A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘FormArte’

San Miniato: unha maneira de facer infancia

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:03


No primeiro que nos insisten en La Bottega di Geppetto cando nos explican os servizos comunais de atención á infancia é que a súa prioridade non é a conciliación senón a oferta de algo que é necesario para os nenos/as. Queren garantir que, sendo voluntaria a asistencia, aínda así exista unha praza para cada alumno; ese é o seu reto. Na rexión da Toscana están moi comprometidos coa infancia. Mesmo lle ofrecen ás familias a posibilidade de que sen asistir diariamente poidan acudir ao centro para relacionarse, nenos e pais. Son totalmente contrarios aos “paquetes horarios” porque a eles interésalles prioritariamente o benestar dos nenos/as, non a comodidade das familias.

Teñen 10 servizos, nos que acollen 180 criaturas (80 quedan fóra). Do seu custo o 40% é aportado polas familias e o 60% a comunidade. Hai 3 centros comunais, 2 privados e 5 xestionados por cooperativas. Para ilo hai unha comisión que vela pola calidade dos centros privados que solicitan permiso de apertura para evitar diferenzas.

O nido Pinocchio foi o primeiro en abrir, fai 30 anos. Este é o que visitamos e que nos serve de referencia. Acollen nenos de 3 a 36 meses, cunha ratio de 3 por adulto.  Á entrada hai unha zona de filtro, unha zona de psicomotricidade e logo tres laboratorios: de lectura, de teatro, e da cor/manipulación (nun luminoso patio interior acristalado). Na zona de manipulación vemos tarros cheos de pastas, de area, de cunchas e pedras, todo ao seu alcance, alí manexan material natural, de recuperación, e material non estruturado. A zona de disfraces/teatro está chea de espellos e estruturas que permiten colgar telas para facer teatro; tamén teñen cámaras fotográficas para tomar imaxes dos nenos cando se transforman cunha tea. Gustounos a idea de ter un estor colgado do teito, con xaneliñas a distintas alturas que se baixa para facer teatro, e cando non recóllese e non estorba nin resta espazo. As instalacións do centro complétanse cunha sala de xuntas, tanto para persoal como para entrevistas con familias. O horario diario do centro e o calendario anual está exposto á entrada, xunto coas fotografías e postos das persoas que traballan no nido: 9 educadoras, 2 coidadoras e unha auxiliar permanecen alí desde que abren ata que pechan.

Pola tarde, divididas en tres grupos, visitamos outras modalidades dos servizos: un de xestión privada –Pollicino-; outro de cooperativa –A Fata Turchina-, no que hai unha área de encontro e xogo –Il Paese dei Balocchi-; e outro público –Mastro Ciliegia-, no que finalmente nos reuniron a todas para facer unha posta en común e responder ás nosas preguntas.

En calquera caso, o máis importante, a filosofía do proxecto educativo de San Miniato, xa tiveramos ocasión de aprecialo e comprendelo durante a observación da mañá.

San Miniato é unha realidade única, comprometida e respectuosa coa infancia. Un referente a a ter en conta.

A idea que se ten sobre a infancia é un constructo social, e certamente, gústanos como a “edifican” en San Miniato.

Aquí pechamos a nosa “expedición pedagóxica 2012” a Italia. O grupo, como dixemos ao principio estaba conformado por 12 mestras de infantil, 1 especialista de inglés en EI, 1 profesora do CS de EI e 1 responsable do programa educativo Preescolar na Casa. Un monllo de profesionais comprometidas coa mellora da educación infantil en Galicia, que tivemos ocasión de reflexionar –seguiremos facéndoo- sobre o modelo de atención á infancia que lle estamos dispensando á sociedade. Especialmente interesante, para nós, foi a visión das compañeiras máis relacionadas co ciclo 0-3, que, coas súas opinións e achegas nos fixeron caer na conta da fenda existente entre o 0-3 e o 3-6 –semellante ao que sempre criticamos entre infantil e primaria-; do descoñecemento que temos sobre o que os nenos/as fan antes de chegar ás nosas mans. Isto, como xa temos dito en moitas entradas do blog, ten unha solución moi fácil: temos que establecer unha relación entre os centros 0-3 e os 3-6. A administración educativa, non parece caer na conta desta necesidade, porén a iniciativa ten que partir dos equipos directivos, docentes e responsables educativos municipais. Temos que saber os uns dos outros, xa que logo, os nosos “usuarios” son os mesmos. Isto ten que ir máis alá dunha mera visita de acollida; ten que ser unha relación cotiá e constante, non son mundos diferentes, non sexamos nós, as que cos nosos prexuízos, non facilitemos esa transición, que nalgúns casos é dura para os nenos e nenas. Todas/os traballamos polo mesmo: a educación da infancia, iso é o que nos ten que unir.

San Miniato: slow life

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:02

Aproveitamos o tempo que nos deixaron para xantar para subir a San Miniato, a cidade medieval que se atopa no cumio dunha montaña, pois as escolas están na zona nova, na zona baixa. Na metade do camiño de ascenso, un indicador infórmanos de que entramos nunha Cittaslow, algo que puidemos comprobar no reducido tempo que alí permanecemos.  Só algo máis de 100 cidades no mundo poden lucir o logotipo do caracol, xa que logo deben cumprir ao menos con cincuenta indicadores da calidade de vida saudable, da ausencia de estres, das tradicións, etc. En palabras dos seus promotores –este movemento que naceu na Toscana- buscan cidadáns interesados nos vellos tempos, en cidades con prazas, teatros, tendas, cafetarías, hospedarías, lugares santos, paisaxes virxes, artesáns fascinantes, onde o home recoñece a importancia da lenta sucesión das estacións co movemento do bo produto caseiro que respecta o gusto e a saúde das tradicións espontáneas.

Nesta fermosa vila chea de rica arquitectura, tradicións e arte, nótase a calidade de vida dos seus cidadáns. Xente que se despraza en bicicleta polas empinadas rúas que conducen ao castelo; outras sentada nas portas das casas ou dos comercios con produtos locais colocados de tan atractivo modo que nos fan parar a cada intre, restaurantes slow, e outros moitos detalles (como o próximo festival de cometas para que os nenos/as elaboraron os carteis anunciadores) fan que máis dunha, fantasíe coa idea de vivir nun sitio así.

Detémonos na descrición deste lugar, porque nada é casual; só nun sitio como San Miniato e no que se vive de tal xeito, se poden concibir unhas escolas cunha filosofía educativa como a que teñen.

O movemento slow comezou coa slow food, logo fíxose extensivo á slow life, apostando por unha desaceleración do ritmo de vida actual, para máis tarde transferirse ao ámbito educativo coa slow education, cuxo representante máis coñecido é o mestre rural italiano Gianfranco Zaballoni, quen estableceu un decálogo de dereitos naturais para os nenos e nenas, que recollemos a continuación:

1º Dereito ao lecer, a ter tempos non programados polas persoas maiores.

2º Dereito a ensuciarse, a xogar coa area, coa herba e coas follas, coa auga, coas pedras e coas pólas.

3º Dereito aos cheiros, a percibir e recoñecer o arrecendo da natureza.

4º Dereito ao diálogo, a escoitar e poder tomar a palabra, e a conversar.

5º Dereito ao uso das mans, a martelar puntas, a cortar e lixar madeiros, pegar, moldear a terra, ligar cordas.

6º Dereito a un bo comezo, a almorzar con produtos sans desde o nacemento, beber a auga limpa e respirar o aire.

7º Dereito á rúa, a xogar nas prazas libremente, a camiñar polas estradas.

8º Dereito ao monte, a construír un refuxio-xogo nas fragas veciñas, a ter guaridas onde agocharse, árbores polas que agatuñar.

9º Dereito ao silencio, a escoitar soprar o vento, ao canto dos paxaros, ao escorrer da auga, ao bater do mar.

10º Dereito aos matices, a ver o amencer, o solpor, o entre lusco e fusco, a contemplar a noite, a lúa e as estrelas.

Estes son, ao noso entender, os principios polo que se rexen nas escolas de San Miniato, porén, ao volver a encontrarnos coa responsable da Bottega di Geppetto, tratamos de confirmar as nosas percepcións. Preguntámoslle se aquí se aplicaban os postulados da pedagogia della lumaca, da educación lenta; meditou un chisco e respondeunos que si.

Para nós é igual a denominación que queiran poñerlle a este modelo educativo, se hai relación ou non entre a slow education e San Miniato, o realmente importante é o respecto aos tempos e intereses da infancia.

San Miniato: unha realidade slow

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:02


Desde que saímos a primeira hora da mañá de Pistoia cara San Miniato, todo parecía estar preparado para predispoñernos ao que alí atopamos. Unha distancia de 30 km que fixemos por estradas locais, que transcorrían por paisaxes que se corresponden con esa imaxe estereotipada que todos temos da Toscana, semioculta pola bruma, pero que permitía intuír sendeiros de cipreses que conducen a villas no alto de cotarelos coas ladeiras cubertas de oliveiras e romeu en flor. Atendendo ao noso obxectivo, tivemos que resistirnos a moitos pequenos pobos con casas apoleiradas que convidaban a quedarse en cada un deles. Cara o final do traxecto abre o día, entón a visión é de estampa.

Segundo as indicacións do GPS, chegamos a un sitio perdido no medio da nada, o que nos fixo pensar en que erráramos ao introducir as indicacións. Pero non, alí estaba a Bottega di Geppetto, o centro de documentación e formación das escolas de San Miniato, onde nos impartiron unha sesión de inmersión no proxecto educativo desta comunidade.

Deseguido, leváronnos á escola Pinocchio, onde nos amosaron parte das instalacións e logo distribuíronnos en grupos de 4-5 polas distintas “aulas”. Inicialmente, estábamos desconcertadas. Pedíronnos que sentáramos e que non interviñeramos  na escena que íamos observar, o momento do xantar, ás 11:45. Quince nenos/as de idades mesturadas de entre 1 e 3 anos, xunto con tres adultas (a educadora, a asistente e a auxiliar), sentados nas mesas nas que antes estiveran xogando, agora preparadas para a comida cos seus manteis, vaixelas, cubertos, vasos e panos, ao igual que en calquera casa. Nada era de tamaño infantil, nin de plástico. Con moita calma e ritualidade, cada neno/a foi servíndose a sopa, e cando todos estiveron listos, comezaron a comer pola súa man, con unha corrección e naturalidade que nos deixou abraiadas. A adulta que comía canda eles, non estaba alí para corrixir, senón para ser modelo e exemplo. Simplemente comía, e de cando en vez, dáballe unha cullerada a aqueles que tiñan menos idade, malia que se defendían con solvencia. Poderíamos dicir que os escoitaba cos ollos e cos oídos, axudándolles cun xesto ou cunha palabra, máis ca cunha explicación. Como unha familia, conversaban con tranquilidade, e rematada a sopa, cadaquén puxo o seu prato no carriño, e volveron a repetir o ritual de servirse o polo con patacas esmagadas, así como a auga cunha xerra. Por certo, por se queda algunha dúbida, todos tiñan cara de estar felices, relaxados e ben mantidos. Isto durou o que debe durar unha comida pracenteira compartida con amigos. Ninguén lles meteu présa, ninguén deu ningunha orde, pero todo discorría cunha calma que se nos foi metendo a nós no corpo e nos fixo xurdir moitas preguntas tale como: como é posible que nas nosas escolas sexan carrexados para o comedor coma manadas, que coman amoreados, que sexan ameazados se non lles gusta a comida, ou desde cando se converteron estes momentos en comidas de traballo ou en repostaxes no circuíto …

Alguén se pode estar preguntando se viaxamos a Italia para ver a uns cativos comendo polo con patacas; pois poida que fora necesario ver que hai outras maneiras de facer máis serenas e respectuosas cos tempos da infancia, que obteñen mellores resultados malia que non son máis custosas; fixemos a conta sobre o persoal que hai nos nosos comedores e vén a saír o mesmo, pero ca diferenza de que uns son “provedores”, e outros son persoas que comparten un momento grato.

Rematada a comida, todos colaboran na recollida e limpeza, e tras iso, van acubillarse xunto a educadora que nun confortable recanto, reparte cóxegas, aloumiños ao tempo que le un conto en voz alta. Mentres tanto, de un en un, ordenadamente van pasando xunto a auxiliar a cambiar os cueiros; volven sen roupa, descalzos e case todos con chupete pasan para un espazo tenuemente iluminado no que hai quince colchóns; collen as súas mantiñas e almofadas e déitanse a durmir.

Nós entre pasmadas, engaioladas e marabilladas, rematamos aquí a proveitosa visita a este centro de atención á infancia –nunca mellor empregada esa denominación-; como apreciaredes, visto o visto, nin sequera nos importou que non nos deixaran tomar fotografías. Xa vimos o que había que ver e iso non hai imaxe que o poida transmitir. É para pensar, a atmosfera apacible na que viven estes nenos no centro, non podemos recollela cunha cámara. Que ninguén nos fale de asistencial ou educativo. Cómpre recordar que son criaturas de 12 a 36 meses. Tan só dicir que é así como nos gustaría que fosen atendidos os nosos fillos/as, e todos os nenos/as.

Pistoia XII: conclusións

En FormArte o 23/04/2012 ás 07:00

Ao longo dunha ducia de entradas que dedicamos á visita ás escolas infantís de Pistoia, tratamos de transmitir as nosas impresións persoais.

Sabemos que o que nos amosaron con orgullo é o bo que fan, e que ao igual ca nós, terán aspectos mellorables, que tratan de minimizar ou non mostrar. Con todo, as que nos dedicamos a isto -coma en calquera profesión- froito da experiencia, desenvolvemos un olfacto especial que nos permite diferenciar discursos de prácticas, retórica de realidade, ficción de cotidianidade. E podemos asegurar que as escolas de Pistoia, son dignos exemplos de calidade na atención á infancia. Calidade como concepto de escoita dos intereses dos nenos/as e das súas familias; non doutras mal entendidas calidades segundo estándares empresariais.

Para concretar o proxecto de Pistoia, diríamos que as súas liñas de forza son o modelo educativo, a estrutura organizativa sobre a que se asentan, os profesionais que interveñen e as políticas educativas que o fan posible.

Como sempre facemos comparacións entre as nosas realidades e as que visitamos, había unha serie de preguntas para as que pedimos resposta en cada unha das escolas que visitamos; estas son:

-Que documentación programática manexan no centro?, queríamos saber si, ao igual ca nós, se moven no terro da “ficción pedagóxica”, levando a cabo a incoherencia de redactar declaracións nas que dicimos que traballaremos por proxectos que xurdan dos intereses dos nenos, e logo os nosos supervisores da administración, a comezo de cada curso nos piden programacións pormenorizadas –ao gusto do “lector”- nas que se detalle cada minuto de cada hora que pasamos no centro, chegando a excesos de celo ridículos e ignorantes, tales como vir a comprobar in situ si os traballos individuais dos nenos/as se corresponden co especificado na “programación”.

Non, teñen o proxecto educativo da comunidade na que se recollen os principios que deben rexer calquera intervención, e logo, semanalmente reúnense as distintas profesionais do centro para consensuar, reconducir e/ou ver posibilidades e proveito do que están a facer. Os proxectos, como é lóxico, redáctannos con posterioridade á súa realización, para que quede constancia do feito.

-Como fan a avaliación dos nenos e como informan ás familias dos logros obtidos?

A avaliación dos nenos, das intervencións e dos profesionais, faise en cada unha desas xuntanzas de equipo. Non teñen boletíns porque non lle atopan sentido a contar unha vez ao trimestre todo o realizado. Prefiren ter unha especie de diarios á porta da clase nos que os pais/nais, dun xeito moi gráfico, breve e claro, poden coñecer o que fixeron os seus fillos ese día. Como lle conceden tanta importancia á relación coas familias, a reservar un tempo para conversar cos proxenitores, tanto na acollida como na recollida, é aí cando lle comentan aspectos salientables dos nenos.

-Quen supervisa o cumprimento da súa labor?

Teñen unha inspección/supervisión habitual por parte dos responsables educativos da comunidade.

-Como fan a distribución dos grupos?

Nin por orde alfabética nin por datas de nacemento, senón unha vez coñecidos os rasgos de carácter máis salientables de cada neno, tratan de distribuír os grupos buscando o equilibrio entre todos eles, e con toda a diversidade.

-Como introducen as TIC e a lingua estranxeira?

Non o fan. En case ningún centro teñen conexión a internet, nin ordenadores, nin EDI, nin televisión, porque seica a infancia é para xogar, para relacionarse e para disfrutar cos outros, non con aparellos. Tampouco se contempla a introdución temperá da lingua estranxeira, porque cren que primeiro deben afianzar e coñecer as outras diversas linguaxes coas que expresarse e nas que escoitar.

-Que é o que marca os tempos escolares?, hai algunha normativa que impida que estean no exterior simplemente xogando?

Os tempos están marcados polos intereses e apetencias dos nenos/as. Eles son os que deciden explorar nun espazo ou noutro, algo que non lles preocupa, porque todos os espazos son concibidos como educativos e estimuladores das potencialidades das criaturas. O xogo é un principio que rexe a actividade educativa, porén non se considera unha perda de tempo estar no exterior ou nos recantos.

-Como proceden co alumnado con necesidades educativas especiais?

Aquí e onde atopamos menos respostas; dicían que ao igual que con calquera outro, pero que nese momento non tiñan ningún caso.

-Cales son ao seu entender os puntos fortes do modelo?

A tenor do que coñecen polo gran número de docentes doutros países que os visitan, entenden que os seus puntos fortes son: unha rigorosa coordinación pedagóxica, unha sólida formación dos profesionais que interveñen coa infancia, o compromiso social coa educación, a relación coas familias, e a posibilidade de que varias persoas estean ao mesmo tempo cos grupos de nenos.

-Nos centros de primaria aos que acudirán estes nenos, traballan de forma similar?

Non, pero as competencias que esperan leven incorporadas son saber falar, saber escoitar e saber compartir. Ninguén lles require que saiban ler e escribir. A escola primaria enfróntaos a esixencias máis formalizada, pero ter vivido ao longo de seis anos en contextos que os motivou a aprender e que lle transmitiron confianza nas súas propias capacidades, contribúe a crear as condicións idóneas para o éxito escolar. Aquí o nidi non ten un carácter propedéutico para a sccuolle della infanzia, e esta para a primaria, aquí, cada etapa ten o seu tempo, o seu ritmo, adaptado ao seu nivel evolutivo.

-En que consiste o programa formativo dos profesionais que interveñen cos nenos/as?

A formación é un factor decisivo, nomeadamente o que se realiza na compaña doutros adultos posuidores de competencias específicas para o desempeño da súa labor. Por suposto non hai formación a distancia, nin teleformación, parécelles un imposible, porque, aos seu entender, iso non permite a reflexión sobre a propia práctica, sobre un mesmo, contrastando cos demais e facendo explícitas as propias intencións educativas, adquirindo os hábitos de escoita e de colaboración. É dicir, non cren que poidan formase aplicando principios que non son iguais que os que tratan de transmitirlle aos nenos/as. Considérano unha incongruencia.

-Como ven a situación actual da educación en Italia?

É unha ecuación moi doada, a menor investimento, menor calidade da prestación do servizo educativo. Non entraña ningún misterio.

Quedáranos moitas preguntas por facer, polo que sentimos moita envexa do alumnado da Facultade de Educación da Universidade de Vic que realizan as prácticas escolares nos Servizos educativos de Pistoia, froito dun convenio establecido fai máis de dez anos, podendo deste xeito formarse ao carón de profesionais que fan realidade un sólido proxecto dirixido á infancia.

Pistoia XI: Il Faro e Piccolo Blu

En FamiliarizArte,FormArte o 20/04/2012 ás 07:15

A Toscana cunha taxa de 29,8% é a primeira rexión de Italia en acollida de nenos/as de 0-3 en Asili Nido e noutros servizos como Spazi Gioco e Spazi Piccolissimi, cando a media estatal se sitúa nun 13,8%. Hai 10 Asili Nido comunales que atenden a 503 cativos, cun costo anual de 6.330€.

Canto a Scuole dell´Infanzia, 3-6, as escolas comunais acollen o 40%, as estatais o 37% e as privadas o 23%. O costo anual dun neno/a é de 4.362€, dos que o 55% é asumido pola comunidade, o 35% pola familia e o restante 10% polas achegas de fondos rexionais e estatais.

Estes datos son do ano 2009. Para orientarnos, en España, segundo a publicación “Sistema estatal de indicadores de educación. Edición 2011”, no ano 2008, o gasto medio por alumno de infantil é de 4.826€.

Sen dúbida, en Pistoia, empréganse os cartos de forma ben distinta: persoal, espazos e establécense fortes vínculos coa comunidade. Iso marca a diferenza, unido a unha participación real das familias nos servizos educativos.

Este aspecto, a participación das familias, é o que máis chama a nosa atención na visita a Il Faro e Piccolo Blu. Cantidade de detalles que observamos indícanos que esta participación non é retórica nin se limita ao establecido polas canles formais. Hai máis, aquí os pais e nais teñen o seu lugar. Hai información por todas partes para que sexan coñecedores da filosofía do centro, das actividades que se realizan, documentación á vista, etc. E eles colaboran na mellora deste entorno para os seus fillos e fillas. Na entrada hai un curioso libro no que se recollen as “habilidades” dos pais/nais, a súa dispoñibilidade horaria e o material que precisarían. Aquí hai sitio para todo tipo prestación que se poida/queira facer para o centro: ler contos, cantar, facer arranxos, decorar, coser, facer pompas de xabón, patchwork, etc. Unha grande idea que se pode apreciar nas fotografías.

Para entender como debe ser a participación das familias na educación dos seus fillos/as, recomendamos a lectura do artigo ““Establecer puentes de diálogos con la familia: los escenarios para la relación”” de María Riera Jaume, da Universidade das Illas Baleares, gran coñecedora das escolas italianas.

Ver presentación.

Nidi Blu

Pistoia X: Areabambini Blu

En FormArte o 20/04/2012 ás 07:15

Si ata o momento visitáramos Asili Nidi (0-3) ou Scuole dell´Infancia (3-6), a tarde do segundo día en Pistoia dedicámola a un complexo no que se acollen criaturas de 0-6 a tempo parcial, as Areabambini, outra modalidade de atención á infancia dentro deste concepto de servizo á comunidade.

É unha concepción distinta de escolarización; é unha adaptación ás necesidades e preferencias das familias, sendo ás Areabambini, lugares de intercambio de relacións e de cultura, mesmo coa presenza dos proxenitores.

Area Blu, é un Areabambini, un servizo ao que acoden nenos/as de 3 a 6 anos para participar en actividades que os poñen en contacto coas linguaxes artísticas contemporáneas. Aquí é onde nos reciben cun xantar, durante o que temos ocasión de departir coas responsables, que xa nos van anticipando o que se realiza nestas instalacións que máis tarde visitaremos. Segundo nos contan, polas mañas reciben aos nenos e nenas das escolas infantís da comunidade, para que poidan desenvolver proxectos artísticos nos que xogan coa arte, e reservan algunhas tardes para a realización de actividades extraescolares con propostas como Pomeriggi con… (Tardes con…).

É un lugar cheo de materiais, que tanto pola súa coidada clasificación, organización e presentación, son unha rica materia prima para creativas realizacións plásticas. Todo canto hai aquí é estimulante e suxestivo: a chaqueta de xeso, a baldosa reflectinte, a cometa de ferro, as vidreiras …

A planta de abaixo, acolle o sinfín de material, e recantos de traballo, coa arxila, coa mesa de luz, coa area, coa pintura, coa manipulación de materiais, mesas de debuxo e retroproxectores. Cando os nenos acceden á zona alta, seguindo un ritual que a modo de metáfora van mostrando como de cada vez que visitan Area Blu dispoñen de máis e máis autonomía. A primeira vez que acoden soben agarrados a unha corda, que a cada visita se vai facendo máis fina, ata ser invisible. Unha vez arriba, na estanza das ideas, conversan sobre os proxectos a realizar, consultan libros e catálogos de arte como fonte de inspiración das súas posteriores realizacións.

Unha vez máis, comprobamos in situ, como en Pistoia consideran primordial que os nenos teñan ao seu dispor lugares fermosos, nos que a arte está presente de moitas formas, de tal xeito que, ese ambiente xa é toda unha aprendizaxe estética e creativa.

Ver presentación.

Area Bambini Blu

Pistoia IX: a biblioteca de La Filastrocca

En FormArte o 18/04/2012 ás 06:48

A biblioteca “Arcobaleno” era unha antiga fábrica anexa ao edificio da escola “La Filastrocca”, razón dos seus elevados teitos que permiten dúas alturas.

Aquí a novidade é que contan cunha atelierista de biblioteca; unha persoa experta na selección, organización e dinamización dos seus fondos.

Facéndolle honra ao seu nome está decorada coas cores do arco da vella, mesmo serven para diferenciar as zonas máis axeitadas para cada idade. Os libros están todos á vista, colocados de fronte, para que así os nenos/as –mesmo sen saber ler- poidan identificar os seus preferidos, ou sentir un frechazo polas súas portadas, chegando así a poder anticipar o seu argumento. En todo tipo de andeis hai escolmas de libros segundo as súas temáticas, así puidemos ver historias divertidas, historias de nenos, historias de pantasmas, de monstros, de animais ou de avós.

Ao igual ca no resto do centro, cando se entra na biblioteca, tense a sensación de entrar nun fogar con distintas estancias nas que se pode ler comodamente, xogar con monicreques, facer teatro, ir ao baño cun libro, ou refuxiarse en pequenos recantos na procura da intimidade que pode precisar a lectura.

Nunha zona case oculta hai unha escaleira musical, unha escaleira de caracol que conduce á parte alta, onde a modo das habitacións dunha casa, hai, tamén espazos para a lectura.

Cando rematamos a visita concluímos unha obviedade, que por evidente non está tan asumida como puidera parecer: para fomentar o hábito lector, os libros teñen que estar presentes decote e ao alcance dos nenos/as en calquera momento. Teñen que formar parte da súa vida cotiá.

Cremos que as fotografías poden axudar a comprender mellor a maxia da biblioteca “Arcobaleno”.

Ver presentación.

Biblioteca de La Filastrocca

Pistoia VIII: La Filastrocca (3-6)

En FormArte o 18/04/2012 ás 06:47

Cando chegamos un indicador na entrada que di “La fabbrica delle emozioni” xa nos anticipa que estamos nun lugar especial. Unha escola nun espazo de encontro social denominado a fábrica das emocións, cando menos esperta a nosa curiosidade.

A Filastrocca é unha escola infantil (3-6) sita nun barrio popular de Pistoia. Filastroccas son pequenas rimas ou cancionciñas tradicionais. O centro desde fai vinte e catro anos fai unha compilación destas filastroccas da man dun personaxe que é o símbolo da escola, un mago, que se encarga da garda e custodia desta tradición; e el é o que acolle os nenos cando chegan á escola.

O seu punto forte é o fomento da lectura, para ilo contan cunha biblioteca “Arcobaleno” que é todo un referente na comunidade. A máis realizan un servizo de préstamo, para así, a través dos nenos, poder irradiar cultura para as súas casas.

Ao igual que nas anteriores, ao entrar, xa se ten a sensación de estar nun sitio agradable, tanto á vista como ao resto dos sentidos. Ben organizado, luminoso, cheo de recantos que permiten tanto a relación cos outros como a intimidade. Desde as galerías dos amplos corredores apréciase que é de planta cadrada co patio de xogos no seu interior.

Acolle a preto de cen nenos e nenas de 3 a 6 anos, que van chegando progresivamente ata que ás 9:30 por grupos, se reúnen en asemblea e organizan a xornada e logo, ao estilo montessoriano facilítanlle a autonomía de elección das súas ocupacións. Así, os corredores están cheos de espazos para o xogo simbólico, manipulativo e de lectura. Insisten moito na organización do material, disto seica se encargan os nenos/as de 5 anos; para facilitarlle a tarefa, en cada andel hai unha fotografía do material que contén.

Hai tres salas-aula, e logo, ten unha sala dedicada ao movemento e o xogo coa luz e as sombras, e outra ao traballo artístico. Os cuartos de baño, dignos de visita, tamén son entendidos como lugares de relación e de aprendizaxe.

O fomento da lectura, o amor polos libros e pola palabra pálpase no ambiente; calquera pequeno recuncho é un espazo para ollar un libro. Hai bancadas, cadeiras, coxíns por todas partes e ao carón, libros.

Ao igual que nas anteriores, frases e/ou fotografías, son coma pequenos flashes que, a un golpe de vista, transmiten o ideario do centro ou amosan proxectos desenvolvidos.

Destacamos un proxecto sobre a razón do nome de cada neno e nena, que se pode apreciar nas imaxes alí tomadas.

Ver presentación.

La Filastrocca

Pistoia VI: La Coccinella (3-6)

En FormArte o 16/04/2012 ás 06:55

Chegamos á segunda instalación educativa, La Coccinella –a xoaniña-; esta “especializada” no traballo coa arte e natureza ou arte ambiental. Un edificio sinxelo con dobre planta e baixo cuberta. Segundo entramos pola parte de abaixo vemos un cartel que di “Arte conxunto”. É como acceder ao taller dun artista; de feito, é o espazo de traballo dun artista local, que se beneficia das instalacións, e os nenos/as do seguimento dos seus procesos creativos. Moreas, centos e centos de obras pictóricas, escultóricas e performances dannos a benvida. Un bo acordo.
Recíbenos cun gorentoso xantar co mesmo menú que acaban de comer os nenos.
Deseguido, pola parte exterior accedemos ao primeiro andar. Agora descubrimos que esta escola é unha illa no mar de viveiros de plantas que lindan con ela; toda a bisbarra parece ter que ver coas explotacións de especies ornamentais, e case todas as familias do alumnado traballan neles; máis adiante veremos o que pode dar de si este contexto co que a escola mantén un continuo diálogo.
O patio exterior, ao igual ca os que vimos en Reggio Emilia, non resistirían unha avaliación de riscos e seguridade infantil; pero temos por seguro que fai as delicias dos cativos. Loureiros cheos de flor, herba alta, ramas das árbores que chegan ao chan cheo de pozas. Aquí, que nos volvemos “tan responsables” –e tan ridículos- coa seguridade infantil, pensaríamos na cantidade de accidentes, alerxias e infeccións por picaduras de bechos. Cada unha de nós ten un momento nostálxico e pensa nos momentos felices da súa infancia, gabeando polas árbores e chapuzando nas pozas, pese a todos os riscos e perigos aos que estábamos expostas.
Vemos que cada unha das tres aulas (3, 4 e 5 anos) ten entradas independentes a través dun corredor común. Volvemos aquí sobre o momento da despedida e acollida. Non é o mesmo aceno “abandonar” os fillos/as para que “se incorporen a filas”, que depositar a confianza familiar nun educador e ter 5 ou 10 minutos para comentarlle o máis salientable. Pode haber quen o considere unha perda de tempo; pero con criaturas de 3, 4 ou 5, se fosen os nosos fillos, acaso non agradeceríamos un chisco de conversa coa persoa que se vai ocupar da súa educación?
Tres salas, cadansúa preto de 100 metros cadrados con acceso desde a parte frontal para as familias, e desde a posterior para o “xardín de inverno” (zona cuberta para os días de inclemencias climatolóxicas e onde gardar as katiuskas, para cando se pode acceder ao exterior).
Que ninguén se leve a engano; de seguro que nas nosas escolas as instalacións son máis seguras, con máis dotación e con mobiliario máis “a proba de nenos”; pero por que aquí resulta ser unha atmosfera máis acolledora?
Zonas limpas de obstáculos, visibilidade desde todos os ángulos e versátiles espazos abertos froito dun concepto educativo do ambiente e non dunha procura decorativa. Dun tempo a esta parte, todo o mundo deu en subdividir as súas aulas por medio de armarios e atrancos varios, hai quen deu renda solta á súa vena de decoradora de interiores. O resultado, bonito é, pero práctico, está por ver. Hai que mentalizarse de que non se trata de decorar senón de racionalizar os espazos sacándolle o máximo proveito.
Á vista das fotografías recomendamos prestarlle especial atención ao uso de elementos da natureza, á organizadísima clasificación de material (por exemplo, ver o recanto de disfraces segundo a parte do corpo), ao recanto das mensaxes (unha descuberta da funcionalidade e uso da lingua escrita), ou aos alfabetos da natureza (con pedras, cunhas ou follas/flores secas).
Coma na anterior, mención especial merecen os cuartos de baño, concibidos, tamén, coma espazos de relación, agradables á vista, ao oído e mesmo ao olfato.

Ver presentación.

La Coccinella I

Pistoia V: Parco Drago (3-6)

En FormArte o 12/04/2012 ás 07:14


Na súa privilexiada localización do parque Puccini, atópase a escola infantil Parco Drago que acolle a nenos/as de 3-6 anos ao carón da Lago Mago de 0-3. Nós, persoalmente cremos que este é o centro ideal de infantil, o modelo cara o que debería tender a normativa, e as novas construción escolares. Un edificio que aglutine os dous ciclos de infantil, malia que con vidas diferentes, entradas diferentes, pero un mesmo lugar, un referente para toda a etapa infantil.

Sobre isto temos debatido con compañeiras, xa que logo non hai moitas que sexan partidarias do modelo; prefiren compartir con primaria que con 0-3. Cremos que tras esas determinacións subxacen moitos prexuízos subconscientes contra o primeiro ciclo, contra a súa consideración de “gardería”, -desafortunadamente, aínda non superada, pese aos discursos retóricos educativo vs. asistencial-, e contra as diferenzas de estatus profesional de educadores, mestres e profesores. Ao noso entender, estes complexos profesionais, non favorecen moito a calidade da atención á infancia.

Aquí, en horario de 8:00 a 16:00 atenden 37 nenos/as de 3 anos (3 ensinantes), 41 de 4 anos (4 ensinantes) e 36 de 5 anos (3 ensinantes). Se botamos a conta, non difire moito da nosa situación (contabilizando titoras, apoios e especialistas), pero organizados doutro xeito, xa que logo sempre hai dúas persoas con cada grupo, iso permítelles facer desdobres e traballar en pequeno grupo. O alumnado distribúese a comezo de curso, buscando un equilibrio e diversidade entre os nenos, non por orde alfabética como se adoita facer habitualmente.

Cada educadora traballa 30 horas coas criaturas, e logo unha hora de coordinación; unha vez á semana reúnese o profesorado da escola, e unha vez ao mes co de outros centros de infantil.

En Parco Drago, teñen un proxecto fixo, que é o traballo sobre o parque, a natureza, o seu coñecemento, respecto e conservación. Este é un eixo vertebrador, así recollen as súas experiencias de varios anos na publicación “Per mano. Pistoia: itinerari dei bambini nella natura”. Na actualidade, desenvolven un proxecto de fotografía da natureza, sendo os nenos os fotógrafos (os seus ollos non miran nin ven o mesmo ca  os dos adultos), e agora expoñen estas imaxes no concello.

De aquí, gustounos unha idea que teñen de realizar todas as rutinas entre 3 nenos/as, así vense obrigados á procura do consenso, a pórse de acordo, por exemplo sobre o tempo que fai ou como está o ceo.

Teñen outro xogo que non vimos noutro lugar que é o “sombreiro de pensar”, un elemento “máxico” que facilita as reflexións complexas; para ilo deseñan e elaboran modelos de sombreiros do máis creativos, como se pode apreciar nas fotografías.

Ver presentación.

Parco Drago

Pistoia IV: Lago Mago (0-3)

En FormArte o 12/04/2012 ás 07:13

No parque Puccini, á beira do lago, hai unha edificación que acolle o Nido de Infancia (0-3) Lago Mago e a Escola Infantil (3-6) Parco Drago. Teñen entradas independentes, pero comparten instalacións.

A nosa visita comezou por Lago Mago. Á entrada un andel coas katiuskas e impermeables dos nenos/as para saír ao exterior malia a humidade ou a choiva, algo que, a diferenza de aquí, non lles impide respirar aire fresco. Neste centro que abriu nos anos oitenta, acollen 67 nenos/as; non é habitual que as escolas superen as 100 prazas.

Tal e como xa nos advertiron, cada un dos centros que visitaríamos está “especializado” en ámbitos artísticos, no fomento da lectura, ou coma neste caso, no medio natural; con este entorno, non podía ser doutro xeito, hai que aproveitar a poética do lago e do parque, así o material natural está presente por todas partes, e hai moitos recantos nas zonas exteriores.

Os seus horarios son de 8:00 a 16:00, se comen no centro. A chegada dos nenos é relaxada, e paulatina, segundo as súas necesidades, os pais/nais entran a deixalos e a conversar un chisco coa educadora; aquí o momento de acollida ten moita importancia. Eles quedan na zona da biblioteca, escoitando tranquilamente un conto ou conversando, ata que, reunidos todos, pasan ás distintas zonas de xogo: simbólico, con casiñas equipadas con elementos pequenos pero reais, ata coa súa mascota; heurístico, con todo tipo de material; manipulativo, con obxectos da natureza e outros aportados polas familias, de procedencia do máis diversa (toros de madeira, pezas de metal, anacos de mangueiras, tubos de bobinas, tapas …); zonas de xogo coa luz (mesas de luz, lámpadas, retroproxectores); zona de psicomotricidade; zona de traballo artístico; zonas de lectura, ou zona de xogo cos sons e a música. Arredor das 13:00 almorzan nos comedores distribuídos en tres zonas cunha decoración similar á de calquera fogar. Os cuartos de baño, son de catálogo, amplos, luminosos, ben decorados, cos seus obxectos de hixiene ben ordenados, pulcros e con bo cheiro.

A distribución dos espazos é similar ao que xa vimos en Reggio Emilia, zonas delimitadas con mobles, cortinas ou tabiques baixos, o que permite ver un ambiente aberto, e deixa liberdade de movementos e de visibilidade entre unhas zonas e outras.

Destacable é a profusión de espellos; hai algúns que nos resultan engaiolantes (ver nas fotografías un tipo caixa con 4 caras de espello e outras dúas que se proxectan nas paredes de enfronte), conseguen visións inverosímiles e multiplican as imaxes ata o impensable. Todo ilo, elaborado polos familiares dos nenos.

Do que máis chama a nosa atención son a cantidade de xanelas de todos os tamaños e posicións, que permiten “meter” a natureza dentro; mesmo hai algunhas nas paredes interiores que dá lugar a xogos entre os pequenos. Cando entramos o primeiro que comentamos todas é que tíñamos a sensación de estar nun fogar acolledor, con mobiliario de fogar non escolar. Poida que aí estea a clave.

Ver presentación

Lago Mago

Ver presentación.

Lago Mago II

Como visitar as escolas de Reggio Emilia, Pistoia ou San Miniato

En FormArte o 10/04/2012 ás 06:54

Son moitas as persoas que nos están a preguntar a maneira de visitar estas escolas italianas, emporiso, velaí a nosa experiencia:

Reggio Emilia

Hai unha Rede educativa reggiana no estado español (SAREL), con Alfredo Hoyuelos ao frente. Case todos os anos organizan unha viaxe de estudos, non hai máis que facerlles a consulta.

 A outra opción, é contactar directamente con Reggio Children, no seu web hai información sobre visitas, cursos e másters.

Pistoia

Teñen un web no que indican a posibilidade de realizar visitas e estadías de estudo. Os contactos poden ser Donatella Giovannini, d.giovannini@comune.pistoia.it  ou Fiorella Serafini f.serafini@comune.pistoia.it .

San Miniato

La Bottega di Geppetto é o centro de formación e documentación dos servizos de atención á infancia da Comunidade de San Miniato. No seu web atópase información sobre cursos, estadías e contacto. Barbara Pagni, pagni@bottegadigeppetto.it  é a coordinadora destas accións.

É moi doado, non hai máis que querer ir.

Escolas de Pistoia e San Miniato

En FormArte o 29/03/2012 ás 13:54

san miniato_001

Saímos para Italia. Levamos moito tempo acariñando a idea de visitar as Escolas infantís da Comunidade de Pistoia e de San Miniato e por fin chegou o momento tan esperado.

Para nós as escolas do norte de Italia son referente de bo facer na atención á infancia. Fai dous anos tivemos ocasión de coñecer algunhas da Comunidade de Reggio Emilia (ver as entradas que lle dedicamos), e aínda a día de hoxe, seguimos recordando pequenos detalles que inspiran a nosa práctica diaria. Non é doado comprender en tres ou catro días o funcionamento duns servizos que levan décadas sendo senlleiros a nivel internacional, pero a preparación previa, as lecturas, a visita, e o intercambio de miradas e opinións entre as compañeiras que alí vamos, dará, cando menos, para ser un revulsivo no noso quefacer.

En Pistoia acompañaránnos Sonia Iozzelli e Annalia Gallardini nunha visita a seis escolas que destacan polo seu traballo co medio natural, coa arte ou coa biblioteca. Nesta ligazón pódese acceder a máis información.

En San Miniato, cos responsables da Bottega di Geppetto, -o centro de documentación dos servizos educativos-, coñeceremos tres deses “laboratorios da educación infantil”. Estas escolas naceron lideradas por  Aldo Fortunati, quen se inspirou nas concepcións educativas de Loris Malaguzzi, para tratar de ver o futuro a través dos ollos dos nenos e das nenas, non perdéndose na retórica dos seus dereitos. Desde aquí máis información.

Hai tempo que descubrimos que estas breves “expedicións pedagóxicas” nos supuñan tanta ou máis formación ca calquera curso por moi prolongado que este fora. Xa haberá preto de vinte anos, moitas das que agora vamos, fomos levadas da man da nosa benquerida e recordada asesora Lourdes Taboada a coñecer as escolas do norte de Portugal, que daquela, co asesoramento pedagóxico da profesora Julia Formosinho, levaban á práctica educativa rural lusa o modelo curricular High/Scope, que aquí coñecíamos grazas ás publicacións do profesor Zabalza Beraza (ver “Calidad en la educación infantil”).

É difícil de crer, pero tantos anos despois, esa importancia da calidade ambiental, das “experiencias chave” ou das interaccións entre nenos/adultos, que se lle dá nas Escolas de Braga, Módena, Trento, Turín, Reggio Emilia, Pistoia, San Miniato ou Pamplona, aquí, en Galicia non dan callado, malia a toda a labor de difusión e formación que teñen feito persoas como Miguel Zabalza, Lina Iglesias Forneiro, Lois Ferradás, Battista Quinto Borghi, Alfredo Hoyuelos ou Francesco Tonucci, entre outros. É para pensar un pouco.

Contaremos á volta do noso pedagóxico Giro de Italia 2012, no que tamén trataremos de recoller os ecos da Fiera del Libro per Ragazzi de Bolonia, unha das máis importantes citas a nivel internacional canto á literatura infantil, que nesta súa edición 49 dedican unha exposición extraordinaordinaria “A flor máis grande do mundo” de José Saramago.

No entanto, a través do Twitter de do Facebook, iremos salientando aquilo que máis nos impresione.

Boas vacacións e ata a volta.

María Montessori: unha vida polos nenos

En FormArte o 07/02/2012 ás 08:04

Nun momento de fastío dos discursos grandilocuentes baleiros de contido e de credibilidade, chéganos como caída do ceo, a través do Facebook, unha ligazón a unha serie sobre a vida de María Montessori producida pola televisión italiana no 2007.

Ao longo de tres horas podemos achegarnos á vida desta muller, a primeira en licenciarse en Medicina en Italia, que dedicou a súa vida á mellora da educación de nenos e nenas,e que supuxo unha renovación radical do que ata daquela se viña facendo.

Desde o web “Cine y educación”, pódese acceder a información sobre a súa biografía, principios metodolóxicos, antecedentes pedagóxicos, materiais didácticos, a súa obra e a serie.

Paga a pena achegarnos un pouco a esa figura e á súa labor que aínda está patente nas escolas de educación infantil de case todo o mundo.

Ler, para que?

En FormArte o 20/11/2011 ás 21:00

Onte nas xornadas Marcos Calveiro, iniciou a súa labor como moderador da mesa redonda 3, preguntándolle aos participantes Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. Docampo, “Ler, para que?”, con tal motivo proxectou na pantalla parte das 33 razóns para ler de Victoria Fernández, directora da revista CLIJ, que malia ser archirrepetidas, son sempre actuais. Xabier P. Docampo apostilou que moitas desas razóns poden suplirse con outras actividades, e pedía unha razón de ler que só puidese aplicárselle á lectura. Segundo el, ler é un instrumento irreemprazable na formación do individuo.

Para recordar, velaquí as 33 razóns para ler, que tan ben presentaron no CEP Las Palmas.

Os camiños do entusiasmo

En FormArte o 20/11/2011 ás 21:00

Esta fin de semana participamos nas I Xornadas de Literatura e Ensino que se centraban en “A literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo”, unha coidada actividade formativa organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a ASPG.

Resultounos estraño que case a  totalidade dos asistentes eran do ensino secundario, ou mellor dito, que non houbese profesorado de infantil e primaria. Cuestión de clixés; poida que no canto de Literatura e Ensino, se entendera Ensino da Literatura, que non é o mesmo. Unha mágoa, porque pagou a pena, e todos nós atoparíamos temas de interese.

Cun cartel de luxo fóronse abordando temas que nos preocupan a todos e a todas: a LIX galega nas aulas do século XXI pasando pola poesía, o teatro, a literatura de tradición oral, o álbum, a BD e a novela gráfica; case todos eles expostos por recoñecidos autores deses xéneros literarios.

En vindeiras entradas iremos apuntando algunha das cuestións alí expostas, malia que non nos podemos resistir a adiantar que coincidindo todos os poñentes na necesidade da lectura dos distintos xéneros, debatendo sobre se centrarse nos clásicos ou inclinarse máis aos gustos dos rapaces, sobre se hai literaturas con maiúsculas e minúsculas – con continuas referencias a dous artigos recentes: E por que non vos deixades de cinismos e dicides LIXo? de S. Jaureguizar e Ler ou non de María do Cebreiro-; quen, para nós deu coa clave foi Xabier P. Docampo, preguntando: para que ler e que é o que nos dá a lectura aos individuos que non nos dá ningunha outra actividade. Ahí radica a cuestión, xa que logo, aínda hai quen non sabe por que hai que inculcarlles aos nenos, nenas, mozos e mozas o gusto por ler.

Daremos conta.

Unha reflexión: ás persoas que xa levamos uns cantos anos nisto é difícil que nos conten algo novo nos cursos dirixidos única e exclusivamente á educación infantil; en troques, poden resultarnos moi enriquecedoras outras miradas desde distintos ángulos, con distintas ópticas, con outros profesionais, pois é unha maneira de abrirse dun ámbito no que ás veces tamén resulta asfixiante estar escoitando falar sempre do mesmo. O/A profesional de infantil xa saberá sacarlle proveito a novos alentos de aire fresco.

Formación en infantil

En FormArte o 18/05/2011 ás 00:02


En datas recentes recollemos en tres entradas apuntamentos coas nosas reflexións arredor da formación e trans-formación do profesorado. Agora coincidindo coa publicación do novo decreto que regula a formación do profesorado en Galicia, queremos recoller a opinión do profesor Miguel Zabalza arredor dos eixos fundamentais que deberían constituir a estrutura fundamental da formación do profesorado 0-6, contemplados no artigo “La formación del profesorado de EI”, publicado na revista Participación Educativa nº 16; estes son:

-coñecer en profundidade o desenvolvemento infantil
-saber desenvolver o currículo da etapa
-chegar a adquirir e practicar novas habilidades de ensinanza a nenos/as pequenos
-coñecemento da profesión
-coñecemento de eles/as mesmos/as
-coñecemento das escolas ou institucións onde exercen o seu traballo

Se eses son, ao seu entender, os aspectos centrais da formación, apunta tamén, uns contidos que necesariamente deberían terse en conta á hora de planificar para este colectivo:

-a soidade do traballo diario (coñecemento persoal)
-a coordinación e continuidade entre o profesorado
-a inserción no entorno

Sen esquecer, por suposto, unha boa integración entre a formación inicial e a continua. Algo que polo de agora segue parecendo imposible.

Aínda coincidindo co anteriormente dito sobre o papel determinante da formación do profesorado na mellora da calidade da educación, atreveríamonos a apuntar certas dúbidas que nos xurden porque do mesmo xeito que hai excelentes profesionais que case non asisten a actividades de formación, coñecemos a “adictas” ás actividades formativas as que non se lles nota nada esa “sobresaturación” de coñecemento e de innovación. Entón, pode ser:

-que no aproveitamento que se pode facer da formación inflúen sobre todo as crenzas individuais sobre a educación, sobre o currículo e sobre o modelo de escola;

-que a formación non sexa a acertada porque os modelos que se transmiten de docente, de educación ou da función social da escola non son claros e unívocos.

Continuaremos indagando sobre a formación en vindeiras ocasións.

II Encuentro Nacional AFrato

En FormArte o 28/04/2011 ás 08:02

A Asociación Pedagógica Francesco Tonucci vén de publicar o programa do II Encuentro Nacional, “El mundo de las emociones, los sentimientos y los valores en el juego de educar”, que terá lugar en Granada os días 3, 4 e 5 de xuño de 2011.

Tan só vamos a apuntar os títulos das conferencias e quen as impartirá, con iso, cremos que xa é motivo dabondo para vérmonos alá.

-“El diccionario de los sentimientos en la escuela de hoy”, José Antonio Marina.

-“Los niños y niñas no aprenden lo que les enseñamos, nos aprenden a nosotros”, Antoni Zabala.

-“Arqueología de los sentimientos”, Miguel A. Santos Guerra.

-“Cuando el piso de abajo de la escuela huele a naranja”, Carmen Díez.

-“Una educación que siente, valora y ama”, José Mª Toro.

-“¿Cuánto vale un niño?”, Francesco Tonucci.

E outros moitos momentos interesantes nos que a Asociación AFRato presentará o Consello do Alumnado, ou outros nos que Marina, Tonucci e Zabala responderán as preguntas dos nenos/as e do público.

Xornadas de aulas hospitalarias en Murcia

En FormArte o 02/04/2011 ás 09:00

Do 5 ao 7 de maio terán lugar as XI Xornadas de Pedagoxía Hospitalaria en Murcia. Queremos reseñala neste blog, non porque a consideremos unha actividade formativa interesante, -que o é, pero só dirixidas a profesorado desas aulas hospitalarias-, senón máis ben por visibilizar a existencia destes espazos educativos nos complexos hospitalarios, que necesariamente deben ser coñecidos polo profesorado dos centros ordinarios e cos que se debe manter contacto no caso de ter alumnado hospitalizado. A maneira de facelo: ver na publicación “A atención hospitalaria e domiciliaria en Galicia”.

Nas xornadas de Murcia, xunto con conferenciantes da talla de Jordi Adell, Soledad  Puértolas o Roser Pintó, estarán dúas mestras de aulas hospitalarias de Galicia, Nieves Estévez do CHOU que contará a súa experiencia de intercambio con outras aulas hospitalarias a través de plataformas virtuais, e Julia Fernández do CHUVI, que centrará a súa exposición nos aspectos emocionais -os grandes esquecidos malia ser os máis importantes- nas estancias hospitalarias.

 

A (trans)formación do profesorado I

En FormArte o 12/03/2011 ás 12:02

Días atrás líamos en EDUGA nº 60 un artigo de Xabier San Isidro titulado “A vertixinosa (trans)formación do profesorado” no que analiza as novas –e vellas- necesidades de formación derivadas dos cambios sociais; di o autor que o alumnado en permanente “conexión” ten unha relación diferente co tempo e co mundo, e iso é (ou debe ser) a pedra angular na que ten que asentarse a formación do profesorado.

Agora, chéganos información do II Congreso Estatal da Red de Formación: conectando Redes, que ten como obxecto a reflexión, avaliación e toma de decisións futuras sobre o desenvolvemento da formación permanente do profesorado. Ao longo dos días 4, 5 e 6 de abril estudosos senlleiros no eido da formación como Carlos Marcelo, Francesc Imbernón ou Jaume Martínez Bonafé, entre outros, analizarán o seu impacto na mellora de resultados académicos,  a calidade vs. cantidade, as comunidades e redes de profesorado, a detección de necesidades, as estratexias formativas, etc. Nada novo e nada vello; ao igual ca en todos os debates sobre educación: a procura da calidade (termo polisémico e mudable), a eficacia e a eficiencia, tan só aderezado coa irrupción das novas tecnoloxías.

Volvendo ao artigo de San Isidro, neste sinala que o reto máis importante da educación contemporánea é a (trans)formación do profesorado. Gustounos esa dobre acción que apunta: transformar-cambiar ao profesorado,  e trans-formación como ir máis aló da formación, superando o clásico concepto de formación. Precisamente nun momento no que se dan dous grandes paradoxos na formación:

-aquelas persoas “menos” necesitadas de formación son as que teñen máis interese por formarse –mesmo asisten a actividades sen recoñecemento ou non directamente relacionadas co seu ámbito e polas que, nalgúns casos, teñen que pagar.

-aquelas persoas “máis” necesitadas de formación son as que máis interese teñen por resistirse e fuxir da formación –non participando ou poñendo a proba a capacidade de control dos organizadores de actividades express con recoñecemento, e polas que, nalgúns casos pagan por non ter que ir.

O como chegamos a esta situación débese a factores varios; hai quen apunta ao sistema de acceso e de concurso no corpo docente; pode ser, pero hai, non moitos anos, acontecía o mesmo; sempre había unha “bolsa” de profesionais que tan só se deixaban ver cando lles ía vencer o prazo do sexenio e, ao igual ca agora, empregaban trucos que ían desde a suplantación de personalidade ata técnicas de escapismo que deixarían pampo ao Gran Houdini. Curiosamente, dese grupo era/é desde onde se oían as voces máis críticas contra a escaseza ou ausencia de oportunidades de formación –cando un non transita habitualmente por un rueiro é difícil que coñeza os detalles e variedade “paisaxística”.

Onde está o fallo da formación?

Digamos que non estamos en momento álxido de debates sobre a formación do profesorado, iso tivo o seu tempo, especialmente na década dos noventa, logo foi esmorecendo. O que escoitamos, lemos e vemos na actualidade non vén a ser máis ca unha reviravolta sobre o mesmo: non é posible a cuadratura do círculo. Esta cuestión poliédrica xa foi analizada desde cada unha das súas facetas, da combinación e da fusión delas; podemos engadirlle as posibilidades que nos brindan as tecnoloxías, pero o debate de fondo segue a ser o mesmo, de tal xeito, que ata os grandes “gurús” abandonaron esa parcela. Pero, en calquera caso, segue a ser unha cuestión fundamental: a mellora educativa pasa pola mellora da formación do profesorado, mais, como levala a cabo de forma óptima para que produza a desexada (trans)formación do profesorado?

A día de hoxe, con toda a variedade de modalidades, temáticas, formatos, momentos, espazos…, que é o que pasa para que a formación non cumpra coa súa función?, ou é que si a cumpre?    (Segue)

A (trans)formación do profesorado II

En FormArte o 12/03/2011 ás 12:01

Velaí a nosa opinión canto a:

1º Modalidades formativas. Non é posible inventar máis; hai para formación individual, en grupo; breve ou dilatada no tempo; no propio centro ou cun grupo estable; máis centradas na formación ou na innovación; in situ ou no estranxeiro; en exercicio ou liberados do mesmo; promovido pola administración ou por outras entidades; autoformación, asesoramento directo, a distancia… Cal é a ideal? A que cadaquén precise ou poida permitirse nun determinado momento da súa vida profesional. Daí que todas elas teñan demanda. Sempre pensamos que as decisións canto á formación adoitan ir parellas ás circunstancias persoais, polo que haberá momentos nos que se procure o intercambio con iguais, noutro unha inmersión de urxencia nun tema, e noutros a vida permite realizar un curso intensivo cunha duración dunha ou varias semanas, distanciándonos do contexto habitual e mergullándonos por completo nunha temática –estes teñen, máis das veces propiedades terapéuticas, sanadoras e renovadoras do entusiasmo profesional-, ao estilo dos cursos de verán do ministerio.

Todos os expertos salientan a formación en centros e a formación entre iguais como as mellores opcións; aínda coincidindo en que sería a vía óptima para a mellora escolar, tamén hai que contar coa inestabilidade das plantillas, coas desigualdades formativas entre o staff, as diferenzas insalvables de criterio que pouco ou nada farán pola formación dos implicados.

Para a (trans)formación do profesorado non é preciso inventar novas modalidades de formación, abondan as existentes, tan só hai que dalas a coñecer e rendabilizalas ao máximo. Cada unha delas foi concibida para acadar uns determinados obxectivos, non se pretende o mesmo coa realización/asistencia a un congreso en dous días, ca uns encontros nos que coñecer e intercambiar experiencias, ca nun curso de actualización, ca nun PFAC, un GT ou un SP. Ben é certo que nos últimos tempos, vénse observando unha mestizaxe entre todas estas modalidades que produce estraños híbridos, de tal xeito que á hora de avaliar estas intervencións, poida que non se cumpran as expectativas iniciais ou non se obteñan os resultados procurados.

2º Detección de necesidades. Téñense verquido ríos de tinta arredor da detección de necesidades do profesorado; as necesidades sentidas, as percibidas, as demandadas…, investido inxentes cantidades de cartos, de tempo e de traballo silente –manual ou informático- nas enquisas sobre as necesidades formativas; o valor, utilidade e uso que se lle dá a iso está por ver, por varias razóns:

-Primeira: ten moita importancia o que o profesorado manifesta como necesidade formativa, pero pola contra non é habitual que se bote en falta o que non se coñece ou non se considera.

-Segunda: unha cuestión é o que se manifesta cando estás cubrindo unha enquisa sobre necesidades de formación, e outra ben distinta son os motivos polos que decides inscribirte nunha actividade: pola proximidade, porque asisten persoas coñecidas, porque o imparten persoeiros de recoñecido prestixio, pola adecuación das datas e da temporalización, por dispoñibilidade, etc.

Polo que aínda considerando a importancia da detección de necesidades, non sería un tema clave na (trans)formación do profesorado, máxime cando hai feedback suficiente a través das avaliacións das actividades que se realizan e a través do coñecemento dos centros do profesorado.

3º A temática das actividades de formación. Malia que hai quen apunta as tecnoloxías e a competencia nunha lingua estranxeira, nós non nos atreveriamos a aseguralo. Somos un colectivo numeroso e diverso, con experiencias profesionais e vitais ben distintas, todos imos pasando por distintas fases ou etapas; nun determinado momento podemos sentir interese ou inclinación por unhas temáticas e logo noutras. A administración educativa establece decote unhas liñas preferentes de formación en función de necesidades emerxentes tales como as competencias básicas, a mellora da convivencia, a atención á diversidade, etc., pero os motivos polos que un decide participar teñen máis que ver co xa anteriormente apuntado e coa necesidade que cadaquén teña de actualización científica, didáctica, organizativa ou curricular.

Agora ben, cales son as temáticas que se deben abordar para producir a (trans)formación do profesorado? Ao noso entender, calquera, sempre e cando os temas non sexan máis ca un pretexto para introducir novas visións metodolóxicas e didácticas no profesorado. E aquí aludimos ás responsabilidade das entidades convocantes de formación. Cando nos inscribimos nun curso sobre ecoloxía, tecnoloxía, idiomas ou arte, por pór un exemplo, non é coa finalidade de converternos nós ou o noso alumnado en ecoloxistas, tecnólogos, políglotas ou artistas, senón de saber espertar neles un interese, ganas de aprender, de descubrir, de organizar o coñecemento, de analizar, de argumentar, de enxuízar, de valorar…

Idiomas, si; manexo de ferramentas informáticas, por suposto…, xa que logo, pódese facer a partires de calquera tema; o importante, que finalmente producirá a (trans)formación do profesorado, é que a mellora metodolóxica e didáctica sexa o leitmotiv da actividade formativa, non o tema en cuestión. (Segue…)

A (trans)formación do profesorado III

En FormArte o 12/03/2011 ás 12:00

4º Calidade da formación. Malia que a formación é un dereito e necesidade laboral inherente ás tarefas docentes, máis das veces séntese como unha obriga, e esta visión acentúase cando un ten a sensación de perda de tempo. E isto é algo que ninguén perdoa, e menos á administración. Porén consideramos que para a (trans)formación é preciso mellorar a calidade da formación. Debátese sobre cantidade vs. calidade. Ao igual ca en todo houbo un momento no que se fixo preciso unha formación que chegara ao maior número de profesionais; moitas horas, moitas actividades, ao carón da casa de cadaquén. A día de hoxe, persoalmente, preferiría asistir a unha actividade dun alto nivel de calidade aínda que iso supuxera un desprazamento ou ocupar parte do meu tempo persoal.

A sobreoferta de actividades de formación fixo que se rebaixaran os seus niveis de calidade. Se fai quince anos o catálogo de actividades era máis ben escaso, houbo un momento no que todas as entidades, asociacións agrupacións se sumaron á formación do profesorado, con motivacións do máis dispares, as finalidades que perseguen van máis alá diso, entre elas a procura de afiliados, de socios, de beneficios económicos… de proxección social. Cabería preguntarse se todos eles nos están dispensando a calidade desexable na formación ou se están mantendo aberto un fronte que lles proporciona outras vantaxes.

5º As estruturas de formación do profesorado. Son o músculo da formación, pero como tal, pode estar máis ou menos tonificado, máis menos posto a punto; poden facer movementos de forza ou rutineiros; poder dar respostas voluntarias ou espasmódicas. Que é preciso entón que fagan os centros de profesorado para a (trans)formación do profesorado? Prioritariamente, e como ente que son, que promovan a mellora da calidade do ensino mediante a formación permanente; como organización integrada por persoas especializadas na formación, que asesoren. Tanto nos dá que sexan especialistas, xeralistas ou por ámbitos –calquera opción ten pros e contras-, o que precisamos é dun equipo que se complemente, que transmitan o exemplo de traballo colaborativo que se debe dar nun centro educativo e que nos acompañen no noso proceso de medra profesional abríndonos posibilidades descoñecidas de mellora educativa.

Como colofón, cal é o reto da formación para acadar a (trans)formación do profesorado?

1º Definir con claridade o modelo de profesor/a que necesita a sociedade, establecer as competencias que debe posuír sen ir construíndo un collage continuo de engadidos dispares. Un/unha docente non é nin máis nin menos ca iso, un docente, sen saturalo doutras responsabilidades que malia ser de carácter educativo teñen que ser asumidas por outras persoas, entidades ou servizos, e así, evitar, tamén, duplicidades e baleiros. Cando hai un catálogo de competencias de case todas as profesións, por que non dos docentes? Poñamos as que consideremos, por recorrer a un clásico, as de Perrenoud, por pór un exemplo.

Unha vez definidas as competencias dun/dunha docente de infantil, de primaria, dun especialista de lingua estranxeira en infantil, en primaria ou en secundaria, dun orientador/a. dun especialista en audición e linguaxe ou dun director/a, cómpre desglosar os coñecementos, habilidades e destrezas que debe posuír, tanto para o traballo directo co alumnado, co grupo, cos compañeiros, coas familias, coa administración, etc.; tanto relacionadas coa materia que imparte, como coa maneira na que o fai ou como se actualiza; e en base a iso, agrupalos en módulos formativos a realizar ben como un itinerario ou ben cubrindo aquelas parcelas carenciais. Loxicamente hai módulos que son comúns a todo o persoal docente: o traballo en equipo, as habilidades sociais e comunicativas, o manexo de ferramentas informáticas…, e outras específicas de cada especialidade e nivel educativo. Pode parecer unha proposta excesivamente purista e difícil de realizar, case de laboratorio e que deixa de lado á creatividade e a orixinalidade da oferta formativa -se acaso só válida para a formación a distancia-; tamén se lle pode achacar que deixaría de lado a importante parcela da autoformación, ou da participación noutras actividades non promovidas pola administración. Nada máis lonxe da realidade e cando menos sería un referente que todo docente debería ter presente, sabendo aquelas parcelas nas que foi formado e nas que non. Nós mesmas somos quen de ver os inconvenientes desta proposta, pero tamén somos quen de ver que hai persoas que terca e obstinadamente se matriculan sempre en actividades –poida que con distinto título- pero cos mesmos contidos ou os mesmos relatores e escoitar as queixas de que non lles aportan nada.

2º Velando pola rigorosidade no deseño, organización e execución de accións formativas. É responsabilidade da administración educativa, tanto das propias como das que autoriza a súa homologación.

3º Procurando a mellora da profesionalización dos docentes, e evitando que se lle engadan outras tarefas, responsabilidades que malia ser educativas non nos son propias nin do tempo lectivo. Esta é unhas das actuacións que “dignificaría” a nosa profesión e contribuiría á transformación.

A (trans)formación require da información, da actualización, da formación, da innovación, da apertura…, e sobre todo de vontade de mellora e de respecto á profesión docente, tanto por parte dos propios docentes coma por parte da formación.

Pechamos cunha premisa moi elemental e coñecida que cómpre recordar e que vén a dicir que se seguimos facendo o mesmo de sempre e empregando as mesmas estratexias de sempre conseguiremos os mesmos resultados de sempre.

Primavera formativa

En FormArte o 07/02/2011 ás 22:00

Esta primavera virá chea de ofertas formativas para os/as profesionais da educación infantil, velaí o monllo de actividades:

-I Xornadas de Innovación Educativa. Mudando a “gramática” da escola, organizadas pola Facultade de Ciencias da Educación da UDC, os días 14, 15, 21 e 22 de febrero.

-I Xornadas educando na infancia e na adolescencia, das fundacións SM e Preescolar na Casa, os días 12 e 26 de marzo.

-Congreso Gallego de Educación Infantil 0-6, promovido pola AGADEI, os días 8 e 9 de abril.

-VIII Encontros de Educación Infantil, da Consellería de Educación e O.U., os días 6 e 7 de maio.

Variacións sobre a lectura

En FormArte o 21/10/2010 ás 14:54

“Os días 29 e 30 de outubro celebraranse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema desta cita será Variacións sobre a lectura, unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos (algún tamén de fóra de Galicia), arredor desta cuestión (a lectura), que aúna tantas vontades e merece tanta atención en tempos de mudanzas tecnolóxicas e, ao dicir de algúns expertos, de paradigma na cultura escrita e na forma de ler e de escribir. Será un punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración.”

Entre outros conferenciantes salientamos a presenza de Teresa Colomer, Javier Celaya e Manuel Bragado, dos que xa temos falado noutras ocasións neste blog.

EnlatArte

En CativArte,FormArte o 04/10/2010 ás 18:00

Aínda non tivemos tempo de contar nada do curso “Leer para aprender”, ao que asistimos na UIMP en Santander organizado polo Ministerio de Educación dentro da súa oferta de cursos de verán. Pero neste momento estamos en proceso de redacción da nosa proposta de traballo para a fase non presencial. Pedíasenos que leváramos a cabo unha secuencia didáctica co alumnado na que se traballase conxuntamente a competencia lingüística coa competencia matemática ou coa competencia artística, de xeito similar ás que se poden ver no portal Leer.es e que foron amosadas na fase presencial do curso. Gustáronnos tanto as intervencións de Andrea Giráldez e de Javier Abad sobre arte comunitario, que non o dubidamos un momento. O noso proxecto titularase “EnlatArte”.

Partindo dun obxecto cotiá, as latas de conserva, presentes nos fogares de todos os nenos e nenas, faremos unha intervención artística na que todos poderán participar e incluso modificar continuamente. Ao mesmo tempo, traballaremos a competencia lingüística, a partir da etiquetaxe e da composición dos produtos enlatados; a competencia social e cidadá, a sostibilidade –recilaxe e reutilización- ; a competencia en interacción co mundo físico e social, coñecendo alimentos e formas de conservación; a competencia dixital, buscando información e imaxes; a competencia matemática, con medidas de magnitude, peso e volume; a competencia en autonomía e iniciativa persoal, centrándonos no consumo responsable; e como non, a competencia en aprender a aprender.

Un proxecto para estar enlatados e dar a lata todo o curso. Iremos contando.

Emilia Ferreiro en Compostela

En FormArte o 14/06/2010 ás 14:03

Cando vimos o programa do 32º Congreso Internacional do IBBY, levamos unha moi grata sorpresa: entre os conferenciantes de grande sona internacional, estará a nosa admirada Emilia Ferreiro. Hai que dicilo así. As persoas que alá polos noventa descubrimos a esta arxentina afincada en México -especializada en psicoloxía xenética, cuxa tese de doutoramento foi dirixida por Jean Piaget-, a lectura da súa publicación “Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño” abriunos un novo espazo, unha nova forma de mirar as producións escritas do noso alumnado, e tamén as nosas concepcións sobre o ensino-aprendizaxe da lectura e da escrita. Emilia Ferreiro é recoñecida internacionalmente polas súas achegas á comprensión do proceso evolutivo de adquisición da lingua escrita.

Non podemos evitalo, temos un grande respecto polo seu traballo. Lela é necesario para calquera profesional do ensino –de todos o niveis-, pero escoitala engádelle peso, credibilidade e forza ao escrito; é unha delicia. A última ocasión que a vimos foi fai dez anos nun congreso en Granada. Logo, por máis que se ten intentado, non foi posible traela a Galicia. De tal xeito que podedes comprender a nosa alegría. As súas investigacións profundas, actuais, vinculadas coa realidade e cos cambios que se producen na sociedade, exponas cunha claridade e sinxeleza que fai que todos entendamos os argumentos cos que cuestiona as bases dunha escola que desestima o potencial dos nenos e das nenas.

De entre todas as publicacións, artigos ou conferencias que poderíamos destacar, recollemos:

-Un vídeo no que se expón a súa traxectoria profesional.

-Unha entrevista, realizada por Nora Veiras, con motivo da presentación do CD-rom “Los niños piensan sobre la escritura”.

-A conferencia “Leer y escribir en un mundo cambiante”, ditada no Congreso da Unión Internacional de Editores celebrado no CINVESTAV de México.

-O artigo “Nuevas tecnologías y escritura”, publicado na revista Docencia e no libro “Alfabetización de niños y adultos-Textos escogidos”, e que atopamos no portal educativo da Arxentina.

-A recomendación de lectura do seu libro “Pasado y presente de los verbo leer y ecribir”, publicado en Fondo de Cultura Económica no 2001. Neste volume reúnense textos presentado en distintos congresos e destinados a sacudir conciencias adormecidas.

Cremos que haberá que facerlle saber á organización do congreso da IBBY, o que nos supoñería a moitas e moitos mestres de infantil poder asistir á conferencia de Emilia Ferreiro.

Cursos de verán

En FormArte o 21/05/2010 ás 18:16

O Ministerio de Educación vén de publicar o catálogo de cursos de verán 2010. Ofértanse 1078 prazas pola modalidade A (gastos de matrícula e aloxamento en réxime de pensión completa), e 272 pola modalidade B (gastos de matrícula e xantar); o desprazamento, nos dous casos, por conta do solicitante.

Específicos para educación infantil:

“Leer para aprender en EI y EP”, en Santander do 30 de agosto ao 3 de setembro.

“Propuestas educativas de calidad para la primera infancia”, en Ávila do 5 ao 9 de xullo.

Congreso “Retos de la educación bilingüe”, en El Escorial do 5 ao 9 de xullo.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 3 de xuño.

Convocatoria.

O eBook e outras pantallas

En FormArte o 07/04/2010 ás 18:25

A chegada ao noso contorno cultural do dispositivo de lectura electrónica, eBook, está xerando moitas incertezas e opinións moi diversas. A súa entrada tanto en lugares públicos como privados de lectura (bibliotecas, centros educativos, fogares) vai mudar tanto a forma de entender a lectura como a fisonomía dos espazos que a conteñen e divulgan.

Con este motivo a FGSR dedicará as 18ª Jornadas de bibliotecas infantiles, juveniles y escolares (27-29 maio) a “El eBook y otras pantallas: nuevas formas, posibilidades y espacios para la lectura”, nas que se contará con relatorios e experiencias de centro sobre os primeiros lectores e os primeiros pasos, dirixidos á nosa etapa educativa.

Para que nos vaiamos facendo unha idea, facilitamos un vídeo no que Penguin Books presenta unha serie de libros infantís e educativos que aproveitan ao máximo a pantalla multitáctil do iPad.

A publicación electrónica Clip, boletín da SEDIC (Asociación Española de Documentación e Información), dedica o seu último número ao panorama actual e futuro do libro dixital e debátese sobre as súas vantaxes e inconvenientes.

Escolas de Reggio Emilia

En FormArte,InformArte o 26/03/2010 ás 00:32

Por fin chegou o momento, marchamos a Italia para visitar as escolas infantís de Reggio Emilia. Daremos cumprida información á volta. O que máis nos ilusiona, a parte de ver a organización dos espazos e dos tempos nas escolas municipais, a parte de coñecer toda a experiencia reggiana e como conciben os cen linguaxes do neno, é ver o REMIDA, o centro de reciclaxe creativo. Un centro de distribución de materiais de refugallo (papel, cartón, cerámica, cordas, botóns, fíos…), que se recollen das industrias da zona, e que permiten a realización de orixinais intervencións artísticas co alumnado. No web de Niños Reggio atopamos máis información.

A primeira sorpresa, chegamos a Bolonia para os últimos ecos do Salón Internacional do Libro Infantil, o máis importante do mundo. E en pleno Ano Rodariano, xa contaremos…

Boas vacacións para todas e todos.

PnC. Educar en familia

En FormArte o 22/02/2010 ás 13:45

Preescolar na Casa é un programa que navega contra corrente: ofrece un servizo no que se pide a presenza de pais e nais, xusto cando a sociedade se ve obrigada a delegar cada vez máis o coidado dos fillos, porque pais e nais dedican gran parte do seu tempo á súa profesión. PnC ofrece un servizo nunha sociedade sen tempo para a crianza, unha sociedade que non comprende a importancia de prestar atención ao coidado e educación dos máis pequenos desde que nacen dun xeito consciente e reflexivo.”

Este programa galego con máis de 30 anos de experiencia parte de presupostos tales como que os primeiros anos de vida son decisivos; que as nais e os país son imprescindibles no proceso educativo; de que a educación infantil familiar é insuficiente e de que os pais e as nais son capaces de educar. A súa pretensión inicial era a de crear un programa de axuda para formar ás familias de educación infantil. Para tal fin manteñen reunións periódicas de orientación con máis de catro mil familias, contan co seu web, cunha revista bimensual, cun programa de radio e un espazo semanal na TVG.

Cada un dos programas de televisión recolle en media hora recomendacións para estimular as capacidades das criaturas, propostas de xogo, consellos de expertos infantís e unha entrevista reportaxe. Entre outros pódese ver a José Manuel Suárez, presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia falando da importancia da familia como primeira e principal educadora dos nenos e nenas, (a partir minuto 8), ou a Javier Rouco Ferreiro, pedagogo e asesor de formación do profesorado, falando das aprendizaxes nos primeiros anos, (a partir minuto 10).

Educar con 3 Cs

En FormArte o 02/02/2010 ás 23:06

 Moito se anda a falar das competencias básicas e pouco a concretar…; corremos o risco de que queden no meramente discursivo ou na “literatura” dos documentos programáticos dos centros educativos. O currículo de educación infantil de Galicia, é o único do estado que incluíu as competencias básicas; a propia LOE indica que se desenvolverán no ensino básico, pero por coherencia entre as distintas etapas educativas, contemplouse a súa iniciación na educación infantil. Para o profesorado de educación infantil non debería entrañar ningunha dificultade nin ser nada novo.

En palabras de Mª del Mar Romera Morón, no seu artigo “Educar con las 3 Cs: capacidades, competencias y corazón”, hai “tres dimensións necesarias” e “sete sentidos” os que debe ter un bo profesional do ensino (os cinco, e máis o sentido común e o sentido do humor); con isto, como se de un xogo de palabras se tratara, organiza os “sete tríos das 3Cs”

I.-Capacidades, competencias e corazón.

II.-Compromiso, coraxe e confianza.

III.- Casa, colexio e camiño.

IV.-Coherencia, cooperación e calma.

V.-Cambio, control e consenso.

VI.-Calidade, continuidade e convivencia.

VII.-Cabeza, corpo e corazón.

“A clave do traballo por competencias está na elección das tarefas, na implicación e a responsabilidade do docente, nos seus potenciais, nos seus gustos, no seu afán de superación e nas súas propias competencias docentes, nunca relacionadas cos contidos que se traballan.”

Mª del Mar Romera Morón é mestra de EI, especialista en educación emocional e presidenta da Asociación Pedagógica Francesco Tonucci.

Simuladores para formar a profesionais que atenden ao alumnado de 0-3 anos

En FormArte o 28/01/2010 ás 16:55

No marco do proxecto Agrega, o Ministerio de Educación en colaboración coas comunidades autónomas, están a elaborar materiais para as distintas familias profesionais da FP, neste caso para a Familia de Servizos socioculturais e de atención á comunidade.

A través dun simulador e interactuando con personaxes e obxectos, tanto nunha sala de profesorado como nunha aula co alumnado,  o usuario intervirá en diversos conflitos con nenos e nenas de entre 0 –  3 anos, e preparará o plan de prevención correspondente a cada caso.

Noutro simulador, o usuario actúa como un educador experto en alerxias alimentarias. Deberá distinguir os síntomas das distintas alerxias, descubrir que alimentos as producen e crear un menú especial para o caso.

Escolas Infantís de Reggio Emilia

En FormArte o 27/01/2010 ás 22:24

SAREL a Red Educativa Reggiana do estado español,organiza unha viaxe de estudos ás Escolas Infantís de Reggio Emilia, no mes de marzo de 2010. Participaremos moitas profesionais da educación infantil en Galicia, daremos cumprida información; para aquelas persoas que non poidades asistir recomendámosvos a visita á web, alí poderedes saber algo máis da experiencia educativa reggiana, do seu fundador Loris Malaguzzi e da filosofía de vida destas escolas.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores