A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘LexislArte’

Vacatio legis

En LexislArte o 01/02/2012 ás 07:58

No Dereito denomínase vacatio legis ao lapso de tempo que transcorre entre que se publica unha norma e a súa entrada en vigor. Se ben, é habitual que a propia norma estableza a entrada en vigor ao día seguinte -ou pola contra, enténdese que é vinte días despois da súa publicación no Boletín Oficial-, hai certos casos nos que se adía por motivos como os que seguen:

-para que poida ser estudada polas persoas que se van a ver afectadas pola devandita norma;

-pola necesidade dun prazo para emitir outras normas accesorias;

-por motivos técnicos para preparar a súa correcta actualización;

-por outras cuestións prácticas como que  unha norma que modifica un plan de estudos teña unha vacatio legis ata o curso seguinte para que se aplique desde o comezo dun ano académico.

Emporiso, non deixa de sorprendernos a publicación de regulamentos dirixidos a todos os niveis de ensino non universitario, con data de entrada en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG, máxime cando se trata de normas que presumen de ser radicalmente innovadoras e rompedoras co que se viña facendo ata o momento. Acaba de suceder co Decreto 229/2011, polo que se regula a atención á diversidade na Comunidade Autónoma de Galicia, e xa pasara o mesmo co Decreto 79/2010, para o plurilingüísmo para o ensino non universitario de Galicia.

Isto non é unha cuestión de purismo xurídico, senón porque, ambas as dúas normas –como é habitual-, derrogan os anteriores decretos polos que se rexían ata ese momento os centros educativos, así como todas as de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nese decreto.

Desentrañar a normativa en educación, é algo que non está ao alcance de moitas persoas, sendo do gusto de moi poucas. As normas prodúcense en distintos momentos, moitas delas como resposta a problemas que van xurdindo cos que non se contaba inicialmente; mesmo precisan da creación de estruturas que non existían. Non hai case ningunha lexislación educativa que non poida entrar en contradición ou discrepancia con outras xa publicadas.

Porén, a publicación dun decreto que precisa de estruturas, de especialistas, de organización de espazos e de tempos escolares, non pode producirse dun día para outro e derrogar dun golpe todo o existente. Crea un baleiro legal que vén a demostrar que nos centros, a meirande parte do tempo vívese á marxe da lei. Farase coma sempre, escoitaremos a pseudointerpretación de alguén que parece tela lido e non pasará nada; ata que xurda unha denuncia. Daquela poñémonos a ler a norma e a buscarlle as regañas legais.

Co doado que podería ser que o Decreto se publicase o mesmo día e se lle puxera unha entrada en vigor o día 1 de setembro de 2012. Con tempo dabondo para que a administración a completase vía ordes, resolucións, circulares ou instrucións, nacidas das achegas, dúbidas e problemas detectados pola inspección educativa, equipos directivos, departamentos de orientación, equipos de orientación específica, centros de educación especial e outros moitos, entre eles, familias afectadas pola norma; especialmente cando están por verse diversas situacións non contempladas que poden xurdir no momento de solicitude de praza nos centros, no de matrícula, na emisión de ditames de escolarización e flexibilización, no de promoción de curso ou etapa educativa.

Nós, canto á educación infantil, vimos algúns aspectos nese decreto que precisan de entrar máis polo miúdo, e dos que falaremos máis devagar.

Unha mágoa, unha ocasión desaproveitada de empezar todo de novo, todo concordante, non feito de remendos. Custa imaxinalo, pero canto se agradecería que fora todo no mesmo lote e que logo non houbera que andar rastrexando polo DOG sempre coa dúbida de que nos queda algo por ler.

(Imaxe Reloxo de area dixital vía Microsiervos)

Protección de datos persoais do alumnado

En LexislArte o 13/01/2012 ás 07:40

  • Pódense publicar imaxes do alumnado no web dun centro de ensino público? Precísase consentimento expreso aínda que se distorsionen ata ser irrecoñecibles?
  • Si un centro emprega cámaras de videovixilancia, pódense conservar as gravacións?
  • Si se vai realizar unha visita guiada, pódenselle facilitar os datos do alumnado que asistirá ao museo/sala/auditorio?
  • Un xornal quere facer unha reportaxe no centro con imaxes do alumnado, que precaucións se deben adoptar?
  • O dato da opción relixiosa ou o de discapacidade ten a consideración de especialmente protexido?
  • Que consideración teñen os datos psicopedagóxicos incluídos nos informes elaborados polos equipos de orientación?
  • Que natureza teñen os ficheiros de entrevistas ás familias?
  • No caso de que se ceda a unha empresa de reciclaxe o papel do centro, que medidas se deben adoptar?
  • Pódense facer públicos nos baremos de solicitudes de admisión os datos de renda das familias?
  • Quen é o responsable de informar ao persoal do centro sobre a protección de datos de carácter persoal?

Estas, e outras moitas son preguntas que xorden cada día nos centros educativos e ás que as administracións educativas de algunhas comunidades tratan de dar resposta, información e asesoramento aos docentes. Así o ten feito a Comunidade de Madrid e máis recentemente a Junta de Andalucía que vén de presentar a “Guía de protección de datos de carácter persoal para los centros de enseñanza”, neste caso en soporte electrónico para que estea ao acceso de todos os interesados. Advertindo que se trata dunha publicación con carácter ilustrativo ou informativo, expón como velar polo dereito á protección de datos de carácter persoal como un dereito fundamental de todo o alumnado.

Asemade, inclúe modelos coas cláusulas legais para formularios tipo como os de solicitude de praza, publicación en web, actividades extraescolares, comedor, etc.

Xa no ano 2006 a Agencia Española de Protección de Datos presentou o “Plan sectorial de oficio a enseñanzas regladas no universitarias” para o que previamente se auditaron centros para ter un diagnóstico da situación, advertindo da complexidade deste ámbito educativo pola diversidade de datos que manexa (matrícula, becas, expedientes académicos, informes médicos ou psicopedagóxicos, etc) e analizando a pertinencia, adecuación e necesidade de moitos dos datos que se recollen.

Este é un eido no que hai un gran descoñecemento debido en grande medida á falta de información e formación do profesorado, algo no que se debería incidir máis e incluír un módulo formativo, ou ao menos contar cunha publicación orientativa con respostas a situacións que se dan a cotío.

Responsabilidade civil do profesorado

En LexislArte o 13/01/2012 ás 07:40

Outro dos temas sobre os que non temos grande información/formación é o da responsabilidade civil do profesorado.

Preocupa e ocupa por igual aos docentes e inspectores/as, emporiso, non é casualidade que no nº 14 da Revista de la Asociación de Inspectores de Educación de España se recolla un artigo do profesor e avogado, José Manuel Fanjul, no que vai debullando os supostos civís nos que un docente pode incorrer no exercicio lexítimo das súas funcións. Presenta exemplos de responsabilidade civil por actos propios ou por danos causados polo alumnado.

Moitas e moitos de nós agradeceríamos que se nos asesorase sobre responsabilidade civil, sobre a protección de datos de carácter persoal e sobre cuestións que nos aparecen no día a día derivadas das complexas situacións familiares dalgúns alumnos e alumnas, xa que moitas veces procedemos segundo nos aconsella o noso sentido común ou segundo escoitamos nunha tertulia televisiva, pero sempre estamos pensando que podemos estar incorrendo nalgunha falta por acción ou por omisión.

Novos temarios de oposicións a EI

En LexislArte o 19/11/2011 ás 18:30

Adiviña: Que tema do novo temario de oposicións para o ingreso ao corpo de mestres de EI (BOE 278, do venres 18 de novembro de 2011) lle vai supor un problema ás persoas que opositen en Galicia?

Non é preocupante, isto sempre se move no terreo da “ficción pedagóxica”, pero estas son as discrepancias que lle detectamos a ese novo temario con relación á normativa galega:

1º No punto 21.3 do temario indica “A concreción dos contidos educativos do currículo educativo do segundo ciclo na proposta pedagóxica.” E no 22.5 da “Aplicación dos principios na proposta pedagóxica.” Ben, pois no artigo 5.2 do Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da EI na Comunidade Autónoma de Galicia di o que segue: “Os currículos da educación infantil que deberán desenvolver e completar os centros educativos que impartan estas ensinanzas son os que recolle no Anexo I deste, pasando a formar parte da súa proposta pedagóxica.” Malia todo, na Orde do 25 de xuño de 2009, polo que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo de EI, no seu capítulo II dedicado á Planificación, non recolle a proposta pedagóxica como documento de concreción curricular do segundo ciclo de EI, tan só se refire o artigo 9 ás programacións didácticas, cun carácter semellante ao que sería a proposta pedagóxica.

No caso de saír este tema, é posible que os opositores respondan o que se indica nos temas comercializados, pero é conveniente saber que en Galicia, a diferenza do resto das comunidades hai esa salvedade.

2º O tema 24 refírese a “A programación no primeiro ciclo de EI. Obxectivos, contidos e métodos pedagóxicos. A continuidade entre os dous ciclos de EI. Medidas curriculares e vías de coordinación.” No Decreto 303/2009, tan só apunta no seu preámbulo a necesidade da coordinación entre ciclos sen que isto supoña a supeditación dun ao outro. No artigo 10.1 da Orde de 25 de xuño de 2009, di “A CEOU establecerá mecanismos que favorezan a coordinación das propostas pedagóxicas dos centros que impartan o 2º ciclo con aqueles que impartan o 1º ciclo, co obxectivo de garantir a continuidade do proceso educativo do alumnado.”

Ata o de agora non deixa de ser un desiderátum, pois nunca se estableceron eses mecanismos, quedando ao criterio dos centros facelo ou non. E ao dos opositores novelalo con maior ou menor fortuna.

3º Na redacción do temario non se manexan os mesmos termos resultando confuso, pois se ben o tema 23.3 se pide “A contribución do currículo ao desenvolvemento de capacidades.”, non se sabe ben ao que se refire pois no 15.3 fala de “competencias psicomotrices”, no 17.1 de “competencias comunicativas” e no 37.1 a “formación de capacidades relacionadas co desenvolvemento lóxico-matemático”.

Nin hai coincidencia coas denominacións das competencias básicas (no caso de Galicia figuran como referente no Anexo II pero non forman parte do currículo, algo que non sucede en todas as comunidades autónomas), nin aclara si se deben acadar competencias ou capacidades.

Con todo iso, é salientable que recolla no temario aspectos que nin sequera figuran na normativa, pois sendo obxecto de estudio dos opositores/as collerán corpo de realidade.

Obxectivos da Educación para a década 2010-2020. PLAN DE ACCIÓN 2010-2011

En ActualizArte,LexislArte o 07/09/2010 ás 00:01

O pasado 17 de xuño, o Consello Europeo marcou as metas a conseguir daquí ao 2020 para mellorar os niveis de educación. Tendo como referencia ese documento, a nivel estatal e como punto de partida, estableceuse un Plan de acción 2010-2011, cun conxunto de actuacións específicas que se revisarán e renovarán anualmente.

Este plan de acción que se artilla sobre os 12 obxectivos europeos, apoiarase nunha serie de programas como son:

-a mellora do rendemento escolar do alumnado

-a modernización e flexibilización do sistema educativo

-a modernización e internacionalización das universidades

-o impulso ao aprendizaxe de linguas estranxeiras

-un plan estratéxico para a Formación Profesional

-a información e a avaliación como factores para mellorar a calidade da educación

-a formación do profesorado

-a dimensión social da educación en todos os niveis

Nada novo e nada vello. Estes obxectivos tanto podían ser válidos fai dez anos como poderán selo dentro de cincuenta anos. Non fai falla consultar a bola de cristal. O único que pode diferencialos son as medidas nas que se traduza.

