A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘CativArte’

Cereixas ao óleo

En CativArte o 25/05/2012 ás 06:56

Nunca pintáramos ao óleo co alumnado, pero un neno que vai a clases de pintura trouxo a clase un lenzo pintado o que espertou o desexo de todos de facer coma el.

Agora, o día que fixemos a cata de cereixas atopamos un motivo para retratar e moita diversidade de variacións sobre a cor vermella, porén puxémonos man á obra. Ten o seu aquel porque hai que empregar augarrás, pero os resultados son espectaculares, e mesmo os nenos entenden que pintar sobre un lenzo con óleos é como entrar noutra dimensión das súas representacións plásticas.

Nun primeiro momento quixemos ver moitas mostras da presencia das cereixas na arte de: Cèzanne, Picasso, Pons Arnau, Hammer, Cristobal Toral, Gauguin, Bonnard e outros moitos recollidas en blogs como Cocina y cultura ou Cocinamos entre todos.

Coas cereixas diante, fomos tratando de conseguir as distintas tonalidades de vermello de cada unha das variedades. Previamente fixeron un bocexo en papel con ceras brandas, para entender moi ben o tamaño e a ubicación. Perfilouse sobre o lenzo, pintouse o fondo e deixouse secar un día, logo capa a capa fóronse pintando as cereixas. Entenderon moi ben a aplicación final da luz con cor branca. Asinan e datan a obra.  Capa de verniz e exposición no centro.

Un recordo da gorentosa cata.

Ver presentación.

Cereixas ao óleo

Pistoia VII: arte en La Coccinella

En CativArte o 16/04/2012 ás 06:56

A planta superior de La Coccinella -baixo cuberta- está totalmente dedicada ao atelier. Este é o territorio de Morena, a atelierista, unha experta en didáctica da arte, que compaxina as tareas escolares co alumnado coa dedicación ao departamento educativo dun museo en Pistoia dedicado a Marino Marini.

Chama a nosa atención a división do espazo en seis salas distintas nas que se pode experimentar coa cor, cos materiais, coa luz ou coa manipulación de elementos da contorna. Sorpréndenos o uso de materiais como flores, ramas ou follas, anacos de espellos, pedras, cristais, areas, arames, todo ilo recollido polos nenos e recuperado para novos usos. Insisten na importancia da perfecta organización do material para que estea visible e accesible para o seu uso en calquera momento.

Un corredor que atravesa toda a planta fai as veces de sala expositiva. Un lugar destacado ocúpao un proxecto sobre un río da localidade, que fai de eixo narrativo da historia, costumes e construcións da comunidade. Todas as obras expostas, valorízanse cunha boa presentación –documentando o proceso con fotografías- e con reseñas, citas ou poemas.

Aprécianse alusións constantes ás obras dos italianos Lucio Fontana ou Marino Marini –artista local de recoñecemento internacional-; pero a atelierista insiste en que non se trata de que os nenos/as reproduzan obras de artistas, senón de que descubran e comprendan as linguaxes e estratexias que empregan para comunicarse co espectador. Porén, hai un gran número de libros de arte, de artistas e de obras de todos os tempos e estilos, pero nomeadamente de arte moderno ou contemporáneo.

Ver presentación.

La Coccinella II arte

“Primavera” para Ramón Conde

En CativArte o 13/04/2012 ás 16:00

Que se lle pode regalar a un escultor?

Cando no mes de novembro visitamos o taller do coñecido escultor Ramón Conde, brindoulles aos nenos/as a oportunidade de facer figuras coa arxila. Acordáramos daquela, que na primavera volveríamos para pintalas. Agora recibimos a amable chamada da súa axudante Chus para recordarnos esta visita pendente. A alegría dos nenos, e a ilusión de ir a ver a un “amigo” de novo, non deixa dúbida do significativa que fora esa experiencia.

Agora ben, que lle podemos levar para amosarlle o noso agradecemento polas súas atencións?

Non é doado, xurde un debate, todos concordan en que ten que ser unha escultura, pero non acaban de poñerse de acordo sobre a forma, material e significado desa escultura. A primavera, parece ser finalmente un tema do gusto de todos. E como representamos nunha escultura a primavera? Que é o significativo da primavera? Que debe transmitir?

Cadaquén fai a súa achega: as cores do arco da vella, as chuvias de abril (augas mil), o recendo das flores e plantas aromáticas, o piar dos paxaros, o calorciño do sol, a alegría dos nenos/as,  os primeiros paseos pola praia, as cereixas de maio, as bolboretas, un poema, os toxos e as xestas que tinguen de amarelo os nosos montes, os ceos ovellados, o amor, os bicos, palabras fermosas …, iso é a primavera.

E así resolvemos a situación. Unha escultura de botellas de cristal que conteñen todos eses elementos que nos remiten á primavera e un collage coas fotografías das esculturas que fixeran con motivo da súa primeira visita. Un novo debate e estudo sobre a forma de montaxe e un catálogo colectivo rematan a poética escultura.

Ver presentación.

Escultura Primavera Ramon Conde

Cos agoiros de que sexa do seu agrado, volvemos ao seu taller. Somos recibidos coma uns vellos amigos. Ramón Conde traballando en novas esculturas que, de seguro, pronto veremos nalgún espazo público. Isto é novo, traballa sobre polistireno expandido, que logo cubre con resinas para facer o molde que finalmente dará lugar á escultura de fibra de vidro. Agora poden ver todo o proceso e o misterio desas esculturas que non pesan tanto como se lles supón.

Ramón califica a obra “Primavera” coma de arte conceptual, e dille aos nenos que sería digna de expoñerse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Os nenos e nenas retoman as súas pezas para pintalas e así poder levalas para a casa.

Ver presentación.

Primavera no taller Ramón Conde

Ramón Conde desaparece misteriosamente e volve cunha sorpresa…

Ver presentación.

Primavera con Iolanda Castaño

Chegou coa súa amiga a coñecida e polifacética artista Yolanda Castaño, a quen os nenos e nenas recoñecen como autora do punki-vermiño “Punver”, e do libro “Cociñando ao pé da letra”, así como por ser a presentadora do programa “Cifras e letras” da TVG.

A mañá non podía ser máis completa, máis poética e máis artística do que foi.

Ovos de Pascua

En CativArte o 10/04/2012 ás 06:54

Os escaparates das tendas italianas nestes días eran un alarde de creatividade e orixinalidade arredor dos ovos de Pascua. Non puidemos resistirnos e tomamos un gran número de fotografías deste símbolo gastronómico para amosárllelas ao noso alumnado.

Segundo se sabe a tradición de agasallar ovos de Pascua, vén desde a antigüidade; os primeiros en empregalos como obxectos de boa fortuna foron os persas que celebraban a chegada da primavera co intercambio de ovos de galiña. Os romanos adoitaban enterrar nos campos un ovo pintado de vermello, símbolo da fertilidade, para así favorecer as colleitas. Na cultura cristián, este costume remóntase a 1176, cando o abade de Saint-Germain-des-Pres lle deu ao rei Luís VII os produtos das súas terras, así como grandes cantidades de ovos. Catro séculos máis tarde o Rei Sol, tivo a idea de cubrir os ovos de chocolate.

Unha tradición que chega ata os nosos días, nalgúns lugares, como Italia, con máis forza.

Ver presentación.

Ovos Pascua

Pintando a música

En CativArte,MusicArte o 26/03/2012 ás 07:05


Seguimos establecendo vínculos entre a música e a súa representación plástica. Nesta ocasión, tras unha vivenciación corporal de diferentes fragmentos musicais, acompañados con panos de cores, pasamos á expresión pictórica deses ritmos sonoros.
O curioso foi que tratándose de pezas ben diferentes, o resultado final dos catro grupos foi moi semellante.

Desde aquí, pódese acceder a unha escolma musical.

Ver presentación.

Música de cor

Árbores de primavera

En CativArte o 26/03/2012 ás 07:04

Trala visita á colorista exposición “Árbores” de Erre Mota na Galería Caroní de Compostela, mostrámoslle ao noso alumnado o catalogo. De inmediato quixeron pintar esas árbores de que semellaban de primavera. Son dezaoito lenzos de gran tamaño cheos de luz e de cor cunha aparente simplicidade e mesmo inxenuidade que lle fixeron pensar que, reproducilos, sería cousa doada

Non somos moi partidarias da copia de obras de arte, polo mero feito de reproducilas, pero neste caso, comprendemos que era unha moi boa ocasión de facerlles reparar en detalles como o fondo, a mestura de cores, e o efecto da luz.

Velaí os resultados.

22 de marzo de 2012

Música calada

En CativArte,MusicArte o 22/03/2012 ás 07:55

Animados a representar os sons, escoitamos diferentes fragmentos musicais e con rotuladores de cores seguen/trazan o seu ritmo. Comparamos os grafismos dos nenos, todos escoitaron a mesma música malia que ninguén a representou do mesmo xeito. Proban a adiviñar de que fragmento se trata (eran dous ben diferentes entre si). En conxunto poderían configurar unha obra pictórica. Un collage de música calada.

Trazando música

Mostrámoslle unha das abstraccións de Vassily Kandinsky, a “Composición VIII”, e preguntámoslle se esta obra podería ser unha representación de sons (como en efecto o é). De inmediato identifican sons fortes de tambor, de piano e de pratiños. Imaxinamos como soaría esa peza musical, sería alegre ou triste, chea de sons graves ou agudos, fortes ou débiles, longos ou curtos … Interpretámola. Cada un elixe un elemento do cadro que soará coa indicación da batuta do director sobre ela.

Probamos con esta representación da primavera, tamén de Kandinsky, un delirio de orquestración cromática, na que se evidencia claramente a explosión colorista da natureza. Que música soaría desta obra?

Esta actividade non pretendía máis ca ser un exercicio de transferencia de sensacións visuais e musicais, temos por seguro que moitas delas foron inducidas por nós, pero tamén cremos que é necesario facerlles ver cores coa música e música nas cores.

Tomamos o título da entrada dunha extraordinaria exposición organizada polo Museo Thyssen-Bornemisza no 2003, “ Kandinsky y la música callada”.

Pedras paisaxe

En CativArte o 15/03/2012 ás 07:32

Cando buscamos información sobre os bonsais, descubrimos outro elemento que ás veces aparece ao seu carón: os suiseki, ou pedras paisaxe. Como se pode ver nestas imaxes, son pequenas pedras que pola súa forma e colores nos recorda a unha paisaxe ou un elemento da natureza.

Porén, dedicamos este tempo para que cadaquén puidera atopar a súa pedra paisaxe. Posteriormente, foron colocadas, segundo o estilo tradicional nunhas bandexas con area, para semellar mellor a súa contorna natural e puxéronselle títulos ao igual que fan nas exposicións. Logo, cada neno e nena explicoulle ao resto do grupo o que podía imaxinar/recordar cando miraba para a súa pedra. Nalgúns casos había coincidencia de mirada e noutras daban outras visións. Agora xa están colocadas no noso recanto oriental, xunto cos bonsais.

En calquera caso, pareceunos un sinxelo e rico exercicio de creatividade e de coñecemento doutras culturas.

Nós, entendemos o traballo coa arte na escola como unha maneira de fornecer a sensibilidade, o gusto estético, a comprensión da cultura, e de formalos como persoas que deben comprender códigos sociais propios ou alleos. Sempre nos interesan máis as posibilidades de desenvolvemento do sentido estético e as creativas/comunicativas/expresivas ca outras que parecen poñer o acento na vida e obra dun recoñecido artista.

Ver presentación.

Suiseki

Homenaxe ao dente caído

En CativArte o 12/03/2012 ás 07:54

Hai pouco comentamos que dado que ao noso alumnado xa lle empezaran a caer os primeiros dentes, a cada un, agasallariámolo cunha versión distinta do conto do Rato Pérez. Pero isto xa desbordou todas as nosas previsións, xa non temos tantos libros, polo que agora decidimos facer unha “escultura” homenaxe ao dente caído.

Unha pedra simbolizará cada dente; nela anotarán nome e número de peza dental, así como nun histórico, formado por unha ficha individual na que cadaquén anota as pezas caídas, sinálaas nun esquema no que figuran os seu nomes e número, así como as circunstancias “da perda”.

Polo de agora, salvo casos de accidente, parece confirmase que as pezas dentais que antes caen son as que primeiro apareceron, a 24 e a 25.

Ver presentación.

Dentes caídos

Bonsais na clase I

En CativArte,EncienciArte o 03/03/2012 ás 09:46
bonsais

Un alumno díxonos que o seu pai facía bonsais, polo que tivemos que explicar en que consistía esta técnica milenaria e ensinar fotografías destes “árbores en maceta”. Espertou tanto interese que invitamos aos pais a vir á clase.
Chegaron con catro exemplares, unha oliveira, un arce, un ficus e un pino, que marabillaron aos rapaces, e así foron contándonos como se facían, que se pretendía, como o lograban, os coidados que requirían, e toda a paciente labor que había detrás destas fermosas árbores.
Tamén trouxeron un pequeno arbusto, unha pyracantha, para tratalo e convertelo en bonsai. Así, mediante explicacións, primeiro no encerado, foron amosándonos todos os pasos a dar, as ferramentas que se empregan para tan delicadas operacións, as partes da planta, o que máis se valora nos bonsais, ensináronnos algunhas palabras que proceden do xaponés, as diferentes formas clásicas que poden adoptar, a idade que poden acadar, etc. Sorprendeunos a labor de poda de raíces para lograr a simetría entre a copa e a raíz (de tal xeito que cada vez que a unha árbore lle sae unha raíz, tamén lle sae unha rama), a forma na que a agarran á maceta para así posibilitar que se vexa o nebari, a maneira de aramalo para darlle a forma desexada, e algúns elementos cos que decoran o bonsai, dándolle tamén importancia á maceta, ou a adobíos como un pequeno monxe e un templo oculto no entrabado de raíches. Deixáronlle tocar aos nenos os diferentes tipos de terra que empregan, para reter ou drenar auga, o pomice (pequenas pedras pómez que se colocan no fondo da maceta) e a akadama (terra volcánica que indica a necesidade de auga). E sobre todo, déronnos unha lección de amor pola natureza, do valor da paciencia, e de didáctica. Ver presentación.
Perante a tópica pregunta que lles fixemos algunhas compañeiras sobre se non o consideraban unha forma de “torturar” as plantas, cernando, modificando, podando…, a resposta deixounos sen palabras, seica non o consideraban moi diferente do que nós facíamos co noso alumnado mediante a educación, que non é outra cousa que manter intacta a súa estrutura natural, pero liberada de todo aquilo que o eiva, sacando á luz toda a súa beleza e potencialidades empregando grandes doses de paciencia, constancia e cariño. Para pensar.
En agradecemento, nos días seguintes, os nenos fixéronlle un debuxo dos bonsais que nos trouxeron inspirándose en representacións artísticas clásicas no arte xaponés. Ver presentación.

Debuxos_bonsai

ElettrizzARTE

En CativArte o 13/02/2012 ás 17:22

Ás veces vemos unha imaxe que xa nos fai desexar poñer en práctica a idea. Isto é o que nos acaba de acontecer á vista das fotografías do taller que se realizou no Museo Peggy Guggenheim con motivo do Carnevale Internazionale de ragazi-La Biennale de Venezia.

Un elemento de refugallo, as lámpadas, que dan moitas posibilidades de reciclaxe artística. Mañá mesmo pedirémoslle ás familias que nolas envíen.

Para as seguidoras das tradicións, pensade na orixinalidade destes ovos de Pascua; non precisamos máis ca lámpadas fundidas e laca de bombillas.

Pork Art

En CativArte o 07/02/2012 ás 08:03


Lalín Pork Art
é unha mostra artística ao estilo da Cow Parade –á que xa lle dedicamos unha entrada neste blog- na que salientando o papel do porco na cultura galega, podemos ver as distintas intervencións plásticas, as distintas miradas ás que dá lugar.

Temos moito interese en amosarlle ao noso alumnado que non hai unha visión única e unívoca das cousas, senón que hai moitas posibles, e estas actuacións permítennos ver como, partindo dun mesmo obxecto, unha escultura dun porco, se pode chegar a moi diferentes intervencións, interpretacións e reaccións do espectador. Ver imaxes.

Tratando de explicarlle ao noso alumnado a orixe desta exposición, decatámonos do gran descoñecemento que teñen sobre a utilidade e consumo do porco, non reparando na presenza da súa carne en cantidade de produtos de consumo habitual.

Rematamos cunha realización persoal, cadaquén fixo un deseño dunha nova figura para o PorkArt. Ver presentación.

porkart

Tecendo un novo ano

En CativArte o 10/01/2012 ás 07:40

Xa de volta nas aulas co rebumbio dos xoguetes, coas ganas de contar, co interese por vérmonos de novo. Para nós coas boas intencións –coma sempre- de non deixarnos arrastrar pola vertixe do calendario escolar, das presións, das “romarías”, das ducias de benpensadas propostas que xorden dos distintos equipos pero que todas xuntas fan perder o fío do traballo na aula… Mantemos o firme propósito de deixar que sexan os rapaces os que nos marquen o ritmo e non ao revés como acaba sucedendo sempre…

Non se nos ocorreu mellor forma de empezar que amosándolle estas singulares intervencións artísticas de Guerrilla Crochet, un grupo que suaviza, dulcifica, dá calor e color ata as figuras máis duras.

Nós, ao igual ca eles, iremos tecendo con calor e color as nosas vivencias escolares deste novo ano.

Peche por vacacións

En CativArte o 22/12/2011 ás 08:03

Sphères de granit / Naoshima

Ao igual que ao noso alumnado, coa entrada do solsticio de invierno, darémoslle vacacións ao blog.

Desexámoslle a todas as persoas que nos seguen unha boa entrada de ano e un merecido descanso.

A quen se achegue por primeira vez a este espazo, recomendámoslle a visita por categorías (parte inferior dereita), por etiquetas (inferior central) ou por datas (inferior esquerda), para así poder coñecer as máis de 600 entradas que hai na actualidade.

Como despedida de ano dúas obras que nos subxugan do minimalista Walter de María coñecido polas súas instalacións de Land Art, cunha mensaxe implícita, para nós, transferible á escola. Esferas de granito na illa de Naoshima, para as que o autodidacta Tadao Ando adaptou os seus deseños arquitectónicos nunha conxunción case mística que esperta os sentidos. A complexidade da simplicidade absoluta, a procura do primixenio carente do superfluo, todo ilo plasmado nunha materia primitiva ao tempo que sofisticada. En O visto/ o oculto – o coñecido/o descoñecido, e O tempo/o eterno/o non tempo evidénciase unha ausencia total do artificioso nunha intervención que saca á luz a máxima belleza e esplendor dun material elemental. Unha metáfora que se pode facer extensiva a todo, ou tan só gozar coa súa visión.

The Chamber

Adornos de Nadal

En CativArte o 09/12/2011 ás 07:41

Estamos totalmente inmersas na ambientación do centro de cara ao Nadal. A consigna: ten que ser elaborada polos nenos e nenas con material de refugallo. Botellas plásticas de leite, botes de iogur, lanas de cores, telas, discos, botóns, etc, serán a materia prima destes adobíos. Pero non basta con facelos, hai que ir máis alá, facéndoos conscientes da importancia deses pequenos acenos que axudan a ser máis respectuosos co medio natural, máis responsables no consumo, sen que isto teña que ir en detrimento dunha estética agradable e coidada.

Velaquí algunhas das primeiras producións cos CDs que servirán tanto para a árbore como para encher os corredores de escintileos; ou as  grilandas feitas con botellas de leite, blondas de papel, estrelas e flores de vasos/botes de iogur.

Calendario de conta-atrás

En CativArte o 01/12/2011 ás 07:43

Advent Calendar 2010

Chegado o mes de decembro non queda máis que iniciar a conta atrás, cadaquén para o que considere: para as vacacións, para o día de Nadal, para o día 24…  A máis da ilusión que isto lle fai aos nenos/as, están as posibilidades de aproveitamento didáctico.

Noutros países, a elaboración de calendarios de Advento, é unha tradición bastante estendida, porén podemos atopar infinidade de modelos que pasan mesmo polo calendario virtual, como este que fixemos coas fotografías do alumnado.

Ou este uotro con sinxelos sobres que gardan unha sorpresa distinta de bombóns ou lambetadas: dentro de cada un deles está a fotografía dun dos nenos ou nenas cun encargo (bailar un rock, cantar unha canción, abrazar a os seus, saltar coma un canguro, etc).

Ver modelos.

Matchbox Advent CalendarAdvent calendar.advent calendarBaby Food Jar Advent Calendar

Advent CalendarAdvent Calendar 2007Envelope Advent Calendar (Aussie)Pastel Advent CalendarFavor Box Advent Calendar

Follas enriquecidas

En CativArte o 28/11/2011 ás 16:37

Xa case non quedan follas nas árbores, porén esta será unha das últimas intervencións outonais. Collemos a idea de Mirades.

Últimas follas

Monicreques de pau

En CativArte o 25/11/2011 ás 07:37
De Collages

Monicreques de pau

Seguimos co noso obxectivo de incidir máis no xogo dramático, porén, nesta semana elaboramos monicreques de pau e agora facemos representacións  con eles.

O luns trouxeron os elementos cos que crear: botóns, retrincos de tela, novelos de lá de cores, etc. que cadaquén foi seleccionando para así compoñer o seu monicreque. Se ben facelos foi doado, expresarse a través deles cústalles máis; temos que exercitar os diálogos e a posta en escena.

titeres_pau

Ver presentación de diapositivas

Arte nas follas

En CativArte o 25/11/2011 ás 07:37

Para amosarlle ao alumnado un soporte artístico distinto, unha maneira diferente de creación artística a partir da beleza das follas e outra forma de ver a arte.

Descubrimos o blog Naturayarte no que Lorenzo Durán recolle o seu proxecto artístico no que emprega elementos da natureza que lle serven para completar a súa idea do que considera arte.

Monicreques de dedo de plastilina

En CativArte o 16/11/2011 ás 16:04

Días atrás manifestamos a nosa intención de insistir máis no xogo dramático, polo que empezamos a elaborar e empregar monicreques con material de refugallo.

Nesta ocasión, comezamos polos de dedo, seguiremos cos de vara e de seguido cos de luva.

web Titirinet agrupa a compañías de teatro de monicreques, e nalgúns casos organizan obradoiros de elaboración de personaxes, dos que se poden coller boas ideas.

Manchas de cor

En CativArte o 16/11/2011 ás 16:00

Quedamos engaioladas cunha obra de Günther Förg exposta no vestíbulo da Fundación Barrié na Coruña, polo suxestivo uso da cor e polo texto co que se acompaña, no que o autor di: “ Para min, a arte abstracta hoxe é o que se ve e nada máis.”

Probamos a amosárllela ao noso alumnado, sen máis explicación, sen pedir nada a cambio, logo tan só lles deixamos actuar sobre o papel. Sen preguntas, sen correccións, sen máis…

Hoxe, preparando as latas para a plantación dos bulbos decatáronse de que fixeran unha composición de manchas como a de Förg, polo que lles deixamos xogar a facer variacións sobre a mesma.

Ver presentación de imaxes.

Günter Förg

Composicións con follas e froitos outonais

En CativArte o 15/11/2011 ás 23:10

Composicións con follas e froitos do outono.

Ver presentación.

Composición outonal 2011

Homenaxe a Ramón Conde: “A nai e o fillo da Paz”

En CativArte o 09/11/2011 ás 17:50

Na mañá despois da visita ao taller de Ramón Conde todo son comentarios sobre o que máis lles gustou e o que menos; case todos coinciden en que o traballo co barro foi un éxito; hai quen pregunta se pode levar aos seus pais de visita; hai quen pide que fixemos xa unha data para ir a pintar; e tamén hai quen apunta que debemos facer unha tarxeta de agradecemento. Gran debate sobre o formato. Coincidencia en que debemos dar as grazas polo ben que nos recibiu, polo ben que o pasaron, por darlles barro, por deixarlles tocar as esculturas, por facerlle a escultura de “A nai e o fillo da Paz” (xa lle quedou ese título), ata que finalmente se acorda facer unha reprodución da escultura, para enviarlle fotografías (e así non ter que desfacerse das obras, o sentido da propiedade…) xunto coas palabras de agradecemento.

Este collage será a imaxe da tarxeta.

De

Ver galería.

No taller de Ramón Conde

En CativArte o 09/11/2011 ás 08:00

Cando chegan pola mañá, vese que estiveron vendo cos seus pais a información no blog de aula, porque xa veñen con máis preguntas tanto sobre a vida do escultor coma da súa obra. Queren saber cando empezou a esculpir, por que, en que pensa cando esculpe, se facía deseños previos… A algunhas atopámoslle a resposta  na súa biografía, outras deixámolas para el.

Iníciase a camiñada plano en man. Imos comprobando todo o que vimos no percorrido virtual. Chegada en 17 minutos a paso rápido (non todo que se di na rede é certo).

A recepción e acollida que nos fixeron Ramón Conde e as súas colaboradoras non pode ser máis entusiasta. Accedemos á nave industrial case reverencialmente, ao tempo que tratan a Ramón coma se fose un  coñecido. Bombardeo de preguntas, todos/as queren saber. El escóitaos, sorrí, nótase sorprendido polo coñecemento que estes cativos teñen sobre a súa vida e a súa obra. Para explicarlles como inicia as súas obras, como as pensa, como as deseña, colle un gran taco de plastilina e comeza a modelar unha figura. Bótanlle en cara que sempre as fai calvas, por iso ponlle melena; vaina colocando en distintas posicións ata que entre todos acordan cal será a definitiva; engádelle unha pomba nun brazo que ten estendido cara o ceo. Os nenos/as apuntan que se trata dun home pedindo a Paz. Como volven a insistir na idea de que non fai mulleres ou nais, engade unha segunda figura feminina (a nai) sobre a que apoia a outra man. Deseguido ofrécelles a posibilidade de completala. Hai quen quere facerlle o pico á pomba, xa que non ten; hai quen quere tapar unha greta que ten no lombo; hai quen quere poñerlle máis musculatura nos xemelgos; hai quen pensa que na base da escultura debe poñer herba e flores…

Mentres van pasando todos/as a intervir sobre a escultura de plastilina, Ramón e a súa axudante Chus están atarefados preparando unha gran mesa cuberta de follas de xornais; danlle un anaco de barro a cada neno/a e déixanos facer. Así pasan un bo anaco gozando do que fan. Algún pregúntalle se amasa a man todo barro que precisaría para unha das súas xigantescas esculturas, e entón amósalles unha amasadora, que coma unha churreira industrial, saca rolos de barro amasado tras presionar cunha palanca. Anímanos a probar.

Ao tempo, outros nenos e nenas móvense con total liberdade polo taller ateigado de esculturas de todos os tamaños.

Chega o momento da despedida, convídannos a volver a pintar as esculturas feitas por eles cando sequen. Os nenos tamén o convidan a visitarnos no centro. Fotografía de grupo de volta para o centro; satisfeitos, excitados e ledos.

Ramón Conde coa súa humildade, coa súa ausencia de discursos grandilocuentes sobre a arte, coa súa cercanía, deunos unha lección maxistral sobre como achegar os nenos e nenas á arte. Non se trata de explicarlles técnicas, nin de atordalos con palabrería superflua, nin de poñerlle títulos ás obras, nin de pedirlles explicación do que fan…, do que se trata é de que as criaturas gocen e saquen o que eles xa teñen dentro. Que fagan aflorar a súa creatividade. Tan só que gocen manipulando, facendo, expresando… A máis de ser un grande artista é unha persoa que transmite amor pola arte.

Como colofón os nenos/as concluíron que os rostros anoxados das esculturas non teñen nada que ver coa serenidade, simpatía, alegre faciana e actitude do seu autor.

Grazas  a Ramón Conde pola experiencia inesquecible que vivimos no seu taller.

Ver galería de imaxes.

ramón conde

Visita ao taller de Ramón Conde: preparativos

En CativArte o 09/11/2011 ás 07:59

Hoxe tivemos a oportunidade de visitar o taller do reputado escultor ourensán, Ramón Conde. Cando soubemos que tiña o seu lugar de traballo no Milladoiro contactamos con el, e moi amablemente convidounos a coñecelo. Desafortunadamente as inclemencias climatolóxicas fixeron que adiáramos a visita en varias ocasións.

Onte por fin, trala consulta da previsión meteorolóxica en MeteoGalicia, malia que anunciaba ceos anubrados, decidimos arriscarnos e iniciar preparativos.

Coñecemos súa imaxe para ser quen de recoñecelo cando chegáramos alí, a súa biografía e a súa obra. Conta cun web moi completo e actualizado. Todos/as entenderon o referente de que é o autor da escultura do home gordo de Área central. Trala observación dos seus “Homes montaña”, “Miradas” ou “Paternidades”, xorden as primeiras preguntas: por que fai as figuras tan excesivamente gordas?, nunca esculpe a figura da muller?, por que todos teñen a cara tan anoxada?, fainos a todos calvos porque el é calvo? Esperamos que el lle dea resposta a estas e outras cuestións.

Por outra banda, faise precisa a preparación do traxecto a percorrer. En Google Maps situamos o centro e máis o enderezo do taller. Soubemos que tan só nos separan 600 m., que en coche tardariamos 2 minutos e a pé 7. Estimamos que a nós nos levaría algo máis, polo que decidimos cronometrar. Fixemos os cálculos para saber a hora de saída para estar alí á hora acordada, 12:00. Poñendo o mapa en vista satélite analizamos a dificultade do traxecto: rotondas, pasos de peóns, pendentes, referencias (pasaremos pola rotonda onde está a Mosca de ferro)…, as rúas que atravesaríamos (curiosidade: todas con nomes de árbores en con esas árbores nas beirarrúas ou nas rotondas). A máis de poñer a información dispoñible para as familias no blog de aula, preparase unha nota informativa á que se axunta o plano, e outras cuestións como a indumentaria e calzado recomendable, ou mesmo o tipo de almorzo aconsellable para tomar enerxía dabondo para o percorrido.

Todo se prepara coidadosamente, conscientes de que viviremos unha oportunidade inesquecible.


Monte queimado e cortado

En CativArte,EncienciArte o 21/10/2011 ás 07:15

O noso alumnado, malia ser pequeno, saben do que pasa no mundo, ven a televisión e escoitan as noticias. Neste momento saben que se están queimado moitos dos nosos montes. E esta é a súa representación simbólica desta perda.

A dicir verdade, non é que empezáramos por aí. Hai uns días levámoslle á clase un toro dun pino para que puideran apreciar os aneis anuais de medra dunha árbore. A partir diso, tras a observación detallada da información contida neses círculos concéntricos –anos de bonanza, anos de seca, cicatrices e outras marcas da vida…- fixemos gravados con cera branda e calcos con papel carbón.

Finalmente, acordamos facer unha exposición con todas esas producións. Pegámolas sobre papel kraft e alguén dixo que era un bosque, o que foi completado por outro neno con bosque queimado e cortado. Unha abstracción.

Mandalas: creatividade, xeometría e relaxación

En CativArte o 17/10/2011 ás 07:59

Esta calor a destempo non nos está favorecendo moito na escola, os rapaces/as están igual de inquedos que a finais de curso. Porén de cando en vez temos que recorrer a técnicas e actividades de relaxación. O deseño e coloreado de mandalas, para nós, sempre sorte efecto.
Malia que hai moitas páxinas na rede das que se poden descargar mandalas para colorear, preferimos que sexan eles os que as deseñen, empregando todo tipo de material para trazar círculos concéntricos (botes, latas, bloques lóxicos, pratos, cuncas, etc). Unha actividade que favorece a creatividade e a concentración a máis da relaxación.
Sempre proxectamos imaxes inspiradoras ou músicas acordes, como poden ser as de Kítaro. Nalgunha ocasión témoslle amosado como realizan os mandalas nalgunhas comunidades.
Ás veces tamén deseñan mandalas no chan do patio, para ilo contan con maxi- xices e ensinámoslles a trazar círculos cun cordel e un xiz.

A sala dos espellos

En CativArte o 07/10/2011 ás 06:51

Vimos de organizar un novo espazo na aula, unha zona chea de espellos, grandes, pequenos, ovalados, redondos, cadrados, de aumento…

Polo de agora tan só están aí. Non diriximos nada. Deixamos que fagan, que xoguen, que descubran, que desfruten, que vexan o que reflicte, o que sucede cando lle dá a luz…

Cremos que nos poden brindar moitas posibilidades de aprendizaxe. Xa contaremos.

Recortar e pegar

En CativArte o 26/09/2011 ás 07:11

Recortar, pregar, picar ou pegar son actividades deostadas nas escolas actuais, xa que logo parece que remiten a un tempo pasado. Para nós, facilitan a adquisición de habilidades que precisan da coordinación e dunha determinada precisión, porén realizámolas dándolle un uso diferente do habitual.

Nesta ocasión, inspirándonos nas obras do vigués Din Matamoro, este foi o destino final das tarefas, a primeira obra colectiva do curso, un collage con movemento. Coma el, expresámonos plásticamente coas tesoiras, construimos con retrincos da memoria, reutilizando papeis de distintas texturas e distintas gramaxes.

Os pintores de xirasoles

En CativArte o 05/05/2011 ás 14:01

Hai moitos, moitos anos -máis de cen-, na cidade de París coñecéronse dous pintores. Un chamábase Van Gogh, -en realidade os seu nome era Vicent- e outro Paul, Pau Gauguin.

A Paul gustábanlle moito os xirasoles que pintaba Vicent, polo que lle propuxo un cambio, daríalle un cadro seu por un de dous xirasoles. Era un bo trato. Fixéronse amigos e Vicent invitou á Paul á súa casa amarela no pobo de Arlés.

A Vicent gustábanlle moito os xirasoles, o sol, as estrelas, a herba seca, a luz do verán e maila cor amarela polo que preparou para o seu amigo unha habitación amarela, cunha mesa amarela, cun floreiro amarelo con un ramo de xirasoles amarelos e chea de cadros de… XIRASOLES.  Como podedes supoñer a habitación de Vicent era de cor… AZUL!.

Moi agradecido, Paul retratou a Vicent pintando… XIRASOLES case vermellos, porque a el gustáballe o vermello.

Cando se separaron, Vicent seguiu pintando as súas flores favoritas, pero agora ramos moito máis grandes, de doce ou quince xirasoles.

Paul marchou lonxe, moi lonxe, ás illas da Polinesia, e desde alí pediu que lle mandasen sementes de xirasol; cando estas floreceron pintou tamén catro cadros de xirasoles. Flores cortadas de xirasol.

É así polo que os xirasoles nos recordan a amizade que mantiveron os dous pintores Vicent Van Gogh e Paul Gauguin.

Aínda que é unha versión libre da verdadeira historia, así llelo contamos ao noso alumnado para que coñecesen o que hai detrás dalgunha das obras de arte que lle amosamos.

Sabemos que non se esquecerán das pinturas de xirasoles.

Como remate, un traballo colectivo, da obra de Van Gogh e que titularon “Leira de xirasoles” no que cadaquén representou o xirasol como quixo.

As moscas de Eduardo Arroyo

En CativArte o 02/05/2011 ás 19:00

This slideshow requires JavaScript.

Tralo descubrimento da escultura da mosca preto do noso centro, quixemos amosarlle ao noso alumnado a obra do creador plástico multidisciplinar Eduardo Arroyo; entre outras, algunha das pezas a exposición de “De  moscas y unicornios” e outras que tan só se exhiben na súa casa leonesa e que teñen como protagonistas as moscas.

Deseguido realizaron as súas propias producións escultóricas con material de refugallo e unha exposición da obra.


A mosca de ferro

En AlfabetizArte,CativArte o 29/04/2011 ás 00:00

This slideshow requires JavaScript.


Continuando co traballo da orientación na propia localidade, coñecendo enderezos, vecindario, rúas, edificios e singularidades, hoxe propuxémoslle unha misión segreda. Non terían máis datos que un plano que deberían copiar, entendendo os símbolos para logo orientarse cos seus pais/nais, e máis unhas pistas.

Tiveron que descubrir que hai no xardín dunha rotonda cercana ao colexio. Trátase da escultura dunha mosca realizada polo alumnado dun curso de soldadura dunha empresa do polígono industrial no que nos atopamos.

Non cremos que sexa necesario recoller aquí as competencias, obxectivos e contidos que se traballan nesta actividade que resultou tan motivadora para o alumnado e mesmo para as súas familias, e que van desde a alfabetización icónica ata a valoración das obras artísticas, pasando polo coñecemento e orientación no contorno próximo.

Agora tan só nos queda discernir si se trata dunha mosca ou dun mosquito, porque hai discrepancia nos “detectives”. Farase preciso coñecer as características dunhas e doutros.

40 retratos de nais

En CativArte o 28/04/2011 ás 21:00

Como eran as nais de Picasso, Frida Kahlo, Touluse-Lautrec, Van Gogh e Rembrant; servíronlle de inspiración aos seus fillos?

No libro “40 grandes artistas retratan a sus madres” de Juliet Heslewood na editorial Blume recompilan os retratos das nais de grandes mestres da pintura.

En “Pel con pel” da editorial Galaxia e Fedelgama preséntanse 40 suxestivas fotografías de nais aleitando aos seus fillos/as acompañadas dos textos de recoñecidos escritores e escritoras galegas coma Francisco Castro, Marta Dacosta ou Dolores Tembrás.

A lectura e a escrita na arte

En CativArte o 15/04/2011 ás 00:00

A  nosa compañeira Mercedes Zas, autora do blog Comfy Slippers dedicado principalmente ao ensino do inglés en educación infantil, vén de realizar dúas fermosas presentacións con motivo da conmemoración do Día do Libro. Escolmou obras pictóricas de diferentes épocas e estilos nas que se representaran escenas ou momentos de lectura e de escrita.

Nun exercicio de imaxinación tentaremos adiviñar que é o que le ou escribe cada un dos personaxes. Pode dar  moito xogo; hai que atender aos detalles, a forma na que le, a postura adoptada, a concentración na tarefa, a intimidade da escena, e outras moitas pistas, que nos axudarán a comprender que a lectura ou a escrita poden ser un traballo, unha distracción, unha evasión…

O retrato

En CativArte o 02/04/2011 ás 09:02

Na aula de tres anos andamos enleados cos retratos; xa se retrataron de moitas maneiras distintas, con variadas técnicas e por diferentes motivos, a eles mesmos ou aos outros, pero agora inspirándonos na obra de Hanoch Piven, queremos facelo empregando obxectos cotiás, como fai este artista, coñecido polas súas atípicas representacións de personaxes famosos como Woody Allen, Fidel Casto, Albert Einstein, Homer Simpson ou Bob Geldoff, nas que plasma tanto aspectos físicos coma psicolóxicos.

No seu blog, pódese ver unha galería de retratos, así como unha sección onde recolle representacións feitas por nenos e nenas.

Lemos en Las TIC en Plástica, que recentemente elaborou unha divertida aplicación Faces iMake, que permite realizar os retratos no ordenador.

Decoración primaveral

En CativArte o 22/03/2011 ás 00:00

Como inspiración de posibles decoracións primaverais recomendamos a visita ao web de Zoe Bradley, artista do traballo co papel que realiza extraordinarias montaxes de escaparates.

A primavera na pintura

En CativArte o 20/03/2011 ás 21:02

Ás 23:21 de hoxe, 20 de marzo entra a primavera; con tal motivo, desde hai tempo tíñamos reservada a información sobre a exposición que tivo lugar no Museo Thyssen, “Jardines impresionistas”, malia que xa rematou, a visita na web aos distintos eixos sobre os que se organizou permite o visionado de obras senlleiras de xardíns ou de flores: os Precursores, o xardín como ámbito socialxardín decorativo, o xardín produtivo, as primeiras vangardas. Pódese ver parte da exposición no vídeo.

Con todo, sempre tentamos amosarlle ao noso alumnado obras de artistas galegos, malia que é case imposible acceder á súa imaxe na rede –por moito que se diga, a cultura segue sen estar ao alcance de todo o mundo-; velaí a nosa escolma:

“Ameixeiras de Ventosela” (1992), “Cerdeira” (1992), “Mimosa” (1980) e “Mimosas” (1980) de Xavier Pousa; “Carta desde Alemaña” (1964) de Virxilio; “Floreiro” (1961), “Árbores en flor”, “Paisaxe” (1963) de Colmeiro; “Cardos” (1986) e “Flores” (1986) de Prego; “Floreiro” de Mª Antonia Dans; “Flores” (1875) de Cancela del Río; “Xornal rosa” (1999) e “Eidos do neno” (1999) de Quintana Martelo; “Rolda de nenos” de Castelao.

Como inicio de primavera, o noso alumnado levará para a casa as margaridas plantadas a comezo de mes, tras representalas plásticamente.

Enderezos

En CativArte o 18/03/2011 ás 00:01

Que os nenos e nenas de catro anos se lembren do seu enderezo non é asunto doado; nós estamos a piques de conseguilo. Seguimos dándolle voltas ao proxecto EncaixArte nesta ocasión tralo visionado do traballo da creadora Ana Serrano, pensamos en construír o poboado. Coa axuda da súa familia decoraron unha caixa de cartón a modo de casa, na que necesariamente nun lugar ben visible debía figurar o enderezo. Agora xogan a construír o poboado como queren, cadaquén modifica ao seu gusto. De paso, coa axuda de “Unha chea de familias” de Xosé A. Neira Cruz,  aproveitamos para falar de conceptos como o vecindario, a cercanía, as rúas, pisos, etc.

Algunhas construccións fannos recordar o libro “Bailar nas nubes” de Vanina Starkoff  en Kalandraka.

Barcos de papel

En CativArte o 15/03/2011 ás 00:00

Infancia, regueiros da choiva e barcos de papel constitúen unha combinación máxica, desas que perduran nos recordos ao longo dos anos. Porén, quixemos dedicarlle o seu tempo á construción de barcos. Nalgunha que outra ocasión temos falado do traballo que realizamos co pregado de papel, origami e do seu aproveitamento didáctico, máis alá do mero entretemento: figuras xeométricas, conceptos de medida, tamaños, a flotación, etc.

A modo de inspiración, recorremos ao blog Paper Boats, dunha organización que realiza exhibicións con estes trebellos infantís comúns a case todas as culturas.

Máis elaborada, é a proposta de arte comunitario que nos brinda Javier Abad, realizada na madrileña escola infantil “Barco de Papel”, na que co pretexto de ambientar e conferirlle carácter aos espazos comúns do centro, constrúen barcos de papel con documentos significativos da identidade dos nenos e nenas.

Arte fresco

En CativArte o 14/02/2011 ás 14:01

Recentemente expuxéronse en París máis de 200 debuxos do inglés David Hockney –polo que sempre tivemos debilidade- feitos sobre iPhone e iPad. A meirande parte deles son “Flores frescas”, que o artista debuxa cada día para enviar as súas amizades e que posteriormente foi modificando durante o tempo que durou a exposición.

Hockney crea  os debuxos directamente cos dedos sobre a pantalla, modificando tintas de cores e superpoñendo diferentes trazos de distintos tamaños e grosores. Neste vídeo podemos ver algunhas das obras expostas.

Este artista do Pop Art, soubo ir adiantándose a todos os tempos; no vídeo “Painting with the light” podemos ver como alá polos oitenta empezou a crear arte dixital. A través do seu web podemos facer un seguimento da evolución do artista, desde as súas piscinas, ata a actualidade.

Amosamos tamén dous vídeos do proceso de creación artística en iPad de  Simon Bull, flores e xirasois.

Un novo concepto de arte efémero e da forma de compartilo. Poida que haxa que ir amosándolle ao alumnado estas novas formas de arte dixital, máis achegado á súa realidade ca outras moitas magnas obras do pasado.

Mimosas e mimosos

En CativArte,EncienciArte o 11/02/2011 ás 15:00

Esta semana dedicámonos a coñecer as mimosas, o “sol de inverno” como se lles coñece a esas fermosas flores que neste momento, xunto cos toxos, douran os nosos montes . Descubrimos que se chaman así, por esa peculiaridade das sensitivas de reaccionar ao tacto; outros significados e sinónimos da palabra aplicados ás persoas; as sensacións que nos producen á vista, ao olfato, ao tacto…; comparámola con esas outras flores tamén amarelas e desta época coa que non comparten as mesmas sensacións; e aprendemos algún que outro dito que as relaciona co Entroido.

Posteriormente reproducímolas empregando distintas técnicas, apreciando a súa gama de cor –mesmo dentro do amarelo-; fixemos as cartas de cor empregando Colour Hounter; e realizamos gravados tanto con pintura como con arxila branca. Como remate, un xogo de adiviñas, descubrindo que mimoso se esconde detrás das mimosas.

Google Art Project

En CativArte o 11/02/2011 ás 14:59

Google Art Project permítenos explorar máis de 1.000 obras de 400 artistas diseminadas en 17 das galerías de arte máis importantes do mundo. Entre elas The Metropolitan Museum of Art and MoMA en Nova York, The State Hermitage Museum,  Tate Britain& The National Gallery en Londres, o Museo Reina Sofía en Madrid, a Uffizi Gallery en Florencia o do Van Gogh Museum en Amsterdam.

Reciclando na escola

En CativArte o 09/02/2011 ás 20:52

En más dunha ocasión temos falado da importancia do que trasmitimos cos xestos e hábitos escolares relacionados co consumo.

Atopamos un blog, “Reciclando en la escuela”,  dunha mestra dunha escola rural, que imparte educación artística a nenos de 3 a 7 anos, amosándolles como desenvolver a súa creatividade e imaxinación a partir dos materiais de refugallo, -aos que lle sacan o seu proveito ata o imposible, algún obxectos teñen 2 ou 3 vidas-.

Preto de 100 experiencias de aula organizadas polos materiais empregados: botellas de plástico, caixas de cartón, pedras, ramas…

Unha auténtica delicia e exemplo de traballo responsable coa sostibilidade.

A maxia das cores

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:30

 Coñecemos “La magia de los colores” de Pedro Palao Pons publicado na editorial Libros Cúpula; un libro cuxo obxectivo é o de xogar coas cores, atendendo a que a maxia das cores existe porque, a través delas, podemos transmitir emocións, xerar interactividade nos demais e mesmo provocar sutís alteracións emocionais. Aspectos, todos eles interesantes, a ter en conta tanto na aula coma co alumnado.

Nesta entrevista podemos escoitar ao autor mentres nos conta como as cores que vemos ao longo do día inclinan en certa forma as nosas accións, interactúan no noso estado de ánimo ao tempo que exercen unha certa influenza no inconsciente.

El libro negro de los colores

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:30

Nalgunha outra entrada temos falado das sinestesias, e da importancia de exercitar co alumnado que un estímulo sensorial poida provocar sensacións doutro tipo distinto. Nesta ocasión ímonos centrar nas sensacións que nos poden producir as cores. Para ilo empregamos “El libro negro de los colores” de Menena Cottin e Rosana Faría publicado en ZR.

“Tomás non pode ver as cores. Estas son para el miles de sabores, olores, sons e emocións. Desde a escuridade dos seus ollos, Tomás convídanos a descubrir as cores sen velas.”

“Di Tomás que o azul é a cor do ceo cando o sol quenta a súa cabeza.”

“E o negro é o rei das cores. É suave como a seda cando a súa nai o abraza e o arroupa coa súa cabeleira.”

“El di que a cor verde recende a herba acabada de cortar e sabe a xeado de limón.”

Cartas de cor

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:29

Gústanos ter na aula cartas de cor das que empregan os profesionais da pintura. É un xeito de que os nenos descubran que hai moitos azuis, que non todos os vermellos son iguais, que dentro dos amarelos hai grandes variacións…

Así mesmo, cando facemos mesturas, con calquera produto, elaboramos unha paleta de cor degradando ou engadindo cada vez máis. Logo tratamos de poñerlle nome a todas as cores resultantes.

Velaí unha completa carta de cor que se pode imprimir para dispor dela cando se precise.

Paletas de cores

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:29

É bastante habitual que se lles pida aos nenos e nenas que coloreen unha imaxe, pero poucas veces se lle pide que observen as cores que integran esa imaxe.

Nalgunha ocasión, nós, facilitámoslles as cartas de cor e pedímoslle a modo de xogo que identifiquen as cores  dunha fotografía ou pintura.

A modo de exemplo facilitamos o enlace a 18 paletas de cor, elaboradas a partir de distintas imaxes de bolboretas.

Velaí, as paletas de cores realizadas na aula de 3 anos.

Cores e palabras

En CativArte o 03/02/2011 ás 00:28

A que cor asociarías a palabra tristeza?, e amor?, e futuro?…

A cor é unha ferramenta que empregan os deseñadores para comunicar sentimentos e estados de ánimo. Para elo crearon Cymbolism, un sitio web que intenta cuantificar a relación entre as cores e as palabras. Permite ir respondendo ás distintas palabras e comprobar a opinión de todos os votantes.

Preguntádelle aos nenos e nenas de que cor son os bicos.

Mirades

En CativArte o 31/01/2011 ás 00:00

Descubrimos un blog deses que cómpre coñecer, Mirades, no que a súa autora, Teresa Bardera, recolle e comparte experiencias, traballos, impresións… relacionados principalmente coa educación infantil e coa arte en xeral.

Recomendamos encarecidamente a súa visita. Velaí algúns exemplos das súas entradas:

Land Art on line

Respirar arte na escola

Bandexas ou mesas sensoriais

Cuños para estampar

Robots

Teresa  Bardera, mestra de infantil, na actualidade traballa no ICE da Universitat de Girona, e con anterioridade publicou outras experiencias relacionadas coa arte noutros espazos, como o blog:

L´Art a educació infantil

Para inspirarnos.

Formas rectangulares

En CativArte,EncienciArte o 22/01/2011 ás 09:00

En máis dunha ocasión temos comentado a nosa aversión aos bloques lóxicos, ás regretas e aos autocolantes de formas xeométricas. Ao noso modo de entender a xeometría hai que vela e descubrila no espazo, na natureza, na arquitectura, na arte… Ten que ser real ou froito dunha construción deles.

Nesta ocasión traballamos a xeometría tralo visionado dunha animación stopmotion, sobre as composicións en amarelo, vermello e azul de Piet Mondrian; as famosas abstracións xeométricas do fundador do neoplasticismo.

Con tiras e planchas de goma eva puidemos descubrir cantos rectángulos forma unha liña recta sobre a superficie, o que cambia se son dúas -variacións se son paralelas ou perpendiculares-, e se son tres…?

Retrincos de papel de cores

En CativArte o 19/01/2011 ás 15:37

 

Coñecemos a obra do ilustrador Yamauchi Kazuaki e serveunos de inspiración para moitos traballos, para moitas actividades e para algunha que outra posibilidade para o tempo de “Atención educativa”.

Gustaríanos que alguén nos dixera que é o que fai en “Atención educativa”, porque estase a ver de todo.

Velaí unha e outra mostra do que fai.

 

Bosque 3.050

En CativArte o 14/01/2011 ás 17:58

Estes días ábrese no Mosteiro de Oseira a montaxe escultórica do artista ourensán Xurxo Oro Claro -creado inicialmente para o espazo da Igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela- que representa un bosque de 35 árbores de aceiro inoxidable, formado por varias especies autóctonas de Galicia.

Á vista das fotografías da exposición decidimos engadirlle algo máis ao noso proxecto EnlatArte, que ademais nos vai moi ben para recordar que o 2011 é o Ano Internacional dos Bosques.

Enlatados con Warhol

En CativArte o 14/01/2011 ás 17:56

Como recordo de todo o que fixemos coas latas o trimestre pasado, quixemos amosarlle ao noso alumnado unha das máis emblemáticas obras e icono do artista do Pop Art, Andy Warhol, a lata de sopa Campbell -32 latas, unha por cada sabor existente naquela época- e que viran como un elemento cotiá pode ser obxecto dunha obra de arte.

Tralo cal, cada quen fixo unha versión da mesma, pero coa lata do alimento que máis lles gustaba: melocotóns, chícharos, olivas, etc. O acabado con acuarela estarcida, deulle o toque definitivo. Non é que sexamos moi partidarias de limitar o traballo coa arte á súa mera copia ou reprodución, pero neste caso, tratábase de que versionearan a idea.

Velaí as súas producións.

This slideshow requires JavaScript.

Kid´s Republic

En CativArte o 12/01/2011 ás 20:50

Para os equipos de dinamización da biblioteca escolar que andan buscando como organizar o espazo infantil, deixamos como fonte de inspiración unhas fotografías de Kid´s Republic, unha librería de Beijing (Pekin), que non se sabe ben se é unha nave espacial ou un edificio futurista; o que temos seguro é que as criaturas deben pasalo moi ben; mesmo, ata poida que lean. Paga a pena ver a galería de fotos, tomadas de día e de noite.

Artcyclopedia

En CativArte o 10/01/2011 ás 00:02

Artcyclopedia recolle artigos, biografías, obras museos e todo o relacionado coa arte –semellante á Wikipedia, pero máis modesta-; recolle referencias de máis de 8.500 artistas, 2.500 sitios sobre arte e arredor de 100.000 ligazóns. O buscador de Artcyclopedia é na actualidade a maneira máis rápida de buscar información sobre artistas plásticos e acceder ás súas obras. Dá un ranking dos artistas máis visitados, entre eles Picasso ou Van Gogh. Recolle algunhas curiosidades como esta presentación Tilt Shift da obra de Van Gogh.

 

Pequenas caixas de agasallos

En CativArte o 14/12/2010 ás 20:30

Tras ver a obra da artista e deseñadora Jacqui Symons, decidimos falar coas familias do alumnado –a través do blog de aula- e pedirlle que non tiren as caixas pequenas dos agasallos, e que á volta de vacacións nolas envíen envoltas coma se de auténticos agasallos se tratara.

En xaneiro, construiremos móbiles para o centro.

Symons traballa con outras persoas axudándolle a desenvolver a súa creatividade e confianza en hospitais, unidades de saúde mental, con grupos de mozos en risco social e cos máis pequenos. No seu web pódese ver máis do seu traballo artístico.

Gordos enormes

En CativArte o 06/12/2010 ás 09:07

Así é como definiu o noso alumnado os personaxes da obra de Fernando Botero. Desde o pasado día 18, na Rúa do Villar en Santiago de Compostela, pódese ver a súa obra “El rapto de Europa”. Pedímoslles ás familias dos nenos e nenas que se nestes días de vacacións, tiñan ocasión de estar na vila, se lembraran de amosarlle esta escultura. Na clase vimos outras esculturas, e logo pinturas. De inmediato recoñecéronas como da man do mesmo artista. O seu común tamaño desmesurado foi unha boa pista –moitas delas pesan máis que todos os nenos e nenas da nosa clase e máis da clase do lado.

Non máis. Tan só se trataba de ver unhas imaxes e de coñecer unha noticia da súa cidade. Non narracións da vida do autor -tan só nacionalidade por coincidir coa de dous nenos da clase- non baterías de preguntas… Nada, tan só ver. Habería que ver a cantas exposicións íamos os adultos se antes-durante-despois das mesmas nos someteran aos mesmos interrogatorios, charlas, reflexións e actividades didácticas ás que se somete as criaturas. E logo estráñanos que non queiran saber nada da arte; conseguímolo a pulso.

Rematamos co outono

En CativArte o 02/12/2010 ás 21:00

Á volta desta ponte xa estaremos metidas de cheo no remuíño do Nadal. A modo de peche de todo o traballo realizado arredor do outono, dos seus cambios na paisaxe, do seu clima e dos seus froitos, miramos esta imaxe da obra do artista renacentista italiano, Giuseppe Arcimboldo: “O outono”. Tratamos de localizar todos os froitos que coñecemos e que tanto xogo nos deron: as cabazas, as uvas, as castañas, os figos, as follas…, propoñemos un xogo clásico, “Vexo, vexo…”. E como non, tamén analizamos a expresión do rostro, e logo comparamos coa dos outros tres integrantes da serie das estacións ou doutras obras. É totalmente engaiolante para os nenos ver como se poden realizar retratos con elementos da natureza.

Sentindo o mar

En CativArte o 26/11/2010 ás 07:59

Unhas compañeiras da Pobra –con algunhas delas coincidimos na visita a Reggio Emilia- levan xa un tempo intentando trasladar a filosofía de traballo coa arte reggiana ás súas escolas unitarias. Para ilo contan coa colaboración dun atellierista –piar fundamental naquelas escolas do norte de Italia-; unha persoa con formación específica que saiba introducir aos nenos e nenas nos procesos de creación artística.

O curso pasado, xa expuxeran o resultado desa colaboración con Manuel Teira -obras sobre a auga-, e o pasado día 19 de novembro abriron unha nova exposición “Sentindo o mar”, neste caso asesoradas pola artista Mónica Montero, desde o seu blog La luna que se mece eternamente, pódense ver algunhas das obras realizadas, ao igual que desde o web Desde Pobra.com.

Salientan as compañeiras o dobre obxectivo que perseguían con esta mostra que estará aberta ata o día 10 de xaneiro na Casa de Cultura da Pobra:

-Por unha banda amosar o produto resultante dun proceso que se considera aínda máis importante que o produto.

-Amosarlle á veciñanza o que se fai na escola, ao igual que se facía nas escolas de Reggio, unha apertura á sociedade para acadar unha valoración do feito educativo e artístico.

Parabéns para elas e máis para quen as apoiou nesa iniciativa de introducir na escola “persoas expertas” na creación e na linguaxe artística. Un paso adiante na mellora da calidade da educación infantil e da súa valoración social.

Transformar coa arte-transformar coas palabras

En ActualizArte,CativArte o 15/11/2010 ás 21:00

Xa temos comentado que das distintas intervencións que escoitamos no curso “Leer para aprender”, ás que máis nos enriqueceron foron as de Javier Abad Molina, profesor de Educación Artística de CSEU La Salle de Madrid. A súa conferencia “Tejiendo palabras: contruir el sentido del aprendizaje a través de las artes”, foi desas que dan para pensar por moito tempo. Como aínda non dispoñemos do material deste curso, pero queremos compartir a experiencia, facilitamos o acceso a algunha das súas publicacións.

-“Palabras para mostrar la identidad de la escuela infantil

Unha experiencia que forma parte do “proxecto estético” que desenvolveron na EEI Zaleo de Madrid, transformando a entrada e a porta da escola con palabras que as criaturas asocian ao espazo escolar.

Sobre esta experiencia volveremos máis adiante. Recomendamos asemade, visitar o web da EEI Zaleo, no que se recollen distintos proxecto artísticos relacionados coas palabras ou coa ciencia.

Arte comunitario en la escuela infantil

A escola ao igual que a arte constrúe día a día o seu relato. As propostas de arte comunitario manifestan de diferentes maneiras estas narrativas.

Experiencia estética y arte de participación: juego, símbolo y celebración

Neste fala da importancia de edificar unha significativa educación estética como instrumento de integración social e intercultural.

-“Iniciativas de educación artística a través del arte contemporáneo para la escuela infantil

A súa tese de doutoramento na que estuda os valores humanos e educativos da arte contemporánea. Contempla un apartado no que se recolle o marco teórico, no segundo as narrativas e, como terceiro, experiencias de traballo coa arte contemporánea na EI. A última parte documentada graficamente ilustra experiencias como “Mi mano es un reloj de arena” ou “Un jardín, una ciudad, un mapa o un paisaje”.

Coñecer e ler a JAvier Abad, faría desterrar de moitas prácticas ese erróneo pseudotoquemoderno, que induce a pensar que “machacar” ás criaturas con obras de arte de recoñecidos e reputados artistas xa é traballar coa arte.

Cen por cen Seoane

En CativArte o 13/11/2010 ás 15:01

Visitamos a exposición “Cen por cen Seoane. 100 anos > 100 lugares”, a máis potente de todas cantas se teñen feito arredor da complexa figura deste personaxe que dominou tanto as disciplinas plásticas como as intelectuais. A dicir de Xosé Díaz, comisario da exposición e fillo de Isaac Díaz Pardo, “Seoane de ter sido catalán sería moito máis que Miró”. A súa fecunda labor abrangue a creación plástica, o deseño, a edición, a creación literaria, o xornalismo, o activismo político, a animación ou a creación de empresas culturais; como as oito patas do polbo, elemento moi recorrente na súa obra e co que Seoane se identificaba.

Organizada pola Fundación Seoane e a Fundación Caixa Galicia, a exposición está configurada en cen categorías, cifra que se fixo coincidir cos cen anos do seu nacemento. Cen lugares que conforman a poliédrica personalidade do artista e intelectual galego. Composta por 350 obras orixinais (pinturas, debuxos, gravados, carteis…), 220 documentos e 130 reproducións.

Houbo algún dos 100 lugares que mesmo nos fixo desexar estar alí co noso alumnado, -mágoa da distancia, hai moi poucos ou case ningún obxectivo pedagóxico que nos xustifique ese desprazamento coas criaturas destas idades-, mesmo sentimos envexa das escolas preto da Coruña. Tomamos nota dalgún destes lugares que considerábamos de aproveitamento didáctico e tratamos de localizar na rede as obras que os integraban. Advertimos, non son todas as que están, nin están todas as que son, pero dá para traballar a paisaxe, o mar, a figura humana, a cor, o deseño, as labores do campo.

Ás veces hai quen nos pregunta por que insistimos tanto no traballo coa arte, sempre dicimos que como manifestación e expresión humana debe ser ensinada, hai que aprenderlle ao alumnado a mirala, a valorala e a respectala. Ao mesmo tempo, cremos que, como representación da realidade, dos sentimentos ou das emocións humanas, debemos amosala en toda a súa diversidade de interpretacións e diferentes visións. Canto a por que insistimos na arte galega, non precisa explicación…

Liñas rectas

En CativArte o 12/11/2010 ás 15:00

Hai determinados elementos que de sempre estiveron desterrados das aulas de educación infantil; as regras son un exemplo disto. Malia que ben sabemos da importancia de exercitar o trazo, ao noso alumnado gústalle que cando hai que tirar unha liña recta saia recta. Na clase temos todo tipo de regras, escuadros, cartabón e plantillas de diferentes tamaños. Para que as empregamos?, pois desde o uso máis convencional, medir e comparar tamaños, ata para o debuxo. Tirar liñas que se cruzan con outras formando interseccións, superpoñerlle un círculo ou un triángulo e logo colorear de cores distintas, é unha actividade que lles gusta moito.

A modo de inspiración para ese tipo de traballos, amosámoslle as obras de Kandinsky.

O outono na pintura

En CativArte o 02/11/2010 ás 08:09

Como noutras ocasións, no outono quixemos facer unha selección de obras pictóricas coas que amosarlle ao noso alumnado distintas representacións plásticas dos cambios que se producen no contorno co cambio estacional, e como son interpretados polos artistas.

Case sempre queremos recorrer a pintores galegos, quizais por seren menos coñecidos, pero lamentablemente non atopamos case ningunha imaxe na rede. Nós empregamos a Enciclopedia de Artistas Galegos para mostrar as obras de:

Leopoldo Varela: “Carballo en Vilaza” (2000); “Paisaxe urbana” (1950); “Vila” (1971); “Remanso” (1984); “Valados” (1979); “Carballeira” (2001); “Pontillón” (1991); “O río Tea. Mondariz” (2000); “Despois da vendima” (2000); “Paisaxe” (2000); “Paisaxe feliz” (2002); Vila” (2002).

Manuel López Garabal: “O castiñeiro” (1933); “Sol entre os carballos” (1946).

Logo decidimos empregar as obras do paisaxista impresionista francobritánico Alfred Sisley. No web da súa fundación atópanse moitas, das que escolmamos as do outono.

Dado que Sisley captou distintos momentos do día nos mesmos lugares, en estacións diferentes, con variacións climatolóxicas ou de luz, lembrarémolo, para na primavera vovler a amosalas e ensinarlle ao noso alumnado como identificalas atendendo aos indicios presentes na obra tales como a vexetación, a luz, etc.

Sempre pensamos que na escola se debe iniciar a educación estética e artística dos nenos e nenas, e isto faise en todo momento, non se trata tan só de un día amosar unha obra de arte; todas as imaxes que se lle presenten deben ser de calidade, ao igual que a literatura, a música, etc. Mesmo como decoremos as paredes do centro ou das aulas, acabará influíndo no seu sentido estético e no seu gusto.

Monet 2010

En CativArte,TICArte o 29/10/2010 ás 15:02

 

Con motivo da retrospectiva sobre a obra de Monet, exposta nas Galeries Nationales de París do 22 de setembro ao 24 de xaneiro de 2011, creouse unha web interactiva, Monet 2010, que recolle a vida e obra deste pintor.

Coincidimos coa reseña de Capítulo O, é “unha auténtica pasada”, “unha das webs 2010 a nivel mundial”. Está en varios idiomas, entre eles o español. Na Galería podemos ver os cadros presentes na exposición, algo que non sempre se fai. Desde Viaje permite un percorrido pola obra, todo un alarde de interactividade; aínda non o probamos no encerado dixital, pero co cursor podemos derramar o tinteiro; dando palmadas, facer voar a pega; ver como caen as folerpas de neve nas paisaxes nevadas; pasar do inverno á primavera; facer xirar as aspas dos muíños, levantando follas e pétalos de papoulas; mover a auga do estanque; facer desaparecer a neve; tocar as campás das catedrais…, e como non, ver todos os cadros polos que “viaxamos”.

Entrar nunha obra de arte, unha experiencia inesquecible , para nós e para os máis pequenos.

Pinceladas en el mundo

En CativArte,ContArte o 21/10/2010 ás 15:02

Ao falar de literatura infantil, é case obrigado mencionar a ilustración. Atopamos un blog- revista de ilustración nos libros infantís e xuvenís, Pinceladas en el mundo, que consideramos pode ser do interese das profesionais da educación infantil, porque nel recóllense e organízanse todo tipo de ilustracións. Permite facer procuras por ilustradores –incluso polas súas nacionalidades-, por asociacións, editoriais, ou de revistas e blogs sobre a ilustración. Permite agrupar as entradas, vendo unha escolma de ilustracións do outono, do Halloween, de Carrapuchiña Vermella, gatos, e un sinfín de temas. Cremos que nos pode dar moito xogo co noso alumnado.

Animais outonais

En CativArte o 08/10/2010 ás 15:01

Descubrimos o blog de dous artistas plásticos franceses dedicados a traballar para a infancia. A máis de ter unhas ligazóns moi interesantes, vimos o seu último traballo, que nos pareceu inspirador para o momento outonal no que nos atopamos; sobre todo pensando nos “recursos” que temos na aula.

EnlatArte

En CativArte,FormArte o 04/10/2010 ás 18:00

Aínda non tivemos tempo de contar nada do curso “Leer para aprender”, ao que asistimos na UIMP en Santander organizado polo Ministerio de Educación dentro da súa oferta de cursos de verán. Pero neste momento estamos en proceso de redacción da nosa proposta de traballo para a fase non presencial. Pedíasenos que leváramos a cabo unha secuencia didáctica co alumnado na que se traballase conxuntamente a competencia lingüística coa competencia matemática ou coa competencia artística, de xeito similar ás que se poden ver no portal Leer.es e que foron amosadas na fase presencial do curso. Gustáronnos tanto as intervencións de Andrea Giráldez e de Javier Abad sobre arte comunitario, que non o dubidamos un momento. O noso proxecto titularase “EnlatArte”.

Partindo dun obxecto cotiá, as latas de conserva, presentes nos fogares de todos os nenos e nenas, faremos unha intervención artística na que todos poderán participar e incluso modificar continuamente. Ao mesmo tempo, traballaremos a competencia lingüística, a partir da etiquetaxe e da composición dos produtos enlatados; a competencia social e cidadá, a sostibilidade –recilaxe e reutilización- ; a competencia en interacción co mundo físico e social, coñecendo alimentos e formas de conservación; a competencia dixital, buscando información e imaxes; a competencia matemática, con medidas de magnitude, peso e volume; a competencia en autonomía e iniciativa persoal, centrándonos no consumo responsable; e como non, a competencia en aprender a aprender.

Un proxecto para estar enlatados e dar a lata todo o curso. Iremos contando.

Ollando cara o ceo

En CativArte,EncienciArte o 27/09/2010 ás 18:43

As persoas afeccionadas á fotografía, din que o outono é a mellor época pola cor do ceo, pola luz e polos contrastes de cores na paisaxe. Nós, que entre as nosas rutinas diarias temos a observación do tempo meteorolóxico, estamos gozando cuns ceos únicos.

A primeira hora da mañá imprimimos a predición meteorolóxica de MeteoGalicia, a cotío seguímola no blog ou observámola no xornal –a linguaxe icónica tamén precisa de alfabetización. Logo contrastamos coa realidade. As nubes téñennos absolutamente engaiolados; as súas cores, as súas formas, o seu “movemento”; cada intre diferentes. Mágoa que na meirande parte das ilustracións infantís, son sempre iguais, sen variacións, chova ou neve, sarabie ou trone; sempre o mesmo.

Na rede atopamos vídeos que nos permiten coñecelas; distinguilas, andar por riba delas, atravesalas, soñar, relaxarnos ou meditar. Tamén botamos a imaxinación a voar co libro “La cabeza en las nubes” de Kókinos. E como non, tratamos de pintalas; isto ten a súa dificultade, por iso aprendemos dos expertos. Vemos como pintar ceos e nubes; non é o mesmo pintar nubes de treboada  ca nubes de choiva, nubes de noite ou nubes de solpor.

Na actualidade, no Museo del Prado hai unha exposición de William Turner, o pintor que veneraba os ceos cunha exquisita sensibilidade para os cambiantes fenómenos das nubes e que representaba con grande fidelidade a luz. A través dun xogo que propón o departamento educativo do museo podemos coñecer moitas das súas obras.

Deixaremos para outra ocasión os ceos de Antonio López, ou os dos pintores impresionistas; pero de seguro que ao longo do curso nos dará moito xogo, é máis que branco sobre azul.

Fin do verán/chegada do outono

En CativArte,EncienciArte o 21/09/2010 ás 19:11

Hoxe é o día da entrada do outono, cas mesmas horas de día que de noite. A partir de agora as aulas encheranse de follas, ramas, castañas, cabazas, etc. Os tempos escolares están, en gran medida, marcados polo calendario vexetal. Nós, esta mañá para que vaian apreciando a diferenza entre o verán que deixamos e a estación na que entramos, empregamos a imaxe dunha das obras de Anish Kapoor da actual exposición no Guggenheim de Bilbao, “Amarillo” (Yellow), unha das que máis nos impactou. “Amarelo é unha obra monumental e impoñente. Todo o noso campo de visión está ocupado pola singular experiencia da cor. Aquí Anish Kapoor emprega a cor como unha ferramenta autónoma que abranque toda a forma. Un gran embigo penetra profundamente na parede. Ao contemplalo temos que esforzarnos por comprender o que vemos.” Unha obra monocroma, que ao noso alumnado recordáballe o sol do verán; así mesmo sorprendíalles como se pode pintar cunha soa cor. Logo amosarémoslle outras, tamén monocromas, así como un vídeo coas opinións infantís sobre a obra de Kapoor. Do seu aproveitamento didáctico xa falamos noutra entrada do blog.

Para ir ambientándonos no outono facilitamos a ligazón a un vídeo, no que, co “Outono” de Vivaldi, como música de fondo, poderemos facerlles ver os cambios que se producen na paisaxe, así como os froitos da estación.

Vacas na cidade?

En CativArte o 16/09/2010 ás 23:03

Este curso temos o empeño, coma sempre, de traballar na clase con distintas manifestacións artísticas contemporáneas; pero queremos que o alumnado coñeza que a arte pode estar presente en todas partes, non só nos museos ou salas de exposicións. Con esa finalidade, esta mañá, lemos  “Vacas na cidade?”, de An Alfaya, publicado en Galaxia no 2007, con motivo da CowParade en Vigo.

A CowParade é unha proposta artística composta por vacas a tamaño natural en fibra de vidro, decoradas por artistas locales, e expostas nas principais rúas, prazas e parques de cidades de todo o mundo. As esculturas amosan deseños que rememoran a cultura local, a vida da zona, e mesmo temas de importancia local ou nacional. Despois de ser exhibidas, son subastadas e as ganancias son doadas a organizacións sen ánimo de lucro. Un elemento, animal cotiá, reinterpretado en clave artística, con moi poucas variacións na súa forma, hai tres básicas –sen contar a vaca “Rianxeira”, a preferida dos vigueses-; isto bríndanos a posibilidade de que os cativos aprecien, a máis da creatividade,  as diferenzas culturais nos estampados das vacas.

Trala lectura do conto, proxectamos na pantalla imaxes e vídeos das vacas elaboradas nos diferentes CowParade, e finalmente, foron eles os que elaboraron os seu propios deseños para as esculturas. Non tiñan nada que envexar as dos artistas.

Facilitamos o acceso a imaxes e vídeos da CowParade en Madrid (vídeo), París, Lima, China, Roma (vídeo), Costa Rica, Australia, Túnez, e a súa última instalación en Burdeos.

Como di Paulo, o neno do conto, son vacas máxicas, tan só hai que “pillarlles o punto”.

 

This slideshow requires JavaScript.

Formas circulares e ritmos

En CativArte o 11/06/2010 ás 21:18

Cando menos hai cen interpretacións distintas dos círculos, das espirais e das combinacións circulares gravadas nos petroglifos; unhas dentro dun discurso máis simbólico e outras nun discurso máis artístico, ate figurativo. Moitas delas coinciden en que poden ser representacións do sol, dos astros e dos planetas, de corpos en movemento.

Na entrada sobre os petroglifos, dicíamos que lle amosábamos ao noso alumado, obras de artistas contemporáneos nas que tamén empregaran estas formas circulares; un dos nosos favoritos é Robert Delaunay. Este pintor francés, pioneiro do arte abstracto, xunto coa súa muller Sonia, foron abandeirados dun novo estilo, o orfismo, e as súas obras correspondentes á época de “Formas circulares e ritmos”, son unha exaltación da cor e do movemento.

Seleccionamos a obra desta parella de artistas -que viviu unha tempada en Vigo-  para contrastar coa das estacións rupestres, tanto polas semellanzas como polas diferenzas que se lle poden facer observar aos nenos e nenas. Entre outras: a tendencia á abstracción xeométrica; a súa estruturación con figuras xeométricas; a sensación de dinamismo; o uso de cores primarias vivas; e as representacións do sol. “Formes circulares, soleil nº 2”, “Formes circulaires“, ”Rythme, joie de vivre”, “Rhythms” ou “Ryhme et relieve” poden ser algunhas das propostas.

Cultura castrexa

En CativArte o 09/06/2010 ás 22:32

Unha vez introducíamos ao noso alumnado nas formas de vida dos realizadores dos petroglifos, o seguinte paso era unha iniciación á cultura castrexa. Para nós, cuestión doada. Na outra marxe da ría de Muros-Noia, case enfronte, en Porto do Son, está o Castro de Baroña, punto de visita de moitos escolares e de moitas familias. Conta cun centro de interpretación.

Case sempre, os iniciamos a través dos contos de Pepe Carreiro, tanto “Os castrexos” publicado en A Nosa Terra, como “Os pequenos barbanzóns”, en Toxosoutos, foron o noso punto de partida. Os dous están baseados no Castro de Baroña, polo que é moi doado ver a correspondencia.

Para completar con imaxes e información, recomendamos a visita ao web do Castro de Viladonga, onde podemos ver unha maqueta da reconstrución do poboado, elementos da vida común, adobíos e xoias, así como materiais diversos da Cultura Castrexa e Galaico-Romana.

En Flocos TV, atopamos unha recreación virtual do Castro de Elviña, unha curta de animación do Castro de Viladonga e un  episodio piloto da serie de animación ambientada nun castro ”O Visgo máxico” -con algunhas inexactitudes históricas, pero que serve para ambientarse.

Land Art

En CativArte o 09/06/2010 ás 22:31

Xa que estamos a falar de Muros, dos círculos, da arte… Sempre nos gustaron as viaxes e ida e volta entre o presente e o pasado, polo que, cando lle amosábamos ao noso alumnado os motivos xeométricos gravados nos petroglifos, posteriormente, ensinabámoslle obras de artistas contemporáneos que empregaban esas figuras tan básicas e elementais pero con outras técnicas; Kandinsky na pintura e as intervencións do Land Art, eran os nosos referentes máis habituais.

Na actualidade, coñecemos a obra dun artista norteamericano, Jim Denevan, na liña do Land Art, que consideramos, pode dar pé a propostas moi interesantes tralo seu visionado. Realiza as súas intervencións nas praias, debuxos de grandes dimensións sobre a area. Círculos xigantescos, espirais e círculos concéntricos. Técnica doada. Resultado rápido e visible, tamén efémero. Trátase de facer iso que tanto lle gusta a todos os nenos e nenas, e que non deberíamos descartar se vamos a realizar algunha saída á beira do mar.

Petroglifos galegos

En CativArte o 09/06/2010 ás 22:30

Durante moitos anos traballamos en Muros, vila costeira cun rico patrimonio histórico, cultural e arqueolóxico. Chegado o bo tempo e a modo de remate de curso, sempre facíamos algunha excursión polos arredores –non somos partidarias de grandes desprazamentos en EI, habendo todo o que hai que ver preto das escolas; unha visita case fixa era a algunha das estación rupestres existentes no concello, Laxe das Rodas a máis accesible para nós.

Cando organizábamos estas visitas e traballábamos nas aulas estas manifestacións culturais, cremos que estábamos a achegar o noso gran de area á conservación do patrimonio cultural galego, non só cos nosos cativos, senón tamén, porque llo dábamos a coñecer ás súas familias; o primeiro paso para a conservación é o coñecemento. Os petroglifos, presentes en moitos puntos da xeografía galega, son grandes descoñecidos do público en xeral, ben pola súa escasa sinalización ou ben pola súa localización e difícil acceso.

A máis de presentarlles moi por enriba a forma de vida dos autores dos petroglifos, os motivos representados, dábannos pé a traballar desde a esquematización da figura humana ou animal, as especies que habitaban os nosos montes, as figuras xeométricas -círculos, combinacións circulares, círculos concéntricos, coviñas, espirais destróxiras e levóxiras, que se empregan na actualidade como motivos decorativos na artesanía galega-, as características das pedras onde se atopan, os materiais empregados nesta “escritura” especial, etc. O momento “máxico” tiña lugar cando realizábamos un calco mediante a técnica do frotado con papeis carbón de distintas cores, tal e como pode apreciarse nestas fotografías. Como remate de proxecto, e preparación da visita, elaborábamos un folleto con información para as familias e coas normas a ter en conta para non deterioralos.

Pódese atopar información, fotografías e vídeos no web Petroglifos.org, no blog Petroglifos de Galicia, en El laberinto atlántico, e no caso dos que falamos, en Muros arqueolóxico. No blog Capítulo 0, teñen unhas moi boas fotografías con iluminación nocturna que permite apreciar mellor o relevo dos sucos.

Monicreques cos pés

En CativArte o 08/06/2010 ás 15:33

 

 Cando chega o tempo de verán e o noso alumnado vén sen calcetíns e con calzado livián -sandalias ou zapatillas-, fácil de poñer e sacar, aproveitamos para facer unha actividade que os divirte moito: maquillamos os pés.

Con maquillaxes do Entroido pintámoslle caras nun pé –no outro faranno eles por parellas-, e logo tan só lles deixamos expresarse e xogar libremente con esta parte do corpo que tan poucas veces empregamos na expresión corporal. Entre as cóxegas e a súa creatividade, a diversión está asegurada. Ás veces, tamén o facemos nas pernas.

Para ver algo moito máis elaborado, facilitamos a ligazón a varios vídeos de representacións de monicreques cos pés do Teatro dei Piedi:

-Verónica González:   III –   III –   IV , entrando no seu web, pódense ver fotografías dos seus espectáculos con persoaxes de “carne e oso” galardoados internacionalmente.

-Laura Kibel:    I   -   II

Origami en infantil

En CativArte o 05/06/2010 ás 09:02

Nestes días, que entre a calor e o cansazo, andan os nenos un pouco revoltos, aproveitamos para realizar algunhas actividades de papiroflexia. O origami ou papiroflexia é unha técnica considerada, erroneamente, complicada para a infancia, pero que brinda grandes posibilidades para exercitar a paciencia, a concentración, a constancia, as destrezas manuais, a direccionalidade, a lateralidade e moitos conceptos xeométricos. Xa o pedagogo alemán Friedrich Fröbel, fundador do sistema kindergarten, se decatou e empregou a milenaria técnica xaponesa para familiarizar aos nenos coas figuras xeométricas.

En todas as escolas reggianas que visitamos, contaban cun recanto nas aulas onde había todo tipo de papeis de diferentes cores, tamaños, texturas, grosores…, e os cativos construían con eles variados volumes.

Facilitamos a ligazón a un web onde atopamos as instrucións e incluso vídeos para a realización de sinxelas figuras de papiroflexia: vasos, avións, barcos, abanos…. Así como a do Club Origami.

Os Museos

En CativArte o 16/05/2010 ás 09:40

O 18 de maio celébrase o Día dos Museos, o lema deste ano é “Museos para la armonía social”.  Máis de 3.000 museos de 40 países teñen actividades previstas para este día, así como para a noite do 15. Con este motivo escolmamos enderezos web que poden facilitar tanto a organización dunha visita real ou mesmo virtual.

Comezamos por Galicia, onde todos os datos de museos están aloxados na páxina do MUGA; agrupados por provincias e de todas as temáticas: pintura, escultura, etnográficos, de xoguetes…

Máis de 1000 museos de España están recollidos no directorio do Ministerio de Cultura. Pódense localizar por nome, comunidade, provincia ou temática.

Existe tamén a Rede Dixital de Colecciones de Museos de España que reúne museos de distintas especialidades, de diversos ámbitos temáticos e xeográficos. CER.ES (Colecciones en Red)  é un catálogo colectivo en liña que publica preto de 100.000 ben culturais e máis de 128.000 imaxes pertencentes a 61 museos.

Outra opción interesante son as visitas virtuais aos museos. Desde este web poderemos visitar El Prado, o Thyssen Bornemisza, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Nacional de Escultura, o Museo Nacional de Arte Romano, etc.

ArsVIRTUAL é unha iniciativa da Fundación Telefónica que permite a visita en 3D aos principais monumentos de España, América Latina e Marrocos.

Neste outro web atopamos os museos máis importantes do mundo organizados por países.

En calquera caso, a rede permítenos visitar case ao momento calquera museo ou localizar infinidade de obras de arte.

Sen considerar necesario afondar no valor do museo e da súa visita como recurso didáctico, si cómpre recordar unha recomendación que xa temos feito noutras ocasións: se queremos que sexa do interese dos nenos e nenas deberemos esforzarnos por buscar exposicións, obras ou visitas que por un motivo ou outro conecten cos intereses dos cativos. Aquí non vale aplicar o criterio de que o docente ou a crítica o considera moi importante; o mesmo que a poesía, a literatura, a música, debe espertar algunha curiosidade no neno, do contrario os efectos serán totalmente opostos aos desexados.

A arte nos álbums infantís

En CativArte,ContArte o 14/05/2010 ás 09:09

Quixemos facer unha escolma de libros nos que se trataran temas como a cor, a creatividade, os museos, os artistas ou obras pictóricas. Velaí van.

  • A cor

Los colores”, de Frederik Vahle, en Lóguez.

La reina de los colores”, de Jutta Bauer en Lóquez

La verdadera historia de los colores”, de Eva Heller en Lóquez.

Pequeno azul e pequeno amarelo”, de Leo Lionni en Kalandraka.

Mi primer libro de los colores”, de Eric Carle en Kókinos.

Juego de colores”, de Hervé Tullet en Kókinos.

  • A creatividade

Cuando todos regresaron más pronto a casa”, de Isabel Pin en Lóguez.

Moncho e a mancha“, de Kiko Dasilva en Kalandraka.

Aquiles, o puntiño“, de Guia Risari en Kalandraka.

  • A arte

El coleccionista de momentos”, de Quint Buchholz en Lóquez.

Arte”, de Patrick McDonnell en Serres.

A editorial Lóquez ten publicada unha colección “Joven arte”, na que cada título se centra nunha obra; “A nevada” de Goya, “O rinoceronte” de Durero, “O potros azuis” de Franz Marc, “A Mona Lisa” de Leonardo da Vinci, “El puente de Arlés” de Van Gogh, entre outros.

  • Obras/cadros

El cuadro desaparecido”, de Kestutis Kasparavicius en Thule.

Mira la luz en el arte”, de Guillian Wolfe en Serres.

Zoom… en el arte” de Guillian Wolfe en Serres.

Jan estivo alí”, de Xosé A. Neira Cruz, en Galaxia.

O cadro máis bonito do mundo”, de Miquel Obiols en Kalandraka.

  • Museos

Alex, dentro y fuera del MARCO”, de Magogo Cárdenas en Serres.

Formas de museo”, de varios autores en Serres.

MOMA en busca de arte”, de Jon Scieszka en Serres.

Se facemos unha procura de libros relacionados coa arte no SOL estes son os resultados que nos devolve.

A pintura na literatura infantil

En CativArte,ContArte o 14/05/2010 ás 09:09

A FGSR dentro da súa colección Temas en la literatura infantil y juvenil, dedicou o nº2 a “La pintura en la literatura para niños y jóvenes”, na que se presenta unha selección bibliográfica de libros relacionados coa pintura.

A guía divídese en dous grandes bloques:

-“Leer la pintura”, con obras de ficción e de carácter informativo, organizadas por idade.

-“Arte, libros y niños”, con artigos, monografías e webs.

A selección de libros estrutúrase en sete apartados:

Galería de retratos: historias de ficción ou biografías protagonizadas por pintores con nome propio.

Historias enmarcadas: historias de aventura ou misterio que arredor de pintores u obras pictóricas coñecidas.

Onde viven os cadros: historias de ficción que se desenvolven nos museos.

E ti que pintas?: historias de ficción para achegarse á cor, ao debuxo ou á pintura.

A paleta como xogo: aproximación á cor, ao debuxo e á pintura mediante

propostas de xogo.

Saber máis sobre pintura: material informativo sobre o tema.

A publicación é do 2005, polo que se botan a faltar algúns máis recentes e xa clásicos. Engadirémolos noutra entrada.

Volcanes construidos

En CativArte o 08/05/2010 ás 18:01

Tralas actividades sobre os volcáns, quixemos facer unha representación plástica dos mesmos. Lembramos que no Centro Virtual Cervantes atópase a exposición “Volcanes construidos” da obra en pintura, escultura e gravado, do deseñador gráfico Vicente Rojo, realizada entre os anos 2000-2005.

A presenza en México deste artista nacido en Barcelona foi esencial na vida cultural, no desenvolvemento do deseño gráfico e na implantación de niveis de calidade na profesión. De tal xeito que se acompaña a exposición con artigos de Octavio Paz, Juan Rulfo, Gabriel García Márquez ou Enrique Vila-Matas para os que Vicente Rojo deseñou as portadas de moitos dos libros que publicaron.

Volcán para niños“, “Volcán iluminado“, “Volcán despierto 4“,  “Volcán encendido” ou “Crácter 101” son mostra das 65 representacións que integran a exposición.

Día da nai

En CativArte,EmocionArte o 25/04/2010 ás 20:50

É bastante probable que esta semana se dean todo tipo de debates na escola sobre se facer algo especial, agasallo, para o vindeiro día 2 de maio, Día da Nai. Haberá argumentos a favor e en contra, entre estes estarán o da prevalencia de intereses comerciais. Iso mesmo pensou, ao ver no que se convertera, a súa propia promotora, Ana Jarvis, que conseguiu que o Congreso de EE.UU aprobara esa data en 1914. Poucos anos despois denunciou a mercantilización do mesmo, o que desvirtuaba o seu sentido inicial.

Sen ánimo de enredar, tan só presentamos unha proposta que pode ser empregada en calquera momento e trata sobre a relación materno filial. Fixemos unha procura de imaxes de esculturas cuxo tema sexa a maternidade; hai distintos estilos, épocas, materiais, tamaños e formas de representar o mesmo concepto. Prepararemos unha presentación PowerPoint con elas e deixaremos que cada neno e nena elixa aquela coa que se sentan máis identificados. Imprimiremos e transcribiremos as súas razóns en cada unha delas, para que logo leven ás súas casas e poidan amosarllas á nai. Pódese facer en formato libro empregando a ferramenta Tikatok.

Nós sempre tivemos debilidade pola que aparece na imaxe, “Maternidade” (1930), obra de Alberto Sánchez Pérez, que se pode ver no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

A creatividade infantil

En CativArte,ContArte o 22/04/2010 ás 21:40

Descubrimos o libro “El punto” de Peter Reynolds en Serres, aínda que non é de recente publicación. Unha fábula sobre o potencial creativo que todos temos pero que ás veces non conseguimos facer agromar. Segundo o seu autor, decidiuse a escribilo, porque cando visitaba escolas, a medida que subía de nivel, reducíase o número de nenos e nenas que, a dicir deles, sabía debuxar. Pódese ver e escoitar nunha gravación dun programa de TV arxentino de Luís Pescetti.

Para afondar un pouco, facilitamos o artigo “El pensamiento creativo”, no que se analizan as características do pensamento creativo, as etapas do proceso creador, a relación entre cultura e creatividade, así como o desenvolvemento da capacidade creadora en nenas e nenos.

Víctor Vasarely

En CativArte o 22/04/2010 ás 21:40

A lectura do libro “El punto” brinda moitas posibilidades de traballo na aula. Para ampliar coa obra dalgún artista plástico que traballou cos “puntos”, eliximos a do polaco Víctor Vasarely, coñecido como o pai do Op Art.

As súas abstraccións xeométricas do arte óptico producen sensacións de movemento nunha superficie bidimensional, parecendo tridimensional e chegando a enganar o ollo mediante ilusións ópticas. Pódese atopar máis información na Fundación Vasarely; así mesmo, facilitamos un vídeo e varias das súas obras nas que predominan os “puntos”: I, II, III, IV, V, VI, VII, VIII, IX, X, XI, XII, XIII

¿Qué pintan los cuentos?

En CativArte,ContArte o 18/04/2010 ás 19:06

No Centro Virtual Cervantes atopamos a exposición “Cien años de ilustración infantil española. ¿Qué pintan los cuentos?”, na que se  presenta unha visión global da ilustración infantil española nos últimos cen anos, a través da mostra de 150 ilustracións de contos españois, coas que se pretende dar a coñecer e evolución deste xénero artístico, pasando desde as da editorial Calleja ata a actualidade. As imaxes están organizadas polas seguintes categorías: conto clásico, edición, intención, personaxes, técnica e tendencias.

Nos pasados días inaugurouse na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a exposición “Historias do mundo-Mundos da historia”, organizada por GALIX, amosa un percorrido de 50 anos do libro infantil e xuvenil galego.

100 anos de ilustración infantil española e 50 anos da galega, dous bos motivos para traballar na semana do libro e nas actividades que se promoven desde a biblioteca escolar, especialmente neste 2010, Ano do Libro e da Lectura.

Cien sillas en cien días

En CativArte o 05/04/2010 ás 22:53

Con motivo da celebración da Feira Internacional de Arte Contemporáneo, ARCO en Madrid, coñecemos o proxecto dunha firma expositora titulado “Cien sillas en cien días”; gustounos moito a idea para traballar o deseño na aula, sobre todo para compensar que é unha parcela artística pouco desenvolvida cos rapaces. Pareceunos interesante, un obxecto cotiá, presente nas nosas vidas case as vinte e catro horas do día e ao que non se lle presta atención.

Cando vimos algúns dos proxectos das escolas reggianas, e cando visitamos unha delas, descubrimos con sorpresa que estaban realizando co alumnado un traballo sobre as cadeiras. Pero ían máis aló do seu deseño, investigaban, indagaban, comprobaban e intentaban construír eles mesmos unha silla, empregando todo tipo de materiais, arame, cartón, pezas de madeira, etc, descubrindo a importancia do equilibrio, das medidas, dos tamaños, do número de patas… É doado imaxinar as súas posibilidades de traballo en todos os ámbitos.

Os ovos de Pascua

En CativArte o 23/03/2010 ás 21:25

Previo ao remate do segundo trimestre, sempre se fai algún traballo plástico sobre os ovos de Pascua. Para saber algo mais desta tradición gastronómica, seica a súa orixe é unha reminiscencia da Idade de xeo. Víctor F. Freixanes, nun artigo publicado en La Voz de Galicia, fainos a súa achega tanto sobre a orixe dos “Ovos de Pascua”, como dos seus recordos da infancia.

Velaí vai un web con recursos, debuxos e ideas sobre os ovos. E unha presención e máis un vídeo duns ovos de Pascua un tanto especiais e elitistas, os Ovos Fabergé.

As árbores como arte

En CativArte o 15/03/2010 ás 00:16

Xa que estamos a falar das árbores, queremos facer mención á obra do pintor e escultor vasco Agustín Ibarrola que nos últimos anos realizou obras de gran formato, intervindo directamente sobre a natureza. Nos seus “Bosques” pinta sobre as propias árbores, como no coñecido Bosque de Oma, preto de Guernica, ou no “Bosque Encantado” en Salamanca nas ribeiras do río Tormes onde pintou árbores secas con pintura de vivos colores. En Galicia tamén fixo unha intervención artística no Ecoespacio de O Rexo. Alí as árbores, as pedras e bloques de granito forman parte da obra de arte. Podemos aprecialo nas fotografías de Xurxo Lobato.

As árbores na pintura galega

En CativArte o 15/03/2010 ás 00:14

Como vén sendo habitual, fixemos unha escolma de obras de pintores galegos nas que o tema sexan as árbores ou a paisaxe nas distintas estacións.

Francisco Lloréns: “A aciñeira” (1907); “Costas gallegas” (1915); “Paisaxe das mariñas” (1927); “Sada desde Sada de arriba” (1946); “Estrada da Coruña”; “Paisaxe”; “Fronda”; “Castiro”; “Val Esmeralda, Barcia” (1912); “Paisaxe” (1914); “O vieiro” (1923); “Brañas” (1925). Algunhas das súas obras na colección Caixanova.

Antonio Fernández: “A sobreira de San Roque” (1945); “Piñeiro do Baixo Miño”; “Vello oliveiral”; “Paisaxe típica galega” (1959); “Oliveiras a contraluz” (1921); “Carballo”. Algunhas das súas obras na colección Caixanova.

Juan Luis: “Á beira do Umia”; “Os ameneiros e o río”; “Tríptico: paisaxe de primavera”. Algunhas das súas obras na colección Caixanova.

Xogar a pensar coa arte

En CativArte o 12/03/2010 ás 01:06

Lemos que a partir do día 16 “Anish Kapoor rediseña el espacio del Guggemheim”. Un dos artistas actuais, máis interesantes a nivel internacional, expón a súa obra en Bilbao. Recordamos que xa realizou unha intervención sobrecolledora no CGAC en Santiago no ano 1998. As esculturas de Kapoor están cheas de orificios, fendeduras, ocos, que permiten ver o interior e o exterior, o lado cóncavo e o convexo, cuns materiais orixinais, de texturas suxestivas; distínguense ademais polo uso dun pigmento vermello, básico e primario que fai recordar a súa orixe hindú.

No seu web atopamos fotografías de moitas das súas obras; cada unha delas tomadas ao menos con dous enfoques distintos; isto levounos a pensar as posibilidades que nos brinda para o desenvolvemento do pensamento creativo e das habilidades cognitivas do alumnado, con actividades do estilo que nos propoñen Angélica Sátiro e Irene de Puig no seu libro “Jugar a pensar” ou no web CrearMundos.

Tan só precisamos descargar as imaxes, de ser posible, proxectalas no encerado dixital, e xogar, razoar, formular hipóteses, anticipar… , que será?, é o mesmo?, as texturas, as cores, as formas, as dimensións , tamaños, posición do observador … Todo un exercicio de creatividade e de pensamento, cunha proposta nova, fresca, innovadora, interesante e distinta. Por saír un pouco de Miró, Picasso, Kandinsky…, que non é que non nos gusten, pero é o de sempre.

A muller traballadora na pintura galega

En CativArte o 07/03/2010 ás 22:57

A muller foi un piar fundamental no desenvolvemento de Galicia, terra de mulleres fortes e traballadoras. Son moitos os pintores galegos que as retrataron realizando distintas tarefas, sobre todo traballos agrícolas e mariñeiros. Para o día da Muller Traballadora quixemos facer unha escolma de entre as obras de catro artistas plásticos galegos, que ao noso entender mellor souberon plasmar a fortaleza e enteireza da muller galega.  Poden dar pé a interesantes proxectos ou exposicións no centro.

Manuel Colmeiro: “Vendedora de laranxas” (1981); “Faenas do campo” (1933); “Mulleres e paisaxe” (1934); “Feira” (1965); “Estrando” (1935); “Muller lendo” (1962); “Pescadores” (1973); “Panadeiras” (1960); “Lavandeiras” (1977); “Feira” (1970); “A sega da herba” (1975); “Feira” (1960); “Feira” (1963); “Feira” (1968); “Collendo folla” (1928); “Mulleres e mar”(1947); “Campesiñas” (1935); “Porto e peixe” (1931); “Paisaxe con figura” (1949); “Lavandeiras” (1968); “Peixeiras” ; algunhas dispoñibles no web de Caixanova.

Carlos Maside: “Lavandeiras” (1953); “Muiñeira” (1953); “Mercado” (1950); “Peixeiras” (1952); “Tenda” (1933); “Costureira” (1945); “Cacharrería” (1942); “Duas paisanas” (1946); “Parolando” (1943); “Cociña” (1935); “Escena do Berbés” (1937); “Mulleres en roda”(1930).

Virxilio: “Vendima na mañá”(1997); “Vendima” (1990); “Tres mulleres na Rábeda” (1980); “Rosquilleiras” (1998); “Peixeira” (1996); “Peixeira con rapaza”(1996); algunhas dispoñibles no web de Caixanova.

Manuel Torres: “Vagar” (1934); “Regateiras”(1960); “Mercado”; “Regateiras”(1973).

Palabras pintadas … pintar palabras

En AlfabetizArte,CativArte o 24/02/2010 ás 20:40

Lingua escrita e arte, unha combinación suprema. Cando andamos a aprenderlles aos nenos a funcionalidade e posibilidades expresivas das distintas linguaxes, a linguaxe escrita e a linguaxe artística coinciden nunha exposición organizada polo Centro Virtual Cervantes, Palabras pintadas … pintar palabras. Precisamente agora, cando tanto se debate se “vale”máis unha imaxe ca unha palabra, pensemos na publicidade. Pero esto non é nada novo, xa nas grafías abstractas dos abrigos prehistóricos a imaxe a a palabra coincidiron nunha dimensión única.

A presenza de palabras ou textos na superficie visual de obras plásticas, ben como elemento icónico ou como representación dun concepto, isto é o que recolle esta exposición con obras dun século, de Picasso, Juan Gris, Equipo Crónica, Miró, Dalí, Tàpies, Millares, Plensa, Perejaume, etc.

O Entroido na pintura galega

En CativArte o 07/02/2010 ás 23:43

Foron moitos os pintores galegos que plasmaron nas súas obras a celebración do SucasasEntroido. Fixemos unha escolma para quen queira traballalo nas súas aulas. Malia que a nosa intención é achegar ligazóns a todos os recursos que ofrecemos, neste caso non é posible, ningunha delas ten a súa imaxe dispoñible on line. As referencias foron tomadas da enciclopedia “Artistas. Pintores” de Nova Galicia Edicións, dezaseis tomos dedicados á pintura galega, que se atopan nalgúns centros educativos, nas bibliotecas dos CFR e nas de moitos museos. Estas son:

“Entroido”, 1985, Xosé Luís de Dios; “O Entroido II”, 1997 e “O Entroido IV”, 1993, Xaime Quesada; “O Entroido”, 1999, Rafael Úbeda Piñeiro; “Os peliqueiros”, 1994, Virxilio; “Antroido”, 1965 e “Antroido”, 1965, López Garabal; “Entroido”, 1992, “Entroido do Milladoiro” e “Os xenerais do Marco”, 1998, Sucasas; “Choqueiro con pandeireta”, 1999, “Avoa e neta disfrazadas”, 1999, “Antroido I”, 1999, “Entroido II”, 1999, “”Choqueiros”, 1978, Virxilio; “Entroido”, 1960 e “Entroido”, 1974, Laxeiro; “Máscaras”, Juan Luís; “Orixe-entroido”, 1984 e “Dobre rostro”, 1983, Antón Patiño; “Entroido”, 1990, López Guntín; “Máscaras”, 1972, Segura Torrella.

O garabato

En CativArte o 05/02/2010 ás 19:41

Dentro do Proxecto educativo do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) atopamos o caderno “Garabato”, elaborado cunha finalidade preparatoria para a visita ao museo. Propón “unha aproximación ao garabato directa, intuitiva, visual, ao alcance do neno. Nos seus distintos apartados o libro aborda a natureza do garabato, a súa capacidade expresiva, o seu contido figurativo; analiza o papel que xoga nunha composición, a súa presenza na nosa vida cotiá, os seus posibles significados e o seu carácter simbólico.” Acompáñase dunha batería de actividades para realizar na aula.

No apartado “Os artistas tamén garabatean”, reproduce algunhas das obras do MNCARS nas que o garabato cumpre un papel relevante.

Completa a colección con outros dous cadernos: “Manchas” e “Línea recta”, non disponibles on line.

Educación e cine/cine e educación

En CativArte,InformArte o 03/02/2010 ás 19:56

O día 5 de febreiro estréase “Precious”,  dirixida por Lee Daniels, película que vén de recoller múltiples galardóns tralo seu éxito no Festival de Sundance 2009. Baseada na novela “Push” da poetisa Sapphire dedicada durante anos a ensinar a ler e a escribir a adolescentes do Harlem e do Bronx. Narra a historia de Precious, unha moza de 16 anos, analfabeta, obesa e embarazada por segunda vez do seu propio pai. A súa esperanza de saír desta sórdida situación, lévaa a asistir a unhas clases, nun centro alternativo, a escola ten un método de ensinanza “distinto”; alí coñece á Srta. Rain que lle axudará a gañarse a súa autoestima e dignidade.

O cine ten retratado en moitas ocasións, con maior ou menor fortuna, o papel determinante dos mestres na vida dos rapaces e rapazas; non é doado escaparse dos tópicos sobre os docentes.

Salientamos, de entre estes tratamentos afortunados as seguintes películas:

  •“Hoy empieza todo” película francesa de 1999 de Bertrand Tavernier. Quen non se sinteu identificado/a co mestre que sofre coas desigualdades presentes na sociedade?. Cine social, rodada a modo de documental, ambientada na Francia rural, nunha zona mineira afectada pola reconversión. Tavernier radiografía con exquisita sensibilidade e minuciosidade as responsabilidades sociais da escola; o seu papel como foco de dinamización cultural, axudando a modificar as actitudes e prexuízos da comunidade. Dura crítica á burocratización do sistema de asistencia social e á incomprensión da administración educativa. Cando remata, saímos coa sensación de que a nosa labor ben paga a pena. 

•“Ser y tener”, outra película documental francesa do ano 2002 do director  Nicolas Philibert ambientada nunha escola unitaria do rural da Landa francesa. Amosa a vida na aula ao longo dun ano dunha ducia de alumnos e dun mestre estrito, amante da disciplina pero que os acompaña con cariño e tenrura no seu crecemento persoal e intelectual. Outro estilo docente pero destaca o compromiso e entrega cos cativos. 

 •“La clase” do 2008, Palma de Oro no Festival de Cannes, do francés Laurent Cantet. Introdúcenos na vida dun instituto de secundaria a través dun profesor de lingua. Tamén cun carácter de documental, destaca ás diferenzas de visión dos adolescentes e do profesor, a través dun conflito que xorde na aula; na mesma aula aprécianse os trazos da sociedade actual.

•“La lengua de las mariposas” de 1999, dirixida por José Luis Cuerda, narra a relación especial entre un neno e un adulto, Don Gregorio, mestre da II República. Baseada no conto homónimo do escritor galego Manolo Rivas.

No web “Profesores y alumnos en las aulas”, podemos ver a sinopse doutras películas centradas na educación.

Spiral Jetty

En CativArte o 01/02/2010 ás 21:56

Para quen nos pregunta por que Spiral Jetty como imaxe do noso blogue. Muelle ou malecón espiral foi o nome co que Robert Smithson chamou a espiral que creou removendo 7.000 toneladas de roca basáltica, croios, cristais de sal e algas no Gran Lago Salgado de Utah, no ano 1970; ao artista interesáballe que estivera fóra do alcance de ollos alleos, que só fora accesible para moi poucos visitantes; sería coñecida para o gran público a través das reportaxes gráficas, fotografías e vídeos. Concibida como unha obra efémera, de tal xeito que ao pouco tempo quedou asolagado polas augas, mudando totalmente; como paradoxo, ao cabo de trinta anos, por unha desecación do lago, reapareceu á vista pero cambiada, estaba cuberta de cristais de sal. Unha única intervención pero infinidade de visións, a cada momento, desde distintos ángulos, con distintos “ollos”.

Tonia Requejo publicou un artigo en El cultural.es que pode aportarvos máis información sobre Spiral Jetty.

Robert Smithson ligado ao movemento artístico do Land Art partía da premisa de que só o ambiente real pode ser verdadeiramente real. A natureza é entendida dun xeito metafórico como cambio, evolución, crecemento ou espazo virxe.

“Os artistas do Land Art intentaban encontrar posibilidades de expresión que van máis alá da tradicional imaxe sobre o lenzo. O verdadeiro obxecto de arte non é xa a imaxe pintada dunha paisaxe, senón a propia paisaxe; mellor dito, a paisaxe delimitada polo artista (…), trátase de dinamitar o triángulo taller-galería-coleccionista no que ata o de agora habitou a arte.” Gerry Schum

Este arte non pretende crear obxectos sobre a natureza senón accións sobre un territorio. A relación co espectador ten lugar mediante documentos gráficos e de texto ou vídeos, pois case nunca existe o contacto directo entre ambos.

Creo que non explicamos a razón desta imaxe no bloque, pero que cadaquén tire as súas propias conclusións.

A sombra

En CativArte o 01/02/2010 ás 20:19

Poucos feitos sorprenden tanto aos nenos e ás nenas como o descubrimento da súa sombra. Para ir pensando nunha experiencia didáctica que nos axudará a soportar a espera dos días luminosos co sol ben alto.

O pasado ano o Museo Thyssen-Bornemisza e a Fundación Caja Madrid organizaron unha fermosa exposición, La sombra,  sobre a sombra na arte; empezaba cunha representación da fábula da invención da pintura, de Plinio el Viejo, pasando por obras de todas as épocas: Renacemento, Barroco, Romanticismo, Simbolismo, Impresionismo, Realismo, Surrealismo, Pop art, ata a actualidade, nun total de 114, véndose tamén o seu tratamento na fotografía e no cine.

“Una antigua fábula de Plinio el Viejo († 79 d.C) sitúa el origen de la pintura en Corinto, donde una joven muchacha, hija del alfarero Butades de Sición, habría trazado el contorno de su amante sobre una pared, a la luz de una vela.

“La sombra” como tema artístico ha estado indivisiblemente unida a la historia del arte occidental. Su intencionalidad ha sido fundamentalmente naturalista, al subrayar la verosimilitud de lo representado. Pero cada época la ha dotado de connotaciones diferentes. La presente exposición —lejos del formato monográfico al uso— se propone llamar la atención del visitante sobre el amplio espectro de implicaciones, problemas y soluciones suscitado por la representación de la sombra en el arte desde el Renacimiento hasta nuestros días. Algunos de los objetivos de esta exposición son poner de relieve la existencia de caminos transversales y mostrar los hilos, a veces ocultos, que unen, pese a la distancia cronológica, las épocas y los artistas.”

Neste vídeo, o comisario da exposición, Víctor Stoichita, catedrático de Historia del Arte e autor da obra Breve historia de la sombra, publicada en Siruela, acompáñanos coas súas explicacións, nun percorrido pola mesma.

Tamén vos recomendamos, para completar o traballo na aula o libro Filiberto e o xastre de sombras, publicado en Kalandraka da colección Demademora.

Azul

En CativArte o 01/02/2010 ás 17:21

Máis alá do “azul bloque lóxico”…, toda unha gama de azuis entre o ceo e o mar. O fotógrafo canadiano Jeff Friesen ofrécenos unha serie de fotografías sobre o horizonte mariño.

Fotografía de Jeff Friesen

Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

En CativArte o 31/01/2010 ás 12:53

A AGPI aglutina a máis de 70 ilustradores pocedentes de todas as vertentes da creación visual aplicada. Na galería atopamos, entre outras categorías, infantil, xuvenil, amimación, cómic, mural/graffitti, matte painting… É sorprendente como o noso alumnado é capaz de recoñecer o estilo dalgún dos ilustradores dos seus contos favoritos.

Unha mirada de antano

En CativArte o 31/01/2010 ás 12:40

Na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña pódese visitar ata o 11 de abril a exposición de fotografías de comezo do século XX da fotógrafa e etnógrafa da Hispanic Society of America en Nova York, Ruth Matilda Anderson.  Estamos ante o maior arquivo fotográfico de Galicia, caracterizado pola súa gran calidade e pola vasta información que nos achega, tamén a nivel textual. Esta americana quedou absolutamente subxugada cando percorreu Galicia desde as cidades ata os montes e cantís; non é doado comprender como se arranxou para acadar tal coñecemento da terra cando os medios e vías de transporte eran  tan precarios. Fixo series de celebracións relixiosas, de oficios, de labores agrícolas,de escolas, de distintos emprazamentos. Tan só coa visita á exposición ou visionado do catálogo xorden grandes posibilidades de traballo na aula. Somos espectadores da nosa propia historia.

Paisaxes para comelas

En CativArte o 28/01/2010 ás 16:40

Carl Warner, fotógrafo británico, constrúe escenarios con todo tipo de alimentos;  embutidos, distintos tipos de pan, xeados, peixes, verduras, legumes, froitos do bosque…, convértense en praias, fervenzas, montes, pradeiras, etc. Él seica nin así consegue que os seus fillos coman a froita, verdura e peixe. Podemos probar, ao mellor axúdanos cos “reticentes”. Os vídeos  ben merecen a visita, de seguro que os veremos máis dunha vez, porque coa primeira quedamos tan impactados que non apreciamos os detalles. Noutro apartado ten ata bandeiras con hortalizas

“Ratón Pérez y el diente de un rey”

En CativArte o 27/01/2010 ás 22:40

O Centro Virtual Cervantes presenta a versión dixital da exposición “Ratón Pérez y el diente de un rey”, e a historia dunha das persoaxes infantís españolas máis xenuínas, xunto con 78 interpretacións artísticas orixinais e inéditas dalgún dos mellores ilustradores de finais do seculo XX. 

Ben merece a visita á exposición, de seguro que os rapaces desfrutarán con estas ilustracións. Toda unha oportunidade para iniciar un traballo de aula sobre os dentes e o seu coidado.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores