e respectuosas cos tempos da infancia, que obteñen mellores resultados malia que non son máis custosas; fixemos a conta sobre o persoal que hai nos nosos comedores e vén a saír o mesmo, pero ca diferenza de que uns son “provedores”, e outros son persoas que comparten un momento grato.

Rematada a comida, todos colaboran na recollida e limpeza, e tras iso, van acubillarse xunto a educadora que nun confortable recanto, reparte cóxegas, aloumiños ao tempo que le un conto en voz alta. Mentres tanto, de un en un, ordenadamente van pasando xunto a auxiliar a cambiar os cueiros; volven sen roupa, descalzos e case todos con chupete pasan para un espazo tenuemente iluminado no que hai quince colchóns; collen as súas mantiñas e almofadas e déitanse a durmir.

Nós entre pasmadas, engaioladas e marabilladas, rematamos aquí a proveitosa visita a este centro de atención á infancia –nunca mellor empregada esa denominación-; como apreciaredes, visto o visto, nin sequera nos importou que non nos deixaran tomar fotografías. Xa vimos o que había que ver e iso non hai imaxe que o poida transmitir. É para pensar, a atmosfera apacible na que viven estes nenos no centro, non podemos recollela cunha cámara. Que ninguén nos fale de asistencial ou educativo. Cómpre recordar que son criaturas de 12 a 36 meses. Tan só dicir que é así como nos gustaría que fosen atendidos os nosos fillos/as, e todos os nenos/as.

Pistoia XI: Il Faro e Piccolo Blu

En FamiliarizArte,FormArte o 20/04/2012 ás 07:15

A Toscana cunha taxa de 29,8% é a primeira rexión de Italia en acollida de nenos/as de 0-3 en Asili Nido e noutros servizos como Spazi Gioco e Spazi Piccolissimi, cando a media estatal se sitúa nun 13,8%. Hai 10 Asili Nido comunales que atenden a 503 cativos, cun costo anual de 6.330€.

Canto a Scuole dell´Infanzia, 3-6, as escolas comunais acollen o 40%, as estatais o 37% e as privadas o 23%. O costo anual dun neno/a é de 4.362€, dos que o 55% é asumido pola comunidade, o 35% pola familia e o restante 10% polas achegas de fondos rexionais e estatais.

Estes datos son do ano 2009. Para orientarnos, en España, segundo a publicación “Sistema estatal de indicadores de educación. Edición 2011”, no ano 2008, o gasto medio por alumno de infantil é de 4.826€.

Sen dúbida, en Pistoia, empréganse os cartos de forma ben distinta: persoal, espazos e establécense fortes vínculos coa comunidade. Iso marca a diferenza, unido a unha participación real das familias nos servizos educativos.

Este aspecto, a participación das familias, é o que máis chama a nosa atención na visita a Il Faro e Piccolo Blu. Cantidade de detalles que observamos indícanos que esta participación non é retórica nin se limita ao establecido polas canles formais. Hai máis, aquí os pais e nais teñen o seu lugar. Hai información por todas partes para que sexan coñecedores da filosofía do centro, das actividades que se realizan, documentación á vista, etc. E eles colaboran na mellora deste entorno para os seus fillos e fillas. Na entrada hai un curioso libro no que se recollen as “habilidades” dos pais/nais, a súa dispoñibilidade horaria e o material que precisarían. Aquí hai sitio para todo tipo prestación que se poida/queira facer para o centro: ler contos, cantar, facer arranxos, decorar, coser, facer pompas de xabón, patchwork, etc. Unha grande idea que se pode apreciar nas fotografías.

Para entender como debe ser a participación das familias na educación dos seus fillos/as, recomendamos a lectura do artigo ““Establecer puentes de diálogos con la familia: los escenarios para la relación”” de María Riera Jaume, da Universidade das Illas Baleares, gran coñecedora das escolas italianas.

Ver presentación.

Nidi Blu

Profesionais da educación non nannies

En RebelArte o 12/09/2011 ás 07:06

Escoito unha cuña publicitaria dunha recoñecida corporación de formación a distancia. Unha voz dunha entusiasta moza di “Trabajo en una escuela infantil. Tengo en clase 20 niños y los siento como míos.” De inmediato música de fondo e pasan á promoción dun ciclo superior de Técnico en educación infantil. Rematan dicindo “¡Tu también puedes ser como María!”

Non son unha obsesiva, pero cando escoito novas relacionadas coa educación préstolle máis atención –especialmente cando creo que reflicten a visión que a sociedade ten do noso traballo e logo, como é lóxico, tiro as miñas conclusións.Partindo da premisa de que os publicistas non son parvos –e menos os que traballan para estas grandes empresas-, e de que falan dun “emprego con futuro”, reflexiono mentres conduzo:

1º A quen se están dirixindo?: a mozas –non se lles escapa a feminización desta profesión- ás que lles “gustan os nenos” e sentilos coma seus.

2º Que lle gusta escoitar ao público?: que as educadoras senten os nenos coma seus, que son case que  mamás.

A seguridade de María faime dubidar. Levo nesta profesión moitos anos e polo de agora nunca sentín os nenos coma meus, o que me leva a pensar se me equivoquei nas miñas eleccións.

Ou non!

Se me permites que che dea un consello querida María, estimados publicistas e sociedade en xeral, ese anuncio é unha banalización da nosa labor social.

Sen dúbida aos que nos dedicamos ao ensino téñennos que gustar os nenos -e as nenas-, pero, e sobre todo, tennos que gustar a labor educativa. Porque só gustándonos e sentíndoos como nosos podemos facer moitas cousas que nada teñen que ver coa educación formal.

As mestras e as educadoras non somos nannies, nin mamás de reposto, somos profesionais da educación, acompañamos e guiamos ás criaturas no seu proceso de medra, na súa formación integral como individuos, como persoas e como cidadáns. Sabemos da importancia do establecemento dun apego seguro na escola, dos afectos e das emocións nos cativos, pero tamén sabemos que si se manteñen relacións maternofiliais entre a mestra e os alumnos, algo vai mal, por un lado ou polo outro. As nais teñen que facer de nais e as mestras de mestras; aquí non vale o de tanto monta, monta tanto.

Queridas Marías, a educación como profesión de futuro non é xogar ás casiñas. Polo tanto cando vos pregunten por que queredes ser mestras/educadoras non digades tenramente que para “sentir los niños como míos”; a min faríame sospeitar.

Logo pasa o que pasa…

A atención á diversidade é atender ás diferenzas ou á igualdade?

En ActualizArte o 20/12/2010 ás 21:19

A pasada fin de semana estivo en Compostela Battista Quinto Borghi -recoñecido experto en educación italiano e director da revista electrónica infantiae.org- con motivo da xornada formativa para o persoal das escolas da Rede 0-3. Dunha entrevista concedida ao xornal “La Voz de Galicia”, entresacamos esta cita, que daría para un tratado, e estamos nun momento no que facía falla que alguén lle puxera voz ao que moitos profesionais intuímos e debatemos en círculos máis reducidos. “Yo creo que la escuela pública debe abordar los derechos universales de los niños, no los específicos, las diferencias deben tratarse en la comunidad del menor, no en la escuela.”, continúa dicindo que se ten feito moito mal en nome da diversidade, e é certo, pero como non é políticamente correcto dicilo, todos calamos e somos incoherentes co que pensamos; por un lado somos conscientes de que nos desbordan as diferenzas e non podemos atendelas todas, e por outro enchemos a boca e os discursos de palabrería non acorde coa nosa praxe.

A Quinto Borghi témolo escoitado noutros foros, temos lido e recomendamos algunhas das súas publicacións ás que se pode acceder na rede como:

 “Educar en el 0-3. La práctica reflexiva en los nidi d´infancia”, editado no 2007 por Graó, no que fala, a  partir da súa experiencia nas escolas infantís 0-3 de Italia; un servizo educativo que na actualidade vive unha profunda evolución.

Neste vai analizando o que se entende por boas prácticas en educación; cal é o perfil do/a profesional que traballa en 0-3 que se move entre o sentido común e a competencia profesional. Nunha segunda parte, recolle distintas prácticas relacionadas co período de adaptación, cos espazos e co devir cotiá da escola infantil.

Los talleres en educación infantil: espazos de crecimiento”, un clásico, publicado en Graó no 2005. Presentado e prologado por Miguel A. Zabalza, nel indaga sobre a razón dos talleres en EI, as súas raíces, a metodoloxía, e finalmente prácticas de taller, no que atoparemos exemplos como: taller do corpo e do movemento; taller de conversas e de palabras; taller das cousas, do tempo e da natureza; taller do espazo, da orde e da medida; taller das mensaxes, das formas e dos medios de comunicación; ou taller da identidade persoal.

Intencionadamente fuximos da tradución taller/obradoiro, como reivindicación da filosofía e modos dos atellier das escolas italianas. Quixemos facelo así porque cremos hai moito confusionismo arredor diso. Escoitamos moitas veces que a xente traballa por proxectos, ou ten organizada a aula por recantos, ou realizan obradoiros, e -non sendo nós unhas puristas- isto non se corresponde para nada con esas nomenclaturas e cos discursos que subxacen detrás desas etiquetas. Temos visto poucos proxectos que se diferencien de secuencias ou unidades didácticas; poucos recantos que se diferencien de currunchos nos que entreter aos cativos; poucos obradoiros que se diferencien dunha liña de  produción en serie industrial, daí a matización.

Calidade da educación infantil

En ActualizArte o 20/12/2010 ás 21:18

Nas xornadas formativas para persoal das escolas 0-3 tamén participou Vicenç Arnaiz,  -experto en políticas de infancia, calidade en educación infantil, atención á diversidade, formación de profesionais da primeira infancia, xestión de servizos para a primeira infancia e as familias e en propostas didácticas innovadoras na educación infantil-, disertou sobor “A educación da primeira infancia perante as novas necesidades das familias e das nenas e nenos”.

Vicenç Arnaiz é director do equipo de orientación educativa e psicopedagóxico de atención temperá de Menorca, presidente do Observatori da Infancia de Menorca e asesor da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) en calidade de experto en educación infantil, entre outras actividades. Con anterioridade foi director do Instituto para a Educación da Primeira infancia do Govern das Illas Baleares e asesor externo do Ministerio de Educación para cuestións relacionadas coa educación infantil. Recomendamos a lectura de publicacións de Arnaiz tales como:

Las maestras de infantil son las nuevas abuelas”, publicado en Cuadernos de Pedagogía nº 353. Tras este título -que nos fai rexeitalo inicialmente, hai unha clara reivindicación do carácter educativo do ciclo 0-3 –foi publicado no 2006- e unha concepción das escolas infantís como “talleres de crianza”, espazos de intercambio familiar –non espazos nos que se deixa ás criaturas cunha “canguro”-; sigue dicindo que calquera nai que cría necesita referencias, alguén que a anime, que a guíe e que a oriente, por iso afirma que as mestras son as novas avoas.

Día a día… El oficio de crecer”, publicado por Graó en 2005. Prologado por Rigoberta Menchu, recolle os seus artigos publicados ao longo de vinte anos nun xornal local, Menorca, cos que pretendía falar de educación e reflexionar sobre o feito educativo coa xente de a pé.

Los trucos del formador: arte, oficio y experiencia”, publicado por Graó no 2007. Neste libro de autoría colectiva, Vicenç Arnaiz encárgase do capítulo 11, no que comparte cos lectores os seus segredos, estratexias e trucos para preparar unha sesión formativa.

 

Vimos dicindo aquí, en varias e reiteradas ocasións que un dos retos que ten pendente a educación infantil é a coordinación dos dous ciclos que integran a etapa. Unha mágoa que en ningún dos foros nos que se congrega aos profesionais da educación infantil se contemple esa posibilidade. Parecen mundos independentes, distintas titulacións, distintos horarios, distintas atribucións…, pero non é toda a etapa educativa?, non traballan coas mesmas criaturas?, non están uns preto dos outros?. Non será preciso que alguén promova a posibilidade de que os 0-3 saiban o que se fai en 3-6, e que os 3-6 coñezan como viven na escola 0-3 os seus futuros alumnos. É que só nos interesa a nós?, é ben raro! Ou será que as cuestións orzamentarias, burocráticas e dependencia administrativa impiden a relación deses dous mundos complementarios.

Mágoa!, outra oportunidade de mellorar a calidade da educación infantil desaproveitada.

Termómetro da educación

En ActualizArte,FamiliarizArte o 15/11/2010 ás 21:02

Botar unha ollada polos andeis de novidades nunha librería é unha das mellores maneiras de coñecer por onde van os tiros en educación, de cales son as inquedanzas e preocupacións sociais canto á atención dos máis cativos. Isto é o que vimos hoxe.

-“Las madres nunca se equivocan”, de Giovanni Boella, editado en Los libros del silencio con prólogo de Javier Urra. “Describe de modo tan detallado como accesible los principales momentos de la evolución del niño, analiza las actuales circunstancias de la familia y la educación en el ámbito cotidiano y, por encima de todo, apela al sentido común y a la intuición de los padres, a menudo abrumados por las advertencias tanto de quienes señalan el riesgo de traumatizar a los niños por nimiedades como de quienes buscan la disolución de la autoridad de los progenitores.”

-“Los errores de papá y de mamá“, de Giovanni e Antonella Astrei en Rialp. “No es nada fácil ser padres. Para ayudarles a serlo, este libro muy práctico plantea 135 posibles errores que cabe cometer en la crianza y educación de los hijos; para evitar otras tantas y similares equivocaciones. Simpáticamente ilustrado, ha nacido de la experiencia profesional de los autores y, sobre todo, de las vivencias familiares con sus propios hijos.”

-“La mejor guardería, tu casa”, de Eulalia Torres de Bea en Plataforma Editorial. “Este libro trata fundamentalmente de esta contradicción y sugiere la necesidad de ayudas laborales y económicas a los padres para que puedan realmente conciliar su vida familiar y su vida laboral y criar saludablemente a su bebé.”

-“Guía práctica para abuelos con nietos”, de Isabel Agüera en Toromítico. “Las cada día mayores exigencias de la sociedad actual, marcada por una competitividad laboral acuciante, conllevan que los padres se vean a menudo en la necesidad de dejar a sus hijos al cuidado de los abuelos. Éstos se encuentran así ante una tesitura singular. De un lado les complace enormemente hacerse cargo de sus nietos, cuya compañía les agrada y rejuvenece; pero de otra parte su libertad de acción se ve restringida y el peso de los años les impide atenderlos en plenitud de facultades.”

A saúde mental na infancia

En EmocionArte,InformArte o 19/10/2010 ás 21:01

O pasado 10 de outubro foi o Día Mundial da Saúde Mental, unha conmemoración que ten como obxecto concienciar á poboación de que “Sen saúde mental non hai saúde real”. A saúde mental é algo máis que a ausencia de enfermidade, está relacionada coa promoción do benestar, a prevención de trastornos mentais e o tratamento e rehabilitación das persoas afectadas polos devanditos trastornos.

Boa saúde mental nos nenos e nenas pequenas significa poder desenvolver relacións interpersoais seguras, sinceras, expresar as súas emocións e interactúar adecuadamente cos outros. O que sucede nos primeiros anos de vida ten unha importancia crucial no posterior benestar mental das persoas. Nisto coinciden todos os estudosos da infancia, entre eles, Sue Gerhardt psicoterapeuta de Oxford, entrevistada por Eduard Punset no programa Redes 447, “El cerebro del bebé” -vídeo e entrevista-, onde nos falan de que a mellor maneira de previr os problemas de saúde mental é prestándolle máis atención aos bebés, aos más cativos, que é cando empezan estas cousas. No mesmo programa Sue Gerhardt dá a súa opinión sobre que as familias envíen aos seus fillos as garderías para que se “socialicen”. Sostén que “Cuanto más sabemos de neurociencia, más claro resulta que hay muchos problemas en la sociedad (ya sea la conducta antisocial, o los trastornos de la personalidad o la conducta, los pacientes en centros de salud mental… no hablo de la esquizofrenia, sino de trastornos de la personalidad y depresión y problemas de este tipo) que están muy, muy relacionados con la primera infancia, así que si queremos proteger a la sociedad de las consecuencias de este tipo de conductas…”.