Lemos con moito interese as fichas nas que se concreta o paquete de medidas planificadas polo goberno español porque, cando nos remitiron este Plan de acción, alguén nos indicou que as referidas á educación infantil, estaban recollidas, na súa meirande parte no obxectivo xeral 1º: “El éxito educativo de todos los estudiantes” (pag 28-42). Confeso que mentres esperaba a que se abrira o documento pensei que por fin se ía ter en conta a importancia determinante da EI, tanto para o desenvolvemento persoal como para o futuro discorrer académico do alumnado. Tamén pensei que o ministerio faría mención á necesidade de ir un paso máis alá no ciclo 0-3, non falando só de provisión de postos escolares, senón de promoción da calidade efectiva deste primeiro chanzo educativo. Supuxen que, sendo como é un ciclo no que a meirande parte das prazas ofertadas son en centros privados, contemplaría a supervisión do carácter educativo por parte da inspección. Ata esperaba ver algunha referencia ao fomento da coordinación entre os dous ciclos infantís, 0-3 e 3-6; e como non, que se instara ás comunidades autónomas a que dunha vez, estipularan os requisitos mínimos dos centros 0-3 –algo que veñen adiando desde o ano 2007.

Ben, das 15 medidas previstas para a consecución deste primeiro obxectivo, que contan cunha dotación de preto de 200 millóns de euros, tanto para o 2010 como para o 2011, as catro primeiras refírense a EI; son as que segue:

1. Ampliar e avaliar o Plan Educa3, aumentando a oferta de prazas no primeiro ciclo de Educación Infantil.

2. Transformar de maneira progresiva, en prazas de EI, a oferta de atención aos nenos de 0 a 3 anos de idade que non está considerada como tal.

3. Aumento da oferta de prazas para ciclos formativos de Grado Superior de EI.

4. Recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e de aprendizaxes non formais obtidos en centros para atención a nenos de 0 a 3 anos e oferta de formación para obter o título de Técnico Superior en Educación Infantil.

Sabemos que un documento programático coa amplitude do Plan de Acción non pode ter un gran nivel de concreción, pois esta característica converteríao en algo de difícil lectura e interpretación; sabemos que as actuacións polo miúdo dependerán das distintas comunidades autónomas. Tan só queremos recordar que a calidade en infantil hai que cifrala en algo máis ca en “ladrillos”, persoal ou materiais. Pero iso ben pode lograrse a través da formación do profesorado, da innovación e da ordenación académica.

Confiamos en que a estas alturas non sexa preciso convencer a ninguén do valor da educación infantil; para nós, tanto como a universitaria.

Cheque infantil

En LexislArte o 15/06/2010 ás 21:34

Publicouse no DOG a orde pola que se convocan axudas económicas para a escolarización da primeira infancia a través do cheque infantil en escolas 0-3 non sostidas con fondos públicos.

Aqueles nenos e nenas, nacidos con posterioridade ao 31/12/2007, que tendo solicitado praza en centros públicos 0-3 e non a obtiveron, poderán solicitar axuda para custear a escolarización nun centro non público, sempre e cando a súa renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 1.000 €.

Como Anexo VIII, recóllese a relación de centros partícipes no programa Cheque infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Calendario escolar 2010/11

En LexislArte o 15/06/2010 ás 21:33

Hoxe publícase no DOG a orde pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2010-2011 nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

No que se refire á educación infantil:

-As actividades lectivas do 10 de setembro ao 22 de xuño, ambos inclusive.

-Período de adaptación para alumnado de nova incorporación ata o 24 de setembro.

Lexislación da educación infantil

En LexislArte o 14/06/2010 ás 14:05

 

Vén de enviarse aos centros o libro “Lexislación da Educación Infantil en Galicia”. Ao igual que se fixo coa dos niveis educativos superiores, é unha compilación do currículo da etapa e da regulación da súa implantación, ordenación e avaliación. Está dispoñible en .pdf no web da Consellería de Educación e O.U.

Dado que na orde de avaliación se establece que esta se fará a través da aplicación informática XADE, nunha segunda parte do volume, recolle Indicadores observables específicos das diferentes áreas, agrupados por bloques de contidos indicando a súa correspondencia cos criterios de avaliación. Non coñecemos ningunha outra comunidade autónoma na que se fixera este traballo coa intención de orientar a labor dos equipos docentes. A introdución do alumnado de educación infantil no sistema XADE, é un grande avance e ao mesmo tempo un recoñecemento a este ciclo como parte do sistema educativo, maila que haxa quen pense que é un traballo engadido. As que xa temos bastantes anos de exercicio, estábamos un pouco cansas dos eternos debates sobre a avaliación en infantil, que si informes abertos, que se pechados, que si con símbolos –emoticonos ou semáforos, os máis habituais-, que si en infantil non é posible avaliar coma en outros niveis… Cómpre recordar cal é a finalidade primordial da avaliación, cales son os seus referentes e como se debe realizar. O resto, o procedemento para facelo, canto máis doado e sistematizado mellor. Require sobre todo da coordinación do equipo de nivel e de ciclo, algo que loxicamente non se pode facer dous días antes da reunión da avaliación. E require sobre todo, de rigorosidade, agora os datos quedarán almacenados para sempre nos arquivos informáticos e dispoñibles a través da rede, non só gardados nun cartafol; isto quere dicir que hai que ser moi prudentes coa información confidencial que se introduce –caso da avaliación inicial-, só aquilo que creamos pode ser relevante no discorrer académico do alumnado; dentro de 10 ou 15 anos, alguén pode estar lendo anécdotas persoais do período de adaptación, que nada aportan. Prudencia coa escrita, responsabilidade coa información e profesionalidade co noso alumnado.

O capítulo 4º do libro dedícase a ampliar as orientacións metodolóxicas xa contempladas no Decreto 330/2009. Insistimos en recoñecer a grande calidade do currículo de infantil da nosa comunidade autónoma, mágoa que aínda hai quen non o leu, quen non se decatou dos cambios, entre eles algunhas editoriais; agora que andan a presentar os seus materiais para o próximo curso, vemos que seguen sen introducir a modificacións e algunhas aínda inclúen os boletíns informativos para as familias. De seguro que haberá quen os empregue.

Requisitos mínimos dos centros que imparten EI

En LexislArte o 12/03/2010 ás 11:49

Hoxe publícase no BOE o RD 132/2010, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria. Disto xa falamos neste blog noutra entrada, cando foi informado polo Consejo Escolar do Estado, cun record absoluto de emendas. Era unha adaptación normativa moi necesaria posto que a situación dos centros, do alumnado, do profesorado así como as metodoloxías empregadas, dista bastante do establecido en 1991.

En breve, avances no 2º ciclo EI:

-Estipula metros cadrados por alumnado e non metros mínimos dos espazos.

-Contar con acceso independente do resto das instalacións.

-Condicións de seguridade estrutural: salubridade, aforro enerxético, protección laboral.

-Supresión de barreiras arquitectónicas.

-Posibilidade de que os centros impartan o 1º e 2º ciclo de EI.

Observacións:

-Seguimos sen saber nada dos requisitos mínimos dos centros que impartan o 1º ciclo de EI; competencia das comunidades autónomas.

-Biblioteca de primaria 45 metros cadrados, en secundaria 75.

-Nos centros de EI non contempla espazos para o apoio a aneae, PT e AL.

Nota: para os correctores do BOE, sería ben doado facer unha revisión do uso dunha linguaxe non sexista, nos centros hai máis que alumnos, profesores e pais; non serve o indicado na disposición adicional novena, onde di que empregan xenéricos; somos educación e debemos dar exemplo.

Que pasa co 0-3?

En LexislArte o 19/02/2010 ás 01:53

A editorial da revista Aula de Infantil, nº 53, leva por título “¿Qué pasa con el 0-3?”. Fai referencia ao documento elaborado por FETE-UGT, coa comparativa do tratamento do ciclo 0-3 anos nas dezasete comunidades autónomas, dezasete realidades distintas, polo tanto, desigualdade de oportunidades para a infancia do territorio estatal.

A LOE, no 2006, puxo en mans das comunidades autónomas o establecemento dos requisitos mínimos que deben cumprir os centros que escolaricen ao alumnado do 1º ciclo de EI. Así mesmo, o Real Decreto de calendario de aplicación da LOE, estipulaba que isto debería ser lexislado antes do 31 de decembro de 2007, pero a día de hoxe, moi poucas comunidades o acadaron. Séguese aplicando normativa anterior á LOE en canto aos espazos, aos requirimentos, ao persoal que atende aos rapaces… , malia o cambio de concepción da atención neste ciclo (asistencial->educativo). Tan só se adecuou o currículo educativo, publicado conxuntamente para toda a etapa no Decreto 330/2009, pero, pódese aplicar este precepto en centros que non foron concibidos para fins educativos?

En Galicia, ao igual que en moitas outras comunidades, a titularidade e formas de atención á primeira infancia, segue fórmulas variadas, de tal xeito que cando unha familia pretende escolarizar ao seu fillo/a non ten a disposición cal é a Rede de Escolas Infantís de Galicia (públicas, privadas e con concerto), existen:

-Centros creados na Rede de Galescolas, e hogano,  Rede de Escolas Infantís “A Galiña Azul”. Segundo os datos publicados, 82 e funcionamento, 12 en construción e 20 recentemente aprobadas . Dependen da consellería de Traballo e Benestar e da Consellería de Educación e O.U, pero son xestionadas, polo Consorcio Galego.

-Centros creados por iniciativa da administración local, as escolas municipais infantís.

-Centros creados por iniciativa de empresas, patronatos, sociedades, asociacións, etc.

-Centros creados por iniciativa privada. As familias, de non ter praza na rede pública, poden solicitar axudas para escolarizar aos seus fillos nestes centros, o coñecido como Cheque Infantil.

-Os PAI, puntos de atención á infancia, servizos de prestación asistencial nos concellos pero con fins educativos.

Sendo de obrigado cumprimento o carácter educativo deste ciclo (currículo, documentos programáticos dos centros…), enténdese que a administración educativa instará a que isto sexa así; agora ben, está por definir que órgano, estamento ou corpo velará polo seu cumprimento nos centros, tanto na rede pública como na privada.

Outro aspecto que preocupa ás familias é a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais. A non ser na orde na que se regula a admisión nas, daquela, galescolas, non hai unha soa mención a esta cuestión. Nela, tan só se indica que haberá un alumno/a con n.e.e. por aula e que contará por dous; o que non aclara son as medidas a adoptar no caso de que haxa máis nenos ca aulas. Hai tamén, un gran desconcerto canto á emisión do ditame de escolarización, ás intervencións dos EOE, equipos de orientación específica, canto á posibilidade de flexibilización de idade de permanencia no primeiro ciclo. Enténdese que é algo novo, pero piden a atención adecuada para os seus fillos e fillas.

Lemos unha inxente cantidade de documentos elaborados e/ou avalados por organismos nacionais e internacionais nos que se aborda a importancia decisiva e determinante da escolarización na primeira infancia para o posterior desenvolvemento escolar exitoso, malia todo, constátase que a educación infantil segue a ser a “irmá pobre” dos sistemas educativos, e o ciclo 0-3 …

Reintegros individuais

En LexislArte o 11/02/2010 ás 22:32

Hoxe publicouse no DOG a orde pola que se establece o procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da asistencia a actividades de formación non organizadas pola consellería.  Aboarán ata un máximo de 300 € se a actividade se desenvolve na comunidade autónoma; ata 510 € no territorio estatal e 1.021 € no estranxeiro. A solicitude ten que facerse cando menos, vinte días antes do inicio da actividade.

Borrador do Real Decreto de requisitos mínimos dos centros de educación infantil e primaria

En LexislArte o 28/01/2010 ás 16:19

Nas pasadas datas, debateuse na Permanente do Consello Escolar do Estado e foi un récord absoluto de emendas, máis de 178, foron as que presentaron as organización sindicais. Este Real Decreto terá por obxecto establecer os requisitos mínimos que deben cumprir os centros docentes que impartan as ensinanzas de 2º ciclo de EI, de EP, da ESO e Bacharelato, referidos á titulación académica do profesorado, ás ratios, ás instalacións docentes e deportivas e ao número de postos escolares. Establecerá, así mesmo, a titulación académica do profesorado de 1º ciclo de EI. No que se refire a infantil, considérase un déficit que non contemple os requisitos dos centros de 1º ciclo e reduce o número de persoas con titulación de mestre que debe haber no centro. Quedan bastantes aspectos sen abordar, porque os deixa para seren regulados polas comunidades autónomas.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores