A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘FamiliarizArte’

Pistoia XI: Il Faro e Piccolo Blu

En FamiliarizArte,FormArte o 20/04/2012 ás 07:15

A Toscana cunha taxa de 29,8% é a primeira rexión de Italia en acollida de nenos/as de 0-3 en Asili Nido e noutros servizos como Spazi Gioco e Spazi Piccolissimi, cando a media estatal se sitúa nun 13,8%. Hai 10 Asili Nido comunales que atenden a 503 cativos, cun costo anual de 6.330€.

Canto a Scuole dell´Infanzia, 3-6, as escolas comunais acollen o 40%, as estatais o 37% e as privadas o 23%. O costo anual dun neno/a é de 4.362€, dos que o 55% é asumido pola comunidade, o 35% pola familia e o restante 10% polas achegas de fondos rexionais e estatais.

Estes datos son do ano 2009. Para orientarnos, en España, segundo a publicación “Sistema estatal de indicadores de educación. Edición 2011”, no ano 2008, o gasto medio por alumno de infantil é de 4.826€.

Sen dúbida, en Pistoia, empréganse os cartos de forma ben distinta: persoal, espazos e establécense fortes vínculos coa comunidade. Iso marca a diferenza, unido a unha participación real das familias nos servizos educativos.

Este aspecto, a participación das familias, é o que máis chama a nosa atención na visita a Il Faro e Piccolo Blu. Cantidade de detalles que observamos indícanos que esta participación non é retórica nin se limita ao establecido polas canles formais. Hai máis, aquí os pais e nais teñen o seu lugar. Hai información por todas partes para que sexan coñecedores da filosofía do centro, das actividades que se realizan, documentación á vista, etc. E eles colaboran na mellora deste entorno para os seus fillos e fillas. Na entrada hai un curioso libro no que se recollen as “habilidades” dos pais/nais, a súa dispoñibilidade horaria e o material que precisarían. Aquí hai sitio para todo tipo prestación que se poida/queira facer para o centro: ler contos, cantar, facer arranxos, decorar, coser, facer pompas de xabón, patchwork, etc. Unha grande idea que se pode apreciar nas fotografías.

Para entender como debe ser a participación das familias na educación dos seus fillos/as, recomendamos a lectura do artigo ““Establecer puentes de diálogos con la familia: los escenarios para la relación”” de María Riera Jaume, da Universidade das Illas Baleares, gran coñecedora das escolas italianas.

Ver presentación.

Nidi Blu

Facer lectores

En ActualizArte,FamiliarizArte o 23/02/2012 ás 07:47

Non nos cansamos de preguntarnos que é impide que algúns nenos/as se fagan lectores; ou dito doutro xeito, cal é a clave na formación do hábito lector: a escola, o contorno cultural, a familia… Todos sabemos de casos nos que, aínda fallando algún deses piares fundamentais, os nenos/as engánchanse á lectura; e doutros nos que sendo todos favorables, non se consegue facer lectores.

En calquera caso, non deixamos de insistirlle ás familias na importancia da constancia da lectura en familia, da lectura na casa, do exemplo dos adultos como persoas lectoras. E as familias sempre nos repiten tamén as mesmas preguntas: por que libros empezar, con que temáticas, con imaxe ou sen ela, de texto longo ou curto…

O Centro Internacional do Libro Infantil y Juvenil da FGSR, ten publicado moitas guías dirixidas ás familias e outros mediadores de lectura que dan resposta a esas preguntas e a outras moitas.

Hoxe, queremos destacar dúas:

Lectura y familia”, que vai tratando a lectura hoxe e a súa importancia, o como se fai un lector, cando empezar a ler, algúns consellos para facelo ben, crenzas e incertezas, criterios para seleccionar lecturas, outros soportes, os espazos para a lectura, a biblioteca pública e a escolar, a librería, e 40 recursos para promover a lectura no fogar.

Leer sin saber leer”,  unha guía de recursos para traballar a lectura nas primeiras idades que lle ofrece pautas aos mediadores para o desenvolvemento de accións de fomento de lectura, así como exemplos de actividades que xiran arredor de temas axeitados para traballar a lectura na aula e en familia. Compleméntase con setenta títulos organizados en catro apartados que agrupan libros con rimas, títulos que fan unha chamada de atención sobre a contorna, contos con xogo e sorpresa e materiais informativos que descobren os primeiros conceptos.

Falta moito?

En ContArte,FamiliarizArte o 23/02/2012 ás 07:47

Hai pouco tiven que atender a outro grupo de alumnado de cinco anos nun tempo que non daba para moito máis, polo cal lle propuxen xogar a palabras encadeadas; como me miraron un pouco estrañados, volvín a insistir e pregunteilles se non xogaban a iso cando facían viaxes longas. Certamente non pensara en que agora aos cativos en canto soben ao coche conéctanlles un DVD e non volven a falar ata chegar ao destino.

Para aqueles que aínda non teñen DVD no auto; para os nostálxicos; para os que non queren escoitar a cada intre “Canto falta?”, “Falta moito?”; para os que cren que hai outras formas de pasar o tempo, a editorial Combel vén de publicar “¡En marcha!” de Patricia Geis, unha recompilación de 30 xogos diferentes para non aburrirse nas viaxes: palabras encadeadas, xogos coas matrículas dos coches ou coas sinais de tráfico.

Xogos divertidos para viaxes en avión, coche, tren ou barco.

Lectura dialogada?

En FamiliarizArte o 14/02/2012 ás 07:41

23/366 : tent

O último boletín mensual PISA in Focus fala da relación entre a lectura en familia e comprensión lectora (ver blog CLBE), algo obvio para todos nós, case de sentido común, e reforzado polas investigacións de bos resultados neses indicadores nos países nórdicos, que teñen o costume de ler en familia, como tan ben analiza Javier Melgarejo nun artigo publicado na Revista de Educación do 2006.

Unha práctica tan sinxela, que non require de case nada máis ca tempo de dedicación aos fillos/as, pode supoñer diferenzas substanciais con respecto a nenos cuxos proxenitores non lles len ou len con eles. Recomenda o citado boletín que as escolas deberían axudar ás familias a desempeñar un papel máis activo na educación dos pequenos.

Todas as mestras insistimos na importancia dese xesto diario, que nestas idades se traduce nun conto na cama antes de durmir. Agora ben, sempre hai algún pai ou nai que nos pregunta como facer esa lectura: ao pé da letra, sendo o neno/a un mero oínte, ou se pode ser dialogada. Hai opinións tallantes tanto a favor dunha como da outra. Hai quen pensa que o conto ten que ser contado sen interrupcións, polo pracer de escoitar e imaxinar. Hai quen di que o feito de que os nenos se involucren no que están lendo facilítalle a comprensión da estrutura da historia e das novas palabras. Os investigadores dos beneficios da lectura dialogada afirman que a forma na que se lle le aos nenos é tan importante como a frecuencia coa que iso se fai.

Nós, que non somos fundamentalistas en nada, contestámoslles que talvez, haberá ocasións nos que unha historia se preste máis para ser escoitada de cabo a rabo, e outras nas que pode suscitarse un interesante diálogo ou mesmo intercambio de roles.

A naturalidade e o afecto dos mediadores de lectura, cremos que é o método que produce mellores beneficios, tanto na escola como na casa.

A importancia de ler na casa

En ContArte,FamiliarizArte o 25/10/2011 ás 07:07

“Aprender a leer es un procedimiento que se enseña en la escuela.
El gusto por la palabra y el amor a los libros se descubren en casa, en el ámbito de la familia, si bien la escuela ocupa un lugar de privilegio en esta conquista.
Cuando una maestra de educación infantil está contando un cuento a sus alum­nos, no solo está relatando una historia divertida o triste, está enseñando conceptos que tienen que ver con la lengua, procedimientos que atañen al proceso de compren­sión y unos valores determinados contenidos en el libro.
Cuando una abuela, o una madre, o un padre cuentan un cuento a sus nietos, o a sus hijos, están realizando un acto de amor. “
 

Así comeza o caderno do Observatorio Andaluz da Lectura realizado por Antonio Ventura coa pretensión de ser unha guía para as familias. Non cremos que sexa casual que o primeiro número desta publicación se dedique a ler na casa; tras moitos anos, traballos e campañas de animación á lectura, sábese que ese é o ámbito determinante no fomento da lectura.

Esta sinxela guía aborda, entre outros temas, a necesidade da ficción, as palabras e as imaxes, o gusto polas palabras e o amor polos libros, os momentos da lectura, as clases de libros, e remata cunha selección de textos.

Paga a pena poñela a disposición das familias, ben a través dos blogs (de aula, de biblioteca, de centro) ou fotocopiala.

Entrevista inicial coas familias

En FamiliarizArte o 12/09/2011 ás 16:00

“A que idade gateou?”, “Que alimento non lle gusta?”, “Con quen dorme?”…, e así un longo repertorio de preguntas configuran moitos dos cuestionarios cos que recibimos ás familias nos primeiros días de escolarización dos seus fillos/as.

Fai case vinte anos, nun curso de formación sobre avaliación en infantil, escoitámoslle dicir a un conferenciante que a meirande parte da información obtida na entrevista inicial non a empregábamos para nada. A nós, naquel momento no que acabábamos de poñer en funcionamento estes instrumentos de recollida –tras sesudos debates arredor do que incluír ou non-, pareceunos unha falta de respecto a nosa profesionalidade e rigorosidade. A día de hoxe, non temos máis que admitir a absoluta verdade que encerraba aquela afirmación.

No artigo 21 da orde pola que se regula a avaliación en infantil dise que cando o alumnado se incorpore ao 2º ciclo de EI, as persoas titoras realizarán unha avaliación inicial de cada un que recollerá os datos máis destacados do seu proceso de desenvolvemento, terá en conta datos relevantes achegados pola información das familias na entrevista inicial e, se é o caso, informes médicos, psicolóxicos, pedagóxicos e sociais. Esta información completarase coa obtida trala observación directa durante o período de adaptación. A orde deixa ao criterio do equipo educativo as decisións relativas ao tipo de información así como as técnicas e instrumentos, tanto de recollida como de consignación da mesma.

Titulamos esta entrada “Entrevista inicial coas familias” que difire bastante de “Entrevista inicial ás familias” –como se emprega na citada orde de avaliación e como se usa habitualmente-; facémolo intencionadamente porque entendemos que ese primeiro contacto ten que cumprir un dobre obxectivo:

1º que as familias teñan ocasión de coñecer e conversar coa persoa que se vai responsabilizar da educación do seu fillo/a

2º que nos trasladen a información que precisamos no comezo cando aínda non coñecemos ás criaturas e os seus antecedentes sanitarios, motóricos, lingüísticos, sociais, etc.

Esta entrevista pódese desenvolver de varias maneiras, pero lendo diante deles con mirada reprobadora o cuestionario que cubriron na casa -con maior ou menor pericia, con máis ou menos discurso, con moita ou pouca veracidade-, axuda pouco a crear ese clima distendido e cordial que se precisa. Parece máis ben un momento de tensión para os proxenitores. Outra forma sería que, como boas observadoras que somos e adestradas entrevistadoras, conduzamos unha conversa na que a familia se senta acollida, na que teña ocasión de expresar as súas inquedanzas e expectativas sobre este período que inician, na que charlemos sobre estes aspectos relevantes do seu fillo/a, escolmando o primordial do superfluo e recollendo as súas dúbidas que logo poden ser expostas con carácter xeral na reunión grupal que manteñamos con todas as familias.

A experiencia indícanos que a meirande parte da información obtida nos cuestionarios, ao pouco comprobamos que non se axusta á realidade (por exemplo, vístese e desvístese só/soa? Si, e no segundo día vemos que non sabe abotoarse).

O sentido común, tamén nos fai ver que a información recollida neses cuestionarios exhaustivos, non vai máis lonxe de aí, dado que non parece pertinente consignala na avaliación inicial (XADE) que pasará a integrar o expediente persoal do alumno/a para toda a súa vida escolar.

A economía de esforzo fainos entender que bastantes aspectos burocráticos temos nos centros educativos como para burocratizar o que non ten que ser burocratizado: as relacións coas familias.

Polo tanto, e como conclusión, non desaproveitemos esa primeira ocasión e manteñamos unha entrevista coas familias, non lle fagamos unha entrevista ás familias.

O traballo e o sentir das nais

En FamiliarizArte o 28/04/2011 ás 21:01

Para comprender o traballo das nais, dúas recomendacións de lectura:

Lo que hacen las madres. Sobre todo cuando parece que no hacen nada”, de Naomi Stadlen en Urano.

“La mayoría de la gente está de acuerdo en que ser madre es un trabajo muy duro. Pero ¿cuál es exactamente el trabajo de una madre? En esto hay menos acuerdo. La gente parece pensar que cuidar a un bebé no tiene nada que ver con el trabajo que se supone que debe hacer una madre”

“Las frases que más repiten las madres son“NO HAGO NADA” y “no consigo hacer nada”. Así es como describen su experiencia. Deberíamos escuchar atentamente y preguntarnos qué significa “no hacer nada”. Antes se suponía que era la ausencia de “hacer algo”. Pero al escuchar lo que dicen las madres, parece que es una experiencia en sí misma. (…) Cuando una madre considera su forma de utilizar el tiempo como “no hacer nada”es incapaz de ver lo que hace como parte de un cambio deseable y significativo. Como no ve ningún cambio, puede pensar que la acción (o inacción) maternal de estar con su bebé no tiene ningún valor”

Mujeres visibles, madres invisibles”, de Laura Gutman en Integral

“La paternidad y la maternidad hoy se contradicen con las actividades visibles, sobre todo para las mujeres. Las mujeres SOMOS VISIBLES EN EL ÁMBITO EXTERNO (en el trabajo, en la profesión, en el deporte, en la política, en los ámbitos sociales, …), y cuando devenimos madres ingresamos en un lugar totalmente invisible”

“LA MATERNIDAD COMUNITARIAMENTE NO TIENE NINGÚN PRESTIGIO y por tanto la invisibilidad de la maternidad hace que las mujeres dejemos esos espacios y tratemos de desplegar, como es lógico, un lugar donde sentimos que existimos”


Expectativas educativas das familias

En ActualizArte,FamiliarizArte o 08/04/2011 ás 00:00

O IFPIIE do Ministerio de Educación vén de presentar o estudo “Posiciones y expectativas de las familias en relación al sistema educativo. Exploración cualitativa”,  que ten como propósito facer unha sondaxe de cómo se sitúan as familias perante a educación dos seus fillos e fillas; cales son as súas expectativas, demandas, críticas…, e cal é o papel que cren deben asumir elas.

En primeiro lugar establecen unha tipoloxía de posicións discursivo-ideolóxicas das familias: o paternalista, o clientelar, o instituínte e o liberal. Continúan cunha análise das liñas de confuencia e contradición entre as anteriores posicións. Así mesmo, identifican as principais características sociais (sexo, tipo de familia, clase social, hábitat residencial, etc) que inciden na configuración de cada un dos discursos ideolóxicos identificados.

Para a realización deste estudo recorreron a grupos de debate integrados por pais e nais que se corresponden con eses segmentos sociais.

Considerámolo unha lectura moi interesante, porque malia a que se centran no período de escolaridade obrigatorio, veremos identificados a todos os pais e nais cos que nos reunimos. En infantil case todas as expectativas familiares sobre a escola parecen coincidir, pero tan só é iso, unha aparencia, de seguido nos decatamos de cales son as diferenzas entre cada unha delas, ás veces, percíbense mesmo entre os dous proxenitores.

Está estruturado do seguinte xeito:

1ª parte: o proceso educativo no seo do fogar. Analízase en clave do principio de autoridade, dos contidos e metas da educación, dos perigos do mundo exterior (dispositivos de comunicación e consumo), e do modelo implícito de cidadanía.

2ª parte: os pais e nais perante a escola dos seus fillos/as. Aténdense os papeis da escola e da familia, o profesorado, as metas académicas (éxito e fracaso escolar), a autoridade dos centros, e a política educativa.

Unha lectura que nos pode axudar a comprender as demandas das familias.

Ler na casa

En FamiliarizArte o 03/03/2011 ás 20:03

O Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil da FGSR vén de presentar unha animación na que se sintetizan os consellos fundamentais para reforzar o apoio dos hábitos lectores desde o fogar, compartindo pais e fillos/as experiencias arredor da lectura.
Complétase cunha listaxe de consellos dirixidos ás familias que serven de axuda para:

  • facer do teu fillo/a un entusiasta da lectura
  • conseguir que o teu fillo/a odie a lectura
  • fomentar a escrita na casa
  • contar un conto e non morrer no intento
  • elixir unha lectura adecuada á idadedo teu fillo/a

e moitos máis que poderemos ir facilitando ás familias do noso alumnado e ANPA.

A educación do talento

En ActualizArte,FamiliarizArte o 20/12/2010 ás 21:19

Nestes días que as familias andan pedindo recomendacións de lectura para os seus fillos/as, tamén queremos facer unha recomendación para elas.

La educación del talento” é o máis recente libro de José Antonio Marina, publicado en Ariel,  co que a Universidade de Padres on line abre unha colección de libros dirixida a pais e educadores preocupados pola educación.

“O obxectivo da educación é desenvolver o talento dos individuos e das colectividades. Os gurús do management insisten sen descanso na necesidade de talento, e hai profesionais que se dedican a buscalo. A todos nos gustaría ter talento. Todos o admiramos. A cuestión é como desenvolvelo nos nosos nenos e nenas, e tamén en nós. Non hai simplificacións milagrosas. Nin se pode ser “millonario ao instante”, nin “aprender chinés en vinte horas”, nin conseguir ningunha desas marabillas que prometen libros estafadores. O talento é un hábito e, como todos os hábitos, difícil de adquirir.Hai tamén moitos tipos de talento. Esta obra pretende axudar aos nosos nenos a descubrir os seus. Cada un de nós temos as nosas propias fortalezas e debilidades. Pero tamén hai un “talento básico”, que debemos intentar desenvolver universalmente, e deste trata sobre todo este libro. Talento para saber que facer cos demais talentos e tamén coas nosas limitacións.”

Estes libros teñen unha finalidade práctica, axudar e educar. Están pensados para que alguén “profano” poida lelos con agrado, e alguén especialista, estudalos con facilidade. Están redactados en dous niveis: a parte expositiva en papel, e a ampliación científica e documental, na rede.

Desde a web, o mesmo Marina vai debullando a través de distintas gravacións en vídeo, a composición e finalidade do libro, capítulo por capítulo.

Así mesmo, pódese acceder á revista Universo UP, que no seu número 10 trata temas como “Videojuegos: enemigos o aliados”, “Ayuda a tu hijo a dormir bien”, unha entrevista a Emilio Calatayud, e outras moitos do interese de pais, nais ou educadores.

Agasallos difentes

En ContArte,FamiliarizArte o 06/12/2010 ás 09:08

Chega o momento no que algunhas familias nos veñen a consultar sobre os agasallos de Nadal recomendables para os seus fillos e fillas. Así como, hai anos, elaborábamos folletos informativos que enviábamos ás casas do noso alumnado, a día de hoxe –e non é unha actitude derrotista, senón realista- non o facemos. Sobra información. Todo tipo de asociacións e institucións de consumidores, de igualdade, de sostibilidade, etc, elaboran ese tipo de folletos. A meirande parte das familias saben a “teoría”: deberían mercar xoguetes que desenvolvan a creatividade e a intelixencia infantil, que non transmitan estereotipos de sexo-xénero, que non sexan bélicos, que cumpran con criterios de seguridade…; e en que se traduce todo este coñecemento?, quen lles facilita aos nenos e nenas os catálogos comerciais?, quen pode controlar os agasallos dos familiares e das amizades?, quen fomenta o de escribirlle a carta a Papá Noel, aos Reis, ao Apalpador, a… ? Será unha vez máis o de sempre, unha morea de agasallos sofisticados, un día tras outro, aos que non lles prestarán nin un chisco de atención.

Sempre lles dicimos que nos preocupa máis o día a día que o Nadal. Na actualidade os cativos reciben agasallos por calquera motivo: polos aniversarios, pola visita dalgún familiar, polo nacemento dun irmaciño –para que non teñan celos-, pola visita a un centro comercial, etc. Nós non podemos, nin temos os medios para loitar contra o consumismo imperante na sociedade actual, pero si para fomentar actitudes críticas de cara ese consumo sen sentido.

Porén iniciamos a nosa particular campaña nas aulas. Falando con eles, facéndolles ver as “prestacións” dalgunha das súas preferencias. E lendo, lendo moitos contos sobre agasallos diferentes. Velaí a nosa escolma:

-“Un agasallo diferente”, de Marta Azcona e Rosa Osuna en Kalandraka.

-“Coas mans baleiras”, de Ana Tortosa e Cecilia Varela en OQO.

-“La palabra que se fue de vacaciones”, de Vicente Vilana e Carmela Mayor en Brosquil.

-“El regalo del pescador”, de Rocío del Mar Antón, Dolores Núñez e Xavier Vilagut en Beascoa.

-“A caixa dos recordos”, de Ana Castagnoli e Isabelle Arsenault en OQO.

Fermosos álbums que transmiten a idea da importancia das pequenas cousas, do grande valor da intención e dos afectos, do que non se pode mercar cos cartos. Mesmo lle recomendamos a súa lectura ás familias, poida que lles faga tanta falta ou máis que aos nenos.

E ollo coa responsabilidade da escola no fomento do consumismo!, que tamén ten a súa parte de culpa, co que facemos, co que dicimos, co que amosamos, co que gastamos…

Trans-toying

En FamiliarizArte,InformArte o 06/12/2010 ás 09:08

No sector de fabricantes de xoguetes vénse constatando unha baixada nas ventas, arredor dun 12%. No estudo de “Intencións de compra de xoguetes no Nadal 2010”, publicada pola  AEFJ, corrobórase esta tendencia. Pero non cometamos a inxenuidade de pensar que a xente aposta por un consumo máis responsable. Para nada, o que sucede é que hai unha variación no concepto de xoguete.

Dun tempo a esta parte fálase de trans-toying ou trans-xoguetismo. Outra estratexia comercial que consiste en transformar obxectos cotiás en artigos de xogo. Un fenómeno en alza, para constatalo non hai máis que mirar as mochilas que traen á escola ou dar unha volta polos centros comerciais. Cepillos de dentes con forma de xoguetes, toallas ou roupa de cama con personaxes das series televisivas, reloxos, pulseiras, pratos, garfos ou pasteliños con forma de bonecas, apósitos que lles fan desexar ter algunha ferida para poñerse un tatoo, etc. Seica a estrela de ventas de adobíos de Nadal este ano son as bolas de Bob Esponja!

Pódese saber máis nunha publicación que xa recomendamos con anterioridade, “Nacidos para comprar. Los nuevos consumidores infantiles” de Juliet B. Schor, editado en Paidós. Na mesma dise que “os expertos en desenvolvemento infantil pregúntanse con preocupación si esta nova tendencia non deixará pouco espazo á imaxinación do neno, dado que todo artigo no seu contorno acaba converténdose en xoguete. Si todas as experiencias do pequeno se encamiñan á emoción, á sorpresa e ao xogo, poida que non descubra que a felicidade e o benestar se obteñen principalmente do aprecio do cotiá. É posible que non aprendan a valorar o sabor da comida boa e saudable, si se lles aprende que comer equivale a xogar. Susan Linn, psicóloga de Harvard e unha das críticas máis destacadas sobre marketing infantil, sostén que existe un baleiro moral en todo ese enfoque. (…) Os profesionais da publicidade non acostuman a cuestionarse sobre isto, tan só se preguntan, como entretemos aos nosos fillos aos que nada lles contenta?”.

Na escola, ás veces descubrimos con alegría como un elemento do máis insignificante se converte nunha fonte inesgotable de gozo infantil. Pois ao mellor aí radica unha das nosas responsabilidades e tarefas de cara ao fomento do consumo responsable, facéndolles ver, verbalizando e salientando o valor das pequenas cousas.

Dereitos da infancia

En FamiliarizArte,InformArte o 17/11/2010 ás 10:08

 O 20 de novembro conmemórase a data na que a Asemblea Xeral aprobou a Declaración sobre os Dereitos do Neno en 1959, e a Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989. Por todo ilo, o 20 de novembro é o Día Universal dos Nenos e Nenas.

En Enrédate.org temos unha versión da Convención adaptada aos máis novos. Asemade podemos ver un ensaio fotográfico que nos permite coñecer en imaxes os dereitos da infancia.

Nesta curta de animación “Yo quiero”, feita en stop motion, a través das imaxes e da canción recórdasenos que “todos os nenos e nenas do mundo merecen un lugar”.

 

É obra de Walter Tourier, e no seu web atoparemos os traballos de animación realizados para o Instituto Iberoamericano del Niño, la Niña y Adolescentes. Vídeos co seu correspondente folleto explicativo e a letra da canción. Entre outros: “Queremos que nos oigan”, “Queremos vivir”, “Yo quiero aprender”, “Yo quiero jugar”, “Yo participo”, “Es mi familia”, “Yo soy”, “Yo quiero”, e “La Carta Democrática”.

Termómetro da educación

En ActualizArte,FamiliarizArte o 15/11/2010 ás 21:02

Botar unha ollada polos andeis de novidades nunha librería é unha das mellores maneiras de coñecer por onde van os tiros en educación, de cales son as inquedanzas e preocupacións sociais canto á atención dos máis cativos. Isto é o que vimos hoxe.

-“Las madres nunca se equivocan”, de Giovanni Boella, editado en Los libros del silencio con prólogo de Javier Urra. “Describe de modo tan detallado como accesible los principales momentos de la evolución del niño, analiza las actuales circunstancias de la familia y la educación en el ámbito cotidiano y, por encima de todo, apela al sentido común y a la intuición de los padres, a menudo abrumados por las advertencias tanto de quienes señalan el riesgo de traumatizar a los niños por nimiedades como de quienes buscan la disolución de la autoridad de los progenitores.”

-“Los errores de papá y de mamá“, de Giovanni e Antonella Astrei en Rialp. “No es nada fácil ser padres. Para ayudarles a serlo, este libro muy práctico plantea 135 posibles errores que cabe cometer en la crianza y educación de los hijos; para evitar otras tantas y similares equivocaciones. Simpáticamente ilustrado, ha nacido de la experiencia profesional de los autores y, sobre todo, de las vivencias familiares con sus propios hijos.”

-“La mejor guardería, tu casa”, de Eulalia Torres de Bea en Plataforma Editorial. “Este libro trata fundamentalmente de esta contradicción y sugiere la necesidad de ayudas laborales y económicas a los padres para que puedan realmente conciliar su vida familiar y su vida laboral y criar saludablemente a su bebé.”

-“Guía práctica para abuelos con nietos”, de Isabel Agüera en Toromítico. “Las cada día mayores exigencias de la sociedad actual, marcada por una competitividad laboral acuciante, conllevan que los padres se vean a menudo en la necesidad de dejar a sus hijos al cuidado de los abuelos. Éstos se encuentran así ante una tesitura singular. De un lado les complace enormemente hacerse cargo de sus nietos, cuya compañía les agrada y rejuvenece; pero de otra parte su libertad de acción se ve restringida y el peso de los años les impide atenderlos en plenitud de facultades.”

Novas familias na escola: dúbidas e desvelos

En ActualizArte,FamiliarizArte o 03/10/2010 ás 20:14
Escenario: centros de educación infantil
Temporalización: 1º trimestre do curso académico
Personaxes: pais e nais primeiriños na escola
Problemas:
1º A entrada na escola do primeiro/a fillo/a
Recomendación: Sobrevivir al colegio de su hijo”, de Paola di Pietro en Medici.

Recóllense consellos prácticos sobre a entrada na vida escolar: que centro; as actividades; comedor si ou non; participación na escola; xogos, etc., de tal xeito que pode converterse nunha experiencia proveitosa, tamén, para os pais.



2º Que lle respondo ao meu fillo/a cando me pregunta por que hai que ir á escola?

Recomendación: “¿Por qué tengo que ir a la escuela”, de Hartmut von Henting en Gedisa

Non é doado facerlle entender aos fillos/as cal é a razón pola que teñen que pasar o día separados dos proxenitores e entre persoas estrañas, alleas ao seu hábitat familiar. Recorrer a argumentos como a importancia de ser unha persoa educada e culta para ter unha vida de calidade non soan nada convincentes.

3º En que actividades extraescolares o/a inscribo?

Recomendación: “La hiperescolarización de los niños. Las actividades extraescolares, una presión añadida para tus hijos”, de A. Rosenfeld e N.Wise en Paidós.

Ás veces cremos que o mellor que podemos darlle aos fillos son moitas oportunidades que nós non tivemos, o que nos leva a unha carreira desenfreada de actividades despois da xornada escolar. Poida que non sexa iso o que recorden de adultos, nin o que lles proporcione unha vida máis san e rica.

4º Controlando todos os “elementos” da súa educación e coas oportunidades que hai, conseguirei que sexa dos mellores?

Recomendación: “Bajo presión. Cómo educar a nuestros hijos en un mundo hiperexigente”, de Carl Honoré en RBA.

Todos os pais e nais aspiran, anhelan e desexan o mellor para os seus fillos: que teñan éxito, que non fracasen, que non sufran o que sufriron eles…, de tal xeito que a vida dos nenos estase a converter nunha carreira sometidos a presión, e a labor dos pais converteuse nunha profesión en si mesma.

Nacidos para comprar

En ActualizArte,FamiliarizArte,RebelArte o 03/10/2010 ás 20:14

Calquera que visite unha grande área comercial nunha fin de semana quedará pasmado do poder adquisitivo dos máis novos, nenos e mozos e da súa capacidade de decisión en canto ás compras. O máis alarmante é que cada vez os consumidores son máis novos, van da man dos seus proxenitores ou empurrados por estes en carriños. Compran porque deses produtos, pensan depende a súa supervivencia social. Na actualidade os profesionais do marketing empregan recursos publicitarios tan sofisticados que inflúen no modo no que os máis novos se ven, se senten e se relacionan. O poder de compra dos nenos e nenas aumentou de forma espectacular, converténdose en compradores desde a máis tenra infancia. Estímase que entre os 6 e os 12 anos visitan tendas 2 ou 3 veces por semana e introducen 6 artigos no carro cada vez que van. Outro factor que inflúe é a falta de tempo dos pais; as investigacións amosan que os pais que pasan menos tempo cos seus fillos, gastan máis cartos con eles –chámaselle a isto, os “cartos da culpabilidade”.

Recentemente, lemos o libro “Nacidos para comprar. Los nuevos consumidores infantiles” de Juliet B. Schor, publicado en Paidós e pódese acceder a partes do mesmo a través da rede. Esta experta en temas de consumo, economía e familia, centra a súa investigación na sociedade estadounidense -a máis consumista do mundo, absolutamente inmersa no “ciclo do traballo e do gasto”- e constata que os nenos/as e os adolescentes estanse a converter no epicentro da cultura do gasto en Norteamérica. Desde fai dúas décadas, as familias están sometidas a presión en relación cos seus fillos, xa que deben facerlle fronte a un abano de esixencias que van desde as actividades extraescolares, ata unha educación de calidade, pasando pola compra de produtos de moda e de marca. En palabras da autora “Os nenos convertéronse en vehículos que trasladan o mercado ao fogar, o chanzo entre os anunciantes e o peto das familias. Os máis novos son depositarios do saber e da conciencia consumista. Son os primeiros en adoptar moitas das novas tecnoloxías das que son ávidos usuarios. Os modos sociais dos nenos constrúense cada vez máis en torno ao consumo. (…) Nun mundo semellante, cantos pais optan por renunciar ao consumo ou por simplificar a vida? Trátase dun paso radical que moitos nenos non aceptan de bo grado.”

Ao longo de 300 páxinas, a autora vai analizando os hábitos consumistas dos que poden ser os nosos alumnos e alumnas; motivo polo que consideramos altamente recomendable a súa lectura. Ben sabemos que desde a escola non podemos ir “contracorrente”, nin loitar contra iso –e máis, non conseguiríamos nada-, pero si é a nosa obriga, a nosa responsabilidade, o noso deber profesional, a nosa labor, aprenderlles a pensar, a razoar, a comparar, a valorar, a buscar alternativas…, habilidades todas elas para que sexan que de decidir desde o coñecemento. Xa veremos como asumir este reto, ou cando menos procuraremos evitar o fomento do consumo, que desde as escolas, faise, e moitas veces.

Acollida de novas familias

En FamiliarizArte,InformArte o 14/06/2010 ás 14:00

Como xa fomos adiantando, nestes días teremos unha xornada informativa e de acollida coas familias do alumnado de tres anos que en setembro se incorporará ao centro. O motivo, tamén o apuntamos xa, que os pais e nais nos coñezan, coñezan o colexio, saiban do seu funcionamento, e de como se desenvolverá o período de adaptación –entendendo as razóns polas que se establece esta entrada progresiva. Terá lugar unha tarde, para favorecer a súa asistencia, haberá unha benvida por parte do equipo directivo, e unha presentación multimedia onde poderán ver escenas e actividades da vida cotiá na escola na que van escolarizar aos seus fillos; é unha maneira de que vaian apreciando a filosofía do centro. Coñecerán as aulas e os demais espazos e finalmente daráselle un folleto informativo no que se recollen:

-Os obxectivos do período de adaptación.

-Suxestións para os primeiros días.

-Consellos a seguir polas familias que favorecerán o proceso de adaptación.

-Tarefas para a familia ao longo do verán.

Facilitamos o Folleto de acollida a nais e pais de 3 anos, elaborado para os nosos centros. Observación: na medida do posible tratamos de evitar ese tono que ás veces se emprega no que todo parece que son negativas ou prohibicións –non poñer…, non traer.., non entrar…-, que ás veces causan unha impresión tan molesta nos pais, malia que coincidan coa mensaxe.

Froitas e verduras

En FamiliarizArte,InformArte o 05/06/2010 ás 09:00

Que lle pasa aos cativos coas froitas e verduras?, por que as rexeitan? Todos os estudos sobre alimentación infantil constatan que consumen cantidades moi por debaixo do que sería aconsellable; nestes, tamén se analiza, se estes produtos da horta se consumen habitualmente nas súas casas.

Tan só meter as palabras “verdura e nenos” nun buscador de Internet, e aparecen centos de resultados con consellos para introducilas escondidas, disfrazadas ou ocultas. Ao mellor o erro está aí, tratamos de enganalos, como se de algo malo se tratara. Nós, que temos organizado que cada día tomen un tipo de alimento no petisco de media mañá, sorprendémonos de como traen a froita os mércores: mondada, partida, esmagada, sen carabuñas -non vaia ser que a traguen-, oxidada, irrecoñecible pola falta de zume e de textura…, en tupper para comela con garfo ou culler, pero se os nenos sempre morderon e adentaron a froita e non lles pasou nada! Así, case ninguén comería a froita! Habería moito que falar sobre isto…

Nas escolas italianas, na entrada, a piazza, teñen unha pequena mesa co menú do día e os ingredientes que o compoñen: un repolo, lentellas, allos porros ou pasta, o que sexa, todo colocado cunha estética moi coidada e perfectamente etiquetado. Así, aínda que coman unha crema de verduras, saberán de que está feita, e como é ese alimento no seu estado óptimo de frescor. Malia que nos pareza estraño, moitos nenos non saben como é unha leituga ou un tomate antes de chegar ao prato. Aqueles comedores escolares reggianos eran como os dunha casa de aldea: alacenas con tarros con legumes, con pasta ou con conservas; ramalletes de herbas aromáticas secas, froitas de tempada, arranxos de mesa con produtos da gastronomía local. Deste xeito, están en contacto diario co que consumen e coñecen as súas distintas formas de preparación. Nos nosos comedores, pendurados das paredes están Mickey, Pluto, Goofy, Donald ou Daisy, que parecen as imaxes máis apropiadas para os ollos de nenos desta idade. Noutra ocasión falaremos de como cada día dous nenos/as axudan ao persoal de cociña a preparar a comida, a poñe a mesa e a servir aos seus compañeiros. Tan só manipulando, probando e saboreando os alimentos poden descubrir as súas propiedades, as súas características e sentir ganas de degustalos.

Malia que non somos partidarias dalgúns xogos de ordenador, descubrimos “Caras cocineras” que nos permitiu xogar a construír distintos rostros e expresións con froitas, ao estilo do libro “Que tal vexetal?”

Crecer jugando

En ActualizArte,FamiliarizArte o 25/05/2010 ás 14:30

A Fundación Crecer Jugando ten como obxecto a promoción do dereito ao xogos dos nenos e das nenas. Publican estudos e investigacións sobre o xogo e o xoguete.

Desde esta páxina pódense descargar as revistas publicadas:

Juego, juguete y seguridad

Juego, juguete y salud

Juguetes y género

Juguetes para niños. Criterios para adultos

Jugar en familia

El valor de los juguetes y el juego

El juego y el juguete en educación infantil

Cómo elegir el juguete adecuado

El juguete en la escuela

El juguete un reflejo de la historia

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores