A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘RebelArte’

A onde foi o entusiasmo dos docentes?

En RebelArte o 21/05/2012 ás 07:03

Onte asistimos ao acto de entrega do Pedrón de Ouro 2012 a Nova Escola Galega, un recoñecemento merecido por unha labor de case 30 anos, sen contar que moitos dos integrantes iniciais xa viñan doutros grupos diversos que traballaban pola educación, pola lingua e pola cultura galega.

Pola mañá léramos o artigo de Víctor F. Freixanes no que nos falaba dos inicios desta asociación e da capacidade de entusiasmo que tiñan alá polos anos 70 e 80, malia que as circunstancias non eran máis favorables do que son agora. De seguro isto é do máis desalentador para quen sentou os alicerces do que ata o de agora disfrutábamos na escola; tanto traballo, tanta loita, tanto esforzo para, neste intre, dar unha volta atrás. Non ten que ser grato. Porén o premio vén nun bo momento, cando menos que se recoñeza o que fixeron dándolle azos para continuar cara diante.

Pero á reflexión que nos levou isto foi a que lle pon título a esta entrada. Se fai trinta anos, malia todos os impedimentos e represalias ás que se expoñían foron quen de xurdir Movementos de Renovación Pedagóxica (MRPs), para onde foi a día de hoxe ese entusiasmo. Escoitamos moitos argumentos, de seguro que todos eles cunha parte de razón e con outra que pode se pode rebater pero que vamos a recoller aquí xenericamente sen desenvolver polo miúdo, xa que logo, cada un deles precisaría dun tratamento específico.

Hai quen apunta á falta de relevo xeracional dentro dos MRPs; á eiva de autonomía que supuxo que se acolleran ás subvencións da administración; á perda do vínculo directo entre os seus responsables/dirixentes e a escola; á politización dos integrantes ou do colectivo; ou ás procuras de protagonismo individual dalgúns dos seus membros.

Hai tamén quen carga a culpa contra o individualismo e falta de xenerosidade profesional dos docentes hoxe en día;  a que non ven a necesidade de asociarse, xa que logo hai vías dabondo, mesmo para os non gregarios; a que consideran máis produtivo dar cursos, charlas, ou presentarse a premios, ca compartir de balde cos compañeiros; a que non queren significarse para non entrar nas listaxes negras; ou tamén a que  a campaña de desprestixio á que está sendo sometido o colectivo docente fai que se absteña de tomar iniciativas de mellora.

As condicións nos centros tampouco son as máis favorables, xa que logo a acomodación ao tradicionalismo escolar impide toda posibilidade de innovación, e desde dentro ponse en funcionamento un rolo homoxeneizador que aplana todas as iniciativas que sobresaen poñendo en evidencia ao resto da comunidade; hai un grande temor dos equipos directivos de todo aquilo que supoña apartarse un milímetro do que marca a normativa ou a norma, e acernen toda capacidade de innovación.

Estas impresións que estamos a recoller non son algo exclusivo e que tan só afecte ao ámbito educativo, isto nótase a nivel político, social, asociativo, veciñal, lúdico, etc. Fai trinta anos había ilusión, ganas de facer cousas, interese por mellorar, e daquela pensábase que para levar isto a cabo era preciso xuntarse con outras persoas con similares inquedanzas. Logo viñeron os éxitos, e os desenganos. A día de hoxe xa non somos quen de crer en nada nin en ninguén; se alguén fai unha proposta xa nos estamos a preguntar a onde quere ir, que é o que pretende, ou a que quere chegar. Perdeuse a capacidade de crer no traballo desinteresado pola mellora das condicións dos demais.

Porén, nos tempos das redes sociais, nas que tan doado sería crear grupos, compartir experiencias e inquedanzas, o profesorado apoltronouse na pasividade, no pesimismo, na falta de xenerosidade e de valentía (de humildade ou de vaidade, segundo se queira ver) de mostrar aos demais o que fai, compartindo, expoñéndose máis á crítica que ao afago.

Chegado este punto, non abonda dicir que o que estamos a vivir é signo dos tempos actuais, cómpre que cadaquén reflexione sobre os propios motivos que o levan a non asociarse, a non compartir, a non implicarse ou a non comprometerse co cambio e mellora da educación. Deseguido, será de xustiza recoñecer o mérito doutros, como Nova Escola Galega, que aínda en contextos menos favorables, foi quen de mobilizar a moitos profesionais da educación na procura dunha escola aberta, libre, democrática e galega. E segue a facelo trinta anos despois.

Eu vou de galego, e ti?

En RebelArte o 21/05/2012 ás 07:01

Poida que aínda non acontecera por mor da desfavorable situación económica, pero atrévome a augurar que, en non máis dun lustro, veremos por estas datas nos escaparates da tendas de adobíos infantís, disfraces de galegos e de galegas para participar nos actos das Letras Galegas.

Nestes días de festa das nosas letras, na televisión e na rede abundan reportaxes sobre as actividades organizadas nos centros escolares, nos concellos ou en asociacións diversas. Ben. Mágoa que se focalicen tan só nestas datas, pero hainas moi creativas e salientables.

Pola contra, tamén se aprecia unha tendencia, ao noso entender, perniciosa: aquela que fai ver que todo o relacionado coa lingua parece sacado dun museo con olor a naftalina. Vimos nenos disfrazados de aldeáns cos seus zocos e boinas, asociando involuntariamente a lingua ao patrimonio do pasado. Como se para falar galego tivéramos que volver ao arado de pau e ao reduto do pote na lareira. Poden pensar que isto non vai máis alá do anecdótico; pero é moito máis, é unha idea que vai calando no subconsciente colectivo e logo pasa o que pasa.

No ano 2004, todos os grupos parlamentarios asinaron un documento senlleiro, o “Plan xeral de normalización da lingua galega”, que xa na súa introdución insistía na necesidade de entender o galego como unha lingua viva, que sobreviviu durante séculos, entrando no novo milenio sendo maioritaria, e que “como un David fronte a Goliat, debe superar as dificultades e ser, a todos os efectos unha lingua máis na sociedade da información e do coñecemento.”Non parecía daquela que os problemas do galego foran de supervivencia, senón, máis ben de adaptación ao novo contexto social e cultural.

Detectábase nesta análise da situación do galego no ensino entre os puntos febles a castelanización das crianzas ao incorporarse ás escolas infantís; o rexeitamento dos mozos e mozas pola lingua por mor de asociala aos vellos da aldea; a excesiva focaxe da normalización arredor dos actos das Letras e doutras festas anuais de carácter etnográfico; a prioritaria atención nos centros aos contidos de carácter culturalista (revista, concursos de redacción, etc.), que limitan outras posibles actividades orientadas á transformación dos usos lingüísticos; en moitos casos, as actividades promovidas polos ENL (agora EDL) son de carácter cultural e extraescolar (magosto, maios, etc.), co que se reforza unha identificación contraproducente entre normalización e cultura etnográfica.

Instábase tamén daquela, aos medios de comunicación e industrias culturais a que proxectaran unha imaxe de modernidade que contribuíra a unha maior identificación do galego co mundo moderno; e acadar un modelo lingüístico que, mantendo os trazos patrimoniais do galego, dera unha imaxe da lingua acaída ás necesidades da vida moderna.

Ben, pois oito anos despois, seguimos na mesma, e o peor é que moitos responsables de que isto sexa así son persoas que se gaban de comprometidas coa lingua e coa cultura galega, tanto desde o ámbito educativo como desde o das industrias culturais e medios de comunicación.

Cómpre que aquelas persoas que nos consideramos comprometidas revisemos o que estamos a facer, para saber ben cara onde dirixir os nosos esforzos. De non facelo así, pode que dentro de poucos anos, o Día das Letras Galegas entre dentro do calendario de festexos no que están as festas medievais, as arribadas varias, as defensas de castelos ou fortalezas, invasións, etc. Todos disfrazados e ao rematar a esperar a vindeira ocasión para sacar o atrezzo.

Para ser galego ou galega hoxe, non fai falla vestirse de aldeán, nin de pailán, nin de Rosalía, nin de Castelao; ten que estar dentro da normalidade da vida cotiá de cada un de nós, da nosa maneira de vivir e de relacionarnos. Ser galego ou galega é estar vivo, non precisa de sacar un día as alfaias do mausoleo.

Facer lectores ou acadar a competencia lectora?

En RebelArte o 27/04/2012 ás 15:11

Hai debates obstinados en negar a realidade e buscar culpables en todos os sitios menos onde están. Mentalicémonos, o papel das familias e da sociedade–tanto por ausencia coma por presenza- é fundamental na formación de hábitos dos seus fillos e concidadáns. Con esta afirmación non estamos restándolle importancia á función da escola, senón, e no caso que nos ocupa, eximíndoa da responsabilidade que todo o mundo bota enriba dela.

Dun tempo a esta parte, escoitamos nomear en varias ocasións a uns novos chibos expiatorios: os mediadores de lectura (asociándoos neste caso a docentes e integrantes de equipos de bibliotecas). Argumentan nestas teses que se os investimentos feitos nas bibliotecas escolares (económicos, humanos, infraestruturas, recursos e formación) fracasan é porque os “mediadores” entre a lectura e os nenos/as e os mozos/as  non atinan coa selección de fondos, coas recomendación de lecturas, coas estratexias e coa concepción do proveito educativo da lectura. Agora xa hai quen fala da necesidade da creación dos “comités de selección”, é dicir, un micro grupo dentro do macrogrupo, do subgrupo do equipo de dinamización; cada vez enredamos máis en burocracia e non melloramos moito. Supoñemos que será a nova tendencia. Como isto vai por modas, os oradores, formadores, expertos, e outros visitantes de congresos, esgotados os filóns anteriores, deron con este.

Aquí hai moito do que falar; cuestións aínda sen contestar, directrices escolares erráticas, confusas campañas institucionais, informes e estudos interesados…, porén vaiamos por partes:

1º Estamos totalmente de acordo que o primeiro que habería que preguntarlle ás persoas que queren participar nos equipos de biblioteca é se len. Sería esta unha premisa básica para pertencer a este equipo, e non outras que se ven tales como a amizade entre membros do grupo ou a puntuación para o concurso. É paradoxal pero certo, hai xente que está no equipo e non le un libro ao ano, outros que non saben de criterios de selección adecuados ao alumnado ao que se están a dirixir, outros que non saben facer un rexistro bibliográfico. Hai de todo, mesmo hai moitas persoas que saben ben o que teñen entre mans.

2º Hai tempo que apuntamos a que a relación entre titiritadas e formación de lectores é escasa ou nula. Hai quen pensa que se trata de argallar foliadas na biblioteca e con iso xa se fan lectores. É posible que se cumpran outros obxectivos pero a incidencia no tema que nos ocupa é irrelevante.

3º A dotación é importante, a variedade de fondos tamén, pero, e sobre todo, a sincronía entre o latexar do centro -o seu sentir- e a selección de publicacións. Hai moitos cartos malgastados. Se a biblioteca é o corazón do centro, terá que ser acorde coa fisonomía e funcionamento do corpo que o alberga; aquí non hai compatibilidade para os transplantes de órganos alleos, naturais ou artificiais.

4º As recomendacións de lectura, ás veces máis ca facer lectores, espantan aos existentes. Isto acentúase segundo se vai gabeando polos distintos niveis educativos. É ben coñecido o debate e tirapuxas entre os que avogan polos clásicos e os defensores da literatura da máis rabiosa actualidade. Haberá que buscar un punto xusto adecuado aos intereses dos usuarios non aos dos xestores.

5º Confúndense e solápanse as funcións dunha biblioteca pública e dunha biblioteca escolar ou mesmo a de aula. Ás veces preténdese realizar igual servizo de préstamo no centro que na biblioteca do concello que hai dúas rúas máis para alá, e ofrecendo o mesmo “produto” non hai clientela para todos, malia que logo os rapaces van a facer os deberes á biblioteca pública e pregúntalle aos bibliotecarios onde teñen que buscar a información. Cadaquén ao seu.

6º Xa cansa a comparación con Finlandia e os resultados PISA en lectura (é curioso pero ninguén quere parecerse a Corea); nin aquí somos como en Finlandia, nin pensamos coma eles, nin lemos coma eles, polo tanto o intento de traslado das estratexias finesas sería outro estrepitoso fracaso. E eles tamén teñen as súas eivas que parecemos non querer ver, ou PISA non mostra.

7º Hai que poñer a lectura en novos soportes, pero iso non vai facer que gañemos lectores, na actualidade lerán os mesmos que xa len en papel. Con todo iso é importante que se faciliten canles, agora ben, a súa ausencia non vai ser o motivo de que non haxa lectores. Ademais non confundamos lectores con xogadores. E coidado tamén negocio que acompaña toda esta nova tendencia.

8º Ler pode ser unha fonte inesgotable de pracer… ou de sufrimento; de coñecemento bo… ou nocivo; de medra… ou de reducionismo. Hai boas lecturas… e lecturas perniciosas, hai a quen lle gusta ler… e a quen non, e tan só iso non determina que sexan bos ou malos cidadáns, persoas, estudantes, fillos, homes ou mulleres. Sería o recomendable, sería enriquecedor, pero hai a que asumir que hai a quen non lle gusta ler.

9º Hai que saber que detrás disto tamén mai moitos intereses comerciais e de mercado, que hai moito negocio, que hai moitos libros publicados, financiados e expostos en bibliotecas que polo mero feito de lelos non lle van producir ningún beneficio ao lector nin a literatura.

 10º Antes de nada, cumpriría preguntarse para que queremos que lean os rapaces. Ao mellor non todos e todas esperamos o mesmo, emporiso as accións que se adopten poden ser ata descoordinadas. Sabendo iso, é posible que saibamos en que investir fondos, esforzo e persoal.

E para rematar, queremos recoñecer todo o traballo ben feito que hai nas bibliotecas escolares pero tamén recordar, para ter moi presente, que a función da escola máis ca facer lectores é facer que acaden unha competencia lectora; que non é o mesmo. E iso, ás veces deixase de lado en prol doutras accións máis lucidas, ao tempo que máis banais para o obxectivo que nos compete aos docentes.

Recomendamos a lectura do número extraordinario da Revista de Educación, Sociedad lectora y educación, que malia non ser recente, consideramos pode resultar moi interesante, xa que logo conta con artigos de Teresa Colomer, Álvaro Marchesi, Gabriel Janer Manila, Víctor Moreno e moitos outros expertos en lectura, educación, bibliotecas e competencia lectora.

Cara onde vai a educación pública?

En RebelArte o 18/04/2012 ás 06:46

Nestes días atópome nunha encrucillada cada vez que publico as fotografías e reflexións sobre o visto nas escolas de Italia.

Por unha banda sinto unha aguilloada na miña estima profesional que me vén a dicir que o noso traballo se pode facer mellor, que hai maneiras de facelo, pero que hai que botarlle moita enerxía para cambiar inercias totalmente instauradas nos centros que se basean na tradición, no “sempresefixoasí” ou en lasas interpretacións da norma. Sei que non se precisa máis que ganas e forzas para cambiar, así como un grupo de compañeiras afíns. Depende de nós e das ganas que teñamos de complicarnos a vida.
Pero pola outra banda, sinto que se fixeron realidade a miñas peores premonicións canto á situación da educación, e o malo é que a quen debería importarlle -aos pais e nais- están tan atribulados por outras cuestións de maior peso, que deixan facer e non se pode contar con eles. Dos políticos, a día de hoxe, nada se pode esperar; os sindicatos perderon a credibilidade defendendo os seus intereses e secundando os partidos aos que lle son fieis; e ao profesorado téñennos tan machucados que, a estas alturas, sabendo que non contamos co apoio social ímonos deixar ir para onde nos leven; total, que podemos facer?

Emporiso, pregúntome se paga a pena enrolarse en proxectos que só nos van a reportar desgustos e traballo, cando nos están reducindo drasticamente o noso soldo, o noso prestixio e os nosos dereitos.
Estou desanimada, e non quero estalo.
Ata cando durará esta situación?, con que escola nos atoparemos despois desta Crise?, canto se manterá o compromiso ético dos docentes coa súa profesión. Tenme desacougada.

Se dun tempo a esta parte se notaba que se abrira unha “caza de bruxas” contra os que nos dedicamos á educación, o que está a acontecer nos últimos días, non é máis que unha precipitación do deterioro da educación pública en España. Quen ten que defendela e onde están?
Levan máis de seis anos fustigándonos cos resultados das avaliacións internacionais, que nunca soubemos ben para que servían, pero ao menos críamos que marcaban os horizontes cara os que mirar dos van á cabeza, pero agora resulta que as medidas que se van adoptar no noso país sonlle totalmente antagónicas. Faláronnos e explicáronnos a importancia do compromiso das familias coa educación dos fillos/as e co feito educativo; do uso de metodoloxías nas que o alumno asume un rol activo, sendo artífice da súa aprendizaxe; de-ratios baixas; de atención educativa atendendo ás diferenzas e diversidade entre o alumnado; do liderazgo pedagóxico dos equipos directivos; do elevado prestixio da profesión docente, e da esixencia da formación continua e actualización do profesorado.

E agora que se está a facer? Xusto o contrario.

-Máis horas, mesmo pasando a un terreo asistencial. Faremos de coidadores, recolleremos nenos no autobús, daremos pasantías e iremos de colonias de verán.

-Nos países que obteñen puntuacións máis altas en PISA, dáse o caso de que os docentes son os mellores das súas promocións, persoas rigorosamente formadas para o desempeño profesional e cuns elevados salarios. Aquí, ao paso que vamos ninguén quererá ser mestre; mesmo se eliminarán aquelas vantaxes que compensaban un soldo non excesivamente alto. E da formación (inicial e permanente) xa mellor non falar.

-Increméntanse as ratios a números imposibles de manexar (obsérvese que xa falo de números non de nenos/as). Impoñeremos un réxime autoritario, estilo cuartel ou penitenciaría, e esquecerémonos de metodoloxías participativas que procuren que os rapaces aprendan a aprender.

-Os equipos directivos pasarán a ser controladores ou supervisores, e os compañeiros farán de espías e chivatos dos que estean de baixa, xa que logo teranos que substituír nas súas ausencias.

-Os centros públicos das periferias das cidades serán guetos, aos que só acudirán os fillos de quen non pode pagar outra educación. Quen poida evitará estes almacéns de nenos dos que fuxirá o profesorado experto e onde non haberá persoal dabondo para paliar as diferenzas que se aprecian froito desa situación social desfavorecida.

-O profesorado, paulatinamente irá minguando a súa prestación de servizo, a súa implicación e o seu compromiso de forma proporcional aos recortes que sofre, porque considerará unha burla seguir facendo o mesmo por menos. Ninguén o fai, así que non nos culpabilicen. Farase na mesma medida que nos paguen, nos respecten e nos estimen. Nin máis nin menos. E non nos enganemos. Isto xa se está a notar. É algo silente pero presente e palpable nos claustros.

Sempre me sentín orgullosa de ser mestra e do papel que facía, pero a día de hoxe e non teño a seguridade de que dentro duns anos teña a mesma percepción positiva do meu labor na sociedade.
Nunca aceptei as actitudes derrotistas nin os vitimismos, pero creo que teño que darme unha sobredose de “Historia da educación” ou dalgún xenérico similar, para comprender que houbo quen saíu adiante, quen traballou en peores escenarios, quen loitou polo ensino público en momentos e situacións moito máis complexas porque cría que era un dereito de toda a sociedade, aínda cando nin sequera esa sociedade o secundaba.

Non sei se aínda así será efectivo. Non é doado sobrepoñerse e manter o compromiso con quen nos despreza, desprestixa e desacredita. A día de hoxe, quen está mantendo a calidade do ensino son os seus traballadores, pero non confíen en que isto sexa sempre así; non vaia ser que nos adaptemos ás aldraxes e aceptemos o que todos parecen consentir. A educación é responsabilidade da sociedade -non só dos docentes-, e é a ela a quen lle corresponde defendela.

Pistoia III: que buscábamos?

En RebelArte o 10/04/2012 ás 06:58

“A regra é simple. A serenidade e o pracer dos nenos está dentro da serenidade e do pracer dos adultos.”

Que buscamos na escolas de Pistoia? Que nos falla aquí para buscar outros modelos?

Serenidade e benestar, esa é a resposta que atopamos na entrada dun dos centros que visitamos.

Das quince compañeiras que viaxamos a Pistoia, a meirande parte coincidimos:

-nunha experiencia profesional de 20 anos como media;

-nunha traxectoria formativa común pasando por distintos fitos e “innovacións varias”;

-nunhas inquedanzas educativas que poñen en cuestión o concepto actual de calidade na atención á infancia;

-en que temos a nosas prazas en centros supermasificados de 3, 4 e ata 5 liñas de infantil;

-en que os nosos inicios profesionais foron en escolas unitarias rurais sobre os que temos unha mirada nostálxica, nomeadamente daquela atmosfera de tranquilidade, das ratios baixas, das relacións coas familias e da precaria dotación existente que nos obrigou a agudizar o enxeño;

-en que malia que temos unha percepción positiva do que facemos na escola, non é o que desexaríamos para os nosos fillos/as.

Que é o que buscamos entón en Pistoia, Reggio Emilia, San Miniato, Módena e outras escolas italianas? A utopía posible.

Sabemos que hai outra maneira de facer. Intuímos que é máis respectuosa coa infancia, cos seus tempos ou coas súas necesidades, e queremos saber se aínda estamos a tempo de “converternos” nos vinte anos que nos poden restar de vida profesional. Cando menos hai que ter un horizonte.

Somos conscientes de que moitas das que alí estábamos fomos partícipes do actual modelo educativo infantil. Unha vez gañamos seguridade profesional, algunhas pasamos pola formación do profesorado, ben coordinando, ben impartindo cursos ou colaborando na publicación de experiencias innovadoras. Desenvolvemos iniciativas que ao noso entender elevaron a consideración do que poden facer os máis pequenos na escola infantil. Pero a día de hoxe non nos compracen as dinámicas escolares instauradas.

Nos nosos centros hai todo tipo de dotación; mestres especialistas, apoios que asumen parcelas como a música, as TIC, a psicomotricidade ou a arte; hai material informático sofisticado; realízanse proxectos novidosos; traballamos en edificios de deseño; os centros permanecen abertos en horarios impensables; e malia todo, sabemos que non lles estamos proporcionando o mellor nin o que precisan os nenos e nenas: tranquilidade, serenidade e felicidade.

Non sei se haberá posibilidade de conversión, a nosa mirada está moi condicionada. Cando chegamos e vimos precisamente o que íamos buscando –nenos tranquilos, movéndose con autonomía e seguridade polo centro, un ambiente case de fogar, un clima de afecto e calma- a algunha de nós escapóuselle a pregunta “vale, pero aquí cando traballan?”. A resposta está na mesma pregunta, que é para nós o traballo na escola infantil?, cumpriría empezar por aí.

Tampouco queremos caer nun arrebato de entusiasmo como lle temos visto a outras compañeiras, que as leva a querer derrubar todo o existente. Mesura; a traxectoria das nosas escolas é distinta das italianas. A bagaxe da visita tennos que levar á reflexión non a destrución ou a renegar do noso. Vimos que hai mellores maneiras de facer escola, que non debemos perdernos en debates entre o asistencial e o educativo porque os límites son moi difusos; que a integración das familias é moi diferente da súa participación formal; que colocar aos nenos no centro do proceso educativo vai máis alá da retórica; que hai que deixar de estar acomplexadas por non ser quen de facer coma nos espellos nos que nos miramos.

E sobre todo, que temos que deixar de laiarnos e actuar. Hai outras maneiras de estar na escola infantil, hai outras maneiras de relacionarse coas familias, hai outras maneiras de organizar o espazo, hai outras maneiras de acoller aos pequenos, hai outras maneiras de distribuír os tempos, hai outras maneiras de empregar os apoios, hai outras maneiras de formarnos e de coordinarnos, hai outras escolas posibles, pero non podemos esperar que o cambio nos veña imposto pola administración, só nós podemos levalo a cabo.

No seu momento, canto todos pensaban que para estar en infantil valía calquera que soubera cantar unha cancionciña e contar un conto, soubemos demostrar que os nenos e nenas podían ser coma os artistas, coma os escritores, coma os lectores, coma os investigadores ou coma os filósofos. Fixemos calar a moitos de niveis superiores, facéndolles entender que a nosa labor é tanto o máis valiosa que a súa. Polo camiño, nese empeño, poida que perdéramos a idea do que é un neno/a, da infancia e da escola infantil, agora chegou o tempo de demostrar que sabemos facer que os nenos sexan nenos, que gocen do seu tempo, dos seus ritmos e das súas apetencias.

Deixémolos ser nenos/as, facer coma os nenos/as e vivir coma os nenos/as.

Este é o reto actual das persoas comprometidas coa infancia.

Alternativas ao consumo

En RebelArte o 15/03/2012 ás 07:31

Todas aquelas persoas que pensamos que a escola é un lugar onde se lle deben inculcar aos nenos hábitos de consumo responsable, sabemos que isto non é algo que se consiga dun día para outro, nin conmemorándoo hoxe (Día Internacional dos Dereitos do Consumidor), nin cun obradoiro, nin cunha exposición. Xa que logo, ten que ser un traballo constante, baseado no exemplo. A escola ten que ser un modelo de consumo responsable e sostible, emporiso, habería que revisar moitas das súas directrices e actuacións, é dicir o que se mostra, tal e como apuntábamos no proxecto “Dálle a volta“. Disto, xa temos falado en outras ocasións, por exemplo en “Nótase a crise na escola?”, pero debemos volver a insistir en que para poder transmitirlle estas mensaxes ao alumnado, nós somos os primeiros que debemos estar concienciados e comprometidos.

Para nós, unha fonte de información continua é “El blog alternativo”, unha bitácora que se abre no 2008 da man dunha parella que, coa chegada do seu primeiro fillo, decide darlle un xiro á súa vida. Así, neste blog multitemático, van aportando ideas para vivir mellor nun mundo mellor, cunha concepción holística que aborda todas as dimensións do ser humano: vida san, ecoloxía, denuncia do sistema, espiritualidade, crianza natural e enerxías alternativas entre outros moitos temas. Recomendamos a súa visita e consulta.

Non debemos pensar no consumo responsable coma obxectivos ou contidos escolares a abordar, senón máis ben coma unha filosofía de vida alternativa á actual, que pide desaceleración e decrecemento. Hoxe cómpre ensinar e amosar alternativas ao consumo, porque co compromiso de todos, outro mundo é posible.

Bo teatro para nenos e nenas

En RebelArte o 07/03/2012 ás 07:47

Van dúas; non sei se, chegada a terceira, aguantarei sen levantarme no medio da función teatral e marchar.

Hai pouco levei aos nenos ao teatro e, ao igual que está sucedendo con moita frecuencia, a obra era de ínfima calidade e, por riba, aburridísima. Supostamente, estaba dirixida ao público infantil e viña abalada con unha morea de moi boas críticas. Pero nin era infantil, nin era boa.

Non vou a falar aquí da intromisión de non coñecedores dos gustos infantís neste eido, de seu complexo. Non vou a falar da falta de criterio dos programadores culturais dos concellos, que se deixan enredar pola reseña da obra e polos contidos didácticos que abordan. Non vou a falar da necesidade de encher co que sexa todas as salas e “contedores” culturais que temos na comunidade. Non vou a falar da política indiscriminada de subvencións a proxectos teatrais que mellor sería que quedasen niso, en proxectos. Non vou a falar da escaseza de fondos que obriga a contratar o que sexa ao menor custe. Non vou a falar da rede na que se moven moitas accións culturais, na que hai que contratar un “paquete” no que vai algo de todo. Non vou a falar da falta de rigorosidade dos críticos e dos medios de comunicación que non son máis ca cronistas de actualidade sen pararse a analizar o seu capital cultural. Non vou a falar desa “pomada” na que se envolven, críticos, autores, promotores, programadores, directores e outros, na que parece prevalecer a consigna de “esta vai por ti e a próxima por min”. Non vou a falar do prexuízo que esta mediocridade lle está a ocasionar ás boas compañías, aos bos actores e ao bo teatro.

Non, nesta ocasión vou a falar do “rapto da ilusión” dos nenos e das nenas. Algo grave e de grande importancia.

Cando desde a escola promovemos a asistencia a unha representación teatral sempre é acollida como unha festa; o teatro nestas idades é sentido como un divertimento -a saída da rutina diaria tamén contribúe. A cousa cambia un pouco cando falamos de levar a fillos, sobriños, amigos ou achegados nunha fin de semana e cando iso supón prescindir doutras actividades tamén divertidas; algo que se vai facendo máis difícil a medida que cumpren anos. Pero cando por fin conseguimos convencelos de abandonar os seus xogos para ir ao teatro, cando pagamos as entradas, cando nos sentamos nas butacas, o que esperamos é que o teatro infantil cumpra a súa función básica e primordial: divertir, facer rir, identificarse cos personaxes, meterse na pel deles e sentir con eles. Punto. Nin máis nin menos. Non nos vale que o director, o autor, a compañía ou a obra sexa moi recoñecida se non nos fai rir. Pode parecer unha banalización da función do teatro, pero con nenos e nenas de curta idade só ten que conseguir iso tan difícil que é facelos rir a gargalladas, ou gritar avisando aos personaxes de potenciais perigos, ou repetir as súas cancións ou retrousos. Xa haberá tempo para descubrir as outras posibilidades da representación dramática.

Pero créanme, cando os nenos se remexen inquedos, cando din en repetidas ocasións “Abúrrome”, cando preguntan “Canto falta para rematar?”, cando non hai risas…, é que algo vai mal. Os adultos, que somos xente educada, non cometemos a “descortesía” de verbalizalo; malia que sintamos vergoña allea, sufrimos, aguantamos, ocupamos a cabeza con outras cousas e ao rematar aplaudimos. Os nenos non, xa se poñen de pé para saír porque entenden que rematou a tortura. E a próxima vez xa se negarán en redondo a volver ao teatro reprochándonos o mala que foi a última experiencia.

Isto é o que conseguiremos de seguir polo camiño que vamos: que os nenos e nenas non queiran saber nada do teatro. E iso señores, non é bo nin para os nenos, nin para o teatro nin para a cultura. Porén, pediríalle a todos aqueles que teñen responsabilidades no tema, que si se queren dedicar ao público infantil, saiban que non é un público fácil; que non precisan de encher as obras de diminutivos e de personaxes ridículos; que non fai falla que todos sexan politicamente correctos; que non precisamos obras con comprometidos raposos galegos de pelaxe sintética que reciclan os ósos das galiñas autóctonas que comen, que á súa vez foron alimentadas ecoloxicamente respectando a flora en perigo de extinción…; que tampouco necesitan que as obras estean en clave de adulto ou que fagan crítica social ao estilo do pasado; que non teñen que ser ramplonas nin caer na chocalleirada; que tampouco teñen que ser didácticas e ir acompañadas dunha proposta educativa, que para iso está a escola, e o teatro é outra cousa ben diferente. E se hai alguén que lles di que iso que fan é moi bo, dunha grande contribución á cultura, teñan a completa seguridade de que esa persoa non é nin amante do teatro, nin da cultura nin dos nenos.

En definitiva…, dígolles o mesmo que aos que se dedican á literatura, á música ou ao cine para nenos: déixense de parvadas, e se saben facer soñar dedíquense a iso e se non, respecten á infancia e deixen que xoguen, que lles prestará mellor, a eles e máis á cultura.

Medicalización da infancia

En RebelArte o 26/02/2012 ás 08:17

Que debe facer un docente que sospeita que un alumno ou unha alumna está sendo irresponsablemente medicalizado con psicofármacos por un diagnóstico erróneo dun TDAH? Un médico debería subministrar este tipo de fármacos sen recoller información do entorno escolar? A familia debería comunicalo no centro ao titor do neno? Desde a ética profesional podemos/debemos manternos ao marxe diso?, en caso negativo, con que autoridade nos diriximos á familia arriscándonos a molestalos? Canto de culpa ten a escola na patoloxización e medicalización da infancia?

Estas e outras moitas preguntas xurdiron recentemente nun foro de docentes. A resposta fácil e cómoda sería: isto non é o noso problema. Pero desde a responsabilidade que temos en procurarlles un desenvolvemento san e harmónico das súas potencialidades, cremos que algo temos que dicir ao respecto.

Nos últimos anos, estendeuse unha nova praga, a popularización, frivolización e banalización da diagnose de nenos co Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade, e o seu tratamento a base de fármacos, mesmo en idades moi curtas, cando a meirande parte dos docentes, pedagogos, psicopedagógos e outros profesionais cuestiona este diagnóstico en tanto o consideran unha moda na que os medios de comunicación, a publicidade, os cursos de formación e asociacións varias, contribúen á difusión dese erro. Segundo esa perspectiva, pais e docentes, acostuman a mirar unidireccionalmente ao neno problemático e fan unha diagnose caseira que detecta nos seus fillos/alumnos rasgos tipificados. O mero feito de etiquetar o problema, xa parece ter un efecto tranquilizador, máxime cando se lle atribúe unha base biolóxica que os exime doutro tipo de responsabilidades e dos sentimentos de culpa que poden xerar outro tipo de discursos.

Xa que logo, arredor do TDHA subxacen varios discursos: o biolóxico (O TDAH ten unha orixe xenética); o sociolóxico (o TDAH é froito do clima da postmodernidade), o ecolóxico (o TDAH é unha resposta do neno aos problemas do seu entorno); o vincular-psicoanalítico (cuestiona o diagnóstico do TDAH e entende que os problemas do neno son unha resposta emocional-afectiva aos problemas no vínculo cos pais).

En base a eses discursos xorden diferentes catalogacións dos nenos deficitarios no momento de detección e abordaxe: o neno problema que lle provoca prexuízos ao grupo clase e ao docente; o superdotado, ao que a intelixencia lle xoga na súa contra; o desconcentrado, que debido a un desorde neurolóxico non é quen de manter a atención malia que o intente; o neno desconectado/retraído, que trae da casa un déficit emocional; o neno nas nubes, que á diferenza do anterior, non está desconectado, senón conectado noutra cousa.

En calquera caso, estúdase o papel determinante da escola no proceso de medicalización, xa que, tralas prácticas de clasificación escolares, iníciase un circuíto que pouco a pouco vai lexitimando o tratamento do problema vía farmacolóxica ou terapéutica. Como dato relevante, engádese que estes diagnósticos  de hiperactividade, danse con maior frecuencia en centros aos que os nenos acceden a moi curta idade, nos que permanecen moitas horas, mesmo en actividades extraescolares, e nos que a esixencia non se refire tan só ao académico, senón tamén cara o social, con gran presenza de dispositivos disciplinarios.

Unha vez que o neno foi diagnosticado e conseguintemente “pastilleado”, ten que darse unha situación de convivencia entre a medicamentación e a escolarización; cuestión problemática, xa que, en case todos os casos, se oculta como un segredo.  Oculta, ou visible, a “pastilla” cambia a visión da institución sobre o neno medicado segundo sexa a súa resposta canto a comportamento, actitude e estado de ánimo na aula, así atopamos: o neno dopado (como si estivera baixo os efectos dun somnífero), o neno inestable (do que se pode esperar calquera reacción), e o neno funcional (responde exitosamente ao tratamento).

Adecuada ou inadecuadamente subministrado o tratamento farmacolóxico, na escola recóllense os froitos do círculo  de diagnoses erróneas que nela se abren, e malia todo, en case ningunha se dá un debate sobre se as condicións dese centro favorecen a aparición dos nenos e nenas con déficit de atención con hiperactividade. Ninguén se pregunta se eses comportamentos “anómalos” das criaturas son resposta á falta de espazo, ás dinámicas escolares, ás disciplinas e estilos docentes, ás metodoloxías pouco activas, aos cambios continuos de figuras de referencia, á falta de xogo ou á carencia de tempos de descanso.

É para pensar se temos algo que dicir ao respecto ou non; se tamén é o noso problema ou non.

Nota: Centrámonos na responsabilidade da escola, por ser este o ámbito que nos ocupa, pero non nos esquecemos doutros axentes (médicos, psicólogos, familias, medios de comunicación ou empresas farmaceuticas), como tan ben analizan no Informe 2008 do Observatorio Argentino de Drogas: La medicalización de la infancia. Niños, escuela y psicotrópicos.

Festivais, disfraces, excursións e outros

En RebelArte o 24/01/2012 ás 08:10

Fai tres anos comecei cun novo grupo de alumnado. Na reunión inicial que mantiven coas familias -para presentarme/presentarse, para coñecernos/coñecerse, para facerlles saber a miña maneira de traballar e de concibir a tarefa a desenvolver ao longo dos vindeiros cursos e para escoitar as súas inquedanzas, dúbidas e preguntas como grupo de pais e nais- deille os meus argumentos e razóns de, entre outras cuestións:

1º De como entendía a educación infantil como un tempo para que os nenos/as se abriran ao mundo desenvolvendo as súas potencialidades físicas, cognitivas e emocionais propoñéndolle situacións de aprendizaxe ricas nas que dunha forma lúdica fixeran aquilo que podían facer sos ou co meu acompañamento como estímulo.

2º Que a todo o que fixéramos subxacería a educación para o consumo responsable; adquisición, ao meu entender, de máxima importancia, sacando proveito de todo aquilo que axudara á sostibilidade do mundo no que viven.

3º Que o principal, para min, era respectar os tempos da infancia, a súa diversidade cultural, os seus intereses e as súas capacidades, non evidenciando as diferenzas que se dan entre eles.

4º Que a educación dos nenos e nenas é unha tarefa conxunta da escola e da familia, ámbitos entre os que debe haber un fluxo constante de información e de colaboración, pero que cadaquén ten a súa parcela de responsabilidade e que en nada favorece esa relación as intromisións duns no terreo dos outros. As familias deben educar como familia e a mestra como tal. Non pode haber suplantacións de funcións en aras do mellor para a infancia.

5º Que todas esas situacións eran por e para o goce dos nenos e nenas, e que faríamos partícipes ás familias deses momentos a través do blog de aula. Recordando que o que facemos é por e para eles, para a súa medra; non para ser exposto, mostrado, fotografado ou gravado.

Polo tanto, as implicacións diso plasmaríanse no traballo do día a día e:

a)      Que chegado o momento de celebracións tradicionais como o Nadal, o Entroido, o Samaín, o Magosto, os Maios e outras conmemoracións fixadas no calendario escolar, o faríamos de xeito que puideran ir entendendo estas datas como un elemento que nos identificaba como sociedade, como grupo, que nos diferenciaba ao tempo que nos unía con outras manifestacións propias das culturas populares.

b)      Que participarían destas celebracións na medida na que as súas capacidades llelo permitiran. Polo tanto, malia que disfrutaríamos do xogo de transformarnos en outros mediante un trapo, unha roupa vella, unha carauta ou unha maquillaxe, non participaríamos en “comparsas escolares” con disfraces historiados que a todas luces eles non estaban en disposición de facer. Apostilei que en nada beneficiaría as aprendizaxes dos nenos/as facéndollelas eu; moi pola contra, estaría dedicándolle a estas tarefas manuais un tempo que lle debería restar á atención do grupo, ben presencial ou ben na preparación de recursos e situacións de aprendizaxe que, ademais, fixeran fincapé no consumo responsable e no respecto medioambiental.

c)       Que o xogo dramático sería unha constante e unha necesidade dentro da nosa praxe. Aclarei as vertentes e posibilidades dese recurso educativo: monicreques, teatro, dramatización de situacións reais ou ficticias, xogo simbólico…, pero que isto non implicaría “ensaios” para representacións en “funcións” ou festivais escolares, dado que o produto que se acadaría non compensaría pedagoxicamente os nervios, tensións, repeticións, etc, que a acabarían convertendo en algo tedioso e aburrido para criaturas de tan curta idade.

d)      Que abrirse ao mundo, coñecer espazos de cultura, ocio ou outros, non pasaba necesariamente por realizar longas viaxes en autobús, nin polo pago de custosas entradas, senón máis ben de aproveitar as posibilidades presentes na contorna máis inmediata. Aprender a moverse polos arredores, orientarse por si mesmos, gozar nun espazo verde ao que poderían volver noutras ocasións na compaña da familia ou amizades. Saber da existencia das manifestacións artísticas e culturais da presentes no seu espazo vital, para min ten máis valor ca visitar unha exposición dun reputado artista nun senlleiro museo dunha lonxana vila. Apreciar in situ os cambios que se producen no medio froito do paso do tempo ou da intervención humana, paréceme insubstituíble. En consecuencia, esas serían as nosas saídas didácticas.

Tras esta conversa e outras moitas ao longo destes anos, non atopei máis que a concordancia das familias co que lles acababa de expoñer; coincidían comigo nesa visión da  vida escolar dos seus fillos e fillas. Non recibín máis ca o apoio constante dos pais, nais e outros familiares que por un motivo ou outro contactan coa escola. Día a día maniféstanme un grande respeto pola miña labor para cos seus fillos/as.

Polo tanto, e a tenor a miña/nosa experiencia non son quen de entender o balbordo que se está transmitindo a través dos medios e outras canles. Non quero crer que haxa ningún pai/nai que queira que o/a mestre/a do seu fillo/a dedique o tempo escolar a outras actividades. Non creo que ninguén me veña a pedir que deixe de facer o que estou facendo para elaborarlle os disfraces aos cativos, para ir de excursión, ou para facer un festival escolar.

Non quero crer que ningún pai/nai valore tan pouco a miña función como docente como para pedirme que faga outras tarefas máis de “entretemento”, nin no meu horario presencial cos nenos, nin no de preparación de clases, nin, por suposto, no meu tempo persoal.

E se algún, ousara facelo, cumpriría recordarlle cales son as miñas funcións, tarefas e responsabilidades na vida dos seus fillos/as, para as que estudei, opositei, para as que me formo, avalío, trato de mellorar día a día, e polas que cobro. Pero nin me confundo, nin deixo que ninguén se confunda co meu traballo.

Antes de abrir unha nova fronte de conflito, antes de posicionarnos a favor ou en contra, deberíamos manter un debate serio e rigoroso sobre a utilidade pedagóxica e didáctica de moitas das tradicións escolares, que vaia máis alá da vistosidade e do folclorismo rancio.

A manipulación mediática coa educación

En RebelArte o 23/01/2012 ás 17:09

Hai días que vin na rede un artigo que recollía as dez estratexias de manipulación mediática apuntadas por Noam Chomsky, e se ben nun primeiro momento llelas apliquei en xeral á situación que estamos a vivir, pouco a pouco funas levando ao terreo da educación.
Non fallan. Dan de pleno.
Dun tempo a esta parte, a educación e os docentes en particular estamos a vivir unha caza de bruxas. A razón ao meu entender vai máis alá de castigarnos pola crise económica ou de que a sociedade nos mire con receo a unhas persoas que supostamente temos un posto de traballo de por vida, ben pagados, con moitas vacacións e grazas ao cal, gozamos dunhas prebendas. Hai na rede moitas cartas e declaracións atinadas nese sentido, pero insisto, eu non creo que a sociedade sexa tan parva. Aínda que hai malos funcionarios, todo o mundo sabe que non somos os culpables da que nos veu enriba.
Se hai uns anos o conspiracionismo ou as teorías conspirativas me podían facer botar unha gargallada, hoxe en día non as descarto. Hai algo e alguén que está interesado en que a educación de calidade só estea ao alcance duns poucos, para o cal hai algo e alguén que quere que os docentes sexamos a última escoura da sociedade; hai algo e alguén que quere que, malia que neste momento a cultura, a información, o coñecemento podería estar ao alcance de todos, só sexa o privilexio duns poucos. Hai algo e alguén que quere facernos parvos a nós, á sociedade e ás xeracións futuras.
Primeiro bombardeáronos coas avaliacións internacionais da educación, e veña que imos mal, veña que os docentes doutros países son os mellores, os que verdadeiramente saben atender a diversidade do alumnado, os que saben acender a chispa do pensamento intelixente… Aos de aquí que se nos vai pedir…, somos xeralmente xente de niveis socioeconomicos baixos que logramos acceder a unha titulación universitaria curta, ou aqueles que non fixeron carreira nas súas especialidades e so lles quedou o ensino secundario como alternativa. Así se explica que os rapaces non lean coma os dos países nórdicos, que non se esforcen coma os coreanos, que non sexan disciplinados, que non falen inglés e que como non entenden nada de matemáticas van caer enredados nas redes dos prestamistas.
Como non valemos para outra cousa, para que investir en educación, se xa se sabe que o que quere que un fillo/a saia ben preparado ten que mandalo á privada, alí si que saben facelo ben… Aos da pública, para o proveito que lle van a sacar tanto dá que o profesor de matemáticas dea música ou que o de latín dea debuxo. O que importa é abaratar os custes e poñer a traballar a eses langráns naquilo para o que valen: para reparar da rapazada cada vez máis amoreada nas aulas, para baixalos do autobús, ou para entretelos ata que sexan man de obra barata. Emporiso recortáronnos o soldo, incrementáronos a carga horaria e fixeron que desapareceran os tempos para compartir e departir con outros profesionais. Tamén se recortaron os investimentos en formación, para o que nos luce…, e se a algún de nós aínda nos quedaba tempo para querer ir á universidade para mellorar que o pague do seu peto.
Como somos uns coitados e por riba temos síndrome de vítima de maltrato, malia que a sociedade non nos respaldou, seguimos facendo o de sempre, considerando que as criaturas non tiñan a culpa do que nos estaba a acontecer. Algúns, como acto de rebeldía dixeron que só farían o que era de obrigado cumprimento, polo tanto, excluirían todo aquilo que supuxera traballar fóra do centro ou fóra do horario escolar nas actividades extraescolares ou como ben din nalgúns sitios, extracurriculares. A ninguén pareceu molestarlle moito. Aparentemente, só aparentemente. Agora xa se escoitan voces (hai moito “pegacarteis” pontificando), denunciando que os nenos están sen festivais, sen excursións, e que estas diversións/entretementos teñen que ser asumidos polas familias. Non tardaremos en ir os sábados a traballar e, coma na miña infancia, dedicarnos a preparar a “función escolar”, labores do fogar, e competicións deportivas. Circo para distraer a plebe. É para o que valemos…
Seguirannos dando, seguiremos levando e apandando, porque por riba, cremos que nolo merecemos. Faremos o que queiran e non nos preguntaremos de onde e por que nos caen estes paus no lombo. Poida que nalgunha ocasión nos preguntemos a onde nos van levar todas estas medidas, que van a supoñer na formación dos nenos e nenas e que cidadáns prepararemos para o futuro uns docentes transformados en coidadores, animadores e ; pero calaremos porque todos somos moi contestarios ata que nos tocan o horario, o soldo e a seguridade. Así que,mellor estar calados e facer o que nos mandan.
Ben, e ese algo o alguén como conseguira que a sociedade –que non é parva- consinta esta situación? Fácil: manipulando a opinión a través de:
1º A estratexia da distracción.
2º Crear problemas e logo ofrecer solucións.
3º A estratexia da gradualidade.
4º A estratexia de diferir.
5º Dirixíndose ao publico como a criaturas de curta idade.
6º Utilizando o aspecto emocional moito máis que a reflexión.
7º Mantendo ao público na ignorancia e na mediocridade.
8º Estimulando ao público a ser complacente coa mediocridade.
9º Reforzando a autoculpabilidade.
10º Coñecendo aos individuos mellor do que eles mesmos se coñecen.
A escola pública e os docentes estamos vendidos. Quen gañará nesta operación? Polo de agora é unha incógnita, pero cando o saibamos, recordaremos todos os sinais que se nos manifestaron (ver a teoría dos cisnes negros). Quen perderá nesta operación? De seguir nesta liña, os “perdedores” estarán tan manipulados que nin se decatarán ata que sexa demasiado tarde.
Parece un conto de medo. Nunca pensei crer nestas cousas, pero é o que hai. Para (non) esquecerse disto, farei unha recomendación literaria nesta liña temática: “Génesis” de Bernard Beckett.

Go home!

En RebelArte o 16/12/2011 ás 09:07

Na porta dos colexios a máis dun cartel onde di “Espazo libre de fume”, debería haber outro que dixera “Espazo libre de consumo” , porque non temos a seguridade de que a incitación ao consumo non sexa un deses elementos que forman parte do currículo oculto dos centros educativos.

Para nós o exemplo máis palpable dáse nestas datas. Dun tempo a esta parte cremos que, debido a varios motivos, o Nadal máis ca ser un momento no que se salientan os valores tradicionais como o encontro, o reencontro ou o compartir cos máis achegados converteuse nunha invitación ao consumo máximo.

Non vamos a falar nesta ocasión dos adobíos e fastos dos centros que van desde a estética máis kitsch ou arrepiante pasando polo charramangueiro sen máis. Tampouco falaremos das “manualidades” que se fan coas criaturas para as que se empregan materiais suntuosos e caros.

Non, nesta ocasión falaremos da troupe que entra nos centros. Por isto de que todo o mundo quere colaborar (ANPAs, concellos, servizos de dinamización lingüística, equipos de actividades complementarias…), por isto de que ninguén quere repetir o que fan os outros (a máxima de ser orixinal ata morrer), por isto de que os disfraces se abarataron moito, os centros enchéronse de Papá Noeles, de duendes, de San Nicolases, de axudantes de Santa, de renos tiradores de trineos, de paxes reais, de Reis, de Apalpadores, de Espíritus do Nadal e doutros moitos.

Caracterizarse é relativamente doado, o problema é meterse no papel, entón, non sabendo que dicir usan a frase máis recorrente: “Escribíchesme a carta? Que me pides? E aquí vén o paradoxal; se ben se lles di a dos rapaces que tal e como está o panorama só poden pedir unha cousa, por outra banda, xa non se sabe cantas epístolas escriben para non desgustar a estes señores que se toman o esforzo de vir a velos. E veña a escribir, e veña a pedir; pero non importa, dos catálogos de xoguetes pódense sacar ideas para pedirlle a todos eles…

Porén, en aras dunha coherencia entre os discursos pedagóxicos e a práctica, pedimos que se lle vete a entrada no centro a toda esta fauna navideña.

Deseguido trataremos de convencer ata aos máis reticentes:

1º A aqueles que din que lles fai taaaanta ilusión aos nenos/as. A día de hoxe non nos atreveriamos a aseguralo, xa que teñen a esas figuras tan entrañables ata na sopa; na rúa, nos centros comerciais, nos polideportivos, nas bibliotecas, nas actividades extraescolares, nos obradoiros, en predeporte, etc, etc, de tal xeito que ata lles provoca confusión; como é posible que estas persoas tan atarefadas con datas fixas de actuación no calendario poidan andar langraneando por aí a deshora e destempo vendendo móbiles, viaxes exóticas ou xamóns de pata negra? Non é doado explicárllelo, porque decatarse, decátanse.

2º Aos crentes relixiosos. Coincidirán connosco en que este mercantilismo non favorece nada as crenzas relixiosas e as tradicións do Nadal.

3º Aos non crentes. Que estarán fartos de que bombardeen aos seus fillos/as con elementos de carácter relixioso, ideolóxico ou mesmo trocados pola publicidade (Papá Noel e Cocacola).

4º Aos tradicionalistas. Porque os que gustan da tradición (da que sexa) saben que estes personaxes se rodean do misterio que engaiola a inxenuidade infantil; son lendas e coinciden todas elas en que nunca precisaron ir ás escolas a buscar as cartas peticionarias dos nenos xa que lles len o pensamento, e en que  entran ás agochadas nas casas amparados pola nocturnidade, por iso ninguén os pode ver. Emporiso, que anden por aí con luz solar, en establecementos e en actitudes  non acordes co papel que representan, pouco ou nada favorece a tradición.

Porén, non nos queda outra que dicirlles a todos estes aficionados: Go home! Váianse para a súa casa! Se son vostedes os verdadeiros, esperen a que lle chegue o seu día, e se son uns espontáneos, colguen o disfrace e esperen ata o Entroido, que ás criaturas non se lles engana tan vilmente nin se lles merca cunhas bagatelas.

Se concordades con estes argumentos, poñede na porta do centro “Espazo libre de fauna navideña”. E recordádelle aos Consellos Escolares que tomen cartas no asunto, porque para iso están, para velar pola educación dos fillos/as, alumnos/as, cidadáns, veciños, etc., que representen o papel que se espera deles, que non se conformen con ser titiriteiros navideños de pouca monta.

Nota: Ben sabemos que hai quen pensa que queremos acabar con todo o “bonito e divertido” da escola infantil. É certo, queremos acabar coas comparsas escolares de Entroido, coas tenras pombiñas da paz, coas áridas Letras Galegas, e agora coa fauna navideña. Queremos acabar con todo aquilo que converte a escola noutra cousa, queremos acabar con aquilo que nin sequera é educativo, e queremos acabar con tradicións escolares sen bases pedagóxicas que as sustenten.

O libro máis lido no 2011

En RebelArte o 22/11/2011 ás 07:57

kidder-bestseller

Aínda non me recuperei do brutal impacto que recibín días atrás. Andaba buscando un vídeo para amosarlle ao meu alumnado o proceso de elaboración dun monicreque, e grazas a unha desas novas e hábiles estratexias de publicidade, tiven que aturar un spot publicitario, xa que non había maneira de eludilo. Como por riba o proceso requiría dunha observación polo miúdo, cada vez que quería repetir o visionado do vídeo, tiña que tragar o anuncio.
Enganchoume desde o primeiro momento, no que aparecía un texto sobre fondo negro no que dicía “El libro más leído por padres e hijos en España no es un cuento”; a min xa me botaran o anzol. Deseguido aparecían uns nenos (alternando con absoluta corrección, nenos e nenas, uns de cor, uns deportistas, outros almorzando saudablemente…) que ían dicindo “Es como un cuento pero no es del cole.” (prometedor); “Es gordo, gordo; así…”; “Sirve para pedir cosas.” (máis prometedor aínda); “Yo tengo dos pero uno lo guarda mamá” (o pracer do prohibido); “Los reyes lo leen también.”, “Yo no puedo vivir sin él.”; “¡Ni yo!” (un papá con cara de bo rollo); “Juégalo, cuanto más, mejor.”; “Mi más mejor amigo también lo tiene y jugamos a elegir.” (ben medido, o típico erro infantil que lle fai sorrir a todo o mundo).
Cara a metade do anuncio desveláronse as miñas dúbidas: era o catálogo de xoguetes dunha cadea de centros comerciais.
Como o tiven que ver varias veces o meu enfado ía a máis. O primeiro que pensei é en como o Gremio de Libreiros non presentaba unha protesta por inducir a erro ou por menoscabar o que é un libro; desde o meu descoñecemento respondinme a min mesma que igual tiñan que calar porque este centro comercial é un dos maiores puntos de venda de libros. Logo pregunteime por que as asociacións de consumidores e organismos de consumo non din nada; ao mellor non lle ven a gravidade que eu lle detecto; ás veces pásome de esaxerada. Aqueles nenos víanse felices, sans, guapos, divertidos, glamurosos, á moda, pasábano ben; para corroboralo non hai máis que mirar o making of do spot: pasárono de medo, publicistas e nenos. Aquí non hai nin un chisco de vulneración dos dereitos dos nenos.
Tratei de ironizar, se ese é o libro máis lido así nos vai: arruinados, hipotecados, e empobrecidos tanto económica coma culturalmente. Con esas lecturas, que se pode esperar? Souben que xa van pola segunda edición en menos de dúas semanas; se a esa tiraxe lle sumamos as das outras grandes áreas comerciais, é un éxito sen precedentes; nin “Harry Potter”.
Como son unha optimista vin dúas cousas positivas:
1ª: Como eles mesmos din, é un libro que non é do cole, o que me reafirma na miña idea de vetarlle a entrada na aula.
2ª Confío en que as nais e as fillas, que son maioría, e ás que non menciona, lean algo máis literario.

Cal é a función da escola infantil hoxe?

En RebelArte o 10/10/2011 ás 06:51

Charlas mantidas con compañeiras que neste momento atenden grupos de 3 anos, fannos extraer uns aspectos comúns na situación que están detectando e que apuntamos deseguido:

  • Cada vez os nenos/as que se incorporan a 3-6 son menos autónomos, malia que case todos estiveron escolarizados en 0-3.
  • As esixencias/expectativas das familias sobre cuestións que ata o de agora considerábamos da súa incumbencia, son cada vez maiores.
  • O período de adaptación é cada vez máis caótico, a pesares de toda a información que se lles facilita ás familias nas reunións no momento de solicitude, de matriculación, nas xornadas de portas abertas, folletos ou normas, etc. sobre aspectos a ter en conta coas criaturas tales como control de esfínteres, comidas sólidas, autonomía na hixiene e aseo persoal, etc.
  • A valoración que teñen algunhas familias sobre as docentes é similar á que poderían ter dunha empregada ao seu servizo, que se ten que adaptar ao gusto de cada un dos usuarios. E no caso de non conformidade de inmediato protestan perante a dirección do centro (si o neno chora, si se fai pis encima…), facendo valer os seus “dereitos”. A actual coxuntura tampouco favorece a valoración do traballo dos ensinantes.

Esta entrada podería parecer a eterna tirapuxa familia-escola tratando de “dirimir” quen é o culpable. Non é o caso. Tan só estamos analizando que é o que está sucedendo para que o momento de incorporación á escola sexa un momento ingrato e/ou doloroso para os máis cativos.

Á sensación de frustración que se ten, súmase a incertidume de cal é a función da escola infantil.

Engádense ás dúbidas profesionais outras cuestións, non tanxenciais como:

-Os nenos/as que polas tardes poden gozar na compaña de membros da súa familia, malia que non asisten a ningunha das actividades extraescolares da ampla oferta existente, non amosan ningunha diferenza significativa canto a aprendizaxes, coñecementos, habilidades ou actitudes.

-Os nenos/as que as súas familias tomaron a decisión (dende a responsabilidade e do compromiso) de non escolarizalos ata os 5 anos, unha vez se incorporan ao centro, nunha semana salvan as diferenzas que poderían manter cos compañeiros/as que xa levan varios anos asistindo á escola.

Entre liñas pódense entresacar moitas conclusións que non nos atrevemos a escribir, por resistirnos a crer que sexan certas. Tan só apuntamos unhas preguntas que moitos/as nos facemos neste momento: que se espera de nós, que sexamos asistentes persoais/sociais ou docentes?;  que debe primar?; nestas idades prima o asistencial ou o educativo? (deixemos de lado os discursos dos “expertos”, falemos desde a realidade do día a día); cales son as vantaxes para os nenos/as de escolarizalos tan pronto?; tan só serve para paliar as desvantaxes de contextos socioeconómicos familiares pouco favorecidos?

Podemos dar respostas desde aquilo que aprendemos, lemos e cremos, pero non o afirmaríamos un día calquera á saída dunha escola masificada, tras permanecer cinco horas con vinte e cinco nenos e nenas de tres anos, todos eles diferentes, todos eles con distintas necesidades, todos eles con distintas historias, case todos eles con horarios que nin os adultos aturarían.

Nótese que no título puxemos cal é a función da escola infantil hoxe; intencionadamente non puxemos cal é a función da educación infantil hoxe, para non asimilar escola a educación.

Arquitectura e educación

En RebelArte o 03/10/2011 ás 16:59

Segundo lemos nos medios, hoxe é o Día mundial da Arquitectura. Entre outras moitas declaracións institucionais reclaman a incorporación da disciplina ás ensinanzas escolares. Pedir a inclusión de temas/disciplinas/asignaturas no currículo educativo é unha constante nas reivindicacións dos máis variopintos colectivos profesionais e asociacións. O alumnado é un publico cativo cara o que pode encherse de todo tipo de coñecementos e deste xeito crer que se melloran as problemáticas sociais.

Coincidindo en que non hai case nada que non poida ser tratado na educación, tamén insistimos no erradas de moitas desas accións e/ou programas/campañas cos que se acompañan.

Tras esta lectura cheguei ao meu centro de moderno deseño, na vangarda da arquitectura escolar. Ás 9:00 a temperatura da aula era de 26º, chegando a acadar os 29º ás 13:00, debido a unha cristaleira frontal que absorbe toda a luz do día (algo que se agradece no inverno), pero que deixa esgotadas a 25 criaturas tras cinco horas encerrados en 50 metros cadrados con escasa ventilación. Non se contemplou a posibilidade de airear ou facer sombra na aula.Cando chegan apenas teñen espazo para colgar as chaquetas e as mochilas nos modernos colgadores de deseño (non hai posibilidade de colocar outras polas limitacións impostas polo arquitecto). No patio, se chove a auga invádeo todo. Non se contemplou o clima de Galicia. O espazo é totalmente reducido para 325 nenos/as, mesmo parece un criadeiro de polos (moita luz e pouco movemento). E créanme, teño visto moitas escolas e non me queixo, isto é un luxo nas construcións escolares.

Matinei sobre as palabras do presidente do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, quen anima a “divulgar o entendemento da arquitectura como unha disciplina socialmente útil e non como un exercicio de exhibicionismos diversos ao servizo de fundamentalismos económicos tamén diversos, prisioneiros dun mercantilismo suicida”. Fermosa declaración. Aplicable, neste caso tamén, á arquitectura escolar.

Señores arquitectos, diríxome a vostedes con toda a humildade, pois descoñezo o seu oficio e como a min non me gusta que se inmiscía na miña profesión quen non ten coñecemento da educación, fago o mesmo coa dos demais. Tan só me gustaría apuntar que a mellor maneira de dar a coñecer a súa relevante función social é exercéndoa con racionalidade e rigorosidade profesional. Non precisan vostedes deseñar programas educativos para dar a coñecer a arquitectura; fagan o que saben facer e para o que foron preparados: deseñen con sentido. Fágannos escolas pensadas para os nenos/as de hoxe –non para liliputienses-, decátense do número de horas que permanecen as criaturas nos establecementos escolares, artillen espazos funcionais concibidos para mellorar o benestar de quen os habita. Será a mellor campaña que poden facer do seu traballo.

Efectivamente están no certo: teñen que dirixir as súas miradas cara a escola, pero non con estratexias de márketing nin con programas, senón cos seus mellores proxectos. Esquézanse da introdución de disciplinas, poñan o seu coñecemento, creatividade e arte ao servizo da educación, da escola e do alumnado. Iso garantiralles que os cidadáns do futuro valoren o seu traballo. Todo o demais, saben tan ben coma min o que é.

No Día Mundial da Arquitectura 2011 o lema é “Arquitectura e Dereitos Humanos”. “Con frecuencia olvidamos que el medio físico construido constituye el marco y el hábitat, el biotopo, donde se desarrolla la práctica totalidad de la vida cotidiana de las personas y del amplio espectro de conjuntos, grupos y clases sociales que constituyen las extremadamente diversas sociedades contemporáneas. El medio físico construido (es decir, la arquitectura, el paisaje) envuelve nuestra existencia, la protege (o no), introduce peculiaridades únicas y condiciona nuestra sensibilidad. Marca el devenir de nuestras vidas y también de nuestras relaciones. Entrelazado por conexiones profundas, el medio físico construido (la arquitectura) es también memoria histórica y expresión de singularidades que a menudo hunden sus raíces en lejanos tiempos pasados. A esa arquitectura, que afianza los derechos humanos, tenemos todos derecho.” (seguir lendo a declaración)

Todos grises?: debate sobre o uniforme escolar

En RebelArte o 29/09/2011 ás 14:32

Durante bastantes días resistinme a escribir sobre este tema, pero a campaña a favor que se está facendo nos medios de comunicación -públicos e privados- levoume a manifestar a miña opinión. Ben sei que, coa que está a caer neste momento, é un debate de índole menor –aparentemente, só aparentemente-; mesmo podería considerarse unha cortina de fume ou xogos de distracción da opinión pública. Malia todo, non é un tema baladí.
Nas reportaxes que emiten nas canles televisivas, acoden á opinión “especializada” de expertos en psicoloxía ou pedagoxía –que ninguén coñece-, ao tempo que entrevistan a nais –sempre son mulleres- que glosan as virtudes e vantaxes do uniforme nas portas de colexios nos que se adoptou esta media. Ás veces tamén contan co parecer de presidentes –case todos homes- de federacións/asociacións de ANPAS; sempre teño a curiosidade de se estas persoas dan a súa opinión persoal e particular –ao modo de líderes ideolóxicos- ou son voceiros do parecer das familias ás que din representar. Todos eles coinciden nas bondades do uniforme. Non sei se é que non entrevistan aos que discrepan, pero concordan no mesmo: o uniforme é a solución aos problemas educativos (ollo, non só aos escolares).

O argumento máis manido é o de que evita as desigualdades evidentes na indumentaria do estudantado. Respáldase este co económico; como todos visten “igual” desaparecen por arte de maxia o marquismo e os desvelos matutinos das nais, que xa non teñen por que desmiolarse pensando na roupa que lle poñen aos seus fillos ou fillas. Unha preocupación menos, ou dúas; agora o seu fillo/a non ten por que sentirse inferior levando unha camiseta de marca branca fronte ao seu compañeiro que leva a da insignia do xogador de polo. Van a ser todos iguais e ademais, prometen que será barato.
Por estrañas asociacións mentais, sempre que vexo estas reportaxes lémbrome do conto de David McKee, “Negros e brancos”. Para quen non o coñeza é unha fábula na que se nos narra a historia dun grupo de elefantes que vivían no bosque; habíaos brancos e negros. Un día empezaron a mirarse mal uns aos outros por esta diferenza, ata que se mataron entre eles, agás uns poucos que fuxiron ao máis profundo do arboredo. Tras moitos anos sen elefantes, un día reapareceron os seus tataranetos, agora todos grises. Viviron felices e sen conflitos por un tempo, ata que se decataron de que uns tiñan as orellas máis grandes cos outros. Para quen quere, sempre haberá unha diferenza que pode ser motivo de exclusión. Se non é a roupa, serán os peiteados, ou os reloxos, ou os móbiles, ou a roupa interior ou a pel.
No centro no que traballo todos os nenos/as levan mandilón (é unha necesidade nestas idades, atendendo aos materiais cos que traballamos e a que non podemos estar pendentes de si se ensucian ou). Ben, pois unha persoa minimamente observadora, pode sentarse no patio, mirar os 325 nenos/as co mandilón de raias da mesma cor, e facer un estudio da familia e da atención ou consideración que lle teñen ao cativo/a: mandilóns co nome primorosamente bordado e case amidonado, mandilóns aos que lle faltan todos os botóns ou cada un deles é de distinta factura, mandilóns que parece que pasaron toda a fin de semana envurullados na mochila e que volven o luns máis engurrados que do que se foron o venres, mandilóns con velcro e puños elásticos, mandilóns de modisto ou mandilóns de mercadillo…, e así toda unha variada tipoloxía de mandilóns, de nenos/as e de familias. E todos son mandilóns da mesma cor e co mesmo motivo. Aparentemente todos iguais.
Coa diferenza de que o mandilón, ao tocar o timbre de saída, queda pendurado no colgador. O uniforme non; vai con eles a todas partes. E quero pensar que atendendo ao espello no que se miran os partidarios desta medida, gustarán de que o uniforme sexa a marca de identidade do centro. Daquela todos iguais no centro e todos clasificados pola rúa. Un neno, ata o de agora anónimo, cando saia ao exterior do recinto, xa poderá ser catalogado de inmediato como estudante dun centro de elite, de primeira, de segunda ou de terceira rexional. Todos iguais na escola e todos etiquetados na rúa.

Outro argumento que esgrimen os partidarios do uniforme é que acabará con moitos dos conflitos hoxe existentes, polo tanto mellorará a convivencia. Teño lido algo sobre a violencia escolar, e ata o de agora non escoitara tal cousa. A conflitividade escolar, desafortunadamente ten outras orixes, hai outras circunstancias que a favorecen e dáse cando fallan certas condicións nos centros educativos –ratios elevadas, centros masificados, condición socioeconómica familiar, etc-. Se me garantiran que se atallaba co uniforme, agora mesmo rectificaría a miña postura. Pero exemplos como Reino Unido co alumnado case todo uniformado e con elevadas taxas de violencia escolar non parece confirmar esta teoría.
Falan tamén de que acabará cos problemas derivados de que o alumnado asista aos centros con indumentarias ou elementos da vestimenta con connotacións relixiosas, étnicas e culturais. Malia que isto se presenta nun plano secundario, creo que é clave na decisión dalgunhas autoridades educativas a favor do uniforme.
Dise que evitará distraccións entre os dous sexos e que así as preadolescentes/adolescentes non irán ao centro provocando coma quen vai á discoteca. Non creo que o uniforme oculte actitudes; pola contra, a estética de british college é un clásico no mercado da pornografía e do erotismo. Poida que cómpra un paso máis “avanzado e innovador”: segregar por sexos. Tamén hai estudos -de universidades das que nunca escoitamos falar- que avalan as vantaxes deste tipo de medidas.
Está por resolver o asunto de si se fomentarán estereotipos femininos e masculinos a través da vestimenta, pero pódese aventurar, a tenor desta tendencia revival, que as mozas irán estilo “Patito Feo” e eles coma “old Etonians”. A puntilla idiosincrásica estará na insignia do centro, os comprometidos elixirán un trisquel e os outros motivos máis clásicos, formais e universais. Unha porta aberta á creatividade.
Descoñezo se o uniforme será economicamente rendible para as familias–para os empresarios da rama do textil seguro-, pero o que sei con certeza é que as diferenzas non se resolven cunha maquillaxe superficial;  que a violencia non se atalla con disfraces;  que o respecto aos outros non se impregna na pel a través das roupaxes;  que se estamos formando a cidadáns para vivir en sociedade a escola non pode ser un ghetto no que rexen códigos distintos da realidade na que viven; e tamén sei que, malia o que pensen os nostálxicos, ningún tempo pasado foi mellor.

Infancia a proba de manchas

En RebelArte o 21/09/2011 ás 17:05

Onte, como despedida do verán, nun día preoutonal fixemos unha saída co alumnado a un pequeno bosque próximo ao noso centro. O a ocasión era única, xa adiáramos a visita en varias ocasións polos cambios meteorolóxicos. Parece imposible, pero a menos de douscentos metros da escola hai un recuncho verde con pinos, carballos e vizosa herba, agora cuberta de faíscas. Limpa, libre de lixo e de perigos potenciais para os cativos –mérito dun operario do concello que a mantén coma se do seu xardín se tratase-. A cousa non podía pintar mellor: as raiolas do sol filtrándose entre as árbores, os esquíos ao seu, a zona de campo cuberta de flores de dente de león, un recendo doce das uvas maduras penduradas do valado que separa a finca medianeira, unha plantación de kiwis á vista, algunhas moras aínda nas silveiras, unha morea de landras e piñas para recoller, e algunhas árbores moi inclinadas que permiten gabear por elas… Aínda podería seguir un bo anaco describindo a fermosura do día e do momento. Chegada, total liberdade de movementos, ata o aviso de que era a hora do petisco de media mañá. Recomendamos que se senten no chan para comer. Varios nenos e nenas néganse a facelo. O motivo: “porque me ensucio!”. Parécenos inaudito. Non é posible. Cando lles preocupou aos nenos e nenas de 5 anos sentarse no chan? Desde cando teñen esas paranoias adultas con luxarse as mans ou a roupa? Quen é o que de neno/a non volveu á casa suando, coa roupa de pena e malia todo cun sorriso de orella a orella.? Foi unha mala experiencia? Creemos que debemos privar aos pequenos desas ocasións? En que convertemos a infancia?

Froito da educación! Non cabe outra explicación. Na casa e na escola.

Temos visto todo tipo de estratexias para evitar que os que os nenos/as se manchen na escola, mesmo se descartan algunhas actividades e espazos para conseguir que non manchen e que non se manchen, cada vez temos a sucidade máis á raia. Vaia logro! Non areeiros, non terra, non grava, non árbores caducas, non pintura, non chocolate, non plastilina, non encerados, non pozas, non pingueiras, non… Pois non sabemos onde está a graza de ser cativos! A xeración dos parques infantís seguros, dos espazos temáticos e da natureza domesticada.

Cando visitamos as escolas de Reggio Emilia, do que máis nos sorprendeu, foron os patios, case parcelas de terreo, non excesivamente coidado, pero cheas de recunchos segredos, ás que os nenos/as saían, independentemente de se facía bo ou mal tempo (para iso tiñan chuvasqueiros e botas). Quedabamos abraiadas coas posibilidades de aprendizaxe que brindaba unha poza chea de lama ou unha póla seca dunha árbore.

Agora que tanto miramos cara Finlandia, os nenos e nenas fineses saen todos os días ao exterior malia á adversidade climatolóxica, considérano educativo amén de necesario para o benestar físico e mental. Aconsellamos o visionado deste vídeo onde se ve como son os recreos nas escolas nórdicas (parte I, desde o minuto 2,50).

O que estamos a dicir non ten nada que ver coa hixiene e aseo persoal ou coa falta deste; falamos das preocupacións na infancia. A de ensuciarse, ata o de agora, non entraba no espectro dos desvelos dos nenos e nenas de infantil. Cando se produciu este cambio? Tivo que ser agora, xusto cando ata os deterxentes son “intelixentes” e distinguen as manchas e a maneira de tratalas –con suavidade, con mimo, con enerxía directas ao cerne da mancha … Será que se inviste máis en I+D nos deterxentes ca en entender e facer feliz á infancia?

Profesionais da educación non nannies

En RebelArte o 12/09/2011 ás 07:06

Escoito unha cuña publicitaria dunha recoñecida corporación de formación a distancia. Unha voz dunha entusiasta moza di “Trabajo en una escuela infantil. Tengo en clase 20 niños y los siento como míos.” De inmediato música de fondo e pasan á promoción dun ciclo superior de Técnico en educación infantil. Rematan dicindo “¡Tu también puedes ser como María!”

Non son unha obsesiva, pero cando escoito novas relacionadas coa educación préstolle máis atención –especialmente cando creo que reflicten a visión que a sociedade ten do noso traballo e logo, como é lóxico, tiro as miñas conclusións.Partindo da premisa de que os publicistas non son parvos –e menos os que traballan para estas grandes empresas-, e de que falan dun “emprego con futuro”, reflexiono mentres conduzo:

1º A quen se están dirixindo?: a mozas –non se lles escapa a feminización desta profesión- ás que lles “gustan os nenos” e sentilos coma seus.

2º Que lle gusta escoitar ao público?: que as educadoras senten os nenos coma seus, que son case que  mamás.

A seguridade de María faime dubidar. Levo nesta profesión moitos anos e polo de agora nunca sentín os nenos coma meus, o que me leva a pensar se me equivoquei nas miñas eleccións.

Ou non!

Se me permites que che dea un consello querida María, estimados publicistas e sociedade en xeral, ese anuncio é unha banalización da nosa labor social.

Sen dúbida aos que nos dedicamos ao ensino téñennos que gustar os nenos -e as nenas-, pero, e sobre todo, tennos que gustar a labor educativa. Porque só gustándonos e sentíndoos como nosos podemos facer moitas cousas que nada teñen que ver coa educación formal.

As mestras e as educadoras non somos nannies, nin mamás de reposto, somos profesionais da educación, acompañamos e guiamos ás criaturas no seu proceso de medra, na súa formación integral como individuos, como persoas e como cidadáns. Sabemos da importancia do establecemento dun apego seguro na escola, dos afectos e das emocións nos cativos, pero tamén sabemos que si se manteñen relacións maternofiliais entre a mestra e os alumnos, algo vai mal, por un lado ou polo outro. As nais teñen que facer de nais e as mestras de mestras; aquí non vale o de tanto monta, monta tanto.

Queridas Marías, a educación como profesión de futuro non é xogar ás casiñas. Polo tanto cando vos pregunten por que queredes ser mestras/educadoras non digades tenramente que para “sentir los niños como míos”; a min faríame sospeitar.

Logo pasa o que pasa…

Comezo de curso III: o prestixio da función docente

En RebelArte o 03/09/2011 ás 09:02

A modo de conclusión reflexionamos sobre quen poder ter interese por descalificar o traballo dos docentes. Ou é que que realmente somos uns preguiceiros e uns langráns?

O que veño de contar non é nada excepcional; acontece en dous macrocentros de infantil supermasificados sitos nun dos concellos con maior taxa de natalidade nos últimos anos, cunha poboación flotante que implica ao menos dous ou tres cambios de matrícula por unidade cada ano. Haberá quen apunte que existen moitas aulas no rural con escasa ratio carentes de moitas das problemáticas expostas; certo, como tamén o é que, pola contra, o profesorado desas unitarias desempeña todas esas tarefas en soidade. Traballar en educación infantil é moito máis ca “cantar unhas cancionciñas e contar un conto”, como pensan moitas persoas.

De seguro que hai traballos moito máis duros –e máis doados tamén-, hai quen traballa á intemperie mentres nós traballamos a cuberto e con calefacción –e outros en mulidos sofás-, pero non entendo o motivo desa comparación continua cos docentes en non cos meteorólogos, con locutores, con pilotos de carreiras ou cos políticos. Todas as profesións teñen as súas vantaxes e os seus inconvenientes; algunhas persoas teñen a fortuna de traballar no que lles gusta e outras no que poden, pero iso non é culpa dos docentes, non? O noso traballo non o herdamos nin nos agasallaron con el, senón que é froito dunha aposta persoal que implicou desvelos e privacións, así como a certeza de que teríamos un soldo para a vida pero que non nos permitiría investir na Bolsa.

Tampouco nos enganemos, sabemos que hai centros nos que o profesorado non asiste con regularidade desde o día 1; certo é que tamén hai docentes que tan só imparten a súa materia e o resto “esváralle”; certo é que hai quen non ten en consideración as familias, fixándolle horarios imposibles para atendelos; certo é que somos un colectivo de máis de 30.000 profesionais no que –coma en todas partes- hai de todo; nós mesmos desprezamos a aqueles que tan só están a cobrar o xornal. Isto mesmo sucede na sanidade, na xustiza, na administración…, pero non nos xulguen a todos pola actuación duns neglixentes.

Quen está detrás das críticas coas que nos lapidan? Serán persoas resentidas contra a educación? Alguén cunha mala experiencia escolar na súa infancia? Alguén que aspiraba a gozar das “prebendas” dos docentes e non logrou superar o proceso selectivo? Algún compañeiro docente que conseguiu escalar postos na administración educativa e agora renega dos seus? Será unha nai anoxada porque a “abandonada” da mestra deixa que a súa nena extravíe todos os días a historiada lazada coa que a adobía? Alguén que quere favorecer ás empresas de transportes?

Quen é ou quen son os que queren descalificarnos? Que se oculta baixo toda esa campaña de desprestixio? Que intereses perversos esconde esa crítica desaforada?

Non escribo isto nin desde o vitimismo nin con ánimo panfletario, pero quero deixar claro que os mestres non somos unha banda de vagos nin maleantes. É máis non creo que a sociedade en xeral nos vexa tal e como nos están retratando os medios de comunicación e uns cuantos opinadores gratuítos. Se así fora, vaia irresponsabilidade dos pais depositando aos seus retoños nas nosas mans!

Pero se consideran que o noso traballo é válido para a sociedade respéctennos, porque créanme, non imos mellorar nada a calidade da educación desprestixiando ao profesorado. Ata os atinados, oportunos e brillantes programas da administración non serían o que son sen a participación destes “vagos”.

Unha sociedade que non valora aos seus mestres non pode avanzar moito. Sempre será un sistema coxo.

Comezo de curso II: o traballo dos docentes

En RebelArte o 03/09/2011 ás 09:01

Ao longo de todos estes días que faltan ata que cheguen as criaturas sucederanse as reunións de nivel, de ciclo, de equipos de biblioteca, de convivencia, de dinamización lingüística, de actividades complementarias…, coa fin de que quede perfilado e programado todo o que se vai facer ata o 30 de xuño de 2012 e así favorecer a práctica dos valores cívicos, a lingua galega, o amor pola lectura, a boa relación coas familias, o achegamento á cultura, a compensación de desigualdades derivadas das situacións socioeconómicas das familias. Trataremos de que sexan cidadáns con conciencia medioambiental, consumidores responsables, respectuosos coas diferenzas de xénero, de raza ou de cultura, que separen o refugallo, que non desperdicien a auga, que non tiren pilas ao lixo, que coman froita e peixe, que laven as mans, que coiden os dentes, que non vexan demasiado a televisión, que non empreguen xogos violentos, que recuperen espazos naturais da contorna, etc, etc, etc…, poñendo en funcionamento todos os programas que vomitan sobre a escola desde distintos organismos.

Pensaremos tamén nos nenos/as con intolerancias alimentarias, nos que teñen algunha discapacidade física ou psíquica. Repasaremos o que facer no caso de xurdir unha emerxencia cos cativos que están acollidos ao programa de “Alerta escolar”, para o que recibimos instrucións para poñerlles a inxección antes de que chegue o 061. Repasaremos o plan de evacuación do centro. Trataremos tamén a maneira de convencer ás familias procedentes do estranxeiro, atendendo ás súas reticencias a falar no contexto familiar as linguas oficiais da comunidade facéndolles ver o pouco que iso favorece a súa adquisición por parte dos nenos e nenas.

Revisaremos todas aquelas situacións “delicadas” de certas unidades familiares, casos de separación, diferentes persoas que teñen autorización para recoller ás criaturas, casos de maltrato, ordes de alexamento, casos de prestación de asistencia social…, coordinaremos as nosas actuacións con servizos sociais e educadores familiares. Dado o complexo do panorama actual, hai quen apunta a necesidade de requirir asesoramento a unha persoa experta que nos aclare as responsabilidades e dereitos en cada caso, para así evitar cometer erros graves na relación cos proxenitores.

Nun exercizo digno dunha parábola bíblica neotestamentaria, multiplicaremos a rala dotación de aula grazas a percorrer no noso tempo libre as tendas e bazares da bisbarra para conseguir a mellor oferta de folios, de pezas de madeira ou de bonecas para que os cativos poidan ter “de todo”.

Formarémonos sobre novas tecnoloxías para así poder gravar en vídeo e editar aqueles momentos escolares máis emotivos para os nenos e pais. Poñeremos ao día a web do centro para que as familias teñan toda a información que precisan. Todas nós abriremos os nosos blogs de aula para que deste xeito pais e nais vaian sabendo en que pasan o tempo os seus fillos que cando chegan á casa e lles preguntan o que fixeron sempre din que nada.

Como hai cambios de espazos no centro debido ás obras de ampliación para acollida de máis rapaces que nos que inicialmente pensou o concello, o arquitecto e o construtor, portearemos vultos dun lado para outro; dado o “baleiro de responsabilidade” existente parece que non queda outra que facelo nós. Limparemos os xoguetes e material cuberto de lixo, buscaremos a peza perdida de cada un dos crebacabezas, volveremos a recolocar as mesas por undécima vez para decidir como deixar máis espazo para a liberdade de movemento dos cativos, asunto de grande importancia nestas idades e algo no que ninguén parece pensar. Reconverteremos un trasteiro nun espazo para o traballo artístico. Mesmo supliremos ao conserxe nos días que anunciou a súa ausencia.

Mentres tanto, nas nosas casas iremos preparando carteis para indicar os distintos espazos da aula, faremos listaxes, tratemos as fotografías das criaturas para identificar os seus percheiros e pertenzas persoais. Iremos redactando toda a “ficción pedagóxica” que se nos require desde os distintos estamentos da administración educativa. Novelaremos ao gusto dos nosos supervisores o que pretendemos facer cada unha das horas dos días que restan ata o 30 de xuño. Non, non vale a dun ano para outro, xa que hai distintos gustos canto a iso, e dependendo de a quen llela tes que entregar, empregamos un xénero ou outro.

Haberá quen pense que se facemos todo iso de motu proprio, porque nos enfadamos tanto por ter que recoller aos rapaces na parada o autobús. Se mesmo limpamos, barremos, facemos de carpinteiros, pintores e decoradores, que máis nos dá? Si non é tanto tempo como din algúns, e contabilizarase dentro do noso horario laboral. Pois señores, para min é unha cuestión de respecto ao meu traballo. Son unha mestra con unha cualificación profesional alta froito dos meus estudios, da miña experiencia, lecturas e formación; nalgúns casos pagadas pola administración e noutras moitas saíu do meu peto, para así mellorar a miña práctica docente. Podo varrer, limpar, cambiar cueiros, recoller nenos no bús…, pero dáse o caso que non é o traballo ao que concursei e malia que me paguen eses traballos a prezo de docente non quero nin que a administración malgaste os cartos públicos nin que infravaloren a miña función no sistema educativo. É un desperdicio do “capital humano” como lle chaman agora os grandes gurús expertos en organizacións.

Comezo de curso I: balbordo de fondo

En RebelArte o 03/09/2011 ás 09:00

1 de setembro

8:30

Abro distintos xornais sobre os que fago lectura “escaneada”; detéñome nos titulares que fan referencia á educación. Atopo moitas noticias e artigos de opinión relacionados co inicio do curso académico, mesmo poderíamos clasificalos en dúas categorías: os referidos ao bo facer e certeira xestión da administración educativa, e os que implícita ou explicitamente critican ao profesorado polo desmedidas das súas reivindicacións canto á carga horaria e laboral.

9:00

Chegada ao centro, saúdos, reencontro coas compañeiras, posta ao día sobre o acontecido nas vacacións, benvida a cinco novas docentes que se incorporan e avance das ideas de cadaquén. Hai quen comenta que durante as vacacións veu materiais dos que sería interesante dispor, hai quen xa sabe como vai reestructurar a súa aula para que eses 50 metros cadrados se convertan en espazo dabondo para a aprendizaxe e xogo dos 25 nenos; hai quen asistiu a cursos de formación para coñecer novas posibilidades de traballo; hai quen puxo a membros da súa familia ou amizades a elaborar mobiliario low cost para o centro; hai quen trae libros e xoguetes que os seus fillos ou sobriños xa non empregan. Todas temos novas ideas e ilusións para o curso que empezamos.

Comezo da primeira reunión do curso. Nótase que o equipo directivo matinou moito –mesmo durante as vacacións- para presentar o día 1 unha proposta de organización de grupos, de horarios, de recursos, etc. Ao longo de case catro horas dedicámonos a planificar ata o detalle máis insignificante para o inicio, adiantándonos aos problemas, tendo en conta a acollida de 125 novos alumnos/as de 3 anos e a de 200 de 4 e 5.

14:15

Á saída do centro atopámonos con familias que veñen a recoller aos seus fillos/as do programa “Setembro lúdico” –a meirande parte deles permaneceron ininterrompidamente participando no “Ludiverán”. Os nenos/as, e nomeadamente os seus proxenitores maniféstannos o moito que nos botaron en falta, o “fartos que están de aturalos” dado o insoportables que se puxeron; todos recoñecen que non saben como podemos aguantar a 25 cativos cando eles cun só na casa están ao borde dunha crise de nervios.

Como se concilian estas dúas posturas? Cal é a opinión da sociedade sobre o traballo que desenvolvemos? Certamente pensan que somos unhas vagas? Por que nos pintan así nos medios de comunicación?

Picapedreiros, canteiros ou construtores de catedrais

En RebelArte o 20/06/2011 ás 23:45

Quedan pendentes para a volta de setembro os comentarios sobre as intervencións de Antoni Zabala, José Antonio Marina  e de Francesco Tonucci nos II Encontros Aprato.

A piques de darlle vacacións ao blog e en momento profesional convulso –na comunidade autónoma galega- con debates arredor de cal é a clave, ou o que nos falta para a mellora da calidade da educación infantil, recordamos unha historia contada por duplicado por J.A. Marina e por M.A. Santos Guerra nos devanditos encontros, sobre tres traballadores que estaban facendo unha tarefa similar, que requiría esforzo e tesón: picar pedra; pero a actitude coa que a realizaban era moi diferente: un maldicía o castigo, outro realizaba rutineiramente á espera do xornal, e o terceiro disfrutaba imprimíndolle ao seu traballo un sentido elevado e motivador.

Nós sempre nos consideramos construtoras de catedrais; temos a completa seguridade de que as familias do noso alumnado coinciden connosco nesta apreciación, e estamos convencidas de que non se lles pasaría pola cabeza poñernos a picar pedra por moita falla que lles fixese. Sabemos e saben que a nosa fin na vida dos seus fillos é moito máis elevada, polo cal sería malgastarnos pedíndonos que fixésemos o que calquera outro pode facer.

Igual estamos enganadas, igual temos unha visión equivocada da opinión dos outros sobre nós…, pero certamente, cremos que as familias e a sociedade teñen outras expectativas sobre o noso traballo.

É certo que hai picapedreiros, tamén que hai algúns canteiros, e moitos e moitas construtores de catedrais; sería unha mágoa que acabáramos facendo traballos nos que desaproveitáramos o noso potencial…, pero será o que queira a sociedade, depende do que precisen: pedra esnaquizada de calquera xeito, pedra labrada ou pedras angulares.

En verdade a nosa actitude é determinante da consideración que temos polos nosos traballos e da forma na que os realizamos; pero, asemade, son decisivas as expectativas e o respecto dos demais sobre a nosa tarefa.

A imposición de materiais e de formas de traballo

En RebelArte o 25/05/2011 ás 20:00

Dito todo o anterior, e entendendo o que di Beatriz Trueba canto á influenza dos paradigmas educativos na elección de materiais curriculares, hai veces que esta decisión non depende da/o docente que os vai empregar; hai centros nos que se impón o uso de material editorial, independentemente das concepcións educativas que se teñan. Hai quen aínda así bordea a situación e paralelamente realiza pequenos proxectos, pero é unha situación bipolar.

Sendo difícil de asumir ter que traballar con fichas cando se cre que pode facer doutro xeito máis significativo, igual de perigoso é impoñer o traballo sen ese apoio, especialmente cando non hai plantillas estables nos centros educativos ou cando hai persoas con dependencia do material estandarizado. Hai quen asume a decisión do centro, pero mete na aula “fichas de contrabando”; as fotocopiadoras están a fume de carozo, reproducindo fichas pirateadas dos exemplares de mostra que deixan as editoriais ou das que se descargan da rede. É tamén unha situación bipolar.

Traballar sen material editorial, ben realizando proxectos, secuencias didácticas, ou outras variables require de coñecemento e de coordinación de todo o equipo que intervén co alumnado, do contrario acaba sendo un remix de improvisacións sen coherencia interna. E entraña máis implicacións cas que ten o uso de fichas. Suxeriríamos que tan só se adoptasen esas decisións xerais cando todo o equipo estea na mesma órbita pedagóxica, cando se realicen proxectos de formación conxuntos e cando se teñan lugar reunións de debate e reflexión para consensuar o modelo de escola, de docente e educación que se pretende.

Cando un centro decide prescindir do homoxeneizador material editorial, debe ter en conta:

-Os diferentes paradigmas da totalidade das persoas integrantes do equipo; atendendo a que haberá persoas con moita experiencia nesta forma de traballo e outras sen ela. Se as experimentadas arrastran ás noveles, ten que ser con todas as consecuencias facendo case unha labor de acompañamento.

-Contemplar a posibilidade de que ao longo do curso pode haber persoas interinas e substitutas, que están por un período breve e descoñecen os modos de facer do centro.

-As especialistas ou profesorado de apoio que entra nunha aula na que se traballa dese xeito tamén deben ser partícipes da metodoloxía que se empregue.

-Que non é o mesmo traballar por proxectos nunha unitaria ca nun centro grande co “movemento” de profesorado que teñen a diario.

-Cómpre explicarlle ás familias –que sempre tenden a comparar o centro con outros que coñecen por referencias- as implicación destas decisións, como teñen que observar os avances dos seus fillos dicíndolles que non hai lote de fichas realizadas ao final de trimestre.

-Traballar atendendo aos intereses do grupo é moi gratificante, sempre toma derivas non planificadas, sendo así difícil unificar ítems de avaliación por nivel ou por ciclo; pode que non sexan os mesmos entre dúas clases do mesmo nivel ou que non teñan nada que ver cos do mesmo nivel no curso pasado.

Cando escoitamos a algunha compañeira que, nun arrebato de entusiasmo tras asistir a un curso de formación sobre traballo por proxectos, decide abandonar terreo coñecido e lanzarse á aventura, sempre lle aconsellamos prudencia, reflexión, lectura e, sobre todo que trate de verse/imaxinarse nesa nova situación (que fará, como, cando…). Coma todo é un proceso evolutivo lento, un/unha non se transforma da noite para a mañá.

A liberdade de non estar supeditados a material estandarizado é unha sensación de medra profesional extraordinaria para quen a sente por decisión propia, agora ben, xera auténtica ansiedade e ataques de pánico naquelas persoas a quen lles é imposta.

Os libros de fichas en infantil non teñen ningún sentido, pero liberarse deles no es unha fin en si mesma.

Tal e como adiantamos en “Clases take away”, aínda lle dedicaremos algunha entrada máis aos materiais curriculares en infantil, polo de agora tan só esperamos soubéramos expoñer a nosa opinión –sen fundamentalismos-  sobre as vantaxes e inconvenientes de traballar con ou sen material editorial.

Análise de materiais curriculares en infantil

En RebelArte,Uncategorized o 25/05/2011 ás 16:00

As persoas que habitualmente seguen este blog, xa poderían aventurar que non entra dentro das nosas futuras intencións introducir material editorial nas nosas aulas. Como dicíamos na entrada anterior, empregámolo nos nosos inicios profesionais, logo fomos ganando seguridade, e experiencia froito da formación, das lecturas e do intercambio con outros profesionais e descubrimos que había outras maneiras de facer, que nos implicaban e nos motivaban máis a nós e ao noso alumnado –ou iso cremos- ;  e vimos que o material impreso nos escravizaba, porén deixámolo. Descubrimos que hai outras maneiras de ensinarlles, por exemplo, as formas xeométricas sen necesidade de repasalas, colorealas, pegarlle autocolantes ou picalas cun punzón. Vimos que a vida real nos brindaba ocasións de aprender, de descubrir, de investigar, de xogar, sen necesidade de vivir nese mundo irreal que é o da cultura das fichas. Desde aquela, unhas veces mellor e outras peor, imos traballando sen abrir o caderno de fichas na páxina que toca veña ou non a conto.

Pero con todo iso, sempre dicimos que non somos radicais nas nosas posturas; nada é bo nin malo de seu; tamén hai unha concepción errónea de que as persoas que traballan sen fichas son innovadoras, e isto non é sempre así; tamén se cometen moitas incoherencias; pero xa sabedes da tendencia a etiquetar a todo o mundo.

Hai pouco tempo lemos un artigo de Beatriz Trueba Marcano, “Modelos didácticos y materiales curriculares en educación infantil”, publicado en Investigación en la escuela, nº 33 no 1997. Neste, tras analizar a relación existente entre materiais curriculares e autonomía do profesorado, ofrece unha organización da práctica curricular en EI que se desenvolve arredor de catro concepcións pedagóxicas diferenciadas. Sostén a autora que “a elección dun tipo ou outro de materiais curriculares non é un feito illado, senón que está intimamente unido a un paradigma ou modelo educativo determinado (e isto é así, tanto se o docente é consciente deste modelo subxacente como se non o é): detrás dunha ou outra concepción dos materiais curriculares agóchase unha ou outra concepción de modelo de profesor e modelo de formación do profesor.” Segue analizando catro paradigmas educativos (tradicional, racionalista/tecnolóxico, espontaneista e interactivo/coparticipativo), que nunca se dan en estado puro, e os materiais que emprega o profesorado que responde a un ou a outro perfil. Finalmente presenta unha guía de análise de materiais curriculares para ser empregada polo profesorado de EI coa finalidade de que seleccionen material a partir dos principios educativos nos que basean a súa práctica.

Consideramos sumamente interesante esta guía, tanto para as persoas que seleccionan material editorial como para as que traballan doutro xeito e con outros materiais para chequear a súa práctica, atendendo a aspectos como significatividade, diversidade e identidade, globalidade, interacción e comunicación, autonomía, creatividade, estética e descentralización; porén, pódese atopar aquí (recoméndase imprimir).

É altamente recomendable,esclarecedora e, cremos que, oportuna.

Clases take away

En RebelArte o 25/05/2011 ás 06:30

Hai moitos anos que non empregamos material editorial nas nosas aulas –nos nosos inicios profesionais si o fixemos-, porén descoñecíamos o que hai a día de hoxe no mercado. Como queríamos dar a nosa opinión canto a ese tema –libros de fichas, si ou non?- fixemos un percorrido polas ofertas das distintas editoriais.

O que nos atopamos, deu pé a que tituláramos a entrada deste xeito; a sofisticación do material actual acadou niveis moi altos; as editoriais dannos todo feito -para coller e levar-, están en todo, son grandes coñecedores da situación e das necesidades do día a día nas aulas, tanto do alumnado coma do profesorado.

Cando te decantas por un proxecto editorial, a máis das consabidas fichas de aula, o lote inclúe: as programacións anuais, as trimestrais, as de cada unidade –tema ou “proxecto”- en papel e en soporte dixital; follas de observación/avaliación do alumnado; toda a tipoloxía de comunicacións coas familias, entrevistas e convocatorias; artigos ou revistas con información para os proxenitores, mesmo un bolsiño para que as criaturas exerzan debidamente o seu papel de porteadores de información; cartel dos aniversarios, coroa e tarxetas de felicitación; fototarxetas; paneis de consecución de hábitos cos seus correspondentes autocolantes; chaveiros coas mascotas; láminas murais ou desas que se lle presentan ao alumando precedidas polo son dunha campaíña, para que vaian categorizando as imaxes en niveis ascendentes de complexidade; unha escolma de reproducións de obras artísticas, cancións, audicións, recursos TIC, ata para o encerado dixital…, e así un sinfín de cousas que cobren todas as necesidades que poidan xurdir ao longo dun ano. É posible que en poucos anos veñan cun mestre/a para executalos (a proletarización docente que dicía Apple). Daquela serían perfectos.

Entrando con máis detalle nos libros de fichas do alumnado, vemos que tamén pensaron en todo: nas conversas e actividades previas á súa realización, no que facer e como facelo, no antes e  no despois -aquí non hai improvisación posible-, dinche tamén que música ou recurso empregar en cada momento, indicando os obxectivos que se acadarán, a vinculación destes coas competencias básicas e os criterios de avaliación. Hai cadernillos fraccionados para cada trimestre das distintas “materias” -de inglés, de relixión, de música, de psicomotricidade, específicos para a comunidade autónoma de Galicia –con elementos típicos e diferenciadores da nosa cultura-, ata “cadernos de follas en branco”.

As fichas, todas elas teñen implícito o traballo de hábitos e valores; por pór un exemplo, nunha destas hai que pegar anacos de papel nunha papeleira para aprender a ter a clase “recollida e ordenada”.

É absolutamente incrible!

Hai material deste tipo, tanto para o ciclo 3-6 como para 0-3.

Incrible tamén!, fichas para nenos e nenas de 1 ou 2 anos! Nas que poden estampar as súas pegadas ou pegar a etiqueta do seu cueiro.

Ben, e todos/as vos preguntaredes, se tan marabilladas quedastes, o vindeiro curso ides empregar material editorial nas vosas aulas?

Hai que pensalo, é tentador; mesmo por outros atractivos incentivos cos que nos tratan de “engaiolar”.

A resposta en vindeiras entradas, xa que isto require de moito tempo para contestar argumentando os pros e contras que lle vemos a este tipo de decisións.

Tan só avanzamos que andamos pensando se nos están ofrecendo libros para os mestres ou buscan mestres para os libros.

As Letras Galegas en Infantil

En RebelArte o 11/05/2011 ás 07:51

Supoño que moitas das persoas que len este blog recordarán dos seus tempos estudantís algunha das situacións que seguen:

-As lecturas que nos recomendaban no instituto –grandes obras da literatura- eran máis acordes cos gustos do profesorado ca cos intereses do alumnado; sempre tiven a sospeita que algunhas nin sequera lle gustaban a eles. Ben é certo que non había as posibilidades actuais canto á literatura xuvenil, pero, nunha elevada porcentaxe, escorrentaron a moitos adolescentes do gusto por ler.

-Na materia de Literatura, copiábamos ao ditado algo do estilo de “Juan Ramón Jiménez, Premio Nobel de Literatura, nació en Moguer en 1881 y murió en Puerto Rico en 1958. Casado con Zenobia de Campubrí. Autor de “Platero y yo”…”, para logo ter que memorizar e repetir por escrito o día do exame. Grandes coñecementos os que adquiríamos canto á literatura!. Daquela facíase así…

A día de hoxe, todos/as somos conscientes do nulo valor desas actuacións de fomento do hábito lector e do coñecemento da literatura e das distintas manifestación literarias. Porén, como é posible que sigamos a facer o mesmo?

Levo tempo porfiando que os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas non son os máis adecuados para achegar ao noso alumnado á lingua e cultura galega, ás nosas letras, porque ningún deles –ata o de agora- traballou pensando no público infantil. Entón só caben dúas posibilidades: ou estou totalmente equivocada ou estase facendo mal.

Agora vexo versións “modernas” do que eu vivín nos meus tempos de estudante: actividades en formato Java Clic, en LIM o Hot Potatoes, facéndolle saber aos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos que o pai de Lois Pereiro era cristaleiro, que pola súa vila pasaba o tren e que o seu apelido nos recorda a unha árbore froiteira. Tamén hai historias coma “O pequeno Lois Pereiro” ao estilo de “El pequeño Picasso” ou “El pequeño Miró” que rematan con crebacabezas e sopas de letras para comprobar que os rapaces saben distinguir Monforte de Mondoñedo, cousa importante para o obxectivo que estamos a perseguir! A máis de adquirir destreza no uso do ordenador –nenos e profes-, non son quen de ver a grande achega destas actividades á nosa lingua, ás nosas letras, á nosa cultura que se trata de visibilizar nesta celebración para respectala e mantela viva.

Da miña experiencia persoal sei que, malia todo, fíxenme lectora porque os meus pais –fieis á idea de que ler é a maneira de abrirse ao mundo- me deixaron ler o que me gustaba: libros que falaban de nenos/mozos coma min, libros que entendía o que me dicían, libros que me facían deixar outras cousas para saber como remataban…, serían de boa ou mala calidade literaria, pero espertáronme as ganas de ler. O primeiro libro que lin en galego foi “Memorias dun neno labrego”, gustoume a tolear porque entendía o que dicía, a súa linguaxe érame coñecida, do que falaba érame próximo tanto polo contexto –a aldea- como polas inquedanzas do protagonista. Logo lin outros moitos que non me gustaron, pero non me fixeron desistir da idea de ler porque xa descubrira que había libros bos, xa me picara o verme; sería cuestión de insistir, tiña que atopalos.

Sei de certo que o que acabo de relatar é similar ao que lle aconteceu a moitas persoas, entón cabe preguntarse que é o que nos leva a repetir co noso alumnado o que non deu bos resultados con nós? Facémolo porque vén marcado pola normativa?, polo noso compromiso coa cultura galega?, onde se nos di que hai que facelo así? Ningún mestre de infantil lle daría aos cativos un crebacabezas de mil pezas; ben saben que para que entendan como se fai e que non se desanimen hai que comezar polos de catro ou seis –mesmo con modelo- e logo pouco a pouco ir incrementando o nivel de complexidade; sabemos moito de autoestima. Calquera mestre de infantil sabe que lle deben proporcionar ao alumnado experiencias significativas para que produzan aprendizaxes significativas; sabemos moito de pedagoxía  e de didáctica. Calquera mestre sabe–non fai falla ser mestre para sabelo-, que na educación infantil hai que ir do máis achegado aos rapaces ao máis alonxado, acompañándoos e dándolle unha marxe de autonomía; sabemos moito da andamiaxe cognitiva. E logo, como é posible que fagamos o que estamos a facer?

Festexemos todos os días as nosas letras galegas. Leámoslle ao noso alumnado libros feitos para eles polos excelentes escritores/as, ilustradores/as e editores galegos; feitos coa intención de chegar ao público infantil, nos que se lle fala con palabras que entenden de temas que coñecen. Descubrámoslle a riqueza do noso vocabulario, das palabras que só existen en galego. Amosémoslle os nomes galegos dalgúns compañeiros e compañeiras. Fagámoslle ver que se poden tecer as palabras facéndolle lucir toda a súa beleza para nos producir todo tipo de sensacións. Gocemos todos os días coa lingua galega. Falémoslle en galego. É a mellor maneira de celebralo.

Se isto se fai ben, tede por seguro que entenderán a obra –e a vida- de Lois Pereiro e de tantos galegos e galegas que traballaron arreo polas nosas letras, malia que non tiveran como público obxectivo aos nenos e nenas de infantil.

Nota: diría o mesmo se estivésemos a falar das letras españolas, das letras europeas ou das letras universais; este ano concedéronlle o Nobel de Literatura a Vargas Llosa e non sei de ninguén que lle lera ao seu alumnado de infantil a súa obra ou lle contara a súa vida.

Hiperactividade?

En RebelArte o 04/04/2011 ás 21:00

Ilustración Cristal Reza Cardero

Cando dicíamos que queríamos falar da hiperactividade non nos referíamos ao trastorno da psicopatoloxía infantil de base neurolóxica, coñecido polos profesionais como déficit de atención con hiperactividade, tan ben explicado pola pedagoga Isabel Orjales no vídeo-documental da UNED, ou na documentación do CRENA. Non, queríamos dedicarlle unha entrada á moda cada vez máis estendida de etiquetar aos cativos faltos de normas e de disciplina como “hiperactivos”.

As familias dos nenos/as con TDAH adoitan definilos como maleducados, inmaduros ou gamberros, e agora, curiosamente, as familias de nenos malcriados, atravesados e fervellos   adoitan dicir que son “hiperactivos”. O peor, é que hai profesionais da psicoloxía, pedagoxía ou pediatría que os diagnostican como tales, levándoos por un sendeiro –de pago, claro- que vai desde o tratamento psicopedagóxico ata o farmacolóxico. É unha absoluta irresponsabilidade e falta de ética profesional, ou de ignorancia total. Cremos que os colexios profesionais de pedagogos e psicopedagogos deberían intervir dalgún xeito, xa que logo, o que está acontecendo é un descrédito para un colectivo serio e rigoroso. Pero aínda poden ir máis alá na súa mala praxe, ás veces enganan ás familias dicíndolle que os seus fillos/as son de “altas capacidades” de aí a súa inadaptación e rexeitamento á escola. Decataranse do dano que lle están facendo ás criaturas forxando tales expectativas nos seus proxenitores?

Cada vez é máis frecuente que nas titorías os pais e nais nos pregunten, coa voz moi queda, se o seu fillo/a será hiperactivo, porque non se centra, non lle dedica atención a case nada, cústalle estar quieto…, isto tras acudir ao otorrinolaringólogo para descartar que sexa xordo/a. Nestes casos conversamos con eles tentando indagar  se na casa teñen normas claras e ben definidas; se lle dan ordes curtas, concisas e coherentes; se o ambiente é organizado, ordenado e sereno; se adoitan recoñecerlle ao seu fillo/a o esforzo favorecéndolle unha autoestima positiva; se son superprotectores e se ceden ante todos os seus caprichos; se cumpren cos castigos e recompensas; se pouco a pouco o/a fan responsabilizarse de certas tarefas e accións… Logo tamén lles preguntamos como cren que pode actuar unha criatura que está confinada no mesmo espazo desde as sete da mañá ata as sete ou oito da tarde, tras pasar polas mans duns e doutros hiperestimuladores en actividades hipermovidas; como cren que poden reaccionar ao hiperbombardeo televisivo de flashes  e mensaxes; como poden sobrevivir á hiperoferta lúdica das fins de semana nunha maratón de contacontos, paiasos, e inchables hiperdivertidos. Concluímos que só poden vivir dun xeito: hiperacelerados, hipercansos, hiperconsentidos, hiperagresivos e hiperdescentrados; é dicir, o que popularmente de denomina “hiperactividade”.

Cordóns ou smartphone?

En RebelArte o 25/03/2011 ás 08:00

Lemos un artigo sobre un estudo publicado por AVG Internet Security, no que se afirma que o 58% dos nenos/as de entre 2-5 anos saben xogar co ordenador pero non saben montar en bicicleta ou atarse os cordóns.

Deunos para moito pensar que aprendan antes a empregar un smartphone que a atarse os cordóns. Non é que sexan cousas incompatibles nin que haxa unha relación causa-efecto entre estas dúas accións.

Fíxonos recordar o comezo de curso cun grupo de tres anos, cando descubrimos que moi poucos/as sabían ir ao aseo, mondar un plátano ou comer un bocadillo. As aprendizaxes que realizan os cativos están directamente relacionadas coas experiencias que viven, coa valoración que os adultos fan delas e coas expectativas que estes teñen sobre as capacidades dos nenos e das nenas. Pensemos un pouco, cantos pais, en momento laudatorio do seu neno/a di que xa sabe abotoarse, comer só, atarse os cordóns ou ir o baño e limparse sen axuda; poucos, moi poucos. O que escoitamos cando glosan as virtudes dos seus pícaros é que xa saben coller o móbil, xogar cun vídeoxogo, ou manexar o iPad. Logo pasa o que pasa; un neno virando un plátano coma se dun obxecto non identificado se tratara -poida que nunca o vira nese estado, con monda-, e esperando a que aparezan os anacos na súa boca; ou outro perante un bocadillo esperando a que alguén corra detrás del para, -ao modo dos capóns de Vilalba-, introducirlle petiscos na boca.

Se as familias teñen a súa responsabilidade, a escola tampouco se escapa dela. Non podemos poñer na programación que o cativo/a manexe o rato do ordenador, e coñeza o máis senlleiro da arte contemporánea, por pór un exemplo, e logo dicirlle ás familias que se traen froita que veña mondada e en anacos. Enleámonos coa comida, pero ben sabemos que hai ducias de exemplos cos que poderíamos ilustrar esta “estraña” valoración actual das cualidades dos máis pequenos. Saben falar de dinosauros, do Antigo Exipto, e dos indios da Amazonia e non saben limpar os mocos ou xogar ao pilla-pilla. Pero somos nós, as docentes, as que lle dicimos que veñan con zapatos con peche de velcro, con pantalóns con goma na cintura, con mandilóns sen botóns e  de meter pola cabeza, con bebidas con palliña, con bocadillos de pan brando…, non pensando na súa autonomía.

A autonomía persoal é unha das competencias máis importantes que deben adquirir e arredor da que deben xirar as actividades da educación infantil. Iso xa o sabemos non?, pero…, que entendemos por autonomía persoal, manexar o smartphone ou atarse os cordóns? Que poñemos primeiro a tecnoloxía ou o coidado de si mesmo/a? Que vende máis? Que é o que dá mellor imaxe de calidade da educación?

Disfraces de Entroido

En RebelArte o 22/02/2011 ás 14:00

Máscaras de Maruja Mallo

Chegado este momento non temos nada que engadir ao publicado o pasado ano polas mesma datas no postA banda do trapo“. Cómpre, tan só, facer unhas aclaracións que inciten a unha reflexión dos equipos docentes sobre estas prácticas tan instauradas nas dinámicas escolares infantís.

1º Non temos nada en contra de que os nenos e nenas se disfracen; é o propio destas datas, e espérano con ilusión.

2º Non somos partidarias da elaboración dos disfraces por parte do profesorado, xa que logo, as criaturas destas idades non son quen de facelo, de non ser uns pequenos adobíos.

3º Para que os docentes se dediquen a facer os disfraces, ou os fagan individualmente con cada unha das criaturas só caben dúas posibilidades: ou deixan de atender ao grupo, ou lle dedican horario non lectivo. E certamente non sabemos do proveito pedagóxico desta actividade artesán.

4º Que sexan as familias quen os fagan seguindo o patrón indicado na escola tampouco lle atopamos moito aproveitamento para as criaturas.

5º Desde a escola pódense/débense inculcar hábitos relacionados co consumo responsable. O despilfarro en bolsas, papeis, adobíos sofisticados, etc, temos por seguro que non axuda a acadar ese obxectivo.

6º O argumento de que isto se fai para evitar diferenzas non nos parece moi consistente. As diferenzas están presentes todos os días e non por iso se solventan poñéndolles un uniforme, xa que aínda así prevalecerían. A labor da escola non é pintar todo da mesma cor, senón ensinar a apreciar e valorar todas as cores.

7º Aferrarse a que “sempre se fixo e é moi bonito”, fainos pensar en cantidade de prácticas -afortunadamente xa desaparecidas- que tamén eran moi bonitas e sempre se fixeran así. A escola debe estar continuamente cuestionándose a utilidade educativa do que se fai, xa que logo, a responsabilidade da escola é educar non só facer “cousas bonitiñas”.

8º Para os que esgrimen que é unha tradición. O goce do Entroido é o de ser outro/a, de estar irrecoñecible para o resto, como se fixo tradicionalmente en Galicia e en case todos os lugares do mundo. Unhas roupas prestadas e unha carauta poden ser dabondo para acadar tal fin lúdico.

9º Houbo unha época -xa superada- que a meirande parte do tempo da escola infantil se dedicaba á realización de manualidades, daquela pensábase que os cativos non tiñan capacidade para pensar, para indagar, para aprender…; esta etapa era un pre-momento importante, á espera de que estiveran maduros para facer algo de proveito cognitivo.  Vese que, malia a todo, aínda quedan rescoldos diso. Hoxe en día, hai otros espazos, nos que deben permanecer os nenos e nenas -por isto da conciliación- que perfectamente se poden dedicar a esas actividades máis de entretemento.

10º De igual xeito que nos parecería impensable que os docentes de Bacharelato -co que teñen que facer-,  se dedicaran a elaborar disfraces co alumnado, o mesmo pensamos dos de infantil, a nosa tarefa fundamental é a de desenvolver os aspectos cognitivos, intelectuais, motóricos, afectivos e emocionais.  Para iso somos profesionais da educación, non outra cousa.

O Entroido pode ser para as escolas a ocasión de promover actividades ricas de sentido educativo, propiamente dito, ou de todo o contrario. Non podemos admitir que se dediquen máis horas de debate aos disfraces do Entroido -reunións de nivel, ciclo e claustros- que á mellora da calidade educativa.

Nós decidimos que tipo de escola, que estilo de docente queremos ser e que modelo de cidadán estamos formando.

Ser neno/a hoxe

En ActualizArte,RebelArte o 31/01/2011 ás 00:01

Lemos en Cuadernos de Pedagogía nº 407 o artigo “Ser niño en el siglo XXI” da profesora Lourdes Gaitán. Neste reflexiona sobre o concepto de infancia hoxe en día, que como construción social que é, mudou significativamente á luz dos cambios que se produciron en todos os eidos. Trata tamén de como nos resistimos moitas veces as persoas adultas a entender que ser neno hoxe non é o mesmo que cando nós fomos nenos e nenas, e que nin sequera se corresponde con iso. “La infancia, la niñez, en la imaginación del adulto siempre es pasado –recuerdo idealizado del niño “que nunca fuimos”, o futuro –lo que pensamos que llegarán a ser los niños. Por lo contrario, para los niños, la infancia es presente “su presente”; ser niño en el siglo XXI es ser niño hoy, vivir la infancia hoy”.

A lectura deste artigo fainos reflexionar sobre algunhas prácticas escolares en infantil nas que ben mediante exposicións, recuperación de tradicións perdidas, “semanas de…” pretendemos un revival de xogos, utensilios, obxectos ou aparellos xa desaparecidos na actualidade. Cabería preguntarse polo valor pedagóxico desas actividades, se o seu valor radica nos tinxes nostálxicos que ten para os adultos ou na suposta achega que lle fai aos nenos neste momento.

Pregúntome que pensarán as criaturas destas idades cando lles amosamos entusiasmadas os xogos ou xoguetes cos que xogaban os nosos avós –tres ou catro xeracións atrás, outro tempo, outro contexto, outra sociedade- e pretendemos que eles gocen con iso, malia que non lles deixemos xogar coa area porque se luxan, nin coller pedras porque se mancan, nin coa auga das pozas porque se mollan, nin correr pola herba porque…

Recordemos que, como di Lourdes Gaitán, “a infancia é un tempo no que se é neno, se vive como neno, aos ollos dos seus protagonistas”, non coa mirada eterna, atemporal e nostálxica dos adultos proxectada cara o futuro. Deixemos que xoguen -están no tempo- a xogos do seu tempo, que entendan as claves do xogo e do momento no que viven. E cando deixen de xogar xa terán ocasión de coñecer os trebellos do pasado.

Videoxogos

En RebelArte,TICArte o 19/01/2011 ás 15:39

Iustración de Carlos Nava

Aínda non nos recuperamos da impresión que tivemos a semana pasada cando algúns dos nosos alumnos/as -3 e 4 anos- nos dixeron que recibiran como agasallo de Nadal maquiniñas de videoxogos.

Ben sabemos que en moitas ocasións, os pais regalan aquilo que a eles lles gustaría recibir; ben sabemos que en moitos casos é un xogo compartido –e somos partidarias dos tempos que comparten pais e fillos-; ben sabemos que os nenos e as nenas teñen que xogar aos xogos do seu tempo; ben sabedes, a través das entradas deste blog, que somos moi partidarias de desenvolver a competencia dixital no noso alumnado; ben sabemos que os videoxogos poderían ter unha repercusión positiva nas aprendizaxes dos rapaces, ata o noso admirado Eduard Punset trata ese tema na entrevista que lle fai a Marc Prensky, experto en educación do futuro. Pero, recordade que estamos a falar de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Non precisarán doutro tipo de xogo que desenvolva aspectos relacionais, sociais e de creatividade infantil? Atendendo ao pouco tempo de lecer do que dispoñen, non sería máis conveniente empregalo correndo, saltando, brincando…, en definitiva, xogando? O tempo que lle dedicarán aos videoxogos restaranllo á televisión?, simultanearán os dous medios?, durmirán menos ou convivirán menos cos outros? Preguntámoslle todos os días se xogaron, cando xogaron e con quen xogaron, e non pensedes que as súas respostas son tranquilizadoras. E non temos nada en contra dos videoxogos!

Blogs de aula

En RebelArte o 26/11/2010 ás 08:59

O recentemente publicado Informe da industria de contidos dixitais –elaborado con datos do 2009- destaca que 2,87 millóns de españois escriben un blog propio ou alleo e 6,94 millóns léenos. Por outra banda, máis dun cuarto dos internautas (27,8%) declara ter lido algún blog, mentres que un 5,3% da poboación non sabe o que é un blog.

Nestes días celebrábase en Sevilla Eventoblog, o segundo encontro máis importante de blogs de Europa e o primeiro no mundo de fala hispana; alí expúxose de como o blog segue a ter relevancia, pero neste lustro xurdiron novas formas de comunicación que o cambiaron. Agora a lei é “non poñas nun blog o que cabe nun tuit”. Enrique Dans, participante no evento, conversou sobre como mudou a percepción da xente con respecto aos blogs, “Antes o que tiña un blog era un curioso, alguén moi inquedo; agora é moito máis fácil e normal”.

Con todo iso non deixamos de preguntarnos se é totalmente habitual hoxendía a existencia de blogs de aula, de grupo ou de profesor/a, ou seguen a ser descoñecidos pola meirande parte do profesorado.

Facilitamos o enlace a un artigo de Tiscar Lara “Blogs para educar. Uso de los blogs en una pedagogía constructivista”, publicado na revista Telos no 2005 que se acompaña dunha presentación ppt  e que servirá para convencer a moitos/as docentes das súas vantaxes. Neste fala do gran potencial dos weblogs como ferramenta no ámbito do ensino, xa que poden adaptarse a calquera disciplina, nivel educativo e metodoloxía docente. Pola claridade na exposición e abordaxe de todos os puntos, é das mellores argumentacións que temos visto.

Malia todo, nós mesmas como autoras de cadanseu blog de aula, engadiríamos outra vantaxe destes –ao noso modo de ver, e atendendo ao nivel educativo no que traballamos, das máis salientables. Un blog de aula é unha xanela que nos permite abrirnos ao exterior, nomeadamente ás familias. Fálase continuamente da participación das familias no feito educativo e da complementariedade familia-escola na tarefa educativa, pero desde o descoñecemento do discorrer do día a día da aula, isto non é posible. E tampouco se arranxa coas reunións trimestrais coas familias, nin coas titorías, nin cun día de portas abertas; iso é outra cousa. Pero si cun blog. Dedicar unhas liñas e unhas fotografías a explicar o que facemos cumpre con esa finalidade: permite facer ás familias coñecedoras do noso quefacer; fomenta o diálogo pais-fillos, favorece a estruturación temporal dos nenos/as, e axuda a que o noso traballo sexa comprendido e respectado. Para nós, unha maneira de facer escola, facilitándolle aos pais e nais información sobre as actividades e o obxectivo que se persegue; orientacións/recomendacións de lecturas, de xogos, de vídeos, de tal xeito que isto virá a reforzar a nosa tarefa. Non ocupa tanto tempo –recordade a premisa de que o que caiba nunha liña non precisa dunha redacción “estilo programación”- e os seus beneficios son moitos. A única condición precisa: non ter medo de amosar o que se fai. Ás veces recordamos aquelas sinxelas libretas que había nas portas das aulas das escolas de Reggio Emilia, nas que nunha soa folla se informaba diariamente ás familias das actividades realizadas polos seus fillos/as e dos obxectivos perseguidos. Considerábamos que iso valía máis  que entregarlles a programación anual ao comezo de curso. Pois agora temos a ferramenta para facelo. Usémola.

Nota:
1º Non vale a excusa de que os pais e nais non teñen acceso a Internet. Se nos esforzamos por comunicarlle información dos seus fillos, tede a completa seguridade de que eles tamén buscarán a maneira de aprender a ver esa información. Ao menos esa é a nosa experiencia.
2º A dificultade de manexo dun blog, tampouco debería ser un grande problema.
3º Non pretendemos abrir un debate sobre se temos a obriga de amosar o que facemos, tan só cabe preguntarse, temos que ocultalo?

Samaín vs Halloween?

En RebelArte o 31/10/2010 ás 00:00

Debemos confesar que se hai anos fomos totalmente belixerantes coa introdución da celebración do Halloween nas escolas, a día de hoxe non o temos tan claro. Naqueles tempos, grazas aos traballos de investigación do profesor Rafael López Loureiro –autor de “Samaín. A festa das caliveiras”-, comezábase a recuperar e reivindicar o Samaín como celebración propia da cultura galega, común a outros paises con orixes celtas –que foi trasladada a América polos emigrantes irlandeses, dando lugar, posteriormente ao Halloween. É un ritual de tránsito do verán á invernía. A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano na cultura céltica, xa que se abrían as portas do outromundo e as ánimas podían visitar este mundo para axustar contas. Posteriormente foi cristianizada, dando lugar ao Día de Todos os Santos. Alá polo 2007, o Consello da Cultura Galega, elaborou unha interesante publicación con artigos sobre “Os lugares da morte”, “Os días de defuntos”, “Os preparativos”, “Os velorios” e “As cabazas do Samaín”, desafortunadamente, na actualidade no conseguimos acceder a ela.

E se comezábamos dicindo que non cremos que hoxe en día poidamos negar ou cerrarnos á celebración do Halloween é precisamente por dúas razóns:

-As celebracións, tradicións, costumes, van mudando co devir do tempo, nomeadamente nun mundo globalizado como no que vivimos. Podemos pretender que permanezan inalterables, pero non deixará de ser unha ficción como o son as feiras medievais, as festas de reconquistas e outras. Nin o Samaín é o Samaín, nin o Halloween é o Halloween, pero, non hai volta atrás. O patrimonio cultural inmaterial, transmitido de xeración en xeración, recréano permanentemente as comunidades e os grupos en función do seu medio, a súa interacción coa natureza e a súa historia. A salvagarda deste patrimonio é garante da diversidade cultural.

-Se tanto insistimos na introdución do inglés como lingua estranxeira desde a máis tenra infancia, cómpre recordar que a inmersión lingüística debe ir parella á inmersión cultural. No caso que estamos a falar, na cultura anglosaxona.

Ao que nos opoñemos do Halloween –de todas as celebracións- é á mercantilización; pero nisto, atreveríame a asegurar, ata coinciden connosco os mesmos docentes americanos.

Ao que nos opoñemos do Samaín é a que acabe sendo un “híbrido”, é dicir, chamámoslle Samaín, pero reproducimos os elementos do Halloween, e acabamos facendo “trick or treat”.

A vía intermedia, para nós a máis acertada: coñecer as dúas celebracións, o que as caracteriza, o que as diferenza, e as súas orixes comúns. Isto foi o que se fixo nos centros nos que traballamos; desde normalización/dinamización lingüística elaboraráronse propostas e suxestións para o Samaín, en coordinación coa especialista de lingua estranxeira que traballou en todas as aulas o Halloween. Resultado visible: unha exposición “Do Samaín ao Halloween”. Se hai sitio para todo!

Ao fío do que estamos a dicir, queremos traer aquí unha cita do Director Xeral da UNESCO Koïchiro Matsuura sobre o patrimonio cultural inmaterial:  “O patrimonio inmaterial non é só sé da memoria da cultura do pasado, senón tamén o laboratorio onde se inventa o futuro”.

Nota: Non vaiades pensar que “perdemos o sentido” polo Halloween, ben sabedes o que opinamos de moitas das celebracións/conmemoracións escolares, pero o noso alumnado recibe unhas influencias que non se poden negar, gústennos ou non. Cremos, coma sempre, que a nosa labor é a de espertar o sentido crítico en cada un dos nenos e nenas que temos na clase, a partir do coñecemento, non da negación ou da ocultación.

Día Mundial dos Docentes

En RebelArte o 04/10/2010 ás 18:15

Desde 1994, a UNESCO declarou o 5 de outubro o Día Mundial dos Docentes. Cada ano establécese un lema, o do 2010 é “A recuperación empeza cos docentes”, co motivo de renderlle homenaxe ao papel que desempeñamos para unha educación de calidade a todos os niveis. A labor dos mestres que favorece o pulo económico no mundo enteiro e unha exposición fotográfica sobre as condicións de traballo dalgúns profesionais, son os fitos máis salientables para este día.

Pero non fai falla mirar cara o terceiro mundo ou o eixe sur; hai algúns anos tivemos ocasión de coñecer o traballo de investigación que fixera un equipo da USC sobre a dinamización cultural e social que supuxeron algúns mestres no rural galego. Sentímolo moito pero non lembramos nin o título da tese nin o nome dos seus autores –cremos que foi publicado nos primeiros números de EDUGA, pero non o poderíamos asegurar. En cada aldea e vila galega, está na memoria colectiva o nome dalgún ou dalgunha mestra que non só axudou ás criaturas e ás súas familias, senón que tamén enriqueceu social e culturalmente a localidade, creando sociedades, asociacións, colectivos, participando na vida política ou introducindo innovacións.

Moitos casos coma eses foron retratados pola literatura e polo cine. Noutra ocasión, xa falamos dun blog, “Temas de educación y de cine” que compila películas nas que se trata sobre a educación e clasifícaas nestes apartados:

-Cine e nenos abandonados
-O poder da educación no cine.
-Alumnado e profesorado nas aulas.
-Cine e dereito á educación.

Como homenaxe a nós mesmos, neste día elixiremos unha desas películas que nos fai crer na relevancia social do noso traballo. Nos medios de comunicación máis “sensibles” ata é posible que se acorden de nós. Noutros, só nos mencionan cando hai agresións ou denuncias.

Os discursos políticos e pedagóxicos están cheos de boas intencións con respecto á dignificación e recoñecemento da labor docente, pero en rara ocasión exceden o meramente discursivo, ou toman derroteiros equivocados –léase tarimas ou tratamentos de cortesía-, pero pouco máis. Nun país no que –por pór un exemplo- hai oco na televisión para todo o mundo, salientase a labor de gaiteiros, curas, ferreiros ou cociñeiros de última xeración; ata para necios e cretinas que aseguran non ter lido un libro na súa vida, -nin falla que lles fai para ser unhas triunfadoras/es con ínfulas políticas-, non hai un programa televisivo que nos conceda os 15 minutos de fama, que dicía Warhol, para sacar á luz a labor oculta, silente, e produtiva, de moitos e moitas profesionais do ensino que axudan a rapaces, e non tan rapaces, a ser quen de ter unha vida mellor. Será que non nos vendemos ben.

Parabéns a todas e a todos por dedicármonos ao que nos dedicamos.

Nacidos para comprar

En ActualizArte,FamiliarizArte,RebelArte o 03/10/2010 ás 20:14

Calquera que visite unha grande área comercial nunha fin de semana quedará pasmado do poder adquisitivo dos máis novos, nenos e mozos e da súa capacidade de decisión en canto ás compras. O máis alarmante é que cada vez os consumidores son máis novos, van da man dos seus proxenitores ou empurrados por estes en carriños. Compran porque deses produtos, pensan depende a súa supervivencia social. Na actualidade os profesionais do marketing empregan recursos publicitarios tan sofisticados que inflúen no modo no que os máis novos se ven, se senten e se relacionan. O poder de compra dos nenos e nenas aumentou de forma espectacular, converténdose en compradores desde a máis tenra infancia. Estímase que entre os 6 e os 12 anos visitan tendas 2 ou 3 veces por semana e introducen 6 artigos no carro cada vez que van. Outro factor que inflúe é a falta de tempo dos pais; as investigacións amosan que os pais que pasan menos tempo cos seus fillos, gastan máis cartos con eles –chámaselle a isto, os “cartos da culpabilidade”.

Recentemente, lemos o libro “Nacidos para comprar. Los nuevos consumidores infantiles” de Juliet B. Schor, publicado en Paidós e pódese acceder a partes do mesmo a través da rede. Esta experta en temas de consumo, economía e familia, centra a súa investigación na sociedade estadounidense -a máis consumista do mundo, absolutamente inmersa no “ciclo do traballo e do gasto”- e constata que os nenos/as e os adolescentes estanse a converter no epicentro da cultura do gasto en Norteamérica. Desde fai dúas décadas, as familias están sometidas a presión en relación cos seus fillos, xa que deben facerlle fronte a un abano de esixencias que van desde as actividades extraescolares, ata unha educación de calidade, pasando pola compra de produtos de moda e de marca. En palabras da autora “Os nenos convertéronse en vehículos que trasladan o mercado ao fogar, o chanzo entre os anunciantes e o peto das familias. Os máis novos son depositarios do saber e da conciencia consumista. Son os primeiros en adoptar moitas das novas tecnoloxías das que son ávidos usuarios. Os modos sociais dos nenos constrúense cada vez máis en torno ao consumo. (…) Nun mundo semellante, cantos pais optan por renunciar ao consumo ou por simplificar a vida? Trátase dun paso radical que moitos nenos non aceptan de bo grado.”

Ao longo de 300 páxinas, a autora vai analizando os hábitos consumistas dos que poden ser os nosos alumnos e alumnas; motivo polo que consideramos altamente recomendable a súa lectura. Ben sabemos que desde a escola non podemos ir “contracorrente”, nin loitar contra iso –e máis, non conseguiríamos nada-, pero si é a nosa obriga, a nosa responsabilidade, o noso deber profesional, a nosa labor, aprenderlles a pensar, a razoar, a comparar, a valorar, a buscar alternativas…, habilidades todas elas para que sexan que de decidir desde o coñecemento. Xa veremos como asumir este reto, ou cando menos procuraremos evitar o fomento do consumo, que desde as escolas, faise, e moitas veces.

Paseniño

En RebelArte o 07/09/2010 ás 00:00

Amodo, amodiño, paseniño, devagar, devagariño…, son fermosas palabras galegas que marcarán a maneira na que queremos comezar e vivir o presente curso académico; non asociadas á galbana, pero si a un ritmo que pretendemos impoñer nas nosas aulas, contrario ao que a sociedade actual nos dita. A présa que nos envolve, cremos que non conduce a nada bo, nin para nós nin para as criaturas.
Noutras entrada deste blog, como “Elogio de la educación lenta” ou “Velocidade X Tempo = ?”, apuntábamos sobre esa necesidade de romper coa présa estrutural que entrou nas aulas. Queremos gozar do feito de aprender, de estar, de compartir, de vivir a/na escola, gustando de descubrir o que sabemos, sendo conscientes do que facemos.
A présa e anguria das familias por que aprendan a ler e a escribir, a présa imposta pola cantidade de contidos que se introduciron na escola –todos “importantísimos”-, a présa dos propios centros por facer actividades de todo tipo que xorden dos distintos equipos de dinamización; a présa á que van os nenos desde que entran no centro pola mañá, pasando das mans duns a outros profesionais que teñen que xustificar dalgún xeito a súa intervención presentando obras ou productos… Toda esta présa para que?, a onde nos leva?… Non escoitamos máis que “estou estresada!”, “están alterados!”, “non hai quen os aguante!”. Analizamos nalgunha ocasión a nosa responsabilidade con respecto a esa maneira de estar e de vivir o feito educativo? Mesmo parece que en setembro montamos nunha noria da que non baixamos ata xuño, mareadas despois de tanta volta e reviravolta, e sen saber ben o que alí pasou.
Se nestes primeiros días damos unha volta polos centros, atoparemos reunidos unha morea de equipos –de ciclo, de nivel, de actividades, de dinamización, de convivencia, de TIC, de biblioteca – planificando propostas para todo o curso. Todas ben intencionadas, todas válidas, todas interesantes…, todas, case todas, independentes e deslabazadas. Demasiadas. Se as sumamos todas, as distintas programacións das titorías, as das especialidades, as propostas por outros organismos e institucións do contorno, escusamos facer outra cousa, xa temos dabondo para todo o ciclo.
Como sempre, preguntámonos: sendo como somos profesionais comprometidas coa mellora da calidade da EI, en que punto do camiño nos confundimos?, onde quedou a metodoloxía globalizadora e a promoción de aprendizaxes significativas?, onde esquecemos o de respectar os ritmos individuais de cada neno e nena? Sería que no noso empeño por dignificar a EI e no querer demostrar que os nenos de infantil son seres intelixentes fomos introducindo tantos elementos, tantos contidos, tantas materias, tantas conmemoración que xa perdemos o control?
Para que? Non era isto o que queríamos, non?, É o que queremos? Non lle estaremos faltando ao respecto aos nosos nenos e nenas?
Tivemos a sorte de vivir os nosos primeiros anos docentes en escolas unitarias do rural, aulas mixtas en moitos casos, e sempre recordamos aquilo como algo idílico. A chegada pola mañá acompañados de pais ou avós cos que había tempo de facer un pequeno comentario, aquel discorrer sen présas, aquel tempo para compartir…, similar ao que apreciamos nas nosas visitas ás escolas reggianas. Non queremos atribuírllo a aquilo de que calquera tempo pasado foi mellor; somos conscientes das vantaxes e inconvenientes, pero tamén de que aqueles nenos saían da escola tanto ou máis “equipados” ca os de hoxe.
Si nalgunha ocasión somos quen de botar a mirada atrás e recordar a nosa infancia, teremos unha sensación de ingravidez, coma se os tempos e os días durasen máis, tardes pracenteiras, días e vacacións eternas, sen présa. No futuro, non cremos que o noso alumnado teña a mesma percepción da súa infancia.
Din os expertos en psicosocioloxía que a volta de vacacións é momento de facer bos propósitos, de intento de cambio de estilo de vida, de inicio de hábitos máis saudables; pois o noso propósito para este novo curso, será o de respectar o tempo da infancia. Será o noso propósito individual pero coma sempre precisamos do consenso do grupo, do claustro, do consello escolar, da administración, das familias e da sociedade.
Devolverlle aos nenos e ás nenas o dereito a vivir e gozar da infancia.
Repetirémolo varias veces para non esquecelo:
“Amodo, amodiño, paseniño, devagar, devagariño. Con sentidiño.”

Semanas de catro días lectivos

En RebelArte o 11/06/2010 ás 21:00

Sempre dicimos que neste blog recollemos aquilo sobre o que nós podemos influír e/ou decidir. Pero hoxe non podemos evitar facer unha reflexión en alto. Lemos en “La Voz de Galicia” que en EE.UU hai distritos que están reducindo a semana escolar a catro días, coa finalidade de recortar gastos (apertura de centros, transporte, docentes…), e seica esta medida é moi efectiva para mellorar o seu déficit orzamentario, de tal xeito que vai ser copiada por máis estados. Inicialmente aplicouse naquelas áreas con menos poboación escolar, eminentemente rurais, de Xeorxia, Minnesota, Oklahoma, California, Florida ou Nova York. Imaxinemos isto en Galicia, a quen afectaría?, xusto aos máis desfavorecidos en canto a ofertas culturais e de relación social.

Sempre se dixo que EE.UU é un país de contrastes e de paradoxos, e se non podemos evitar falar en alto é porque recordamos outras dúas informacións bastante recentes:

1º EE.UU é un dos países cun maior índice de analfabetismo; 1 de cada 25 estadounidenses é funcionalmente analfabeto; o 27% da poboación non ten unha capacidade elemental en lectura e en informática. Os estados con maior taxa de analfabetismo son as zonas rurais de Mississippi, Lousiana, Alabama, Florida e Carolina do Sur.

2º En EE.UU hai colexios que lle pagan un soldo aos estudantes por asistir á clase, esta é unha medida adoptada para reducir o fracaso e o absentismo escolar, ao tempo que trata de incentivar aos mozos polo feito educativo. Iniciativa que se está estendendo máis alá dos lugares onde se experimentou: Chicago, Nova York ou Washington

Ben sabemos que é un país moi grande, con moitas diferenzas territoriais e de xestión educativa; que é un tema demasido complexo para tratalo dun xeito tan superficial e case visceral; que non podemos cometer o reducionismo de extrapolalo a Galicia e pensar que se lle reduzan a xornadas lectivas aos rapaces do Caurel ou da Fonsagrada, para abaratar custos, ao tempo que se lle paga aos de Lugo por ir á clase; por pór un exemplo. No caso da minoración, os máis prexudicado,s os de primaria; no caso do soldo diríxese aos de secundaria. Isto ten sentido?, primeiro prexudícase e logo trátase de subsanar. Pódese xogar deste xeito coa educación?

Patios escolares

En RebelArte o 25/05/2010 ás 14:27

Xa que andamos a falar da importancia do xogo na infancia, é bo que lle dediquemos, cando menos, unha entrada aos patios escolares.

Téñense publicado estudos sobre os patios desde a socioloxía, a antropoloxía, a psicoloxía ou a arquitectura, pero moi pouco desde a pedagoxía, poida que debido a que se entende como un espazo de liberdade controlada, de non intervención adulta.

O patio é un lugar moi recordado nas nosas memorias escolares. Pensemos, que é o que os convertía nun lugar especial? E agora, como profesionais do ensino, pensemos por un intre se os patios actuais están concibidos como eses lugares de xogo e deleite dos nenos e nenas. Á vista de moitos deles, só nos veñen á cabeza palabras como inhóspitos, duros, hostís, deshumanizados…; seguros e carentes de perigos?, é posible, pero tamén ausentes de recunchos segredos, de misterio, de intimidade… E non estamos a falar de equipamentos ou infraestruturas, falamos do contorno físico.

Cando visitamos as escolas de Reggio Emilia, do que máis chamou a nosa atención foron os espazos para o esparexemento dos cativos, os xardíns (así chamados porque había verde, non vaiades pensar en algo formal). Unha compañeira, directora dun centro no Levante, dixo que se ela tivera o seu patio así, lle retirarían a autorización de inmediato, coa conseguinte denuncia por parte dos pais. Claro, aquela herba alta podía esconder bechos; aquelas árbores coas ramas baixas podían ocultar un neno; aquelas pedras poderían ser armas arreboladizas; aqueles toros das árbores poderían esmagalos, naqueles agochos de ramas poderían rabuñarse…, etc, etc. O mellor, pavimentalo todo!, con materiais que impidan que se manquen ao caer, cortar as árbores, arrincala herba, levantar aramadas e acabáronse os perigos, todo controlado! A obsesión, por evitar perigos potenciais tamén acaba coa diversión, desfrute e gozo infantil.

Non lle daremos máis voltas, nós non temos eses espazos das escolas italianas, nin os “xardíns de inverno”, nin os invernadoiros. Temos o que temos, seguros patios de penitenciarías onde aos rapaces non lles queda outra que pelexar. Día a día constatamos que os nenos non saben xogar, ou non poden. Pódense mellorar? É preciso o intervencionismo ou directivismo por parte das persoas adultas? Son necesarios grandes investimentos económicos?

Vén de publicarse “El patio escolar: el juego en libertad controlada. Un lugar emblemático. Territorio de pluralidad”, de Víctor Pavía en Novedades Educativas. Nesta obra expóñense as cualidades do patio escolar e analízase a organización do espazo; o espazo de xogo situado; os espazos e o tempos escolares para o lecer. Non se propón un modelo único, senón moitos modelos de patio e criterios para deseñalos.

A organización e dinamización dos patios e dos recreos é algo que preocupa a moitos docentes, hai un gran número de grupos de traballo constituídos con tal fin. Sen dúbida, en niveis superiores é un motivo de grande preocupación por considerarse un foco de conflitividade e violencia entre iguais. Queremos salientar unha iniciativa, premio nacional de innovación educativa, do centro vasco CP de Zamakola, “El patio escolar un espacio educativo”, no que a súa directora, Asunción Olano, coordinou unha mellora do patio como espazo de convivencia. Lectura moi recomendable e que fai reflexionar un pouco sobre ese tempo e ese espazo de ninguén: o patio de recreo. E na obriga da escola de educar, tamén, para o lecer.

Día das Letras Galegas?

En RebelArte o 29/04/2010 ás 19:17

Sabedes que? Que estou un pouco farta de ver no que se converteu a celebración das Letras Galegas. Ben sei que o que estou a dicir é un “sacrilexio”, pero certamente, non me gusta. Dedicar un día, ou dous, ou unha semana ás letras galegas paréceme un pouco forzado en calquera nivel educativo; nalgúns aínda ten un pase, pero na educación infantil, con nenos e nenas de tres anos, non lle atopo sentido.

A celebración das Letras Galegas iniciouse en 1963 a instancia da Real Academia Galega, coa finalidade de homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa defensa da lingua e da cultura galega, sendo condición que pasaran máis de dez anos do seu pasamento. Na Comunidade Autónoma Galega ten o carácter de día festivo e aparece no calendario escolar como data de celebración. O groso do traballo dalgúns equipos de normalización dos centros xira basicamente sobre esa celebración, que finalmente se fai de modo moi similar en todos: un sinfín de actividades que case fan aborrecer o nome do homenaxeado, e cando pasa, xa nin se recorda nunca máis. En iso se converteu.

Invítovos a facer unha cousa: preguntádelle aos vosos alumnos e alumnas pequenos en que idioma falan; en que idioma falan o seu pai e a súa nai; en cal fala Bob Esponja; en cal falan as distintas mestras que pasan pola clase, e veredes… Non o saben. Saben que falamos distinto, pero non distinguen o que é galego do que é castelán. Tamén vos preguntaredes vós, e por que non llo preguntaches ata o de agora?, pois por iso da convivencia harmónica das dúas linguas. Como na clase pasamos indistintamente do galego ao castelán e nos diriximos a eles en galego ou en castelán, por isto da lingua materna, e da lingua vehicular, ao mellor non lles facemos ver cando o facemos nunha lingua ou noutra, malia que logramos facernos entender nas dúas linguas. Eu léolle todos os días contos, en galego ou en castelán. E entendémonos, iso é marabilloso. Poida que o faga máis en galego. Seguro. Porque non nos enganemos nin sexamos hipócritas, aínda que a normativa marque fifty-fifty, ou 60-40, ou 30-70, ou a porcentaxe que sexa, na clase fálase maioritariamente a lingua que fala o/a mestre/a. E punto. Aí radica a nosa responsabilidade. Prodixiosamente os nenos terán comprensión nunha lingua ou noutra e incluso expresión; pero empregarán aquela na que se dirixan a eles nas súas casas. Ollo!, na que se dirixan a eles na casa, non na que se fala na casa. Ás veces coincide. E que lingua falan na casa?, xeralmente a do contexto. E que lingua se fala no contexto?… Xa non sigo. Deberían continuar con esta batería de preguntas – que xa teñen resposta en moitos estudos, ou no PXNL- aquelas persoas que pensan que o conflito lingüístico hai que dirimilo nos centros educativos.

Creo que derivei moito. Estábamos co forzado de traballar nas aulas a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Pódese facer? Poder, pode, oh; e logo non lles falamos de dinosauros e do voo das bolboretas monarca? Todo se pode facer. E eles, coitadiños, moitas veces responden porque saben que con iso nos están agradando. Polo tanto, que toca recitar un poema de Uxío Novoneyra?, pois farase. Que aproveitamos e coñecemos o Caurel; fantástico, Turgalicia agradeceránolo. Pero, en realidade que estamos facendo polas nosas letras?; que repercusión ten iso sobre o coñecemento da nosa lingua e da nosa cultura? Ao meu modo de ver, en infantil, ningunha.

Malia que nos esforcemos moito en buscar o poema máis sinxelo para infantil, ou conto, ou o que sexa do homenaxeado. Son autores que, ata o de agora, ningún deles se dedicou ao público infantil; é máis en moitos casos, o seu campo de traballo é bastante lonxano dos nenos e nenas. Entón, por que nos empeñamos no sen sentido? Isto lévanos a situacións ridículas. Hai moitos anos, non lembro o nome do autor homenaxeado – case mellor-, pero si que a súa obra era bastante “árida”, excepto unha receita que escribira sobre as papas de arroz. Podedes crer que aquel home que tanto fixera pola lingua, acabou sendo coñecido entre os rapaces de infantil –e as súas familias-, polas papas de arroz? E non era isto o que pretendía a RAG cando instaurou o Día das Letras Galegas, verdade?

Apelo ao sentidiño común. Creo que se pode facer moito pola nosa lingua e pola nosa cultura nas aulas de infantil, sen caer na estulticia. Lendo, coñecendo, descubrindo, achegándonos cada día á obra de escritores, ilustradores galegos que escriben en lingua galega para nenos e nenas. E sobre todo, falándoa. Polo de agora creo que é homenaxe dabondo para a nosa lingua. Se isto se fai ben, xa chegará o momento no que coñezan ou descubran a obra de Uxío Novoneyra e doutros moitos.

Nota: Como sempre estamos en actitude de aprender, convídovos a que se tedes algunha proposta axeitada para traballar o autor homenaxeado en 3-6, nola fagades chegar. Aviso para navegantes: absterse de enviar actividades do tipo, buscar nunha sopa de letras o nome “Uxío”; ou repasar os puntos ata completar a cara de Novoneyra; ou contos estilo “El pequeño Uxío Novoneyra”; e de recitados-forzados cos nenos, xa nin falar!!!

A maleta de Reggio Emilia

En InformArte,RebelArte o 05/04/2010 ás 22:53

Volvemos da nosa peregrinación pedagóxica a Reggio Emilia, foco de atracción de crentes noutra escola infantil mellor. Alí nos atopamos 160 profesionais da educación, deles, preto de corenta galegas e galegos: mestres, asesores de formación dos CFR e responsables de Preescolar na Casa, entre outros.

Tres días de formación intensa que nos darán ao menos entradas no blog para trinta días… Non defraudou! Vimos, escoitamos, compartimos e reflexionamos tanto que precisamos pousar un pouco e logo ir librando devagariño. Faremos unha identificación de todo o relacionado con Reggio, para que vos decatedes de que, aínda despois de medio ano, estaremos a falar do alí visto.

A primeira reflexión: despois de varios anos nos que galegos viaxan a Reggio, cando poderemos coñecer experiencias que se desenvolvan na nosa comunidade? Ou só imos para facer turismo pedagóxico?, é unha posibilidade, Italia ten atractivos dabondo para ir alí. Cando, algunha administración educativa terá a iniciativa de crear un centro de innovación educativa de referencia para toda a educación infantil? Sabemos que o de Reggio xurdiu de seu, pero tamén se podería facer xurdir, ou non? Sería moi difícil crear un centro, con profesionais seleccionados, cun liderazgo pedagóxico forte e cun respaldo da universidade e da investigación educativa que funcionara como centro de “reciclaxe” de profesorado no que a formación e innovación se refire. Sempre que comentamos isto, alguén responde que non é posible, que atenta contra os dereitos do profesorado (polo destino neste centro), que non se poden facer estes experimentos de laboratorio. Non nos convencen eses argumentos. Todo dependerá de como se cree, con que finalidade e como se estableza a provisión de plantillas… e sobre todo, de como funcione e os resultados que acade. Dalgún xeito, así foron concibidas as escolas anexas. Non nos compracería a todos contar cun centro referencial galego en educación infantil? Pódese innovar na innovación educativa e na formación do profesorado, ou débese seguir facendo o mesmo ca sempre?

Mentres tanto seguiremos indo a Italia, veremos, entusiasmarémonos, contaremos á volta e transcorrido un tempo…, nin nos lembraremos. Pois daquela haberá que volver, motivos hai dabondo: agora en Reggio empezarán a estender a experiencia á educación primaria, será bo ir a coñecer os resultados dentro de cinco anos.

A educación nos xornais

En RebelArte o 05/04/2010 ás 22:52

Hoxe lemos en “El País” que Galicia encabeza os indicadores educativos nos dous últimos anos, avantaxando a media española na meirande parte deles. Destaca así mesmo que é a comunidade que máis se achega á taxa de idoneidade e que está por debaixo da media en canto ao abandono temperá.

Isto non é unha novidade; estes resultados véñense constatando nos estudos anuais realizados polo Instituto de Evaluación. O que é unha novidade é que os xornais salienten aspectos positivos da educación. Serán conscientes de que a valoración social do feito educativo podería ser ben distinta se en vez de encher titulares con aspectos negativos se salientaran cada día as boas prácticas dos centros, ou a labor de tantas e tantos docentes comprometidos co seu traballo, ou o papel determinante dos estudos na vida plena das persoas? Por que será que a meirande parte das ocasións nas que se fala da educación é en negativo: violencia, abandono, desidia, conflitividade…, isto fará que se vendan máis xornais, ou é unha tendencia?

Nenas e nenos a full-time

En RebelArte o 22/02/2010 ás 13:54

Na miña clase hai unha nena que me fixo saltar todas as alarmas; ao volver do recreo, se non lle fago unha sesión moi movida, quédase durmida; e isto ocorre moitas veces, non é unha anécdota dun día. Como me resisto a crer que perdín a man cos nenos e que me fixen unha mestra aburrida e soporífera, tratei de descubrir a que se debía ese déficit de horas de sono nunha nena de tres anos. Discretamente, indaguei se vía a televisión ata moi tarde, cales eran os seus hábitos cotiás, si se desvelaba pola noite ou se padecía algunha enfermidade.

Souben todo o que facía desde que se levanta ata que se deita. Velaí vai. Érguese ás 07:15 am, chega ao colexio un cuarto de hora despois, alí é acollida no programa “Almorzos saudables”, e unha vez toma os Chocokrispis con leite pode colorear ou xogar coa plastilina con outros cincuenta nenos. Ás 09:00 xúntase co resto dos compañeiros de clase e coa súa titora, ao longo de cinco horas ten psicomotricidade, ou inglés, ou relixión, ou informática, de seguro que volverá a colorear ou xogar coa plastilina en varias ocasións. Ás 14:00 é recollida polas monitoras do comedor escolar, xa vai co kit de aseo e coa axenda na man; asease, come un menú equilibrado, realiza o ritual de hixiene bucodental, e unha vez finalizada esta fase saudable poder ver unha película na sala de usos múltiples. Ás 16:00 comezan as actividades organizadas pola ANPA do centro, nas que participa todos os días ata as 19:00, son ben variadas: teatro, danza, karate, etc. Outros días participa nun programa do concello de “Tardes lúdicas”, con actividades de predeporte ou piscina. Seica logo a recollen os seus pais, aproveitan para facer algún recado, ou para ir á biblioteca a escoitar un contacontos e van para a casa, xoga un pouco coa súa irmá pequena, dúchase e vai para a cama onde seu pai lle le un conto. E así pecha a xornada ás 21:00 h.pm cun cómputo de 14 horas “laborais”. Isto o convenio colectivo non o permitiría. Cando menos, se as actividades foran promovidas por un único servizo, non podería permanecer máis de oito horas, tal e como sucedía nas garderías

Podemos pensar que é unha nena afortunada; os seus pais teñen traballo; asiste a un centro que conta con todo tipo de servizos; vive nun concello que se ocupa dos máis pequenos e trata de conciliar a vida familiar e laboral; fai cinco comidas ao día; os seus pais queren que aproveite todas as posibilidades que eles non tiveron, sobre todo agora, que como os pequenos “son coma esponxas” non lles costa traballo aprender o que sexa, piano, pintura… Millóns de nenos no mundo non teñen todas estas prestacións. Ela ten de todo. Faltaralle algo?

Quedei abraiada. E isto é o día a día de máis da metade dos nenos que acoden ao centro no que traballo, son trescentos en total, con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. Non sei porque me veu á cabeza a xerarquía de necesidades de Maslow, representada na súa coñecida pirámide, e máis unha característica da súa teoría “só as necesidades non satisfeitas inflúen no comportamento das persoas, pero a necesidade satisfeita non xera ningún comportamento.”

Hai anos, cando os nenos non desfrutaban de tantas vantaxes, de cando en vez recibía algúns pais e nais que se lamentaban do pouco tempo que pasaban cos seus fillos, eu sempre lles contestaba, en ton tranquilizador, que importaba máis a calidade que a cantidade de tempo que lle dedicaran. Hoxe en día, xa non son tan benévola; podo entender a situación dos pais pero non son quen de mentir, porque tecnicamente é imposible que o tempo sexa de calidade cando é un “non tempo”.

Ben sei que a vida actual é así, que os pais e nais están escravizados por moitos condicionantes, ben sei que desexarían que fose doutro xeito, ben sei que nós, coma docentes, non podemos modificar as condicións de vida destas criaturas…, ou si? De seguro que non podemos facer que permanezan menos horas tutelados por estraños, pero si que podemos axudar a que esas horas e o reparto dese tempo sexa máis equilibrado, máis acorde coas necesidades dos nenos.

Como? Suscitando un debate no foro onde están representados todos os promotores de servizos de atención á infancia: no Consello Escolar do centro. Alí participa o centro, a ANPA, os representantes de departamentos educativos dos concellos. Con que motivo? O primeiro deles, ver quen se encarga de proporcionarlle un tempo de descanso e de lecer ás criaturas. Ao mellor non é precisa tanta actividade, e xa que é inevitable que pasen tantas horas, ao menos que haxa espazos para o relaxo dos nenos e nenas. Non todos teñen que xustificar a súa intervención presentando produtos e resultados. O mellor resultado será o desenvolvemento harmónico das criaturas nun clima de sosego, de escoita e de afecto. Serán primeiros pasos.

Recordade que sempre estamos facendo mención de experiencias nas que hai unha coordinación de todos os servizos que atenden á infancia, concellos do norte de Italia ou Portugal, países nórdicos, o que quere dicir que xa hai moito camiño andado, que non é preciso que cometamos erros iniciais, porque sabemos para onde mirar. Será un bo paso.

Nota: Esta narración é ficticia, a nena non existe, o cole tampouco, isto non se corresponde con ningún feito real, ademais concedinme moitas licencias literarias para facelo máis entretido, un pouco delirante e conmovedor.

A banda do trapo

En RebelArte o 01/02/2010 ás 17:32

Non podo! Definitivamente, non podo! Poida que estea maior, que xa non teña folgos, ou azos, pero non podo facelo! Chegou o tan “temido”momento do Entroido. Isto supera con moito ao Nadal, e non vaiades a pensar que foi doado sobrevivir a Papá Noel, ao Paxe real, ao Apalpador, aos Reis Magos …, pero o Entroido son palabras maiores.

O listón está moi alto, xa non sabemos que discorrer  para demostrar ano tras ano a nosa creatividade e orixinalidade in crescendo; en breve teremos que realizar unhas estadías de estudo nas Canarias ou no Brasil para inspirarnos nas súas famosas comparsas e coñecer novos materiais e técnicas a empregar. O do Entroido galego xa está superado, hai peliqueiros, madamas e cigarróns en calquera punto xeográfico de Galicia. Bo é que, como este ano cadra Xacobeo, sempre podemos recorrer ao “pelegrín”; agora que xa non se peregrina por motivos relixiosos, dígoo polas distintas confesións dos nenos.

Mesmo parece que o Entroido é onde nola xogamos. O mellor, conseguir que todo o centro se meta nunha historia, e cada clase sexa unha parte ou persoaxes da mesma: de feira medieval, de fondo do mar, de contos infantís, de diversidade étnica (moi multicultural se non fose polos tópicos); pola contra, nestes casos sempre hai alguén se queixa de que lle tocou o “menos vistoso”.

O gran día, algúns pais e nais ata solicitan permiso para ausentarse do seu traballo e acudir ao desfile, nalgunhas vilas córtase o tráfico, todo son nervios, contratempos (a choiva sempre desluce e deteriora os traxes) e imprevistos de última hora. As criaturas suorosas e cansas desde primeiras horas da mañá, saben que para lograr sacarse os disfraces teñen que esperar ao paseillo, ás reportaxes gráficas e a que pase a pantagruélica sesión (a deshora) de degustación de produtos típicos do Entroido, que dito sexa de paso, a moi poucos lles gustan.

Sei un segredo, cando os nenos son pequenos a moi poucos lle gusta ir disfrazados do que lles tocou na escola; sinto dicilo, pero aí as fadas, bruxas, Batman, Spiderman, o Zorro, Bob Esponja, raíñas, princesas e piratas gañáronnos a partida; a nosa elección, de seguro é máis “educativa” pero que lle imos facer!

Houbo un feito que marcou un fito nos disfraces escolares, a aparición das bolsas de plástico de cores. Cunha grampadora, cinta adhesiva, pegamento e autocolantes, as bolsas acadaban o seu máximo esplendor. Hai un antes e un despois das bolsas de cores. Pouco a pouco as empresas comerciais de material escolar viron o filón e brindáronnos todo tipo de adobíos que permiten dar renda solta á nosa vena deseñadora e creativa. Por certo, agora atopamos bolsas todo o ano, será porque tamén se fan disfraces nos obradoiros de lecer do Nadal, nos do verán, nos de Semana Santa…

Trala patronaxe, cando facíamos o prototipo ou versión Beta dos disfraces case nos chegábamos a emocionar, o malo, facer os vintecatro restantes; pero ben, para iso sempre se di que as de infantil somos o colectivo máis activo, implicado e creativo, non? E senón, tamén cabe a posibilidade de pedir a colaboración dos pais e nais; os destas idades préstanse a case todo o que lles pidamos do centro. Outra posibilidade é a de amosarlles o “prototipo” e que cadaquén lle arranxe o do seu picariño/a; teño visto nais resollando entre o Todo a cien e o Bazar chino, pero non todas, algunhas ata esperan con ilusión estas datas.

Non nos enganemos o noso alumnado non pode facer todos eses atrezzos. E coma sempre, volvo a preguntar: e todo isto, para que? Xa coñezo a resposta de que é para evitar as diferenzas evidentes entre eles, deste xeito uniformámolos a todos e asunto resolto. E volvo a preguntar: estamos seguras de que estes disfraces realmente lles gustan aos nenos e nenas? Tamén coñezo a resposta de que formando parte dun proxecto, a festa viría a ser o colofón da experiencia didáctica.

Non vaiades a pensar que digo todo isto por non pasar o traballo de facer os disfraces; confeso que tiven desvelos e que me debandei os miolos pensando en como darlle o corte a un pantalón de toreiro para que quedara pegado ao corpo, ou como conseguir que os rabos dos ratos quedaran levantados e ensarillados. Pero coa distancia precisa volvo a facerme as mesmas preguntas. Tamén pode ser debido a que teño unha clase de vintecinco nenos de tres anos e só de pensalo escórreme unha suor fría polo espiñazo.

Non conto nada novo se digo que aos nenos e nenas gústalles disfrazarse, transformarse noutro ou noutra cun simple pano, ou cunhas gafas, ou cun sombreiro, e se lles deixamos maquillaxes xa nin vos conto… Polo cal eu téñoo claro, desmarcareime e afiliareime á “banda do trapo”. Facilitareille retrincos de tela e adobíos, colares, coroas, panos, cinturóns e que cadaquén se disfrace nestes días como queira. Argumentos non me faltan:

1º O etnográfico: o Entroido tradicional consistía en poñerse roupas vellas e ocultalo rostro pintándoo cun tizón e deste xeito percorrer as aldeas pedindo esmolas.

2º O ecolóxico: por ser coherentes cos principios da sostibilidade e do consumo responsable.

3º O pedagóxico: porque a creatividade desenvólvese, basicamente, coa práctica.

4º O lúdico: porque se é unha festa para goce dos nenos e das nenas, ten que facelos desfrutar, a eles.

E sobre todo, porque teño moi presentes as verbas de Concepción Arenal, en 1881, coas que iniciábamos este bloque, pero volvo a recoller aquí e que cadaquén as entenda como queira:

“Para que la maestra sea la que debe ser es necesario que deje de ser niñera, y además que no enseñe labores manuales, enseñanza que tal como hoy la da de nada o poco sirve, y que hace imposible la literaria.(…)”

Nota: Coma sempre, esaxero moito nas miñas narracións, pero que ninguén se ofenda porque estaba a falar de min mesma. Percorrín o mesmo camiño ca todos pero agora quero pararme, reflexionar e non deixarme arrastrar por inercias e rutinas analizando con moito tino as súas vantaxes e desvantaxes.

Folclorización das conmemoracións escolares

En RebelArte o 28/01/2010 ás 20:34

Asisto con estupefacción e non pouca preocupación ao triste espectáculo no que se transformou o tratamento de certas conmemoracións nos centros educativos. Fai moito, moito tempo, alá pola época de efervescencia da LOXSE postulábase a absoluta necesidade de introducir os temas transversais no currículo; foron tempos duros, tanto para aqueles docentes que apostaban polo tratamento de problemáticas de la sociedade; como para aqueles que vían a dificultade de tratar estes temas desde as súas materias. 

Foi una batalla non definitivamente ganada, pero ao menos asumida pola comunidade educativa e que grazas ao impulso de todas as administracións educativas, ben a través das súas actividades de formación do profesorado, da oferta de recursos, da publicación de experiencias escolares, e sobre todo, grazas ao establecemento no calendario escolar de conmemoracións significativas relacionadas coa Paz, co Medio Ambiente, etc.

E é aquí onde nos encontramos co problema, aquelas actividades innovadoras, propostas e levadas a cabo por profesorado comprometido cos problemas que desacougan á sociedade, convertéronse en moitos centros nunha rutina anual, en moitos máis dos que nos atreveriamos a recoñecer; especialmente nos de educación infantil e primaria. É máis, case nos poderíamos atrever a asegurar que o tempo/calendario escolar está marcado por estas celebracións. Vamos de “romaría en romaría”. Supón un despregue de actividade frenética, para o profesorado, para os equipos de actividades complementarias, para os de biblioteca, para os TIC …, e una vez concluídas as actividades dunha celebración xa estamos deseñando as da próxima. Pero no se trataba disto, verdade?

Isto calou de tal forma nos centros e na sociedade, que case todos os servizos de atención á infancia, tanto no ámbito non formal coma no informal se suman á celebración das conmemoracións. As editoriais incluso publican materiais ad hoc para estas ocasións; compañías de teatro, empresas de animación sociocultural, contacontos …, todos o “celebramos”.

Soen ser momentos nos que o centro ten a ilusión, nalgúns casos, o espellismo, de que se traballa de forma coordinada; tamén soen ser ben valoradas polas familias do alumnado, en moitos casos, son nos escasos momentos nos que se visibiliza o traballo dos docentes. Tamén soen ser moi emotivas para os proxenitores, a case todos os pais os conmove ver a os seus pícaros lendo un manifesto, recitando un poema, recadando fondos para una comunidade desfavorecida, representando una escena que alude a aqueles valores máis humanos e universais, prantando unha árbore, ceibando unha pomba…. Decote, son fotografadas, gravadas, recollidas e retransmitidas polos medios de comunicación; aparecen nas páxinas web do centro, a súa celebración engádelle valor ao centro educativo. Pero, despois que?

En que punto desvirtuamos ou pervertemos a idea inicial?; en que momento se derivou cara ese tratamento efemerizante e en moitos casos, mercantilizado?, tan só buscamos o impacto visceral? Non busquemos culpables, non os hai.

O meu ton pode parecer excesivamente crítico e falto de respecto cara o traballo serio e rigoroso de moitos centros e profesionais da educación que non caen nos tópicos que acabo de mencionar. Pero non, todo o contrario, o meu ton é moi optimista. Aínda no caso de que nos atopemos nese punto de desviación do obxectivo inicial, estamos en disposición de reflexionar sobre a nosa propia experiencia e sobre os resultados realmente educativos deste tipo de intervencións. Non son quen para propoñer alternativas; estas teñen que xurdir e están xurdindo de moitos claustros; a clave está no traballo do día a día e non no “dun día” (aínda que supoña a preparación de moitos días previos). Tan só se trata de analizar si a nosa cotidianidade e rutinas diarias son coherentes cos postulados da celebración en cuestión. Aí radica a clave do seguinte paso a dar no tratamento dos temas transversais ou da educación en valores de hogano, que dito sexa de paso, así era no momento da súa introdución nos currículos escolares.

Nota: O tratamento de efemérides pode ser unha actividade interesante e dar pé a proxectos que desenvolvan os conceptos sobre os que se fai unha chamada de atención á sociedade nese día concreto; pero recordemos a nosa función como educadores e non permitamos que se folclorice todo.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores