A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘Uncategorized’

As escolas só ensinan a obedecer ordes

En Uncategorized o 10/10/2011 ás 06:52

En momentos como os que narramos na entrada anterior, sempre volvemos sobre o discurso de John Taylor Gatto, pronunciado fai máis de vinte anos, cando recibiu o galardón por terceiro ano consecutivo como Mestre do Ano, pola súa labor desenvolvida en escolas de barrios desfavorecidos de nova York. Autor de varios libros e numerosos artigos sobre a educación e firme defensor do homeschooling.

Recomendamos a lectura completa da súa intervención da que entresacamos algúns apuntamentos que axudarán a comprender a conexión que establecemos entre esta entrada e a anterior.

  • As escolas non ensinan nada salvo como obedecer ordes.
  • A escola escolariza pero non educa.
  • A crise da escola non é máis ca o reflexo dunha crise social máis ampla.
  • As escolas e a escolarización son crecentemente irrelevantes para as grandes empresas do planeta.
  • Aínda que o profesorado se preocupa e traballa duro a institución é psicopática, non ten conciencia.
  • As escolas foron deseñadas para ser instrumentos da dirección científica das masas.
  • As persoas ben escolarizadas son irrelevantes.
  • Temos que devolverlle aos nenos/as o tempo libre porque esa é a clave para a autoaprendizaxe.

Asemade, recomendamos a lectura da súa publicación “Historia secreta del sistema educativo” que se pode atopar aquí traducido ao español.

Os sons do xardín

En Uncategorized o 27/05/2011 ás 07:01

Para completar a nosa ambientación no xardín, uns minutos de música relaxante.

Para escoitar e percibir o que cambiaría o noso estado e o noso ánimo en contornos naturais.

Análise de materiais curriculares en infantil

En RebelArte,Uncategorized o 25/05/2011 ás 16:00

As persoas que habitualmente seguen este blog, xa poderían aventurar que non entra dentro das nosas futuras intencións introducir material editorial nas nosas aulas. Como dicíamos na entrada anterior, empregámolo nos nosos inicios profesionais, logo fomos ganando seguridade, e experiencia froito da formación, das lecturas e do intercambio con outros profesionais e descubrimos que había outras maneiras de facer, que nos implicaban e nos motivaban máis a nós e ao noso alumnado –ou iso cremos- ;  e vimos que o material impreso nos escravizaba, porén deixámolo. Descubrimos que hai outras maneiras de ensinarlles, por exemplo, as formas xeométricas sen necesidade de repasalas, colorealas, pegarlle autocolantes ou picalas cun punzón. Vimos que a vida real nos brindaba ocasións de aprender, de descubrir, de investigar, de xogar, sen necesidade de vivir nese mundo irreal que é o da cultura das fichas. Desde aquela, unhas veces mellor e outras peor, imos traballando sen abrir o caderno de fichas na páxina que toca veña ou non a conto.

Pero con todo iso, sempre dicimos que non somos radicais nas nosas posturas; nada é bo nin malo de seu; tamén hai unha concepción errónea de que as persoas que traballan sen fichas son innovadoras, e isto non é sempre así; tamén se cometen moitas incoherencias; pero xa sabedes da tendencia a etiquetar a todo o mundo.

Hai pouco tempo lemos un artigo de Beatriz Trueba Marcano, “Modelos didácticos y materiales curriculares en educación infantil”, publicado en Investigación en la escuela, nº 33 no 1997. Neste, tras analizar a relación existente entre materiais curriculares e autonomía do profesorado, ofrece unha organización da práctica curricular en EI que se desenvolve arredor de catro concepcións pedagóxicas diferenciadas. Sostén a autora que “a elección dun tipo ou outro de materiais curriculares non é un feito illado, senón que está intimamente unido a un paradigma ou modelo educativo determinado (e isto é así, tanto se o docente é consciente deste modelo subxacente como se non o é): detrás dunha ou outra concepción dos materiais curriculares agóchase unha ou outra concepción de modelo de profesor e modelo de formación do profesor.” Segue analizando catro paradigmas educativos (tradicional, racionalista/tecnolóxico, espontaneista e interactivo/coparticipativo), que nunca se dan en estado puro, e os materiais que emprega o profesorado que responde a un ou a outro perfil. Finalmente presenta unha guía de análise de materiais curriculares para ser empregada polo profesorado de EI coa finalidade de que seleccionen material a partir dos principios educativos nos que basean a súa práctica.

Consideramos sumamente interesante esta guía, tanto para as persoas que seleccionan material editorial como para as que traballan doutro xeito e con outros materiais para chequear a súa práctica, atendendo a aspectos como significatividade, diversidade e identidade, globalidade, interacción e comunicación, autonomía, creatividade, estética e descentralización; porén, pódese atopar aquí (recoméndase imprimir).

É altamente recomendable,esclarecedora e, cremos que, oportuna.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores