A nosa achega á educación infantil

Arquivo para a categoría ‘ActualizArte’

50 carteis, 50 deseñadores, 50 escritores para 50 anos das Letras Galegas

En ActualizArte o 10/05/2013 ás 06:04

2013-05-09 20.37.34

O pasado ano, con motivo do 50 aniversario da celebración do Día das Letras Galegas, o Faro de Vigo xunto coa RAG, fixeron una publicación especial da “A volta ás letras en cincuenta días”, na que 50 deseñadores/as xunto con 50 escritores/as fan a súa interpretación do cartel de cada un dos homenaxeados no día grande da nosa lingua.

Nós temos unha desas publicacións, polo que nestes días expoñeremos os 50 carteis no centro no que traballamos para que así os nosos visitantes poidan deleitarse cunha visión moderna e cunha panorámica de a quen foron dedicados as Letras Galegas nestes 50 anos.

Para ver todos os carteis da publicación ou para descargar o arquivo pdf de cada un deles no web da RAG.

Para ilustrar esta entrada quixemos facelo co primeiro deles con texto de Teresa Moure e deseño de Danivx/D. Costa, o de 1963, cando se lle dedicou a Rosalía de Castro.

Aromas

En ActualizArte o 06/05/2013 ás 06:54

Somos “devotas” de Philippe Claudel desde que lemos “La nieta del señor Linh”, unha obra conmovedora e desconcertante sobre a vellez que non deixamos de recomendarlle a todo aquel que busque lecturas que fagan pensar grazas á mestría do autor. Logo tocoulle a quenda a “Almas grises” e á desgarradora “El informe de Brodeck”.

Había tempo que non tíñamos novas do escritor, emporiso, cando vimos no escaparate da librería a súa última publicación, non dubidamos en mercala de inmediato.

O título, “Aromas”, xa é suxestivo de seu, ao igual que a sinopse editorial:

Si prescindiéramos de las imágenes y los sonidos, nuestros recuerdos serían una sucesión de olores percibidos desde la infancia. A partir de esta original propuesta, Philippe Claudel —autor de obras de gran repercusión como Almas grises y La nieta del señor Linh— ha reunido en esta colección de textos breves una serie de momentos rescatados de su memoria por el poder evocativo de los aromas que los acompañaron. El perfume intenso de la tierra negra, de los ríos oscuros y los bosques de abetos de su Lorena natal; la fragancia de la loción de su padre, en contraste con su ausencia en la casa inodora y vacía tras su muerte: tan sólo una muestra de la infinita variedad de olores asociados a los objetos, lugares y gentes que jalonan una vida. Aromas del hogar familiar, de la adolescencia, del internado, de los primeros amores. Olores que fascinan, que incomodan, que hacen soñar, y que van conformando la identidad de un ser humano, cada uno de ellos convertido, mediante la prosa traslúcida y elegante de Claudel, en un elixir mágico que fascina por la fuerza de su pureza y sencillez. Más allá de un mero ejercicio de introspección intimista, estos textos son un homenaje a la tierra que lo vio nacer, a las personas relevantes de su vida, así como una celebración de todos aquellos instantes de plenitud con que suele regalarnos la existencia.

Recomendamos lelo devagariño, un capítulo e deixar pousar, e así pouco a pouco ata completar os 63 aromas descritos, recreándonos nas sensacións que nos producen a nós as aulas, as casas da infancia, as sabas limpas, a terra ou as viaxes.

E trala lectura unha recomendación para levar ao terreo profesional: xogar co noso alumnado a analizar, nomear e poñerlle nariz a distintos momentos da súa vida.

A arte da (non) guerra

En ActualizArte o 06/05/2013 ás 06:53

Recentemente vimos a coidada edición en galego de “A arte da guerra” realizada por Teófilo edicións. Nós coñecemos a obra de Sun Zi nos cursos de dirección estratéxica, xa que logo, se inicialmente foi concibida coma un tratado da práctica militar, na actualidade emprégase na formación para o liderazgo nas organizacións.

Dubidamos moito se recollelo non blog por mor de como puidera ser entendida esta recomendación. Como todo o que reseñamos, é porque a consideramos unha lectura útil, que ensina a estratexia suprema de aplicar con sabedoría o coñecemento da natureza humana nos momentos de confrontación. Emporiso, non o facemos porque sexa un libro sobre a guerra, senón unha obra que axuda a comprender as raíces dun conflito e buscar unha solución intelixente.

Como mostra, velaquí algunhas frases do tratado e que cadaquén llelas aplique á súa vida profesional ou persoal.

“Si coñeces aos demais e te coñeces a ti mesmo, nin en cen batallas correrás perigo; si non coñeces aos demais, pero coñéceste a ti mesmo, perderás unha batalla e gañarás outra; si non coñeces aos demais nin te coñeces a ti mesmo, correrás perigo en cada batalla”

“En liñas xerais, dirixir a moitas persoas é como dirixir a unhas poucas. Todo se basea na organización.”

“Si as instrucións non son claras, as explicacións e ordes non son confiadas, a falta é do xeneral.

“Si o teu plan non contén unha estratexia de retirada ou posterior ao ataque, senón que confías exclusivamente na forza dos teus soldados, e tomas á lixeira aos teus adversarios sen valorar a súa condición, con toda seguridade caerás prisioneiro.”

“(…) Fallar en coñecer a situación dos adversarios por economizar en aprobar gastos para investigar e estudar á oposición é extremadamente inhumano, e non é típico dun bo xefe militar, dun conselleiro de goberno, nin dun gobernante vitorioso.”

“A arte da estratexia é de importancia vital para o país. É o terreo da vida e a morte, o camiño á seguridade ou a ruína.”

“Cando as ordes son razoables, xustas, sinxelas, claras e consecuentes, existe unha satisfacción recíproca entre o líder e o grupo.”

“Calquera que teña forma pode ser definido, e calquera que poida ser definido pode ser vencido.”

Para quen queira acceder ao resumo dos seus trece capítulos en castelán.

O bo mestre

En ActualizArte o 28/01/2013 ás 07:47

image

Recentemente lemos no blogue  Observatorio de innovación educativa liderado polo filósofo José Antonio Marina, director do CEIDE, e coeditado pola pedagoga Carmen Pellicer -subdirectora do mesmo-, un post titulado O bo mestre que queremos compartir e do que recomendamos a súa lectura.

Imos buscando, como di José Antonio Marina, boas prácticas educativas, como sementes de cambio que, de savia vigorosa, sexan capaces de comerse tanta cizaña mediática que fai cambalear a esperanza de que a educación pode transformar un futuro que vemos tan incerto. E sabemos que, no fondo, todas as experiencias educativas de éxito teñen un só elemento en común: bos profesores que as incitan e acompañan, non para brillar nin presumir, senón para que os seus alumnos aprendan e medren. Por iso, moitas están ocultas e quedan no secreto da cotidianeidade de centos das nosas aulas.

Queremos desvelalas, e aos seus artífices, os bos mestres. 

Aprendemos cada día de todos eles o significado e o poder que se esconde detrás de “dar clase”, de poñerse diante dun grupo de nenos, que, aínda que só por un instante están expectantes. Algúns, cal magos do espírito, son capaces de lograr imposibles e de deixar pegadas nas súas mentes e nos seus corazóns. Como son eses protagonistas das mellores clases? Como é un bo mestre?

Este é o noso particular decálogo:

1. Sabe e cre que o que sabe é importante e necesario para comprender a vida e a un mesmo, e para avanzar, emporiso profunda no coñecemento do que quere ensinar e busca os xeitos de facelo sinxelo e comprensible para todo o seu alumnado.

2. Coñece ben aos seus alumnos/as, non só como son, senón tamén por que son como son e, sobre todo, de que son capaces. Ten de cada un deles unha visión de cara a onde poden crecer en todas as súas dimensións, e sabe como empurralo cara a adiante para lograr o mellor deles mesmos.

3. Identifica as necesidades e os momentos nos que está cada alumno e como afectan ao seu desenvolvemento persoal e xera unha multiplicidade de oportunidades e recursos variados para que todos se impliquen e aprendan en profundidade.

4. Manexa con axilidade diferentes estratexias e metodoloxías que dotan á clase do ritmo e da tensión necesaria para estimular a motivación, a curiosidade, a atención e a reflexión do seu alumnado.

5. Fai aos seus alumnos cada vez máis autónomos e protagonistas da súa propia aprendizaxe, creando un clima cálido e respectuoso de participación e colaboración mutua, xestionando os conflitos con firmeza e eficacia.

6. Fomenta a creatividade e amplía os horizontes de aprendizaxe facilitándolle o acceso a diferentes recursos, experiencias, linguaxes, interlocutores e ferramentas tecnolóxicas.

7. Dedica tempo e esforzo persoal a pensar sobre cada un dos seus alumnos e as súas clases, que prepara, planifica e modifica á vez que estuda, investiga e contrasta para medrar con e para eles.

8. Acompaña os procesos de maduración e aprendizaxe de cada alumno, avaliando e discernindo sobre o que ve e o que revela aquilo que ve, e propoñendo iniciativas de mellora e superación continua.

9. Comparte o seu coñecemento e experiencia, e traballa en equipo cos seus compañeiros, implicándose nun proxecto común que axude ao seu alumnado máis aló da súa aula e da súa mesma escola, facendo cómplices da súa educación ás familias e outros axentes sociais presentes na vida local.

10. Goza dos éxitos dos seus alumnos e das súas alumnas e vive os seus fracasos como propios, cre no que fai e sabe que o que fai pode marcar unha diferenza nas súas vidas, e por iso comprométese con eles, sacando o mellor de si mesmo para eles.

Pero creo, que ao final, e logo de moitos anos de docencia, aprendín que tes que quererlles o suficiente para que che importen. Isto non se pode poñer no decálogo porque o agarimo non se pode esixir, só regalar. Por iso, diante de calquera dos meus grupos de alumnos, pequenos e grandes, necesito deixarme seducir e engaiolar por eles, e entón deixarme a pel e a vida en arrincarlles sorrisos, miradas de complicidade, preguntas e inquietudes, facelos enfadar e sorprendelos. 
E entón ese agarimo que se nutre do roce diario, a impaciencia, o cansazo superado, a rutina que se rompe, á vez que das miles de recompensas fugaces que recibes cando os ves medrar e ser máis e mellores. Ese agarimo é o que os educa, e o que te sostén a ti.

Cremos que todas e todos nos sentimos identificados con estas verbas de Carmen Pellicer, e nestes tempos de abatemento e desacougo polo futuro da nosa benquerida educación, faise preciso ter moi presente sinxelos decálogos como este que logran que nos escintilen novamente os ollos ao pensar na nosa vocación, na nosa labor, no noso alumnado e no futuro de toda unha xeración.

 

Menores en crise

En ActualizArte o 21/01/2013 ás 07:40

Cada vez faise máis difícil traballar en centros de zonas zoupadas pola crise e pola actual conxuntura socioeconómica. Conflitividade nas familias, maltrato -ou non bo trato- aos máis pequenos, menores en risco social, situacións familiares legalmente controvertidas, etc, cada día vén un caso novo pola porta cunha complexa situación detrás. Ben sabemos que a peor parte é para as criaturas, pero certamente ás docentes non hai quen nos bote unha man. Quen nos debe asesorar sobre as complicadas e opacas leis que se aplican en cada caso; quen nos defenderá se nos equivocamos?, a quen debemos recorrer?

Perante a falta de información/formación sobre estas cuestións, agradecemos unha publicación recente “Menores en crisis. Propuestas de intervención y medidas reeducativas”, que chega a nós da man da profesora da USC Dolores Fernández Tilve, que xunto con J.M. Suárez Sandomingo, presidente de APEGA, coordinan esta obra na que colaboran profesionais de recoñecido prestixio animados pola vocación de contribuír ao reto da inclusión socioeducativa.

Así, tralo prologo do profesor M. Zabalza Beraza, pasa aos seguintes temas:

  • El plan de convivencia de los centros escolares: una mirada reflexiva.
  • Intervención ante el maltrato infantil.
  • A integración escolar y social de jóvenes inmigrantes en España.
  • Intervención laboral con jóvenes en situación de desventaja.
  • Atención a las dificultades de relación en la pareja.
  • Intervención en familias con menores en situación de riesgo.
  • Intervención grupal con familias de adolescentes.
  • Intervención con familias que experimentan la separación o el divorcio.
  • Intervención educativa con infancia y adolescencia en situación de riesgo, conflito social o exclusión social. Hacia una metodología de intervención inclusiva.
  • El acogimiento familiar.
  • El proceso de valoración de los solicitantes de adopción nacional e internacional en España.
  • El menor infractor: evaluación del riesgo e implicación para el tratamiento.
  • Medidas y programas en el ámbito de la Ley 5/2000 reguladora de la responsabilidad penal de los menores y su posterior modificación por la Ley Orgánica 8/2006.
  • La intervención educativa con menores privados de libertad.
  • Los equipos de intervención con menores y otros profesionales: funciones y metodologías de trabajo.
  • Riesgos emergentes en las relaciones entre niños: acoso, ciberacoso, bullying, ciberbullying, grooming.

Un libro para ter á man nos centros arredor duns temas sobre os que deberíamos recibir formación.

Enciclopedia virtual sobre o desenvolvemento da primera infancia

En ActualizArte o 11/01/2013 ás 18:41

Xa podemos acceder en español á Enciclopedia sobre el desarrollo de la primera infancia producida polo Centro de Excelencia para o Desenvolvemento da Primeira Infancia da Universidade de Montreal, destinada a responsables políticos, planificadores e provedores de servizos e familias.
Agrupa artigos escritos por expertos de renome internacional sobre temas relacionados co desenvolvemento dos nenos/as, desde a concepción ata os cinco anos.

Os 47 temas foron elaborados desde tres perspectivas: o desenvolvemento, os servizos e as políticas.  Para cada tema hai unha síntese que ofrece, nun formato simplificado, os puntos craves que serán de gran utilidade para os profesionais e planificadores. Esta síntese responde a tres preguntas: Por que é importante este tema? Cales son os datos máis actualizados e concluíntes dispoñibles sobre este tema? E que podemos facer para mellorar os servizos, as políticas e a investigación?

É unha ferramenta única en liña, de acceso libre e aberto, presentada en tres niveles de linguaxe (artigos de expertos, sínteses e mensaxes craves): está dispoñible en inglés, francés, español e portugués, o que fai que sexa accesible a unha ampla audiencia en todo o mundo.

Desde aquí a listaxe completa de temas.

5 mentes do futuro

En ActualizArte o 14/12/2012 ás 08:06

En momentos de gran confusión nos que todo o mundo opina sobre a función e obxectivo da educación, cremos que poder resultar esclarecedora a lectura da publicación “Las cinco mentes del futuro” de Howard Gardner.

O cultivo da mente disciplinada, da mente sintética, da mente creativa, da mente respectuosa, da mente ética, niso se podería resumir a finalidade da escola nos tempos actuais. Cinco frontes a traballar desde todos os ámbitos.

Nun tempo de sobresaturación de información, imposible de memorizar, faise preciso unha mente disciplinada, que sexa quen de cuestionala, de procurar a relevante e descartar a falsa; unha mente que sintetice (mente sintética) esa información dotándoa de sentido para así poder transmitírllela aos outros, creando novas formas de entendela (mente creativa), respectando distintas crenzas, formas de vida, de cultura (mente respectuosa), encarnando o compromiso ético e a excelencia (mente ética).

Sinxelo; non se precisan máis indicadores de calidade educativa, tan só que cadaquén, desde o seu ámbito (escolar, familiar, administración, etc), comprobe se a súa tarefa está a favorecer estas cinco mentes.

Entrevista a H. Gardner sobre o libro.

Leamos xuntos

En ActualizArte,FamiliarizArte o 10/12/2012 ás 07:52

Chéganos un valioso documento publicado polo Ministerio de Educación de Chile para fomentar o hábito lector en familia: “Leamos juntos. Orientaciones para fomentar la lectura en familia”.

Comeza cun conto de Violeta Diéguez, Tiempo de sol, horas de luna, sobre un neno cuxo pai nunca atopaba tempo para lerlle un conto, e sigue cun artigos de varios expertos en fomento de lectura que van debullando o papel da familia como primeira protagonista en inculcar o gusto pola lectura e nos que se entende que este acto lector ten a virtude de converterse nunha experiencia de encontro no fogar.

Segue con experiencias lectoras, suxestións para xerar unha actitude positiva do neno fronte á lectura, propostas de lecturas compartidas, como incorporar ás familias, bibliografía e webgrafía, así como unha escolma de libros para ler en familia, non clasificados segundo idade, senón:

-para os que non saben ler,
-para os que len acompañados,
-para os que xa len sos, e
-para os que teñen un maior nivel de comprensión.

Ao longo da publicación vanse apuntando algunhas sentencias dignas de profundo análise como son que as lecturas son unha herdanza familiar ou que ler é amar.

Unha publicación para orientar, para divulgar e para facilitar ás familias a través dos blogs de biblioteca, de centro ou de aula.

Clima organizacional nos centros

En ActualizArte o 26/11/2012 ás 07:45

Chega ás nosas mans un artigo da publicación Cuadernos de Management para una dirección eficaz, titulado “Gestión del clima organizacional en la mejora de la efectividad”, de William J. Reddin, que nos fai pensar moito no clima das organizacións nas que traballamos, os centros educativos e na súa plasmación nos claustros.

Un experto en xestión de organizacións sentado nun claustro –e similares: equipos de ciclo, de nivel, de dinamización, de coordinación pedagóxica, departamentos…-podería facer un retrato do clima do centro, dando resposta a algunhas das preguntas que se propoñen no artigo tales como: que clase de xerentes temos?, que tipo de conduta é a que se recoñece?, que se considera como recompensa?, que conduta é desmotivada?, como se manexa o conflito?, como se toman as decisións?, existe confianza entre a xente?, e outras máis coas que identifican 4 climas organizacionales clasificados en dous grupos segundo están orientados cara a tarefa (OT), enfatizando a produción; ou ben orientados cara a relación (OR), escoitando, confiando e motivando á xente. Propoñen no artigo 23 características que diferencian os catro climas e que aconsellamos aplicar, dando resposta a condutas habituais da organización.

Polo que nos interesan estas cuestións é porque cando se identifica o clima organizacional, pódese influír nel e mellorar a súa efectividade.

Lendo o artigo, poderemos descubrir se traballamos nun centro cun:

-Clima estancado: con regras estritas; poucos resultados aceptables; evitando o implicación e a responsabilidade; poucas suxestións ou opinións voluntarias; xerentes pouco creativos, non orixinais e con mentalidade estreita; resistencia ao cambio; baixa preocupación polo erros; e baixa cooperación.

-Clima de sumisión: no que se omiten ou suavizan os desacordos; cunha atmosfera cun marcado ton amable, cálido e xentil; con demasiada importancia ás relacións humanas; derivando a preocupación da organización cara o fácil, eludindo o difícil; con poucas iniciativas; pasividade; pouca dirección; pouca preocupación polos resultados; moito interese nas actividades sociais; e con xerentes que son vistos como persoas agradables, cálidas e xentís.

-Clima autoritario: con comunicación primordialmente cara abaixo; con máis ordes e menos consultas; os superiores vense como críticos e ameazantes; con énfase na produtividade a curto prazo, non de longo percorrido; supresión de desacordos; acción inmediata; resultados requiridos; e o xerente típico toma decisións rápidas sen consultar.

-Clima ambiguo: hai ambivalencia sobre o propósito global; un esforzo aparentemente comprometido que queda a medias; pouca claridade na estratexia, na estrutura e nas políticas; as decisións por maioría son unha regra que se aceptan aínda que non sexan óptimas; hai promoción de ideas pero cun seguimento pobre; e o xerente é visto como un bo solucionador de problemas.

-Clima equitativo: mantemento a sistemas establecidos; observación de detalles e execución eficiente das tarefas; comunicación escrita prevalente para gardar posicións; referencia a regras constantemente; confiabilidade polo funcionamento metódico; pouca creatividade; énfase na orde, nas regras e nos procedementos; grandes tomos de políticas e de procedementos; e o xerente é visto como lóxico, honesto, seguidor das regras e equitativo.

-Clima humanitario: énfase no desenvolvemento do talento; apoio tanto en experiencias de éxito como de fracaso; alta cooperación; escoitase a xente e estimúlase; decisións en equipo; alta comunicación en todas as direccións; e o xerente típico é visto como interesado nos individuos e nas súas motivacións.

-Clima produtivo: alto énfase na cantidade, a calidade e o tempo; alta conciencia do custe, das vendas e dos beneficios; orientado ao logro; intenso énfase na comunicación de arriba cara abaixo; alto nivel de enerxía; e o xerente típico e un infatigable xerador da produtividade.

-Clima de desafío: énfase no logro de obxectivos e de plans; alta coordinación; esforzo comunitario; compromiso cos propósitos da organización; o alto desempeño é motivado en forma continua; énfase no equilibrio xente-traballo; toma de decisións balanceada entre o individuo e o equipo; e o xerente típico distínguese por ter altos estándares para el mesmo e para os demais, así como pola procura constante de novos desafíos.

Cremos que a meirande parte dos nosos centros estarían entre as catro primeiras posibilidades, malia todo o artigo conclúe que non hai un clima máis efectivo ca outro, tan só que o clima organizacional debe ser o apropiado á situación na que se opera. Na nosa opinión iso será desde o punto de vista do rendemento, pero desde o punto de vista educativo, claro que hai climas máis adecuados ca outros, e por suposto que uns son máis educativos ca outros.

Cal é o clima organizacional dos vosos centros de traballo?

Imaxe Rune Guneriussen

O ben-estar ou estar-ben da infancia

En ActualizArte o 19/11/2012 ás 07:59

Nun momento no que parece haber unha intrumentalización da educación infantil atribuíndolle un nivel preparatorio ou prebásico para certos aprendizaxes escolares e sobreenfatizando o desenvolvemento anticipado da escrita, da lectura e do cálculo, da introdución das tecnoloxías, e doutras linguas estranxeiras –con sofisticados programas “de calidade” e inverosímiles proxectos didácticos, xa se empezan a escoitar voces autorizadas e críticas con esta tendencia que deixa de lado aspectos esenciais como son a creatividade, a imaxinación, a mentalidade aberta, e a expresión artística, algo que afecta profundamente ao dereito e á alegría do neno a aprender a través do xogo.

Entendendo que o ben-estar ou estar-ben debe ser unha das grandes finalidades da educación da primeira infancia, preocupa o mal que o están a pasar os menores en moitas instancias sociais entre as que se encontra –ás veces- a propia familia e/ou a escola. Coinciden moitos dos expertos en que cómpre unha reflexión profunda sobre o que necesitan os nenos no mundo actual. Pregúntanse, pregúntannos e queren que nos preguntemos se os nenos son felices nos diversos escenarios nos que participan; se experimentan benestar ou están continuamente presionados por diversos factores de competencia do ámbito dos adultos; se viven esta etapa desde as súas características infantís tan propias.

O acceso de todos os nenos/as a experiencias educativas de calidade é unha das finalidades principais do programa Metas educativas 2021 da OEI, así, entre outras actuacións, encargan estudos que axuden a afondar nese concepto de calidade. O máis recente é a publicación “Antología de experiencias de la educación inicial iberoamericana”, coordinado por Laura Hernández e  Mª Victoria Peralta, unha voz recoñecida internacionalmente no eido da educación  infantil.

Unha obra organizada en dúas partes:

-a primeira delas pretende proporcionar unha base teórica sobre aspectos clave para a educación infantil, aludindo á necesidade do  ben-estar ou do estar-ben, das boas interaccións entre as persoas adultas e os nenos, así como de estratexias metodolóxicas que cumpran con eses requisitos.

- a segunda parte, centrada na práctica educativa, estrutúrase en catro temáticas: o xogo e a arte, a atención á diversidade, nos ambientes desafiantes para os nenos e no sistema paralelo de educación formal/non formal.

Unha lectura e unha reflexión necesaria que nos obriga a parar e repensar a atención que lle estamos dispensando aos máis pequenos, así como nos verdadeiros atributos da calidade educativa.

Libreiros

En ActualizArte o 02/11/2012 ás 15:41

O vindeiro 30 de novembro celebrarase o Día das librerías a iniciativa dos Gremios e Asociacións de Libreiros. Ofertas especiais, xornadas de portas abertas, iniciativas orixinais e moita promoción da venta de libros coa que tratan de atallar unha preocupación que teñen neste sector desde sempre e que agora se viu agravada coa crise económica, co incremento do IVE, coa falta de subvencións, cos cambios nos soportes de lectura, e engadido a isto, coa percepción social de que tamén hai moito consumismo irresponsable neste eido, manifesto na actual conxuntura económica nunha volta ao gusto por reler.

En calquera caso, e aínda considerando o papel cultural –entre outros moitos- das librerías, nós a quen lle dedicaríamos o día sería aos Libreiros –así con maiúsculas-, porque que é unha librería sen un libreiro que ame os libros e a lectura: un self service, unha tenda de paso. Un dependente que se limita a pasar o lector do código de barras e a meter nunha bolsa o libro elixido, non fai que ese lugar se converta nunha librería. Todos temos na nosa cabeza unha librería de referencia, e case sempre é determinante nesa predilección a persoa que media entre os libros e nós. Alguén que, con dotes de psicólogo, é quen se coñecer os nosos gustos; alguén que, coma un amigo, é quen de saber o que precisamos ler en cada momento; alguén que, sen  anularnos, é quen de conducirnos polo labirinto dos libros que paga a pena coñecer. O único que diferenciaría este libreiro ideal dun bibliotecario ideal sería que a mediación está ligada a unha transacción económica. A eles sería a quen habería que dedicarlle os días especiais: non día das bibliotecas senón día dos bibliotecarios; non día das librerías senón día dos libreiros.

O Laboratorio do Libro vén de publicar on line “La gran transformación. Panorama del sector del libro 2012-2015”, no que a modo de declaración de intencións se recollen os temas a tratar polo sector nos vindeiros anos: políticas do libro, hábitos de consumo, promoción, dereitos de autor, produción, empresas, contidos. No seu capítulo 3 dedicado á educación e á cultura, aportan datos sobre as porcentaxes de lectores segundo tramos de idade. Curiosamente nos dous que comprenden dos 6 aos 24 anos acádase preto dun 83%, mentres que no seguinte, de 25-34 anos hai unha caída de case 15 puntos. Intuímos que nisto algo teñen que ver os mediadores de lectura. Na etapa na que transitan polo sistema educativo é cando máis se le, entendemos que, grazas ás recomendacións de quen media entre os libros e os nenos e mozos.

O vindeiro día 9 terá lugar en Compostela o IX Simposio O libro e a lectura, organizado pola AGE, baixo o lema “O futuro da librería”, no que se tratará a comercialización do libro, o uso das redes sociais na súa promoción, os modelos de negocio e o futuro das librerías. Supoñemos que detrás de cada unha das iniciativas exitosas que se presentarán  hai sempre un libreiro/mediador atento aos novos tempos, ás novas canles de demandas, pero todos eles baixo o denominador común de amantes dos libros, dos lectores e da lectura. Na nosa humilde opinión, iso é o modelo de negocio cara o que deben tender; librerías con profesionais da lectura (non das ventas) e das relacións públicas ao fronte, de tal xeito que caractericen e diferencien o establecemento doutros moitos. Cada vez estamos máis convencidas de que neste mundo global só sobreviven os que teñen discurso propio, e as librerías poden vender todas os mesmos libros, pero unha das razóns polas que acudimos a unha e non a outra é polo libreiro/a que nos atende e asesora.

Na actualidade hai todo tipo de tendencias, librerías cafeterías, librerías pub, librerías sala de exposicións, librerías local social, decoracións de vangarda, minimalistas ou de librerías de vello, librerías on line, macrolibrerías e microlibrerías, pero o que faltan son libreiros. De aí que hoxe queiramos facerlle unha homenaxe aos nosos libreiros de cabeceira, que ao igual ca os médicos, os terapeutas  ou os asesores espirituais tanto fan por nós.

Imaxe: escultura de Manuel García Buciños

Situación actual da Atención Temperá en España

En ActualizArte o 31/10/2012 ás 12:10


Nalgunha ocasión temos constatado as diferenzas entre os servizos de Atención Temperá das distintas comunidades autónomas, mesmo as discrepancias entre as valoracións do grao de minusvalía de certos rapaces para que así poidan ser usuarios destes servizos. Algo grave pero real, moi na liña de todo o que está a acontecer en case todos os ámbitos sociais: fanse as leis e as trampas aparecen case ao mesmo tempo para salvar os impedimentos e limitacións que marcan as normas. En calquera caso, cando recibimos nenos/as con necesidades educativas especiais procedentes doutras comunidades, sempre tratamos de indagar a atención que recibiron o que nos permite a nós e aos seus pais aprezar as diferenzas de prestacións; isto ao noso entender é de grande interese para centros coma nos que traballamos que acollen a un número significativo de alumnado procedente doutras comunidades e/ou con necesidades educativas especiais.

Agora, dispoñemos dun estudo que nos dá unha panorámica de  ”La realidad actual de la atención temprana en España. Trala publicación, hai xa uns anos, do “Libro Blanco de la Atención Temprana”, no que nos facían saber a necesidade deste servizo como público e de balde, agora a Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Atención Temprana quixo realizar un estudo máis completo que permitira reflexionar e valorar aspectos cuantitativos e cualitativos da mesma, establecendo comparacións e extraendo conclusións para a mellora da atención temperá.

Recomendando a súa lectura, tan só queremos salientar a gran diferenza que se dá entre as 17 comunidades autónomas e a tendencia a retirar esta prestación cando os nenos/as inician a escolarización entendendo que debe ser asumida polos equipos de orientación dos centros, algo que non compartimos xa que logo entendemos son complementarios non excluíntes.

“Tocar el arte”

En ActualizArte,CativArte o 24/10/2012 ás 06:55

Hai unhas semanas escribiunos un compañeiro de infantil para recomendarnos tres publicacións dunha pequena editora na que el participa. Quixemos comezar mercando “Tocar el arte. Educación plástica en infantil, primaria y … Técnicas e ideas para el desarrollo de la competencia artística”, gustounos a reseña editorial, a información que vimos no blog do libro e maila combinación de palabras que agora non adoitan figurar xuntas nos modernos discursos sobre a educación artística nas aulas.
Moitos avatares teñen acaecido nas denominacións do traballo coa linguaxe, materiais e recursos plásticos, malia todo, en moitas aulas séguese a facer como alá polos anos 70 do século pasado, é dicir, asimilando educación plástica a manualidades; ben é certo que con materiais máis sofisticados, pero finalmente, manualidades de la Srta. Pepis en serie. Hai bibliografía dabondo que fornece esta vertente de mestra “habilidosa e creativa”.
Logo hai unha segunda tendencia que tamén perverteu as ideas orixinais, o que grandilocuentemente algúns denominan “traballar coa arte”, que non vén a ser outra cousa que coller unha obra dun reputado pintor e pedirlle aos rapaces que a reproduzan, e de paso encherlles a cabeza con datos da vida do autor. Esta moda ata foi adoptada polas editoriais, que facilitan unha escolma con cada unidade didáctica ou “proxecto”, como as denominan, acordes cos tempos e coas demandas das mestras que din “traballar por proxectos”, dun xeito que lle faría renxer os ósos ao mesmo J. Dewey. A terceira destas tendencias é máis recente, vira cara o conceptual da produción artística, da labor dos artistas, e da experiencia estética, pero as veces o seu grao de abstracción é tan elevado, que temos serias dúbidas que os cativos vaian máis alá da mera execución da “intervención ou instalación” que case sempre dá lugar a fermosas fotografías, a complexos discursos, e a moitas caras de perplexidade.
Porén acollemos con agradecemento este libro que en palabras das súas autoras Ghislaine Bellocq e María José Díaz, pretende ofrecer un marco conceptual claro e aplicable; unha proposta sobre cal deber ser a intervención dos docentes de maneira que permitan o desenvolvemento da competencia artística nas aulas; e un conxunto ben sistematizado de actividades sinxelas e significativas para os nenos e nenas.
Tralo prólogo do artista e profesor José Freixanes e da presentación, dannos pautas para organizar o recanto, taller ou espazo de traballo; fálannos de soportes que van máis alá do DIN A4, de utensilios diferentes do plastidecor, dos medios e do papel do adulto. Un segundo bloque céntrase nas técnicas: para liberar o xesto, con outros trazos, a partir dun obxecto, coa xestualidade, arredor do collage, e con volume. Técnicas sinxelas, con materiais baratos ou reciclados e grandes ideas que se poden ampliar co que denominan a “máquina de inventar técnicas”, que mesmo podemos deixar en mans dos pequenos e xogar a experimentar o que sae. Nós xa queremos probala, así como realizar ditados gráficos, monotipos, raspados, soprados e pregados. Séguese cun capítulo sobre a avaliación, no que atopamos unha interesante e útil grella de análise dunha secuencia no que se contempla desde a motivación, a experimentación e a interpretación. Péchase a publicación cunha escolma de artistas contemporáneos clasificados segundo as posibilidades que nos brindan as súas obras para traballar formas, cores, xestualidade ou outras; asemade recollen bibliografía e sitiografía web.
Na conclusión convídannos a entrar no blog que actúa a modo de actualización constante do libro.
Segundo lemos, as autoras teñen unha longa traxectoria na impartición de cursos, polo que non estaría de máis introducir savia nova no endogámico e recorrente mundo da formación do profesorado e contar con elas en grupos de traballo, cursos ou xornadas.
Queremos agradecer desde aquí a Miguel a súa suxestión de lectura e a iniciativa de Kaleida Forma, esta microeditora que pretende traer ideas fermosas á educación –como el mesmo nos dixo- e comentarlle que o seguinte que mercaremos é “Aprender de Finlandia. La apuesta por un profesorado investigador”. Daremos conta.

RELAdEI

En ActualizArte o 24/10/2012 ás 06:53

Chéganos a noticia da aparición dunha nova publicación sobre a infancia. Trátase de RELAdEI, a Revista do Instituto Latinoamericano de Estudios sobre a Infancia, unha publicación científica que se dirixe a un público variado pero con un interese común polo mundo da infancia e o seu desenvolvemento: político, docentes, investigadores, familias, xestores de servizos públicos ou privados dedicados aos nenos e nenas, etc.

Neste primeiro número o equipo editorial dirixido polo profesor Zabalza, acordaron dedicárllelo á recordada Lourdes Taboada, mestra, asesora e presidenta fundadora de AGAMEI, á que tanto lle debemos no campo da formación do profesorado de educación infantil. Con tal motivo, recuperaron o texto da súa intervención en Vitoria no ano 2001 nunhas xornadas de ikastolas, que versaba sobre a lingua escrita e as novas tecnoloxías. Sepáranos máis dunha década, e moitas cousas teñen acontecido nese tempo, malia todo, as reflexións de Lourdes e as súas preguntas seguen sen atopar resposta, polo que recomendamos a lectura deste artigo de plena vixencia e relevancia na actualidade.

Outros interesantes artigos de Franco Frabboni, Battista Quinto Borghi, Inés Corte Vitoria e Rossella Casso, xunto con experiencias de aula, entrevistas e recensións, completan este primeiro número de RELAdEI á que se pode acceder de balde así como ao web de ILAdEI.

Boa andaina.

Informe estatal sobre a Educación Infantil

En ActualizArte o 17/10/2012 ás 05:56

O pasado 29 de setembro presentouse en Madrid o documento “Planteamiento, situación y perspectivas de la Educación Infantil en España”, elaborado pola Plataforma estatal en defensa de la etapa de Educación Infantil, no que se dá un panorama global, analítico e obxectivo da súa situación en todo o Estado.

Segundo indican os seus redactores non é unha obra exhaustiva que pretenda dar cabida a todas as casuísticas que se poden dar nas CC.AA, malia que as ideas centrais forman parte dos planeamentos autonómicos con toda a diversidade e heteroxeneidade que se dan nos diferentes territorios e rexións. Asemade, declaran que pretende ser unha chamada de atención para o duro momento presente que estamos a vivir e para construír un futuro que conteña os principios da educación infantil que contemple os avances que se van producindo nos diferentes campos científicos sustentadores das ciencias psicopedagóxicas.

Para nós, un dos mellores traballos que se ten feito sobre o panorama da educación infantil en España e da concepción que se ten da infancia. Paga a pena telo de referencia para coñecer como foi contemplada nos distintos regulamentos normativos, (LOXSE, LOCE, LOE, LOMCE), dos seus puntos fortes e dos aspectos de mellora.

Imaxe: “El chaparral”, Pamen Pereira

“Memorias de la pizarra”

En ActualizArte o 01/10/2012 ás 07:13

Este verán regaláronos un libro que nos deu para moito pensar no sentido da nosa profesión, na labor que desempeñamos, no alcance da nosa pegada, e no valor nunca ben cuantificado daquilo que producimos na sociedade.

Titúlase “Memorias de la pizarra. Enseñanzas de hoy de los maestros de ayer”, escrito por Carmen Guaita, docente con responsabilidades sindicais que lle posibilitaron a participación en diversos foros educativos. O libro contén as memorias de nove profesionais do ensino que se formaron e deron clase desde a Guerra Civil ata a década dos setenta. Son persoas namoradas da educación e do feito de ensinar, a máis comparten que todos eles viviron momentos difíciles e grandes cambios nos costumes, na escola e na sociedade. Tralas conversas, a autora extrae unhas anotacións que a levan a reflexionar, entre outras cuestións, da vocación docente, da dignidade profesional, dos valores, do tándem familia/escola, da profesionalidade, ou do valor do tempo.

En tempos difíciles, como está sendo o momento actual para a nosa profesión, unha lectura deste tipo pode resultar ata reconfortante. Recomendamos ir léndoo devagar, deténdonos nos contextos,  na descrición da falta de liberdade, na sospeita sobre os que transmiten coñecemento, e como non, na felicidade que se sente cando un ve a medra dos nenos e nenas.

Aprender a escoitar

En ActualizArte o 24/09/2012 ás 06:54

Nos primeiros días co novo grupo de 3 anos, nun momento no que estaban xogando coas ceras, un neno pediume que lle pintara un “cua”, eu pregunteille se quería un pato (as anticipacións, estereotipos e prexuízos das docentes), el insistiu en que quería un “cua”.  Dilixentemente debuxeille un pato, mentres rosmaba contra a manía dos pais de chamarlle aos animais con onomatopeas. El miroume entre estrañado e perplexo e díxome: “Isto é un pato, eu quería un cua.” Cando contrariada me decidín a preguntarlle como era un “cua”, explicoume que era parecido ás motos pero con catro rodas e que con el se podía correr polo monte como facía o seu tío. Fiquei desconcertada mentres consideraba o que pensaría o neno sobre unha mestra á que lle pedía un quad e lle debuxaba un pato.

Aparte das risas que provocou a anécdota entre as compañeiras, disto hai que tirar máis proveito, cando menos unha lección para non esquecer: non sabemos escoitar aos nenos e nenas. Cremos sabelo todo e xa nos anticipamos en troques de prestarlles atención ou de pedirlles máis información facendo as preguntas adecuadas.

Saber escoitar é unha destreza que precisa adestramento, exercitándoa día a día, pero que tamén é moi beneficiosa porque eleva a autoestima de quen fala, reducindo as potencialidadesde conflitos e de malas interpretacións, apréndendo dos outros, e permitíndolle ao que escoita identificar sentimentos e intereses do que fala, sendo así máis efectiva a comunicación.

Pero de nada serve que saibamos a teoría e as vantaxes da escoita activa se non as practicamos polo que deixamos aquí as “10 regras da boa escoita de Keith Davis” para non esquecer:

1ª Deixar de falar, xa que logo non se pode escoitar si se está falando.

2ª Facer que o que fala se atope cómodo, axudándolle a sentir que é libre de falar.

3ª Amosar desexo de escoitar cunha actitude interesada.

4ª Eliminar distraccións.

5ª Tentar ser empático tratando de poñerse no lugar do outro para poder entender o seu punto de vista.

6ª Ser paciente, dedicándolle o tempo preciso sen interrupcións.

7ª Manter a calma e mailo sentido do humor.

8ª Ser prudente evitando discusións e críticas xa que isto pon ao outro á defensiva.

9ª Facer preguntas estimulando ao interlocutor e mostrando interese polo que di.

10ª Parar de falar. Esta é a primeira e a última. Todas as regras dependen disto, non se pode escoitar ben mentres se está a falar.

Estas dez regras poderían recollerse en: interesarse, alentar, preguntar, retroalimentar, recoñecer sentimentos e resumir. Xusto o que non facemos sempre nas aulas, nas que estamos esperando que os nenos respondan o que nós queremos escoitar, e onde interpretamos o que nos din en clave do que nós sabemos.

Daniel Goleman, autor de recoñecidos traballos sobre a intelixencia emocional, identifica a arte de saber escoitar entre as principais habilidades das persoas con alto nivel de intelixencia emocional, emporiso, na escola non deberíamos esquecernos de ensinar a escoitar, non só a falar.

Trataremos de telo presente e sobre todo de exercitalo, xa que logo saber escoitar require vontade e disposición cara o cambio.

Antía Cal. Sementar no futuro

En ActualizArte,EmocionArte o 25/06/2012 ás 08:48

Onte  tivemos o gusto de asistir á entrega do Premio Trasalba 2012 a Antía Cal. Nun fermoso acto en Amoeiro, na Casa Grande de Cimadevila, reuniuse ao seu carón unha importante representación da cultura de Galicia, para recoñecer a grande achega desta muller á educación; unha desas iniciativas civís de base senlleiras na nosa terra, que como dicía Víctor F. Freixanes, cómpre salientar, porque xorden da iniciativa particular non esperando que veñan darriba para baixo  por parte das autoridades ou da administración.

Nun día e nunha paraxe única, cun ceo aínda cheo do fumazo da noite anterior  chegamos aos eidos de D. Ramón Otero Pedrayo, os chans de Amoeiro, un lugar deses que tan só se poden atopar en Galicia, cunha vexetación autóctona en máximo momento de esplendor: castiñeiros estrelados coas súas flores, cerdeiras ateigadas de papudos froitos vermellos, carballos centenarios nos que xa asoman as landras, caraveleiras que serven de valos nos camiños, milleiros de estalotes e silveiras cheas da flor da lúa de San Xoán. Un lugar de contrastes, onde o relixioso e o pagán van da man, e no que cada último domingo do mes de xuño, a Fundación Otero Pedrayo, recoñece a labor dun persoeiro pola nosa lingua e pola nosa cultura.

A este lugar de natureza non domesticada pola man do home, -ao que ata de agora non chegara Antía Cal, malia que sempre que pasaba pola estrada de Ourense miraba con sentir e dicía “por aí vaise a Trasalba”-, levou onte o seu discurso, tamén, coma ela, indomable; un alegado pola primeira educación dos nenos e das nenas.

Antía Cal, á que agora facía preto de cinco anos que non víamos, chegou coa enerxía e determinación que a caracteriza, e coma quen bota fóra a xenreira, denunciou a situación que está a vivir a educación en Galicia. Cunha exposición valente, nun discurso que lle dedicou ao seu home Antón Beiras, -o seu compañeiro de viaxe/viaxes e mentor no galeguismo-, falou das falacias das teses oficiais sobre a excelencia, o esforzo ou a calidade no ensino. Puxo en pé varias veces ao auditorio, que non se cansaba de escoitar as razóns dunha octoxenaria que segue a crer naquilo que a levou a fundar un colexio diferente en Vigo nos anos 60, e no que se lle ensinaba aos nenos e nenas a pensar e a ser cidadáns con dereitos.

Emocionouse e chorou coa rabia cando recordou ao seu pai, un fillo da aldea que tivo que emigrar a Cuba analfabeto –“para vergoña de España”, algo que por desgraza, nos tempos que corren, agora pode volver a acontecer cos recortes aos que está sendo sometida a escola no rural, que van a botar a perder todos as sementeiras de Antía e doutros moitos coma ela que traballaron pola mellora da educación en Galicia.

Para non estendernos, máis, coma nun exercicio de revitalización profesional, aconsellamos ler o seu discurso completo que se publicará no web da editorial Galaxia. Faranos ben a todos e a todas os que xa estamos fartos de escoitar palabras baleiras de sentimento pola educación.

Con motivo do premio, a Fundación Otero Pedrayo publicou o libro “Antía Cal. Sementar no futuro”, no que se recollen artigos  de Xesús Alonso Montero, Xosé Neira Vilas ou Antón Costa entre outros; unha carta que lle dirixira D. Ramón, un poema que Celso Emilio Ferreiro lle dedicou aos nenos e nenas do Colexio Rosalía de Castro; a visión de Marta Mata e Pilar Benejam sobre a labor de innovación educativa de Antía en Galicia; cariñosos e agradecidos recoñecementos de algúns dos seus alumnos e compañeiros; así como unha completa cronobiografía.

Nós tamén fixemos a nosa achega para esa publicación, cun pequeno artigo que leva por título Antía Cal, a Mestra, no que tratamos de mostrar a admiración que sentimos por Tita, para nós un exemplo de muller innovadora, con sobrada competencia profesional, adiantada ao seu tempo, comprometida coa educación e cultura galega, da que recomendamos, para que non a coñeza, a lectura do libro no que recolle a súa memoria “Este camiño que fixemos xuntos”, publicado no ano 2006.

Non podíamos imaxinar mellor maneira de pechar este curso escolar que cunha homenaxe á educación dos primeiros anos como a que onte defendeu Antía Cal e que se pode leer desde aquí en “Carta a Antón Beiras“.

De infantil a primaria: un verán

En ActualizArte o 04/06/2012 ás 12:57

De infantil a primaria só hai un verán polo medio, -ao igual que de 0-3 a 3-6-, e con todo, os nenos/as vense inmersos nunha transición, para eles complexa, á que ás veces non se lle presta a debida atención.

Neste momento, na nosa aula, non hai día que non se fale do paso a primaria; é un tema que se autoconvidou desde fai aproximadamente un mes. Eles teñen sentimentos ambivalentes con respecto a este cambio: ir á escola dos maiores, por unha parte é como unha medra persoal, pero pola outra xéralles moita ansiedade. Intúen que non vai ser o mesmo.

No artigo 10 da Orde de 25 de xuño de 2009, pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo de EI, refírese á coordinación entre ciclos e aos mecanismos de coordinación entre o profesorado que imparte nesta etapa co do primeiro ciclo de educación primaria, así como co do ciclo 0-3. Agora ben, como se realiza esta coordinación? Con dificultade, con moita dificultade.

Recordo de sempre escoitar as queixas do profesorado de EI con respecto ao de EP, porque cando se reunían con motivo do “traspaso” de alumnado, o único que dicían era o que deberían saber facer os nenos –ler e escribir-, que en caso negativo terían que asumilo eles, co conseguinte “retraso” no seu programa. As de infantil sempre volvíamos moi anoxados coa falta de consideración para co noso traballo, de tal xeito que en moitos casos, se substituía ese formalismo pola entrega de documentación preceptiva, e aí se acababa a coordinación.

Pero, introduciuse un novo elemento na cadea de laios: daquilo que nos queixabamos dos de primaria, agora, facémolo os de 3-6 cos de 0-3. Paradoxos da educación! Gustaríame saber cantas docentes do segundo ciclo se reúnen coas educadoras do primeiro, para saber dos nenos e nenas que van acoller no mes de setembro. Ademais, non pasa nada, porque ninguén vela polo cumprimento do devandito artigo 10.

O fracaso destas xuntanzas pode atribuírselle a que o que está no chanzo darriba, sempre inquire ao de abaixo, para saber en que medida os nenos e nenas que “lles van a pasar” se axustan aos seus obxectivos. Nunca é para escoitar e coñecer o que fixeron, o que e como aprenderon.

Unha das primeiras sentencias que aprendín na escola de Maxisterio, foi aquela máxima de Ausubel: “Averígüese lo que el alumno sabe y actúese en consecuencia.” Hai que escoitar aos nenos ou a quen pode darnos información deles –os que ata o de agora foron os seus docentes ao longo de 2 ou 3 anos-, facendo unha escoita activa, pois isto pódenos ser de máis axuda ca sometelos a unha batería de preguntas para saber se saben o que nós queremos que saiban.

As reunións teñen que ser planificadas, pois pola contra poden converterse nun intercambio de anécdotas, porén, fixemos unha escolma de información referida á transición de etapas, á súa organización, inclusión na programación anual así como experiencias de centros:

-“La transición entre etapas. Reflexiones y prácticas”, publicado en Graó no 2007, con colaboracións de José Gimeno, Serafín Antúnez e Joaquín Gairín, entre outros.

-Lo que diferencia a un niño o una niña de Educación Infantil cuando pasa a Educación Primaria es un verano, publicado na revista dixital do CEP de Alcalá de Guadaíra, no 2010.

-Metáforas de la transición: la relación entre la escuela infantil y la escuela primaria y la perspectiva de los futuros docentes de educación infantil.

-La gestión de las transiciones en el proceso educativo.

Para nós, son dúas reunións, que poden evitar actuacións erráticas que lle xeran todo tipo de desconfianza aos nenos e nenas.

A imaxe tomouse do álbum “O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico” de OQO.

Preparando a entrada na escola, de 0-3 a 3-6

En ActualizArte,FamiliarizArte o 04/06/2012 ás 12:56

Chega o momento de  ir preparando a entrada da nova promoción que  se está matriculando. Agora é a ocasión de ter unha xornada informativa e de acollida coas familias do alumnado de tres anos que en setembro se incorporará ao centro.  Para que os pais e nais nos coñezan, coñezan o colexio, saiban do seu funcionamento, e de como se desenvolverá o período de adaptación –entendendo as razóns polas que se establece esta entrada progresiva. No noso caso terá lugar unha tarde, para favorecer a asistencia dos proxenitores, haberá unha benvida por parte do equipo directivo e unha presentación multimedia onde poderán ver escenas e actividades da vida cotiá na escola na que van escolarizar aos seus fillos; é unha maneira de que vaian apreciando a filosofía do centro. Coñecerán as aulas e os demais espazos e finalmente daráselle un folleto informativo no que se recollen: os obxectivos do período de adaptación, as suxestións para os primeiros días, os consellos a seguir polas familias que favorecerán o proceso de adaptación, e as tarefas para a familia ao longo do verán.

A nós gústanos agasallalos neste primeiro encontro co poema de Azucena Arias “E ti vas á escola? As dúbidas do pitiño”, que tan ben reflicte o sentir dos nenos e nenas nese momento de entrada á escola infantil.

Facilitamos o Folleto de acollida a nais e pais de 3 anos, elaborado para os nosos centros. Observación: na medida do posible tratamos de evitar ese tono que ás veces se emprega no que todo parece que son negativas ou prohibicións –non poñer…, non traer.., non entrar…-, que ás veces causan unha impresión tan molesta nos pais, malia que coincidan coa mensaxe.

A través do blog  Conexión Atlántico- Mediterráneo, soubemos de varios documentos elaborados pola Junta de Andalucía, dos que se pode extraer ideas para a inclusión de información nos blogs ou webs de centro.

Guía de derechos y responsabilidades de las familias andaluzas en la educación. Infantil y primaria”. Esta guía pretende dar sinxelas respostas ás dúbidas que lle xorden aos pais e nais sobre o desenvolvemento dos seus fillos nesta etapa, do que necesitan aprender e facer para andar pola vida, quen llelo pode proporcionar, que dereitos teñen e tamén sobre as responsabilidades que deben asumir para a necesaria complementariedad das actuacións escolares e familiares que garantan os mellores resultados posibles.

Orientaciones a las familias andaluzas. Infantil 0-3”, do que se poden extraer moitas ideas para trasladarlle información ás familias.

Manual de participación para padres y madres. Piensa en participar”, no que se lle explica ás familias cales son as canles e procedementos de participación tanto individual como colectiva nos centros educativos nos que escolaricen aos fillos/as.

Non debemos esquecer que, -se non o fixemos antes-, agora deberíamos facer unha visita á escola infantil 0-3 na que están escolarizados os que en setembro serán os nosos alumnos, para saber deles, do que fan, do que saben e do que esperan do seu desembarco no 3-6.

Imaxe tomada do álbum “O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico” de OQO, que trata da adaptación dun cempés ao ritmo escolar.

Pistoia II: para coñecer o proxecto educativo

En ActualizArte o 10/04/2012 ás 06:56

Para coñecer o proxecto educativo de Pistoia, hai varias publicacións de interese que recollemos deseguido.

A documentación que se nos entregou ás asistentes estaba integrada por tres artigos en español:

Las escuelas infantiles de Pistoia. Notas desde Cataluña”, das profesoras M.Carme Bernal i Creus e Berta Vila i Saborit da Universidade de Vic, no que se describe a relación que mantén esta universidade cos responsables educativos pistoienses desde fai máis dunha década, que permite que estudantes de Maxisterio fagan alí as súas prácticas.

Las escuelas infantiles de Pistoia”, monográfico publicado en Cuadernos de Pedagogía nº 397, xaneiro de 2010, no que se recolle a filosofía deste proxecto educativo e a súa maneira de levalo á práctica con propostas e espazos tanto dentro das escolas como na cidade. Contén entrevistas a Anna Lia Galardini, Donatella Giovannini e a responsables das áreas artísticas ou de lingua oral.

La formazioni degli insegnanti. Il contributo dell´esperienza Pistoiese: un avicinamento ai posible”, de María Riera Jaume, do departamento de Pedagoxía da UIB.

Para máis información recomendamos:

Conversando con Sonia Iozzelli”, en In-fan-cia nº 129, setembro 2011, na que unha das responsables pedagóxicas dos servizos educativos de Pistoia fala do proxecto educativo.

Pistoia: mirando con otros ojos”, no blog Baalya, difundiendo infancia.

Pistoia, una ciudat oberta a la seva infància“, en Guix d´infantil nº 20, xullo de 2004.

Algúns dos proxectos das escolas están recollidos en publicacións como:

Per mano. Pistoia: lo sguardo dei bambini sulle piazze della città”, un fermoso volume con artigos introductorios de Sonia Iozzelli, Anna Lia Galardini, Donatella Giovannini, Alga Giacomelli, e con diversas visións da cidade baixo a mirada dos nenos e nenas.

Per mano. Pistoia: itinerari dei bambini nella natura”. Compilación de experiencias infantís na natureza, visitas aos viveiros que rodean a cidade, ao parque Puccini no que están Lago Mago e Parco Drago, a fala da natureza, as formas do verde, a labor do viveirista, o catálogo, botánica creativa, que cousa é un parque, árbores monumentais, etc.

Il bambino, con arte, nel museo”, centrado na educación artística e estética do alumnado. Con artigos de Carla Rinaldi no que se aborda a creatividade coma unha cualidade do pensamento infantil, de Anna Lia Gallardini, de Angela Palandri, atellierista de Areablu, e a cuestión de fondo sobre se existen os nenos creativos.

Pistoia I: unha cidade amiga da infancia

En ActualizArte o 10/04/2012 ás 06:55

Pistoia - Giochi di societàEn canto entramos en Pistoia, vimos un indicador que nos informaba de que é unha cidade amiga da infancia. Isto é unha distinción que non todas acadan, xa que logo, débese garantir o dereito a que os nenos/as estean presentes en todas as decisións que se tomen na cidade, tendo en conta a súa opinión e as súas necesidades, converténdoos en centro de todas as accións cidadás; algo que máis tarde constatamos.

Ao chegar, paramos a preguntarlle sobre a localización do hotel a un grupo de mozas que pasaban pola rúa, e ofrecéronse a acompañarnos; cando souberon que éramos de Santiago de Compostela, xa nos informaron que o santo patrón de Pistoia é San Jacobo, e ao igual ca na nosa vila, o seu día grande é o 25 de xullo. Deseguido quixeron saber o motivo da nosa visita a esta cidade toscana, e resultou que elas eran educadoras das escolas que íamos visitar, entón o trato xa se tornou de colegas. Un bo inicio.

Para sentirnos como na casa, nesta cidade tan parecida a Compostela, tanto polo seu casco histórico, pola poboación (95.000 habitantes), ou polo ambiente universitario, ao pouco comezamos a atoparnos todas as integrantes do grupo. Quince profesionais da educación infantil, reunidas en período vacacional, pagando do seu peto unha formación -sen certificación homogable- que redundará en beneficio da educación galega. Hai que recoñecer que somos xente que vive, “Il piacere dell´educare nell´epoca delle passioni tristi” tomando as palabras de María Grazia Contini en “Dalle passioni “tristi” alle passioni gioiose: quale professionalità educante, quale impegno etico?”.

Se ben nun principio, cando falamos con Sonia Iozzelli da organización da visita, nos propuxo comezar cunha charla sobre as escolas de Pistoia, logo, acordou que era mellor ir visitándoas e explicarnos in situ os elementos pedagóxicos identificativos destas escolas amables. Así, o luns 2, iniciamos o percorrido polas distintas escolas e tamén nos atopamos cun grupo de Madrid, liderado por Ángeles Medina de la Maza, persoa que ten participado en gran número de actividades de formación aquí en Galicia, na actualidade, orientadora dun equipo de atención temperá de Madrid e profesora asociada na UAM. No tempo que compartimos, tivemos ocasión de saber cal é a situación dos Nidos de Infancia de Madrid. O panorama, como xa se sabe polos medios non é moi alentador: privatización pasando a unha xestión indirecta, recortes de persoal, coa conseguinte rebaixa de calidade da atención á infancia.

Comezamos a visita, porén de agora en diante, iremos dedicándolle varias entradas ás escolas, xunto coas súas correspondentes fotografías, e logo centrarémonos en aspectos que consideramos salientables: proxectos, as familias, o persoal, o ambiente, etc.

Trouxemos preto de 2000 fotografías, isto pode dar para moito. Esperamos saber contar o que vimos nesta cidade do silencio –segundo Gabriele D´Annunzio-, e nas súas escolas que, para nós, falan por si soas.

A Trabe de ouro

En ActualizArte o 27/02/2012 ás 08:04

O discurso de ingreso de Henrique Monteagudo na RAG foi deses que lle quedan a un gravados na memoria e que de cando en vez se volve sobre eles, para así poder apreciar mellor o seu peso para a sociedade e cultura galega. E isto non é algo que aconteza todos os días, malia que non fallan oradores ou conferenciantes. Foi unha vigorosa, clara e valente posta enriba da mesa do que temos entre as nosas mans, o futuro da lingua de Galicia.

Igual de memorable foi para nós, o discurso, tamén de ingreso na RAG, de Víctor F. Freixanes, “Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira”, que onte volvemos a ler de novo, e, malia que xa transcorreron oito anos, sentimos de plena vixencia e actualidade.

Mesmo se podería dicir que sendo dous discursos totalmente distintos, tanto no tema coma no estilo, comparten o enfoque de mirar cara o futuro, facéndolle fronte aos problemas actuais e deixándose de ensoñacións que non conducen a nada máis ca fantasías.

Trataba Freixanes nese ensaio de como enfrontar a encrucillada na que se atopaba a cultura galega (todas en xeral) no cambio de século e das nosas responsabilidades como galegos para non perder os nosos sinais de identidade.

¿Como enfrontar este novo tempo, esta nova modernidade (en termos históricos) dende a nosa identidade concreta de galegos? ¿Que posibilidades ten a lingua nosa nesta nova realidade que nos condiciona e se nos impón? ¿Que  concepto novo de cultura podemos desenvolver neste marco de relacións globais, transnacionais, instalados no discurso dos novos mercados, as novas relacións entre os pobos e os individuos? A globalización é un feito histórico, non algo conxuntural, nin circunstancial, sobre o que se nos pida opinión e que poidamos aceptar ou rexeitar. Igual que a luz eléctrica. Igual e as novas formas da economía, o transporte ou a medicina. Está aquí. É a nova escritura da Historia. Diante do feito cultural, que é un feito de identidade individual e colectiva, caben dúas posicións: a conservacionista e a activa. A conservacionista, bastante común entre nós, caracterizase por xogar á defensiva, preocupados (alarmados) polo que sen dúbida podemos perder: as vellas marcas da tradición, acaso tamén a lingua. É o que algúns denominamos a posición Medulio, ou de museo, instalada na resistencia e, no mellor dos casos, no proteccionismo. Virados cara atrás, asistimos decote á sensación frustrante e desesperanzada da progresiva perda da identidade, que é a perda da identidade dos nosos avós, derradeiros restos da memoria tradicional, tal que administrásemos o final dun xigantesco naufraxio. A súa expresión máis visible é o pesimismo e a melancolía.  A outra postura, na miña opinión a única viable, é  exactamente a contraria: virados cara ao futuro, afrontados aos retos do novo tempo, aínda a risco de trabucármonos, ou de fracasar, queremos seguir escribindo a nosa historia. Dicía o poeta Eliot que ao ser humano pertence a vontade do intento. Ou a cultura galega aprende a convivir coa nova realidade, potenciando as súas posibilidades, profundizando nos seus recursos, renovando o que necesite renovación, abríndose ao discurso da profesionalización e a competitividade, a información e o coñecemento, un novo capital humano en definitiva, capaz  de xerar respostas ás demandas novas que o século presenta, coma os nosos avós fixeron no seu momento, ou dificilmente sobreviviremos.

Esa tensión histórica, esa encrucillada vital remitiuno a dous relatos xa clásicos:

-A Trabe de Ouro e a Trabe de Alcatrán, no que a modo de metáfora, a Trabe de Ouro sería o valor do coñecemento, e a Trabe de Alcatrán representaría o risco consubstancial á acción de coñecer.

-A Paxariña de Armenteira, que complementa o anterior porque é a outra actitude: a entrega consentida, abandonada á vontade dunha entidade superior que nos acolle e gratifica, sen pedirnos nada a cambio. O problema radica nesa perda de vontade, de autoridade: contemplación divina, o abandono feliz ao canto da paxariña ten un prezo. Outros están alí. O mundo deixou de ser noso. Outros mandan na casa que un día construiramos para os nosos fillos.

A Trabe de Ouro é outra cousa. Esixe risco, preparación, estudo, coñecemento. O futuro é un proxecto en construción, implica a vontade  de querer construílo: planificación, ambición, esixencia crítica, conscientes de que podemos fracasar, porque o fracaso, como dixemos, forma parte da posibilidade de éxito, mais sabedores tamén de que se non nos determinamos a asumir o risco, se non nos dotamos dos recursos e dos coñecementos necesarios para explorar o camiño, dificilmente haberá sitio para nós no novo espazo global ao que nos enfrontamos, esa nova modernidade, configuración dos novos tempos, se cadra chea de perigos, mais tamén de oportunidades. O futuro esixe esforzo, consciencia do que podemos perder, mais vontade tamén para asumir o desafío, seguridade en nós mesmos, aínda sabendo que no tránsito, na aventura de vivir, podemos ser expulsados do Paraíso. 

Daquela, xa dicía Freixanes que fronte ao monolinguismo idealista, fronte ao bilinguismo insuficiente, había que dar paso a un multilingüísmo activo.

Para ler devagar, para aplicar con decisión (á lingua, á cultura, e mesmo se queremos á educación ou á escola),  mirando cara adiante, deixando a melancolía atrás.

Facer país co idioma

En ActualizArte o 26/02/2012 ás 10:26

O primeiro que ensina a sociolingüística é que as linguas non son cousas concretas e fixas que a meirande parte da xente tende a crer a maior parte do tempo, adoito confundida por metáforas tan cómodas canto a enganosas nin son organismos que nacen, crecen, madurecen, decaen e morren, nin son axentes ou pacientes de contactos, conflitos, opresións e abusos; tampouco son titulares de ningunha clase de dereitos. As que nacen, viven e morren son as persoas que falan as linguas, igual que as que entran en contacto e conflito, as que cometen ou padecen os abusos son esas persoas e os grupos sociais de distinto tipo que elas configuran. Esas mesmas persoas e grupos, e non as linguas, son tamén os titulares dos dereitos lingüísticos, se tal cousa houber.

Por tanto, o galego e o castelán non están en contacto nin en conflito. O castelán non está superposto ao galego, nin o galego subordinado ao castelán. Somos as persoas que falamos e escribimos un, ou outro, ou os dous idiomas e os grupos sociais formados por esas persoas, que nos identificamos con e a través do un, ou dos dous idiomas, as e os que estamos en contacto ou en conflito, e tamén somo nós as e os que nos podemos atopar por causa do idioma (pero raramente por causa del) en situación de superioridade ou inferioridade, de privilexio ou de marxinación, de convivencia ou de conflito. Digámolo de vez, e queda dito para sempre deica o final do texto que agora comeza: cando aquí tratemos de idiomas, nunca ou raramente imos tratar dunhas entidades abstractas e evanescentes, dotadas de non s sabe cales atributos; imos referirnos máis ben aos grupos formados por persoas de carne e óso que os falan e escriben, que os oen e os len, que se identifican con un, co outro e/ou cos dous (ou máis), imos tratar das persoas que traballan, actúan, enredan, latrican, monologan, negocian, gaban, agariman, aldraxan ou fan o amor con eles, con eles pensan o mundo que as rodea e fantasean mundos de ensoñación, imos falar das xentes que os constrúen, deconstrúen e reconstrúen sen vagar, todos os días e todas as noites a todas as horas.

Dito o devandito, botaremos a singrar o navío.

Con este aceno ás súas raíces mariñeiras, o muradán Henrique Monteagudo, botou onte a andar o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, “Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística”. Sendo como é, un home de consenso cunha visión optimista e de futuro da lingua, no que malia todo, non escatimou tempo en disertar sobre a situación actual da lingua de Galicia e da normalización, partindo desde a lei de 1983, seguindo polos “retortos vieiros” polos que discorreu,  ata as falacias coas que se enreda hoxe á sociedade facéndolles crer que os dereitos lingüísticos son individuais.

Asemade fixo tres esclarecementos ao seu entender fundamentais para comprender a súa tese sobre o vencello necesario entre normalización do galego e construción nacional de Galicia: a) o (auto)recoñecemento de Galicia como nacionalidade non implica necesariamente unha opción a favor da súa independencia; b) a normalización lingüística non é sinónimo ou eufemismo do monolingüísmo social, polo tanto, o recoñecemento do galego como lingua nacional non supón mingua ningunha dos dereitos dos galegos castelán falantes; c) considera un anacronismo  enarborar hoxe un proxecto nacional na Europa do século XXI. Porén, vincula a normalización lingüística á innovación, non a restauración.

Cunha linguaxe sinxela, chea de xiros e expresións que o remiten á súa terra, o sociolingüísta  foi debullando unha disertación na que tocou a crise do proceso de normalización lingüística, o cambio lingüístico, o bilingüismo, as razóns polas que a xente cambia de lingua, a liberdade vs. a necesidade, a ruptura da cadea de transmisión da lingua, as políticas lingüísticas de facto e de iure,  o discurso neoliberal e a falacia da liberdade lingüística.

Rematou cun dito muradán, “Estamos pasando o leste”, e concluíu: “temos dereito ao desalento, pero coa única condición de que saibamos soerguernos, coller rumbo e gañar novo pulo.”

O seu discurso foi agarimosamente respondido por Rosario Álvarez Blanco, que salientou a súa enorme capacidade de traballo e o seu talante integrador sempre aberto ao diálogo e á colaboración, sendo quen de antepoñer o interese social común aos pequenos problemas, ás diferenzas ideolóxicas e ás apetencias persoais.

Trala presentación dos méritos que levan a Monteagudo a ocupar una cadeira na RAG, a académica pechou cun decálogo: 1º) non aceptar a progresiva minusvaloración social do galego; 2º) asumir que as políticas de reversión da substitución lingüística son viables; 3º) insistir na necesidade dunha política lingüística programada; 4º) aceptar que somos as persoas as que entramos en conflito, non as linguas; 5º) desenmascarar a falacia da liberdade lingüística; 6º) facer compatible o dereito lingüístico cunha realidade social que non é de monolingüísmo; 7º) proclamar o valor e a importancia do noso capital lingüístico; 8º) recoñecer que a normalización do galego interesa a todos; 9º) asumir sen reparos a posición do galego na sociedade de hoxe; 10º) recordar que o da normalización lingüística é un camiño aberto, con retortos vieiros polos que transitar xuntos, nun esforzo común de aprendizaxe continuo, con afán construtivo. Como corolario, rematou dicindo que non aceptemos a uniformización, nin moito menos que toleremos que se nos presente como un avance da humanidade a perda da diversidade cultural e lingüística.

Esperamos que en breve se poida dispor dos dous discursos en formato electrónico, pois consideramos que se converterán nun documento de referencia e de consulta para todas aquelas persoas que coincidimos co alí exposto. Desde aquí unha ligazón a unha edición, en palabras do autor en “dabondo cativa”, pero que permite lelo enteiro.

Foi para nós unha grande ocasión estar presentes no acto de ingreso de Henrique Monteagudo, co que, a máis doutras moitas cousas, amizades, feitos e pensamentos, nos une o amor e o respecto polas nosas linguas, malia que soñemos en galego.

Facer lectores

En ActualizArte,FamiliarizArte o 23/02/2012 ás 07:47

Non nos cansamos de preguntarnos que é impide que algúns nenos/as se fagan lectores; ou dito doutro xeito, cal é a clave na formación do hábito lector: a escola, o contorno cultural, a familia… Todos sabemos de casos nos que, aínda fallando algún deses piares fundamentais, os nenos/as engánchanse á lectura; e doutros nos que sendo todos favorables, non se consegue facer lectores.

En calquera caso, non deixamos de insistirlle ás familias na importancia da constancia da lectura en familia, da lectura na casa, do exemplo dos adultos como persoas lectoras. E as familias sempre nos repiten tamén as mesmas preguntas: por que libros empezar, con que temáticas, con imaxe ou sen ela, de texto longo ou curto…

O Centro Internacional do Libro Infantil y Juvenil da FGSR, ten publicado moitas guías dirixidas ás familias e outros mediadores de lectura que dan resposta a esas preguntas e a outras moitas.

Hoxe, queremos destacar dúas:

Lectura y familia”, que vai tratando a lectura hoxe e a súa importancia, o como se fai un lector, cando empezar a ler, algúns consellos para facelo ben, crenzas e incertezas, criterios para seleccionar lecturas, outros soportes, os espazos para a lectura, a biblioteca pública e a escolar, a librería, e 40 recursos para promover a lectura no fogar.

Leer sin saber leer”,  unha guía de recursos para traballar a lectura nas primeiras idades que lle ofrece pautas aos mediadores para o desenvolvemento de accións de fomento de lectura, así como exemplos de actividades que xiran arredor de temas axeitados para traballar a lectura na aula e en familia. Compleméntase con setenta títulos organizados en catro apartados que agrupan libros con rimas, títulos que fan unha chamada de atención sobre a contorna, contos con xogo e sorpresa e materiais informativos que descobren os primeiros conceptos.

Tonucci, o nenólogo

En ActualizArte o 20/02/2012 ás 09:06

Días atrás, Francesco Tonucci estivo en Granada para recoller o premio ao Mérito en Educación. Alí tamén impartiu a conferencia “¿Cómo puede ser la escuela para el mañana?”, que agora puxeron a disposición de todos a través da rede. Ao longo de unha hora, coa clarividencia e sinxeleza que o caracteriza foi debullando uns e outros temas que inciden no que sempre insiste, en que hai que colocar ao neno no centro das políticas, accións e deseños da sociedade de cara á educación da infancia.

Entre outros, tomamos os seguintes apuntamentos:

-Se ben a escola de antes non lle gustaba aos nenos, a escola de agora segue sen gustarlles; a diferenza con respecto ao pasado é que agora tampouco lle gusta ás familias nin aos propios mestres.

-Os pais de hoxe en día máis ca buscar a complementariedade educativa coa escola, convertéronse nos “sindicalistas” dos seus fillos.

-No seo dos claustros ten que darse un debate sobre o que debe facer a escola para ser educativa de seu; como pode ofrecerse a escola como un lugar onde sentir un ambiente fermoso, rico, coidado, con libros, con música, no que quedarse xa significa dalgunha maneira, educarse.

-Non hai métodos de aprendizaxe de lectura, o único método é regalarse lecturas aos nenos/as.

-A escola ten que ser aberta e de escoita, interesada no que o neno pode aportar.

-Os materiais escolares verdadeiros non son os libros de texto, son as ideas dos nenos.

-Na escola teñen que traballarse un grande abanico de linguaxes, porque cando a escola di que o máis importante é ler e escribir, xa se está excluíndo aos que non están dentro deses parámetros.

-Hai que eliminar a división por aulas, e pasar a unha concepción do espazo e do traballo por talleres.

-Na actualidade, os lexisladores, estudan o que precisa o mercado e iso trasládano á escola.

-O desafío actual da escola, da educación, das familias e dos docentes é facer aos nenos felices realizando os seus desexos e desenvolvendo as súas potencialidades.

-Aposta pola escola pública por ser esta a máis diversa; non tendo nada en contra das privadas, entende que son lugares onde se reducen as diversidades.

-Os nenos/as son nenos por tan pouco tempo que non pode deixarse ao chou, á  sorte que teñan un bo mestre. Ter un bo mestre é un dereito de todos os nenos.

-A escola non se cambia con leis. Un bo mestre non pode facer unha mala escola aínda que as leis sexan malas; un mal mestre non pode facer unha boa escola aínda que as leis sexan boas. Polo que, para mellorar a escola, hai que mellorar a formación do profesorado.

Recollémolo neste blog porque cremos que o visionado deste vídeo pode ser un bo punto de partida dun debate que pode darse no claustros, en GT, SP ou PFAC, alonxado de derrotismos e de culpabilizacións ideoloxizadas politicamente.

Que cadaquén reflexione sobre se está sendo un bo mestre que contribúe a facer unha boa escola na que o neno é o centro das decisións educativas que se toman.

Existen os bos mestres?

En ActualizArte o 13/02/2012 ás 18:30

Existen os bos mestres?, como son?, onde están?, estas e outras preguntas son as que se van facendo os autores de “Profesores y profesion docente: entre el ser y el estar, libro recentemente publicado pola editorial Narcea.

As persoas que nalgunha ocasión nos temos cruzado co profesor Miguel Zabalza, ben sabemos que un dos seus empeños profesionais se centra na identificación daquilo que diferenza a un bo mestre dun mal docente, ou a unha educación de calidade dunha mala educación. Emporiso, alegrámonos de que agora recolla nesta obra –xunto con María Zabalza- unha análise dos retos actuais aos que deben enfrontarse os docentes, e da súa tripla vertente: o profesorado como persoas, como profesionais e como traballadores.

Se ao largo de todo o libro se trata de facer ver que esta profesión é un privilexio -somos persoas que ensinamos a persoas-, no último capítulo, desenvolven as responsabilidades e compromisos inherentes á docencia: compromiso con nós mesmos e coa nosa medra persoal, compromiso social, compromiso cos coñecementos, coa cultura profesional, co traballo en equipo e o tacto pedagóxico.

Unha homenaxe aos que nos dedicamos á función educativa, que en palabras do profesor Zabalza, estaremos sempre entre os membros máis influentes da comunidade. Oxalá moitos pensaran coma el.

Nota: reparade na dedicatoria do libro a un monllo de bos Mestres.

Desde aquí pódese acceder a unha vista previa.

Rousseau para todos

En ActualizArte o 20/01/2012 ás 07:59

O primeiro libro que lemos de filosofía da educación foi “El Emilio, o de la educación”, lectura que nos deixou desconcertadas e interesadas pola influenza da educación no individuo.

Onte, con motivo do tricentenario do nacemento do seu autor, presentouse en Xenebra “Rousseau para todos”, o programa de actividades que se desenvolverán ao longo deste ano arredor  da obra de Jean-Jacques Rousseau.

Como de seguro que é un recordo común de todos as persoas que estudamos Maxisterio, recollemos aquí a ligazón á obra en soporte dixital.

Guía para proxectar e construír escolas infantís

En ActualizArte o 18/01/2012 ás 07:50

Cando se fai un novo centro de infantil, os mestres chegamos cando os arquitectos xa se foron. Non hai contacto. Velaquí a razón da perda de funcionalidade e de uso educativo de moitos dos espazos escolares.

Onte mesmo coñecemos, a través de Vicenc Arnaiz a “Guía para proyectar y construir escuelas infantiles”, dirixida por el a iniciativa da Federación de Municipios y Provincias e do Ministerio de Educación, coa intención de que sexa orientativa para todas aquelas persoas e equipos que interveñan no proceso de deseño, construción e equipamento das escolas 0-3.

Comeza cunha fundamentación na que se toma o referente das escolas de Reggio Emilia e os postulados de Loris Malaguzzi sobre a importancia do espazo como variable pedagóxica e do necesario diálogo entre a arquitectura e a pedagoxía. Deseguido vai debullando todas aquelas cuestións a ter en conta, desde a elección do solar, a organización de espazos, o mobiliario e equipamento, as necesidades de material que cumpra os requisitos de seguridade e os sistemas constructivos recomendados. Remata cunha escolma de boas prácticas con excelentes imaxes de trece escolas. Tamén é de salientar a bibliografía que nela se recolle.

Paga a pena a súa lectura, e aseguramos que malia que moitas das nosas escolas xa non teñen remedio, pódense tomar moi boas ideas das fotografías.

Esperamos que a iniciativa teña continuidade no 3-6, ou en construcións para os dous ciclos.

Seguimos dándolle a volta

En ActualizArte o 10/01/2012 ás 15:33

Pulsar sobre a imaxe para ver a entrevista a partir de 9:30´.

Se ben comezábamos o pasado ano traballando no proxecto “Dálle a volta”, foi para nós unha satisfación pechalo recollendo as valoracións positivas que del se fán. Mencións en diversos medios, en Cuadernos de Pedagogía, no suplemento semanal de “La Voz en la Escuela”, ou como esta  última entrevista que nos fixeron en Preescolar na Casa TVG, lévanos a pensar que está sendo de proveito educativo, e iso, finalmente, é o se que procura cando nos poñemos a traballar.

Que biblioteca?

En ActualizArte o 05/12/2011 ás 07:53

Imaxe de Nick Georgiou

Case todos concordamos na importancia da biblioteca escolar (BE) nos centros, agora ben, todos sabemos cara que modelo de biblioteca debemos tender, como a organizamos e que función debe ter?

Veñen de publicarse dous documentos que poden servir para non desaproveitar esforzos, recursos e ilusión, dos que xa se fixo un avance no recente congreso celebrado en Santiago, Bibliotecas Escolares en Tránsito (BET), como se pode ver na documentación ou vídeos do mesmo.

1º “Marco de referencia para las bibliotecas escolares”, no que se recolle:

-Modelo de BE, así como a existencia de seccións de aula (o eterno debate en infantil sobre se biblioteca de aula ou de centro), e a presenza da biblioteca nos documentos organizativos do centro.

-Ámbito de actuación desde a BE, proxectos ou plans de lectura, programas para adquirir a competencia informacional (ALFIN), ou a súa función compensadora de desigualdades.

-Recursos físicos e materiais, ubicación, equipamento e colección.

-Organización e funcionamento, responsable, equipo de apoio, sistemas de organización de fondos, horarios de apertura, orzamento (entre o 5 e o 10% do presuposto total do centro), e servizos básicos.

-Recursos humanos da BE, a implicación do equipo directivo, o equipo de coordinación, a persoa responsable, dedicación horaria, recoñecemento e participación do alumnado e das familias.

-Formación do profesorado; as funcións das unidades de apoio desde a administración; a avaliación da BE e as redes de colaboración.

2º “Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes? Herramienta de autoevaluación. Preguntas e indicadores para mejorar la biblioteca“.

Suscita un proceso de análise a modo de folla de ruta ou guía de como chegar a ese modelo ideal de biblioteca, que paso a paso leva á reflexión. Estrutúrase en catro niveis de análise:

A)     O valor que o centro lle concede á BE, asignación de recursos, participación nos órganos de xestión e coordinación pedagóxica.

B)      Accesibilidade, tanto desde o punto de vista físico como en relación coa xestión escolar (horarios, integración das bibliotecas de aula…).

C)      Visibilidade, accións que se promoven desde a BE en relación coa difusión, comunicación e sinalización.

D)     Apoio ao currículo, análise de necesidades e oferta de servizos, adecuación dos recursos documentais, coordinación pedagóxica, competencias en lectura e escrita, competencia dixital, usos e usuarios, planificación e avaliación, equipo de traballo, comunidade profesional e pontes coa comunidade.

Ollo, este é un documento “perigoso”, puidera ser que a avaliación da biblioteca escolar nos dea como resultado un avance da avaliación do centro.
As dúas iniciativas son unha excelente achega para os centros. Agora ben, se tivéramos que poñerlle unha pega, sería o como se obvia a biblioteca escolar dos centros de infantil (esa que non existe). No primeiro documento di na páxina 14: “Los centros incompletos, de pocas unidades o que imparten educación infantil exclusivamente no pueden renunciar a contar con una biblioteca escolar lo mejor dotada posible y con las funciones que le corresponden, y que se han señalado.” Que eufemismo é ese de que os centros non poden renunciar?  E no segundo, di que esta ferramenta de autoavaliación “se puede aplicar en centros de Primaria, institutos de Secundaria, centros de personas adultas…”. Que pasa, que os centros de infantil, por exemplo nos que traballamos con 13 unidades de infantil (hainos con máis, a diferenza dalgúns de primaria) temos de darnos por mencionados nos puntos suspensivos? Por que non hai unha postura clara cara a BE en infantil? Algún día gustaríanos ter unha resposta a isto.

Convivir coas matemáticas para comprender o mundo

En ActualizArte o 29/11/2011 ás 08:01

Sentimos gran pesar cando soubemos do pasamento de Carlos Gallego Lázaro, o profesor que nos levou a repensar as matemáticas facéndonos caer no sen sentido das absurdas fichas de lóxica-matemática coas que fustrigábamos aos nenos e nenas de infantil.

Carlos Gallego fíxonos ver que “as experiencias matemáticas son adecuadas cando converten os procesos de aprender en procesos sociais de elaboración, de descubrimento ou de invención sobre situacións reais que estean reguladas por continuas avaliacións do progreso.”

Recordounos o que era importante que aprendera o alumnado:

-Que aprendera o papel que xogan as relacións entre os números e entre as operacións para comprender o mundo real.

-Que empreguen nos procesos de resolución de problemas argumentos matemáticos ben fundamentados alxebricamente.

-Que calculen fluidamente e con sentido da situación que están calculando e dos números que están usando.

-Que observen como actores matemáticos que calculan como persoas creativas; é dicir que fan as cousas respondendo a un propósito, imaxinando plans  elaborados por eles mesmos, falando con outras persoas para avalialos e xeneralizalos, e sendo razoablemente hábiles realizando esta acción.

Xa non poderemos volver a ver a Carlos Gallego nas actividades de formación, pero a súa pegada quedará en moitas escolas, en moitos profesionais do ensino e en moitos nenos e nenas que grazas a el, comprenden o mundo convivindo coas matemáticas

Desde aquí pódese ver parte da súa publicación “Repensar el aprendizaje de las matemáticas. Matemáticas para convivir… comprendiendo el mundo”

Día das Librerías

En ActualizArte o 25/11/2011 ás 07:36

Cando visito unha vila, unha das primeiras cousas nas que reparo é nas librerías; se a hai e no tipo de librería que é, xa que para min é un indicador da calidade de vida desa localidade. Se é das que me gustan, paro devagar no seu escaparate, e se me seduce, entro. Non todas me atraen; hai unhas polas que teño especial debilidade: as que invitan a entrar, aquelas que cando vas a elas dis “Paso pola librería” coma quen acorda pasar pola casa dun amigo; non é o mesmo que dicir “Vou á librería a mercar un libro”. Desas hai poucas; teñen un aquel especial que non sería quen de definir pero que se detecta en canto chegas á porta. Detrás sempre hai un proxecto e unha aposta persoal de alguén que ama os libros, a lectura e cre firmemente na capacidade da cultura como motor de cambio social. Na miña vila hai unha desas, leva poucos anos pero agora xa non sabería que facer se me faltara.

Estes días estiven a ler os Textos do VII Simposio “O libro e a lectura” que anualmente convoca a AGE; entre os relatorios que se presentaron, emocionoume especialmente o de Pep Durán que falou do fomento da lectura desde a librería Robafaves en Mataró, unha cooperativa de traballo que se creou en 1975 da man de cinco mozos libreiros cun proxecto vocacional e cunha filosofía na difusión dos libros consistente en contribuír ao crecemento da cultura e do coñecemento desde unha posición crítica e independente, a partir do comercio de libros, con respecto ao medio ambiente.
Os integrantes de Robafaves afirman que a motivación á lectura debe atender aos tres centros enerxéticos: cabeza, corazón e tripas. E que a decisión de ler se sustenta na memoria sensitiva do corpo, xa que a decisión de ler, para cada persoa, se afianza na memoria de sensacións pracenteiras que ten experimentado o seu corpo, e que ten a promesa de recuperar, ao descifrar o son e significado das palabras lidas en cada texto.
Deixo aquí a ligazón a dúas ponencias presentadas en distintos eventos nas que se poden ler algunhas das accións de fomento da lectura que desenvolven desde Robafaves , así como a historia de “A noite na que as letras se liberaron”, ou de como converteron unha catástrofe nunha oportunidade, cando se lles anegou a librería por culpa dunha avaría nun desaugue.(I e II)
Sendo hoxe a primeira vez que se celebra o Día das Librerías queremos agradecer a labor que fan –coma o río da imaxe de Rune Guneriussen- regando con libros as vilas e pobos, apagando a sede de saber e dando vida.

O álbum ilustrado en infantil

En ActualizArte o 20/11/2011 ás 21:01

A miña participación nas I Xornadas de Literatura e Ensino, non sendo unha especialista en literatura infantil, nin autora, nin ilustradora, foi en calidade de usuaria habitual de libros infantís, a dicir dos coñecidos, con boa man para seleccionar aqueles máis achegados aos gustos dos nenos e nenas.

Intervín, trala entusiasta posta en escena da “amante dos albumes” Gracia Santorum, que tratou de amosarlle aos asistentes que o álbum non é só para o público infantil, senón que, superados os prexuízos iniciais dos adolescentes –que polo seu formato, asocian álbum aos contos da infancia da que foxen-, poden dar moito xogo nas aulas de secundaria. Para convencer aos receosos, fixo un despregue da súa colección de álbums –seica atesoura preto de mil exemplares que en breve expoñerá no centro de ensino no que traballa, do que dará boa conta no blog referencial do que é coautora, Trafegando Ronseis. A lectura de “Caixa de cartón” convenceu ata aos máis escépticos. Magnífica. Eses son os camiños do entusiasmo.

A miña exposición xirou arredor da selección de libros para as aulas de infantil. Sendo coñecedora do cambio que se ten producido neste campo nos últimos vinte anos, e do papel preponderante das editoriais galegas no eido internacional, destacando pola calidade dos seus produtos, cuestiono a etiqueta álbum como distintivo superior diferenciador de outros como poden ser o libro ilustrado ou o libro de imaxes. Ao meu entender, os límites son tan difusos que se me axusto aos criterios definitorios de álbum que apuntan os expertos, quedarían fóra a meirande parte dos albumes canónicos que, por outra banda, eles mesmos apuntan. Considero o álbum froito lóxico da evolución que se ten producido na intención de chegar máis e mellor aos gustos dos rapaces de hoxe en día, atendendo a que a súa bagaxe está absolutamente determinada polo audiovisual e polas mensaxes publicitarias; e ao igual que aconteceu coas series de animación traspasou as fronteiras infantís e na actualidade publícanse albumes que polas súas temáticas, pola complexidade do texto ou das imaxes apelan a experiencia e intelixencia dunha persoa adulta para ser quen de entendelos.

Por outra banda, considerando que no álbum se harmonizan  a linguaxe escrita e a linguaxe artística, a radicalización do peso da ilustración en detrimento do texto conduce á consecución doutro obxectivo, tamén importante, pero non literario, senón plástico. Razón, ao meu entender polo que os expertos non acordan enmarcar o álbum como novo xénero literario senón que o denominan “novo produto editorial”.

En calquera caso, para unha persoa que vai mercar un libro para os seus fillos ou alumnado isto é irrelevante. Ninguén vai mercar un formato, o que se vai buscando nalgúns casos é unha boa historia e noutros un bonito libro. O álbum non é unha fin en si mesma, é un medio máis. Polo que tentei de apuntar algunhas claves para seleccionar eses libros que logren engaiolar aos máis pequenos. Máis alá dos discursos expertos, moitos deses, ben ou mal chamados, albumes cumpren co obxectivo tanto polo seu formato (tamaño, características de páxinas, tapas, contratapas…); como polo texto (abundante, escaso, ausente, en prosa, en verso); como polas ilustracións (sempre e cando non sexan un mero alarde artístico, ou tan conceptuais que se escapan do entender dos nenos e nenas); como polas temáticas que abordan, aquí fixen unha advertencia sobre unha tendencia que aflorou nos últimos anos asociada ao álbum, que ao meu entender vai en contra do espírito da infancia, a aparición do que denomino unha recreación no feismo da vida: a morte, a violencia, a soidade, a tristeza, o maltrato, a guerra, inxustiza social…, un lavado da conciencia adulta, que non sabendo que facer, baleira as súas frustracións sobre os nenos e nenas crendo que deste xeito aprenderán a evitalas ou a convivir con elas. É opinable, pero case ningún pai/nai lle merca un libro aos seus fillos sobre eses temas por moi poéticos e líricos que sexan; facémolo os docentes e inclúense nas listas de honra dos libros senlleiros.

A segunda advertencia canto a temáticas foi referida a outra tendencia, tamén perniciosa, o que denomino “os contos curriculares”. Autores e editores sabedores que a escola é unha das súas mellores proxeccións, fabrican artefactos didácticos disfrazados tras unha personaxe ou tras unha orixinal ilustración, cunha corrección curricular e cun didactismo explícito que arrepía á literatura infantil, de seu irreverente, escatolóxica, divertida, surrealista e mesmo absurda. Non é que descarte o aproveitamento didáctico que se pode facer dunha obra de literatura infantil, todo o contrario, pero iso é algo a posteriori, si o motivo polo que se elixe é polo pracer de ler, pola potencialidade de facer soñar aos nenos e nenas.

Apunto así mesmo a posibilidade de publicar algúns deses produtos tan artísticos noutros soportes que mellor permitan apreciar a riqueza das ilustracións pero tamén falo do risco de que nese traspaso se perdan acenos do acto de ler libros en pos da primacía da imaxe.

Finalmente apunto o rol decisivo do mediador/a entre o libro e o individuo sen competencia lectora, tanto directo (docente, pai/nai, animador) coma dos “recomendadores de lectura” indirectos (blogs, webs, revistas, listaxes…), apelando neste caso a unha ética responsable do seu papel, non deixándose guiar polas novidades, polas estratexias comerciais, polo prestixio dos autores, ou pola traxectoria da editora. Un libro para recomendar, en primeiro lugar, e en conxunto, ten que engaiolar ao mediador, logo ten que probalo co público representativo do rango ao que vai dirixido. Só, e tan só despois, probado que engaiola tamén aos nenos e nenas neste caso, pode recomendalo. Decátense de que non só se trata dunha cuestión económica, é algo moito máis grave, que afecta á consideración que os nenos e nenas terán dos libros, da lectura e da literatura.

Trala presentación desas, para min, características da calidade dun libro, poño en cuestión que os adultos acertemos cos gustos dos nenos/as a tenor dunha experiencia recente na miña aula, cando lle solicitei aos rapaces que trouxeran das súas casas aqueles libros dos que máis gustaban, aqueles que lles pedían aos seus pais que llelos leran unha e outra vez. Á vista dos máis de cincuenta libros non me atrevo a tirar conclusións. Non concordan nin co que din os expertos nin cos que eu lle amosei ao longo de tres anos. Son da máis diversa procedencia e algúns de ínfima calidade literaria, plástica ou editorial. Con todo non me importa, son eses, son os que os teñen enganchados coa lectura, son os que lles fixeron descubrir o libro como unha fonte de pracer. Son os que ao longo destes días poñeremos en valor diante do grupo, porque é o que lle gusta a cada un dos nenos e nenas da clase.

Ao igual que na alimentación, ler, coñecer outros mundos reais ou ficticios, abrir o maxín, desenvolver a creatividade, gozar co coñecemento…, son coma os nutrientes vitais que se poden presentar de moi diversas formas: crus, en cociña tradicional, en cociña light, mediterránea, atlántica, cociña experimental ou cociña de autor. Unhas formas son máis saudables ca outras, unhas prestan mellor, pero trala inxesta, o que importa é cando entran en vena e lle son de proveito para o organismo. E para responderlle aos gourmets que consideran que só paga a pena levar á boca pratos coas 3 estrelas Michelín, dixen que sei que aos meus alumnos/as ata que poidan apreciar no seu padal as delicatessen de Ferran Adrià,  aínda lle quedan por comer moitos ferrados de sal en ovos fritos –que é o que máis lle gusta-, pero comer comen, alimentar aliméntanse. Ler len. E iso é o que me importa.

Nota: para quen pense o contrario son unha fervente admiradora dos bos albumes.

Ver vídeo da presentación.

Os tarros das palabras

En ActualizArte,ContArte o 04/11/2011 ás 16:52

Hainas de moitos tipos: saltonas, tenras, verdes estranxeiras, moi gordas e vermellas da ira, e algunhas tan longas que é imposible pronuncialas… (…) O ladrón de palabras, entón, clasifícaas e méteas en tarros de cristal.
Logo proba algunhas receitas: 2 palabras doces, 3 molladas, 1 picante e 2 cálidas. Mestúrao ben e lánzao todo ao ar. E así, o azar trenza alfombras de loanzas, tece bufandas de inxurias e calceta calcetíns de explicacións complicadas.
O ladrón de palabras”, unha das últimas publicacións de Edelvives, un fermosísimo álbum de Nathalie Minne, que nos conta, nunha perfecta comuñón entre o texto e as imaxes, a historia dun neno que sae pola noite con todo o seu equipo cara a cidade, alí, rastrexando voces e luces, sen que ninguén o vexa, gabea polos tellados e comeza a súa colleita de palabras.
Tras lelo e deleitarnos coas imaxes (un día falaremos de como ler os álbums ilustrados), non puidemos resistirnos a facer coma o ladrón de palabras. Recollemos e metemos en tarros de cristal os ingredientes de moitos xogos.
Comezamos inspirándonos nas palabras clasificadas polo pequeno ladrón: palabras negras (toro, carbón, noite), palabras despreocupadas (sola, feliz, tranquila), palabras simples (vida, gato, bico, amar), nunha palabra (stop, pum, clac), palabras de viaxe (ir, lugar, aquí), palabras doces (querer, amar), palabras de soños (unicornio, ilusión, príncipe), palabras feas (mugre, morte, insecto), palabras bonitas (claxon, globo, lúa, mimo), palabras baleiras (cero, solo, nada de nada), palabras raras (trisomía, lechuza), palabra a palabra (paso a paso, pouco a pouco), palabras hilarantes, palabras frías, grandes palabras, palabras moi fermosas, palabras difíciles, palabrotas, palabras confusas, palabras solitarias…
Agora pedímoslle a cada neno/a que nos traia un tarro coas palabras da súa casa.
Velaquí o comezo da nosa clasificación que nos dará xogo para moito, moito tempo. Palabras amorosas, palabras mareiras, palabras longas, palabras curtas, palabras dos contos, palabras xoguetonas…
Unha amiga fíxonos notar que vender e regalar palabras tamén era o que facía Belisa Crepusculario vendedora de palabras no conto Dos palabras que integra a obra “Cuentos de Eva Luna” de Isabel Allende. Belisa un día descubriu que as palabras andaban soltas sen dono e que calquera cun pouco de maña podería apoderarse delas para comerciar, polo que lle pagou vinte pesos a un cura para que lle ensinara a ler e escribir, e cos tres que lle sobraron mercou un dicionario, que logo de revisalo a A á Z, tirou ao mar para non estafar aos seus clientes con palabras envasadas.
O poder das palabras.

O xogo dramático en infantil

En ActualizArte o 03/11/2011 ás 07:57

Cadaquén sabe das fortalezas e das debilidades na súa praxe. No noso caso, hai unha parcela que temos un pouco esquecida: o xogo dramático. Non porque non sexamos conscientes da súa importancia no desenvolvemento infantil, senón máis ben, porque sempre queda relegada en aras doutras actividades.

Non hai nada máis satisfactorio ca ver aos cativos engaiolados, totalmente metidos na dramatización, ben como actores ou ben como espectadores, porén, neste curso trataremos de facer fincapé nestas actividades. Baixo o paraugas teatro infantil acollemos todo o que se refire a teatro con nenos: xogo dramático e simbólico e expresión corporal. Noutras ocasións xa nos dedicaremos ao teatro para nenos/as.

Para lembrarnos da importancia do xogo dramático en infantil recorremos aos traballos de Isabel Tejerina, unha “autoridade” no tema, e da que salientamos algúns artigos:

- “El teatro como juego en la educación

-“Animación a la lectura con textos teatrales

Deseguido, publicacións dispoñibles na rede sobre o teatro, a dramatización, o xogo dramático, a expresión corporal e o xogo simbólico.

-“Teatro infantil y dramatización escolar”, coordinado por Pedro C. Cerrillo e Jaime García Padrino en SPUCM, 1997.

- “Juegos y cuentos tradicionais para hacer teatro con niños”, de Berenice Prado en Editorial Pax México, 2005.

-“100 juegos de teatro en la educación infantil”, de Teresa Blanch, Antonio Moras y Ana Gasol en Ceac, Barcelona, 2003.

- “Dramatización infantil. Expresarse a través del teatro”, de Noëlle Renault, Bernard Renault e Corine Vialaret en Narcea, 2000.

-“Juegos teatrales para animar a leer: técnicas y recursos para el aula”, de Ernesto Rodríguez Abad en Los libros de la catarata, Madrid, 2008.

Cómpre engadir que, sendo como é unha disciplina artística que axuda a desenvolver aspectos do ser humano que non abranguen outras materias, nos últimos anos, poida que non se lle dedicara a suficiente importancia no deseño das actividades de formación para o profesorado de infantil; algún que outro obradoiro, algunha que outra charla, pero non é dabondo.

O álbum na literatura infantil e xuvenil

En ActualizArte,ContArte o 27/10/2011 ás 06:57

Onte, ao recibir o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, por “A viaxe de Olaf”, na intervención de agradecemento o seu autor, Martín León Barreto, escusou a brevidade desta, debido a que é un home ao que lle resulta máis doado expresarse con imaxes que con palabras. Dixo que se a obra se traducise en porcentaxes, un 95% sería imaxe e tan só un 5% texto.

Velaquí unha das características que diferenza o álbum doutro tipo de publicacións como poden ser os contos ilustrados.

“Grandes ilustracións, texto escaso e situacións que propician a intertextualidade, o que non deixa indiferente ao pequeno lector; así a todo, provócao de tal modo que sente a necesidade de avanzar na lectura para a comprensión do insinuado nas páxinas anteriores. Así pois, a narración visual é o motor e a imaxinación do neno/a pon o resto.”

Así se define en “O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010)”, unha obra de recente publicación en Xerais, coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez. Iníciase con dous artigos teóricos nos que se trata de perfilar o que é o álbum ilustrado e as súas diferenzas con respecto a outro tipo de publicacións ilustradas, así como unha interesante análise da influenza das correntes artísticas do século XX nalgún destes traballos. Segue con unha selección de doce obras “canónicas”,-inesquecibles-, que constitúen un referente nesta modalidade de libro infantil; unha escolma de setenta e catro álbums para a educación literaria do marco ibérico e iberoamericano; e remata con comentarios para a formación lectora.

Un gran traballo que facilitaría a súa lectura se estivesen traducidos ao galego os artigos, recensións e citas en portugués, catalán, éuscaro ou inglés.

O xogo simbólico

En ActualizArte o 07/10/2011 ás 06:51

É bastante habitual que cando se fala do xogo simbólico en educación infantil tan só se asocie a ese recanto presente en moitas aulas, onde os nenos/as xogan ás casiñas ou ao supermercado, a médicos, a perruqueiras, etc. O xogo simbólico é moito máis ca iso. E isto é o que tratan de amosarnos Ángeles Ruíz de Velasco e Javier Abad en “El juego simbólico”, convencidos de que a súa presenza nas aulas non está suficientemente considerada, xa que priman outro tipo de propostas e o xogo acábase relegando, restándolle espazos axeitados, tempos necesarios, materiais diversos, etc.

O xogo non debería considerarse como algo que poder realizarse no recreo ou na clase se resta tempo despois dun traballo importante, senón unha forma de aprender e practicar, a realidade da vida, nin debería desvirtuarse querendo dirixilo, actuando como animadores ou incluso como participantes que non foron invitados.

O xogo simbólico é unha experiencia vital da infancia que posibilita transformar, crear outros mundos, vivir outras vidas, xogar a ser outros e así aprender a pensar coma os outros, a sentir como os outros e, en definitiva, a saber se existen formas de pensar e sentir diferentes á propia. Este libro pretende animar a descubrir (ou redescubrir) o universo dos xogos simbólicos, os seus significados, o seu sentido, os seus beneficios e posibilidades. A escola é un lugar onde tamén se aprende a vivir, e o xogo simbólico é un “espazo de ensaio” para a aprendizaxe da vida.

Lectura moi recomendable tanto pola súa fundamentación teórica como polas propostas de traballo que apunta ilustradas con suxestivas fotografías de intervencións realizadas polos autores en centros educativos.

A nova fronteira educativa

En ActualizArte o 22/09/2011 ás 16:39

Nun tempo no que proliferan os enganosos programas, materiais, xoguetes e vídeos de estimulación da intelixencia dos máis pequenos, José Antonio Marina segue coa súa teima persoal: aplicar os recentes descubrimentos no campo da neurociencia, e aplicalos á educación, explorando un continente descoñecido e máxico como é o sistema nervioso, en especial o cerebro infantil, o que el considera a grande oportunidade do futuro dos máis pequenos.

Vén de publicar “El cerebro infantil: la gran oportunidad”, dirixido a familias e docentes que padecen “anguria educativa”, coa pretensión de que estes libros –xunto con “La educación del talento”, dentro da mesma colección- funcionen como manuais de autoaxuda, que lles permitan sentirse mellor e ampliar a capacidade de afrontar as dificultades.

Estruturado en tres partes: unha primeira teórica, na segunda establece contacto cos mellores expertos, e na terceira dialoga con persoas interesadas no asunto tratado. Desde aquí pódese acceder a partes de cada un dos oito capítulos.

Así mesmo, nesta web pódense atopar vídeos que responden a algunhas das preguntas que lle fan os participantes na Universidad de Padres.

Escoitar, ver ou ler a Marina sempre é unha ocasión para aprender grazas ao seu empeño na divulgación destes temas que outros reducen ao eido dos especialistas.

O Proxecto Educativo das escolas infantís

En ActualizArte o 07/09/2011 ás 16:01

Spiral Spirale spirali

Escríbennos unhas compañeiras para comentarnos que queren elaborar de novo o proxecto educativo. Esta é unha situación na que se encontran moitas escolas infantís. No seu momento víronse apurados por facelo, tomáronse como exemplo os de outros contextos, adaptáronse e sufriron maquillaxes varias, pero a día de hoxe parece que non se corresponden co discurso propio desa escola, non reflicten o sentir do centro canto á función que cumpre, nin hai concordancia entre este documento de cabeceira e outros programáticos.

Non nos vamos a estender aquí explicando en que consiste –ver artigo 121 da LOE-, no como debe ser elaborado ou no que debe conter, tan só vamos a recoller recomendacións de lectura actuais que esperamos sexan de axuda. O momento máis prolífico canto a publicacións relacionadas cos proxectos de centro foi fai máis de quince anos e logo non houbo grandes novidades malia os cambios lexislativos, curriculares, sociais e de concepción das institucións escolares que tiveron lugar.

El proyecto educativo de centro”, de  Serafín Antúnez en Graó, un bestseller, aínda que foi publicado en 1987, hai unha 12ª reedición do 2007 revisada e actualizada.

El proyecto educativo de la institución escolar”, de Graó que vai pola 5ª reimpresión, coordinado por J. Álvarez, no que participan J.M. Escudero, J. Gairín e Serafín Antúnez entre outros. En distintos bloques vai abordando a función e sentido do proxecto, a súa composición e relatos do proceso de elaboración en distintos centros. Desde aquí pódese acceder a algún dos seus capítulos.

Un proyecto educativo por hacer: un proyecto educativo diseñado”, é unha das publicacións máis recentes, froito do traballo dos membros da Asociación Pedagógica Francesco Tonucci.

Algunhas administracións educativas autonómicas co cambio de consideración educativa das escolas 0-3 derivadas da LOE, publicaron guías para axudar na elaboración dos seus proxectos de centro e propostas educativas. No momento de creación das escolas infantís 0-3, no web podíase descargar un modelo de proxecto educativo e de proposta educativa, a día de hoxe non o atopamos. Salvando as diferenzas canto a persoal, organización ou espazos, poden ser orientativas.

El proyecto educativo y la propuesta pedagógica en centros de primer ciclo de educación infantil”, de Navarra, que analiza todos os apartados que deben figurar neste documento.

Orientaciones para la elaboración de la propuesta pedagógica en educación infantil”, do goberno de Canarias no 2010; un folleto que contempla a elaboración do proxecto tanto para o primeiro como para o segundo ciclo.

Se en algo insisten todas estas publicacións é que o proxecto educativo ten que ser un documento vivo, áxil, útil e que debe ser alixeirado de literatura pedagóxica superflua. É un documento de referencia para ser consultado continuamente, non para entregar unha copia na inspección e gardar outra nun caixón que nunca se abre.

Os pendentes da mestra

En ActualizArte o 07/09/2011 ás 16:00

Hai pouco coñecemos a última publicación de Mª Carmen Díez Navarro, a recoñecida autora de “El piso de de abajo de la escuela”, “La oreja verde”, ou “Mi escuela sabe a naranja”.

Publicado por Graó, “Los pendientes de la maestra” recolle unha selección de textos que Carmen Díez foi publicando ao longo da súa carreira profesional en distintos medios. Os artigos están agrupados en catro bloques: “Niños de hoy”, “Escuelas de hoy”, “Escuelas de hoy” e “Sociedad de hoy”, a través de todos eles baleira anacos da súa realidade cotiá, preocupacións pola crianza dos cativos, reflexións, tenruras e mesmo chiscadelas.

É un deses libros para ter enriba da mesa de traballo e en momentos de dúbidas, de descubrimentos, de contrariedades, de xenreira, de satisfacción…, ler para contrastar opinións, coma quen conversa cunha amiga.

Recomendamos: “Cuidado con las nuevas nodrizas”, “¿Calificaciones o descalificaciones?”, “El patio está enladrillado ¿quién lo desenladrillará?” ou “Me aburro” de entre os 44 que conforman o libro.

A palabra exacta

En ActualizArte o 19/06/2011 ás 19:50

Pasada a sobresaturación das Letras Galegas quixemos ler a biografía de Lois Pereiro que nos regalou unha amiga.

“A palabra exacta”, é un magnífico achegamento do tamén morfortino, Antón Lopo, ao poeta, desde a mirada de quen o quixo, de quen o respectou e de quen o comprendeu antes de ser obxecto de todo tipo de homenaxes –que el mesmo e mailos seus achegados rexeitarían.

A través das conversas mantidas coa súa nai, irmáns, parella, amigos e compañeiros Antón Lopo configura unha biografía novelada que se le deseguido, e remata cunha entrevista non realizada ao propio Lois que non defrauda; Antón Lopo métese de tal xeito na pel de Lois Pereiro que atina coas mesmas palabras exactas coas que este respondería.

Para facer de boca, unha resposta desa entrevista ficticia: “A miña elección do galego foi estética: non a podo concibir baseada nun compromiso ideolóxico, que resulta evidente pola súa situación non normalizada: Escribir en galego é en por si, un compromiso. Eu formaba parte dunha cultura con lingua propia para expresarse e non dramaticei coa marxinación desa cultura e desa lingua. Non me correspondía: eu intentaba crear. A nosa lingua tiña que ser reconstruída e nunca fun alleo ao mundo no que vivía.”

Non cambiou a nosa opinión canto ás actividades que se están desenvolvendo nos centros de infantil para conmemorar as nosas letras –tampouco era esa a pretensión-, pero aportounos unha visión alonxada dos tópicos que circularon semanas atrás sobre o autor.

Cómpre reservarlle un tempo devagar no verán pois esta lectura axudaranos a coñecer o contexto social e cultural no que agromaron moitos dos que hoxe son persoeiros senlleiros da nosa cultura.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 342 segidores