Seguimos explorando as posibilidades do corpo como produtor de sons máis alá da voz.
Nun ambiente axeitado de silencio e relaxación, o alumnado escoita os sons do primeiro vídeo, sen ver a imaxe. Identifican que se trata do son da choiva e de tronada.
Deseguido, facemos o mesmo co segundo, sen imaxe. Pensan que se trata do mesmo ata que posteriormente se proxecta. Daquela descobren que son sons producidos co corpo, que ben sincronizados semellan choiva e tronos.
Tratamos de facer algo semellante; e como a nosa lingua é tan rica en palabras para nomear a choiva, tentaremos reproducir orballos, arroiadas, chuvieiras, trebóns, pedrazos, sarabiadas ou escampadas.