Entidades locais e educación da primeira infancia

En ActualizArte o 19/10/2010 ás 21:00

O pasado 14 e 15 de outubro, tivo lugar en Madrid o “Encuentro entre entidades locales: educación para la primera infancia“, un foro de debate onde se tratou o papel dos municipios na escolarización do primeiro ciclo de EI. En España na actualidade, acadouse a taxa de cobertura do 34,1%, e o 70% do total de centros públicos son de titularidade municipal –preto de 3.000.

A máis de procurar a conciliación da vida familiar e laboral das familias, a educación da infancia tense revelado como un elemento determinante no posterior devir académico do alumnado.Polo tanto, a calidade do servizo que se presta á cidadanía e aos máis pequenos, os espazos nos que se acollen, a formación do persoal que os atende, os materiais que se empregan, e as metodoloxías que se aplican, son aspectos a ter en conta desde dos departamentos educativos dos concellos. Como se pode ver no programa, aos asistentes entregáronselle modelos de documentación e protocolos de actuación con respecto á xestión eficaz dunha escola infantil. Unha mágoa que o ministerio non publique eses materiais no seu web, de seguro que serían de utilidade.

No programa vemos os títulos das interesantes intervencións ao longo destes dous días, pero non sabemos se foi tratada a tan necesaria coordinación entre os centros 0-3 e 3-6. Así mesmo, descoñecemos se se tratou a oferta educativa municipal non formal ou informal dirixida á primeira infancia. Referímonos a todos os servizos e persoas que interveñen cos máis pequenos ao longo de todo o día. Recordemos que iso tamén ten unha vertente educativa: os programas madrugadores, os comedores escolares, as actividades extraescolares, as ofertadas desde as bibliotecas, ludotecas, etc. En máis dunha ocasión temos comentado que a FEGAMP podería tomar a iniciativa de que os concellos elaboren unha carta de servizos á infancia, ao estilo do que se fai en Reggio Emilia. Explicitar con claridade a finalidade educativa de todas as intervencións coa infancia e coas súas familias. O só feito de escribir esa carta de servizos podería axudar a mellorar a calidade da atención, superando a barreira do indicador cantidade.

Obxectivos da Educación para a década 2010-2020. PLAN DE ACCIÓN 2010-2011

En ActualizArte,LexislArte o 07/09/2010 ás 00:01

O pasado 17 de xuño, o Consello Europeo marcou as metas a conseguir daquí ao 2020 para mellorar os niveis de educación. Tendo como referencia ese documento, a nivel estatal e como punto de partida, estableceuse un Plan de acción 2010-2011, cun conxunto de actuacións específicas que se revisarán e renovarán anualmente.

Este plan de acción que se artilla sobre os 12 obxectivos europeos, apoiarase nunha serie de programas como son:

-a mellora do rendemento escolar do alumnado

-a modernización e flexibilización do sistema educativo

-a modernización e internacionalización das universidades

-o impulso ao aprendizaxe de linguas estranxeiras

-un plan estratéxico para a Formación Profesional

-a información e a avaliación como factores para mellorar a calidade da educación

-a formación do profesorado

-a dimensión social da educación en todos os niveis

Nada novo e nada vello. Estes obxectivos tanto podían ser válidos fai dez anos como poderán selo dentro de cincuenta anos. Non fai falla consultar a bola de cristal. O único que pode diferencialos son as medidas nas que se traduza.

Lemos con moito interese as fichas nas que se concreta o paquete de medidas planificadas polo goberno español porque, cando nos remitiron este Plan de acción, alguén nos indicou que as referidas á educación infantil, estaban recollidas, na súa meirande parte no obxectivo xeral 1º: “El éxito educativo de todos los estudiantes” (pag 28-42). Confeso que mentres esperaba a que se abrira o documento pensei que por fin se ía ter en conta a importancia determinante da EI, tanto para o desenvolvemento persoal como para o futuro discorrer académico do alumnado. Tamén pensei que o ministerio faría mención á necesidade de ir un paso máis alá no ciclo 0-3, non falando só de provisión de postos escolares, senón de promoción da calidade efectiva deste primeiro chanzo educativo. Supuxen que, sendo como é un ciclo no que a meirande parte das prazas ofertadas son en centros privados, contemplaría a supervisión do carácter educativo por parte da inspección. Ata esperaba ver algunha referencia ao fomento da coordinación entre os dous ciclos infantís, 0-3 e 3-6; e como non, que se instara ás comunidades autónomas a que dunha vez, estipularan os requisitos mínimos dos centros 0-3 –algo que veñen adiando desde o ano 2007.

Ben, das 15 medidas previstas para a consecución deste primeiro obxectivo, que contan cunha dotación de preto de 200 millóns de euros, tanto para o 2010 como para o 2011, as catro primeiras refírense a EI; son as que segue:

1. Ampliar e avaliar o Plan Educa3, aumentando a oferta de prazas no primeiro ciclo de Educación Infantil.

2. Transformar de maneira progresiva, en prazas de EI, a oferta de atención aos nenos de 0 a 3 anos de idade que non está considerada como tal.

3. Aumento da oferta de prazas para ciclos formativos de Grado Superior de EI.

4. Recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e de aprendizaxes non formais obtidos en centros para atención a nenos de 0 a 3 anos e oferta de formación para obter o título de Técnico Superior en Educación Infantil.

Sabemos que un documento programático coa amplitude do Plan de Acción non pode ter un gran nivel de concreción, pois esta característica converteríao en algo de difícil lectura e interpretación; sabemos que as actuacións polo miúdo dependerán das distintas comunidades autónomas. Tan só queremos recordar que a calidade en infantil hai que cifrala en algo máis ca en “ladrillos”, persoal ou materiais. Pero iso ben pode lograrse a través da formación do profesorado, da innovación e da ordenación académica.

Confiamos en que a estas alturas non sexa preciso convencer a ninguén do valor da educación infantil; para nós, tanto como a universitaria.

E ti… vas á escola?

En EmocionArte o 05/06/2010 ás 09:01

 Como apuntábamos na entrada anterior, nos centros nos que traballamos, neste momento estase preparando a visita do futuro alumnado, os nosos veciños da escola 0-3. Previamente, as mestras que en setembro se farán cargo dos novos grupos de 3 anos, irán á escola 0-3 a coñecer o contexto no que pasaron os seus primeiros anos. Como agasallo, o noso alumnado, preparoulle un cadro co poema “E ti? … vas a escola?”, de Azucena Arias Correa, recollido na publicación “O proceso de adaptación”. A finalidade é facelo chegar ás mans dos seus proxenitores co motivo de chamar a atención sobre un feito relevante na vida dos nenos e das nenas: a entrada na escola. Emocionante, de entrada na vida de “maiores”, ao tempo que pode  provocarlles desacougo, ansiedade e anguria.  

O primeiro contacto coa escola é determinante, en función de como este se realice terá repercusión no posterior rendemento e benestar emocional dos nenos e das nenas, tal e como expón, Heather Geddes no seu libro “El apego en el aula”, publicado en Graó.

E ti… vas á escola? AS DÚBIDAS DO PITIÑO
O pitiño branco / de crista vermella / comeza hoxe a escola / do medio da eira.
Intúe que a escola / é algo importante / porque no poleiro / só fan preguntarlle:
-E ti?… vas á escola? / -Cando á escola irás? / -Se non vas á escola… / non aprenderás.
Onte pola noite / non pechaba ollo, / estaba nervioso / con todo ese embrollo.
O pitiño branco / non dorme, non soña, / faise mil preguntas / sobre iso da escola:
Haberá unha mestra?, / ou un educador?, / será un sitio frío?, / fará nel calor?
Que fago cando entre?, / terei que sentar? / Se non teño sitio… / poderei marchar?
Alí hai moita xente… / coñecerei a alguén? / Con quen xogo se … / non coñezo a ninguén?
E se quero caca / ou facer pipí… / a quen llo debo eu / comentar ou dicir?
Se vou ao retrete / saberei regresar? / Quen a cremalleira / me axudará a pechar?
E se cando acabe / non me veñen a buscar… / que fago? marchar? / ou porme a chorar?
Estas e outras dúbidas / fanlle presentir / que iso da escola / non é para si.
Cando dorme, soña / coa avoa galiña. / Que emocionada / está a probiña!
-Como pasa o tempo! / Onte inda era ovo, / e hoxe o meu neto / é un alumno novo!
Espertou outra vez / ás tres da mañá / e lembrou as cousas / que lle mercou papá:
Un lapis, uns folios / unhas cores, un traxe… / Moitas máis cousas / que se vou de viaxe!
O galo ergueuse / e chamou ao pitiño, / a pola mandou / bulir un pouquiño:
-Hai que bulir un pouco, / xa pasa da hora / correde ou non chegamos / cediño á escola.
Será que a escola / -pensa o pitiño- / se vai desprazando / cada minutiño?
Ai que nervios teño! / Xa estamos chegando / con pitas e pitos / eu voume atopando.
O pai, o galo / está preocupado…: / que fará o pito / cando estea esgotado?
Se a escola é -cavila- / o mellor que hai … / por que lle treme todo / á miña bela nai?
Que é iso que soa? / Que é ese timbre?… / Non entro, non quero, / as miñas ás resístense.
Mamá dame bicos, / voume suxeitar, / forte, moi forte, / non me hei soltar.
Chegou o momento, / xa teño que entrar, / saúdanme na porta… / isto vaime gustar.
Papá e mamá / quedaron un pouquiño / por se tiña medo / de ficar soíño.
… Aos poucos días / vai seguro á escola, / está pouco tempo, mais todo controla.
E é que esta escola, / a escola da eira, / ten un plan de entrada / que é de primeira.

Calidade en 0-3

En InformArte o 03/06/2010 ás 15:43

O nº 55 da revista Aula de Infantil, dedica un monográfico á calidade na xestión en educación infantil. As colaboracións de Vicenc Arnaiz, Alejandro Tiana ou Cristina Brullet, entre outros, tentan aportar algo de luz sobre un tema do que aínda queda moito que falar; máis alá da creación de escolas 0-3 e de postos escolares.

Apúntase a ausencia de desenvolvemento normativo, no que a requisitos mínimos do centros e dos profesionais se refire. Vólvese unha vez máis sobre a necesidade de que, como ciclo educativo que é, se faga un seguimento e avaliación dos centros 0-3. Fálase da importancia da etapa na posterior evolución académica dos escolares. Radiográfase a formación dos profesionais que atenden aos máis cativos e dos directivos dos centros. Descríbense cales serían os indicadores de calidade dos centros: de resultados, de procesos, de recursos, de custe; o que pode conducir a introducir cambios de mellora. E finalmente, recórdase que a calidade do ciclo non pode ser valorado polo número de prazas, malia que esta medida satisfaga as necesidades sociais, hai que procurar algo máis, unha boa actuación educativa.

Hai centros 3-6 que neste mes de xuño aproveitarán para facer unha xornada de acollida aos nenos e nenas que o vindeiro curso se escolarizarán no centro. Ben sabemos que é unha cuestión de vontade, non hai nada estipulado ao respecto, depende do bo criterio e sentido común dos equipos directivos dos centros 0-3 e 3-6. Pero non hai máis que pensar na repercusión deste sinxelo feito, é case unha maneira de recoñecernos, cadaquén no seu ámbito pero cos mesmos nenos e co mesmo obxectivo. Visitemos nós as escolas 0-3, vexamos cal é o ambiente ao que están acostumados os nosos futuros alumnos, e permitámoslle que coñezan os centros 3-6, as aulas, os espazos, os xoguetes. Estes xestos farán que o “apego” ao centro facilite a súa incorporación no mes de setembro. Non todo o que facemos debe virnos determinado pola normativa.

Ao fío disto recordamos un vídeo realizado co patrocinio da Comunidade Europea para amosar bos criterios e dúas prácticas dos servizos de educación infantil tomando como exemplo centros de Dinamarca e de Reggio Emilia en Italia. Divídese en dúas partes: ¿Se siente un color? I  e  II.

Creación de 20 escolas de 0-3

En InformArte o 19/02/2010 ás 01:52

No BOE do venres 12 de febreiro, publícase o convenio subscrito entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para a creación de 20 novas escolas públicas de 0-3, ao abeiro do Plan Educa3, centros que pasarán a integrar o Rexistro Estatal de Centros docentes non universitarios. O investimento é de 5 millóns de euros por parte do ministerio e Galicia asumirá polo menos o 50% do custe. As localidades e número de unidades son: Betanzos (5), Carnota (3), Coirós (1), Coristanco (3), Curtis (4), Fisterra (3), O Pino (3), Sobrado dos Monxes (1), Alfoz (1), O Incio (1), Vilalba (4), Barbadás (6), Cartelle (1), A Merca (1), Oímbra (1), Verín (5), Sanxenxo (6), Tui (6), Vigo (7) e Vigo (6). Un total de 1016 prazas. Noticias similares noutras comunidades líanse na prensa da semana pasada.

Apuntamos tan só un dato: as estimacións da Consellería de Educación en canto á matrícula no 2º ciclo de EI no curso 09/10, é de 65.000 alumnos; presumiblemente, e contrastado cos datos do Instituto Galego de Estatística, a cifra de nenos e nenas de 0-3 anos é semellante, máis de 60.000. Aínda estamos un pouco lonxe de acadar o obxectivo da Axenda de Lisboa para o 2010, con relación á porcentaxe de prazas escolares para menores de 3 anos, 30%.

Aulas de 2 anos en colexios

En InformArte o 19/02/2010 ás 01:52

Desde hai uns anos, nalgunhas comunidades como Cantabria ou o País Vasco, abríronse aulas de 2 anos en centros públicos, no segundo, a actual taxa de escolarización a estas idades é do 85%. Tan só pensar os requisitos de espazos, instalacións, persoal, etc. que deben ter as aulas que acollan a este alumnado fai un pouco difícil de crer que se poidan cumprir en centros que foron concibidos para alumnado de máis idade; pensemos tamén que nos centros onde existen aulas libres, son centros de localidades con baixadas de natalidade (rural), onde non se constrúen centros novos, polo tanto é doado imaxinar a idoneidade das condicións.

Téñense publicado moitos estudos críticos con estas iniciativas nos que se constata que as aulas de 2 anos están totalmente illadas, nin sequera están incluídas no proxecto curricular; as titorías dos grupos adxudícanse xeralmente ao últimos en chegar ao centro, os apoios fanse co resto do profesorado con horas libres; o marco normativo e carencial e insuficiente,  o alumnado non ten dereito a axudas e servizos, etc.

Recordemos tamén, que a división da EI en dous ciclos 0-3 e 3-6, respondeu máis á masiva escolarización de nenos e nenas de tres anos alá polos anos 90, que ao seu desenvolvemento psicoevolutivo . Entón cómpre reflexionar un pouco, porque poida que detrás das aulas de 2 anos, veñan as de 1 ano. Cando se concibirá toda a educación infantil como unha etapa integrada e non feita a remendos?, cando se primará a calidade sobre a cantidade?

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores